631 Carreira de Jaime Nogueira

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: Pontevedra
  • Concello: Moaña (ata 1836, Cangas; e até 1874, Meira)
  • Parroquia: Santa Baia de Meira
  • Lugar: A Moureira
  • Paraxe: O Caeiro
  • Dirección: Non procede
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 42.28789721294589
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.714357497329711
  • Coordeadas UTM: Datum ETRS89: H 29 // X 523.540,45 m / Y 4.681.811,48 m
  • Clasificación: Industria téxtil
  • CNAE: 13.10 Preparación e fiado de fibras téxtiles; 13.20 Fabricación de tecidos téxtiles; 13.30 Acabado de téxtiles; 13.94 Fabricació
  • Tipoloxía: Fabricación de cordas, enxarcia e redes
  • Comarca: O Morrazo
  • Marco Xeográfico: Beiramar da enseada de Moaña, na aba sur oriental dos montes da península d’O Morrazo, na marxe dereita da ría de Vigo.
  • Ámbito: Rural e mariñeiro
  • Acceso: Saíndo de Vigo, enfiaremos a autoestrada de peaxe AP-9 cara A Coruña, para abandonala pasada a ponte de Rande e tirar pola autovía AG-46 ou –mellor– pola estrada PO-551 cara a Moaña. Pasado o quilómetro vinte e oito, na esquina dunha vivenda marcada con número 63, colleremos pola dereita a estreita carreteira que sube ata A Moureira. A algo máis de oitocentos metros, ao pasar a casa que leva o número 144, viramos á dereita e subimos uns cento cincuenta metros pola carreteira, ata chegarmos á vivenda que leva o número 177. Tiramos agora pola esquerda e, cento setenta metros despois, outra vez enfiamos o camiño da esquerda e, por fin, oitenta metros despois, na beira esquerda atopámonos o inconfundíbel edificio da carreira.

Tipo de propiedade:

Privada.

Visitable:

Exteriormente.

Xestión de visitas:

Non procede.

Historia:

A cordearía xurde na prehistoria co trenzado de febras vexetais, tripas animais ou estreitas tiras de coiro para a confección de cordas, un instrumento de múltiples utilidades no atado, arrastre e suspensión de cargas ou na confección de redes, da máxima utilidade na caza e na pesca.

Os esforzos por aumentar a lonxitude das cordas máis aló da propia das nervaduras vexetais van callar no fiado das febras para a obtención de fíos e a confección das primeiras cordas por torsión dos fíos (colchado).

Dende o 3500 a.C. as cordas torcidas e as cordas trenzadas converteríanse nun útil de común uso en tódalas civilizacións, e a cordearía ensinaría a fabricación das cordas e a mellora das súas calidades coa selección das febras máis acaídas e o proceso de fabricación máis adecuado para o uso desexado do produto final.

Pola sinxeleza do procedemento, a fabricación de cordas podía localizarse nas proximidades dos centros de consumo. E por tal razón a industria dos cordeeiros sería fundamentalmente unha profesión ambulante hasta a xeneralización da mecanización do proceso a comezos do século XIX.

Os cordeeiros elaboraban con esparto e cáñamo os elementos básicos para a fabricación de cordas (cabos) e redes, cuxa elaboración era as veces feita por outros profesionais, como era o caso dos redeiros e redeiras nos portos pesqueiros. Excepción do dito serían algunhas instalacións consideradas estratéxicas pola coroa para garantir o abasto de cabos e enxarcia a Mariña e as armadas reais.

Contra 1675 os cabaleiros flamencos Adrián de Roo e Baltasar Kiel establecerían en Sada e as súas expensas unhas modestas instalacións para fabricación de enxarcia e lona para a Real Armada, instalacións que ían ser alicerce da máis notábel industria téxtil da época en Galicia (vid. ficha 195). En 1750 o vello obradoiro converteríase na Real Fábrica de Enxarcia e Lona de Sada, que por demasiado exposta ao perigo dun ataque dos ingleses por vía marítima, trasladaríase nos comezos de 1762 aos arsenais de Ferrol, onde tiña garantido mellor resgardo.

