634 Industrias Cabezas

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: Lugo
  • Concello: Chantada
  • Parroquia: Santa Mariña
  • Lugar: Chantada
  • Paraxe: Avenida de Portugal, 5-7
  • Dirección: Non procede
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 42.60885313227416
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -7.772725107307434
  • Coordeadas UTM: Datum ETRS89: H 29 // X 600.664,91 m / Y 4.718.113,54 m
  • Clasificación: Serradoiro de madeira
  • CNAE: 16.10 Serrado e cepillado da madeira.
  • Tipoloxía: Accionado por motores eléctricos
  • Comarca: Chantada
  • Marco Xeográfico: Periferia urbana da vila de Chantada, no declive que vai da Serra do Faro, ao poñente, e o leito do río Miño, ao levante.
  • Ámbito: Periurbano
  • Acceso: Na vila de Chantada localizaremos a Praza de Santa Ana, en cuxa esquina coa rúa Alférez Baanante estivera o serradoiro antes de trasladarse ao seu definitivo emprazamento, a uns cento cincuenta metros, no principio e na marxe esquerda da que hoxe coñécese como Avenida de Portugal.

Tipo de propiedade:

Privada

Visitable:

A urbanización levada a ramo na vila apenas deixou pegadas das actividades dos Cabezas.

Xestión de visitas:

Non procede

Historia:

Conta a mitoloxía grega que a serra fora inventada por Perdix, a quen o seu tío, Dédalo, lle aprendera as artes mecánicas. Nunha abraiante mostra do seu enxeño, Perdix imitou as espiñas dun esqueleto de peixe nunha lámina de ferro, inventando a serra. Con todo, o máis verosímil e que se observase que un coitelo resultase nalgúns casos máis eficaz triscado (“mellado”) que ben afiado.

Alén diso, no verán do ano 2005, no campo de tumbas de Hierápolis (Pamukkale, Turquía), identificábase no sartego de Marco Aurelio Amiano, datado na metade do século III d.C., un baixo relevo representando unha roda hidráulica accionando dúas serras de cortar pedra, a mostra máis antiga coñecida do mecanismo de biela e manivela, que converte un movemento circular nun movemento rectilíneo alternativo.

Da época tardo romana (século VI) descubríronse tamén restos de serras mecánicas de pedra en Gerasa (Gilead, Jordania) e en Éfeso (Ayasaluk, Turquía). É posible que tamén o sexan uns restos do século II atopados en Augusta Raurica (Augst, Basilea, Suiza).

Esta antiga e incipiente mecanización, que coñecería tamén aplicación na elaboración de táboas de madeira, viría aliviar as incomodidades dos serranchíns no seu fatigoso traballo, totalmente manual, e os serradoiros hidráulicos espallaríanse por todo o mundo civilizado.

Ata a mecanización, o serrado da madeira facíase por dous homes, que ían percorrendo o país, deténdose nos lugares nos que atopaban traballo. Tralo tallado da árbore e o escascado, careábase o tronco, dándolle catro caras, e procedíase ao serrado para obter as táboas, que se deixarían despois a secar amoreadas en castelos. Xa secas, pasarán ás mans dos carpinteiros para a súa utilización ou traballado.

Os serranchíns itinerantes foron desaparecendo co estabelecemento das serras mecánicas, unhas movidas pola forza da auga, outras accionadas por máquina de vapor, motor de gasolina ou motor eléctrico. Levábanse entón os troncos a serrar nas fábricas, nas que tamén quedaban a secar, ao aire ou en cámaras de secado nas que se introduce aire quente para acelerar e mellorar o proceso.

Os primeiros serradoiros mecánicos eran accionados pola auga dun curso fluvial, que facía virar unha roda a partir da cal convertíase o movemento circular nun movemento rectilíneo alternativo por medio do mecanismo coñecido como biela manivela. En España comezaron a empregarse dende a primeira metade do século XII para serrar troncos de madeira e convertelos en puntais e táboas para diversas aplicacións. Os serradoiros máis sinxelos tiñan unha serra simple, namentres que os máis complexos dispuñan de serras, tornos e cepilladoras que se accionaban combinando rodas e correas de transmisión.

