658 Tableros de Fibras (TAFISA)

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: Pontevedra
  • Concello: Pontevedra
  • Parroquia: Pontevedra (urbana)
  • Lugar: Pontevedra
  • Paraxe: A Seca
  • Dirección: Non procede
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 42.433473986626005
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.635039212341308
  • Coordeadas UTM: Datum ETRS89: H 29 // X 530.007,69 m / Y 4.697.949,68 m
  • Clasificación: Industria da madeira
  • CNAE: 16.10 Serrado e cepillado da madeira. 16.21 Fabricación de chapas e taboleiros de madeira. 31.01 Fabricación de mobles de oficin
  • Tipoloxía: Fabricación de taboleiros
  • Comarca: Pontevedra
  • Marco Xeográfico: Val do curso baixo do río Lérez, nos terreos aluviais a uns tres quilómetros augas arriba da desembocadura na ría de Pontevedra.
  • Ámbito: Periferia urbana
  • Acceso: En Pontevedra localizamos a estrada nacional N-550 e a seguimos bordeando a marxe esquerda do río Lérez ata chegar á redonda que está a altura da Ponte dos Tirantes. Na redonda enfiamos a avenida de Buenos Aires e, no seu comezo e na man dereita, está a finca que acollera a empresa TAFISA.

Tipo de propiedade:

Privada

Visitable:

As instalacións foron derrubadas e a zona urbanizada, non quedando pegada algunha.

Xestión de visitas:

Non procede

Historia:

Conta a mitoloxía grega que a serra fora inventada por Perdix, a quen o seu tío, Dédalo, lle aprendera as artes mecánicas. Nunha abraiante mostra do seu enxeño, Perdix imitou as espiñas dun esqueleto de peixe nunha lámina de ferro, inventando a serra. Con todo, o máis verosímil e que se observase que un coitelo resultase nalgúns casos máis eficaz triscado (“mellado”) que ben afiado.

Alén diso, no verán do ano 2005, no campo de tumbas de Hierápolis (Pamukkale, Turquía), identificábase no sartego de Marco Aurelio Amiano, datado na metade do século III d.C., un baixo relevo representando unha roda hidráulica accionando dúas serras de cortar pedra, a mostra máis antiga coñecida do mecanismo de biela e manivela, que converte un movemento circular nun movemento rectilíneo alternativo.

Da época tardo romana (século VI) descubríronse tamén restos de serras mecánicas de pedra en Gerasa (Gilead, Jordania) e en Éfeso (Ayasaluk, Turquía). É posible que tamén o sexan uns restos do século II atopados en Augusta Raurica (Augst, Basilea, Suiza).

Esta antiga e incipiente mecanización, que coñecería tamén aplicación na elaboración de táboas de madeira, viría aliviar as incomodidades dos serranchíns no seu fatigoso traballo, totalmente manual, e os serradoiros hidráulicos espallaríanse por todo o mundo civilizado.

Ata a mecanización, o serrado da madeira facíase por dous homes, que ían percorrendo o país, deténdose nos lugares nos que atopaban traballo. Tralo tallado da árbore e o escascado, careábase o tronco, dándolle catro caras, e procedíase ao serrado para obter as táboas, que se deixarían despois a secar amoreadas en castelos. Xa secas, pasarán ás mans dos carpinteiros para a súa utilización ou traballado.

Os serranchíns itinerantes foron desaparecendo co estabelecemento das serras mecánicas, unhas movidas pola forza da auga, outras accionadas por máquina de vapor, motor de gasolina ou motor eléctrico. Levábanse entón os troncos a serrar nas fábricas, nas que tamén quedaban a secar, ao aire ou en cámaras de secado nas que se introduce aire quente para acelerar e mellorar o proceso.

Os primeiros serradoiros mecánicos eran accionados pola auga dun curso fluvial, que facía virar unha roda a partir da cal convertíase o movemento circular nun movemento rectilíneo alternativo por medio do mecanismo coñecido como biela manivela. En España comezaron a empregarse dende a primeira metade do século XII para serrar troncos de madeira e convertelos en puntais e táboas para diversas aplicacións. Os serradoiros máis sinxelos tiñan unha serra simple, namentres que os máis complexos dispuñan de serras, tornos e cepilladoras que se accionaban combinando rodas e correas de transmisión.