O traballo ambulante do que se abastaban os comerciantes, pescadores e xentes do mar non militares iría de apouco sendo substituído en Galicia pola produción das primeiras fábricas catalás e alacantinas que servían aos fomentadores, quen ademais actuaban como distribuidores da cordearía entre os pescadores e demais demandantes locais.

Neste contexto sería difícil a emerxencia dun sector de fabricación de cordearía nas rías galegas, e nin sequera iniciativas como a fábrica de retorcer fíos de Ribas Hermanos en 1866 en Vigo, vinculada ao sector pesqueiro, ou a proposta en 1875 pola fábrica do Roxal de fabricación de efectos para a Mariña (vid. ficha 098), foron capaces de saír adiante.

Vai ser a “Cordelería Ibérica” da razón social de Ferrer, Mirambell e Fontanils, a primeira fábrica de cordearía mecánica en establecerse en Galicia. En 1884 a sociedade instalaría “unha fábrica de vapor para cordearía e tecidos do mesmo ramo” nos terreos que ocupara unha antiga fábrica de salga na beiramar de Canido (Vigo), fronte da illa Toralla (vid. ficha 453).

Na parroquia moañesa de Meira, a importante industria cordeeira tradicional daría paso á modernización e mecanización que introduciría en 1890 o andaluz Alejandro Castilla instalándose na Illa de Samertolaméu (vid. ficha 620), cunha fábrica que, modernizada, continúa hoxe en día elaborando cordames para todo o mundo.

A mecanización do traballo iría facendo esmorecer a industria cordeeira tradicional, que aínda lograría aguantar uns anos máis grazas a forte demanda xurdida dende os primeiros anos do decenio de 1950 das grosas cordas para as bateas de mexillón.

Nos anos finais do decenio de 1960 irían xeneralizándose as fibras sintéticas e o traballo mecanizado, desaparecendo o traballo de “torcer fíos” nas derradeiras “carreiras” galegas, sinais de identidade de Meira e Moaña.

Descrición Xeral do Entorno:

A carreira de Jaime Nogueira construíuse na aba sur occidental do Monte Faro de Domaio, no lugar de A Moureira por algún identificado como O Caeiro, tal vez pola forte pendente que cae á enseada de Meira.

Construcción:

A construción aínda existente parece ser do decenio de 1940.

Abandono:

No decenio de 1960.

Descrición:

Dende tempo inmemorial a parroquia de Meira foi coñecida pola calidade dos cabos e as cordas que alí se confeccionaban para os oficios agrarios e mariñeiros. No Catastro do Marqués de Ensenada recóllese que en 1752 traballaban vinte e catro teceláns en Meira, trece en Moaña e cinco en Domaio, bo indicativo da importancia da fabricación de fíos, tecidos e cordas nestes lugares.

A do tecido era unha actividade artesanal na que os teceláns e cordeeiros empregaban as fibras que podían aproveitar dos vexetais de que dispuñan nos arredores: liño, folla de cana e de millo, cebola, vimbio, e, por riba dos demais, os abondosos xuncos e silvas. En menor medida, empregábanse tamén as sedas das colas dos cabalos, así como tripas e finas tiras da pel de outros animais.

En Meira chegaría a haber máis de vinte casas con cadanseu taller nas respectivas liñeiras, nos quinteiros ou próximos ás vivendas dos artesáns. Os talleres ían cercados e cubertos para mellor resgardo do material e as persoas que neles traballaban. A fibra escollíase en función do fío ou tecido na que sería empregada: as fibras de liño, máis delicadas, para elaborar fíos e lenzos; e as fibras máis bastas e fortes, cánabo e esparto, para as trelas, sogas e cordas.

Nos talleres de cordame, unha vez preparadas as fibras, fiábanse e quedaban os fíos preparados para fabricar as cordas, xa por trenzado, xa por torsión. Os primitivos traballos de torsión veríanse mellorados co emprego das chamadas “carreiras”, un aparello cun soporte fixo no que se suxeitaban os fíos por un extremo, suxeitándose polo outro extremo a un segundo soporte, que podía desprazarse achegándose ao soporte fixo consonte os fíos ían acurtándose ao torcelos para fabricar a corda.

