638 Electra Popular de Chantada (Salto de Tarrío)

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVer
  • Provincia: Lugo
  • Concello: Chantada
  • Parroquia: San Pedro de Líncora
  • Lugar: As Chairas
  • Paraxe: Fábrica de luz
  • Dirección: Non procede
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 42.60313591776084
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -7.722852112884522
  • Coordeadas UTM: Datum ETRS89: H 29 // X 604.767,03 m / Y 4.717.468,99 m
  • Clasificación: Central hidroeléctrica
  • CNAE: 35.15 Produción de enerxía hidroeléctrica.
  • Tipoloxía: Turbina tipo Pelton
  • Comarca: Chantada
  • Marco Xeográfico: Marxe dereita do río Asma, no lonxe da xunta deste co río Miño pola súa ribeira dereita.
  • Ámbito: Rural
  • Acceso: Sairemos de Chantada pola estrada provincial LU-533 cara a Monforte de Lemos. A uns tres quilómetros e medio, antes de chegarmos ao desvío para Tarrío, apartaremos pola dereita para cruza-lo río Asma e baixarmos ata a central hidroeléctrica. Outra opción é a de baixar pola carreteira LU-617 ata a beira do río Miño e, desde a ponte de San Fiz, continuar pola mesma marxe dereita adiante uns catrocentos metros e cruzar o río Asma pola nova ponte construída, que nos deixa na marxe dereita do río Asma e a setenta metros augas arriba da nova central hidroeléctrica de Tarrío.

Tipo de propiedade:

Privada no dominio público hidráulico

Visitable:

Exteriormente

Xestión de visitas:

Non procede

Historia:

De entre todas as experiencias dos numerosos investigadores pioneiros ó redor da electricidade (Franklin, Coulomb, Galvani, Volta, Rumford, Ampère), no que aquí nos ocupa, dúas delas resultan de singular transcendencia: en 1800, o arco eléctrico de Humphry Davy, que abriría o camiño á iluminación con enerxía eléctrica; e en 1831 o xerador eléctrico de Michael Faraday, que daría paso ao uso da electricidade sen necesidade de recorrer á amoladura das pilas voltaicas.

Cara a 1870 o enxeñeiro belga Zénobe Théophile Gramme construía a primeira máquina comercial xeradora de corrente continua, a dínamo de Gramme, que permitía a conversión da enerxía mecánica en enerxía eléctrica. A Exposición Universal de Viena de 1873, coas súas pilas, xeradores e espectaculares arcos voltaicos, sería o primeiro escaparate mundial da electricidade.

Continuador con vantaxe de anteriores experiencias, Thomas Alva Edison presentaba no outono de 1879 o prototipo das modernas fontes de iluminación, unha lámpada de incandescencia que, grazas ás súas innovacións, alumaba sen fundirse durante… corenta e oito horas seguidas.

Todos estes avances verían a súa culminación na Exposición Universal de París de 1881, na que, ademais de exhibirse a lámpada incandescente de Thomas Edison, o enxeñeiro francés Marcel Deprez presentaba como resultado dos seus experimentos a posibilidade de transmitir a electricidade a varios centenares de metros de distancia. A experiencia coñecería a maior difusión cando no ano seguinte, empregando unha tensión continua de dous mil voltios, conseguía transmitir unha potencia de 1’5 kW a unha distancia de trinta e cinco millas (uns 56 km). A iluminación eléctrica incandescente con corrente continua comezaría entón a utilizarse comercialmente en todo o mundo, competindo dende estas datas cos farois de gas na iluminación pública. Dende aquela sería imparable a continua evolución técnica para poñer a electricidade ao dispor dos cidadáns e a industria.

En 1882, Tomás Alva Edison estabelecía en Pearl Street (Manhattan, Nova York) a primeira central termoeléctrica, subministrando cento dez voltios en corrente continua aos seus primeiros oitenta e cinco clientes, que axiña van verse multiplicados, estendéndose a luz eléctrica a tódolos fogares. Tralo acordo entre Edison e o británico Joseph Wilson Swan en 1883 e as melloras introducidas por Swan, a lámpada incandescente de filamento de tungsteno, de menor voltaxe, máis luminosidade e maior duración, coñecería dende 1906 a meirande difusión [Bartolomé, 2007: 42].

