663 Conservas Cerqueira (Vigo)

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: Pontevedra
  • Concello: Vigo
  • Parroquia: San Martiño de Coia
  • Lugar: Vigo
  • Paraxe: Areal de Coia
  • Dirección:
    Rúa Tomás A. Alonso, 80 – 36208 Vigo
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 42.22396874935345
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.739894809360504
  • Coordeadas UTM: Datum ETRS89: H 29 // X 521.459,99 m / Y 4.674.705,87 m
  • Clasificación: Industria alimentaria
  • CNAE: 10.22 Fabricación de conservas de peixe (salgaduras, escabeches e conserva hermética).
  • Tipoloxía: Conservas herméticas de pescado
  • Comarca: Vigo
  • Marco Xeográfico: Beiramar do areal de Coia, na ribeira esquerda da ría de Vigo.
  • Ámbito: Rural e mariñeiro (hoxe, urbano)
  • Acceso:
    En Vigo localizaremos a rúa Tomás A. Alonso. No número oitenta, na man dereita en dirección a Bouzas, atópanse as instalacións da fábrica de conservas que fundara Juan Bautista Cerqueira.
  • Tipo de propiedade: Privada
  • Visitable: Exteriormente

Xestión de visitas:

Non procede

Historia:

A conservación dos alimentos foi una preocupación principal dende os tempos máis remotos. En Nerga (Cangas) téñense atopado restos fenicios cando se escavaba nun vello salgadoiro; en Bueu apareceron restos de salgadoiros e ánforas de barro romanas; e en Noville (Mugardos) e Cariño (Ferrol) –entre outros lugares da costa atlántica galega– documéntanse senllas industrias romanas de salga de peixe.

Na Idade Media están documentadas as saídas dos portos galegos de grandes cantidades de peixes salgados e de polbos secos e curados ao aire con destino aos portos cantábricos, portugueses e andaluces. Tamén se constatan no século XVI os envíos de ostra escabechada á veciña Castela.

Aínda que os diferentes portos galegos xa despachaban ao Levante importantes cantidades de sardiña ao longo do século XV e comezos do XVI, cando xurde a competencia dos comerciantes do Mar do Norte (arenque inglés e bacallau escandinavo) o tráfico galego de salgadura sofre unha aguda e prolongada crise que se estende ata 1738, cando se prohibe o comercio con Inglaterra.

Avanzando no tempo, os tradicionais procedementos de conserva dos alimentos (curado, salgado, afumado, escabechado) van perfeccionándose. Na segunda metade do século XVIII, coa presenza dende 1750 dos cataláns nas rías galegas, vai incorporándose o prensado do peixe para mellorar os clásicos procedementos de salgadura.

Coa falta de abasto nos seus mercados e de mercados foráneos para os seus produtos, os levantinos desprázanse por tódalas costas peninsulares. As primeiras vagas de comerciantes cataláns recalan nas costas galegas por mor de vender viños, augardentes, aceites e xabóns, e mercan para os retornos sardiña que preparan os galegos cos métodos de salgadura tradicionais. Xa que o peixe en salgadura fora dende tempo atrás o principal produto galego de exportación, os levantinos optan inicialmente por aqueles lugares nos que xa existía unha infraestrutura pesqueira e de salga e curado do pescado consolidada. Ás vilas e portos de Vigo, Aldán, Bueu, Vilaxoán, O Caramiñal e Mugardos, con gran tradición neste tipo de actividades, sumaranse polas súas excepcionais condicións de abrigo, calado ou proximidade a núcleos comerciais importantes, as de Carril, O Freixo, Esteiro ou Portosín.

As primeiras actividades comerciais de “fomento da pesca” desenvolvíanse en pequenos barracóns de madeira situados á beira do mar e tiñan un carácter colonial, adquirindo a sardiña “escochada” aos mariñeiros galegos a cambio de produtos levantinos (viño, augardente, licores, aceite, xabón…) e bacallau danés. Desde 1780 os almacéns de salgadura irán adoptando configuracións estandarizadas nas principais áreas sardiñeiras. Os comerciantes cataláns só permanecen acó entre abril e decembro –a “costeira” ou tempada da pesca da sardiña– tornando despois ao Levante ata a seguinte campaña.