As máquinas de vapor foron introducidas en España de 1725 en diante, procedentes de Inglaterra. A introdución da máquina de vapor en Galicia veu da man do enxeñeiro Rafael Clavijo e o mestre Andrés Antelo, coa posta en marcha, en 1796, dunha máquina atmosférica tipo Newcomen para o achique da auga do dique de carenas do Arsenal de Ferrol. Froito de iniciativas públicas e privadas, ata 1808 importáranse en España non máis de unha decena de máquinas de vapor inglesas, pero a Guerra de Independencia (1808-1814) supuxo un freo no incipiente proceso de modernización iniciado nas últimas décadas do século XVIII. A partir de 1814 retomaríase a importación de máquinas de vapor, aínda que non acadaría certa importancia até a década de 1830.

Na década de 1840 o Arsenal incorporaría unha serra movida a vapor, e a definitiva implantación desta tecnoloxía en España tería lugar da man de dúas grandes empresas barcelonesas: a dos irmáns escoceses Thomas e David Alexander (1849) e “La Maquinista Terrestre y Marítima” (1855) de Valentín Esparó, as que so se compararía naqueles anos a sevillana “Portilla, White y Cía.” (1857). Coa posta en marcha no Arsenal de Ferrol en 1855 da nova Factoría de Máquinas, comezaría a construción de máquinas de vapor mariñas de ata 500 CV, das que en 1858 sairía a primeira construída en España.

As primeiras serras de auga constrúense en Galicia na década de 1830; estes innovadores artefactos mecánicos para a serrado mecánico da madeira aparecen no sur da provincia de Pontevedra (vid. ficha 361 Serra dos Carranos), para o abasto da crecente demanda na construción e no envasado da sardiña salgada na área de Vigo.

Os primeiros serradoiros mecánicos movidos por máquina de vapor serán inicialmente un fenómeno urbano que, a partir de 1850, vai desenvolverse paseniño na Coruña, Vigo e Ferrol. Pero é dende a década de 1880 cando se produce o verdadeiro desenvolvemento do sector mecánico na primeira transformación da madeira. Ademais, a aparición de novos elementos de demanda vai orientarse ao piñeiro galego, no canto das frondosas tradicionais.

Primeiro foron os troncos de piñeiro para apuntalar as minas de carbón, que abastecían como frete de retorno aos buques que traían hulla dos portos galeses de Cardiff e Swansea, e do inglés de Newcastle-upon-Thyne. Pero vai ser de meirande importancia o subministro de madeira para caixas, caixóns e embalaxe de mercadorías varias.

A táboa e o cadrado de piñeiro abastecían dende a década de 1860 ás industrias de Málaga e Almería que producían táboa pequena e fina (tablilla) e elaboraban caixas para o envío de uva pasa a Inglaterra. Madeira de primeira serra servía tamén á industria galega de salga en diferentes portos do país.

A crecente demanda de táboa e táboa pequena para as industrias marítimas, levou a que un grupo de industriais vigueses establecera en 1879 “La Industrial Hispano Portuguesa”, para a provisión da madeira para envases do sector pesqueiro, serrada pola nova empresa con máquina de vapor no Areal de Vigo. Nos anos seguintes, co mesmo obxectivo, van instalarse na área viguesa outros serradoiros de vapor, aínda que venderán tamén “tablilla” aos exportadores malagueños e almerienses.

Tres anos despois, en 1882, os irmáns Candeira instalaban en Camposancos (A Guarda) as primeiras serras mecánicas a vapor para a elaboración de táboa miúda (vid. ficha 350). Alí, na desembocadura do río Miño, chegaban río abaixo os troncos galegos e portugueses que se enviaban aos portos andaluces para o seu transformado. Unha nova riqueza vai quedar agora na comarca, e pronto se instalarán na zona máis serras, que converterán ao Baixo Miño nunha das áreas pioneiras nesta industria.

