670 Productos Químicos Ibéricos (PROQUIBER)

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: Pontevedra
  • Concello: Pontevedra
  • Parroquia: San Pedro de Campañó
  • Lugar: Altabón
  • Paraxe: Xunqueira de Alba
  • Dirección: Non procede
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 42.45470621724938
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.645643943832377
  • Coordeadas UTM: Datum ETRS89: H 29 // X 529.129,76 m / Y 4.700.352,32 m
  • Clasificación: Industria química
  • CNAE: 20.15 Fabricación de fertilizantes e compostos nitroxenados.
  • Tipoloxía: Fabricación de fertilizantes
  • Comarca: Pontevedra
  • Marco Xeográfico: Extremo setentrional das Xunqueiras de Alba, na marxe dereita do río da Gándara ou de Rons, dous quilómetros antes da súa desemb
  • Ámbito: Rural (hoxe, periferia urbana)
  • Acceso: En Pontevedra saímos pola estrada nacional N-550 cara a Santiago e ao chegar á Cendona, apartamos pola esquerda cara a Campañó. Tras pasar baixo a vía do ferrocarril e cruzar o río da Gándara, atópase a que fora a entrada principal da fábrica de abonos. O acceso faise actualmente pola parte sur da propiedade, achegándose dende o paseo da Xunqueira.

Tipo de propiedade:

Privada no dominio público fluvial

Visitable:

Exteriormente

Xestión de visitas:

Non procede

Historia:

Non sabemos en que momento de ese amplo espazo temporal que chamamos neolítico (8.500 a.C. a 2.500 a.C.), cando xorden as actividades agrícolas, as comunidades primitivas aprenden a mellorar a produtividade da terra por medio do estercado, empregando restos vexetais, animais e minerais da súa contorna ou dos mesmos refugallos da súa alimentación. Desta maneira, desde os tempos máis remotos, o potasio das cinzas, o nitróxeno das dexeccións animais e humanas, e o fosfato dos ósos incorporábanse empiricamente aos solos.

O esterco é o elemento fertilizante por excelencia, que repón nas herdades as substancias químicas que as fan aptas para os cultivos e que van minguando e esgotando co mesmo aproveitamento do que se cultiva. O esterco pode ser de moitas castes, sendo o principal o que se fai a base de estrume, o conxunto de vexetais co que se cubría o chan das cortes, e tamén dos patios e rúas diante das casas.

Estércase tamén coa borralla da lareira e do forno e, nas beiramares, coas algas, escamas de peixe (escamallo), cabeza, tripas e aletas de peixe (galdrucho), cangrexos pequenos (patexo) e cunchas machucadas de ameixas e mexillóns. Nos tempos en que tiñan pouco valor comercial, estercábase tamén co mexillón enteiro e mesmo con percebes.

No mar atópanse especies vexetais que dende sempre foron empregadas nas labores agrícolas, as algas ou argazo, tamén chamadas “esterco do mar”, que no tradicional e eficaz estercado déixanse podrecer para abonar os campos co seu aporte de minerais, documentado dende o século XVI no Arquivo do Reino de Galicia (vid. ficha 420).

O coñecemento do ciclo vital dos vexetais e o desenvolvemento da química, permitirían a elaboración de materiais –chamados abonos ou fertilizantes– cuxa función principal é a de proporcionar elementos nutrientes ás plantas. Estas substancias, que poden ser tanto orgánicas como inorgánicas, conteñen nutrientes en formas asimilables polos vexetais, co fin de manter ou incrementar o contido destes elementos no solo, mellorar a calidade do substrato a nivel nutricional, ou estimular o crecemento vexetativo das plantas.

Os vexetais sintetizan do seu entorno todo aquelo que precisan para vivir, para o que, xunto co aire e a auga, requiren que apenas unha ducia de elementos químicos estean presentes nunha forma que eles podan absorber. Nalgúns casos, son varias as formas en que un certo elemento pode ser absorbido e asimilado polas plantas; o nitróxeno, por exemplo, pode presentarse como urea, nitratos, amoníaco ou compostos amoniacais.

Os fertilizantes clasifícanse en catro grupos: macro nutrientes esenciais primarios (nitróxeno, fósforo, potasio), macro nutrientes esenciais secundarios (calcio, magnesio, xofre), macro nutrientes non esenciais (carbono, hidróxeno, oxíxeno), e micro nutrientes (ferro, cinc, cobre, manganeso, molibdeno, níquel, boro, cloro).

O esgotamento das terras obrigaba aos agricultores ao seu abandono para asentar os cultivos en terras virxes. O coñecemento da fertilización evolucionaría desde o estercado dos romanos para “quentar a terra” ata o establecemento no século VIII dun réxime de rotacións dos cultivos que introducía a tempada de descanso da terra de labor (o barbeito) e o cultivo de leguminosas (que asimilan o nitróxeno do aire) para o aporte de nitróxeno aos solos.