A primeira etapa remata trala ocupación francesa, e a partir de 1810 as seguintes vagas xa formaron compañías locais, asentándose nas beiramares e integrándose na sociedade galega co único obxectivo de explota-los recursos naturais das rías galegas, nomeadamente a sardiña. Unha parte importante dos beneficios reinvístense na actividade dos almacéns de salgadura, con fortes investimentos en todo tipo de bens destinados a esta industria: edificios, embarcacións, redes e artes de pesca.

As principais innovacións introducidas polos fomentadores cataláns foron as produtivas, retributivas e crediticias propias do emerxente capitalismo: as redes de arrastre (a xávega, de orixe árabe), máis produtivas que as artes de deriva (xeito e volantas) e de cerco (chinchorro, traíña, xareta); as novas técnicas de salgadura aprendidas dos holandeses (sardiñas “arencadas”, o prensado fronte ao escochado e salpresado), coa extracción das graxas e o aproveitamento dos aceites; e os novos sistemas de traballo, coa privatización dos aparellos e a remuneración do traballo co salario, aínda que se continuase tamén co sistema de quiñóns.

As novas e máis produtivas técnicas de pesca foron inicialmente rexeitadas polos gremios galegos, preocupados polo esgotamento dos recursos mariños e partidarios dunha pesca sustentábel. Pero a razón económica acabaría prevalecendo sobre a conservadora, xeneralizándose tamén os novos procedementos de prensado do peixe salgado para a elaboración das salgaduras.

Contra 1820 descóbrese en Francia unha maneira de conservar moito más eficiente e duradeira cá da salgadura, que por riba reduce drasticamente as necesidades de sal na conserva: o envasado e a esterilización das viandas en recipientes herméticos, de vidro primeiro e de folla de lata máis tarde. O procedemento vai xeneralizarse na Bretaña a altura de 1840.

No ano 1828 José María Tubiano establecería en Oviedo a primeira fábrica española de conservas herméticas de pescado, á que axiña seguirían outras dúas, tamén en Asturias, e, xa en 1836, a de Francisco Zuloaga na Ponte Gaiteira (Oza, A Coruña). Dende 1850 van establecerse outros pequenos talleres que envasaban manualmente en frascos de vidro sardiña, pescada, ollomol, ostras, caza, verduras e froita, e que chegarían a seren corenta contra 1880, das que trece estaban en Cantabria, dez no País Vasco, nove en Asturias e sete en Galicia.

As primeiras conserveiras galegas tiñan unha produción diversa (dende sardiñas en aceite a lingua de vaca) moi pouco especializada e con procesos maioritariamente manuais. Nestes primeiros anos, na elaboración dos produtos empregaban como envase, primeiro, frascos de vidro, e, deseguido, folla de lata de importación, pechándose as latas con soldadura manual. Frascos e latas esterilizábanse despois ao “baño maría” en caldeiras abertas. Estes pioneiros foron Zuloaga (Oza, 1836, vid. ficha 547), Pelletier (Coruña, 1853), “La Aurora” de Alejandro Carreño (Noia, 1856, vid. ficha 422), Curbera (Vigo, 1861, vid. ficha 267), e “La Noyesa” de Joaquín Caamaño (Noia, 1874, vid. ficha 368), aos que seguirían moitos outros.

Pódese considerar como a primeira fábrica moderna de conservas de peixe en Galicia a que puxera en funcionamento en 1879 Juan Goday Gual na Illa de Arousa (vid. ficha 124), cun edificio construído expresamente para contela, unha máquina de vapor adquirida en Birmingham, una cheminea, uns soldadores especializados no peche das latas e un técnico francés ó fronte do proceso produtivo “ao estilo de Nantes”, coa vianda cociñada antes do seu enlatado e esterilizado. O éxito da modernización fixo que contra 1907 xa houbera máis de cen empresas deste tipo en Galicia.

Descrición Xeral do Entorno:

A primeira fábrica de conservas de João Baptista Cerqueira Matos edificouse a carón das súas instalacións de cales, cementos e xesos, na antiga estrada de Baiona ao seu paso polo areal de Coia, na marxe esquerda da ría de Vigo.

Construcción:

1900.

Abandono:

No mes de maio do ano 2021 continúa traballando.

Descrición:

O comerciante João Baptista Cerqueira Matos, procedente da localidade portuguesa de Caminha, casaría en Vigo con Rosa Domínguez Mira e, despois dunha corta experiencia comercial no negocio do seu cuñado, independizaríase para poñer en marcha nos comezos do ano 1881 unha pequena fábrica, “La Rosa”, situada na estrada de Baiona ao seu paso polo areal de Coia, e que pronto anunciaría como “fábrica a vapor de cales, cementos y yesos de Juan B. Cerqueira”.

