659 Jabones La Toja

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: Pontevedra
  • Concello: O Grove
  • Parroquia: San Martiño d’O Grove
  • Lugar: Illa da Toxa
  • Paraxe: O Balneario
  • Dirección: Non procede
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 42.483760269608354
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.847309233779907
  • Coordeadas UTM: Datum ETRS89: H 29 // X 512.567,02 m / Y 4.703.501,30 m
  • Clasificación: Fabricación de xabón e cosméticos
  • CNAE: 20.41 Fabricación de xabóns, deterxentes e outros artigos de limpeza e abrillantado. 20.42 Fabricación de perfumes e cosméticos.
  • Tipoloxía: Industrial, por saponificación de aceites e graxas vexetais con álcalis producidos pola industria química.
  • Comarca: O Salnés
  • Marco Xeográfico: Extremo sueste da illa de A Toxa, na enseada do Vao ou de Dena, na marxe esquerda da ría da Arousa.
  • Ámbito: Rural e mariñeiro (hoxe urbanizado)
  • Acceso: Chegándonos ao Grove pola estrada de Pontevedra, apartaremos pola dereita enfiando a estrada PO-312 ata chegar á redonda da que arranca a ponte á illa d’A Toxa. Ao chegarmos nela continuamos polo Paseo do Mar, ao final do que atópanse os hoteis e a tenda museo Mananciais da Illa daToxa, onde estivera a primitiva fábrica de xabóns e cosméticos.

Tipo de propiedade:

Privada.

Visitable:

Si, malia que as instalacións orixinais desapareceran hai tempo.

Xestión de visitas:

Na mesma tenda, localizada onde estivera a fábrica.

Historia:

A fabricación do xabón foi xa practicada polos exipcios, mesturando potasa ou sosa con aceite. O proceso coñeceuse en Israel e Grecia. Os gregos empregaban unha sal natural rica en carbonato sódico que chamaban natrón. Os romanos mesturaban graxas animais coa potasa contida na cinza de vexetais.

A cultura árabe, transmisora a occidente dos coñecementos de gregos e romanos, traería á Península Ibérica a técnica de fabricación do xabón.

O xabón medieval, un produto custoso e limitado aos máis ricos, fabricábase nas almonas ou xaboeiras de maneira artesanal e en pequenas cantidades. O proceso básico consistía en ferver graxas (animais ou vexetais) cun álcali forte (sosa ou potasa), deixando despois arrefriar a pasta obtida.

Na Idade Media, a fabricación de xabón foi moitas veces monopolizada, controlándose o peso das pezas e marcándoas cun selo.

A caída do comercio da sosa de Oriente (imprescindíbel para a fabricación de vidro e de xabón) favoreceu dende o século XVI a extensión do cultivo das chamadas “plantas barrilleras”, espontáneas nas salinas e mariñas e que deixan cando se queiman un produto rico en sales, a sosa (carbonato sódico), tamén coñecida como barrilla ou kali.

As plantas arrancadas de raíz deixábanse secar antes de proceder, nun burato feito no chan, á súa coidadosa queima, de maneira que as sales se derreteran sen mesturarse co vexetal carbonizado, formándose ao arrefriarse no fondo unha pedra uniforme e limpa de impurezas. Para a súa comercialización, a pedra escachábase en grandes pezas de uns douscentos quilos cada unha.

Ademais das modestas producións locais de xabón para autoconsumo, coas primeiras vagas de comerciantes cataláns de 1750 en diante, entre os diversos produtos levantinos (viño, augardente, licores, aceites…) que chegan ás poboacións costeiras de Galicia como mercadorías de intercambio coa sardiña das rías, estará presente o “xabón de Marsella”, un produto entón de luxo e só accesible para as clases máis adiñeiradas.

Xa deixara Fray Martín Sarmiento testemuña na súa Historia natural de Galicia (1756, citado por Meixide, 1991:115) de como era daquela "infinito el dinero que los maragatos extraen de Galicia a título de xabón y aceite", concluíndo rotundamente que "loza, vidrio, jabón y aceite son las cuatro polillas que chupan de Galicia mucho dinero".

