636 Sedería en Monforte de Lemos

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: Lugo
  • Concello: Monforte de Lemos
  • Parroquia: Monforte de Lemos (urbana)
  • Lugar: Monforte de Lemos
  • Paraxe: O Morín
  • Dirección: Non procede
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 42.53531852009337
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -7.507481458885499
  • Coordeadas UTM: Datum ETRS89: H 29 // X 622.729,18 m / Y 4.710.290,43 m
  • Clasificación: Industria téxtil
  • CNAE: 13.10 Preparación e fiado de fibras téxtiles. 13.20 Fabricación de tecidos téxtiles.
  • Tipoloxía: Fabricación de fiados e tecidos de seda
  • Comarca: Terra de Lemos
  • Marco Xeográfico: Marxes do río Cabe nos arredores da vila de Monforte, no centro do Val de Lemos.
  • Ámbito: Rural (hoxe, periferia urbana)
  • Acceso: No centro de Monforte de Lemos localizamos a estrada LU-546 cara ao norte, a Sarria, e a pouco máis dun quilómetro chegaremos ao barrio de Morín, que fora núcleo dos cultivos de moreiras no Val de Lemos.

Tipo de propiedade:

Privada no dominio público hidráulico.

Visitable:

Ademais das rúas da vila que acolleran aos sedeiros e teceláns, pódense camiñar as ribeiras, nas que inda atópanse algunhas more

Xestión de visitas:

Non procede.

Historia:

Aínda que no centro e o norte da Europa non fallan achados que proban a existencia no neolítico de tecidos de liño e de la (o tecido europeo de lá máis antigo que se coñece descubriuse nun lamazal danés e datárase contra o 1500 a.C.), e mesmo o emprego de certos aparellos para elaboralos, en Galicia temos que esperarmos até a cultura castrexa para contar con testemuñas directas da primitiva industria do tecido.

Antes da invención das cizallas –probabelmente na Idade de Ferro– a lá arrincábase a man ou con peites de cobre. No tempo dos romanos, a la, o liño, e o coiro vestían á poboación europea; o algodón da India era unha curiosidade da que só os naturalistas oíran falar; e a seda, importada dende China pola Ruta da Seda, era un luxo extravagante.

Cinco foron as fibras téxtiles fundamentalmente empregadas dende a Idade Media en España para a elaboración de tecidos, redes e cordas: dúas de orixe animal, a la e a seda, e tres de orixe vexetal, o cáñamo, o liño e o algodón. A la e o liño, abondosas no norte da península, serían as preferidas para a confección de vestimenta. O algodón quedou practicamente restrinxido á súa zona de cultivo, o val do Guadalquivir, de Xaén a Cádiz, empregándose para vestidos. A seda, ligada a poboacións de orixe musulmán, dende Aragón ata Granada e Málaga, pasando por todo Levante, só foi utilizada en roupas suntuarias. E o cáñamo, ou cánabo, cultivado en na metade meridional peninsular, A Mancha, Murcia e Andalucía, empregábase para a confección de tecidos bastos e resistentes, cordas e enxarcia para as embarcacións.

Despois da romanización, son case que inexistentes as referencias aos tecidos en Galicia, aínda que cabe supor que continuarían coa técnica romana. Xa na Idade Media galega, atópanse referencias documentais (vendas, testamentos) aos tecidos, nomeadamente de liño, deixando mesmo pegadas nalgunhas tampas sepulcrais de Noia e Compostela (Santa Susana). En calquera caso, trataríase dunha industria moi rudimentaria, artesá e practicamente para autoconsumo, que elaboraría tecidos máis ben ruíns para o consumo do común. As pezas e prendas de máis calidade seguirían a ser importadas.

Habería de pasar moito tempo ata que chegaran a Galicia os primeiros intentos para impulsar os sectores industriais en xeral e o téxtil galego en particular, grazas á política económica borbónica que iniciara Felipe V (1700-1746) e continuarían Fernando VI (1746-1759), Carlos III (1759-1788) e Carlos IV (1788-1808), política que buscaba modernizar un país no que abundaban sistemas de traballo primitivos e de escaso rendemento, un país no que era máis que notoria a ausencia de capitais, máquinas e –por riba de todo–- iniciativa empresarial.

