630 Holandillas de Mondoñedo

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVer
  • Provincia: Lugo
  • Concello: Mondoñedo
  • Parroquia: Santiago de Afora
  • Lugar: San Lázaro
  • Paraxe: Pazo de Caión
  • Dirección: Rúa de San Lázaro
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 43.4390028797321
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -7.357025625343323
  • Coordeadas UTM: Datum ETRS89: H 29 // X 632.954,28 m / Y 4.810.881,50 m
  • Clasificación: Industria téxtil
  • CNAE: 13.10 Preparación e fiado de fibras téxtiles. 13.20 Fabricación de tecidos téxtiles.
  • Tipoloxía: Fábrica de fiados e tecidos de liño
  • Comarca: A Mariña Central
  • Marco Xeográfico: Val de Lourenzá, entre a Serra da Toxiza, ao poñente, e a Serra de Lourenzá, ao levante. A fábrica situárase no Camiño Real ao s
  • Ámbito: Rural (hoxe, periferia urbana)
  • Acceso: Sairemos da vila de Mondoñedo pola estrada nacional N-634a, cara a Ribadeo, para seguirmos a uns seiscentos metros pola LU-160 cara a Ferreira do Valadouro. A pouco máis de catrocentos metros do cruce, xiramos á dereita para enfiar a rúa San Lázaro e alí, na man dereita, atoparemos o chamado Pazo de Caión, que acollera a fábrica de tecidos.

Tipo de propiedade:

Privada

Visitable:

Exteriormente

Xestión de visitas:

Non procede

Historia:

Aínda que no centro e o norte da Europa non fallan achados que proban a existencia no neolítico de tecidos de liño e de la (o tecido europeo de lá máis antigo que se coñece descubriuse nun lamazal danés e datárase contra o 1500 a.C.), e mesmo o emprego de certos aparellos para elaboralos, en Galicia temos que esperarmos até a cultura castrexa para contar con testemuñas directas da primitiva industria do tecido.

Antes da invención das cizallas –probabelmente na Idade de Ferro– a lá arrincábase a man ou con peites de cobre. No tempo dos romanos, a la, o liño, e o coiro vestían á poboación europea; o algodón da India era unha curiosidade da que só os naturalistas oíran falar; e a seda, importada dende China pola Ruta da Seda, era un luxo extravagante.

Cinco foron as fibras téxtiles fundamentalmente empregadas dende a Idade Media en España para a elaboración de tecidos, redes e cordas: dúas de orixe animal, a la e a seda, e tres de orixe vexetal, o cáñamo, o liño e o algodón. A la e o liño, abondosas no norte da península, serían as preferidas para a confección de vestimenta. O algodón quedou practicamente restrinxido á súa zona de cultivo, o val do Guadalquivir, de Xaén a Cádiz, empregándose para vestidos. A seda, ligada a poboacións de orixe musulmán, dende Aragón ata Granada e Málaga, pasando por todo Levante, só foi utilizada en roupas suntuarias. E o cáñamo, ou cánabo, cultivado en na metade meridional peninsular, A Mancha, Murcia e Andalucía, empregábase para a confección de tecidos bastos e resistentes, cordas e enxarcia para as embarcacións.

Despois da romanización, son case que inexistentes as referencias aos tecidos en Galicia, aínda que cabe supor que continuarían coa técnica romana. Xa na Idade Media galega, atópanse referencias documentais (vendas, testamentos) aos tecidos, nomeadamente de liño, deixando mesmo pegadas nalgunhas tampas sepulcrais de Noia e Compostela (Santa Susana).

Malia que a elaboración de tecidos de lá tivera algunha importancia en todo o nordés da provincia de Pontevedra (nomeadamente, Cotobade, Tabeirós e Montes), e que en Monforte se traballara a seda, dun xeito que arrela foi o liño a principal fibra obxecto de transformación téxtil. Porén, e a maiores das actividades do rural que servían para completar a subsistencia das familias campesiñas, sábese de algunha experiencia coa la propiamente industrial, como fora a fábrica de panas dos irmáns Lees en Pontevedra (vid. ficha 232).

Pódese dicir que dende principios do século XVIII o liño é o motor económico principal na vida rural dunha Galicia súper poboada, cunha difusa e parcelada poboación campesiña que atopa nas feiras locais a consolidación da transacción polo miúdo de fibras, fíos e tecidos.