As máquinas de vapor foron introducidas en España de 1725 en diante, procedentes de Inglaterra. A introdución da máquina de vapor en Galicia veu da man do enxeñeiro Rafael Clavijo e o mestre Andrés Antelo, coa posta en marcha, en 1796, dunha máquina atmosférica tipo Newcomen para o achique da auga do dique de carenas do Arsenal de Ferrol. Froito de iniciativas públicas e privadas, ata 1808 importáranse en España non máis de unha decena de máquinas de vapor inglesas, pero a Guerra de Independencia (1808-1814) supuxo un freo no incipiente proceso de modernización iniciado nas últimas décadas do século XVIII. A partir de 1814 retomaríase a importación de máquinas de vapor, aínda que non acadaría certa importancia até a década de 1830.

Na década de 1840 o Arsenal incorporaría unha serra movida a vapor, e a definitiva implantación desta tecnoloxía en España tería lugar da man de dúas grandes empresas barcelonesas: a dos irmáns escoceses Thomas e David Alexander (1849) e “La Maquinista Terrestre y Marítima” (1855) de Valentín Esparó, as que so se compararía naqueles anos a sevillana “Portilla, White y Cía.” (1857). Coa posta en marcha no Arsenal de Ferrol en 1855 da nova Factoría de Máquinas, comezaría a construción de máquinas de vapor mariñas de ata 500 CV, das que en 1858 sairía a primeira construída en España.

As primeiras serras de auga constrúense en Galicia na década de 1830; estes innovadores artefactos mecánicos para a serrado mecánico da madeira aparecen no sur da provincia de Pontevedra (vid. ficha 361 Serra dos Carranos), para o abasto da crecente demanda na construción e no envasado da sardiña salgada na área de Vigo.

Os primeiros serradoiros mecánicos movidos por máquina de vapor serán inicialmente un fenómeno urbano que, a partir de 1850, vai desenvolverse paseniño na Coruña, Vigo e Ferrol. Pero é dende a década de 1880 cando se produce o verdadeiro desenvolvemento do sector mecánico na primeira transformación da madeira. Ademais, a aparición de novos elementos de demanda vai orientarse ao piñeiro galego, no canto das frondosas tradicionais.

Primeiro foron os troncos de piñeiro para apuntalar as minas de carbón, que abastecían como frete de retorno aos buques que traían hulla dos portos galeses de Cardiff e Swansea, e do inglés de Newcastle-upon-Thyne. Pero vai ser de meirande importancia o subministro de madeira para caixas, caixóns e embalaxe de mercadorías varias.

A táboa e o cadrado de piñeiro abastecían dende a década de 1860 ás industrias de Málaga e Almería que producían táboa pequena e fina (tablilla) e elaboraban caixas para o envío de uva pasa a Inglaterra. Madeira de primeira serra servía tamén á industria galega de salga en diferentes portos do país.

A crecente demanda de táboa e táboa pequena para as industrias marítimas, levou a que un grupo de industriais vigueses establecera en 1879 “La Industrial Hispano Portuguesa”, para a provisión da madeira para envases do sector pesqueiro, serrada pola nova empresa con máquina de vapor no Areal de Vigo. Nos anos seguintes, co mesmo obxectivo, van instalarse na área viguesa outros serradoiros de vapor, aínda que venderán tamén “tablilla” aos exportadores malagueños e almerienses.

Tres anos despois, en 1882, os irmáns Candeira instalaban en Camposancos (A Guarda) as primeiras serras mecánicas a vapor para a elaboración de táboa miúda. Alí, na desembocadura do río Miño, chegaban río abaixo os troncos galegos e portugueses que se enviaban aos portos andaluces para o seu transformado. Unha nova riqueza vai quedar agora na comarca, e pronto se instalarán na zona máis serras, que converterán ao Baixo Miño nunha das áreas pioneiras nesta industria.

Tralas primeiras serras mecánicas a vapor, viguesas e miñotas, outras industrias de serra van espallarse por toda a Galicia atlántica no primeiro terzo do século XX, cunha meirande concentración no sur da provincia de Pontevedra, na bacía ourensá do río Miño, e na área costeira que vai de Ponteceso a Ferrol, convertendo a rexión na primeira produtora española de táboa e táboa miúda para envases.