Malia que a elaboración de tecidos de la tivera algunha importancia en todo o nordés da provincia de Pontevedra (nomeadamente, Cotobade, Tabeirós e Montes), e de que no sueste da de Lugo e o nordés da de Ourense se traballara a seda (Monforte, Valdeorras, Quiroga, Castro Caldelas e Sober), dun xeito que arrela foi o liño a principal fibra obxecto de transformación téxtil.

Con todo, e a maiores das actividades do rural que servían para completar a subsistencia das familias campesiñas, sábese de algunha experiencia coa la propiamente industrial, como fora entre 1793 e 1826 a da fábrica de panas dos irmáns Lees en Pontevedra (vid. ficha 232).

Pódese dicir que dende principios do século XVIII o liño é o motor económico principal na vida rural dunha Galicia súper poboada, cunha difusa e parcelada poboación campesiña que atopa nas feiras locais a consolidación da transacción polo miúdo de fibras, fíos e tecidos.

Xa no tránsito do século XVIII ó XIX son famosos os lenzos de Viveiro e de Mondoñedo, de Padrón e de Caldas, e os centros de recolleita e comercialización de liño de Verín, A Fonsagrada e Ordes, mais as liñeiras de Galicia non son bastantes para o abastecemento dos seus teares, e vai medrando a entrada de expedicións das veigas leonesas e zamoranas, e mesmo de Rusia, os países do Báltico e Holanda, chegando a supor o oitenta por cento dos lotes manexados nos teares galegos.

Os primeiros intentos modernizadores do sector liñeiro adquirirían os lenzos producidos pola industria popular para o seu branqueado ou tinguido en instalacións centralizadas, con procedementos químicos fora do alcance das familias campesiñas, o que ademais permitiría manufacturar produtos homoxéneos dunha meirande calidade. Cabe citar a fábrica de “holandillas” de Luís López de Lombardía (Mondoñedo, 1738, vid. ficha 630), a de lenzos “a imitación de los de Westfalia” de Joaquín Cester (Ribadeo, 1774, vid. ficha 640), e a coruñesa de Monte Alto (1796, vid. ficha).

As iniciativas no ámbito do algodón terían a priori máis posibilidades de éxito, pois na segunda metade do século XVIII este sector contaba xa con adiantos técnicos bastantes para acadar un grado de mecanización importante. A pexa foi que contra 1770 no existía en Galicia ningunha tradición de manufactura do algodón. Intentaríase sacar adiante fábricas de acabados e estampado de tecido de algodón importado, como as de Jerónimo de Hijosa (1770, en A Coruña), Josef Iglesias (Palavea, 1772) ou Miguel de Lagoanère (Cecebre, 1773), e, xa no cambio de século, os intentos de fábricas integradas de tecidos de algodón dos irmáns Lees (Pontevedra, 1798, vid. ficha 232) e da viúva de Vieytes (Santiago, 1805).

A comezos do século XIX, a perda dos mercados coloniais, a competencia do contrabando británico de tecidos de la e de algodón, a importación de fiados de liño e a consolidación do téxtil catalán coa competencia crecente do algodón, vai acelerar a decadencia de todo o téxtil galego, xa fose de liño, de lá ou mesmo de algodón.

Por outra banda, a repatriación de capitais americanos e os fortes ingresos xerados pola exportación de gran favorecería en Galicia algúns investimentos produtivos que buscaban aproveitarse do devandito arancel para implantar modernas industrias de tecidos de liño.

Tres foran os estabelecementos que se puxeran daquela en marcha en Galicia para a fabricación de tecidos de liño: en 1845 a fábrica do Seixo (vid. ficha 154); en 1847 a fábrica do Roxal (que comezara en 1843 co algodón, vid. ficha 098); e en 1850 a fábrica de Chavín (vid. ficha 376).