Xa no tránsito do século XVIII ó XIX son famosos os lenzos de Viveiro e de Mondoñedo, de Padrón e de Caldas, e os centros de recolleita e comercialización de liño de Verín, A Fonsagrada e Ordes, mais as liñeiras de Galicia non son bastantes para o abastecemento dos seus teares, e vai medrando a entrada de expedicións das veigas leonesas e zamoranas, e mesmo de Rusia, os países do Báltico e Holanda, chegando a supor o oitenta por cento dos lotes manexados nos teares galegos.

Os primeiros intentos modernizadores do sector liñeiro adquirirían os lenzos producidos pola industria popular para o seu branqueado ou tinguido en instalacións centralizadas, con procedementos químicos fora do alcance das familias campesiñas, o que ademais permitiría manufacturar produtos homoxéneos dunha meirande calidade. Cabe citar a fábrica de “holandillas” de Mondoñedo (1738, vid. ficha 630), a de lenzos “a imitación de los de Westfalia” de Joaquín Cester en Ribadeo (1774, vid. ficha 640), e a coruñesa de Monte Alto (1796, vid. ficha).

As iniciativas no ámbito do algodón terían a priori máis posibilidades de éxito, pois na segunda metade do século XVIII este sector contaba xa con adiantos técnicos bastantes para acadar un grado de mecanización importante. A pexa foi que contra 1770 no existía en Galicia ningunha tradición de manufactura do algodón. Intentaríase sacar adiante fábricas de acabados e estampado de tecido de algodón importado, como as de Jerónimo de Hijosa (1770, en A Coruña), Josef Iglesias (Palavea, 1772) ou Miguel de Lagoanère (Cecebre, 1773), e, xa no cambio de século, os intentos de fábricas integradas de tecidos de algodón dos irmáns Lees (Pontevedra, 1798, vid. ficha 232) e da viúva de Vieytes (Santiago, 1805).

A comezos do século XIX, a perda dos mercados coloniais, a competencia do contrabando británico de tecidos de la e de algodón, a importación de fiados de liño e a consolidación do téxtil catalán coa competencia crecente do algodón, vai acelerar a decadencia de todo o téxtil galego, xa fose de liño, de lá ou mesmo de algodón.

Por outra banda, a repatriación de capitais americanos e os fortes ingresos xerados pola exportación de gran favorecería en Galicia algúns investimentos produtivos que buscaban aproveitarse do devandito arancel para implantar modernas industrias de tecidos de liño.

Tres foran os estabelecementos que se puxeran daquela en marcha en Galicia para a fabricación de tecidos de liño: en 1845 a fábrica do Seixo (vid. ficha 154); en 1847 a fábrica do Roxal (que comezara en 1843 co algodón, vid. ficha 098); e en 1850 a fábrica de Chavín (vid. ficha 376).

Desestimados os intentos de mecanización do traballo do liño, as novas iniciativas téxtiles que xorden en Galicia a comezos da década de 1870 van quedar restrinxidas o ramo do algodón, favorecidas pola avanzada liquidación das industrias rurais, o que lles supón unha menor competencia na conquista dunha pequena parcela do mercado rexional. Foron estas industrias “La Primera Coruñesa” (1873, vid. ficha 492), “Barcón y Cía.” (1873, vid. ficha 452), e “La Arzuana” (1890, vid. ficha 201), pero esta é xa outra historia…

Descrición Xeral do Entorno:

A fábrica situárase no Camiño Real ao seu paso polo barrio de San Lázaro, a un quilómetro do centro da vila de Mondoñedo, na cabeceira do val de Lourenzá, entre a Serra da Toxiza, ao poñente, e a Serra de Lourenzá, ao levante.

Construcción:

1739.

Abandono:

Consonte noticia de Larruga (1800), a fábrica debeu pechar cara ao decenio de 1790.

Descrición:

O 5 de febreiro de 1739 don Luís López de Lombardía Rodríguez, natural de San Martiño de Vilaouruz (hoxe, termo municipal de A Pontenova), que marchara de mozo a América, regresaba coa súa esposa, dona Manuela de Mora Cárdenas, natural de San Francisco de Quito (Perú), e adquiría do Hospital de San Lázaro de Mondoñedo, a título de foro, unha peza de dezaseis ferrados de sementar (unha fanega).

