654 Central termoeléctrica de Sabón

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: A Coruña
  • Concello: Arteixo
  • Parroquia: San Tirso de Oseiro
  • Lugar: Sabón
  • Paraxe: Praia de Alba
  • Dirección: Non procede
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 43.331023005501144
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.50292432510376
  • Coordeadas UTM: Datum ETRS89: H 29 // X 540.349,63 m / Y 4.797.636,92 m
  • Clasificación: Central termoeléctrica
  • CNAE: 35.16 Produción de enerxía eléctrica de orixe térmico convencional.
  • Tipoloxía: Caldeira de fuelóleo e turbina de vapor de auga
  • Comarca: Coruña
  • Marco Xeográfico: Praia de Alba, na depresión de Arteixo, entre o rego de Seixedo e o rego de Bolaños, no suroeste dos montes da Pastoriza e o nor
  • Ámbito: Rural (hoxe industrial)
  • Acceso: Sairemos da Coruña pola avenida de Arteixo, para enfiar a estrada comarcal AC-552 (ou ben a autoestrada A-55). Ao chegarmos a Arteixo avanzaremos pola avenida de Deputación e continuaremos bordeando o embalse do Rosadoiro ata chegar ás portas da central.

Tipo de propiedade:

Privada

Visitable:

As instalacións orixinais foron desmanteladas e no sitio levantouse un novo grupo termoeléctrico, agora de gas natural.

Xestión de visitas:

Non procede

Historia:

De entre todas as experiencias dos numerosos investigadores pioneiros ó redor da electricidade (Franklin, Coulomb, Galvani, Volta, Rumford, Ampère), no que aquí nos ocupa, dúas delas resultan de singular transcendencia: en 1800, o arco eléctrico de Humphry Davy, que abriría o camiño á iluminación con enerxía eléctrica; e en 1831 o xerador eléctrico de Michael Faraday, que daría paso ao uso da electricidade sen necesidade de recorrer á amoladura das pilas voltaicas.

Cara a 1870 o enxeñeiro belga Zénobe Théophile Gramme construía a primeira máquina comercial xeradora de corrente continua, a dínamo de Gramme, que permitía a conversión da enerxía mecánica en enerxía eléctrica. A Exposición Universal de Viena de 1873, coas súas pilas, xeradores e espectaculares arcos voltaicos, sería o primeiro escaparate mundial da electricidade.

O estadounidense Charles Francis Brush patentaría en 1877 unha versión mellorada da dínamo de Gramme, cun deseño máis sinxelo, de menos peso e máis económica. O 20 de decembro de 1880 iluminaría un primeiro tramo da rúa Broadway (Nova York) co seu sistema. En 1881, Nova York, Boston, Philadelphia, Baltimore, Montreal, Buffalo, San Francisco, Cleveland, e outras poboacións terían instalados sistemas Brush de arco eléctrico para a iluminación pública.

Continuador con vantaxe de anteriores experiencias, Thomas Alva Edison presentaba no outono de 1879 o prototipo das modernas fontes de iluminación, unha lámpada de incandescencia que, grazas ás súas innovacións, alumaba sen fundirse durante… corenta e oito horas seguidas.

Todos estes avances verían a súa culminación na Exposición Universal de París de 1881, na que, ademais de exhibirse a lámpada incandescente de Thomas Edison, o enxeñeiro francés Marcel Deprez presentaba como resultado dos seus experimentos a posibilidade de transmitir a electricidade a varios centenares de metros de distancia. A experiencia coñecería a maior difusión cando no ano seguinte, empregando unha tensión continua de dous mil voltios, conseguía transmitir unha potencia de 1’5 kW a unha distancia de trinta e cinco millas (uns 56 km). A iluminación eléctrica incandescente con corrente continua comezaría entón a utilizarse comercialmente en todo o mundo, competindo dende estas datas cos farois de gas na iluminación pública. Dende aquela sería imparable a continua evolución técnica para poñer a electricidade ao dispor dos cidadáns e a industria.

O 12 de xaneiro de 1882, Tomás Alva Edison poñía en marcha en Holborn Viaduct (Londres) a “Edison Electric Light Station”, a que se ten pola primeira central térmica do mundo que subministrou electricidade para iluminación pública. Unha caldeira de carbón proporcionaba vapor de auga a unha turbina que arrastraba un voluminosos xerador eléctrico de trinta toneladas de peso e cento vinte e cinco cabalos (93 kilovatios) que producía corrente continua a 110 voltios.