Como ocorrería con moitas outras iniciativas de modernización do país, vai ser no reinado de Carlos III (1759-1788) cando se adopten as primeiras providencias para darlle pulo a unha industria nacional de xabón e eludir a habitual e masiva introdución no país do artigo estranxeiro. Sería nas cidades de Sevilla, Alacante e Elche onde comezaría a implantación desta industria que, grazas ao apoio oficial a empresarios privados e á abundancia de aceite e barrilla, pronto vai estabelecerse tamén noutros lugares da xeografía peninsular. Os xabóns fabricados serían dos tipos duro (ou “de pedra”, fabricado con sosa e sebo) e brando (fabricado con potasa e aceite de oliva) e serían comercializados destacando a súa composición (de sebo, de oliva, de sosa) e a súa orixe (de Sevilla, de Castela, etc.).

Ademais do crecemento dos establecementos dedicados á fabricación de xabóns, no que destacarían polo número deles Andalucía e o reino de Valencia sobre outras rexións, nos anos finais do século serían moitos os negociantes franceses, xenoveses e mesmo algún maltés, que teríanse instalado en Alacante, Cartaxena, Lorca, Murcia e Águilas para consagrarse ao lucrativo negocio da exportación de barrilla levantina, coñecida en toda Europa pola súa extraordinaria calidade.

O incansable Sarmiento remitiríalle ao seu irmán Javier, entón residente en Pontevedra, sementes de barrilla alacantina para que probase de introducir o seu cultivo en terreos da ría “das Xunqueiras” (a ría de Ares e Betanzos), na illa de Tambo e nos baldíos incultos de A Lanzada. Descoñecemos o resultado da aclimatación da barrilla levantina, aínda que non é infrecuente atopar exemplares da familia (Salsola kali Linneo) nos areais costeiros galegos, tanto atlánticos como cantábricos.

Trala Guerra de Independencia Española (1808-1814) comezou a decadencia da produción de barrilla, ao ir aparecendo nos mercados as primeiras partidas de sosa artificial (carbonato de sodio, CO3Na2), que empezaba a producirse nalgúns países europeos co método descuberto en 1791 polo médico francés Nicolas Leblanc (calcinación do sulfato de sodio obtido a partir da sal común). Non sería ata arredor de 1850 cando se iniciaría a explotación en España de algúns xacementos de sulfato de sodio de orixe mineral, a partir dos que se elaboraría carbonato de sodio para as fábricas de vidro e de xabón.

A primeira fábrica de xabón que se establecera en Galicia foi a promovida en 1763 nas proximidades de Pontevedra por Domingo de Tara, un comerciante milanés residente en Lisboa. Asociado con Miguel de Godoy, veciño de Vigo, e Francisco María Cantelo, veciño de Pontevedra, instalaría a súa industria nunha casa do fidalgo pontevedrés Manuel Félix Montenegro, situada no lugar de Tablada, na parroquia de San Martiño de Salcedo, “distante apenas un cuarto de legua de la villa de Pontevedra” (vid. ficha 643). Os elevados custos do abasto do aceite e a barrilla que precisaban sería unha grave pexa para a boa marcha da industria, e os fundadores de “Tara, Godoy y Cía.” incorporarían novos socios nun intento de remontar a crise, malia o que a empresa iría á ruína e desaparecería en 1785.

Outros promotores intentarían sacar adiante as súas fábricas de xabón en A Coruña (1768), en Betanzos (1771 e 1783) e, finalmente, “n’A Coruña, Ferrol ou Santiago” (1794), sen que ningunha das propostas conseguira chegar a realizarse. Habería que esperar aos comezos do século seguinte para atopar novas iniciativas, aínda con procedementos tradicionais, pero xa dunha certa dimensión, das que serían as máis significadas as das compañías “Jayme Dalmau y Cía.” (A Coruña, 1824) e “Sociedad Álvarez y Peñiya” (A Coruña, 1828). Con todo, a debilidade da demanda de xabón as obrigaría a pechar no decenio de 1840.

A elevada demanda de sosa na industria (téxtil, vidro, louza, papel e xabón, principalmente) chegaría a supor un grave problema de abasto das cinzas necesarias para a súa fabricación, pois necesitábanse máis de catro quilogramos de madeira para un quilogramo de borralla. O problema o resolvería o científico francés Nicholas Leblanc en 1789, ao conseguir coa sal común sintetizar sosa de orixe non orgánico. O seu método estaría vixente ata 1870, substituído en diante polo máis eficaz procedemento do belga Enrnest Solvay, que chegaría a supor o 95% da producción mundial de sosa en 1900.