Mirando ao Camiño Real, o indiano mandaría edificar unha casa vivenda na que establecería unha fábrica de “holandillas”, ao que fora autorizado por Real Cédula do 28 de setembro de 1738. O promotor, residente en Madrid, non chegaría a ver a fábrica funcionando, pois morrería o 15 de decembro de 1741, habendo nomeado a súa dona titora e curadora dos seus catro fillos.

A fábrica suporía un primeiro intentos modernizador do sector liñeiro galego. O propietario adquiriría os lenzos producidos pola industria popular para proceder ao seu branqueado ou tinguido nas súas instalacións, nas que podía dispoñer de maquinaria e procedementos químicos que quedaban totalmente fora do alcance das familias campesiñas. A centralización do proceso e o control final do proceso, permitía ao responsable da fábrica manufacturar produtos homoxéneos dunha calidade notablemente superior á dos xéneros ata entón habituais nos mercados.

A viúva casaría no mes de maio de 1745 con don Santiago de Olano Villanueva, “tesorero de Bulas, de espolios y vacantes, administrador de la venta de tabacos, pólvora, plomos y sus agregados”. En 1748 figura Olano como propietario, concedéndoselle en 1761 unha prórroga dos beneficios reais outorgados dez anos antes, e o establecemento fabril aínda gozaría dun período adicional de gracia concedido no ano 1773.

O matrimonio Olano Villanueva - Mora Cárdenas vendería o 14 de abril de 1792 as súas posesións do barrio de San Lázaro a don Francisco Cuadrillero Mota, entón bispo de Mondoñedo. Seguramente nesas datas xa non funcionaría a fábrica de “holandillas” pois, como apunta Larruga (1800: XLV, 155) “existía esta fábrica con algún fomento cuando tenía lienzos abundantes; pero el excesivo precio que han ido tomando éstos en estos últimos años, fue causa de su atraso en algunas temporadas. Esta ya no existe; importa para la historia de nuestra industria tener presentes los hechos que sobre esta materia tengo expuestos en el Tomo XI, pág. 361”.

A propiedade veríase afectada pola desamortización impulsada en 1836 por Juan Álvarez Mendizábal, vendéndose polo Estado a José Villaamil Albareda. Tempo despois, a propiedade vai ser adquirida polo matrimonio formado por don Juan María Cayón Rodríguez, veciño de Adelán (Alfoz), e dona Tomasa Oliva Barrero, natural de Acebuche (Cáceres), que van afincarse nel dándolle o nome de Pazo de Caión.

O médico e poeta lugués Luis Benigno Vázquez Fernández-Pimentel casaría en 1930 con María del Pilar Cayón Fernández, filla do alcalde de Santiago, e o pazo que fora fábrica de “holandillas” converteríase na súa residencia habitual.

Tempo de uso:

Todo o ano.

Sistema de produción:

A produción e distribución de produtos téxtiles é relativamente complicada, xa que segundo o tipo de tea, a materia prima (sexan fibras vexetais ou animais, e mesmo produtos químicos) pode prepararse de maneira independente ou como unha etapa preliminar na fabricación da tea, polo que o número de procesos distintos implicados na produción pode variar segundo cada produto téxtil.

A primeira etapa na fabricación de téxtiles implica a produción da materia prima, a fibra, xa sexa polo cultivo do algodón, do liño ou doutras plantas fibrosas, a cría de ovellas para lá ou de vermes para seda, a manufactura (raión, viscosa) ou a produción química (nylon e outras poliamidas, poliéster, polivinilo, aramida, acrílicas, elastómeros, etc.). De seguido, a fibra fíase e despois úsase o fío (cru ou tinguido) para elaborar os tecidos.

As fibras en si mesmas son materias carentes das mínimas propiedades industriais, polo que precisan dunha primeira modificación que converta o pelo dun animal ou o talo dunha planta en un elemento apropiado –a fibra limpa, cardada e peiteada– para ser traballado até se transformar en fío continuo. O fiado das fibras era a segunda transformación, consistente na agrupación e torcido dos filamentos de tal xeito que quedaran trabados entre eles formando un fío continuo, a base das seguintes transformacións.

As fías (as fibras xa fiadas) agrupábanse entón para obter a lonxitude desexada da tea a confeccionar, o urdido que se montaba no tear para proceder á realización da trama que daría como resultado o tecido. Ademais dos teares, verticais ou horizontais, a textura podía tamén ser realizada tecendo con agullas, cunha febra continua que evolucionaba sobre si mesma, uníndose por medio de unha grande variedade de puntos acaídos ó resultado desexado, dende unha media a unha rede formada por mallas. Os tecidos xa fabricados e finalizado o seu acabado (abatanado, lavado, etc.) cortábanse co tamaño e a forma requirida para a elaboración de vestidos, cobertores, velas, toldos, bandeiras, etc.