No informe de Cosme Fernández Soler sobre a economía da provincia de Pontevedra en 1888, recollía a existencia de tres serradoiros, dous accionados por vapor e un terceiro movido por unha cabalería, admitindo a existencia de máis serradoiros, “no contabilizados porque están escondidos al fisco”. En 1895 xa se contaban vinte e un serradoiros na provincia de Pontevedra e cinco na da Coruña, cifras que en 1905 subiron a cincuenta e catro e trinta e sete, respectivamente. Algúns serradoiros do Condado e do Baixo Miño contaban daquela con máis de unha ducia de serras instaladas.

A Gran Guerra (Primeira Guerra Mundial, 1914-1918), coa supresión das importacións de madeira foránea e unha forte subida dos prezos, provocou a expansión dos serradoiros. O remate da guerra abriría unha época difícil, caracterizada polos intentos de concentración que buscaban superar o minifundismo do sector.

Resultado dos esforzos de concentración cabe citar “Serrerías del Miño” (1927, A Guarda, vid. ficha 350), “Aserradora Gallega” (Catoira), “Serrerías Gallegas” (1929, Carril, vid. ficha 468), “Lantero e Hijos” (Vilagarcía, vid. ficha 501) e “La Industrial Maderera Cedeirense” (1930, Cedeira, vid. ficha 561).

Contra 1933, eran catrocentos noventa e cinco os serradoiros galegos con serra de cinta que pagaban a contribución industrial, e, coa súa demanda de piñeiro autóctono, dinamizaban a explotación dos montes do país.

O sector da serra, cunha excesiva especialización na primeira transformación da madeira, con apenas valor engadido, enfiaría un forte proceso de reestruturación a partir da década de 1940, do que xurdiría o sector dos taboleiros fabricados, primeiro, por agregación de chapas de madeira natural encoladas, o contra chapado (Peninsular Maderera, en Ferrol, 1945, vid. ficha 585), e despois, a partir de madeira triturada, encolada e prensada, o aglomerado (Tafisa, en Pontevedra, 1958).

A “Peninsular Maderera” desaparecería en 1976 (vid. ficha 585), pero a pioneira experiencia de Tafisa tería unha brillante continuidade cun pequeno grupo de empresas dedicadas á fabricación de taboleiros de madeira aglomerada, de partículas, de fibras, e de fibras de media densidade: Finsa (Pontecesures, 1963, vid. ficha 565), Ecar (Mondoñedo, 1964, vid. ficha 535), Losan (Curtis, 1965), e outras, ata sumar once establecementos en Galicia, a metade dos existentes en España.

Descrición Xeral do Entorno:

O taller de ebanistaría, que sería o xermolo do conxunto de actividades industriais da familia coñecida como “os Cabezas”, comezaría no centro da vila de Chantada, para instalar despois os talleres de ebanistaría, serra e moblaxe a un local máis grande e capaz no que entón era a periferia do noroeste da vila. E no centro da vila abrirían tamén os outros locais para exposición e venda de mobles, construción inmobiliaria e proxeccións cinematográficas.

Construcción:

1880.

Abandono:

Decenio de 1970 (o cine pecharía en 1983).

Descrición:

Antonio Vázquez Diéguez, nacido na Casa dos Cabezas, na parroquia chantadina de San Vicente de Argozón, aprendería ebanistaría no taller de talla dos irmáns Magariños, en Santiago de Compostela. En 1880 tornaría a súa terra natal e abriría en Chantada, na rúa Tras dos Fornos, un obradoiro de ebanistaría especializado na carpintaría relixiosa.

Coa boa marcha do negocio, non tardaría en buscar mellor acomodo para o seu taller, mudándose á Praza de Santa Ana, na esquina coa rúa Alférez Baanante.

Antonio aprenderalle o oficio ao seu irmán máis pequeno, Serafín, e os dous constituirían en 1903 unha sociedade civil para rexeren xuntos o obradoiro que sería coñecido como “Los Cabezas”, no que xa contaban cuns seis operarios. Ademais das pezas para as igrexas (reclinatorios, confesionarios, repisas e peañas para as imaxes, etc.), o taller elaboraría moblaxe para as vivendas, principalmente camas e armarios.