En 1891 a fábrica contaba con dous fornos intermitentes e unha máquina de vapor para mover os muíños do xeso. Ademais de ofrecer abonos de xeso, cal e cinzas para a agricultura, comercializaba os seus fabricados para a construción urbana, e non tardaría en aumentar a oferta co novidoso “cemento Portland”, do que sería un dos primeiros importadores en Galicia.

A carón da pequena caleira, Cerqueira inauguraría a finais de 1900 unha fábrica de conservas, proxectada para producir quince mil caixas ao ano con cento vinte e cinco traballadores. Especializada na elaboración de conservas de sardiñas, a súa primeira marca comercial sería “L’Union Ibérique” (1902), á que seguirían “Pay Pay”, “Le Grisette”, “Rosario”, “Ramona”...

Ben situado no sector e cos beneficios extraordinarios obtidos ao abeiro da Gran Guerra (1914-1918), Cerqueira establecería contra 1921 unha segunda fábrica de conservas en Canto de Area, fronte ao estremo esquerdo do areal de Canido e próxima ao pequeno dique con rampla que construirase para o servizo da fábrica dos Curbera.

A nova fábrica Cerqueira comezaría a funcionar en 1922 e ao fronte dela estaría o seu fillo maior, Antonio Cerqueira Domínguez, que converteríase en propietario á morte do seu pai, nese mesmo ano de 1922. Morto Antonio e tamén o seu fillo maior, Antonio Cerqueira Posse, após un complicado período de xestión familiar, en 1964 a fábrica quedaría baixo o control da empresa asturiana “Valle, Ballina y Fernández” que a explotaría coa razón social “Canimar, S.A.” ata a disolución e fin da actividade en 1991 (vid. ficha 655).

Coa morte do fundador en 1922, Antonio Cerqueira Domínguez, o seu fillo maior, quedaría dono da fábrica de Canido, e os outros dous fillos, Juan e Ventura, quedarían ao fronte da fábrica de Coia, xirando agora coa razón social “Hijos de J.B. Cerqueira”. Das tres fillas, María casaría co seu primo, Vicente Coma Domínguez, que tamén tiña fábrica no Areal de Coia, a carón do campo de fútbol, e que contra 1938 trasladaría a produción a Canido. Rosa casaría cun avogado, Ángel Campos Varela, que converteríase trala Guerra Civil Española (1936-1939) en conserveiro, con fábrica tamén en Canido ata a súa morte en 1955.

Ventura Cerqueira Domínguez, que en 1918 se titularía Enxeñeiro Industrial na escola de Bilbao, sería quen dirixiría a empresa desde 1922 ata a súa morte en 1961. A fábrica de Coia iría, lenta pero con firmeza, aumentando a súa produción e en 1932 xa sería a sétima das conserveiras galegas, detrás de Alonso, Massó, Curbera, López Díaz, Albo e Gándara y Haz.

A Guerra Civil sería unha boa oportunidade polas vendas ao exército rebelde, pero pronto xurdirían as limitacións derivadas da escaseza da folla de lata e do aceite, limitacións que Ventura Cerqueira esquivaría coa adquisición doutras fábricas de conservas. Primeiro sería a de Cambados, en 1937 (que vendería a “Pereira y Peña” xa en 1938), e despois as de Santoña (Cantabria) e Cudillero (Asturias).

Coa crise sardiñeira dos primeiros ano do decenio de 1940, Ventura Cerqueira diversificaría a produción mercando en 1945 a fábrica de Adelino Guillán de Dios en Ribeira, que dedicaría ao mexillón e outros moluscos (vid. ficha 648). Centrando os investimentos na modernización das fábricas de Vigo e –sobre todo– de Ribeira, Cerqueira desfaríase na segunda metade do decenio de 1960 das outras fábricas.

O fillo maior de Ventura, Juan Manuel, e o pequeno, José Luis, daríanlle continuidade á empresa familiar. Os dous irmáns Cerqueira Urízar superarían as crises das décadas de 1960 e 1970 especializando as instalacións de Ribeira no mexillón, os berberechos e outros mariscos, e as de Vigo no resto das especialidades (túnidos, cefalópodos, sardiñas).

