650 Barcaxes: A Pasaxe do Pedrido

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: A Coruña
  • Concello: Bergondo (embarcadoiro oeste) e Paderne (embarcadoiro este).
  • Parroquia: San Vicente de Moruxo (embarcadoiro oeste) e San Pantaleón das Viñas (embarcadoiro este).
  • Lugar: A Pasaxe, no embarcadoiro oeste, e A Ínsua, no embarcadoiro este.
  • Paraxe: A Pasaxe do Pedrido
  • Dirección: Non procede
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 43.32768663143665
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.209131242866516
  • Coordeadas UTM: Datum ETRS89: H 29 // X 564.122,28 m / Y 4.797.500,89 m
  • Clasificación: Servizo de barcaxe
  • CNAE: 50.10 Transporte marítimo de pasaxeiros; 50.20 Transporte marítimo de mercancías; 50.30 Transporte de pasaxeiros por vías navega
  • Tipoloxía: Barca de remos
  • Comarca: Betanzos
  • Marco Xeográfico: Esteiro do río Mandeo na súa desembocadura na ría de Betanzos
  • Ámbito: Rural e mariñeiro
  • Acceso: Sairemos da Coruña cara a Ferrol pola estrada N-VI. Uns quince quilómetros máis adiante, pasado Espírito Santo, apartaremos á esquerda pola estrada AC-164 cara a Ferrol. Pouco máis de seis quilómetros despois, unha vez cruzada a Ponte do Pedrido, apartamos á dereita pola estrada CP-6403 cara a Betanzos e, douscentos metros máis adiante, viramos e enfiamos a carreteira que descende ata o vello embarcadoiro.

Tipo de propiedade:

Pública

Visitable:

Si

Xestión de visitas:

Non procede

Historia:

Os humanos que necesitaron cruzar os ríos ou elixiron asentarse nas súas ribeiras houberon de procurar vaos, crear embarcacións e construír pasais e pontes para poder desprazarse polo territorio salvando as depresións que ocupaban as augas. Facilitar o tránsito dunha banda a outra dun río ou unha ría, a pasaxe ou barcaxe, configura unha ocupación inmemorial e un sector de actividade que artellou moitas bisbarras e moveu moreas de persoas, animais e mercadorías.

Nunha rexión como Galicia, con extensa costa, algunhas lagoas e numerosos cursos fluviais, debe sen dúbida ser case tan antiga como a aparición do home a industria de construción e reparación de artefactos flotantes (por exemplo, vid. ficha 536). Primeiro serían simples troncos, pronto perfeccionados cos prehistóricos monoxilos (monóxilas), que irían evolucionando e callando en variados deseños para mellor adaptarse ás diferentes condicións de navegación. Pereira (2000:58) menciona a existencia en Galicia de máis de vinte tipoloxías diferentes a comezos do século XX.

Para desprazarse nos ríos usarían os barqueiros de pértegas e sirgas, de velas e remos no mar, que xa apuntaba Alfonso X de Castela, “O Sabio”, que “velas e masteles e remos e espadillas e timones para cuando les fallare el viento“ (Las Siete Partidas, ca. 1265, citado en Massó).

A navegación individual por medios propios daría paso a unha certa especialización no carrexo de persoas, animais e mercadorías, e ao establecemento dos portos, os puntos máis propicios para atravesar os ríos, cruzar as rías e mesmo saír ao mar.

Sen que se poidan acreditar as sen discusión inmemoriais datas da existencia anterior dos primeiros barqueiros en ríos e rías, recolle Máiz (2001:12) que a máis antiga referencia fiable a embarcacións dedicadas ás pasaxes de persoas nas augas das rías galegas é de 1573.

E publicou Fabeiro (1990:175) que, a lo menos dende o ano 1600, o concello da vila de Noia arrendaba en poxa pública unha barca para o transporte de persoas e mercadorías dunha a outra beira da ría.

Un século despois, o dez de novembro de 1726, o francés Guillaume Manier pagaría barcaxe de Ribadeo a Figueiras nunha gran barca capaz para cincuenta persoas, unha travesía a bordo do que chama a “ponte que trema” e «qui vous cause des peurs épouvantables», consonte escribiu dez anos despois no seu relato da viaxe a España e Italia.