No mes de setembro do mesmo ano, entraba en servizo en Manhattan (Nova York) a central termoeléctrica construída por Edison en Pearl Street, tamén con caldeira de carbón e máquina de vapor, cun xerador de 175 cabalos (130 kW) subministrando cento dez voltios en corrente continua aos seus primeiros oitenta e dous clientes, que axiña van verse multiplicados, estendéndose a luz eléctrica a tódolos fogares. Tralo acordo entre Edison e Swan en 1883 e as melloras introducidas por Swan, a lámpada incandescente de filamento de tungsteno, de menor voltaxe, máis luminosidade e maior duración, coñecería dende 1906 a meirande difusión [Bartolomé, 2007: 42].

A situación da electricidade daría o envorco definitivo en 1888, cando o enxeñeiro turinés Galileo Ferraris conseguiu construír o primeiro motor de corrente alterna sen conmutador, o motor de indución, que desenvolverían Nikola Tesla (1888) e Mikhail Dolivo-Dobrovsky (1889), de gran eficiencia e competitivo cos de corrente continua, apto para múltiples usos e que fixo da corrente alterna a forma máis popular da electricidade.

En 1893 poríase en servizo en Redlands (California, EE.UU.) a primeira central hidroeléctrica comercial de corrente alterna trifásica [Edison Tech Center, n.d.]. A central hidroeléctrica de Jaruga (Dalmacia, Croacia) sería dende 1895 a primeira que na Europa subministrase comercialmente corrente eléctrica alterna, e a segunda no mundo [Delimar et al., 2007].

Despois dos experimentos pioneiros da iluminación eléctrica en España, realizados polos boticarios Antonio Casares Rodríguez (1851, Santiago de Compostela), José Simón Castañer (1852, Madrid), Ramón Torres Muñoz (1852, Madrid), e Francisco Domenech Maranges (1852, Barcelona), a industria eléctrica comeza realmente cando o empresario Tomás Dalmau e o enxeñeiro Narciso Xifra constrúen en 1873 na Rambla de Canaletas de Barcelona a primeira central eléctrica española, instalando catro motores de gas de cincuenta cabalos cada un que movían cadansúa máquina Gramme de douscentos voltamperios. Dende aquela aparecerán no país unha serie de iniciativas para a produción e distribución de electricidade e xa contra 1881 e para mellor atender á crecente demanda, Dalmau e Xifra crearían, tamén en Barcelona, a “Sociedad Española de Electricidad”.

Nestes anos contrastaba o vizoso avance das centrais termoeléctricas fronte ao lento progreso das hidroeléctricas, que xurdirían contra 1885 en diversos puntos de España asociadas a pequenos muíños ou industrias manufactureiras que producían para o seu propio consumo e que nalgúns casos chegaban a distribuír a electricidade a vivendas da veciñanza [Sintes e Vidal, 1933]. Sería fundamental a aportación do taller mecánico xerundense “Planas, Flaquer y Cía.”, estabelecido en 1858 e especializada na construción de motores hidráulicos tipo Fontaine-Baron (unha evolución rexistrada en 1840 da turbina Fourneyron de 1827) e que xa en 1860 tiña fabricadas dezanove turbinas, algunha de 80 cabalos de vapor (uns 60 kW) [Orellana, 1860]; dende 1886 a casa “Planas” interviría na adaptación de moitos motores hidráulicos á produción de electricidade e chegaría a ser a primeira empresa española dedicada á fabricación de material eléctrico [Nadal, 1976].

En Galicia, dende o mes de xuño de 1884 a “Sociedad Anglo Española de Electricidad” iluminaba o Arsenal de Ferrol coa electricidade xerada con magneto dínamos do sistema de Charles Francis Brush nunha pequena instalación termoeléctrica [Carmona, 2016:27], e xa contra 1888 comezaría a funcionar en Pontevedra a que sería en Galicia a primeira central de vapor asociada a tres dínamos Gramme de 25 CV cada unha para a subministración do alumeado público con fluído eléctrico, instalación que sería seguida por outras iniciativas semellantes –unhas termoeléctricas, hidroeléctricas outras– na Coruña (1890), Mondoñedo (1893), Lugo, Ferrol e Santiago (1894), Ponteareas e Ourense (1895), e Vigo, Monforte, Viveiro, Betanzos e Tui (1896) [Carmona e Nadal, 2005].

