657 Estaleiro d’A Vilavella

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: Lugo
  • Concello: Ribadeo
  • Parroquia: San Xoán de Ove
  • Lugar: A Vilavella
  • Paraxe: Enseada d'A Vilavella
  • Dirección: Non procede
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 43.529014833835696
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -7.04573649328355
  • Coordeadas UTM: Datum ETRS89: H 29 // X 657.918,61 m / Y 4.821.421,11 m
  • Clasificación: Construción naval
  • CNAE: 30.11 Construción de barcos e estruturas flotantes.
  • Tipoloxía: Carpintería de ribeira artesanal
  • Comarca: A Mariña Oriental
  • Marco Xeográfico: Marxe esquerda da enseada d’A Vilavella, na marxe esquerda da ría de Ribadeo.
  • Ámbito: Rural e mariñeiro (hoxe periferia urbana)
  • Acceso: En Ribadeo colleremos o tramo urbano da estrada nacional N-642 cara Vegadeo e Lugo. Pouco menos dun quilómetro despois do Parador Nacional, chegaremos á redonda d’A Vilavella e a rodearemos para ir de volta cara a Ribadeo e, ao chegarmos ás primeiras casas, apartaremos á dereita para baixar ata a ribeira, onde atoparemos a rampla do que fora estaleiro e, un pouco máis adiante, a que fora a fábrica das algas.

Tipo de propiedade:

Privada no dominio público marítimo terrestre (hoxe, pública)

Visitable:

Si. O molle e un carro de varada é a única proba da existencia dos vellos estaleiros.

Xestión de visitas:

Non procede

Historia:

Nunha rexión como Galicia, con extensa costa, algunhas lagoas e numerosos cursos fluviais, debe sen dúbida ser case tan antiga como a aparición do home a industria de construción e reparación de embarcacións, aínda que ata o momento só poidamos remontarnos no tempo ata o achado dunha embarcación prehistórica —a monóxila— feita do tronco oco dunha árbore e desenterrada dos lodos prehistóricos do esteiro do río Ulla.

Desde este remotísimo descubrimento, e sen dubidar de que a construción de embarcacións mantívose activa en tantos séculos escuros, a falla de máis datos obríganos a un prodixioso salto na historia, que nos leva aos albores do século XII, cando as correrías dos normandos e os zanfoneos dos árabes fixeron, por fin, pensar en defenderse no mesmo elemento mariño.

Iniciada a actividade naval militar en Cantabria e Cataluña, a mariña castelá tomou en Galicia as súas primeiras naves, e contra 1122 Diego Xelmírez emprendeu a tarefa de crear a primeira escuadra galega: ordenou traer desde Arlés, Pisa e Xénova expertos en construción de barcos e homes entendidos nas prácticas do mar. Coa construción baixo a dirección do Mestre Oggiero de dúas galeras birremes nos afamados estaleiros de Iria Flavia, establécese a primeira base naval da armada galega no mar de Arousa.

O inicio do século XIV trasládanos á desembocadura do río Belelle no mar de Xubia (ría de Ferrol) para encontrar os arsenais nos que os carpinteiros de Neda construíron as naves que en 1340 ao mando do capitán Alonso Esquío combateron aos berberiscos no sur peninsular, e cuxa destacada intervención moveu á concesión por Alfonso XI de foros e privilexios á Vila de Neda.

A finais do século XV, cando os Reis Católicos confirmaron á Vila de Foz as súas franquías e inmunidades, os seus estaleiros eran dos principais de Galicia, destacando tamén nesta época os estaleiros de Pontevedra e –xa a principios do XVI– os diversos arsenais da ría ferrolá fundamentalmente ocupados na construción de galeras para a armada real.

Se xa en 1346 se documenta o transporte de vino desde Ribadeo a Brest, non é de estrañar a solvencia dos seus varadoiros, nos que tamén se reparaban as embarcacións que transportaban madeira a Andalucía e retornaban co valioso sal.

Noia é outra poboación costeira que destaca no século XVII, xunto coas xa nomeadas, pola calidade dos seus estaleiros e varadoiros.

Serían sen dúbida numerosos, ademais destes establecementos principais, os pequenos estaleiros e carpinteiros de ribeira diseminados polas praias e enseadas galegas. Recoñécese incluso como frecuente o desprazamento dos mestres y operarios de algún estaleiro para a construción das embarcacións que se demandaban en circunstanciais emprazamentos que se configuraban como varadoiros para a ocasión.

