664 Curtidoiro do Chao

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: Lugo
  • Concello: Viveiro
  • Parroquia: Santa María de Magazos
  • Lugar: Viveiro
  • Paraxe: A Xunqueira de Abaixo
  • Dirección: Non procede
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 43.65379750125321
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -7.5979657789421085
  • Coordeadas UTM: Datum ETRS89: H 29 // X 613.061,24 m / Y 4.834.373,74 m
  • Clasificación: Fábrica de curtidos
  • CNAE: 15.11 Preparación, curtido e acabado do coiro; preparación e tinguido de peles.
  • Tipoloxía: Curtido tradicional en píos
  • Comarca: A Mariña Occidental
  • Marco Xeográfico: Xunqueiras da marxe dereita do esteiro do río Landro na súa desembocadura da ría de Viveiro.
  • Ámbito: Rural (hoxe, urbano)
  • Acceso: Saímos de Viveiro pola estrada LU-540 cara a Ourol (Travesía da Mariña) para continuarmos pola Avenida da Xunqueira. Após pasar baixo a vía do ferrocarril, a uns catrocentos metros máis diante, a estrada pasa por riba do rego da Xunqueira e alí atopamos, na man dereita da estrada e na ribeira dereita do rego, o curtidoiro de Chao, enfronte do que fora o curtidoiro de Donapetry, hoxe acubillo da Cerámica Otero Regal.

Tipo de propiedade:

Privada

Visitable:

Exteriormente

Xestión de visitas:

Non procede

Historia:

Non somos hoxe en día conscientes da gran importancia que tivo a industria do coiro, que elaboraba as pezas que despois empregaríanse sen curtir como soporte para a escritura (pergameo), e curtida no almacenamento de líquidos (pelellos) e no manexo do aire (foles, mesmo musicais), nos arreos de labranza (arneses, correas e arreos), para o traballo dos albardeiros (cinchas, selas, albardas e alforxas), e talabarteiros (cartucheiras, cintos, gornicións e talabartes), para pezas da vestimenta (chalecos, petos, luvas, chapeus, cintos), no calzado (zocos, botas, zapatos), no recubrimento de embarcacións, na elaboración de cordas e enxarcia, para xuntas de estanquidade ou aínda para as correas de transmisión da primeira maquinaria.

A actividade de curtume, como a téxtil, xorde e desenvólvese intimamente unida ao mundo rural, compartindo as actividades propias do campo para fornecer as súas necesidades específicas e servindo moitas veces aquelado cos traballos agrícolas para complemento dos minguados ingresos dos labregos.
Podemos distinguir entre curtidores independentes, que curtirían unha ou dúas peles ao ano para as súas propias necesidades, e curtidores rurais, que á vez que traballan os seus propios coiros, preparan a xornal outros cedidos por tratantes ou comerciantes urbanos. En ambos os casos, os campesiños son propietarios dos píos nos que traballan as peles. Finalmente, un terceiro grupo de campesiños traballarían en píos prestados ou en píos da comunidade.

Aínda que o curtido espallábase por toda Galicia, sendo habitual a existencia de curtidores en moitas parroquias, algunhas zonas concentraban un gran número destes curtidores “a tempo parcial”, como nas terras de Cea e Allariz, na antiga provincia de Ourense, Noia e Caldas, na de Santiago, Vilalba e Chantada, na de Lugo, e Soutomaior, na de Tui.

A evolución desta industria continúa, xa como unha actividade urbana ou peri-urbana nos séculos XVII e XVIII, coa construción de píos por e para o gremio de zapateiros, necesitados de abastecerse de materia prima para o seu traballo, como ocorría en Betanzos ou en Melide. Outras veces as instalación eran do propio concello, como no caso de Chantada, e outras, en fin, de particulares.

Pronto a industria do coiro dará un avance cualitativo e cuantitativo co nacemento, no tránsito do século XVIII ao XIX da fábrica de curtidos construída por un empresario como un asentamento especificamente dedicado á produción de coiros, cunha centralización nas súas instalacións de tódalas actividades do proceso, con traballadores asalariados que preparaban os pelicos ao mandado do dono, e cunha clara orientación a cubrir as necesidades e demandas do mercado.