A precariedade técnica nestes primeiros tempos fai que predominen as instalacións térmicas (con caldeira de carbón e máquina de vapor, unhas; ou ben con gasóxeno de carbón e motor de gas, outras) sobre as hidráulicas, xa que os promotores non se atrevían a construír as centrais xeradoras máis aló de dous ou tres quilómetros do centro das localidades ás que ían subministrar con corrente continua. Aínda algunhas das primeiras centrais hidráulicas recorrerán a instalar termoeléctricas de apoio (por exemplo, en 1905 na central de Segade, vid. ficha 113). Todas estas primitivas centrais eléctricas eran de pequeno tamaño, normalmente non superior aos douscentos cabalos de vapor (uns 150 kW) e principalmente destinadas ao servizo do alumeado público.

Ademais das de iluminación pública, só temos constancia de dúas empresas que posúen nestes primeiros tempos unha central termoeléctrica para o alumeado das súas instalacións, e ámbalas dúas son fábricas téxtiles e as puxeran en marcha contra 1892: “Galicia Industrial”, en Xubia (Neda) (vid. ficha 452), e “La Primera Coruñesa” (vid. ficha 492). As pequenas instalacións térmicas, inicialmente preferidas ás hidráulicas, irían progresivamente aumentando a potencia instalada (750 quilovatios en Ferrol; 1.000 en Ourense; 1.500 na Coruña; 2.025 en Vigo), pero as melloras técnicas na hidroelectricidade farían cambiar a tendencia, consolidándose a produción hidráulica e superando á térmica xa na primeira década do século XX.

Coa central hidroeléctrica de Porto de Bois (Viloalle, Mondoñedo), unha das primeiras na Península Ibérica (en 1894 entraría en servizo a de Biel en Vila Real, Portugal [Simões, 1982]), a “Electricista Mindoniense” (vid. ficha 486) proveía desde 1893 o alumeado público de Mondoñedo, aproveitando uns 290 litros por segundo nun salto de 14 metros das augas do río Tronceda cunha turbina de 70 cabalos de vapor que arrastraba unha dínamo Oerlikon de 32 quilovatios [Carmona, 2016]. Nos anos seguintes subministrarían electricidade de orixe hidráulica “Alumbrado Eléctrico de Lugo” (1894, Acea de Castro Romay, Lugo, vid. ficha 491), “Antonio Sestelo” (1895, Salto de Pardellas, Ponteareas, vid. ficha 488), “Jesús Adrán” (1896, Salto de Vilanova, Monforte, vid. ficha 515) e “José Barro” (1896, Salto de Chavín, Viveiro, vid. ficha 376), en tódolos casos mediante xeradores de corrente continua [Carmona y Nadal, 2005].

O primeiro terzo do século XX coñecería o progreso do desenvolvemento da industria da electricidade en Galicia, cun forte crecemento das instalacións hidráulicas por riba das térmicas, e o comezo da concentración empresarial neste incipiente sector, o que fai que contra 1931 haxa máis de corenta centrais en funcionamento, dezaoito delas cunha potencia instalada superior aos 500 kVA e que sumaban 45.555 kVA nun total da orde dos cincuenta mil quilovatios instalados. O que comezaba a coñecerse como “grupo galego”, formado polas compañías "Sociedad General Gallega de Electricidad" e “Fábricas Coruñesas de Gas y Electricidad” (vid. ficha 155) estruturadas en torno ao Banco Pastor, controlaba neste ano de 1931 o 76% da electricidade vendida en Galicia [Carmona y Nadal, 2005]; ámbalas dúas desenvolverán unha actuación conxunta baixo o control do Banco Pastor ata a súa formal integración en Fenosa en 1955, rematando así o proceso iniciado coas centrais de Segade (1899, vid. ficha 113) e A Fervenza (1901, vid. ficha 189) a comezos do século XX.