A situación da electricidade daría o envorco definitivo en 1888, cando o enxeñeiro turinés Galileo Ferraris conseguiu construír o primeiro motor de corrente alterna sen conmutador, o motor de indución, que desenvolverían Nikola Tesla (1888) e Mikhail Dolivo-Dobrovsky (1889), de gran eficiencia e competitivo cos de corrente continua, apto para múltiples usos e que fixo da corrente alterna a forma máis popular da electricidade.

En 1893 poríase en servizo en Redlands (California, EE.UU.) a primeira central hidroeléctrica comercial de corrente alterna trifásica [Edison Tech Center, n.d.]. A central hidroeléctrica de Jaruga (Dalmacia, Croacia) sería dende 1895 a primeira que na Europa subministrase comercialmente corrente eléctrica alterna, e a segunda no mundo [Delimar et al., 2007].

Despois dos experimentos pioneiros da iluminación eléctrica en España, realizados polos boticarios Antonio Casares Rodríguez (1851, Santiago de Compostela), José Simón Castañer (1852, Madrid), Ramón Torres Muñoz (1852, Madrid), e Francisco Domenech Maranges (1852, Barcelona), a industria eléctrica comeza realmente cando o empresario Tomás Dalmau e o enxeñeiro Narciso Xifra constrúen en 1873 na Rambla de Canaletas de Barcelona a primeira central eléctrica española, instalando catro motores de gas de cincuenta cabalos cada un que movían cadansúa máquina Gramme de douscentos voltamperios. Dende aquela aparecerán no país unha serie de iniciativas para a produción e distribución de electricidade e xa contra 1881 e para mellor atender á crecente demanda, Dalmau e Xifra crearían, tamén en Barcelona, a “Sociedad Española de Electricidad”.

Nestes anos contrastaba o vizoso avance das centrais termoeléctricas fronte ao lento progreso das hidroeléctricas, que xurdirían contra 1885 en diversos puntos de España asociadas a pequenos muíños ou industrias manufactureiras que producían para o seu propio consumo e que nalgúns casos chegaban a distribuír a electricidade a vivendas da veciñanza [Sintes e Vidal, 1933]. Sería fundamental a aportación do taller mecánico xerundense “Planas, Flaquer y Cía.”, estabelecido en 1858 e especializada na construción de motores hidráulicos tipo Fontaine-Baron (unha evolución rexistrada en 1840 da turbina Fourneyron de 1827) e que xa en 1860 tiña fabricadas dezanove turbinas, algunha de 80 cabalos de vapor (uns 60 kW) [Orellana, 1860]; dende 1886 a casa “Planas” interviría na adaptación de moitos motores hidráulicos á produción de electricidade e chegaría a ser a primeira empresa española dedicada á fabricación de material eléctrico [Nadal, 1976].

En Galicia, dende o mes de xuño de 1884 a “Sociedad Anglo Española de Electricidad” iluminaba o Arsenal de Ferrol coa electricidade xerada con magneto dínamos do sistema de Charles Francis Brush nunha pequena instalación termoeléctrica [Carmona, 2016:27], e xa contra 1888 comezaría a funcionar en Pontevedra a que sería en Galicia a primeira central de vapor asociada a unha dínamo Brush para a subministración do alumeado público con fluído eléctrico, instalación que sería seguida por outras iniciativas semellantes –unhas termoeléctricas, hidroeléctricas outras– na Coruña (1890), Mondoñedo (1893), Lugo, Ferrol e Santiago (1894), Ponteareas e Ourense (1895), e Vigo, Monforte, Viveiro, Betanzos e Tui (1896) [Carmona e Nadal, 2005].