Desta forma, os asentamentos dispersos e rudimentarios evolucionan dando paso aos centros especializados, nunha transición gradual que pasa polos asentamentos gremiais proto industriais, primeiro, e as fábricas populares, despois, para chegar finalmente aos modernos curtidoiros.

Consonte os datos do Catastro de Ensenada, contra 1752 o gremio de zapateiros de Betanzos contaba con cincuenta e catro inscritos, pero tan só seis desenvolvían moi rudimentarias tarefas de curtume. Vai ser contra os comezos da década de 1770 cando aparecen nas contornas de Ferrol os primeiros curtidoiros (vid. ficha 329) estabelecidos co novo modelo organizativo de factoría centralizada, coa introdución de capital privado e de emprego asalariado, liberados do control gremial.

Como ocorrera con outras industrias da época, moitas das fábricas de curtumes, cando non destruídas durante a breve incursión en Galicia das tropas francesas (entre xaneiro e xuño do ano 1809), houberon ser abandonadas pola crise económica que acompañou á Guerra de Independencia librada polos españois contra as tropas napoleónicas (1808-1814). A emancipación das colonias americanas (1812-1825), a escaseza de coiros ultramarinos e o incremento dos custes de produción, supuxo un empeoramento da situación no sector do curtido.

A meirande parte dos curtidoiros que sobreviviron á crise non acertarían a introducir os procesos de curtume rápida que estaban impoñéndose no mundo na segunda metade do século XIX, e, con moi poucas excepcións, a industria do curtido galego comezaría o seu decaemento contra 1880. Con todo, dos moitos curtidoiros aínda existentes, algúns dos máis principais lograrían resistir á competencia levantina ata a segunda metade do século XX (La América, 1956, vid. ficha 234; La Guadalupe, 1971, vid. ficha 84). A padronesa “PICUSA” e “CORTIPIEL”, en Coristanco, continúan traballando hoxe en día.

Descrición Xeral do Entorno:

O curtidoiro situarase no chamado barrio das xunqueiras, a carón da estrada de Viveiro a Lugo e na ribeira dereita do río da Xunqueira, a poucos metros da xunta deste co río Landro na marxe dereita do seu esteiro.

Construcción:

Anterior a 1868.

Abandono:

1915.

Descrición:

No camiño de Landrove, a un cuarto de legua (algo máis dun quilómetro) da vila de Viveiro e a carón do río da Xunqueira, atopábanse nos comezos do século XIX a lo menos un par de establecementos de curtir peles. Dos dous que temos hoxe en día referencia, un acomodábase na marxe dereita do río, augas abaixo dun muíño fariñeiro, e fronte del pola marxe esquerda, erguíase o segundo.

En 1868 a familia formada por Bernard Donapétry e Marie Iribarnegaray, oriúndos do País Vasco francés, adquiría o curtidoiro da marxe esquerda do río da Xunqueira. Os Donapetry ampliarían o complexo industrial con oficinas, secadoiros, almacén de coiros, tenda, vivenda para a familia propietaria e vivendas para os obreiros do curtidoiro (vid. ficha 651).

Fronte do gran curtidoiro dos Donapetry, do outro lado do río da Xunqueira, nun edificio de planta aproximadamente trapezoidal duns setenta e cinco metros cadrados de superficie e de dúas alturas, viña traballando outro curtidoiro, coñecido como “o do Chao”. Na planta baixa atopábanse dez píos –ou cubas, que lle din en Viveiro– para o curtido, co complemento doutros dous pelamios nunha construción rectangular estreita duns sesenta metros cadrados de planta que se atopa arrimada pola parte traseira deste edificio.

A construción fabril foi realizada en cachotería de cantos rodados, e o edificio contaba cunha cuberta a dúas augas, de lousa sobre armadura de madeira. Pola contribución sábese que os propietarios tiñan tamén un muíño de casca. Unha pequena tosta no río da Xunqueira derivaba auga para os traballos de ribeira e o resto do proceso produtivo.

Segundo recolle Claudio Otero (2015: 400, ficha 120), os principais empresarios desta fábrica de curtidos foron: Pedro Chao Romero, que figura cotizando en 1900, 1903, 1905 e 1907 por unha capacidade de catro metros cúbicos e máis un muíño de casca, e Francisco Chao Seara, que cotizou polos mesmos conceptos no ano 1915.