Desestimados os intentos de mecanización do traballo do liño, as novas iniciativas téxtiles que xorden en Galicia a comezos da década de 1870 van quedar restrinxidas o ramo do algodón, favorecidas pola avanzada liquidación das industrias rurais, o que lles supón unha menor competencia na conquista dunha pequena parcela do mercado rexional. Foron estas industrias “La Primera Coruñesa” (1873, vid. ficha 492), “Barcón y Cía.” (1873, vid. ficha 452), e “La Arzuana” (1890, vid. ficha 201), pero esta é xa outra historia…

Descrición Xeral do Entorno:

Amósanse nesta ficha como exemplo de zonas nas que cultiváronse as moreiras, as marxes do regacho de Morín, o regueiro de Rioseco e o río Cabe nos arredores da vila de Monforte, no centro do Val de Lemos.

Construcción:

Século XIV.

Abandono:

Século XIX.

Descrición:

Sábese da importancia crecente da industria téxtil sedeira peninsular desde a invasión musulmá, cunha primacía indiscutíbel a partir do século IX en Córdoba, Almería e Granada. Algunha noticia hai da industria da seda en León no século XI, e do seu establecemento en Galicia, no Val de Lemos, Castro Caldelas, Quiroga e Valdeorras, nos séculos XIV e XV, posiblemente de mans dos monxes bieitos. Favorecida e protexida a actividade sedeira polos Reis Católicos e os seus continuadores, o peso na economía do reino sería extraordinario nos séculos XVI e XVII, tendo xa as súas ordenanzas xerais as xuntas de sedeiros de Sevilla, Granada, Toledo, Valencia e Murcia.

Non ten nada de estraño, xa que logo, que o reformismo económico impulsado desde o primeiro Borbón, Felipe V (1700-1746), buscara o seu fomento, favorecendo a industria da seda con privilexios e desgravacións e regulando as “alcaicerías”, nas que comerciábase con seda crúa ou en rama.

En Monforte de Lemos, despois dos bieitos, serían os monxes franciscanos e os señores quen favorecerían o cultivo e tecido da seda. O núcleo desta industria estaría no barrio de Morín, polo que discorren o regato do mesmo nome, hoxe en día máis coñecido como regacho de Arroxo, e o regueiro de Rioseco, que terían as súas ribeiras cheas de moreiras coas que se alimentaban os vermes da seda.

Pedro Fernández de Castro, o sétimo conde de Lemos, promovía en 1618 un ambicioso proxecto para impulsar a industria sedeira nas terras de Lemos. Non dubidaría en contratar en Murcia a un especialista, Pedro Soler, para plantar moreiras nos arredores de Monforte e aprenderlles aos veciños a facelo, a criar os vermes e a elaborar o fío de seda.

Consciente do bo negocio que había na seda, o conde de Lemos tamén contrataría en 1621 a Lorenzo Pérez, mestre sedeiro en Madrid, para que se trasladase a Monforte, coa súa familia e acompañado a lo menos por un torcedor e un tintureiro, e que residisen na vila durante dez anos para aumentar o traballo e tinguido da seda. O contratante adiantaría os cartos para o traslado e o arranque do negocio, e o contratado quedaría libre de impostos e alcabalas, e tería oito anos para devolver o empréstito máis un cinco por cento de interese anual. Para sacar adiante a empresa, o madrileño asociaríase co mercador e comerciante monfortino Antonio Fernández.

A industria sedeira prosperaría durante uns anos no Val de Lemos, e o gremio monfortino dos sedeiros asentaríase nas rúas de Sedeiros, hoxe chamada do Cardeal, e de Teceláns, nome que inda perdura. Non sabemos o tempo que duraría próspero o negocio nas terras de Lemos. En 1780 dise que moitos señores fidalgos percibían rendas dos casullos e da seda en rama, pero no ano 1784 documéntase que “en todas los riveras del Rio Sil desde el Puente de Domingo Flórez hasta que se junta con el Rio Miño, no dexa de haver alguna cosecha de seda, como también en el Valle de Lemos, especialmente en la rivera del Rio Cabe”, malia o que se indica que o cultivo das moreiras e a obtención da seda “un ramo como otro está muy atrasado” e que “son raras las moreras; los morales muchos; y aunque algunos no dexan de aprovecharse de ellos, sale la seda muy basta”.