Tralas primeiras serras mecánicas a vapor, viguesas e miñotas, outras industrias de serra van espallarse por toda a Galicia atlántica no primeiro terzo do século XX, cunha meirande concentración no sur da provincia de Pontevedra, na bacía ourensá do río Miño, e na área costeira que vai de Ponteceso a Ferrol, convertendo a rexión na primeira produtora española de táboa e táboa miúda para envases.

No informe de Cosme Fernández Soler sobre a economía da provincia de Pontevedra en 1888, recollía a existencia de tres serradoiros, dous accionados por vapor e un terceiro movido por unha cabalería, admitindo a existencia de máis serradoiros, “no contabilizados porque están escondidos al fisco”. En 1895 xa se contaban vinte e un serradoiros na provincia de Pontevedra e cinco na da Coruña, cifras que en 1905 subiron a cincuenta e catro e trinta e sete, respectivamente. Algúns serradoiros do Condado e do Baixo Miño contaban daquela con máis de unha ducia de serras instaladas.

A Gran Guerra (Primeira Guerra Mundial, 1914-1918), coa supresión das importacións de madeira foránea e unha forte subida dos prezos, provocou a expansión dos serradoiros. O remate da guerra abriría unha época difícil, caracterizada polos intentos de concentración que buscaban superar o minifundismo do sector.

Resultado dos esforzos de concentración cabe citar “Serrerías del Miño” (1927, A Guarda, vid. ficha 350), “Aserradora Gallega” (Catoira), “Serrerías Gallegas” (1929, Carril, vid. ficha 468), “Lantero e Hijos” (Vilagarcía, vid. ficha 501) e “La Industrial Maderera Cedeirense” (1930, Cedeira, vid. ficha 561).

Contra 1933, eran 495 os serradoiros galegos con serra de cinta que pagaban a contribución industrial, e, coa súa demanda de piñeiro autóctono, dinamizaban a explotación dos montes do país.

O sector da serra, cunha excesiva especialización na primeira transformación da madeira, con apenas valor engadido, enfiaría un forte proceso de reestruturación a partir da década de 1940, do que xurdiría o sector dos taboleiros fabricados, primeiro, por agregación de chapas de madeira natural encoladas, o contra chapado (Peninsular Maderera, en Ferrol, 1945, vid. ficha 585), e despois, a partir de madeira triturada, encolada e prensada, o aglomerado (Tafisa, en Pontevedra, 1958, vid. ficha 658).

A “Peninsular Maderera” desaparecería en 1976, pero a pioneira experiencia de Tafisa tería unha brillante continuidade cun pequeno grupo de empresas dedicadas á fabricación de taboleiros de madeira aglomerada, de partículas, de fibras, e de fibras de media densidade: Finsa (Pontecesures, 1963, vid. ficha 565), Ecar (Mondoñedo, 1964, vid. ficha 535), Losán (Curtis, 1965, vid. ficha 721), e outras, ata sumar once establecementos en Galicia, a metade dos existentes en España.

Descrición Xeral do Entorno:

A fábrica construíuse na marxe esquerda do río Lérez, na periferia nordeste da cidade de Pontevedra. A localización elixida, próxima á estación ferroviaria e aos nós das principais vías de comunicación por estradas nacionais e carreteiras provinciais, e coa posibilidade de fácil acceso aos embarcadoiros de Pontevedra e ao porto de Marín, tiña garantida a entrada e saída das materias primas e dos produtos fabricados.

Construcción:

De 1956 a 1958. A produción comezou no outono de 1958.

Abandono:

No ano 2003 vendéronse os terreos de Pontevedra e trasladouse parte da produción a Pontecaldelas.

Descrición:

Finalizada a Guerra Civil Española (1936-1939), o novo estado habería de enfrontarse a uns tempos dunha seria penuria económica nun entorno desolador, coas infraestruturas desfeitas, unha agricultura moi atrasada e unha moi escasa industria. Para máis, coas dificultades derivadas da Segunda Guerra Mundial (1939-1945) e a amoladura da súa identificación cos gobernos de Alemaña e Italia. Neste contexto, o goberno franquista promoverá unha autarquía económica, e para impulsar a industrialización creará en 1941 o Instituto Nacional de Industria (INI) que, a súa vez, creará unha serie de industrias públicas (Empresa Nacional de Electricidad, ENDESA, 1944; Empresa Nacional de Autocamiones, ENASA, 1946; etc.) e terá unha importante participación na implantación de outras.