A mecanización vai mudando os usos e costumes, facilitando o traballo e a competitividade, mellorando a calidade e reducindo os custos. A baratura do fiado de importación facilitou o abandono dos duros labores do cultivo do liño, que non chegou a se mecanizar en Galicia. Aínda que si se mecanizaron as tarefas do urdido, do branqueado, do tecido, que mudaron a individualidade dos teares rurais pola centralización do maquinismo, demandando nesta angueira un novo e principal ben que vai ser en adiante imprescindíbel na industrialización: a enerxía.

A fabricación de tecidos comeza polo procesado da fibra, sexa o vélaro das ovellas (ou o pelo doutros animais, coello, camelo, alpaca, vicuña), a seda dos vermes, ou a fibra do liño, do algodón ou de calquera outra planta téxtil (cánabo, yute, ramio). A lá debe ser clasificada e lavada antes do seu fiado. A seda desenrólase dos casulos despois de abrandar a goma natural en auga quente, o que permite unha separación doada sen romper as finas fibras. A fibra do liño vai obterse despois dunha serie de operacións mecánicas e químicas. O algodón en bruto procésase coa desmotadora, que elimina as sementes e outras impurezas, antes de ser transportado en balas ao fiado.

Obtida unha fibra susceptible de ser fiada, os filamentos continuos agrúpanse e tórcense para formar longos fíos de varias febras. Os filamentos rotos e o material de refugallo aprovéitanse e fíanse de maneira similar á empregada para as fibras curtas.

As fibras sintéticas (sexan raión e acetatos derivados da celulosa, ou ben fibras realmente sintéticas, como nailon, poliéster, polipropileno, fibras acrílicas ou mesmo fibra de vidro) subminístranse xa en forma de filamentos ou de fibras curtas, xa como fibra de filamento continuo. As fibras sintéticas curtas procésanse antes do fiado de forma similar ao algodón cru ou a la, mentres que as de filamento continuo convértense en fío igual que a seda.

Unha vez fiadas as fibras, o fío obtido vai tecerse, a man ou a máquina, para obter a tea ou tecido. Un tecido é unha estrutura téxtil obtida por entrelazado de un só fío (tecido de punto) ou de dúas ou máis series de fíos, cada unha das cales móvese segundo unha determinada lei (tecido plano e tecido aglutinado).

Pódense distinguir tres métodos de fabricación de tecidos: a man, entrelazando varios fíos dunha forma non paralela ao eixe do tecido; en tear, no que un conxunto de fíos paralelos (urda) entrelázanse con outros que os cruzan perpendicularmente (trama) para formar unha tea ou tecido; o encaixe, no que se fai pasar un fío entre outros grupos de fíos; e o aglutinado, en que as fibras únense entre sí por presión, calor ou pegamento. Trala tinguidura e o rematado da tea, o material pode subministrarse directamente a un fabricante de produtos téxtiles ou a un retallista que o vende a particulares que confeccionan pezas de vestir ou roupa de casa.

O tecido de punto é o formado por mallas, bucles ou puntos, empregando un só fío moi longo. Faise anoando o fío para formar unha reixa cunha serie de lazadas máis ou menos amplas unidas entre si. Pódese tamén facerse pasando unha lazada de fío sobre unha agulla para logo pasala a outra agulla, entrelazando sempre o mesmo e único fío para formar unha soa estrutura. Os ligamentos básicos do tecido de punto son: baeta, flanela, xersei, piqué. As teas de tecido de punto son difíciles de manexar, esvaran ao cortalas e estiran doadamente, pero adáptanse moi ben ao corpo.

As orixes do tecido de malla, tamén chamado de punto ou de bucle, elaborado a man e hoxe en día tamén mecanizado, remóntanse ao anoado de redes para a caza e a pesca nos pobos antigos. O tecido xurde ao formar unha reixa entrelazando un longo fío continuo mediante agullas, nunha serie de lazadas máis ou menos amplas unidas entre si. O tecido con agullas foi introducido en Europa polos árabes no século V e floreceu en Inglaterra e Escocia durante os séculos XIV e XV, reivindicando os escoceses tanto a súa invención coma a súa introdución en Francia.