Pedro José García Balboa, máis coñecido como Fray Martín Sarmiento, deixou no caderno da súa viaxe por Galicia no 1745 numerosas notas sobre as barcas de pasaxe que abordou n’A Graña, Ferrol, Xubia, O Pedrido, Ézaro, Noia, Moaña, Vilaboa e aínda anotou da que cruzaba o río Miño ata Caminha.

Algún paso e navegación fluvial citou Cornide en 1764 na súa descrición das costas galegas. E, dez anos máis tarde, o tenente coronel William Dalrymple describía unha arriscada navegación na travesía da Coruña a Ferrol ao pasar xunto da illa da Marola o 31 de setembro de 1774: «Left my horses, and embarked in a passage-boat for Ferrol (...) in the bay of Betanzos, which we were to pass, there stands a rock, about a mile from the shore, that we could not weather; the boatmen resolved to go between it and the land (...) a dangerous passage (...) to the horror of us all» (Dalrymple, 1777:100-102).

Desde o comezo do século XIX en diante, xa son numerosas as referencias que se documentan en relación aos servizos de barcaxe, e moitas as que recolle Bernardo Máiz no seu espléndido traballo sobre as embarcación de pasaxe, arriba citado.

No desenvolvemento das vías de comunicación en Galicia, de teren os camiños que salvar unha corrente fluvial, nas pouco importantes habilitaríanse pasos ao xeito das pontellas, poldras, espoldras, pasais e pontillóns que inda coñecemos. Para atravesar os cursos fluviais de entidade, de non poder construíren unha ponte, non habería outra que recorrer ás barcas. E nunha ría, non hai outra que empregar unha embarcación cando o que se pretende e ir dunha beira á outra sen dar un gran rodeo por terra.

En palabras de Carlos Nárdiz “a ponte sucede case que sempre ao vao ou ao paso de barca anterior” (1992:101), adaptándose ás condicións orzamentarias e ás técnicas construtivas de cada época. Ademais das sólidas obras pétreas que chegaron ata os nosos tempos, moitas foran as pontes de madeira tamén construídas polos romanos. Unhas e outras terían a súa continuidade na Idade Media, xa fora reparando pasos antigos ou construíndo outros novos. Porén, en ausencia de vaos ou pontes, moitos ríos e durante moito tempo haberían de empregarse as barcas para facilitar o tránsito entre as orelas.

En tódalas embocaduras das rías galegas houbo unha pasaxe de barca anterior á ponte hoxe existente, e tamén as houbo nos cruces de ríos importantes como o Miño e o Sil, nos que, ademais dos máis antigo portos fluviais romanos de Tui e Ourense, documéntanse pasos de barca xa no século VI. Na toponimia deixaron ata os nosos tempos a súa pegada, entre outras, as pasaxes de: Porto d’Abaixo, no río Eo; A Barca e Porto da Vila, no río Masma; O Portociño, no río Landro; O Barqueiro, no río Sor; A Pasaxe, no río Mandeo; Barcavella e Campo da Barca, no río Tambre; A Barca e Pedra da Barca, no río Ulla; A Barca nos ríos Mera, Umia, Lérez, Tea e Cabe; Porto Auriense, Porto Vello e A Barca, no río Miño; A Barca e Portabrosmo, no río Sil.

Malia a Real Orde de Carlos III no 1761 “para hacer caminos rectos y sólidos en España, que faciliten el comercio de unas provincias a otras, dando principio por los de Andalucía, Cataluña, Galicia y Valencia”, e mentres que os camiños de rodas percorrían gran parte de Castela desde o século XVI, aínda en 1799 o deputado xeral por Galicia, Vicente Vázquez del Viso, clamaba pola construción do viario entre Benavente e a cidade de Ourense, da que accederíase en condicións a Santiago, Pontevedra e Vigo “para comunicar en ruedas la parte más interesante de Galicia con Castilla”.

Habería que esperar a 1840 e á “Orden de la Regencia relativa a la formación de un plan general de las carreteras del reino”, coa identificación de “todos los portazgos, pontazgos, barcajes y demás puntos en que los transeúntes pagan derechos” para avanzar na mellora e modernización da rede estatal das estradas e pontes que compoñían as infraestruturas viarias galegas. A Carta Xeométrica de Domingo Fontán, elaborada no 1834, contén a mellor recompilación dos camiños e as pontes anteriores a dito plan, plan que sería o inicio da desaparición de moitas das pasaxes de barcas aínda existentes naqueles tempos.