A precariedade técnica nestes primeiros tempos fai que predominen as instalacións térmicas (con caldeira de carbón e máquina de vapor, unhas, ou con gasóxeno de carbón e motor de gas, outras) sobre as hidráulicas, xa que os promotores non se atrevían a construír as centrais xeradoras máis aló de dous ou tres quilómetros do centro das localidades ás que ían subministrar con corrente continua. Todas estas primitivas centrais eléctricas eran de pequeno tamaño, normalmente non superior aos douscentos cabalos de vapor (uns 150 kW) e principalmente destinadas ao servizo do alumeado público.

Ademais das de iluminación pública, só temos constancia de dúas empresas que posúen nestes primeiros tempos unha central termoeléctrica para o alumeado das súas instalacións, e ámbalas dúas son fábricas téxtiles e as puxeran en marcha contra 1892: “Galicia Industrial”, en Xubia (Neda) (vid. ficha 452), e “La Primera Coruñesa” (vid. ficha 492).

Coa central hidroeléctrica de Porto de Bois (Viloalle, Mondoñedo), unha das primeiras na Península Ibérica (en 1894 entraría en servizo a de Biel en Vila Real, Portugal [Simões, 1982]), a “Electricista Mindoniense” (vid. ficha 486) proveía desde 1893 o alumeado público de Mondoñedo, aproveitando uns 290 litros por segundo nun salto de 14 metros das augas do río Tronceda cunha turbina de 70 cabalos de vapor que arrastraba unha dínamo Oerlikon de 32 quilovatios [Carmona, 2016]. Nos años seguintes subministrarían electricidade de orixe hidráulica “Alumbrado Eléctrico de Lugo” (1894, Acea de Castro Romay, Lugo, vid. ficha 491), “Antonio Sestelo” (1895, Salto de Pardellas, Ponteareas, vid. ficha 488), “Jesús Adrán” (1896, Salto de Vilanova, Monforte, vid. ficha 515) e “José Barro” (1896, Salto de Chavín, Viveiro, vid. ficha 376), en tódolos casos mediante xeradores de corrente continua [Carmona e Nadal, 2005].

O primeiro terzo do século XX coñecería o progreso do desenvolvemento da industria da electricidade en Galicia, cun forte crecemento das instalacións hidráulicas por riba das térmicas, e o comezo da concentración empresarial neste incipiente sector, o que fai que contra 1931 haxa máis de corenta centrais en funcionamento, dezaoito delas cunha potencia instalada superior aos 500 kVA e que sumaban 45.555 kVA nun total da orde dos cincuenta mil quilovatios instalados. O que comezaba a coñecerse como “grupo galego”, formado polas compañías "Sociedad General Gallega de Electricidad" e “Fábricas Coruñesas de Gas y Electricidad” (vid. ficha 155) estruturadas en torno ao Banco Pastor, controlaba neste ano de 1931 o 76% da electricidade vendida en Galicia [Carmona e Nadal, 2005]; ámbalas dúas desenvolverán unha actuación conxunta baixo o control do Banco Pastor ata a súa formal integración en Fenosa en 1955, rematando así o proceso iniciado coas centrais de Segade (vid. ficha 113) e A Fervenza (vid. ficha 189) a comezos do século XX.

En efecto, finalizada a guerra civil española (1936-1939), o proceso de concentración e ampliación do sector eléctrico galego tería un novo e definitivo impulso cando Pedro Barrié de la Maza, á fronte do “Banco Pastor”, constitúe en Vigo o 23 de agosto de 1943 a empresa “Fuerzas Eléctricas del Noroeste” (FENOSA) para eludir os compromisos existentes coa “Electra Popular de Vigo y Redondela” e poder construír no río Limia o encoro das Conchas para a subministración eléctrica á puxante cidade de Vigo. Transcorridos os vinte anos pactados, a “Sociedad General Gallega de Electricidad” e “Fábricas Coruñesas de Gas y Electricidad” integraríanse en FENOSA en 1955.