A fábrica de Coia ocupa unha superficie duns nove mil douscentos metros cadrados que en tempos se estendían da ribeira do areal de Coia (hoxe a avenida de Beiramar) ata a estrada de Vigo a Baiona (hoxe rúa Tomás A. Alonso). No interior da ampla finca desenvólvense as diferentes edificacións da industria, con acceso principal desde a rúa que fora a carreteira de Baiona, e acceso secundario desde a avenida que fora ribeira, e que os recheos e os estaleiros construídos na fronte marítima deixaron hoxe en día a un cento de metros de distancia da auga.

Tempo de uso:

Inicialmente, estacional, dependendo fundamentalmente das mareas da pesca e do marisqueo dos produtos elaborados. O desenvolvemento no decenio de 1960 da industria frigorífica, no mar e en terra, permitirá á industria conserveira poder traballar continuamente todo o ano.

Sistema de produción:

Unha vez completadas as capturas, os barcos retornaban dirixíndose ás proximidades dos almacéns de salga e das conserveiras para entregar a súa pesca. O penetrante son dos bucios ou caracolas (ou das sirenas nas embarcacións modernas) advertía aos de terra da chegada do peixe e os veciños –mormente mulleres– aprestábanse para o desembarcar nas praias ou, no mellor dos casos, peiraos. Descargado o peixe das embarcacións –mormente sardiña, pero tamén bocarte, xarda e agullas–, trasladábase nas patelas ao almacén da salga para proceder ao seu escochado e salgado tradicional ou, en tempos máis modernos, ao seu salgado e prensado.

Para o escabechado e conserva de mariscos, as tarefas de moitos veciños das conserveiras xa comezaban coa recollida e transporte de leña ata as praias próximas, onda se recibían os mexillóns (e tamén as navallas, os croques e as ameixas) e se cocían en auga de mar, escunchándoos despois e limpando a vianda antes de transportala ás fábricas para o seu envasado.

No salgado tradicional a sardiña era escochada, aberta e limpada unha a unha, sacándolle cabeza, espiña e tripas, posta a mollo nas tallas e cando se xuntaban as suficientes, deixadas a salgar nos píos durante un día enteiro. Retirábanse despois da salmoira e íanse metendo en voltas nas barricas, engadíndolle varias presadas de sal cando se completaba unha volta para evita-lo contacto entre as distintas fiadas. Completada a barrica, tapábase para a súa comercialización. Ao non lle extrae-la graxa a oxidación íalle dando á sardiña unha cor amarelenta que empeoraba sensiblemente o seu aspecto.

As cabezas e as tripas prensábanse nas tallas pondo unha pedra de bo tamaño enriba da tapa da talla, extraéndolle así as graxas ou saín que se venderían para o refinado de coiros (normalmente as de peor calidade, chamadas morcas), para a protección de madeiras, para a fabricación de pinturas, como aceite para alumeado ou lubricación, e mesmo como mercadoría de exportación aos portos europeos (Hamburgo, Liverpool, Londres) e americanos (La Habana).

O máis moderno proceso de salgado comezaba coa descarga do peixe das embarcacións e o traslado ao almacén da salga. Unha vez lavado, o peixe –mormente sardiña, pero tamén xarda e agullas– metíase nos píos da chanca coa moira (disolución saturada de sal en auga) onde se deixaba a salgar durante unha ou dúas semanas.

Rematada a salgadura, sacábase o peixe e levábase ao morto, onde colocábase coidadosamente nos cascos, que se tapaban poñéndolles un morto (o peso para prensar o peixe) enriba da tapa, axudando coas prensas para mellor extraerlle a graxa, graxa que escoaba dos cascos e ía por unhas canles ata os pozos do saín.

Este novo proceso de salgado rendía moito máis que o primitivo salgado do peixe previamente descabezado, eviscerado e limpado, e as sardiñas – ao non teren graxas– non amarelaban como as do tradicional escochado e tiñan moito mellor aspecto, aínda que ao dicir dos entendidos non eran igual de saborosas que aquelas.

Unha variante moito máis laboriosa, que comezara a practicarse co bocarte, é a do anchovado ou anchoado, (do nome xenovés do bocarte) proceso que esixe que se lle retire a pel ao peixe e se prepare aberto, fileteado, eviscerado, sen raspa e desangrado antes de proceder ao seu salgado. Empregado principalmente co bocarte, ata o punto de quedarlle o nome de anchoa ao bocarte así preparado, o mesmo proceso e presentación da vianda nun tempo utilizárase tamén coa sardiña, sardiña anchoada.