En efecto, finalizada a guerra civil española (1936-1939), o proceso de concentración e ampliación do sector eléctrico galego tería un novo e definitivo impulso cando Pedro Barrié de la Maza, á fronte do “Banco Pastor”, constitúe en Vigo o 23 de agosto de 1943 a empresa “Fuerzas Eléctricas del Noroeste” (FENOSA) para eludir os compromisos existentes coa “Electra Popular de Vigo y Redondela” e poder construír no río Limia o encoro das Conchas para a subministración eléctrica á puxante cidade de Vigo. Transcorridos os vinte anos pactados, a “Sociedad General Gallega de Electricidad” e “Fábricas Coruñesas de Gas y Electricidad” integraríanse en FENOSA en 1955.

O mantemento polo Goberno franquista duns prezos da electricidade artificialmente baixos, coa conseguinte descapitalización das empresas produtoras e a imposibilidade de modernización das súas instalacións para dar cumprido servizo aos seus clientes, faría que a meirande parte das pequenas “fábricas da luz” que comezaran a electrificación das aldeas e vilas galegas, foran pouco a pouco abandonándose ou malvendéndose e integrándose en FENOSA ou nalgunha das outras grandes empresas eléctricas, como BEGASA ou IBERDUERO.

O forte crecemento da demanda de enerxía eléctrica e a necesidade de garantir a subministración con independencia da variabilidade hidráulica, impulsaría desde finais do decenio de 1950 a construción de grandes centrales termoeléctricas de derivados do petróleo (Escombreras, 1956; Santurce, 1969), carbóns nacionais (Compostilla, 1961; Soto Ribera, 1962), lignitos (Utrillas, 1970; Serchs, 1971), gas natural (Besós, 1972; San Adrián, 1973) e combustible nuclear (José Cabrera, 1968).

En Galicia, ademais das primeiras e modestas centrais termoeléctricas xa citadas, e despois da experiencia pioneira da central da Calvo Sotelo en As Pontes (1949, lignito, 32 MW, vid. ficha 578), construríanse tres grandes centrais térmicas no derradeiro terzo do século XX: a de Sabón (1972, fuelóleo, 120 MW), a de As Pontes (1976, lignito, 350 MW, vid. ficha 586) e a de Meirama (1980, lignito, 550 MW). A central de Sabón ampliaríase en 1975 cun segundo grupo de 350 MW e a de As Pontes incorporaría outros tres grupos de 350 kW, en 1977, 1978 e 1979. A central nuclear proxectada en Regodola (Xove), con autorización previa concedida en 1976 para 1.000 MW e entrada en servizo prevista para o ano 1985, non chegaría a construírse.

Descrición Xeral do Entorno:

A central termoeléctrica construíuse na marxe esquerda do embalse do Rosadoiro, no tramo final do rego de Seixedo pola depresión de Arteixo ata a desembocadura na praia de Alba, no suroeste dos montes da Pastoriza.

Construcción:

1967-1971. Comezaría a prestar servizo en 1972.

Abandono:

2008, ao entrar en servizo ao seu carón un novo grupo, agora de gas natural. Os dous antigos grupos de fuelóleo foron clausurados no ano 2011, e totalmente desmantelados entre os anos 2016 e 2019.

Descrición:

En 1965 a Deputación da Coruña procedía á delimitación dos terreos e deseño das infraestruturas do que sería o Polígono Industrial de Sabón, no termo municipal de Arteixo e a dez quilómetros da capital provincial, a cidade de A Coruña. Unha das obras principais sería a do embalse do Rosadoiro (ou Reixidoiro), no rego de Seixedo. Deseñada e construída por Luciano Yordi de Carricarte para o abastecemento das industrias a instalar no polígono, o primeiro día do mes de xaneiro do ano 1970 dábase por rematada.

En 1967 tiñan comezado os traballos de explanación dos terreos nos que se construiría a central térmica. As obras irían avanzando sen interrupcións e a finais de 1970 a construción do primeiro dos dous grupos termoeléctricos proxectados estaría practicamente finalizada. En 1971 entraba en servizo o oleoduto que desde a refinería de Bens (entón Petroliber) proporcionaría o combustible para a caldeira da central. Finalmente, en 1972 procedíase á posta en marcha do primeiro dos dous grupos turboalternadores previstos na central, con cento vinte megavatios de potencia instalada.