O mantemento polo Goberno franquista duns prezos da electricidade artificialmente baixos, coa conseguinte descapitalización das empresas produtoras e a imposibilidade de modernización das súas instalacións para dar cumprido servizo aos seus clientes, faría que a meirande parte das pequenas “fábricas da luz” que comezaran a electrificación das aldeas e vilas galegas, foran pouco a pouco abandonándose ou malvendéndose e integrándose en FENOSA ou nalgunha das outras grandes empresas eléctricas, como BEGASA ou IBERDUERO.

Descrición Xeral do Entorno:

A primitiva central construíuse na marxe dereita do río Asma, aproveitando os fortes desniveis do río a partir da ponte de Meixide. A obra de toma estaba a algo máis de setecentos metros augas abaixo da dita ponte. Na rehabilitación da concesión levada a termo no 1999 fixéronse significativas modificacións con respecto da orixinal, construíndose unha nova presa coa súa obra de toma e unha nova casa de máquinas na mesma cola do embalse de Peares, a uns cincuenta metros augas abaixo da xunta do río Asma co río Miño e na marxe dereita deste.

Construcción:

1905. Comezaría a prestar servizo en 1906.

Abandono:

En 1961 a empresa chantadina sería absorbida por “Fuerzas Eléctricas del Noroeste, S.A.” (FENOSA), que en febreiro de 1963 comezaría a subministrar a electricidade producida no Salto de Belesar. A central hidroeléctrica de Tarrío quedaría abandonada ata a rehabilitación da concesión e a construción por “Minicentrales Navarro” dunha nova central, que entrou en servizo en 1997 e continua en servizo na actualidade.

Descrición:

Coa implantación das primeiras instalacións termoeléctricas (1884) e hidroeléctricas (1893) en Galicia (vid. supra) e a difusión da novidade e dos rudimentos técnicos da electricidade, a adaptación das primitivas dínamos para producir electricidade nos aproveitamentos hidráulicos existentes ía ser inmediata, malia que naquelas datas as limitacións na transmisión da corrente continua non permitisen o seu transporte a distancias significativas.

A pesar diso, as modestas centrais hidroeléctricas (moitas veces rudimentarias adaptacións de antigos muíños fariñeiros ou papeleiros) constituíron a base da electrificación daquelas poboacións próximas ao seu emprazamento. Nunha segunda e tamén temperá etapa, desde o momento no que a técnica estivo comercialmente dispoñible no primeiro decenio de 1900, moitas das vellas dínamos de corrente continua foron substituídas por xeradores de corrente alterna trifásica, permitindo a subministración da electricidade a maiores distancias.

Juan Meijide Iglesias, contratista e axudante de obras públicas, solicitaba en 1899 autorización para o uso para a produción de electricidade dun caudal máximo de 240 litros por segundo, a derivar do río Asma no lugar de Cachón do Fume da parroquia de San Pedro de Líncora. O beneficiario habería formado sociedade no mes de maio de 1904 con Benito de Soto Linares, Manuel Alejandro Rodríguez Cortés, Domingo García García, Francisco Costa López e Carlos Cuartilles Catalá. A solicitude sería aprobada en 1905, concedendo á que sería a “Electra Popular de Chantada” un máximo de 240 litros por segundo das augas do río Asma para o seu aproveitamento con fins de produción de electricidade nun salto hidráulico de 25’5 metros de altura. A derivación das augas fíxose mediante unha presa no río e unha canle duns trescentos metros de lonxitude pola marxe dereita do mesmo, e a potencia inicialmente instalada sería duns 40 quilovatios.

A adaptación á nova fonte de enerxía para iluminación e forza motriz dun medio rural que se vía obrigado a alumarse con “gas” (así se designaba ao queroseno ou petróleo lampante), “carburo” (candil de acetileno) ou as sempiternas candeas, vai ser lenta, pero imparable, á vez que se tramitaban peticións de novos aproveitamentos hidráulicos para a produción de electricidade. Mirando de atender ao crecemento da demanda e evitar a competencia dos novos produtores de electricidade, a “Electra Popular de Chantada” iría aumentando a capacidade instalada nas súas instalacións, e figura en 1939 con 100 kVA, alcanzando os 200 kVA en 1944.