Cabe supor que sería a sona dos artesáns cordeeiros de Meira a que atraería a estas terras ao home que modernizaría o primitivo sistema de confección das cordas. Alejandro Castilla Castaño, quizá sabedor da importancia e calidade da primitiva industria cordeeira de Meira, e coñecedor das posibilidades de mellora que había co emprego da moderna maquinaria, contra 1890 decidiría trasladarse a Galicia e converterse en empresario na Illa de Samertolaméu (vid. ficha 620).

No decenio de 1930 destacarían na bisbarra os labores de cordearía, que darían ocupación a máis de setecentos traballadores. Para a defensa dos seus intereses, e grazas ao compromiso da case maioritaria man de obra feminina do colectivo, xurdiría a “Sociedad de Hiladoras y Oficios Varios La Defensora”, que despois das mobilizacións que rematarían en folga, acabaría por conseguir a xornada laboral de oito horas. Os que foran entón os seus líderes, Enedina Esperón González e Juan Eugenio Gallo San José, sufrirían represalias unha vez finalizada a Guerra Civil Española (1936-1939).

As cordearias de Meira, coñecidas como “carreiras”, eran unhas construcións cubertas, de planta baixa, longas e estreitas, dedicadas exclusivamente á fabricación das cordas. Nelas instalábanse varias rodas (houbo ata unha ducia delas nalgunha carreira) para o proceso. Cada roda ocupaba a catro mulleres: unha delas facía virar a roda, e as outras tres fiaban e trenzaban o cánabo. O cánabo (Cannabis sativa) é unha fibra vexetal que procedía de Callosa de Segura, en Alacante, aínda que durante a guerra civil tamén se importou de Aragón (Calatayud e Tarazona), de Castela. E mesmo plantárase cánabo na lagoa de Antela.

Calatayud fora asento dunha importante industria de sogas, e dos retornos comerciais cos portos cantábricos e atlánticos quedaría o congro seco, guisado con patacas e con garavanzos, como un prato popular naquelas terras. En particular, o congro dos secadoiros de Muxía sería un habitual “torna viaxe” das partidas de cánabo aragonés que chegaban a Meira.

A carreira de Jaime Nogueira, a única que queda en pé, é unha construción de fábrica de ladrillo de cincuenta e oito metros de lonxitude e arredor de catro de anchura. Polo tipo dos ladrillos empregados vese que houbo de ser obxecto de varias reparacións e engadidos. A edificación vai parcialmente aberta polo lateral do norte e a cuberta é de tella plana a unha soa auga, con caída ao poñente. O lateral do sur dispón dunha serie de contrafortes que aseguran a longa parede.

O propietario cedería a maquinaria que tiña na carreira para o museo ao aire libre que se fixo en Samertolameu.

Tempo de uso:

Todo o ano.

Sistema de produción:

Cinco foron as fibras téxtiles fundamentalmente empregadas dende a Idade Media para a elaboración de tecidos, redes e cordas: dúas de orixe animal, a lá e a seda, e tres de orixe vexetal, o cánabo, o liño e o algodón. A lá e o liño, abondosas no norte da península, serían as preferidas para a confección de vestimenta. O algodón quedou practicamente restrinxido á súa zona de cultivo, o val do Guadalquivir, de Xaén a Cádiz, empregándose para vestidos. A seda, ligada a poboacións de orixe musulmán, dende Aragón ata Granada e Málaga, pasando por todo Levante, só foi utilizada en roupas suntuarias. E o cánabo, cultivado en na metade meridional peninsular, A Mancha, Murcia e Andalucía, empregábase para a confección de tecidos bastos e resistentes, cordas e enxarcia para as embarcacións.