Os traballos de instalación do segundo grupo, de trescentos cincuenta megavatios, rematarían dous anos despois, ano no que o consello de administración da compañía decidiría o aproveitamento dos lignitos de Meirama nunha central de cincocentos megavatios e constituiría, xunto coa santanderina “Electra de Viesgo” e a asturiana “Hidroeléctrica del Cantábrico”, a Asociación Central Nuclear de Regodola, para a construción en Xove dunha central termoeléctrica nuclear.

A entrada en servizo do primeiro dos grupos, o 20 de abril de 1972, aproveitaría a derradeira etapa duns prezos baixos e estables do petróleo e dos seus derivados, cun prezo de tres dólares por barril para o cru de referencia. Porén, cando o 1 de abril de 1975 estivo en condicións de comezar a funcionar o segundo grupo turboalternador, as condicións eran ben diferentes pois a chamada crise do petróleo, desatada mediado o outono de 1973 e que cuadriplicara o prezo dos crús de petróleo nos dous meses e medio seguintes (once dólares e setenta centavos o un de xaneiro de 1974), levara á economía mundial a somerxerse nunha longa e fonda crise da que tardaría máis de quince anos en sobreporse.

A caída do réxime iranio a finais de 1978 desencadearía a segunda crise do petróleo e unha nova subida nos prezos do barril de cru de referencia, que superaría os vinte dólares a finais de 1979 e os trinta e catro en outubro de 1981, con prezos aínda superiores nos chamados mercados “spot” (de entrega inmediata).

A tremenda distorsión sufrida polo sector petroleiro nestes anos, nos que se xuntaron a escaseza e os elevados prezos, encarecería e limitaría en gran maneira a utilización dos derivados do petróleo en tódolos sectores da actividade económica. No caso da central termoeléctrica de Sabón, os elevados custos de funcionamento reducirían a súa competitividade na xeración de electricidade, polo que sería utilizada case que exclusivamente para a regulación e compensación da enerxía reactiva na rede eléctrica.

A finais de 1982 formalizábase a fusión de “Fuerzas Eléctricas del Noroeste, S.A.” (FENOSA) coa madrileña “Unión Eléctrica, S.A.”, denominándose a nova empresa “Unión Eléctrica Fenosa, S.A.”. A empresa desaparecería tras ser absorbida por Gas Natural nun proceso que rematou no mes de setembro do ano 2009 dando lugar a “Gas Natural Fenosa”.

No ano 2008, coa posta en marcha ao seu carón dunha central termoeléctrica de 400 MW, de ciclo combinado con turbina de gas e turbina de vapor de auga, a vella central termoeléctrica de Sabón deixaría de funcionar. Desbotada a idea de instalar un segundo grupo de 400 MW aproveitando as instalacións da antiga central, a nova propietaria solicitaría no ano 2010 a clausura dos dous grupos de fuelóleo, que serían dados de baixa no mes de decembro do 2011, e desmantelados posteriormente.
O desmantelamento das chemineas comezou coa do grupo un (70 metros de altura) no verano do 2016, e continuou no mes de febreiro do 2017 coa do grupo dous (200 metros), rematando o 20 de decembro do 2019 a desaparición da vella central termoeléctrica.

Polo medio das tarefas de desmantelamento da central, no ano 2018, “Gas Natural Fenosa” cambiaría de novo a súa razón social, pasando a denominarse “Naturgy Energy Group, S.A.” (NEGSA).

Tempo de uso:

Conectada ao sistema eléctrico nacional e, non sendo nos periodos de mantemento, en situación de dispoñible todo o ano.

Sistema de produción:

As primeiras “fábricas de luz” basearanse na xeración da electricidade con máquinas comerciais xeradoras de corrente continua movidas por motores de gas ou máquinas de vapor. En ámbolos dous casos o carbón era a fonte primaria de enerxía, que consumíase nos gasóxenos para producir gas pobre para os motores ou ben nas caldeiras que producían o vapor de auga para alimentar as máquinas correspondentes.

A primeira máquina para a conversión da enerxía mecánica de rotación en enerxía eléctrica en forma de corrente continua fora a dínamo de Gramme, unha máquina de indución electromagnética que sería despois perfeccionada polo estadounidense Brush e comercializada baixo a súa patente.