Todos os labores de punto facíanse a man, ata que no 1589 o clérigo inglés William Lee inventou unha máquina para tecer medias; porén, a raíña Isabel I de Inglaterra negoulle unha patente, ao entender que o invento era unha ameaza para os tecedores. A máquina utilizouse noutros países e preparou o camiño para posteriores melloras, das que a primeira chegou en 1758, cando o británico Jedediah Strutt, un tecelán de algodón, inventou un aditamento para o bastidor de medias que permitía confeccionar tecidos acanalados (canalé).

A principios do século XIX, o enxeñeiro británico Marc Isambard Brunel inventou un bastidor circular ao que denominou “tricoteur”. O tecido de fíos máis grosos fíxose posible cando outro inventor británico, Matthew Townsend, incorporou unha agulla, dotada nun dos seus extremos dun gancho cun peche e patentouna en 1858. En 1864, o tamén británico William Cotton introduciu unha mellora nas máquinas mecánicas que permitía dar forma aos talóns e punteiras de medias e calcetíns, e que sentou as bases para as modernas máquinas de confección completa. As tecedoras automáticas introducíronse por primeira vez en 1889.

O tecido plano faise nunha máquina chamada tear, manual ou mecánico, e vai elaborándose entrecruzando unha serie de fíos paralelos entre si (trama) cunha serie de fíos, tamén paralelos entre si (urdido) pero suxeitos ao armazón do tear, e que normalmente forman un ángulo recto cos primeiros. Segundo que os fíos de trama e urdido se crucen simplemente, ou que cada dous fíos de urdido contiguos se crucen alternativamente de dereita a esquerda e viceversa (abrazando, en cada cruce, o fío da trama), vanse obter tecidos de ligamento recto, ou tecidos con ligamento de volta (gasas). Os ligamentos fundamentais de urdido e trama son o tafetán (tecido liso, ou á plana), a estameña (tecido cruzado, ou sarga) e o satén (raso).

O tecido en tear manual remóntase á era antiga e utilizouse nas civilizacións chinesas e de Oriente Próximo antes de alcanzar Europa. O seu uso está aínda moi estendido nos países en vías de desenvolvemento e nos países industrializados utilízase tamén para tecer teas artesanais para decoración.

O tear manual vai montado sobre un bastidor de soporte das partes móbiles, cos fíos da urda (ou urdidoira) paralelos con respecto ao chan, e paralelos entre si. Na parte posterior do tear vai un cilindro arredor do cal se enrolan os fíos da urdidoira para mantelos tensos. O cilindro xírase a medida que se fabrica o tecido, para dispoñer de máis urda para tecer. Na parte do tear onde se instala o fío da trama cada fío da urdidoira pasa a través dun orificio situado na parte central dun arame vertical chamado lizo. Os distintos lizos están unidos a un arnés de metal ou de madeira de forma que poidan levantarse ou baixar os lizos nun só paso, xunto cos fíos de urdidoira que os atravesan.

Nestes teares o picado faise manualmente, e o tecedor pasa a través do oco que deixan as urdas levantadas sobre as inmóveis, unha lanzadeira que contén unha bobina de fío de trama. Despois de cada paso da lanzadeira, o fío da trama golpéase contra o fío anterior, movendo cara a adiante e cara a detrás un batente, un peite cunha fileira de arames. Despois de bater o fío, o tecedor fai descender os lizos que estaban levantados e levanta os que estaban baixados, cambiando desta forma o oco.

O primeiro paso na mecanización do tear foi a lanzadeira voante, patentada en 1733 polo inventor británico John Kay. Consistía nun mecanismo de pancas que empurraba a lanzadeira por unha pista. A lanzadeira voante aumentou considerablemente a velocidade de tecido e permitía que unha soa persoa puidese realizar o picado sen dificultade.

Edmund Cartwright, outro inventor británico, perfeccionaría a idea de Kay e patentaría o primeiro tear mecánico en 1786. A detención do tear por rotura da trama ou da urda, ou por fallo da lanzadeira, o intercambio de lanzadeira co tear funcionando, e outras melloras irían implantándose paulatinamente, e, a principios do século XIX, o tear mecánico utilizábase amplamente.

A realización de tecidos máis elaborados, e con figuras ou debuxos, require o emprego de teares de máis de dous arneses, con cadanseu conxunto de lizos. Por exemplo, a fabricación de tecidos de sarga, exixe tres ou máis arneses, controlados cun cabezal que determina o arnés que está levantado ou baixado en cada pasada da lanzadeira.