Porén, os esforzos do INI aínda veríanse dificultados de máis polo illamento ao que foi sometido o país dende 1942 polos gobernos que despois ganarían a guerra mundial, o que agravaría a xa penosa situación económica española, que tamén quedaría excluída das axudas á reconstrución europea do chamado Plan Marshall (European Recovery Program, ERP 1948-1952). As negociacións do goberno de España e a consecución en 1953 dos acordos bilaterais co goberno dos Estados Unidos coñecidos como Pactos de Madrid, ademais das aportacións económicas estadounidenses no período 1953-1963, facilitarían a dispoñibilidade de capital estranxeiro e o arranque dun programa industrial que lograría activar a economía nacional.

Cos novos gobernos, formados por unha maioría de técnicos competentes, se abandonarían os obxectivos autárquicos e, após o Plan de Estabilización de 1959, se crearían os Planes de Desarrollo Económico y Social, cos obxectivos de garantir os produtos básicos á poboación e crear industrias que propiciasen a creación de postos de traballo.

Na primeira metade do decenio de 1950 terían lugar no Centro Escandinavo de Madrid unha serie de encontros entre o empresario español José María Pena Rich e o técnico sueco Folke Pehrzon, daquela Presidente da Xunta Directiva da Cámara de Comercio de Suecia en España, encontros que callarán no acordo para a creación dunha empresa de capital sueco para fabricar taboleiros de fibra vexetal obtida de madeira de piñeiro aproveitando restos das podas e das entresacas forestais. A empresa tería por razón social “Tableros de Fibras, S.A.” (TAFISA) e vai edificar unha primeira fábrica en Valladolid, que comezará a produción en 1951 e será seguida por unha segunda fábrica en Pontevedra.

A nova fábrica daría continuidade ao proxecto industrial de TAFISA, que aproveitaría as repoboacións forestais realizadas na provincia de Pontevedra polo goberno do estado na década de 1940. A empresa non escatimaría esforzos para acadar o aval social, e o seu consello de administración comezaría por encargar o deseño da fábrica a técnicos pontevedreses, e nun xesto máis para facilitar a implantación da empresa en Pontevedra, acordaría adxudicar as obras a un construtor local.

Para o deseño da fábrica formaríase un consorcio co nome de “IPB Asociados”, composto por Antonio Iribarren Negrao (enxeñeiro de camiños no municipio), José María Pita Orduño (enxeñeiro de camiños, que sería director de portos da provincia), e Alfonso Barreiro Buján (arquitecto que, anos despois, ocuparía a praza deixada por Emilio Quiroga Losada no axuntamento). O enxeñeiro industrial Enrique García Quintela (quen, pasado o tempo, substituiría a Iribarren como enxeñeiro municipal) colaboraría nas tarefas de montaxe das instalacións da fábrica e da maquinaria importada, labores que, xunto coa posta a punto do conxunto, serían dirixidas polo propio Folke Pehrzon.

A contrata sería adxudicada a un mozo José “Pin” Malvar Figueroa, que daquela estaba collendo o relevo da construtora fundada polo seu avó, o contratista Domingo Malvar Rodríguez, e potenciada polo seu pai, José Malvar Corbal. A obra, cun prazo de execución de dous anos, complicaríase e tería que ser rematada pola xa veterana empresa Agromán (fundada en 1927 por José María Aguirre Gonzalo e Alejandro San Román). A integración de TAFISA en Galicia vería reforzada coa designación do vigués José Carlos Álvarez-Novoa Guerrero como director executivo da nova fábrica.

A sensibilidade social da Suecia daqueles anos impregnaría o ámbito laboral da empresa, cuxos traballadores gozarían dunhas condicións moi adiantadas para a España da época: os salarios triplicaban aos correntes, tiñan dezaoito pagas anuais, contaban con comedor na fábrica (no que só pagaban un terzo do custo), economato e club social, pistas de tenis e balonmán, campo de fútbol, piscina e vivendas financiadas pola compañía.