A pesca e o comercio marítimo souberon das gabarras de Viveiro; as bucetas de O Barqueiro; os barlotes de Bares; os traiñóns de Cariño; os trincados de Maniños e Barallobre; as miñotas de Miño e as sadiñas de Sada; as lanchas de Fisterra; os galeóns de Arousa; as batelas e os anguleiros de Tui; os botes, menuetas, chalupas, gamelas, chalanas, faluchos,pataches… e, por suposto, as dornas: dornas de O Son, de Castiñeiras, de O Grove…

Estaleiros de Domaio, de Baldráns, de Cangas, de Coruxo… Afortunadamente podemos recuperar a memoria de moitos deles nos traballos de Staffan Mörling ou de José María de Juan-García. Non son, sen embargo, demasiados os que hoxe sobreviven á invasión do ferro e, sobre todo, dos plásticos. Aínda estamos a tempo de fixar no recordo a pegada da maioría de eles e aínda quizá de conservar a memoria viva do traballo amoroso de algún dos que, en verbas de Antón Avilés de Taramancos, “na outra banda do mar…están a construír a torre de cristal da miña infancia”.

Descrición Xeral do Entorno:

O estaleiro situárase na beiramar da ribeira de A Vilavella, na praia da marxe esquerda da pequena enseada do mesmo nome, na marxe esquerda da ría de Ribadeo, a pouca distancia do molle comercial ribadense de Mirasol e próxima á estrada nacional N-642.

Construcción:

Anterior ao decenio de 1920.

Abandono:

No ano 2005.

Descrición:

Na ría de Ribadeo, estuario e desembocadura do río Eo no Mar Cantábrico, documéntanse entre 1750 e 1850 vinte e un estaleiros de ribeira activos que satisfacían a demanda das flotas pesqueiras, de altura e de cabotaxe, construíndo gabarras, pataches e pinazas (Ocampo e Suárez, 2018:2).

As guerras con Francia e Inglaterra, os conflitos coloniais e a Guerra de Independencia suporían desde finais do século XVIII a práctica paralización do comercio marítimo e da construción naval civil. Finalizada a ocupación napoleónica, a mellora da economía desde o decenio de 1820 incluiría tamén a recuperación da construción naval.

Desde finais do século XVIII sábese da presencia ao fronte dunha carpintaría de ribeira asentada na marxe dereita da ría, na enseada da Berbesa (Figueras, Castropol), dunha familia orixinaria do lugar de de Gondán (San Xulián de Cabarcos, Barreiros, Lugo), con Manuel Díaz Pulpeiro (1790-1845), José Díaz Bermúdez (1841-1904) e Francisco Díaz Fernández (1855-1951) como respectivas cabezas de tres xeracións que consolidarían o que se coñecería como “o estaleiro dos Gondán”.

Emigrado nas Américas, Francisco Díaz Fernández retornaba a Figueras despois de permanecer entre 1875 e 1885 no arsenal militar de Punta Lobos (Uruguay). Cos aforros acumulados no decenio americano ampliaba o estaleiro da Berbesa e mercaba dous pataches para cabotaxe e servizos auxiliares entre os portos do estuario. Ademais, aproveitando os seus coñecementos adquiridos, dirixiría a outros carpinteiros na construción de pequenas embarcacións para a pesca de litoral nas praias dunha e outra banda da ría de Ribadeo. A enseada de A Vilavella sería unha das que acollería un dos modestos cubertos con rampla que configuraban os pequenos estaleiros da época.

Xa en 1921, despois de tres anos de estadía no arsenal de Puerto Belgrano (Bahía Blanca, Argentina), se incorporaba ao estaleiro “dos Gondán” Francisco Díaz Martínez, que traballaría co seu pai e colaboraría na consolidación da que é hoxe unha importante construtora naval. A cualificación profesional de pai e fillo os capacitou para acometer a motorización da flota de baixura, adaptando os motores aos cascos previamente modificados de lanchas e traiñeiras.

O dos Gondán sería o único estaleiro do occidente asturiano dedicado á montaxe de motores nas embarcacións que abandonaban a vela ante crecente competencia do ferrocarril e o transporte por carreteira. O incremento de pedidos e a insuficiencia de espazo e calado forzarían o traslado en 1925 do estaleiro ao porto de Figueras, aínda que manterían activos os outros emprazamentos como auxiliares para a construción de embarcacións de menor tamaño. Nese mesmo ano constituíase a razón social “Francisco Díaz Martínez: Construcciones y Reparaciones Navales”, que co paso do tempo e a industrialización do estaleiro converteríase na actual “Astilleros Gondán, S.A.”.

Coa irrupción da construción en aceiro a partir do decenio de 1940 e o traslado de toda a actividade dos estaleiros “dos Gondán” á outra banda da ría, ás instalacións de Figueras, o pequeno estaleiro artesanal de A Vilavella estaría moito tempo pechado. No decenio de 1990 o vello estaleiro ribadense sería recuperado pola empresa “Gestinaval Galicia, S.L.”, e coñecerían unha importante actividade ata o seu peche no ano 2005.