A decadencia da industria sedeira sería irreversible e Lucas Labrada anotaría en 1808 na súa “Descripción económica del Reyno de Galicia”que “algunas mugeres hilan por si mismas el capullo, pero muy en bruto, para hacer medias, y las más venden los capullos por ferrados á los de Monforte (…) que hilan para cedazos sin color alguno (…) seda muy fuerte y sólida pero gorda y de mal tinte”.

Sistema de produción:

A produción e distribución de produtos téxtiles é relativamente complicada, xa que segundo o tipo de tea, a materia prima (sexan fibras vexetais ou animais, e mesmo produtos químicos) pode prepararse de maneira independente ou como unha etapa preliminar na fabricación da tea, polo que o número de procesos distintos implicados na produción pode variar segundo cada produto téxtil.

A primeira etapa na fabricación de téxtiles implica a produción da materia prima, a fibra, xa sexa polo cultivo do algodón, do liño ou doutras plantas fibrosas, a cría de ovellas para lá ou de vermes para seda, a manufactura (raión, viscosa) ou a produción química (nylon e outras poliamidas, poliéster, polivinilo, aramida, acrílicas, elastómeros, etc.). De seguido, a fibra fíase e despois úsase o fío (cru ou tinguido) para elaborar os tecidos.

As fibras en si mesmas son materias carentes das mínimas propiedades industriais, polo que precisan dunha primeira modificación que converta o pelo dun animal ou o talo dunha planta (fibra en rama) en un elemento apropiado –a fibra limpa, restrelada, cardada e peiteada– para ser traballado até se transformar en fío continuo. O fiado das fibras era a segunda transformación, consistente na agrupación e torcido dos filamentos de tal xeito que quedaran trabados entre eles formando un fío continuo, a base das seguintes transformacións.

As fías (as fibras xa fiadas) agrupábanse entón para obter a lonxitude desexada da tea a confeccionar, o urdido que se montaba no tear para proceder á realización da trama que daría como resultado o tecido. Ademais dos teares, verticais ou horizontais, a textura podía tamén ser realizada tecendo con agullas, cunha febra continua que evolucionaba sobre si mesma, uníndose por medio de unha grande variedade de puntos acaídos ó resultado desexado, dende unha media a unha rede formada por mallas. Os tecidos xa fabricados e finalizado o seu acabado (abatanado, lavado, etc.) cortábanse co tamaño e a forma requirida para a elaboración de vestidos, cobertores, velas, toldos, bandeiras, etc.

A mecanización vai mudando os usos e costumes, facilitando o traballo e a competitividade, mellorando a calidade e reducindo os custos. A baratura do fiado de importación facilitou o abandono dos duros labores do cultivo do liño, que non chegou a se mecanizar en Galicia. Aínda que si se mecanizaron as tarefas do urdido, do branqueado, do tecido, que mudaron a individualidade dos teares rurais pola centralización do maquinismo, demandando nesta angueira un novo e principal ben que vai ser en adiante imprescindíbel na industrialización: a enerxía.

A fabricación de tecidos comeza polo procesado da fibra, sexa o vélaro das ovellas (ou o pelo doutros animais, coello, camelo, alpaca, vicuña), a seda dos vermes, ou a fibra do liño, do algodón ou de calquera outra planta téxtil (cánabo, yute, ramio). A lá debe ser clasificada e lavada antes do seu fiado. A seda desenrólase dos casulos despois de abrandar a goma natural en auga quente, o que permite unha separación doada sen romper as finas fibras. A fibra do liño vai obterse despois dunha serie de operacións mecánicas e químicas. O algodón en bruto procésase coa “desmotadora”, que elimina as sementes e outras impurezas, antes de ser transportado en balas ao fiado.

Obtida unha fibra susceptible de ser fiada, os filamentos continuos agrúpanse e tórcense para formar longos fíos de varias febras. Os filamentos rotos e o material de refugallo aprovéitanse e fíanse de maneira similar á empregada para as fibras curtas.