Para o escabechado prepárase un mollo fritindo allo co aceite no que fritiuse o peixe e, cando xa frío, incorpórase viño branco, vinagre de viño branco, follas de loureiro, grans de pementa e pemento roxo seco e moído (pode levar tamén cravo, canela ou outras especias ao gusto), preparando un caldo que ten que ferver a lume manso e que se verte despois cubrindo totalmente a vianda.

No caso da conserva hermética da sardiña e outros peixes (xardas, agullas, bocarte, atún) “ao xeito de Nantes”, tralo carrexo das patelas das embarcacións á fábrica e a descarga da pesca nas mesas, procedíase ao descabezado, eviscerado, limpeza e lavado do peixe, posta en salmoira e secado ao sol. Pasadas despois folo forno ou torrador, lavábanse con auga de mar e fritíanse lixeiramente antes de envasalas para sometelas ao “apertizado”, esterilizando os envases fervéndoos ao baño de María.

A esterilización do peixe e o seu posterior envasado en recipientes herméticos, de vidro primeiro e de folla de lata máis tarde, é unha maneira de o conservar moito más eficiente e duradeira cá da salgadura. O procedemento, que fora descuberto en Francia na década de 1820, adoptárase na Bretaña a altura de 1840, e chegara ao seu cume a finais do século XIX, cando a soldadura manual das tapas por estañado ía sendo substituída polo engastado, “sertido” ou peche mecánico por compresión das pestanas que levaban o corpo do envase e a súa tapa, cun ariño de goma para garantir a estanquidade.

Consolidada a industria conserveira, nos comezos do século XX pasouse en Galicia de fritir as sardiñas a cocelas en salmoira ou ben ao vapor, unha mellora que abarataba o proceso e sería coñecida como “método español”. Para o cocido ao vapor púñanse as sardiñas (ou o peixe que fora) nas grellas de arame, que pasaban ao carro para as introduciren nos torradores onde se cocían co vapor producido na caldeira da fábrica.

Sacábanse logo os carros coas grellas e púñanse os peixes e mariscos xa cocidos nas mesas de empacado onde se colocaban nas latas e se lles botaba o aceite ou o prebe (escabeche, salsa de tomate, salsa de vieira). Unha vez as latas enchidas de aceite, pasaban á sección de pechado, onde se cerraban con estañado por soldadura manual, nos primeiros tempos, e despois nas máquinas de sertido ou peche mecánico por compresión. As latas introducíanse seguidamente no autoclave para o seu esterilizado, tralo que se lavaban para quitarlles todo rastro de aceite ou graxa e se levaban ao estoxado e se colocaban nas caixas nas que se levarían á distribución e venda.

O desenvolvemento da industria foi introducindo modernizacións que supoñían tanto melloras produtivas como hixiénicas: canles de eviscerado, canles de lavado e salmoirado, mesas circulares de dobre carrusel para o abasto de latas baleiras e material a empacar, fornos de cocción continua de vapor aberto, transportadoras de latas, etc.

No ano 1960 xa se empacaban os túnidos mecanicamente, e en 1962 introducíase na liña da sardiña o novo sistema de recepción e tratado do peixe, pasando primeiro aos tanques de salmoira refrixerada e de alí ao corte e eviscerado mecánico, para continuar en bandexas plásticas aos fornos de cocción e seguidamente ás mesas de empacar, todo elo sen intervención de man de obra. A mecanización permitiría que as fábricas de conservas produciran máis de cento cincuenta millóns de latas anuais, e que unhas cincuenta mil toneladas de conservas saíran cada ano das súa instalacións.

Actividades laborais:

Man de obra principalmente feminina na limpeza e preparación da vianda. Persoal principalmente masculino na atención da maquinaria e supervisión dos procesos.

Emprego:

En 1900 a fábrica de Coia tiña capacidade para cento vinte e cinco traballadores, mulleres en maioría. A finais do ano 1969 a empresa declaraba cento noventa e nove “produtores” no seu cadro de persoal da fábrica de Coia, e trinta e catro na de Ribeira; a fábrica de Canido, xa como “Canimar, S.A.”, declaraba oitenta e cinco “produtores”.

Materias Primas:

Sardiña (Sardina pilchardus), polbo (Octopus vulgaris), calamar (Loligo vulgaris), sepia ou choco (Sepia officinalis), pota (Todarodes sagittatus), pota arxentina (Illex argentinus), pota del Pacífico (Dosidicus gigas), bonito del norte (atún branco, albacora, Thunnus alalunga), atún tropical (atún claro, rabil, Thunnus albacares), atún claro (patudo, Thunnus obesus), atún listado (Katsuwonus pelamis).