Desde finais do decenio de 1880, a corrente alterna iría substituíndo á continua en practicamente todas as aplicacións, e as dínamos irían sendo substituídas polos alternadores. Despois de algún tempo de coexistencia de diferentes tipos de xeradores de correntes alternas, principalmente monofásicos, bifásicos e trifásicos, serían estes últimos as que lograrían unha aceptación xeneralizada.

Ademais das máquinas de vapor e os motores de gas, outras máquinas irían utilizándose para accionar aos alternadores: as rodas e turbinas hidráulicas e eólicas, os motores de combustión interna de combustibles líquidos (ciclos Otto e Diesel), as turbinas de vapor (ciclo Rankine), e as turbinas de gas (ciclo Brayton).

No deseño e construción das instalacións especificamente destinadas á produción de electricidade, desde 1893 o xerador sería de corrente alterna trifásica, cun transformador eléctrico de saída para elevar o nivel de tensión e así realizar un transporte máis económico da enerxía até os puntos de consumo da electricidade.

No caso da central termoeléctrica de Sabón, os dous primeiros grupos utilizarían fuelóleo como combustible nas caldeiras de xeración de vapor de auga para as turbinas. Trala clausura dos dous grupos de fuelóleo, a nova central de ciclo combinado (chamada Grupo III) utiliza o gas natural como combustible, e podería utilizar gasóleo en caso de emerxencia.

O fuelóleo fornecíase desde a Refinería de Bens ata a Central de Sabón por medio dunha condución de aceiro de trece quilómetros. Excepto os douscentos metros que discorren por riba do encoro do Rosadoiro, a condución vai enterrada. O gas natural chega á planta por un gasoduto, tamén enterrado, que arranca nas proximidades de Abegondo do gasoduto de transporte da rede nacional.

O Grupo I queima o fuelóleo na caldeira e o vapor de auga a presión producido é expandido na turbina, acoplada a un xerador síncrono trifásico que fornece unha potencia nominal de 120 megavatios. O sistema de refrixeración utiliza auga de mar en circuíto aberto. O Grupo II é similar ao I, pero dunha potencia nominal de 350 megavatios. Para os arranques en frío dos grupos utilízase gasóleo ata acadar a temperatura adecuada para o fuelóleo.

O chamado Grupo III queima o gas natural nunha turbina de gas, cuxos gases de escape aprovéitanse nunha caldeira de recuperación na que xérase vapor de auga para a turbina de vapor. As dúas turbinas actúan sobre un único eixe, que vai acoplado a un xerador síncrono trifásico de 400 megavatios.

A central conta cunha serie de sistemas auxiliares, como a planta de tratamento de auga (produción de auga potable e auga desmineralizada a partir da auga da rede municipal), o sistema de almacenamento e distribución de gasóleo, o sistema contra incendios, a estación de regulación e medida do gas natural, ou o sistema de aire comprimido.

Actividades laborais:

Ademais do persoal de operación e mantemento normal da central termoeléctrica, as instalacións de Sabón dispoñen do persoal propio do servizo contra incendios.

Emprego:

Sen datos.

Materias Primas:

Auga, fuelóleo e gasóleo. Gas natural para a nova central.

Produtos Elaborados:

Electricidade.

Distribución e comercialización:

A través do sistema eléctrico nacional.

Referencias Bibliográficas:

Bartolomé Rodríguez, Isabel (2007): “La industria eléctrica en España (1890-1936)”, en Estudios de historia económica, nº 50. Madrid: Banco de España. DL M-15409-2008. ISSN 0213-2702.

Carmona Badía, Xoán (2016): La Sociedad General Gallega de Electricidad y la formación del sistema eléctrico gallego (1900-1955). Biblioteca de Historia del Gas. Sabadell: Fundación Gas Natural Fenosa. DL B-21370-2016. ISBN 978-84-617-5114-3.

Carmona Badía, Xoán; Nadal Oller, Jordi (2005): El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Delimar; Marko; Moser, Josip; Szabo, Aleksandar (2007): "First AC Power Systems in Croatia", in 2007 Institute of Electrical and Electronics Engineers (IEEE) Conference on the History of Electric Power [on line] Available at http://www.ieee.org/web/aboutus/history_center/conferences/che2007/ [Retrieved 10/08/2017].