A entrada en servizo do Salto dos Peares vai supor o comezo da desaparición da meirande parte das pequenas empresas de produción de electricidade da comarca, xa fora por absorción ou por perda dos seus abonados, captados pola todopoderosa “Fuerzas Eléctricas del Noroeste, S.A.” (FENOSA). En 1958 o concello de Chantada rescindiría o contrato de subministración de electricidade coa “Electra Popular de Chantada”, que sería absorbida por FENOSA no mes de febreiro de 1961.

A central hidroeléctrica de Tarrío quedaría entón fora de servizo e abandonada ata que, ao abeiro dunha lexislación favorábel, nos comezos do decenio de 1990 “Unión Eléctrica-Fenosa, S.A.” opta por alugar a concesión administrativa para a súa rehabilitación por terceiros. Vai ser a empresa electroquímica “Navarro”, líder en fabricación e distribución de carburo de silicio no sur de Europa, con fábricas en Puente de Vadillos (Cuenca) e Mansilla de las Mulas (León), a que asuma coa filial “Minicentrales MN, S.A.” un novo proxecto amparado pola antiga autorización administrativa para o uso das augas do río Asma con fins hidroeléctricos.

O 1 de outubro de 1990, a Confederación Hidrográfica del Norte resolveu outorgar a “Unión Eléctrica-Fenosa, S.A.” unha concesión para aproveitar 1.580 litros por segundo das augas do río Asma con destino a produción de enerxía eléctrica, ampliando o 31 de marzo de 1992 o caudal concedido ata os 1.780 litros por segundo.

A Dirección Xeral de Industria da Xunta de Galicia validou o 21 de xuño de 1993 a aprobación do 18 de outubro de 1991 da Delegación Provincial de Lugo do proxecto de execución presentado por “Unión Eléctrica-Fenosa, S.A.” e realizado pola arrendataria “Minicentrales MN, S.A.”, que sería quen explotaría as instalacións a construír co nome de Central Hidroeléctrica de Tarrío.

As características da nova central baseábanse no aproveitamento nunha turbina Pelton, de eixe horizontal e dous inxectores, dun caudal máximo de 1’78 metros cúbicos por segundo nun salto hidráulico bruto de 252’89 metros, cunha potencia instalada de 4.418 quilovatios. A turbina arrastraría un alternador trifásico síncrono de 3.600 quilovatios (4.000 kVA e 0’90 de factor de potencia) e a electricidade xerada a unha tensión de 6.000 voltios sería entregada, previa transformación, a rede xeral de distribución de enerxía eléctrica de vinte mil voltios.

A nova captación das augas faríase uns douscentos metros augas arriba do Muíño do Gaio, conducíndose ata a cámara de carga por unha canle de algo máis de dous quilómetros que vai rodeando o Coto da Eirexe. Da cámara saen as dúas tubarias de presión que descargan a auga na turbina da casa de máquinas, máis de douscentos metros máis abaixo. Para facilitar o acceso á casa de máquinas, construíuse unha nova ponte uns cincuenta metros augas arriba da xunta das augas do río Asma coas do río Miño.

Previa solicitude de “Unión Eléctrica-Fenosa, S.A.”, o 23 de decembro de 1996 a Comisaría de Aguas da Confederación Hidrográfica del Norte resolveu modificar a concesión en base ao acordo da Comisión Galega de Medio Ambiente, ampliando o caudal máximo autorizado nos meses de xaneiro e febreiro ata os 2.260 litros por segundo, cunha potencia máxima instalada de 5.000 kVA. As instalacións acomodaríanse nun edificio de quince por nove metros e medio de superficie en planta, construído con fábrica de ladrillo e formigón, acabado en pedra e cunha cuberta a dúas augas de tella do país. A Central de Tarrío entraría en servizo en 1997, e continúa funcionando na actualidade.

