646 Caleiros de Toldaos

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: Lugo
  • Concello: O Incio
  • Parroquia: Santiago de Toldaos
  • Lugar: A Ponte e Pedrouzos
  • Paraxe: Os Caleiros
  • Dirección: Non procede
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 42.67667528901621
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -7.348646173676783
  • Coordeadas UTM: Datum ETRS89: H 29 // X 635.308,97 m / Y 4.726.273,65 m
  • Clasificación: Fabricación de cal
  • CNAE: 23.52 Fabricación de cal e xeso.
  • Tipoloxía: Caleira artesanal
  • Comarca: Sarria
  • Marco Xeográfico: Marxe dereita do río Portelo ou río de Reboredo, afluente pola esquerda do curso alto do río Mao, ao poñente da Serra do Oribio.
  • Ámbito: Rural
  • Acceso: En Lugo enfiaremos a estrada LU-546 cara a Sarria e continuaremos pola LU-633 cara a Samos. Antes de chegar a Samos, apartaremos pola dereita no lugar d’O Empalme, para continuarmos pola estrada LU-641 cara a Santa Cruz do Incio. A uns oito quilómetros chegamos a Santiago de Toldaos. Alí localizaremos o lugar de A Ponte e o camiño que leva a aldea de Pedrouzos onde atópase os fornos caleiros.

Tipo de propiedade:

Privada

Visitable:

Exteriormente

Xestión de visitas:

Non procede

Historia:

Despois de quizais un millón de anos de asimilación do lume como axente externo e como idea, hai uns trinta mil ou corenta mil anos que os humanos comezaban coa domesticación daquela fonte de luz e calor. E entre a queimadura sufrida polo contacto cunha arbore abatida polo raio e o traslado dun cacho de madeira ardendo ao interior da cova puideran transcorrer cen mil anos.

A calor está presente na base de numerosos procesos de transformación da materia, dende a preparación dos alimentos ata a fabricación dos máis sofisticados materiais cerámicos. Deixou anotado Plinio O Vello na súa Historia Natural: “O lume toma a area e devólvenos xa vidro, xa prata…Polo lume derrétense as pedras e fanse bronce; polo lume faise o ferro… Co lume calcinase esa pedra que forma o cemento que sostén as casas por riba das nosas cabezas… Hai varias cousas ás que é conveniente expor máis dunha vez á acción do lume. O mesmo material orixinal é unha cousa despois da primeira exposición, outra despois da segunda…”

O forno configúrase así como a ferramenta básica que controla o lume e na que se xera a calor necesaria para que teñan lugar as transformacións da materia, e foron multitude os diferentes tipos de fornos que os humanos construíron para darlle resposta ás súas diferentes necesidades de transformación da materia, dende os fornos para coce-lo pan aos fornos de fusión e tratamento de materiais, pasando por suposto polos fornos de calcinación de minerais siderúrxicos e polos fornos de elaboración do cal.

Quentarse, mellorar o confort e espantar aos animais puido ser o primeiro paso na manipulación do lume. Viría despois a preparación dos alimentos, coa necesaria aparición do instrumento ou recipiente que facilita a acción da calor e é contedor moitas veces imprescindíbel. O fogar, un sinxelo círculo protexido por pedras, foi a primeira estrutura elemental na domesticación do lume.

Todo comeza a primeira vez que obsérvase con valor de pregunta o residuo que queda no lume dos seus fogares, fose barro endurecido, po branco ou nódulos metálicos: o humano primitivo comeza aquí unha busca que inda non rematou pero que foi deixando respostas e significados. O barro endurecido pola acción da calor daría paso á cerámica; o po branco levaría á preparación do cal e o xeso; e as brillantes gotas de metal fundido solidificadas en nódulos metálicos serían o comezo da metalurxia.

Téñense recollidas noticias do antiquísimo uso do cal (carbonato de calcio) e do xeso (sulfato de calcio), primeiro para o uso simbólico e decorativo daquel po branco, despois, xa en Babilonia como base para a realización de frescos e revocado de paredes. Fálase tamén do uso polos asirios dun cemento ou aglomerante feito de cal, area e calcaria triturada. Os exipcios empregaron o xeso finamente moído como estuco para decoración e como escaiola para unir bloques na pirámide de Keops. Na Anatolia e na India coñecíase asemade o cal na decoración e na construción. Atopáranse restos dun forno de cal do 2.500 a.C.