A finais do decenio de 1920, cando se abriu a estrada que leva a Lalín, nus solares da marxe esquerda (o que hoxe é a avenida de Portugal), Serafín levantaría un edificio ao que os irmáns trasladarían o taller e irían incorporando algunha maquinaria eléctrica abastecida pola rede da Electra Popular de Chantada (vid. ficha) para atender ás novas actividades de serra, telas metálicas e demais que iría desenvolvendo a empresa, todas funcionando no mesmo local. A subministración eléctrica sería bastante precaria ata ata 1963, coa entrada en servizo da central hidroeléctrica de Belesar.

Antonio morrería no Nadal de 1931, cando xa a empresa familiar ampliarase co serradoiro, contaba cun torno e agregaría unha serra de cinta e, máis adiante, unha máquina cepilladora. Serafín quedaría ao fronte da empresa, á que iría incorporando aos seus fillos: José, Ramón, Francisco, Antonio, Manuel, Elvira, Josefa e María Vázquez Iglesias, máis coñecidos polo alcume de Os Cabezas, para atender ás diferentes tarefas e departamentos na xestión e administración empresarial. Tan só unha das fillas, Luísa, permanecería ao marxe dos asuntos da empresa para quedar na casa axudando á súa nai.

Tralo parón da Guerra Civil Española (1936-1939), a familia dos Cabezas retomaría os seus negocios, que veríanse ampliados e diversificados coa fabricación de telas metálicas para os somieres das camas, colchóns, hábitos e ataúdes para os falecidos. O cadro de persoal chegaría a contar con trinta e cinco empregados.

José, Pepe Cabezas, estaría ao fronte do serradoiro e levaría a xerencia dos negocios familiares. Josefa, Pepita Cabezas, levaría a contabilidade dos negocios. Manuel, Manolo Cabezas, estaría ao fronte da ebanistaría e no decenio de 1960 sucedería a Pepe na xerencia. Elvira Cabezas dirixiría a sección de colchoaría e confección de telas metálicas. Francisco, Paco Cabezas, quedaría ao fronte do serradoiro no decenio de 1960. María, Maruxa Cabezas, rexentaría o local de exposición e venda de mobles que a familia abriría no número doce da rúa Doutor Mariano Cedrón. Finalmente, Ramón e Antonio faríanse cargo dos negocios de construción.

En 1946 o fillo maior, José Vázquez Iglesias, farase cargo das empresas familiares ata o decenio de 1960, no que, ao xubilarse, o sucedería o seu irmán Manuel. No decenio de 1950, os Cabezas crearían unha empresa de construción, da que, de xeito sucesivo, faríanse cargo outros dous irmáns, Ramón e Antonio.

Os Cabezas aínda ampliarían o seu abano empresarial coa construción e explotación da sala de cine “Yeca”, inaugurada en 1958 cun aforo de oitocentas butacas, proxeccións diarias e un cadro de persoal de dúas mulleres e sete homes.

Tempo de uso:

Todo o ano, aínda que as árbores se cortasen preferentemente no inverno.

Sistema de produción:

Un serradoiro é unha instalación, mecanizada ou artesanal, dedicada ao serrado da madeira e, ás veces, tamén ao seu secado. Son industrias de primeira transformación da madeira que proveen de produtos semi-acabados ás industrias de segunda transformación (carpintería, ebanistería, construción) encargadas da fabricación de obxectos ou partes de obxectos de consumo.

Os serranchíns, por canto traballan coa madeira, pódense considerar coma unha caste de carpinteiros, mais non adoitan a seren así considerados xa que limítanse á preparación do material con que han traballar os carpinteiros, diferenciación semellante á que se fai entre os pedreiros e os canteiros.

O primitivo traballo de serra facíase por dous homes que ían percorrendo o país, deténdose nos lugares nos que atopaban traballo. Aínda que non sempre, o seu traballo podía comezar polo tallado da árbore, tralo que levábase á casa do propietario. Unha vez escascado coas machadas, o tronco careábase, tamén a machetadas, dándolle unha forma máis ou menos prismática de catro caras.

Marcado o tronco para facer as táboas, púñase un cabo del no burro, quedando o outro no aire; entón, un dos serranchíns axeonllábase baixo del, namentres o outro rubía ao pao coa serra e comezaban o traballo, alternándose un e outro no posto ocupado.

O corte mantense aberto coas tillas, e cando chega ao burro, sen soltar totalmente a táboa, comézase outra, e a seguinte, até rematar. Rematada a serra, baixase o pau ao chan e vanse tirando as táboas, rachando o anaco do cabo que as mantén xunguidas.