No outono de 1958 a fábrica pontevedresa, con noventa e cinco traballadores, comezaría a produción de taboleiro de fibra de piñeiro prensada, co que coñecería un extraordinario éxito comercial. Despois fabricaría tamén taboleiro de aglomerado de partículas. En pouco tempo, a produción anual pasaría das nove mil toneladas ás dezaoito mil, e o cadro de persoal dos noventa e cinco traballadores aos cento cincuenta.

Co paso dos anos, os fundadores da empresa, o presidente do consello de administración, José María Pena Rich, e o conselleiro delegado, Folke Pehrzon, foron vendendo a empregados e pequenos investidores as súas accións na compañía, retirándose da mesma. Tralos cambios no consello de administración e na dirección xeral, os novos xestores emprenderon operacións para a expansión empresarial, con investimentos en España, Portugal, Brasil, Francia, Sudáfrica... algúns deles ruinosos (a compra e posterior venda do grupo valenciano Faus supuxo a perda de miles de millóns).

No proceso de expansión, TAFISA diversificaría a súa produción en Galicia co establecemento en 1975, en Betanzos, dunha nova fábrica, que xiraría baixo a razón social de “Transformados de Madera” (TRADEMA).

A crise que comezou na segunda metade da década de 1970 e que continuaría no seguinte decenio, traería graves problemas ao tecido empresarial en xeral, e ao sector da madeira en particular. As empresas madeireiras buscarían entón unha integración horizontal da que só sobreviviron Tafisa, Finsa, Losán e Tablicia. A estratexia completaríase co expansión territorial e Tafisa, aliada con Finsa, estableceríase en Holanda, Irlanda e Portugal.

Coa prolongación da crise no decenio de 1990, o endebedamento da compañía remataría coa súa adquisición pola empresa “Inversiones Ibersuizas” e arredor de 1994 o presidente, daquela Juan Abelló Gallo, decidiría vender moitos dos activos de Tafisa para sanear o seu grupo. Estas operacións financeiras sería o comezo do imparable declive da madeireira de orixe sueco.

Aínda que a fábrica pontevedresa non empregaba produtos químicos e instalou un sistema de depuración para eliminar os vertidos de residuos de fibra ao Lérez e reutilizar as augas de proceso, a presión ambiental e, por riba de todo, a presión urbanística dificultaron calquera intento de acometer as necesarias ampliación da factoría para afrontar a nova situación económica.

No ano 2003, decidíase a venda dos terreos de A Seca e o traslado de parte da produción (a de solados de taboleiro, ou “flooring”) a un novo emprazamento nunha nave fora de uso no concello de Pontecaldelas, onde traballaría os setenta e catro traballadores que quedaban en Pontevedra ata o ano 2014, cando o seu entón propietario, o grupo portugués “Sociedade Nacional de Estratificados” (Sonae), decidiu o seu peche.

Tempo de uso:

Todo o ano, aínda que as árbores se corten preferentemente no inverno.

Sistema de produción:

Un serradoiro é unha instalación, mecanizada ou artesanal, dedicada ao serrado da madeira e, ás veces, tamén ao seu secado. Son industrias de primeira transformación da madeira que proveen de produtos semi-acabados ás industrias de segunda transformación (carpintería, ebanistería, construción) encargadas da fabricación de obxectos ou partes de obxectos de consumo (para máis detalle do proceso da serra, véxase a ficha 388).

A fabricación do taboleiro aglomerado de partículas comeza pola conversión da madeira en rolo e da procedente de reciclaxe (palets, costeiros, restos de serradoiros e carpintarías) en achas e as achas en labras (astillado ou esteladura). As labras limpas e as serraduras sécanse e clasifícanse nos tambores xiratorios (Trommel), almacenándose os diferentes calibres para o seu uso posterior.

O material clasificado lévase ás “encoladoras”, onde imprégnanse separadamente as labras e as serraduras elixidas nas proporcións adecuadas ao taboleiro a fabricar. As colas empregadas dependen do tipo de taboleiro desexado, que pode ser estándar, hidrófugo ou ignífugo.