Quecendo carbonato cálcico puro (calcita, CO3Ca) obtense cal puro (CaO). Tan só algúns mármores son carbonato cálcico puro, xa que a meirande parte deles contén impurezas. As rochas calcarias son sedimentarias e están formadas principalmente por calcita, sendo as arxilas (materiais silíceos e aluminosos) as impurezas que basicamente conteñen. En función da porcentaxe de impurezas que contén o cal fabricado distínguese o cal aéreo, se ten ata un vinte por cento de impurezas (graxo se ten menos dun dez; magro se ten máis) e o cal hidráulico, con máis dun vinte por cento de impurezas.

O cal –e o xeso– está presente en tódalas culturas dende os tempos máis remotos, e foran os romanos os que difundirían o coñecemento da argamasa, un morteiro elaborado con cal graxo, area aluminosa (pulvus puteolanus, “puzolana”, cinza volcánica de Pozzuoli) e auga coñecido cando menos dende o século IV a.C. (opus caementicium) e amplamente empregado en todo tipo de obras nos dous séculos derradeiros da república, o II e o I a.C.

Sábese hoxe en día que a calcinación en fornos verticais descontinuos, durante unhas doce horas e a temperaturas relativamente baixas (800 a 1.200 ?C), dun tipo de pedra calcaria arxilosa cun contido en arxila entre o vinte e dous e o trinta e cinco por cento da por resultado a obtención dun cemento natural. Dous mil anos despois do cemento romano, a experimentación coas mesturas de calcarias e arxilas acabaría por callar na obtención de cementos artificiais (vid. infra).

O consumo de cal na Idade Media faise abundantísimo, tanto que nalgúns casos mesmo denunciase a contaminación nas vilas. Na península ibérica, os fornos de cal figuran citados en documentación aragonesa do século XII. No 1234 os homes libres de Newcastle foron autorizados para sacar “carbón de mar” (carbón mineral, pedra que se queima en razón do seu contido en xofre e materias graxas) que comeza daquela a empregarse nas caleiras en razón da escaseza de leña. No século XV fálase de certa clase de terra que arde como o carbón de leña.

En Galicia non hai moitos xacementos calcarios, e os peregrinos transportaban pedra calcaria de Triacastela ata os fornos de Castañeda (Figueiroa, Arzúa, Coruña), onde se fabricaba o cal para a construción da catedral santiaguesa. Xa en 1521 tense documentada a compra de cal en Portugal, especificamente en Figueira da Foz e outros portos do río Mondego. E dende mediado o século XVI documéntase o envío de pedra calcaria de Asturias para os fornos de cal construídos en Galicia. A importación de calcaria e de cal de Asturias acadaría máximos no século XIX, e non desaparecería ata a segunda metade do século XX.

Os primeiros fornos para a obtención do cal e do xeso serían moi semellantes ás carboeiras, construídos ao ar libre amoreando pedra calcaria e combustible, e cubrindo ben o conxunto con arxila para mante-la calor e impedir a entrada incontrolada de aire, deixando unicamente uns pequenos buratos que permitisen polo interior da pía a mínima circulación de aire necesaria para o mantemento dunha combustión redutora.

A técnica da domesticación do lume correría parella coas diferentes tentativas que se foron desenvolvendo na construción de diversos tipos de fornos quer para a elaboración de cerámica, quer para a fabricación de cal ou a metalurxia dos diversos metais, perfeccionando en cada caso os deseños básicos de cada un deles para acadar a optimización dos procesos, tanto no que atinxe á calidade do produto final como no que respecta ao consumo de combustibles.

No canto do cal e das caleiras, os primitivos fornos de calcinación artesanal da pedra calcaria a partires do rudimentario braseiro no chan, foron desenvolvendo estruturas verticais máis ou menos cilíndricas, habitualmente escavadas aproveitando a configuración do terreo nas proximidades da canteira de calcaria, estruturas nas que se colocaban coidadosamente as pedras calcarias mesturadas coa leña formando internamente unha cúpula a xeito de falsa bóveda baixo a cal se prendía o lume que ía calcinar as pedras para convertelas en cal. Posteriormente, os fornos máis evolucionados, normalmente prismáticos, contarían cunha soleira similar á dos fornos dos oleiros, unha grella baixo a que se facía o lume e sobre a que se colocaba a calcaria mesturada co carbón.