A hixiene persoal iría collendo importancia desde os comezos do século XX, aparecendo as primeiras producións netamente industriais de xabóns de calidade, lideradas por fábricas malagueñas e barcelonesas, xabóns cuxo uso popularizaríase do decenio de 1920 en diante. En Galicia, o principal proxecto dunha industria xaboeira moderna sería o da Illa da Toxa (vid. ficha 659), en cuxa fábrica se elaborarían desde 1905 xabóns brandos de calidade, utilizando os álcalis producidos pola industria química e graxas vexetais diferentes do tradicional aceite de oliva. Após a Guerra Civil Española (1936-1939), crearíanse en Galicia outras fábricas de xabón, cosméticos e perfumería de certa dimensión.

Descrición Xeral do Entorno:

A illa de A Toxa atópase na enseada do Vao ou de Dena, na marxe esquerda da ría da Arousa. No seu extremo sueste descubrírase un manancial rico en sales minerais, levantándose alí un balneario e unha fábrica de cosméticos e xabóns que aproveitarían as bondades das augas.

Construcción:

En 1905 comezaba a funcionar a fábrica de xabón e sales de baño na illa da Toxa.

Abandono:

En 1965 a fabricación trasladaríase da Toxa á Coruña e de alí, en 1980, a Culleredo. O peche desta última fábrica tería lugar no ano 2007.

Descrición:

Corría o ano de 1873 cando o administrador de rendas públicas Francisco Riestra adquiría, entre outros montes desamortizados, o soar de A Caeira, na marxe dereita do río Lérez e fronte a vila de Pontevedra. Alí reservou unha parte para residencia propia, arrendándolle o resto á Deputación Provincial, que establecería alí unha granxa modelo na que se impartían coñecementos prácticos de agricultura, horticultura, arboricultura e industria pecuaria.

O seu fillo maior, José Riestra López, ademais de home de facenda, banqueiro e político, destacaría como empresario industrial e turístico. A súa primeira iniciativa industrial vai ser adquirir ao enxeñeiro xixonés Victoriano Alvargonzález unha patente para a instalación de máquinas de vapor e dínamos para instalación de alumeado eléctrico, que o 26 de xuño de 1888 fará de Pontevedra a segunda cidade española, despois de Girona, en contar con iluminación eléctrica, subministrada baixo a razón social “Aquilino Prieto y Compañía” constituída baixo un contrato privado promovido por Riestra (vid. ficha 690).

As deficiencias no subministro e os elevados custos da máquina de vapor instalada na Praza da Verdura decidirían a construción dunha central hidroeléctrica no río Lérez, no lugar da Ponte das Brañas (Salto dos Baños, en San Xurxo de Sacos, Cotobade). Cunha concesión dun caudal de tres mil litros por segundo, dende 1900 a central fornecería de luz a Pontevedra e Marín. En 1916 a sociedade privada creada por Riestra transformaríase en “Sociedad Anónima Alumbrado de Pontevedra y Marín”.

José Riestra participaría tamén na central hidroeléctrica e fábrica de carburos de Laforet (vid. ficha 270), na “Eléctrica de La Puebla”, con subministro na Pobra do Caramiñal e Ribeira dende unha central hidroeléctrica e outra de vapor na praia da Freixa, e na “Compañía de Electricidad del Arnoya”.

Ademais dos negocios eléctricos, José Riestra establecera en 1892 unha fábrica de serra e carpintaría de vapor no pontevedrés barrio da Moureira, que con dúas serra alternativas, unha serra de cinta e dúas serras circulares para os labores de corte e preparado de táboa e táboa pequena, xunto cos tornos e demais maquinaria para a segunda transformación da madeira, vai ser coñecida como “Fábrica da Barca”, unha das máis importantes da época.

A fábrica de cerámica da Caeira comezaría a traballar en 1895 (vid. ficha 446), salientando moi axiña polos seus esforzos en dotarse dos medios precisos para poder competir cos produtores valencianos, dominantes nos mercados daqueles tempos. As arxilas e caolíns chegarían por vía marítima de Noalla e Dena, descargándose no peirao da Barca, ao pé da ponte. Xa en 1915 a industria contaba con dous fornos continuos capaces de cocer dúas mil cincocentas pezas por hora. Após o peche dos fornos de Sargadelos no decenio de 1870, a cerámica da Caeira sería a primeira que fabricaría ladrillos refractarios en Galicia.