O cambio dos costumes e a mellora dos transportes por carreteira, coa conseguinte perda de rendibilidade económica da barcaxe, farían que as pasaxes fluviais foran paseniño desaparecendo. A entrada en servizo da ponte metálica d’O Barqueiro en 1901, poría fin ao derradeiro barcaxe fluvial daquela aínda existente nunha vía principal de comunicación.

Nas rías, as barcaxes principais e máis rendibles irían substituíndo o remo e a vela polas embarcacións con máquina de vapor, primeiro, e con motores de combustión interna, alimentados con gasolinas e gasóleos, despois. Tamén neste caso, a perda do rendemento do servizo pola mudanza dos costumes e o melloramento das comunicacións por carreteira, faría que case que todas as liñas de transporte de viaxeiros nas rías fosen pechando ou orientándose a estacionais viaxes de turismo.

Descrición Xeral do Entorno:

O embarcadoiro da antiga pasaxe en barca, localízase na marxe dereita do tramo final do esteiro do río Mandeo na súa desembocadura na ría de Betanzos. O desembarco na outra ribeira faríase directamente na praia; con todo, algún autor sinala que houbera un molle de madeira para faciltar o desembarco.

Construcción:

Inda coñecendo a antiguidade da pasaxe, non temos datos da construción do peirao. No plano debuxado en 1888 figura o embarcadoiro construído na marxe dereita; porén, no punto de desembarco no areal da marxe esquerda é o areal, non figura o embarcadoiro de madeira que se menciona nalgúns escritos.

Abandono:

Contra 1943, coa entrada en servizo da ponte do Pedrido. O embarcadoiro continúa hoxe en día prestando servizo aos veciños para o acceso ás súas embarcacións.

Descrición:

A lo menos desde 1577, sábese polas anotación das rendas do portádego e do vento foráneo da cidade de Betanzos da existencia dun servizo de pasaxe, a pasaxe de Miño, entre o porto da Pasaxe da freguesía de Viñas e a praia do Pedrido da de Moruxo.

O servizo de barcaxe era atendido tanto por “pasaxeiros” (Lopo Meiriño, 1586; Álvaro Pérez, 1611) como por “pasaxeiras” (María de Brañas, 1629; Inés de Ponte, 1639). Segundo anota o cronista de Betanzos, Núñez-Varela (2001), o derradeiro arrendatario do servizo foi José Pérez Lorenzo “O Ferreiro”, quen tiña como empregado a José Medín, atento sempre á chamada dende a outra ribeira e á que arribaba cun bote pequeno ou cun batel no que daba embarcado a persoas, cabalarías e carruaxes.

Sinala tamén Núñez-Varela no mesmo traballo que na orela de Viñas había un embarcadoiro de pedra, mentres que no areal do Pedrido tiñan construído un de madeira duns seis metros de lonxitude para facilitar o desembarque nas preamares.

Da utilización da pasaxe na barca do Pedrido deixarían pegada Martín Sarmiento en 1745 (“Barca do Pedrido. Aquí me embarqué, y corté la ría de Betanzos, para ir Bergondo y pasé por la aldea de Fiobre, y cerca de Moruxo y por San Ysidre…”) e os estadounidenses John Adams (segundo presidente dos EE.UU.) e o seu fillo, John Quincy Adams (sexto presidente dos EE.UU.), que haberían pagado barcaxe para cruzar o Mandeo o 15 do Nadal de 1779.

O atravesar o río Mandeo pola pasaxe do Pedrido, cun traxecto de cento vinte a cento sesenta metros, dependendo da altura da marea, podía levar uns dez minutos, aforrando os case catorce quilómetros que supuña ter que facelo percorrido dando a volta pola estrada que pasa por Betanzos.

Ademais do servizo de pasaxe, o tamén chamado “porto do Pedrido” sería punto de partida habitual dos embarques para a vila de Sada, viaxes que xuntarían máis seareiros desde o ano 1923, pois desde Sada podía continuarse viaxe ata Coruña no tranvía inaugurado naquel ano.