Estes fornos descontinuos, algún dos que chegarían a ter unha altura significativa, pasarían do emprego da cada vez máis escasa leña á utilización do máis eficaz carbón de leña, primeiro, e á do carbón mineral, despois, e acabarían evolucionando cara aos fornos continuos (vid. fichas 181, 209 e 463), de meirande produtividade e menor consumo enerxético.

O cal empregábase para facer argamasa, curtir peles, clarear a roupa, calear as paredes das casas e pintar nos troncos das árbores froiteiras para libralos das formigas. Tamén utilizouse para abonar os campos, como corrector dos solos na agricultura. Durante a construción da liña do ferrocarril de Monforte a Ourense (1884 e 1885), as caleiras próximas ao trazado ferroviario tamén proporcionarían cal para os morteiros das obras.

A produción de cal en Galicia iría decaendo coa penetración desde 1850 dos cales hidráulicos fabricados en Zumaia (Guipúzcoa) e, con posterioridade, dos cementos artificiais. Con todo as penurias e escasezas após a Guerra Civil Española (1936-1939) traerían a recuperación de caleiros abandonados e a construción doutros máis. O restablecemento da produción de cemento de novo acantoou a meirande parte dos caleiros galegos, non sendo aqueles principais que mantiveran a produción do cal para os caldos usados para a protección das vides e a mellora dos solos.

Despois de dous mil anos, o cal común ou aéreo (con ata un cinco por cento de arxilas) iría dende 1818 sendo desprazado polo cal hidráulico (con impurezas de arxila –silicatos e aluminatos– superior ao quince por cento), e este, após 1850, pola mestura calcinada e moída de calcaria e arxila, chamada cemento Portland pola cor gris verdosa que o asemella á pedra extraída desa illa (en Dorset, no sur de Inglaterra) e que fora amplamente empregada nas edificacións.

Actualmente prepárase primeiro o clínker, unha mestura moída de calcaria, arxila e xeso, e calcínase a elevada temperatura (1.500 ?C) para obter o cemento. Cando mestúrase o cemento con grava, area e auga, obtense o formigón, unha pasta uniforme, maleable e plástica que se endurece (fragua) adquirindo unha consistencia pétrea de elevada resistencia á compresión, de uso xeral na construción.

Descrición Xeral do Entorno:

Na ampla zona que descorre entre Becerreá e Quiroga atópanse bandas de afloramentos de materiais carbonatados que desenvólvense do noroeste ao sueste entre O Incio e a comarca de Valdeorras. A explotación que aquí nos ocupa está na marxe dereita do río Portelo ou río de Reboredo, un afluente pola esquerda do curso alto do río Mao, ao poñente da Serra do Oribio. Como outros fornos de cal que beneficiaron os afloramentos de pedra calcaria existentes na zona, neste caso trátase de un conxunto de pequenas explotacións para o abasto local e comarcal.

Construcción:

Contra 1900.

Abandono:

Década de 1960.

Descrición:

Conta a tradición que xa no comezo do século XI os peregrinos que transitaban o “camiño francés” portaban entre as súas ofrendas anacos de calcaria recollidos en Triacastela, que entregaban despois ao seu paso por Castaniolla (Castañeda, Figueiroa, Arzúa), onde os fornos de calcinación transformábaos en cal que, mesturado con area e auga, servía de argamasa na construción da catedral compostelá e outras edificacións da vila apostólica.

Sen dúbida a técnica de fabricación do cal sería ben coñecida naqueles lugares de afloramento dos materiais carbonatados, tamén empregados ocasionalmente como material de construción. Malia tratarse dun caso excepcional en Galicia, exemplo singular de finais do século XII é a igrexa marmórea de San Pedro Félix, construída no Hospital do Incio aproveitando os xacementos locais.

A finais do século XV atópase algunha mención ao uso do cal nas terras de Mondoñedo, e referencia á súa elaboración nun documento de 1572, pero non será ata 1804 cando Lucas Labrada, na Descrición económica do Reino de Galicia, describa a produción de cal como unha actividade produtiva na xurisdición de Mondoñedo.