Edison Tech Center (n.d.): “Dolgeville Hydro Power 1879”, in The Miracle of Electricity and Engineering. Edison Tech Center, Schenectady, New York, U.S.A. [on line] Retrieved August 29, 2001, from http://www.edisontechcenter.org/Dolgeville.html.

García Fontenla, Ramón (ed.) (1990): Cien años de luz eléctrica en Galicia. Introducción de Domingo García Sabell, Madrid: Unión Fenosa. D.L. M-45870-1990.

Kyser, Herbert (1930): Centrales generadoras de energía eléctrica. Versión directa de la 2ª ed. alemana revisada y ampliada por Manuel Lucini. Barcelona: Editorial Labor.

GECOISA (1989): Minicentrales hidroeléctricas. Estudio realizado con la colaboración de la Asociación de Productores y Distribuidores de Energía Eléctrica (APYDE), Barras Eléctricas Galaico Asturianas (BEGASA), Energía de Galicia (ENGASA) y Unión Eléctrica Fenosa (UNIÓN FENOSA), y coordinado por “Gestión Energética de Galicia, S.A.” (GESTENGA). Santiago de Compostela: Consellería de Industria, Comercio e Turismo da Xunta de Galicia.

Martínez López, Alberte (2017): “La electrificación de la periferia: Galicia, 1883-1935”, en Horacio Capel Sáez, Miriam H. Zaar, Magno Vasconcelos Pereira Junior (coords.) La electrificación y el territorio: historia y futuro. Barcelona: Universidad de Barcelona. ISBN 978-84-697-6835-8.

Mirás Araujo, Jesús; Martínez López, Alberte (2013): “La transición energética en las ciudades de Galicia. Del gas a la electricidad, 1850-1936”, en Horacio Capel Sáez, Vicente Casals Costa (coords.) Capitalismo e historia de la electrificación, 1890-1930: capital, técnica y organización del negocio eléctrico en España y México, p. 297-315. Barcelona: Universidad de Barcelona. ISBN 978-84-7628-708-8.

Simões, Ilídio Mariz (1982): “As primeiras instalações de produção e distribução de energia eléctrica em Portugal”, em Revista Electricidade, núm. 285, Fevereiro 1982, e núm. 288, Abril 1992.

Sintes Olivés, Francisco F.; Vidal Burdils, Francisco (1933): La industria eléctrica en España. Estudio económico-legal de la producción y consumo de electricidad y de material eléctrico. Barcelona: Montaner y Simón.

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 45-I Arteixo // Datum ETRS89: H 29 // X 540.349,63 m / Y 4.797.636,92 m

Centro Nacional de Información Geográfica (s/d): Fotototeca Digital. Instituto Geográfico Nacional, Ministerio de Fomento del Gobierno de España [en línea] Disponible en internet: http://fototeca.cnig.es/ [Acceso 28 febreiro 2020].

Instituto de Estudos do Territorio (IDE) da Xunta de Galicia (s/d): Información Xeográfica de Galicia: visualizador de mapas [en liña] Dispoñible na Internet: http://mapas.xunta.es/visualizador-de-mapas [Acceso 4 abril 2020].

Instituto Geográfico Nacional (s/d): “Mapa Topográfico Nacional 1:25.000”, en Mapas de España. Instituto Geográfico Nacional, Gobierno de España [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/buscarArtsMenu?categoria=MTN25-Mapa-Topográfico-Nacional-1:25.000 [Acceso 18 enero 2021].

Instituto Hidrográfico de la Marina (1960): De Punta Frouseira a las Islas Sisargas, con las rías de El Ferrol del Caudillo, Ares, Betanzos y La Coruña. Océano Atlántico Norte. Costa NW de España. Carta 929, con levantamientos no datados y correcciones hasta 1978. Cádiz: Talleres del Instituto Hidrográfico de la Marina. DL CA-1074-1971.

Xunta de Galicia (Consellería do Medio Rural) (s/d): Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícola (SixPac): visor de mapas [en liña] Dispoñible na Internet: http://sixpac.xunta.es/visorsixpac/ [Acceso 4 abril 2020].

Data de Actualización:

20 marzo 2021