Nota: as coordenadas da central primitiva, comunicadas por Claudio Otero Eiriz o 30 de xaneiro do 2021 son
Coordenadas xeográficas: Datum ETRS89: 42? 36’ 46,70’’ N – 7? 43’ 52,51’’ W
Coordenadas UTM: Datum ETRS89: H 29 // X 604.060,72 m / Y 4.718.617,77 m

Tempo de uso:

Todo o ano.

Sistema de produción:

As primeiras “fábricas de luz” en construírse (despois de 1882) foran moitas veces unha sinxela adaptación dunha dínamo de corrente continua na roda hidráulica dun muíño fariñeiro ou papeleiro xa existente. No mellor dos casos, o motor hidráulico da instalación sería a roda horizontal creada co nome de turbina por Benoît Fourneyron en 1827 (comercializada en Francia a partir do 1837) e a súa variante, rexistrada en 1840 como tipo Fontaine-Baron e amplamente utilizada dende aquela polo seu elevado rendemento. Aínda que as limitacións na transmisión da corrente continua non permitisen o seu transporte a distancias significativas, as primitivas centrais hidroeléctricas constituíron a base da electrificación das poboacións próximas ao seu emprazamento.

Naqueles casos en que a enerxía hidráulica resultaba dificilmente accesible, instaláranse centrais termoeléctricas baseadas en motores de gas ou máquinas de vapor, alimentadas en ámbolos dous casos por carbón, consumido no gasóxeno, no primeiro caso, e na caldeira, no segundo.

Pola incerteza do funcionamento das primitivas centrais hidroeléctricas, e a precariedade técnica nestes primeiros tempos, axiña predominaran as instalacións térmicas (máquina de vapor ou motor de gas) sobre as hidráulicas, xa que os promotores non se atrevían a construír as centrais xeradoras máis aló de dous ou tres quilómetros do centro das localidades ás que ían subministrar. Todas eran de pequeno tamaño, en xeral non superior aos douscentos cabalos de vapor (uns 150 kW) e principalmente destinadas ao servizo do alumeado público.

Pronto deseñaríanse e construiríanse instalacións especificamente destinadas á produción de electricidade, e nelas xa o xerador sería de corrente alterna trifásica (dende 1893), cun transformador eléctrico de saída para elevar o nivel de tensión para o transporte económico da enerxía até os puntos de consumo.

Co obxectivo de optimizar a produción de electricidade, as máquinas hidráulicas (turbinas) que accionaban os alternadores serían elixidas consonte as características de caudal e de altura do aproveitamento hidroeléctrico a desenvolver, sendo as máis frecuentes as turbinas de reacción do angloamericano James Bicheno Francis (1849), as turbinas de acción do estadounidense Lester Allan Pelton (1879) e as xa máis modernas turbinas de fluxo axial do austríaco Viktor Kaplan (1913). A este tres tipos fundamentais pódese engadir o da turbina de fluxo cruzado, desenvolvida de maneira independente polo australiano Anthony Michell (1903), o húngaro Donat Banki (1917) e o alemán Fritz Ossberger (1933), que, aínda que ten un rendemento inferior ás anteriores, resulta moi económica e permite traballar con grandes variacións de caudal.

No caso da “Electra Popular de Chantada”, a dotación electromecánica sería unha turbina tipo Pelton para 240 litros por segundo aproveitables nun salto hidráulico de 25’5 metros de altura, arrastrando un alternador síncrono trifásico cunha potencia instalada de 40 quilovatios. Para mellorar o servizo, a empresa iría modificando as instalacións e ampliando a potencia instalada, que acadaría os 80 quilovatios (100 kVA) en 1939 e os 160 quilovatios (200 kVA) en 1944.

As melloras introducidas após a rehabilitación da primitiva concesión (realmente un novo proxecto de aproveitamento hidroeléctrico) permitirían amplia-la potencia da central ata os 4.500 quilovatios (5.000 kVA) postos en servizo no ano 1997 por “Minicentrales MN, S.A.”.