A explotación dos afloramentos de calcaria e o seu aproveitamento nas caleiras sería inicialmente establecido polos veciños para o abasto das súas necesidades domésticas, pero, dada a abundancia de roca calcaria nalgúns lugares e a súa escaseza e mesmo carencia noutras zonas do país, tamén se vendería o cal producido en mercados máis ou menos próximos as zonas de produción e aínda sairía cara a destinos máis distantes cando as circunstancias o favoreceran.

Nas proximidades do núcleo de Santiago de Toldaos, no paraxe de A Ponte e na aldea de Pedrouzos, houbera unha industria artesanal de fabricación de cal relativamente activa, con seis fornos de calcinación da calcaria, algún dos cales aínda pode localizarse, inda que case oculto pola maleza.

Contan Albo e Rueda (2014) que os caleiros que máis cocían e vendían eran os de A Ponte, xa que a proximidade da carreteira permitía cargar facilmente o cal nos camións que alí se achegaban, mentres que os de Pedrouzos tiñan que baixar cun carro tirado por un par de bois ata igrexa, onde podían cargar os camións.

Os caleiros que se atopan nas terras de O Incio non son de gran tamaño, e están normalmente realizados aproveitando un desnivel do terreo e parcialmente enterrados para mellor conservar a calor. Están construídos con pedra do país labrada en pequenas lousas e cachotes; teñen unha sección aproximadamente cilíndrica ou lixeiramente tronco cónica, con muros de case que un metro de anchura. O interior ten cerca de dous metros de diámetro medio e unha altura de algo máis de tres.

Teñen unha abertura pola parte superior, que é por onde se vai enchendo con pedra e madeira, e outra pola parte inferior, que é por onde se prende lume. O interior do forno vaise enchendo alternativamente cunha capa de pedra calcaria e outra de madeira (chamada aquí coza) ata cubrilo totalmente, mentres vanse deixando uns pequenos respiradoiros para que ao prender o lume poida circular o aire e ardan ben as achas de coza intercalada coa calcaria.

A materia prima era a pedra calcaria das canteiras próximas que, o mesmo que a leña para o lume e a madeira para as cargas, chegaba nos carros do país. A madeira preferida para a cocción da calcaria, a coza, sempre foi da raíz do breixo, pois pola súa idade (algunhas de máis de vinte anos) e gran densidade ten un elevado poder calorífico.

A carga do forno podía ocupar dous días de traballo a un operario. A cocción da calcaria duraba uns dous días e medio, de maneira interrompida, polo que se facían quendas para ter conta do proceso. Consumíanse entre trinta e trinta e cinco carros de leña, e o lume tiña que ser continuamente atizado, para mantelo ben vivo e que non baixara a temperatura duns 900 ?C.

Rematada a cocción, o arrefriado podía levar unha semana, despois da cal retirábanse con pas as pedras do cal fabricado (cal vivo en terrón), comezando pola parte superior e rematando pola boca de lume. De ser necesario, pasados tres ou catro días máis de arrefriado do forno, podía repetirse o proceso de cocción.

Tempo de uso:

As caleiras primitivas traballaban aproveitando os meses de menos chuvias, entre xuño e outubro. Nas instalacións máis modernas, o deseño dos fornos continuos, coas bocas de carga protexidas, había de permitir traballar a meirande parte do ano.

Sistema de produción:

Na primitiva explotación a pedra calcaria (calcita, carbonato cálcico, CO3Ca) arrancábase na canteira e levábase a cocer en braseiros elementais preparados no chan ou nos fornos (as caleiras) dispostos con tal propósito a carón das canteiras.

A caleira, unha estrutura cilíndrica normalmente de uns catro ou cinco metros de altura e uns tres metros de diámetro interior no pe, era escavada na terra aproveitando a configuración do terreo nas proximidades da canteira de calcaria. Na base, no seu fronte tiña unha abertura ou porta, a boqueira, franqueada por uns saíntes de pedra a xeito de contrafortes a cadanseu lado, os brazos, e no interior un zócalo, a zapata, todo en derredor da parede interior e cun metro de altura sobre o chan.