Como resultado dunha expedición científica pola América do Sur e Centro América desenvolvida entre 1799 e 1804, o naturalista alemán Alexander Von Humboldt coñecería nas costas do Pacífico o guano, un abono xa empregado polos quechuas e outras poboacións americanas anteriores á chegada dos españois. Humboldt daría a coñecer en Europa o valor como fertilizante de calidade dese substrato, resultante da acumulación masiva de excrementos de aves mariñas, cun elevado contido en nitróxeno, fósforo e potasio e acumulado en illas e zonas costeiras en enormes depósitos, algúns xa fosilizados de ata corenta metros de altura, o “guano do Perú”.

Tamén intemporal viña sendo o uso do salitre como fertilizante dos solos polas culturas indíxenas prehispánicas. O salitre, unha sal abundante no deserto de Atacama, mestura de nitrato de potasio (KNO3) e nitrato de sodio (NaNO3) enriquecida con cloruro de sodio, xeso e outras sales, e que contiña gran cantidade de nitróxeno, inicialmente empregado polos españois para fabricar pólvora, pronto sería coñecido como un abono mineral de calidade co nome de “nitrato de Chile”. Desde 1840, o “guano do Perú” e o “nitrato de Chile” serían exportados a todo o mundo para o aporte de fertilizantes aos solos. A síntese do amoníaco, patentada en Alemaña en 1908 por Fritz Haber e desenvolvida comercialmente por Carl Bosch, permitiría o uso xeneralizado do nitróxeno na agricultura ao poder subministrar aos agricultores europeos un abono máis barato que o guano e o nitrato.

En 1842 John Bennet Lawes patentaba no Reino Unido a fabricación dun superfosfato polo tratamento con ácido sulfúrico de ósos calcinados e fosfatos naturais, iniciando así a industria de abonos artificiais e, coa doazón en 1889 de recursos económicos para estación experimental de Rothamsted, establecendo nas súas propiedades as instalacións de investigación agrícola máis antigas do mundo, aínda en funcionamento. O aproveitamento comercial desde 1860 das minas de potasio de Stassfurt (Alemaña) completaría a tríade NPK (nitróxeno, fósforo, potasio) dos abonos esenciais primarios.

Unha fertilización racional conxuga a utilización de fertilizantes orgánicos, que melloran as propiedades físico químicas dos solos e a súa actividade biolóxica, e de fertilizantes minerais, que completan aos orgánicos ao aportar a meirande parte dos nutrientes que precisan as plantas.

As importacións de guano e nitrato de Chile comezarían na segunda metade do século XIX en Galicia a complementar eficazmente o tradicional estercado das terras de labor (vid. ficha 420) e as algo máis novas emendas aportadas polas seculares caleiras para corrixir a acidez dos solos (vid. fichas 543 e 591, por exemplo).

O novo século arrancaría coa construción en 1900 dunha fábrica de cal vivo baixo a razón social “Caleros del Sil de Marcelino Suárez González”, que o empresario asturiano convertería despois en “Caleras de Valdeorras” (vid. ficha 463), unhas instalacións produtivas de dimensión claramente industrial e que sería seguida por outras de máis modestos tamaños, como “Caleras del Ulla” (1923, vid. ficha 326), “Caleras del Lérez”, “Caleras de Tragove” ou, xa en 1966, pola notable fábrica “Calizas y Fertilizantes del Noroeste, S.A.” (CALFENSA), a única que sobrevive hoxe en día.

A introdución dos fertilizantes artificiais en Galicia culminaría a finais de 1931 coa inauguración no Burgo (Culleredo) da fábrica construída pola barcelonesa “Sociedad Anónima Cros” para producir superfosfatos de cal, fertilizante de uso xeralizado en Galicia dende os comezos do século XX, para a súa venda no mercado agrícola galego, ampliando posteriormente o abano coa produción de diversos produtos químicos para a industria (vid. ficha 194).

En 1941 comezarían uns contactos que callarían dez anos despois coa construción en Campañó (Pontevedra) dunha fábrica de fertilizantes fosfatados para a empresa “Productos Químicos Ibéricos” (PROQUIBER), que sería coñecida como “a Cros de Pontevedra” e complementaría a produción da fábrica coruñesa para abastecer ao sur da rexión (vid. ficha 670).

En As Pontes de García Rodríguez, a “Empresa Nacional Calvo Sotelo de Combustible Líquidos y Lubricantes” (ENCASO) iniciaría en 1950 a construción da fábrica de fertilizantes nitroxenados que comezaría no mes de setembro de 1959 a comercialización de nitrato amónico cálcico co nome de “Nitramón” (vid. ficha 578). As instalacións de fabricación de abonos da ENCASO pasarían en 1973 aos activos da recentemente creada “Empresa Nacional de Fertilizantes” (ENFERSA).

A oferta galega de fertilizantes completaríase en 1962 coa creación de «Fertilizantes de Iberia» (Fertiberia) e a autorización para a construción de tres plantas destinadas á produción de abonos nitroxenados en Coruña, Huelva e Castellón. A nova fábrica coruñesa de abonos edificaríase no barrio de Elviña, na periferia sur da cidade (vid. ficha 678).