A ponte sobre o río Mandeo fora inicialmente proxectada en 1922, como parte do plan de estradas provinciais anterior a 1896, polo enxeñeiro de camiños Luciano Yordi Menchaca. O emprazamento elixido, como ocorrera con moitas outras pontes, sería o mesmo que viña ata entón sendo empregado para a pasaxe en barca de unha a outra ribeira. Comezarían as obras o 9 de maio de 1927, e de camiño xurdirían dificultades construtivas que, xunto coa revisión do proxecto polo enxeñeiro de camiños César Villalba Granda, en 1929, e a interrupción da construción durante a Guerra Civil (1936-1939), retardaría o remate das obras ata 1940 (vid. ficha 246). A inauguración da ponte o 16 de abril de 1943 suporía a desaparición da barcaxe do Pedrido.

Tempo de uso:

Todo o ano.

Sistema de produción:

Non procede.

Actividades laborais:

Para o goberno da embarcación chegaba cunha persoa soa, e sábese que actuaran de pasaxeiros –no sentido de quen conduce ao pasaxe– tanto homes como mulleres (vid. supra).

Emprego:

Das informacións consultadas parece que fora habitual que o arrendatario do servizo tivera empregado a unha única persoa, mariñeiro ou mariñeira, para a efectiva prestación do mesmo.

Materias Primas:

Non procede.

Produtos Elaborados:

Non procede.

Distribución e comercialización:

Non procede.

Referencias Bibliográficas:

Alvarado Blanco, Segundo; Durán Fuentes, Manuel; Nárdiz Ortiz, Carlos (1989): Puentes históricos de Galicia. 2ª ed., 1990. Colegio Oficial de Ingenieros de Caminos, Canales y Puertos. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia. DL C-367-1990. ISBN 84-404-8256-6.

Blanco García, Jesús (2008): Guía de las embarcaciones tradicionales gallegas. Colección Mar de Fora. Vigo: Edicións Nigra Trea. DL VG-488-2009. ISBN 978-84-95364-87-6.

Cornide Saavedra, José (1764): Descripción circunstanciada de la Costa de Galicia, y raya por donde confina con el inmediato reino de Portugal. Edición y estudio por Xosé Luís Axeitos Agrelo en 1991. Sada: Ediciós do Castro. ISBN: 84-7492-527-4.

Dalrymple, William (1777): Travels through Spain and Portugal, in 1774; with a short account of the Spanish expedition against Algiers, in 1775. London: J. Almond.

Fabeiro Gómez, Manuel (1990): Páxinas históricas de Noia. Noia: Sementeira. ISBN 84-404-7101-7.

Fra Paleo, Urbano; Mosquera Camba, Xosé Luís (1988): “A ponte do Pedrido: historia dunha frustración”, en Anuario brigantino, núm. 11, 1988, p. 179-190. ISSN 1130-7625.

Máiz Vázquez, Bernardo (2000): As embarcacións de pasaxe das rías galegas (1573-2000). 2ª ed. rev. e aum. 2001. Vigo: Edicións Xerais. DL VG-39-2001. ISBN 84-8302-607-4.

Máiz Vázquez, Bernardo (2015): O Seixo: na Outra Banda da banda de Ferrol, 1730-1930. Biblioteca de Ferrolterra. Ferrol: Edicións Embora. DL C-1394-2015. ISBN 978-84-16456-07-9.

Máiz Vázquez, Bernardo; Freire Hermida, Enrique (2009): As embarcacións tradicionais: do Arco Ártabro a Ribadeo. Museo do Pobo Galego. Ferrol: Edicións Embora. DL C-387-2009. ISBN 978-84-92644-01-8.

Manier, Guillaume (1736): "Voyage d'Espagne et d'Italie fait en 1726 et en 1727 par Manier de Noyon, écrit de sa main en 1736", d'après la publication du Baron de Bonnault d'Houët en 1890 Pèlerinage d'un paysan picard à St Jacques de Compostelle. Montdidier: Imprimerie de Abel Radenez.

Massó y García-Figueroa, José María (1982): Barcos en Galicia: de la prehistoria hasta hoy y del Miño al Finisterre. 2ª ed. 1992. Pontevedra: Diputación Provincial de Pontevedra. DL PO-26-1992. ISBN 84-86845-7629-3.