Produtos Elaborados:

Conservas de túnidos, cefalópodos e sardiñas.

Distribución e comercialización:

Nacional e internacional.

Referencias Bibliográficas:

Alonso Álvarez, Luis (1977): Industrialización y conflictos sociales en la Galicia del Antiguo Régimen, 1750-1830. Madrid: Akal. ISBN 84-7339-243-4.

Carmona Badía, Xoán (2011): “Los Cerqueira, cuatro generaciones de fabricantes sobre la playa de Coia”, en Xoán Carmona Badía (dir. y coord.) Las familias de la conserva. El sector de las conservas de pescado a través de sus sagas familiares, p. 332-347. Fundación Clúster de Conservación de Productos del Mar y ANFACO-CECOPESCA. Pontevedra: Diputación de Pontevedra. DL C-891-2011. ISBN 978-84-938942-0-7.

Carmona Badía, Xoán; Nadal Oller, Jordi (2005). El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Fernández Casanova, Carmen (1998): “Cambio económico, adaptacións e resistencias nos séculos XIX (dende 1870) e XX”, en Carmen Fernández Casanova (coord.) Historia da pesca en Galicia, p. 139-206. Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela. DL C-1816-1998. ISBN 84-8121-719-0.

Martínez Gómez, Laura (2020): “La ribeirense Conservas Cerqueira prepara su traslado al polígono de Rianxo”, en La Voz de Galicia, ed. Barbanza, 16/10/2020

Niese, H. (1942): “Industrias de la alimentación y afines. Curado y conservación del pescado”, en Manual del Ingeniero, Tomo IV, Capítulo X, p. 643-647. Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, 2ª ed. trad. de la 26ª edición alemana. Barcelona: Gustavo Gili.

Romaní García, Arturo (1991): A revolución tecnolóxica na industria salgadeira en Galicia. Vigo: Unipro. DL C-1179-1991. ISBN 84-87917-01-1.

Taboada Arceo, Antonio (1971): Galicia, estructura y ritmo socio-económicos. La Coruña: Servicio de Estudios y Publicaciones de las Cámaras Oficiales de Comercio, Industria y Navegación de Galicia. DL C-145-1971.

Vázquez Gil, Bernardo (2014): “O Canido da conserva”, en Memoria de Oia [en liña] Dispoñible na Internet: http://memoriadeoia.blogspot.com/ [Acceso 21 marzo 2021].

Xunta de Galicia (2007-2011): Plan de Ordenación do Litoral [en liña] Dispoñible na Internet: http://www.xunta.es/litoral [Acceso 8 decembro 2020].

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 223-III Vigo /// Datum ETRS89: H 29 // X 516.681,20 m / Y 4.671.224,16 m

Centro Nacional de Información Geográfica (s/d): Fotototeca Digital, Instituto Geográfico Nacional, Ministerio de Fomento del Gobierno de España [en línea] Disponible en internet: http://fototeca.cnig.es/ [Acceso 3 febreiro 2020].

Instituto de Estudos do Territorio (IDE) da Xunta de Galicia (s/d): Información Xeográfica de Galicia: visualizador de mapas [en liña] Dispoñible na Internet: http://mapas.xunta.es/visualizador-de-mapas [Acceso 3 febreiro 2020].

Instituto Geográfico Nacional (s/d): “Mapa Topográfico Nacional 1:25.000”, en Mapas de España. Instituto Geográfico Nacional, Gobierno de España [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/buscarArtsMenu?categoria=MTN25-Mapa-Topográfico-Nacional-1:25.000 [Acceso 18 enero 2021].

Instituto Hidrográfico de la Marina (1964): De Cabo Corrubedo a Cabo Silleiro. Océano Atlántico Norte. Costa NW de España. Carta 925, con levantamientos no datados y correcciones hasta 1977. Cádiz: Talleres del Instituto Hidrográfico de la Marina. DL CA-293-1972.

Xunta de Galicia (Consellería do Medio Rural) (s/d): Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícola (SixPac): visor de mapas [en liña] Dispoñible na Internet: http://sixpac.xunta.es/visorsixpac/ [Acceso 3 febreiro 2020].

Data de Actualización:

17 marzo 2021