Actividades laborais:

Nos primeiros tempos, o encargado da central, e ás veces un axudante, eran os únicos operarios necesarios para o funcionamento e mantemento das instalacións. Para mellor atender ao servizo día e noite, moitas centrais desta época tiñan prevista unha casa vivenda para o encargado e a súa familia, completada cunha horta e un galiñeiro para atender á súa mantenza. En caso de proximidade dunha zona habitada, o encargado e a súa familia residían nunha vivenda dos arredores próxima á central. Nas rehabilitacións e novos proxectos acometidos desde 1984, o funcionamento das centrais está totalmente automatizado.

Emprego:

Sen datos.

Materias Primas:

Auga.

Produtos Elaborados:

Electricidade.

Distribución e comercialización:

Inicialmente, local e comarcal. Desde 1997 a electricidade é vendida ao sistema eléctrico nacional.

Referencias Bibliográficas:

Augas de Galicia (2011): “Ficha de caracterización das demandas de auga en centrais hidroeléctricas”, en Plan hidrolóxico da demarcación hidrográfica Galicia-costa. Santiago de Compostela: Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia.

Bartolomé Rodríguez, Isabel (2007): “La industria eléctrica en España (1890-1936)”, en Estudios de historia económica, nº 50, Madrid: Banco de España. DL M-15409-2008. ISSN 0213-2702.

Bolstorff, H. (1926): “Alumbrado”, en Manual del Ingeniero. Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, trad. de la 24ª edición alemana, tomo II, capítulo VI, p. 936-965. Barcelona: Gustavo Gili.

Carmona Badía, Xoán (2015): “Do Asma ao Miño: apuntes para a historia da industria eléctrica na comarca de Chantada”, en Alicerces. Revista de estudos do Miño medio, Tomo I (2015), p. 15-31. Chantada: Irmandade de Cultura País do Faro. ISBN 978-84-608-6823-1.

Carmona Badía, Xoán (2016): La Sociedad General Gallega de Electricidad y la formación del sistema eléctrico gallego (1900-1955). Biblioteca de Historia del Gas, Sabadell: Fundación Gas Natural Fenosa. DL B-21370-2016. ISBN 978-84-617-5114-3.

Carmona Badía, Xoán; Nadal Oller, Jordi (2005): El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Cortés López, Carlos (2004): “Adiós a la vieja fábrica de la luz”, en La Voz de Galicia, ed. Lugo, 18/02/2004.

Delimar; Marko; Moser, Josip; Szabo, Aleksandar (2007): "First AC Power Systems in Croatia", in Conference on the History of Electric Power. Institute of Electrical and Electronics Engineers (IEEE) [on line] Retrived August 8, 2017 from http://www.ieee.org/web/aboutus/history_center/conferences/.

Edison Tech Center (n.d.): “Dolgeville Hydro Power 1879”, in The Miracle of Electricity and Engineering, Edison Tech Center, Schenectady, New York, U.S.A. [on line] Retrieved August 29, 2001, from http://www.edisontechcenter.org/Dolgeville.html.

García Fontenla, Ramón (ed.) (1990): Cien años de luz eléctrica en Galicia. Introducción de Domingo García Sabell. Madrid: Unión Fenosa. DL M-45870-1990.

Kyser, Herbert (1930): Centrales generadoras de energía eléctrica. Versión directa de la 2ª ed. alemana revisada y ampliada por Manuel Lucini, Barcelona: Editorial Labor.

Lara Coira, Manuel (2017): “Aproveitamentos hidroeléctricos no termo municipal de As Pontes de García Rodríguez”, en Hume, revista de estudos históricos locais, número 10, Ano 2017, p. 143-165. As Pontes de García Rodríguez: Asociación de Estudos Históricos e Sociais “Hume”. DL C-683-2008. ISSN 1888-6183.

Lara Coira, Manuel (2019): “La comarca del Eume y la electricidad”, en Víctor Alonso Troncoso, Álvaro Iglesias Maceiras, José Manuel Yáñez Rodríguez (eds.) Las fragas del Eume, historia y cultura, p. 365-382. Santiago de Compostela: Andavira Editora. DL C-2208-2019. ISBN 978-84-121160-4-5.