As labras e as serraduras pasan ás formadoras, onde van depositándose nunha banda continua para formar a chamada manta. Deposítase primeiro a serradura máis fina, seguida dunha capa de serradura máis grosa e das labras que forman a parte central do taboleiro, a alma. Enriba bótaselle outra capa de serradura grosa e a derradeira de serradura fina, tralo que a manta formada sométese a un primeiro prensado en frío.

Despois do prensado previo, a manta pasa ao prensado progresivo en quente, en prensa de pratos (descontinua) ou en prensa continua, ata acadar o espesor requirido. No prensado a calor endurece a cola aplicada e a manta remata compactada, cortándose entón nas medidas desexadas e depositándose nos viradores, onde van arrefriarse antes de seren amoreados en paquetes.

Os paquetes de taboleiros pasan pola lixadora onde son desbastados e calibrados antes do almacenaxe para a súa expedición.

O proceso da fabricación de taboleiro aglomerado de fibras (MDF, Medium Density Fiberboard) é diferente do de partículas, pero comeza tamén pola conversión da madeira en rolo e da procedente de reciclaxe (palets, costeiros, restos de serradoiros e carpintarías) en achas e as achas en labras (astillado ou esteladura). As labras limpas e as serraduras sométense a un procedemento térmico e mecánico de desfibrado e eliminación da lignina.

As fibras da madeira mestúrase entón cunha serie de aditivos (resinas, ceras e urea), fórmase a manta e finalmente procédese ao prensado en quente e á obtención do taboleiro de madeira reconstituída, máis denso e forte que o aglomerado de partículas e xeralmente máis denso que o contrachapado. Os taboleiros MDF presentan unha estrutura uniforme e homoxénea e unha textura fina que permite que as súas caras e cantos teñan un acabado perfecto. Trabállase practicamente igual que a madeira maciza, podéndose fresar e labrar na súa totalidade e é perfecto para lacar ou pintar.

Ao contrario que a madeira maciza, a estabilidade dimensional é óptima, pero, por contra, o seu peso é moi elevado. Constitúe unha base excelente para as chapas de madeira. Aínda que debido ás súas características non é necesario, pódese vernizar e encólase con cola branca facilmente e sen problemas. Adoita ser de cor marrón medio-escuro e é un taboleiro de baixo custo no mercado actual.

Recomendable para construír todo tipo de mobles (funcionais ou artísticos) nos que o peso non supoña un problema, é excelente como tapa de mesas e bancos de traballo. Non podrece nin é atacado pola couza, pero ten o inconveniente que non é apto para exterior nin condicións húmidas, xa que incha inmediatamente ao mínimo contacto coa auga, podendo chegar a desfibrar coa humidade. Fabrícanse tamén placas de MDF que levan un tratamento hidrófugo.

Actividades laborais:

Persoal principalmente masculino en tódalas fases produtivas e administrativas.

Emprego:

Comezou en 1958 con noventa e cinco traballadores. A finais do ano 1969 a empresa declaraba douscentos vinte e seis “produtores”, pero chegaría a ter douscentos oitenta e oito traballadores, trescentos sesenta e seis sumándolle os de “Ramafosa”, a compañía forestal. Na data do peche, no 2003, quedaban en Pontevedra setenta e catro empregados.

Materias Primas:

Madeira (principalmente Pinus pinaster, o piñeiro galego) e auga.

Produtos Elaborados:

Tronco limpo, táboas, taboleiros de madeira aglomerada de fibras e de partículas, moblaxe e solados de taboleiro.

Distribución e comercialización:

Nacional e internacional.

Referencias Bibliográficas:

Carmona Badía, Xoán; Nadal Oller, Jordi (2005). El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

García Casalderrey, Benigno (2019). “Tres fábricas: o triángulo industrial de posguerra a carón da cidade”, en Revista da Asociación Cultural Cedofeita, núm. 23, agosto 2019, p. 26-30.

Larriba García, Elena (2003). «Tafisa echa el cierre en Pontevedra y la ciudad recupera los terrenos del Lérez», en La Voz de Galicia, ed. Pontevedra, 07/05/2003.

Larriba García, Elena (2014). «Trabajar en Tafisa con los suecos era un lujo y dabas la vida por la empresa», en La Voz de Galicia, ed. Pontevedra, 15/06/2014.