A principios do século XIX, o inventor francés Joseph Marie Jacquard perfeccionaría o tear suprimindo os arneses de lizos e manexando os fíos da urdidora cun conxunto de arames verticais unidos a un cabezal situado na parte superior do tear. O chamado “cabezal Jacquard” vai controlar o proceso de tecido cunhas tarxetas perforadas que corresponden aos diferentes patróns da trama, cos orificios abertos onde se desexa que se levante ou baixe o correspondente fío da urda. Deste xeito é posible producir patróns de maior dificultade que os que permitían os teares precedentes.

No caso de empregarse fibras con fíos tinguidos, utilizanse lanzadeiras diferentes para cada cor da trama, e intercámbianse en función do patrón de cores da tea.

Os teares de hoxe en día prescinden da lanzadeira, empregándose un dardo (sistema suizo) ou un chorro de aire ou auga a alta presión, co que chegan a insertar ata mil cincocentos fíos de trama por minuto.

O tecido aglutinado fabrícase con fibras non fiadas (naturais ou sintéticas) que van humectarse e someterse a presión e calor, co cal as fibras van adherirse formando o tecido. Os sistemas principais son os que empregan resinas aplicadas sobre o retículo das fibras que saen da máquina formadora, e os que utilizan fibras termoplásticas que forman o retículo e se prensan entre rolos quentes.

Os produtos téxtiles poden tinguirse de varias maneiras: coloreando as teas xa tecidas (tinguido na peza); poden tinguirse as fibras nunha cuba antes do fiado (tinguido en bruto); e pode tinguirse o fío antes de tecelo (tinguido no fío). No caso dos fíos sintéticos, pódeselle dar un tinguido previo incorporando pigmentos coloreados na solución de fiado antes da extrusión dos filamentos (tinguido en masa ou solución).

O estampado dos tecidos faise principalmente por “huecograbado” por medio de rolos de cobre nos que as depresións cóbrense coa pasta de estampado. Pódese facer tamén por impresión en relevo ou co emprego de retículas.

Ademais do tinguido e o estampado, as teas poden recibir outros acabados para mellorar o aspecto ou calidades: resistencia ás engurras, pregaduras permanentes, resistencia ao encollido, etc.

Actividades laborais:

O proceso industrial comezaba coa recepción, selección e clasificación da fibra, seguida do procesado previo ao fiado, propio de cada fibra. Obtida a fibra, os filamentos continuos agrúpanse e tórcense para formar longos fíos de varias febras, pasando entón do fiado ao tecido. O fiado e a elaboración dos fíos eran feito por mulleres, ás veces axudadas por nenas. Os homes ocupábanse de tecer e atendían aos procesos de tinguido e prensado.

Emprego:

Sen datos.

Materias Primas:

Fibras téxtiles naturais (liño).

Produtos Elaborados:

Fiados e tecidos de liño coñecidos como “holandillas”, uns lenzos moi finos, tinguidos e prensados, usados xeralmente para forros de vestidos aínda que servisen tamén para confeccionar camisas, camisóns, sabas e outras prendas delicadas.

Distribución e comercialización:

Principalmente rexional.

Referencias Bibliográficas:

Brüggemann, H. (1942): “Tecnología textil y fabricación del papel. Industrias textiles”, en Manual del Ingeniero, Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, 2ª ed. trad. de la 26ª edición alemana, Tomo IV, Capítulo VII, p. 777-857. Barcelona: Gustavo Gili.

Carmona Badía, Joam (1990): El atraso industrial de Galicia. Auge y liquidación de las manufacturas textiles (1750-1900), Barcelona: Ariel. DL B-35453-1990. ISBN 84-344-6566-3.

Carmona Badía, Xoán (1990): “Crisis y transformación de la base industrial gallega, 1850-1936”, en Jordi Nadal Oller y Albert Carreras Odriozola (dirección y coordinación) Pautas regionales de la industrialización española (siglos XIX y XX), p. 23-48. Barcelona: Ariel. DL B-218-1990. ISBN 84-344-6563-9.

Carmona Badía, Xoán; Nadal Oller, Jordi (2005): El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Córdoba de la Llave, Ricardo (2008): “Industrias del tejido y del cuero”, en Pedro Navascués Palacio (coord.) Ars Mechanicae: ingeniería medieval en España, p. 225-233. Fundación Juanelo Turriano. Madrid: Ministerio de Fomento (CEDEX-CEHOPU). DL M-46232-2008. ISBN 978-84-7790-470-0.