As táboas póñense entón unhas riba doutras, aos pares, e apoiadas nos extremos para que sequen sen empenar (curvarse ou torcerse), formando torres ou castelos de táboas estibadas en pías, que pasarán varios meses ao aire para o secado da madeira. Xa secas, pasarán ás mans dos carpinteiros para a súa utilización ou traballado.

Os serranchíns itinerantes foron desaparecendo co estabelecemento das serras mecánicas, unhas movidas pola forza da auga, outras accionadas por máquina de vapor, motor de gasolina ou motor eléctrico. Coa modificación do serrado, saía máis a conta levalos troncos a serrar nas fábricas, nas que despois quedarían tamén a secar, ao aire ou en cámaras de secado nas que se introduce aire quente para acelerar e mellorar o proceso.

Os primeiros serradoiros mecánicos eran accionados pola auga dun curso fluvial, que facía virar unha roda a partir da cal convertíase o movemento circular nun movemento rectilíneo alternativo por medio do mecanismo coñecido como biela manivela. A dependencia do curso fluvial para a localización do serradoiro viña compensada pola posibilidade de empregalo para o transporte dos troncos de madeira, e mesmo dar saída aos puntais e táboas elaborados. Os serradoiros máis sinxelos tiñan unha serra simple, e os máis complexos dispuñan ademais de serras, tornos e cepilladoras, accionados tamén hidraulicamente combinando rodas e correas de transmisión.

As primeiras serras de movemento alternativo ou de vaivén foron superadas polas serras de cinta, ou serras sen fin, dotadas dunha longa folla dentada de metal flexible, dobrada e unida polos estremos como unha correa de transmisión, que pasa por dous tambores que a manteñen tirante e a arrastran ao xirar, producíndose o corte polo continuo deslizar da serra sobre a peza a cortar.

As “serras de vapor” tiñan a vantaxe adicional de empregar, cando menos parcialmente, os seus propios residuos de proceso como combustible (casca, costeiros, tacos, serraduras). Por outra banda, a técnica era ben sinxela e barata, xa que, superadas as serras de vaivén, reducíase ao emprego dunha serra de cinta, malia que contra a década de 1920 os serradoiros de maior tamaño contaran tamén coas máis custosas serras de carro.

Abandonadas as primitivas serras alternativas (de bastidor e vaivén), ademais das sinxelas serras de cinta (ou sen fin), empréganse serras circulares, serras de tambor (que resultan de acoplar varias serras circulares nunha árbore común) e serras de cadea. A serra (a folla de ferro co fío dentado) pode telos dentes triscados ou sen triscar (nesta, cada dente produce, por si mesmo, o ancho total do suco).

Para completar o traballo de serrado, algúns serradoiros completaban a dotación mecánica con acepilladoras (de arranque de labras e de abrasión), máquinas de por ao groso, tornos, barrenos, fresas, e demais útiles propios da carpintería.

As “serras de vapor” irían sendo substituídas polas serras eléctricas, pero moi lentamente, tanto pola precariedade do subministro de electricidade, como pola economía que supuña o aproveitamento dos seus propios residuos.

No obradoiro de ebanistaría os operarios traballarían sobre as pezas de madeira, principalmente castiñeiro e nogueira, pero tamén piñeiro. Após a preparación primeira da peza no banco de carpintaría (escuadrado, canteado), irían arrancándolles labras coas gobias ata conseguir as formas apetecidas, para despois facer a iguala e pulido das superficies cos cepillos e lixas, e finalmente rematar a talla co vernizado.

Para a fabricación das telas metálicas do somieres recibíase arame co que as traballadoras preparaban as espirais que despois irían tecendo entrelazándoas unhas coas outras ata formar unha tela do tamaño adecuado para cada somier. A tela cravábase despois no armazón e traveseiros, apertando os longos parafusos do traveseiro móbil ata ter a tela ben tensada.

Os colchóns preparábanse cosendo as teas para formar as fundas que despois enchíanse co la de ovella do país, lavada, vareada e cardada.

Actividades laborais:

O conxunto de actividades ía repartido entre a ebanistaría, o serradoiro, a confección de telas metálicas, hábitos fúnebres e colchóns, a construción (canteiros, albaneis, carpinteiros, peóns e pinches) e a sala cinematográfica.