Outros dous grandes proxectos industriais acometidos polo banqueiro pontevedrés no cambio de século serían a panadeira viguesa “La Molinera Gallega” (1897, vid. ficha 222) e a azucreira de Portas “Azucarera Gallega” (1899, vid. ficha 112), pero ámbolos dous fracasarían estrepitosamente. Mellor resultado acadaría a “Sociedad Anónima La Toja” co seu balneario e fábrica de sales e xabóns (1905, vid. ficha 659).

Riestra aínda acometería unha derradeira iniciativa industrial en 1912, mercando unha fábrica de conservas en Cantoarea (Marín) que daría emprego a duascentas mulleres e oitenta homes baixo o nome de “Conservas La Caeyra” (vid. ficha 668).

José Riestra López morría no ano 1923. Ao fronte dos seus negocios quedarían dous dos seus fillos, Raimundo, avogado, e Vicente Riestra Calderón, enxeñeiro industrial. Nunha situación de forte endebedamento e cuns negocios tradicionais que apenas xeraban recursos (o serradoiro, a cerámica e a conserveira), os Riestra asinarán en 1932 un acordo autorizando a intervención do Banco Pastor nos seus negocios Vai ser o daquela novo financeiro coruñés Pedro Barrié de la Maza o encargado da execución do acordo, que porá fin ao imperio económico dos sucesores do marqués de Riestra.

Dez anos despois da morte do seu pai, no mes de decembro de 1933, xa abandonada a actividade bancaria de “Riestra y Compañía” e a presidencia do consello de administración de “La Toja”, os dous irmáns Riestra agrupaban os seus principais negocios industriais, a fábrica de cerámica e a fábrica de conservas, nun grupo denominado “Industrias Gallegas”, do que sería presidente do Consello de Administración o financeiro coruñés Pedro Barrié de la Maza, quen pasaba así a controlar unha plataforma que sería a base da súa estratexia industrial.

A explotación comercial das augas da illa da Toxa comezara contra 1841 coa formación de sociedade entre Francisco Otero e Ambrosio Seoane, propietarios da finca da Porca Morta e os mananciais, e os empresarios Luis de la Riva e Ramón Francisco Piñeiro. Coa morte dos propietarios, esta primeira iniciativa caería nun estado de abandono e falta de hixiene que levaría á incautación do balneario polo Goberno Civil en 1899. Nesta situación, o Marqués de Riestra adquiriría os terreos cos mananciais localizados no Xuncal do Louxo, e promovería a construción dun centro balneario que combinase a actividade hostaleira co embotellado das augas, seguindo o modelo de Mondariz.

En 1903 os dous grupos empresariais activos na illa, o capitaneado por Laureano Salgado, que fixérase coa primitiva explotación, e o do marqués, constituían a “Sociedad Anónima La Toja”, que convertería a illa nun centro turístico, selecto e elegante. En 1905 comezaba a funcionar a fábrica de xabón e sales de baño; o Gran Hotel inaugurábase en 1908; e a ponte de acceso á illa, en 1910.

A produción da fábrica de xabón e cosméticos orientárase cun propósito principalmente exportador, con Arxentina e outros países latinoamericanos, ademais de Inglaterra, como mercados obxectivo. Os resultados económicos nunca responderían ás expectativas, e a “Sociedad Anónima La Toja” sería unha importante pexa na evolución da Banca Riestra.

Con todo, o xabón de sales minerais de “La Toja” coñecería un enorme éxito dende a segunda metade da década de 1900. Despois da Gran Guerra (a Primeira Guerra Mundial, 1914-1918), a hixiene persoal iría asentándose nos diferentes niveis sociais, e a cosmética e a perfumaría deixarían de seren privilexio dos máis podentes. A “Sociedad Anónima La Toja” ampliaría a súa oferta de produtos de hixiene e cosmética, todos eles amparados polo prestixio acadado polas sales minerais dos mananciais da illa, ricos en sodio, calcio, ferro e magnesio.