As fibras en si mesmas son materias carentes das mínimas propiedades industriais, polo que precisan dunha primeira modificación que converta o pelo dun animal ou o talo dunha planta en un elemento apropiado –a fibra limpa, cardada e peiteada– para ser traballado até se transformar en fío continuo. O fiado das fibras era a segunda transformación, consistente na agrupación e torcido dos filamentos de tal xeito que quedaran trabados entre eles formando un fío continuo, a base das seguintes transformacións.

As fías (as fibras xa fiadas) agrupábanse entón para obter a lonxitude desexada da tea a confeccionar, o urdido que se montaba no tear para proceder á realización da trama que daría como resultado o tecido. Ademais dos teares, verticais ou horizontais, a textura podía tamén ser realizada tecendo con agullas, cunha febra continua que evolucionaba sobre si mesma, uníndose por medio de unha grande variedade de puntos acaídos ao resultado desexado, dende unha media a unha rede formada por mallas. Os tecidos xa fabricados e finalizado o seu acabado (abatanado, lavado, etc.) cortábanse co tamaño e a forma requirida para a elaboración de vestidos, cobertores, velas, toldos, bandeiras, etc.

Para a fabricación da enxarcia o cáñamo limpase e restrélase ou peitease, eliminando as substancias leñosas que puidera conter a fibra, desenredándoas e separando as máis longas das cortas e das enmarañadas (a estopa, empregada no calafateo, limpeza, etc.). As fibras limpas e seleccionadas fiábanse, agrupándoas e torcéndoas cunha mena (grosor, medido pola circunferencia) uniforme, formando o fío ou filástica, que se reservaba en carreteles ata o seu emprego.

Viña despois o colchado, consistente en torcer a filástica sobre si mesma ao mesmo tempo que tórcense varias filásticas ao redor dun eixe común a todas elas, obténdose un cordón, máis resistente á tensión, máis elástico e máis corto que as filásticas que o conforman. Colchando tres ou máis cordóns en sentido contrario ao colchado da filásticas, obtense a corda, chamada na mar cabo, e tamén beta ou enxarcia. Ultimada a fabricación do cabo se falcasea cadanseu extremo para que non se descolche. Falcasear é darlle unhas ligadas nos chicotes (os extremos).

Os cabos se impermeabilizaban aplicándolles sebo, aceite de liñaza e resina. Para mellor preservalos, os cordóns sometíanse previamente a un proceso de alcatranado, que impide a penetración da auga no seu interior. Colchando tres ou catro cordóns obtense a guindaleza, e colchando tres ou catro guindalezas fabrícase un calabrote.

Na específica e precisa linguaxe da mar, e consonte á súa configuración son diferentes os nomes das “cordas” que configuran o conxunto da enxarcia miúda: fío de vela (bramante, cordón de dúas ou tres filásticas, con mena de 2 a 4 mm); piola (cordón de tres filásticas, con mena de 4 mm); meollar (cordón basto de dúas ou tres filásticas, con mena de 6 a 22 mm); merlín (tres cordóns de dúas filásticas, con mena de 9 a 25 mm); vaivén (guindaleza de tres cordóns, mena de 20 a 35 mm).

Actividades laborais:

Man de obra principalmente feminina no fiado do cánabo e máis a fabricación das cordas. Persoal masculino na atención da maquinaria.

Emprego:

O habitual eran catro mulleres atendendo a cada roda. Non sabemos cantas rodas chegaron a funcionar nesta cordearía.

Materias Primas:

Cánabo de Callosa do Segura (Alacante), Calatayud e Tarazona (Aragón). Ocasionalmente, ademais de cánabo de Manila (abacá de Filipinas), cantidades menores de outras febras vexetais (yute, sisal, totora, etc.). Raramente, esparto (atocha, Stipa tenacissima) de Albacete. Como materiais auxiliares, alcatrán, aceite, xabón e outros efectos, ademais de carbón, madeira e leña como combustibles.

Produtos Elaborados:

Enxarcia, nodería, cordearía, tecidos e sacos.

Distribución e comercialización:

Rexional.