No ano 2010 o estaleiro da Vilavella foi derruído coas obras impulsadas polo Ministerio de Medio Ambiente para a recuperación do borde litoral ribadense e a construción dunha senda desde a praia dos Bloques ata a enseada de As Aceas. O molle e un carro de varada serán testemuña e memoria da pasada existencia dos vellos estaleiros e carpintaría de ribeira de Ribadeo.

Tempo de uso:

Todo o ano, en función dos encargos de construción ou reparacións.

Sistema de produción:

A construción do casco de madeira coas súas divisións internas, as casetas sobre cuberta e o proceso de posta á boia corresponden ao ámbito gremial da carpintería de ribeira. Cando un carpinteiro de ribeira deixa de traballar por conta doutros e establécese ao fronte do seu propio estaleiro convértese en construtor naval, e a súa responsabilidade abarca todas as actividades empresariais que implica a construción dunha embarcación.

O proceso de construción que tradicionalmente seguiron os carpinteiros de ribeira artesanais é de tipo secuencial. O barco contrátase sobre a base dunhas dimensións principais (eslora total, manga fora de forros e puntal de construción) e unha sinxela especificación de materiais, cuxa complexidade aumenta co tamaño.

O carpinteiro define a forma do casco coa elaboración da maqueta ou maqueto, un modelo a escala reducida do medio casco en madeira, ou ben, no canto de embarcacións menores, mediante a construción e o montaxe dos elementos principais (roda, codaste, unha ou varias cadernas), que sérvenlle de elementos directores para obter a superficie empregando rixideiras (junquillos).

A elaboración das pezas que van formar a estrutura comeza coa selección da madeira, e continua co trazado e o corte. O proceso construtivo, así sinxelamente descrito, remata coa montaxe a bordo e a ensamblaxe dunhas pezas coas outras. Finalmente, o coidadoso calafateado e impermeabilizado do casco debería garantir a completa estanquidade da embarcación.

Despois dos últimos retoques e o pintado do barco, chegaba o momento da verdade, a botadura da embarcación ao mar, proba real e definitiva da bondade da construción. O acto supuña sempre un gran acontecemento público e o feliz desenlace liberaba as tensións entre vivas expresións de ledicia e xúbilo.

No traballo tradicional xeralmente non se facían planos, gozando dunha ampla liberdade para definir as formas do casco e os aspectos construtivos da estrutura, respectando as dimensións principais e os escantillóns dos elementos básicos do proxecto. As montaxes mecánicas as realizaba normalmente persoal alleo ao estaleiro.

Por contra, e ademais da propia dimensión empresarial, a carpintería de ribeira industrial tiña como diferenzas significativas o feito de que traballábase sempre sobre plano e de que dispuñan de un cadro de persoal estable, levándose xeralmente a cabo as montaxes mecánicas nos seus propios talleres.

No paso da construción en madeira a construción en aceiro, os traballos van facerse sempre sobre planos, e a caldeiraría e a chapa revisten unha menor complexidade, podendo resumirse no debuxo e marcado, corte, pregado, montaxe, axuste e acabado. As unións facíanse a medio de bulóns remachados ata a xeneralización a finais do decenio de 1940 dos procesos de fusión por soldadura por arco eléctrico.

Actividades laborais:

O traballo desenvolvíase nun areal, baixo un cuberto ou, no mellor dos casos, no varadoiro dun estaleiro xa consolidado. O traballo era sempre desenvolvido por homes con cadansúa especialización: carpinteiro de ribeira, calafate, mecánico, pintor. Un deles, máis experimentado e capaz, era o responsable do deseño e trazado das formas, ademais de dirixir a construción da embarcación.

Emprego:

Sen datos.

Materias Primas:

Madeira, estopa e brea, cravazón, bulóns, pintura.

Produtos Elaborados:

Embarcacións de madeira de pequeno tamaño e variado porte.

Distribución e comercialización:

Local.

Referencias Bibliográficas:

Artime González, Anselmo (1994): La construcción de embarcaciones de madera en los astilleros de Luanco. Luanco: Museo Marítimo de Asturias. ISBN 84-86889-28-6.

Asociación Galega de Carpintaría de Ribeira (Agalcari): Carpintería de ribeira Francisco Fra Rico [en liña] Accesible en Internet: http://agalcari.es/es/project/carpintaria-de-ribeira-francisco-fra-rico/ [Acceso 23 de agosto do 2019].

Blanco García, Jesús (2008): Guía de las embarcaciones tradicionales gallegas. Colección Mar de Fora, Vigo: Edicións Nigra Trea. DL VG-488-2009. ISBN 978-84-95364-87-6.

Carmona Badía, Xoán; Nadal Oller, Jordi (2005): El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Hein, H. (1942): “Arquitectura naval”, en Manual del Ingeniero, Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, trad. de la 26ª edición alemana, tomo IV, capítulo I: Medios de transporte, sección I, p. 1-87. Barcelona: Gustavo Gili.