Emprego:

Seis homes na ebanistaría; quince homes no serradoiro (trala mecanización quedarían seis); cinco mulleres na confección; trinta homes na construción; e dúas mulleres e sete homes no cine.

Materias Primas:

Madeira de castiñeiro (Castanea sativa), nogueira (Juglans regia), e piñeiro do país (Pinus pinaster). Arame, parafusos e puntas. Telas e forros. Pinturas e vernices.

Produtos Elaborados:

Tallas artísticas, mobles, somieres, colchóns, cadaleitos, táboas para a construción, tela metálica para ferraxarías.

Distribución e comercialización:

Rexional.

Referencias Bibliográficas:

Carmona Badía, Xoán (2015): “Do Asma ao Miño: apuntes para a historia da industria eléctrica na comarca de Chantada”, en Alicerces. Revista de estudos do Miño medio, Tomo I (2015), p. 15-31. Chantada: Irmandade de Cultura País do Faro. ISBN 978-84-608-6823-1.

Carmona Badía, Xoán; Nadal Oller, Jordi (2005): El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Lorenzo Fernández, Xaquín (1962): “Etnografía: cultura material. Os oficios: Serranchíns”, en Ramón Otero Pedrayo (dir.) Historia de Galiza, vol. II, O home-II, p. 472-476. Buenos Aires: Editorial Nós.

Lorenzo Fernández, Xaquín (1983): “Serranchíns”,en Os oficios, p. 12-18. Biblioteca Básica da Cultura Galega, Vigo: Editorial Galaxia. DL VG-18-1983. ISBN 84-7154-425-3.

Otero Eiriz, Claudio (2015): “Os Cabezas: unha caste empresarial encol da madeira nas terras do Asma”, en Alicerces. Revista de estudos do Miño medio, Tomo I (2015), p. 33-64. Chantada: Irmandade de Cultura País do Faro. ISBN 978-84-608-6823-1.

Rambuscheck, O. (1926): “Máquinas de trabajar la madera”, en Manual del Ingeniero, Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, trad. de la 24ª edición alemana tomo II, capítulo III: Máquinas operadoras, sección I: Máquinas-herramienta, apartado B, p. 437-443. Barcelona: Gustavo Gili.

Rico Boquete, Eduardo (1993): A riqueza forestal de Galicia no século XX: producción e explotación, Tesis doctoral, dirigida por el Profesor Ramón Villares Paz, inédita. Universidade de Santiago de Compostela.

Rico Boquete, Eduardo (2014): “La industria del aserrío mecánico en Galicia, 1856-1935”, en Historia Agraria, 62, Abril 2014, p. 83-116. ISSN 1139-1472.

Taboada Arceo, Antonio (1971): Galicia, estructura y ritmo socio-económicos. La Coruña: Servicio de Estudios y Publicaciones de las Cámaras Oficiales de Comercio, Industria y Navegación de Galicia. DL C-145-1971.

Zapata Blanco, Santiago (2001): “La madera en España (c.1850-c.1950): un primer esbozo”, en Revista de Historia Económica, Año 19, núm. 2, 2001, p. 287-343. ISSN 0212-6109.

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 155-I Chantada /// Datum ETRS89: H 29 // 600.664,91 m / Y 4.718.113,54 m

Centro Nacional de Información Geográfica (s/d): Fotototeca Digital, Instituto Geográfico Nacional, Ministerio de Fomento del Gobierno de España [en línea] Disponible en internet: http://fototeca.cnig.es/ [Acceso 28 febreiro 2020].

Instituto de Estudos do Territorio (IDE) da Xunta de Galicia (s/d): Información Xeográfica de Galicia: visualizador de mapas [en liña] Dispoñible na Internet: http://mapas.xunta.es/visualizador-de-mapas [Acceso 4 abril 2020].

Instituto Geográfico Nacional (s/d): Serie MTN25 (Mapa Topográfico Nacional 1:25.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional25.jsp? [Acceso 9 abril 2014].

Xunta de Galicia (Consellería do Medio Rural) (s/d): Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícola (SixPac): visor de mapas [en liña] Dispoñible na Internet: http://sixpac.xunta.es/visorsixpac/ [Acceso 4 abril 2020].

Data de Actualización:

3 xaneiro 2021