Martí i Ylla, Xavier (2017): “La central hidroeléctrica municipal más antigua de Europa (en funcionamiento): la Central del Molí en Girona”, en Horacio Capel Sáez, Miriam H. Zaar, Magno Vasconcelos Pereira Junior (coords.) La electrificación y el territorio: historia y futuro. Barcelona: Universidad de Barcelona. ISBN 978-84-697-6835-8.

Martínez-López, Alberte (2017): “La electrificación de la periferia: Galicia, 1883-1935”, en Horacio Capel Sáez, Miriam H. Zaar, Magno Vasconcelos Pereira Junior (coords.) La electrificación y el territorio: historia y futuro. Barcelona: Universidad de Barcelona. ISBN 978-84-697-6835-8.

Minicentrales hidroeléctricas (1989): Estudio coordinado por “Gestión Energética de Galicia, S.A.” (GESTENGA). Santiago de Compostela: Consellería de Industria, Comercio e Turismo da Xunta de Galicia.

Mirás Araujo, Jesús; Martínez López, Alberte (2013): “La transición energética en las ciudades de Galicia. Del gas a la electricidad, 1850-1936”, en Horacio Capel Sáez, Vicente Casals Costa (coords.) Capitalismo e historia de la electrificación, 1890-1930: capital, técnica y organización del negocio eléctrico en España y México, p. 297-315. Barcelona: Universidad de Barcelona. ISBN 978-84-7628-708-8.

Otero Eiriz, Claudio (2021): Electra Popular de Chantada. Comunicación persoal vía correo electrónico o 30/01/2021 da correcta localización e coordenadas xeográficas da primitiva central, proporcionadas por Antonio Paz Vázquez xunto coa fotografía realizada no ano 2020 dos restos da vella central hidroeléctrica da compañía chantadina.

Pardo Hermida, Alfredo (2019): “Electra en Chantada, luces e sombras”, en El Progreso, 09/04/2019.

Simões, Ilídio Mariz (1982): “As primeiras instalações de produção e distribução de energia eléctrica em Portugal”, em Revista Electricidade, núm. 285, Fevereiro 1982, e núm. 288, Abril 1992.

Sintes Olivés, Francisco F.; Vidal Burdils, Francisco (1933): La industria eléctrica en España. Estudio económico-legal de la producción y consumo de electricidad y de material eléctrico. Barcelona: Montaner y Simón.

Tatjer Mir, Mercè (2017): “La industria de material y aparatos eléctricos en Barcelona 1881-1970”, en Horacio Capel Sáez, Miriam H. Zaar, Magno Vasconcelos Pereira Junior (coords.) La electrificación y el territorio: historia y futuro. Barcelona: Universidad de Barcelona. ISBN 978-84-697-6835-8.

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 155-I Chantada /// Datum ETRS89: H 29 // X 604.767,03 m / Y 4.717.468,99 m

Centro Nacional de Información Geográfica (s/d): Fotototeca Digital. Instituto Geográfico Nacional, Gobierno de España [en línea] Disponible en internet: http://fototeca.cnig.es/ [Acceso 18 enero 2021].

Instituto de Estudos do Territorio (IDE) da Xunta de Galicia (s/d): Información Xeográfica de Galicia: visor de mapas [en liña] Dispoñible na Internet: http://mapas.xunta.es/visualizador-de-mapas [Acceso 18 xaneiro 2021].

Instituto Geográfico Nacional (s/d): “Mapa Topográfico Nacional 1:25.000”, en Mapas de España. Instituto Geográfico Nacional, Gobierno de España [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/buscarArtsMenu?categoria=MTN25-Mapa-Topográfico-Nacional-1:25.000 [Acceso 18 enero 2021].

Xunta de Galicia (Consellería do Medio Rural) (s/d): Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícola (SixPac): visor de mapas [en liña] Dispoñible na Internet: http://sixpac.xunta.es/visorsixpac/ [Acceso 18 xaneiro 2021].

Data de Actualización:

25 xaneiro 2021