Mörling, Staffan (1989): As embarcacións tradicionais de Galicia. Santiago de Compostela: Dirección Xeral de Formación e Promoción Social da Consellería de Pesca da Xunta de Galicia. DL C-1237-1989. ISBN 84-453-0070-9.

Nárdiz Ortiz, Carlos (1992): El territorio y los caminos en Galicia. Planos históricos de la red viaria. Prólogo de José Antonio Fernández Ordóñez. Coordinación y diseño de Juan Lara Coira. Colección de Ciencias, Humanidades e Ingeniería, número 46. Madrid: Colegio de Ingenieros de Caminos, Canales y Puertos. DL C-1552-1992. ISBN 84-380-0066-5.

Núñez-Varela Lendoiro, José Raimundo (2001): “El pasaje del Pedrido”, en Betanzos e a súa comarca, 01/04/2001. Periódico mensual da Asociación de Comerciantes e Empresarios de Betanzos Centro Comercial Aberto.

Núñez-Varela Lendoiro, José Raimundo (2021): El Pasaje de Miño, del Pedrido y de la Ostreira (I y II) [en línea] Disponible en http://www.cronistadebetanzos.com/el-pasaje-de-mino-del-pedrido-y-de-la-ostreira/ [Acceso 1 febrero 2021].

Pensado Tomé, José Luis (ed.) (1975): Viaje a Galicia en 1745 de Fray Martín Sarmiento. Salamanca: Ediciones Universidad de Salamanca. ISBN 84-74819-27-X.

Pereira González, Dionisio (1999): Imaxes da fatiga: crónica gráfica do traballo na Galiza. Vigo: A Nosa Terra. DL VG-613-1999. ISBN 84-89976-87-2.

Pereira González, Dionisio (2000): O patrimonio marítimo de Galicia. 2ª ed. corrixida e aumentada no ano 2003. Vigo: Federación Galega pola Cultura Marítima. DL C-1455-2000.

Sarmiento, Martín (1745): Viaje a Galicia. Edición y estudio de José Luis Pensado Tomé, 1975. Salamanca: Secretariado de Publicaciones de la Universidad. DL 260-1975. ISBN 84-600-1878-4.

Taboada Arceo, Antonio (1971): Galicia, estructura y ritmo socio-económicos. La Coruña: Servicio de Estudios y Publicaciones de las Cámaras Oficiales de Comercio, Industria y Navegación de Galicia. DL C-145-1971.

Xunta de Galicia (2007-2011): Plan de Ordenación do Litoral [en liña] Dispoñible na Internet: http://www.xunta.es/litoral [Acceso 8 febreiro 2020].

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 45-II Betanzos /// Datum europeo ETRS89: H 29 // X 564.122,28 m / Y 4.797.500,89 m

Centro Nacional de Información Geográfica (s/d): Fotototeca Digital. Instituto Geográfico Nacional, Gobierno de España [en línea] Disponible en internet: http://fototeca.cnig.es/ [Acceso 6 enero 2021].

Instituto de Estudos do Territorio (IDE) da Xunta de Galicia (s/d): Información Xeográfica de Galicia: visor de mapas [en liña]. Dispoñible na Internet: http://mapas.xunta.es/visualizador-de-mapas [Acceso 6 xaneiro 2021].

Instituto Geográfico Nacional (s/d): “Mapa Topográfico Nacional 1:25.000”, en Mapas de España. Instituto Geográfico Nacional, Gobierno de España [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/buscarArtsMenu?categoria=MTN25-Mapa-Topográfico-Nacional-1:25.000 [Acceso 6 enero 2021].

Instituto Hidrográfico de la Marina (1960): De Punta Frouseira a las Islas Sisargas, con las rías de El Ferrol del Caudillo, Ares, Betanzos y La Coruña. Océano Atlántico Norte. Costa NW de España. Carta 929, con levantamientos no datados y correcciones hasta 1978. Cádiz: Talleres del Instituto Hidrográfico de la Marina. DL CA-1074-1971.

Xunta de Galicia (Consellería do Medio Rural) (s/d): Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícola (SixPac): visor de mapas [en liña] Dispoñible na Internet: http://sixpac.xunta.es/visorsixpac/ [Acceso 6 xaneiro 2021].

Data de Actualización:

24 febreiro 2021