As fibras sintéticas (sexan rayón e acetatos derivados da celulosa, ou ben fibras realmente sintéticas, como nailon, poliéster, polipropileno, fibras acrílicas ou mesmo fibra de vidro) subminístranse xa en forma de filamentos ou de fibras curtas, xa como fibra de filamento continuo. As fibras sintéticas curtas procésanse antes do fiado de forma similar ao algodón cru ou a la, mentres que as de filamento continuo convértense en fío igual que a seda.

Unha vez fiadas as fibras, o fío obtido vai tecerse, a man ou a máquina, para obter a tea ou tecido. Un tecido é unha estrutura téxtil obtida por entrelazado de un só fío (tecido de punto) ou de dúas ou máis series de fíos, cada unha das cales móvese segundo unha determinada lei (tecido plano e tecido aglutinado).

Pódense distinguir tres métodos de fabricación de tecidos: a man, entrelazando varios fíos dunha forma non paralela ao eixe do tecido; en tear, no que un conxunto de fíos paralelos (urda) entrelázanse con outros que os cruzan perpendicularmente (trama) para formar unha tea ou tecido; o encaixe, no que se fai pasar un fío entre outros grupos de fíos; e o aglutinado, en que as fibras únense entre si por presión, calor ou pegamento. Trala tinguidura e o rematado da tea, o material pode subministrarse directamente a un fabricante de produtos téxtiles ou a un retallista que o vende a particulares que confeccionan pezas de vestir ou roupa de casa.

O tecido de punto é o formado por mallas, bucles ou puntos, empregando un só fío moi longo. Faise anoando o fío para formar unha reixa cunha serie de lazadas máis ou menos amplas unidas entre si. Pódese tamén facerse pasando unha lazada de fío sobre unha agulla para logo pasala a outra agulla, entrelazando sempre o mesmo e único fío para formar unha soa estrutura. Os ligamentos básicos do tecido de punto son: baeta, flanela, xersei, piqué. As teas de tecido de punto son difíciles de manexar, esvaran ao cortalas e estiran doadamente, pero adáptanse moi ben ao corpo.

As orixes deste tecido, tamén chamado de malla, elaborado a man e hoxe en día tamén mecanizado, remóntanse ao anoado de redes para a caza e a pesca nos pobos antigos. O tecido xurde ao formar unha reixa entrelazando un longo fío continuo mediante agullas, nunha serie de lazadas máis ou menos amplas unidas entre si. O tecido con agullas foi introducido en Europa polos árabes no século V e floreceu en Inglaterra e Escocia durante os séculos XIV e XV, reivindicando os escoceses tanto a súa invención coma a súa introdución en Francia.

Todos os labores de punto facíanse a man, ata que no 1589 o clérigo inglés William Lee inventou unha máquina para tecer medias; porén, a raíña Isabel I de Inglaterra negoulle unha patente, ao entender que o invento era unha ameaza para os tecedores. A máquina utilizouse noutros países e preparou o camiño para posteriores melloras, das que a primeira chegou en 1758, cando o británico Jedediah Strutt, un tecelán de algodón, inventou un aditamento para o bastidor de medias que permitía confeccionar tecidos acanalados (canalé).

A principios do século XIX, o enxeñeiro británico Marc Isambard Brunel inventou un bastidor circular ao que denominou “tricoteur”. O tecido de fíos máis grosos fíxose posible cando outro inventor británico, Matthew Townsend, incorporou unha agulla, dotada nun dos seus extremos dun gancho cun peche e patentouna en 1858. En 1864, o tamén británico William Cotton introduciu unha mellora nas máquinas mecánicas que permitía dar forma aos talóns e punteiras de medias e calcetíns, e que sentou as bases para as modernas máquinas de confección completa. As tecedoras automáticas introducíronse por primeira vez en 1889.

O tecido plano faise nunha máquina chamada tear, manual ou mecánico, e vai elaborándose entrecruzando unha serie de fíos paralelos entre si (trama) cunha serie de fíos, tamén paralelos entre si (urdido) pero suxeitos ao armazón do tear, e que normalmente forman un ángulo recto cos primeiros. Segundo que os fíos de trama e urdido se crucen simplemente, ou que cada dous fíos de urdido contiguos se crucen alternativamente de dereita a esquerda e viceversa (abrazando, en cada cruce, o fío da trama), vanse obter tecidos de ligamento recto, ou tecidos con ligamento de volta (gasas). Os ligamentos fundamentais de urdido e trama son o tafetán (tecido liso, ou á plana), a estameña (tecido cruzado, ou sarga) e o satén (raso).