Dávila Corona, Rosa María; Durán Pujol, Montserrat; García Fernández, Máximo (2004): Diccionario histórico de telas y tejidos. Colección Estudios de Historia. Consejería de Cultura y Turismo de la Junta de Castilla y León. Salamanca: Caja Duero. ISBN 84-9718-206-5.

Fernández Vilalba, Xosé Isidro (2013): “Luís López Lombardía, fundador da fábrica de holandillas en Mondoñedo”, en Terra e Tempo [en liña] Dispoñible na Internet: http://www.terraetempo.gal/artigo.php?artigo=3099&seccion=5 [Acceso 26/12/2020].

García Doural, Andrés (2016): “Los Olano de Mondoñedo”, en Miscelánea Mindoniense [en línea] Disponible en Internet: http://www.blogoteca.com/doural/index.php?cod=142508 [Acceso 17/12/2020].

Herrero García, Miguel (2014): Los tejidos en la España de los Austrias. Fragmentos de un diccionario. Madrid: Centro de Estudios Europa Hispánica, 2014. ISBN 978-84-15245-41-4.

Lanza Álvarez, Francisco (1927): “Para la historia de la industria en Galicia. Apuntes sobre una fábrica de lienzos fundada en Ribadeo por Carlos III”, en Boletín da Real Academia Galega, núm. 199, 1927, p. 183-189. ISSN 1576-8767.

Lanza Álvarez, Francisco (1928): “Para la historia de la industria en Galicia. Apuntes sobre una fábrica de lienzos fundada en Ribadeo por Carlos III (conclusión)”, en Boletín da Real Academia Galega, núm. 200, 1928, p. 222-225. ISSN 1576-8767.

Larruga Boneta, Eugenio (1800): “Fábricas de sombreros, lienzos y metales del Reyno de Galicia”, en Memorias políticas y económicas sobre los frutos, comercio, fábricas y minas de España, con inclusión de los Reales Decretos, Órdenes, Cédulas, Aranceles y Ordenanzas expedidas para su gobierno y fomento. Tomo XLV, p. 155. Madrid: Oficina de Don Antonio Espinosa, MDCCC.

Lindoso Tato, Elvira (2006): Los pioneros gallegos. Bases del desarrollo empresarial (1820-1913), Madrid: LID Editorial Empresarial. DL SE-4354-2005. ISBN 84-88717-94-6.

Lorenzo Fernández, Xaquín (1962). “Etnografía: cultura material. Os tecidos”, en Ramón Otero Pedrayo (dir.) Historia de Galiza, vol. II, O home-II, p. 623-658. Buenos Aires: Editorial Nós.

Lorenzo Fernández, Xaquín (1983). “Os tecidos”, Os oficios, Biblioteca Básica da Cultura Galega, Vigo: Editorial Galaxia, p. 223-273. DL VG-18-1983. ISBN 84-7154-425-3.

Meijide Pardo, Antonio (1984): "Negociantes franceses en la Coruña precapitalista: Miguel de Lagoanère y Cía.”, en Revista del Instituto José Cornide de Estudios Coruñeses, núm 12, p. 207-224.

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 21-III A Coruña // Datum europeo 1950 (ED50) H 29 // X 548.062,05 m / Y 4.801.728,13 m

Centro Nacional de Información Geográfica (s/d): Fotototeca Digital, Instituto Geográfico Nacional, Ministerio de Fomento del Gobierno de España [en línea] Disponible en internet: http://fototeca.cnig.es/ [Acceso 22 decembro 2019].

Instituto de Estudos do Territorio (IDE) da Xunta de Galicia (s/d): Información Xeográfica de Galicia: visor de mapas [en liña] Dispoñible na Internet: http://mapas.xunta.es/visualizador-de-mapas [Acceso 23 agosto 2019].

Instituto Geográfico Nacional (s/d): Serie MTN25 (Mapa Topográfico Nacional 1:25.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional25.jsp? [Acceso 9 abril 2014].

Xunta de Galicia (Consellería do Medio Rural) (s/d):  Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícola (SixPac): visor de mapas [en liña]. Dispoñible na Internet: http://sixpac.xunta.es/visorsixpac/ [Acceso 4 outubro 2020].

Data de Actualización:

26 decembro 2020