Referencias Bibliográficas:

Brüggemann, H. (1942): “Tecnología textil y fabricación del papel. Industrias textiles”, en Manual del Ingeniero, Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, 2ª ed. trad. de la 26ª edición alemana, Tomo IV, Capítulo VII, p. 777-857. Barcelona: Gustavo Gili.

Carmona Badía, Xoán; Nadal Oller, Jordi (2005): El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Córdoba de la Llave, Ricardo (2008): “Industrias del tejido y del cuero”, en Pedro Navascués Palacio (coord.) Ars Mechanicae: ingeniería medieval en España, p. 225-233. Fundación Juanelo Turriano. Madrid: Ministerio de Fomento (CEDEX-CEHOPU). DL M-46232-2008. ISBN 978-84-7790-470-0.

García Barreiro, Manuel Uxío (2013): “Moaña no camiño do mar: as cordelerías”, Centro de Documentación Local. Biblioteca Pública de Moaña [en liña] Dispoñible na Internet: http://bibliomoana.blogspot.com.es/search/label/Industria%20cordeeira-Moa%C3%B1a [Acceso 19 novembro 2020].
González Teijeiro, Cristina (2014): “Cordeles desde Meira a Marruecos”, Faro de Vigo, ed. O Morrazo, 10/05/2014. ISSN 1131-8163.

Lorenzo Fernández, Xaquín (1962): “Etnografía: cultura material. Os tecidos”, en Ramón Otero Pedrayo (dir.) Historia de Galiza, vol. II, O home-II, p. 623-658. Buenos Aires: Editorial Nós.
 
Lorenzo Fernández, Xaquín (1983): “Os tecidos”, en Os oficios, p. 223-273. Biblioteca Básica da Cultura Galega, Vigo: Editorial Galaxia. DL VG-18-1983. ISBN 84-7154-425-3.

Santos Castroviejo, Jesús (2004): “Meira tendrá un museo al aire libre sobre las cordelerías del siglo XIX”, La Voz de Galicia, ed. Vigo, 05/05/2004. ISSN 1888-5160.

Taboada Arceo, Antonio (1971): Galicia, estructura y ritmo socio-económicos. La Coruña: Servicio de Estudios y Publicaciones de las Cámaras Oficiales de Comercio, Industria y Navegación de Galicia. DL C-145-1971.

Vázquez Acuña, Bernardo (2014): “A Cordeleira Ibérica de Toralla”, Memoria de Oia [en liña] Dispoñible na Internet: http://memoriadeoia.blogspot.com.es [Acceso 23 abril 2017].

Xunta de Galicia (2007-2011): Plan de Ordenación do Litoral [en liña] Dispoñible na Internet: http://www.xunta.es/litoral [Acceso 8 febreiro 2020].

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 223-I Cangas /// Datum ETRS89: H 29 // X 523.540,45 m / Y 4.681.811,48 m

Centro Nacional de Información Geográfica (s/d): Fotototeca Digital, Instituto Geográfico Nacional, Ministerio de Fomento del Gobierno de España [en línea]. Disponible en internet: http://fototeca.cnig.es/ [Acceso 21 agosto 2018].

Instituto de Estudos do Territorio (IDE) da Xunta de Galicia (s/d): Información Xeográfica de Galicia: visor de mapas [en liña] Dispoñible na Internet: http://mapas.xunta.es/visualizador-de-mapas [Acceso 18 agosto 2018].

Instituto Geográfico Nacional (s/d): Serie MTN25 (Mapa Topográfico Nacional 1:25.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional25.jsp? [Acceso 9 abril 2014].

Instituto Hidrográfico de la Marina (1964): De Cabo Corrubedo a Cabo Silleiro. Océano Atlántico Norte. Costa NW de España. Carta 925, con levantamientos no datados y correcciones hasta 1977. Cádiz: Talleres del Instituto Hidrográfico de la Marina. DL CA-293-1972.

Xunta de Galicia (Consellería do Medio Rural) (s/d): Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícola (SixPac): visor de mapas [en liña] Dispoñible na Internet: http://sixpac.xunta.es/visorsixpac/ [Acceso 18 agosto 2018].

Data de Actualización:

29 decembro 2020