As calcarias ou pedras de cal íanse pondo en fiadas encol da zapata e, ao chegar a certo alto, as fiadas ían estreitándose formando unha falsa bóveda que enchíase de calcaria por riba ata chegar á mesma cheminea do forno. Baixo a bóveda metíase despois a leña de toxo que se tiña preparada e púñaselle lume que cumpría manter prendido cerca de tres días, ata calcinar as pedras para convertelas en cal. Segundo Xaquín Lorenzo cada fornada viña consumindo uns cincuenta carros de toxo.

Se co forno ardendo ameazase chuvia tiñan que tapalo ben con xestas por riba, pois de chegar a auga ao cal que se ía formando no interior poderíase fende-lo forno e quedar inutilizado pola forte dilatación que sofre o cal vivo (óxido de calcio, CaO) ao reaccionar coa achega e incorporación da auga para dar cal apagado ou cal morto (hidróxido de calcio, Ca(OH)2). Con posterioridade, o cal apagado vai reaccionando co anhídrido carbónico do aire (CO2) para cristalizar a xeito de carbonato cálcico (CO3Ca).

Rematado o proceso deixábase enfréa-lo forno e tirábase o cal con pás botándoa en cestos para vendela aos que alí ían a procurala ou para levala á venda ao seu destino final. O forno podía ser propio, mailo corrente, como se facía cos de cerámica, é que se alugase para preparar a fornada.

Actividades laborais:

A explotación dos fornos facíanse normalmente entre dous ou tres homes que vixiaban a cocción. O carrexo da pedra e do combustible ata o forno facíano outros, que podían tamén axudar a cargala pedra a cocer. O forno podía ser propiedade dalgún deles ou ser propiedade dun terceiro e alugado por outros para facer a cocida. Tamén podía ser que, cando o propietario tiña asegurada a venda do cal, contratase a uns mestres caleiros para levar a cabo varias cocidas no seu forno.

Emprego:

Cada forno ocuparía a dous ou tres homes durante a cocción. Algún máis axudaba na carga e descarga do forno. O ciclo completo duraba de doce a quince días, polo que podían facerse dúas cocidas nun mes.

Materias Primas:

Pedra calcaria, mármore (calcita, carbonato cálcico, CO3Ca).

Produtos Elaborados:

Cal vivo (óxido de calcio, CaO).

Distribución e comercialización:

Local, comarcal e rexional. O cal producido utilizábase nos curtidoiros, na construción e para o abono dos campos. Vendíase principalmente pola comarca, pero, baixo demanda, tamén chegaba a mercados máis distantes.

Referencias Bibliográficas:

Agricola, Georgius (Georg Bauer) (1556): De re metallica. Facsímil del Max-Planck-Institut für Wissenschaftsgeschichte (Instituto Max Planck para la Historia de la Ciencia) [en línea]. Dispoñible na Internet: http://libcoll.mpiwg-berlin.mpd.de [Acceso 7 de abril del 2011].

Agricola, Georgius (Georg Bauer) (1556): De re metallica (1950 English edition) Translated from the first latin edition of 1556 by Herbert Clark Hoover and Lou Henry Hoover and published in 1912 by The Mining Magazine, London. New York: Dover Publications, Inc. ISBN 0-486-60006-8.

Ayala Carcedo, Francisco Javier (2001): “Las obras hidráulicas y la política del agua”, en Francisco Javier Ayala Carcedo (coord.) Historia de la tecnología en España, vol. 1, p. 183-194. Barcelona: Valatenea. DL B-2590-2001. ISBN 84-923944-5-5.

Carmona Badía, Xoán; Nadal Oller, Jordi (2005): El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Córdoba de la Llave, Ricardo (2008): “Las artes del fuego: metalurgia y alfarería”, en Pedro Navascués Palacio (coord.) Ars Mechanicae: ingeniería medieval en España, p. 203-213. Fundación Juanelo Turriano. Madrid: Ministerio de Fomento (CEDEX-CEHOPU). DL M-46232-2008. ISBN 978-84-7790-470-0.

Empresa Nacional Adaro de Investigaciones Mineras (1991): La minería de Galicia. Melchor Ruiz Pérez (coord.) y Carlos Menéndez Suárez (coord.). Santiago de Compostela: Dirección Xeral de Industria de la Xunta de Galicia. DL C-1341-1991.

Fernández Negral, Justino (2009): Estudio del proceso de calcinación y uso de la cal en los procesos sidero-metalúrgicos y en la construcción. Análisis de los procesos de obtención y de la estructura de los hornos. Tesis Doctoral (inédita). Departamento de Enxeñaría Industrial II. Ferrol: Universidade da Coruña.