O tecido en tear manual remóntase á era antiga e utilizouse nas civilizacións chinesas e de Oriente Próximo antes de alcanzar Europa. O seu uso está aínda moi estendido nos países en vías de desenvolvemento e nos países industrializados utilízase tamén para tecer teas artesanais para decoración.

O tear manual vai montado sobre un bastidor de soporte das partes móbiles, cos fíos da urda (ou urdidoira) paralelos con respecto ao chan, e paralelos entre si. Na parte posterior do tear vai un cilindro arredor do cal se enrolan os fíos da urdidoira para mantelos tensos. O cilindro xírase a medida que se fabrica o tecido, para dispoñer de máis urda para tecer. Na parte do tear onde se instala o fío da trama cada fío da urdidoira pasa a través dun orificio situado na parte central dun arame vertical chamado lizo. Os distintos lizos están unidos a un arnés de metal ou de madeira de forma que poidan levantarse ou baixar os lizos nun só paso, xunto cos fíos de urdidoira que os atravesan.

Nestes teares o picado faise manualmente, e o tecedor pasa a través do oco que deixan as urdas levantadas sobre as inmóveis, unha lanzadeira que contén unha bobina de fío de trama. Despois de cada paso da lanzadeira, o fío da trama golpéase contra o fío anterior, movendo cara a adiante e cara a detrás un batente, un peite cunha fileira de arames. Despois de bater o fío, o tecedor fai descender os lizos que estaban levantados e levanta os que estaban baixados, cambiando desta forma o oco.

O primeiro paso na mecanización do tear foi a lanzadeira voante, patentada en 1733 polo inventor británico John Kay. Consistía nun mecanismo de pancas que empurraba a lanzadeira por unha pista. A lanzadeira voante aumentou considerablemente a velocidade de tecido e permitía que unha soa persoa puidese realizar o picado sen dificultade.

Edmund Cartwright, outro inventor británico, perfeccionaría a idea de Kay e patentaría o primeiro tear mecánico en 1786. A detención do tear por rotura da trama ou da urda, ou por fallo da lanzadeira, o intercambio de lanzadeira co tear funcionando, e outras melloras irían implantándose paulatinamente, e, a principios do século XIX, o tear mecánico utilizábase amplamente.

A realización de tecidos máis elaborados, e con figuras ou debuxos, require o emprego de teares de máis de dous arneses, con cadanseu conxunto de lizos. Por exemplo, a fabricación de tecidos de sarga, exixe tres ou máis arneses, controlados cun cabezal que determina o arnés que está levantado ou baixado en cada pasada da lanzadeira.

A principios do século XIX, o inventor francés Joseph Marie Jacquard perfeccionaría o tear suprimindo os arneses de lizos e manexando os fíos da urdidora cun conxunto de arames verticais unidos a un cabezal situado na parte superior do tear. O chamado “cabezal Jacquard” vai controlar o proceso de tecido cunhas tarxetas perforadas que corresponden aos diferentes patróns da trama, cos orificios abertos onde se desexa que se levante ou baixe o correspondente fío da urda. Deste xeito é posible producir patróns de maior dificultade que os que permitían os teares precedentes.

No caso de empregarse fibras con fíos tinguidos, utilizanse lanzadeiras diferentes para cada cor da trama, e intercámbianse en función do patrón de cores da tea.

Os teares de hoxe en día prescinden da lanzadeira, empregándose un dardo (sistema suizo) ou un chorro de aire ou auga a alta presión, co que chegan a insertar ata mil cincocentos fíos de trama por minuto.

O tecido aglutinado fabrícase con fibras non fiadas (naturais ou sintéticas) que van humectarse e someterse a presión e calor, co cal as fibras van adherirse formando o tecido. Os sistemas principais son os que empregan resinas aplicadas sobre o retículo das fibras que saen da máquina formadora, e os que utilizan fibras termoplásticas que forman o retículo e se prensan entre rolos quentes.