Xa na órbita do Banco Pastor, a compañía introduciría en 1934 os produtos de perfumaría, e ampliaría as instalacións. No paréntese da Guerra Civil Española (1936-1939), o hotel converteríase nun hospital de sangue, transformado en sanatorio na posguerra. A fábrica iría introducindo o xabón de afeitar e en 1955, xa co comezo da melloría económica no país, o xabón Magno e a auga de colonia.

En 1965 a empresa poría en funcionamento unha nova fábrica en A Coruña, a carón da ponte da Pasaxe. Da illa da Toxa os camións cisterna levaban a auga ata a fábrica coruñesa, onde extraíanselle os sales empregados na produción de xabóns e cosméticos. No decenio seguinte, decidiríase a separación do balneario e o hotel das actividades industriais, creándose a razón social “La Toja Cosméticos, S.A.”. Baixo a nova marca, en 1979 aparecería no mercado o primeiro xel de ducha Magno.

Os cambios e a necesaria modernización das instalacións fabrís decidirán o peche da fábrica de A Pasaxe e o traslado en 1980 a unha nova fábrica no termo municipal de Culleredo. En 1986 a empresa sería adquirida por Gillette e, despois de pasar por varias mans, en 1992, na busca de mellorar e ampliar a distribución, “La Toja Cosméticos, S.A.” pasou a formar parte de Henkel Cosmetics, que non había de tardar en converterse en “Schwarzkopf & Henkel”.

No ano 2007 “Schwarzkopf & Henkel” procedería a pechar a súa fábrica en Culleredo e a trasladar a produción as fábricas do grupo en Alemaña e Eslovaquia. No verano do 2008 as instalacións foron desmanteladas e as edificacións derrubadas para dar paso á construción dun gran centro comercial. Polos problemas xurdidos entre a propiedade dos terreos, o concello da Coruña e un asentamento xitano ao seu carón, as ruínas da fábrica da Pasaxe non serían demolidas ata o ano 2017.

Tempo de uso:

Todo o ano.

Sistema de produción:

O xabón é unha pasta que resulta da combinación dun álcali cos ácidos dos corpos graxos. A pasta é solúbel na auga, empregándose para lavar. Na fabricación empréganse lixivia de sosa e graxa de porco, sebo de vacún, ou aceites animais ou vexetais.

A preparación pode facerse en frío emulsionando as graxas con lixivias concentradas de sosa (xabón duro) ou potasa (xabón brando), aínda que a saponificación non é completa e prexudica á conservación do produto.

O método clásico, ou marsellés, ten catro etapas: empaste (saponificación); salgadura (salinización); cochura (cocción); e liquidación.

O proceso comeza coa mestura das graxas coa sosa até a súa emulsión (empaste), engadíndolle unha disolución salina (salgadura) e quentando a pasta resultante (cocción) para a separación das lixivias e a glicerina da pasta de xabón líquido (liquidación). Esta pasta vértese nuns recipientes rectangulares de madeira (ou cantearía) e déixase arrefriar até obter unhas barras sólidas consistentes. Xa só resta por cortar as barras aos tamaños conveniente para a súa comercialización.

O desenvolvemento da industria foi introducindo modernizacións que supoñían tanto melloras produtivas como hixiénicas: depósitos de alimentación caldeados, máquinas de laminar arrefriadas, cilindros amasadores, prensas de extrusión, etc.

Actividades laborais:

O proceso de fabricación empregaría homes e mulleres, ocupándose os homes da maquinaria e do seu servizo, mantemento e reparacións.

Emprego:

A finais do ano 1969 a empresa declaraba noventa e oito “produtores” no seu cadro de persoal da fábrica d’A Toxa, e trinta e oito na d’A Coruña. A fábrica de Culleredo contaba con cento cincuenta e un traballadores no ano 2007, cando o propietario anunciou o peche irreversible.

Materias Primas:

Esencias, sales minerais hidrotermais, aceites e graxas vexetais, e álcalis producidos pola industria química.

Produtos Elaborados:

Sales de baño, xabón brando, xeles de ducha, colonias.

Distribución e comercialización:

Internacional.

Referencias Bibliográficas:

Carmona Badía, Xoán; Nadal Oller, Jordi (2005): El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Facal Rodríguez, María José; Carmona Badía, Xoán (2009): “José Riestra López, marqués de Riestra (1852-1923)”, en Xoán Carmona Badía (coord.) Empresarios de Galicia, vol. 2, p. 250-281. Centro de Investigación Económica e Financeira (CIEF). A Coruña: Fundación Caixa Galicia. DL C-948-2009. ISBN 978-84-96982-37-6.