Na noite do 18 de novembro do ano 2018, no medio dunha forte tormenta (80 litros por metro cadrado en dúas horas), as árbores e a maleza arrastrada polas augas formaron unha presa no leito do rego da Xunqueira, acumulándose unha gran cantidade de entullos atrancados nunha das pontellas dos muíños e xuntándose unha boa cantidade de auga embalsada.

A bolsa de auga formada seguiu a medrar ata que a presión acabou por romper a barreira, precipitándose a auga e os entullos en tromba río abaixo, provocando inundacións e levando por diante todo o que atopou, mesmo vehículos e mobiliario urbano.

Coa violenta baixada da auga inundáronse algúns baixos, e unha muller morreu na súa vivenda, a carón do río e algo máis abaixo do vello curtidoiro de Chao. A pequena tosta que derivaba as augas para os traballos do curtume foi derrubada e desfeita ata quedar totalmente inutilizada.

Tempo de uso:

Todo o ano.

Sistema de produción:

Curtido é o proceso mediante o que unha pel, un material orgánico, transfórmase en coiro, un material imputrescible, flexible, resistente á humidade e con notables propiedades mecánicas. Tecnicamente, o curtido consiste en aumentar a resistencia á hidrólise das proteínas (coláxeno) que configuran a pel mediante a acción dun axente que orixina tal cambio químico, o curtinte.

O proceso iniciábase coa chegada da pel en bruto, con pelo e restos de carne cando viña dos matadoiros veciños, e ademais cunha abondosa dose de sal incorporada cando procedente do Río da Prata. Comezaban entón os labores de ribeira, limpeza e primeira preparación dos pelellos para hidratar e abranda-la pel manténdoa mergullada en auga varios días, xa nunha corrente fluvial, xa en pozos construídos ao efecto. Os coiros lavábanse ben, deixábanse a mollo e deseguido mergullábanse nuns pozos cheos de auga con cal apagado, os caleiros ou pelamios, para que os poros abriran tanto para favorecer a retirada do pelo como para unha mellor penetración das sustancias curtintes coas que logo sería tratada a pel.

A pel permanecía nos caleiros entre quince e vinte días e, unha vez sacada do pelamio actuaban os “zurradores” para retirarlle a súa pelame e os anacos de carnaza que quedasen do desencoirado, uniformando á vez a superficie da pel e separando as partes inútiles para o curtido. Os oficiais completaban o depilado traballando a pel até retirarlle todo o pelo, rañando coas súas características coitelas romas pola flor da pel, a parte exterior, na que se atopa o pelo.

Rematadas as tarefas de ribeira, o caldeo ou corrida nos pozos chamados mudanzas ou “alpages”, enchidos con auga acidulada pola casca de carballo e con diferentes concentracións (a menor, no de primeira mudanza), limpaba os restos de cal e completaba o enchido da pel e a apertura dos seus poros que xa se comezara nos pelamios. As veces, cos coiros “brandos” ou de res menor, antes do caldeo adoitábase levar a pel aos pozos de desengraxado, nos que permanecía mergullada en excrementos animais (unha mestura dos de can, galiña, pomba e outros) para facer máis doada a posterior retirada dos restos do cal.

Os coiros xa limpos e preparados trasladábanse entón aos pozos de curtir propiamente ditos, chamados “noques”, píos ou asentos (cubas, en Viveiro), nos que a pel conseguía as súas propiedades de resistencia á auga e á humidade, volvéndose elástica e resistente á vez. Alí os coiros colocábanse coa flor (a cara na que tivera o pelo) cara abaixo, alternados con casca de carballo moída previamente e ben cubertos de auga. Nesta situación permanecían entre tres e cinco meses, tralo que retirábanse dos píos, limpábanse e cepillábanse e tornaban a se mergullar noutros píos –“de segundo asento”– mesturados con casca moída igual que na volta anterior agás o sentido da pel, agora coa flor cara arriba. A pel íase pasando duns pozos aos outros nun proceso lento e laborioso, sempre mergullada nunha solución rica en tanino obtida a partir da cortiza do carballo.