Os produtos téxtiles poden tinguirse de varias maneiras: coloreando as teas xa tecidas (tinguido na peza); poden tinguirse as fibras nunha cuba antes do fiado (tinguido en bruto); e pode tinguirse o fío antes de tecelo (tinguido no fío). No caso dos fíos sintéticos, pódeselle dar un tinguido previo incorporando pigmentos coloreados na solución de fiado antes da extrusión dos filamentos (tinguido en masa ou solución).

O estampado dos tecidos faise principalmente por “huecograbado” por medio de rolos de cobre nos que as depresións cóbrense coa pasta de estampado. Pódese facer tamén por impresión en relevo ou co emprego de retículas.

Ademais do tinguido e o estampado, as teas poden recibir outros acabados para mellorar o aspecto ou calidades: resistencia ás engurras, pregaduras permanentes, resistencia ao encollido, etc.

Actividades laborais:

A cría dos vermes e o fiado era habitualmente realizado por mulleres, en tanto que os homes encargábanse da plantación e cultivo das moreiras, e do tecido e preparación das pezas.

Emprego:

Sen datos.

Materias Primas:

Moreira (Morus alba) e moreira negra (Morus nigra) para alimentar aos vermes da seda (Bombyx mori).

Produtos Elaborados:

Fío de seda e tecidos de seda de variadas calidades e tamaños.

Distribución e comercialización:

Principalmente comarcal.

Referencias Bibliográficas:

Aira Pardo, Felipe (2014): Reseña histórica sobre la sedería de Monforte de Lemos [en línea] Disponible en http://www.jrcasan.com/MONFORTE/sederia/seda.htm [Acceso 24 decembro 2020].

Brüggemann, H. (1942): “Tecnología textil y fabricación del papel. Industrias textiles”, en Manual del Ingeniero, Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, 2ª ed. trad. de la 26ª edición alemana, Tomo IV, Capítulo VII, p. 777-857. Barcelona: Gustavo Gili.

Carmona Badía, Joam (1990): El atraso industrial de Galicia. Auge y liquidación de las manufacturas textiles (1750-1900), Barcelona: Ariel. DL B-35453-1990. ISBN 84-344-6566-3.

Carmona Badía, Xoán (1990): “Crisis y transformación de la base industrial gallega, 1850-1936”, en Jordi Nadal Oller y Albert Carreras Odriozola (direc. y coord.) Pautas regionales de la industrialización española (siglos XIX y XX), p. 23-48. Barcelona: Ariel. DL B-218-1990. ISBN 84-344-6563-9.

Carmona Badía, Xoán; Nadal Oller, Jordi (2005): El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Casanova Otero, José Ramón (2005): La sedería en Monforte (artículo de Manuela Sáez) [en línea] Disponible en http://www.jrcasan.com/MONFORTE/sederia/seda_voz.htm [Acceso 07/01/2021].

Comisión Española de la Ruta de la Seda (1996): España y Portugal en las rutas de la seda: diez siglos de producción y comercio entre Oriente y Occidente. Barcelona: Universitat Autònoma de Barcelona, Servei de Publicacions. ISBN: 84-475-1470-6.

Córdoba de la Llave, Ricardo (2008): “Industrias del tejido y del cuero”, en Pedro Navascués Palacio (coord.) Ars Mechanicae: ingeniería medieval en España, p. 225-233. Fundación Juanelo Turriano. Madrid: Ministerio de Fomento (CEDEX-CEHOPU). DL M-46232-2008. ISBN 978-84-7790-470-0.

Dávila Corona, Rosa María; Durán Pujol, Montserrat; García Fernández, Máximo (2004): Diccionario histórico de telas y tejidos. Colección Estudios de Historia. Consejería de Cultura y Turismo de la Junta de Castilla y León. Salamanca: Caja Duero. ISBN 84-9718-206-5.

Franch Benavent, Ricardo (coord.); Navarro Espinach, Germán (coord.) (2017): Las rutas de la seda en la historia de España y Portugal. València: Universitat de València. ISBN: 978-84-9134-137-6.