García López del Vallado, José Luis (2009): La cal en Asturias. Muséu del Pueblu d’Asturies. Gijón: Fundación Municipal de Cultura, Educación y Universidad Popular del Ayuntamiento de Gijón. DL AS-1263-2009. ISBN 978-84-96906-14-3.

Gross, K. (1942): “Hornos industriales”, en Manual del Ingeniero, tomo IV, capítulo X: Hornos industriales, p. 1017-1076. Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, 2ª ed. trad. de la 26ª edición alemana. Barcelona: Gustavo Gili.

Jiménez Martínez, Ramón; Díaz Martínez, Enrique (2013): Las piedras del Camino de Santiago en Galicia. Colección Guías Geológicas, número 3. Madrid: Instituto Geológico y Minero de España. DL M-25971. ISBN 978-84-7840-910-5.

Lara Coira, Manuel (2010): “La minería y el patrimonio minero en Galicia”, en Tierra y tecnología, revista de información geológica, número 36, segundo semestre 2009, p. 65-76. Madrid: Ilustre Colegio Oficial de Geólogos. DL-M-10.137-1992. ISSN 1131-5016.

Lorenzo Fernández, Xaquín (1962): “Etnografía: cultura material. Os oficios: Caleiros”, en Ramón Otero Pedrayo (dir.) Historia de Galiza, vol. II, O home-II, p. 530-531. Buenos Aires: Editorial Nós.

Lorenzo Fernández, Xaquín (1983): “Caleiros”, en Os oficios, p. 95-97. Biblioteca Básica da Cultura Galega. Vigo: Editorial Galaxia. DL VG-18-1983. ISBN 84-7154-425-3.

Mirre Gavalda, Juan Carlos (1990): Guía dos minerais de Galicia, Vigo: Galaxia. D.L. VG-328-1990. ISBN 84-7154-729-5.

Rueda Rodríguez, Carlos; Albo García, Francisco (2014): “Toldaos esconde entre la maleza sus viejas fábricas de cal”, en La Voz de Galicia, ed. Lemos, 09/11/2014.

Rueda Rodríguez, Carlos; Albo García, Francisco (2017): “Tradición religiosa y hornos de cal en San Román do Mao”, en La Voz de Galicia, ed. Lemos, 15/06/2017.

Schulz, Guillermo (1835): Descripción geognóstica del Reino de Galicia, acompañada de un mapa petrográfico de este país. Madrid: Imprenta de los herederos de Collado. Ed. facsimilar de 1985 da Área de Xeoloxía e Minería do Seminario de Estudos Galegos. Sada: Ediciós do Castro.

Taboada Arceo, Antonio (1971): Galicia, estructura y ritmo socio-económicos. La Coruña: Servicio de Estudios y Publicaciones de las Cámaras Oficiales de Comercio, Industria y Navegación de Galicia. DL C-145-1971.

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 124-IV Samos /// Datum ETRS89: H 29 // X 635.308,97 m / Y 4.726.273,65 m

Centro Nacional de Información Geográfica (s/d): Fotototeca Digital, Instituto Geográfico Nacional, Ministerio de Fomento del Gobierno de España [en línea] Disponible en internet: http://fototeca.cnig.es/ [Acceso 3 febreiro 2020].

Instituto de Estudos do Territorio (IDE) da Xunta de Galicia (s/d): Información Xeográfica de Galicia: visualizador de mapas [en liña] Dispoñible na Internet: http://mapas.xunta.es/visualizador-de-mapas [Acceso 3 febreiro 2020].

Instituto Geográfico Nacional (s/d): “Mapa Topográfico Nacional 1:25.000”, en Mapas de España. Instituto Geográfico Nacional, Gobierno de España [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/buscarArtsMenu?categoria=MTN25-Mapa-Topográfico-Nacional-1:25.000 [Acceso 18 enero 2021].

Xunta de Galicia (Consellería do Medio Rural) (s/d): Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícola (SixPac): visor de mapas [en liña] Dispoñible na Internet: http://sixpac.xunta.es/visorsixpac/ [Acceso 3 febreiro 2020].

Data de Actualización:

11 febreiro 2021