No procedemento tradicional de curtido o axente curtinte, o tanino, procedía da casca de certos árbores, como a aciñeira ou o sanguiño, sendo o carballo o máis adoito a empregar en Galicia. Para mellorar o proceso, a casca picábase ou pulverizábase nos chamados muíños de casca, consistentes nun muriño circular de trinta ou corenta centímetros de alto e de tres a catro metros de diámetro, arredor do que unha besta facía roular unha roda de cantería que ía esmagando a casca depositada no interior do beiril.

O curtido “á irlandesa” ou “á inglesa” facíase somerxendo as peles en baños fríos con diferentes concentracións dunha solución curtinte, obtida deixando a mollo cortiza de carballo que estivo a secar a lo menos dous anos.

Unha vez o coiro curtido procedíase ao seu remate, no que o proceso finalizaba coa preparación e secado da pel curtida, o pelico. Levantada a pel dos píos procedíase ao seu enxugado e aireado, tralo que viña o batido ou mazado cun martelo de madeira, para deixar a peza compactada nun espesor uniforme e cunha aparencia máis homoxénea, finalizando aquí o proceso para os coiros duros (de vacún adulto) destinados á fabricación de sola.

No caso dos coiros brandos (de animais menores como xatos, ovellas ou rebezos), que destinábanse fundamentalmente á elaboración do “becerro”, o rematado era máis complexo, incluíndo o engraxado a base de saín (graxa de sardiña), o estirado e o “luneteado”, entre outras operacións menores.

As fábricas de coiros aproveitaban tódolos refugallos do proceso e os vendían: a casca xa usada e enxoita para as lareiras; os restos da carnaza para facer a cola que demandaban os carpinteiros e as fábricas de papel; o pelo desprendido da pel e enxoito para a fabricación de cepillos e brochas.

O proceso de curtido tradicional, co tanino de árbores e arbustos como curtinte, necesitaba entre dez e dezaoito meses dende a chegada da pel ata a saída do coiro e precisaba grandes cantidades de casca (uns cinco quilogramos de casca para cada quilogramo de pel).

Empregáranse despois, xa na década de 1850, extractos concentrados de quebracho ou castiñeiro para acelerar o curtido, e finalmente taninos artificiais para o curtido vexetal rápido, xeneralizado na década de 1870. Cara a 1880 comezaría o curtido mediante sales de cromo e a finais da década de 1910 o curtido ao cromo suplantaría totalmente ao curtido vexetal. Mentres o curtido dunha peza de sola polo sistema tradicional precisaba duns catrocentos dez días, cos novos sistemas abondaba con cento oitenta.

O curtido mineral “ao alume”, ou curtido “en branco”, utiliza como curtinte unha solución de alume (sulfato de alumina e potasa) e sal, e segue a empregarse na preparación de peles finas moi flexibles e suaves, xeralmente empregadas nas luvas, e tamén naqueles casos nos que quérese conservar o pelo na pel curtida.

Aínda que os aires da revolución industrial chegaran tamén a industria do curtido, non o fixera na cerna dos labores (a transformación da pel), senón unicamente nas endeitas de preparación e remate, e algúns curtidoiros empregaban contra 1850 máquinas para o descarnado, o pelado, o batido e a división da pel.

O conxunto das edificacións para o traballo dos coiros normalmente distribuiase en cinco compoñentes: o almacén das materias primas e local da moenda da casca configuraban a entrada do establecemento; viña despois o departamento dos labores de ribeira, cos seus lavadoiros e caleiros; o terceiro espazo contaba cos píos de mudanza e asento; o espazo para o enxugado e aireado estaban as veces nun primeiro andar, para mellorar a ventilación; o derradeiro, a zona de remate, xuntábase as veces co anterior.

A ocupación nas fábricas de curtidos era de cinco a sete persoas nas pequenas, e de dez a quince nas grandes.

Os produtos que se elaboraban recibían distintos nomes: correjel, tamén chamado crupón, folla enteira de coiro flexible e groso, de boi ou vaca, para solas e correóns; sola da terra, pel curtida de vacún (de máis tempo que a tenreira e a vitela), grosa e dura, obtida por submersión en píos con cortiza picada e auga fría; becerrillo, pel curtida de tenreira (vacún de menos dun ano); badana, pel curtida de carneiro ou de ovella, de baixa calidade e resistencia, empregada para forros; cordobán, pel de cabra curtida á cordobesa (con zumaque, Rhus coriaria, como curtinte); baldés, pel curtida de ovella, suave e feble, para facer luvas; vaqueta, pel curtida de vitela (vacún de ata dous anos) para uso dos albardeiros; cabra “a la francesa”, pel de cabra curtida cun acabado de gran moi pequeno, para marroquinaría.