Herrero García, Miguel (2014): Los tejidos en la España de los Austrias. Fragmentos de un diccionario. Madrid: Centro de Estudios Europa Hispánica, 2014. ISBN 978-84-15245-41-4.

Jurado Torres, Francisco Javier (2010): En busca da seda de Lemos [en liña] Dispoñible en http://follalcauciles.blogspot.com/2010/10/en-busca-da-seda-de-lemos-i.html [Acceso 24 decembro 2020].

Labrada Romero, José Lucas (1804): Descripción económica del Reyno de Galicia, Ferrol, edición facsimilar de 1971 de Francisco Javier Río Barja, Vigo: Galaxia. DL VG-62-1971.

Larruga Boneta, Eugenio (1800): “Fábricas de sombreros, lienzos y metales del Reyno de Galicia”, en Memorias políticas y económicas sobre los frutos, comercio, fábricas y minas de España, con inclusión de los Reales Decretos, Órdenes, Cédulas, Aranceles y Ordenanzas expedidas para su gobierno y fomento. Tomo XLV, p. 155. Madrid: Oficina de Don Antonio Espinosa, MDCCC.

Liarte Alcaine, María Rosa (2010): “La industria de la seda en España durante la Edad Moderna”, en Revista de Clases – Historia. Publicación digital de Historia y Ciencias Sociales, artículo núm. 67, 26 enero 2010. ISSN 1989-4988.

Lorenzo Fernández, Xaquín (1962). “Etnografía: cultura material. Os tecidos”, en Ramón Otero Pedrayo (dir.) Historia de Galiza, vol. II, O home-II, p. 623-658. Buenos Aires: Editorial Nós.

Lorenzo Fernández, Xaquín (1983). “Os tecidos”,en Os oficios, Biblioteca Básica da Cultura Galega, Vigo: Editorial Galaxia, p. 223-273. DL VG-18-1983. ISBN 84-7154-425-3.

Partearroyo Lacaba, Cristina (1982): “Telas. Alfombras. Tapices”, en Antonio Bonet Correa (coord.) Historia de las artes aplicadas e industriales en España, p. 349-388. Madrid: Cátedra. ISBN 84-376-0373-0.

Peñalver Ramos, Luis Francisco (1996): “El complejo manufacturero de la Real Fábrica de Sedas de Talavera de la Reina (1785)”, en Espacio Tiempo y Forma, Serie IV, Historia Moderna, núm. 9, enero 1996. ISSN 1131-768X [en línea] Disponible en: http://revistas.uned.es/index.php/ETFIV/article/view/3338/3196 [Acceso 27 dic. 2020].

Sáez González, Manuela (2005): “La eclosión de la seda en Monforte”, en La Voz de Galicia, ed. Monforte, 13/05/2005.

Taboada Arceo, Antonio (1971): Galicia, estructura y ritmo socio-económicos. La Coruña: Servicio de Estudios y Publicaciones de las Cámaras Oficiales de Comercio, Industria y Navegación de Galicia. DL C-145-1971.

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 156-III Monforte de Lemos /// Datum ETRS89: H 29 // X 622.729,18 m / Y 4.710.290,43 m

Centro Nacional de Información Geográfica (s/d): Fotototeca Digital, Instituto Geográfico Nacional, Ministerio de Fomento del Gobierno de España [en línea] Disponible en internet: http://fototeca.cnig.es/ [Acceso 22 decembro 2019].

Instituto de Estudos do Territorio (IDE) da Xunta de Galicia (s/d): Información Xeográfica de Galicia: visor de mapas [en liña] Dispoñible na Internet: http://mapas.xunta.es/visualizador-de-mapas [Acceso 9 de xaneiro do 2021].

Instituto Geográfico Nacional (s/d): Serie MTN25 (Mapa Topográfico Nacional 1:25.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional25.jsp [Acceso 9 abril 2014].

Xunta de Galicia (Consellería do Medio Rural). Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícola (SixPac): visor de mapas [en liña] Dispoñible na Internet: http://sixpac.xunta.es/visorsixpac/ [Acceso 9 de xaneiro do 2021].

Data de Actualización:

9 xaneiro 2021