Meijide Pardo, Antonio (1991): “Tentativas para promover la industria del jabón en la Galicia setecentista”, en Cuadernos De Estudios Gallegos, 39 (104), 113–130.

Mora-Figueroa, Dagmar de, 1998, “Las plantas barrilleras y sus usos industriales”, en Ignacio González Tascón (coord.) Los ingenios y las máquinas. Ingeniería y obras públicas en la época de Felipe II, p. 310-317. Madrid: Sociedad Estatal para la Conmemoración de los Centenarios de Felipe II y Carlos V. DL M-23499-1999. ISBN 84-95146-14-2.

Puche Riart, Octavio; Mazadiego Martínez, Luis Felipe; Jordá Bordehore, Luis; Carvajal García, Daniel (2005): “El magnífico paisaje subterráneo de la mina Consuelo, Chinchón (Madrid): un paisaje cultural”, en Octavio Puche Riart y Mariano Oyarzagüena Sanz (coord.) Minería y Metalurgia históricas en el Sudoeste Europeo, p. 487-498. Madrid: Sociedad Española para la Defensa del Patrimonio Geológico y Minero (SEDPGM). ISBN 84-669-6114-1.

Rey Goris, José María (2019): “La Fábrica de jabón de Mollabao”, en PorGaliciaBaixo [en liña] Disponible na Internet: https://gazeta.gal/web/es/la-fabrica-de-jabon-de-mollabao-2/ [Acceso 16 decembro 2020].

S. M., Jesús (2020): “Salsola kali L.”, en Flora de Galicia [en línea] Disponible en Internet https://floradegalicia.wordpress.com/2020/01/15/salsola-kali/ [Acceso 23/12/2020].

Sobrino Fagilde, Iria; Calviño Iglesias, Raimundo (2008): Arquitectura industrial en la provincia de Pontevedra. Vigo y zona de influencia (eje norte-sur) [en línea] Disponible na Internet: http://noncommon.files.wordpress.com/2012/04/00-a-indyarq_1-393_low.pdf [Acceso 16 de diciembre del 2020]. Vigo: Colegio Oficial de Arquitectos de Galicia.

Taboada Arceo, Antonio (1971): Galicia, estructura y ritmo socio-económicos. La Coruña: Servicio de Estudios y Publicaciones de las Cámaras Oficiales de Comercio, Industria y Navegación de Galicia. DL C-145-1971.

Xunta de Galicia (2007-2011): Plan de Ordenación do Litoral [en liña] Dispoñible na Internet: http://www.xunta.es/litoral [Acceso 8 decembro 2020].

Índice de mapas e planos:

Localización Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 185-I Meaño /// Datum ETRS89: H 29 // X 512.567,02 m / Y 4.703.501,30 m

Centro Nacional de Información Geográfica (s/d): Fotototeca Digital, Instituto Geográfico Nacional, Ministerio de Fomento del Gobierno de España [en línea] Disponible en internet: http://fototeca.cnig.es/ [Acceso 28 febreiro 2020].

Instituto de Estudos do Territorio (IDE) da Xunta de Galicia (s/d): Información Xeográfica de Galicia: visualizador de mapas [en liña] Dispoñible na Internet: http://mapas.xunta.es/visualizador-de-mapas [Acceso 4 abril 2020].

Instituto Geográfico Nacional (s/d): “Mapa Topográfico Nacional 1:25.000”, en Mapas de España. Instituto Geográfico Nacional, Gobierno de España [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/buscarArtsMenu?categoria=MTN25-Mapa-Topográfico-Nacional-1:25.000 [Acceso 18 enero 2021].

Instituto Hidrográfico de la Marina (1964): De Cabo Corrubedo a Cabo Silleiro. Océano Atlántico Norte. Costa NW de España. Carta 925, con levantamientos no datados y correcciones hasta 1977. Cádiz: Talleres del Instituto Hidrográfico de la Marina. DL CA-293-1972.

Xunta de Galicia (Consellería do Medio Rural) (s/d): Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícola (SixPac): visor de mapas [en liña] Dispoñible na Internet: http://sixpac.xunta.es/visorsixpac/ [Acceso 4 abril 2020].

Data de Actualización:

25 abril 2021