Juan-García Aguado, José María de (2001): La carpintería de ribera en Galicia (1940-2000). Monografías nº 95. A Coruña: Servicio de Publicacións da Universidade da Coruña. DL C-2261-2001. ISBN 84-95322-71-4.

Juan-García Aguado, José María de (2011): A carpintería de ribeira en Galicia (1940-2000). Cangas do Morrazo: Edicións Morgante, DL M-28444-2011. ISBN 978-84-15166-18-4.

Lara Coira, Manuel (2009): “Carpintería de ribeira”, en Galegos, número 5, I trimestre 2009, p. 94-97. Santiago de Compostela: Ensenada de Ézaro. DL VG-549-2008. ISSN 1889-2590.

Lorenzo Fernández, Xaquín (1962): “Etnografía: cultura material. Os oficios: Carpinteiros de ribeira”, en Ramón Otero Pedrayo (dir.) Historia de Galiza, Vol. II, p. 486-491. Buenos Aires: Editorial Nós.

Lorenzo Fernández, Xaquín (1983): Os oficios. Biblioteca Básica da Cultura Galega. Vigo: Editorial Galaxia, p. 301-305. ISBN 84-7154-425-3.

Máiz Vázquez, Bernardo; Freire Hermida, Enrique (2009): As embarcacións tradicionais: do Arco Ártabro a Ribadeo. Museo do Pobo Galego. Ferrol: Edicións Embora. DL C-387-2009. ISBN 978-84-92644-01-8.

Massó y García-Figueroa, José María (1992): Barcos en Galicia. De la prehistoria hasta hoy y del Miño al Finisterre. 2ª ed. Pontevedra: Diputación Provincial de Pontevedra. ISBN 84-86845-7629-3.

Mörling, Staffan (1989): As embarcacións tradicionais de Galicia. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia. DL C-1237-1989. ISBN 84-453-0070-9.

Ocampo Suárez-Valdés, Joaquín; Suárez Cano, Patricia (2018): “«Pequeños», familiares y competitivos: astilleros y construcción naval en Asturias (c. 1750-2015)”, en Investigaciones de Historia Económica, vol. 14, núm. 1, 2018, p. 1-10. ISSN 1698-6989.

Pardo Gómez, Fernando (2002): La navegación a vela en la mariña lucense. Lugo: El Progreso. DL LU-72-2002.

Pazos Pérez, Lino José (2009): Aqueles barcos de madeira. Carpinterías de ribeira. Apuntamentos para una memoria marítima de Galicia. Pontevedra: Damaré Edicións. ISBN 978-84-935835-8-3.

Platero Díaz, María José (2017): Astilleros Gondán, historia de una tradición familiar. Oviedo: Conais Gestión. ISBN 978-84-944239-3-2.

Taboada Arceo, Antonio (1971): Galicia, estructura y ritmo socio-económicos. La Coruña: Servicio de Estudios y Publicaciones de las Cámaras Oficiales de Comercio, Industria y Navegación de Galicia. DL C-145-1971.

Xunta de Galicia (2007-2011). Plan de Ordenación do Litoral [en línea] Disponible na Internet: http://www.xunta.es/litoral [Acceso 13 abril 2021].

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 10-III Ribadeo /// Datum ETRS89: H 29 // X 657.918,61 m / Y 4.821.421,11 m

Centro Nacional de Información Geográfica (s/d): Fotototeca Digital, Instituto Geográfico Nacional, Ministerio de Fomento del Gobierno de España [en línea] Disponible en internet: http://fototeca.cnig.es/ [Acceso 13 abril 2021].

Instituto de Estudos do Territorio (IDE) da Xunta de Galicia (s/d): Información Xeográfica de Galicia: visor de mapas [en liña] Dispoñible na Internet: http://mapas.xunta.es/visualizador-de-mapas [Acceso 13 abril 2021].

Instituto Geográfico Nacional (s/d): “Mapa Topográfico Nacional 1:25.000”, en Mapas de España. Instituto Geográfico Nacional, Gobierno de España [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/buscarArtsMenu?categoria=MTN25-Mapa-Topográfico-Nacional-1:25.000 [Acceso 27 marzo 2021].

Instituto Hidrográfico de la Marina (1961): De Las Pantorgas a San Ciprián. Océano Atlántico Norte. Costa Norte de España. Carta 932, con levantamientos de 1918 y correcciones hasta 1977. Cádiz: Talleres del Instituto Hidrográfico de la Marina. DL CA-734-1971.

Xunta de Galicia (Consellería do Medio Rural) (s/d): Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícola (SixPac): visor de mapas [en liña] Dispoñible na Internet: http://sixpac.xunta.es/visorsixpac/ [Acceso 13 abril 2021].

Data de Actualización:

16 abril 2021