Lorenzo Fernández, Xaquín (1962). “Etnografía: cultura material. Os oficios: Serranchíns”,en Ramón Otero Pedrayo (dir.) Historia de Galiza, vol. II, O home-II, p. 472-476. Buenos Aires: Editorial Nós.

Lorenzo Fernández, Xaquín (1983). “Serranchíns”, en Os oficios,  p. 12-18. Biblioteca Básica da Cultura Galega. Vigo: Editorial Galaxia. DL VG-18-1983. ISBN 84-7154-425-3.

Nuere Matauco, Enrique (2008). “Las estructuras de madera en la época medieval”,en Pedro Navascués Palacio (coord.) Ars Mechanicae: ingeniería medieval en España, p. 131-141. Fundación Juanelo Turriano. Madrid: Ministerio de Fomento (CEDEX-CEHOPU). DL 46232-2008. ISBN 978-84-7790-470-0.

Rambuscheck, O. (1926). “Máquinas de trabajar la madera”, en Manual del Ingeniero, Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, trad. de la 24ª edición alemana, tomo II, capítulo III: Máquinas operadoras, sección I: Máquinas-herramienta, apartado B, p. 437-443. Barcelona: Gustavo Gili.

Rico Boquete, Eduardo (1993). A riqueza forestal de Galicia no século XX: producción e explotación, Tesis doctoral, dirigida por el Profesor Ramón Villares Paz, inédita.

Rico Boquete, Eduardo (2014). “La industria del aserrío mecánico en Galicia, 1856-1935”, en Historia Agraria, 62, Abril 2014, p. 83-116. ISSN 1139-1472.

Seijas Llerena, Daniel (2005). “Un caso de demografía industrial de principios del siglo XX: las comarcas de Caldas y O Ullán pontevedrés entre los años 1899 y 1921”. Congreso de Historia Económica, Sesión: Demografía Empresarial, Santiago de Compostela: Universidad de Santiago de Compostela.

Sobrino Fagilde, Iria; Calviño Iglesias, Raimundo (2008). Arquitectura industrial en la provincia de Pontevedra. Vigo y zona de influencia (eje norte-sur) [en línea] Dispoñible na Internet: http://noncommon.files.wordpress.com/2012/04/00-a-indyarq_1-393_low.pdf [Último acceso 16 de diciembre del 2020]. Vigo: Colegio Oficial de Arquitectos de Galicia.

Taboada Arceo, Antonio (1971). Galicia, estructura y ritmo socio-económicos. La Coruña: Servicio de Estudios y Publicaciones de las Cámaras Oficiales de Comercio, Industria y Navegación de Galicia. DL C-145-1971.

Xunta de Galicia (2007-2011). Plan de Ordenación do Litoral [en liña] Dispoñible na Internet: http://www.xunta.es/litoral [Acceso 11 marzo 2020].

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 185-II Pontevedra /// Datum ETRS89: H 29 // X 530.007,69 m / Y 4.697.949,68 m

Centro Nacional de Información Geográfica (s/d). Fotototeca Digital, Instituto Geográfico Nacional, Ministerio de Fomento del Gobierno de España [en línea] Disponible en internet: http://fototeca.cnig.es/ [Acceso 11 marzo 2020].

Instituto de Estudos do Territorio (IDE) da Xunta de Galicia (s/d). Información Xeográfica de Galicia: visualizador de mapas [en liña] Dispoñible na Internet: http://mapas.xunta.es/visualizador-de-mapas [Acceso 11 marzo 2020].

Instituto Geográfico Nacional (s/d). “Mapa Topográfico Nacional 1:25.000”, en Mapas de España. Instituto Geográfico Nacional, Gobierno de España [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/buscarArtsMenu?categoria=MTN25-Mapa-Topográfico-Nacional-1:25.000 [Acceso 18 enero 2021].

Xunta de Galicia (Consellería do Medio Rural) (s/d). Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícola (SixPac): visor de mapas [en liña] Dispoñible na Internet: http://sixpac.xunta.es/visorsixpac/ [Acceso 11 marzo 2020].

Data de Actualización:

21 abril 2021