Actividades laborais:

Man de obra masculina en todo o proceso.

Emprego:

Sen datos. Posibelmente, entre tres e cinco homes.

Materias Primas:

Peles de animais, principalmente vacún.

Produtos Elaborados:

Peles curtidas, coiros, correas, solas, etc.

Distribución e comercialización:

Comarcal.

Referencias Bibliográficas:

Carmona Badía, Xoán; Nadal Oller, Jordi (2005): El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Córdoba de la Llave, Ricardo (2008): “Industrias del tejido y del cuero”, en Pedro Navascués Palacio (coord.) Ars Mechanicae: ingeniería medieval en España, p. 225-233. Fundación Juanelo Turriano. Madrid: Ministerio de Fomento (CEDEX-CEHOPU). DL M-46232-2008. ISBN 978-84-7790-470-0.

Donapetry Iribarnegaray, Juan (1953): Historia de Vivero y su Concejo. Vivero: Ayuntamiento de Vivero. Edición facsímil de 1991. Lugo: Diputación Provincial. DL LU-811-1991. ISBN 84-86824-00-1.

Lorenzo Fernández, Xaquín (1962): “Etnografía: cultura material. Os oficios: curtidores ou coireiros”, en Ramón Otero Pedrayo (dir.) Historia de Galiza, vol. II, O home-II, p. 550-558. Buenos Aires: Editorial Nós.

Lorenzo Fernández, Xaquín (1983): “Curtidores ou coireiros”, en Os oficios, p. 123-133. Biblioteca Básica da Cultura Galega. Vigo: Editorial Galaxia. DL VG-18-1983. ISBN 84-7154-425-3.

Otero Eiriz, Claudio (2017): A industria do coiro en Galicia: historia e patrimonio. Tese doctoral, inédita. Departamento de Economía Aplicada, Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago de Compostela.

Otero Eiriz, Claudio (2018): “La industria de los curtidos en Galicia: una visión sistemática sobre su implantación en el territorio en el siglo XX”, en Madrygal. Revista de Estudios Gallegos, 21, 157-172.

Wagner, A. (1942): “Curtido y elaboración de pieles”, en Manual del Ingeniero. Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, trad. de la 26ª edición alemana, tomo IV, Capítulo VI, p. 703-744. Barcelona: Gustavo Gili.

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 8-II Viveiro /// Datum ETRS89: H 29 // X 613.061,24 m / Y 4.834.373,74 m

Centro Nacional de Información Geográfica (s/d): Fotototeca Digital. Instituto Geográfico Nacional, Gobierno de España [en línea] Disponible en internet: http://fototeca.cnig.es/ [Acceso 6 enero 2021].

Instituto de Estudos do Territorio (IDE) da Xunta de Galicia (s/d): Información Xeográfica de Galicia: visor de mapas [en liña] Dispoñible na Internet: http://mapas.xunta.es/visualizador-de-mapas [Acceso 6 xaneiro 2021].

Instituto Geográfico Nacional (s/d): “Mapa Topográfico Nacional 1:25.000”, en Mapas de España. Instituto Geográfico Nacional, Gobierno de España [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/buscarArtsMenu?categoria=MTN25-Mapa-Topográfico-Nacional-1:25.000 [Acceso 6 enero 2021].

Instituto Hidrográfico de la Marina (1961): De San Ciprián a Cabo Ortegal. Océano Atlántico Norte. Costa Norte de España. Carta 931, con levantamientos de 1917 y correcciones hasta 1976. Cádiz: Talleres del Instituto Hidrográfico de la Marina. DL CA-1449-1972.

Xunta de Galicia (Consellería do Medio Rural) (s/d): Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícola (SixPac): visor de mapas [en liña] Dispoñible na Internet: http://sixpac.xunta.es/visorsixpac/ [Acceso 6 xaneiro 2021].

Data de Actualización:

13 febreiro 2021