Trala crise enerxética do decenio de 1970 e a agraria do de 1980, a posterior evolución na elaboración de fertilizantes orientaríase á adquisición como materias primas de produtos fabricados por terceiros, que serían combinados, mesturados e envasados para ofrecer aos agricultores e gandeiros un produto final o máis axustado posible as súas necesidades e as características específicas dos terreos nos que serían botados.

O exemplo máis recente é o da planta de elaboración de fertilizantes inaugurada no ano 2015 pola cooperativa DELAGRO, resultado da integración iniciada en 1994 e rematada no 2005 de máis de corenta e seis cooperativas agrarias das comunidades autónomas de Asturias, Cantabria e Galicia que contan cun total de máis de dezasete mil socios con actividade agraria.

A planta de DELAGRO, edificada no polígono industrial de Penapurreira, en As Pontes de García Rodríguez, ten unha capacidade operativa anual que supera as cincuenta mil toneladas, e que pode ofertar máis de trescentas diferentes fórmulas de fertilización, que inclúen desde os complexos xenéricos e nitroxenados estándares ata os abonos adaptados ás necesidades específicas do demandante, á época do ano de aplicación e o tipo de manexo que utiliza o agricultor, abonos que se elaboran a partir das premisas específicas preparadas polos técnicos das cooperativas.

Descrición Xeral do Entorno:

A fábrica construíuse na marxe esquerda do río de Rons, na Xunqueira de Alba, na marxe dereita do río Lérez, na periferia setentrional da cidade de Pontevedra. A localización elixida, próxima á liña ferroviaria de Pontevedra a Vilagarcía e aos nós das principais vías de comunicación por estradas nacionais a Vilagarcía e Santiago, e coa posibilidade de fácil acceso ao porto de Marín, tiña garantida a entrada e saída das materias primas e dos produtos fabricados.

Construcción:

Comezou en 1951 e rematou en 1953. A produción iniciaríase en 1954.

Abandono:

Contra 1976. Logo vendéronse terreos e instalacións ao grupo empresarial de Ceferino Nogueira Rodríguez (Grupo Nogar) que ven dende aquela empregándoas como centro de almacenaxe.

Descrición:

A historia desta sociedade comeza en 1817, cando François Cros i Dupuis, un  bonapartista fuxido do seu Montpellier natal e asentado en Cataluña, abre na localidade de  Sants (daquela próxima a Barcelona e hoxe integrada na cidade) unha fábrica de produtos químicos que abastecía á incipiente industria da zona subministrándolle augaforte (disolución concentrada de ácido nítrico en auga), caparrosa (azul, sulfato de cobre; verde, sulfato ferroso; e branca, sulfato de zinc), alume de roca (sulfato alumínico potásico), espírito de sal (ácido clorhídrico) e sal de estaño (cloruro de estaño).

A nova empresa, con Marc Barthélémy como socio, xiraría como “Francisco Cros y Cía.” e o negocio acadaría moito éxito coa introdución en 1822 da cámara de chumbo e a obtención do privilexio para producir aceite de vitríolo (ácido sulfúrico), un produto xa moi demandado na industria naquel momento. En diante, e xa co seu fillo, Juan Timoleón Cros i Possell, como director técnico da compañía, o negocio foi diversificándose e ampliando a súa oferta de produtos químicos.

Á morte en 1831 do fundador, activos e pasivos pasarían aos seus dous fillos,  –Juan e Francisco- e ao seu socio de confianza, Baltasar Giraudier. A nova razón social “Juan Timoleón Cros y hermano” ben pronto se convertería nunha empresa referente do sector químico en Cataluña, e na fábrica de Sants prodúcese ácido sulfúrico, ácido nítrico, sulfato de ferro, sulfato de cobre, cloruro de estaño, ácido clorhídrico e nitrato de chumbo.

En 1866 toma o mando da pequena empresa o neto do fundador, Amadeo Cros i Nubiola, que aporta unha sólida continuidade á traxectoria da empresa. En 1872 trasládanse as instalacións á localidade de Badalona, a uns terreos nos que a nova fábrica contaba coa vantaxe da proximidade ao mar e á liña do ferrocarril de Barcelona a Mataró, factores de localización que serían decisivos para o crecemento e expansión da empresa, que converteríase nunha das máis importantes e coñecidas industrias químicas españolas.

En 1904 Amadeo Cros creaba a “Sociedad Anónima Cros”. Un reducido número de familias da alta burguesía barcelonesa controlarían dende entón a sociedade, da que serían presidentes despois de Amadeo Cros (1904-1916) empresarios tan sobranceiros coma Eduardo Maristany (1916-1941), Francisco Ripoll (1941-1958) ou Josep Valls Taberner (1958-1965).

Nos primeiros anos do século XX, e máis especialmente no período fortemente expansivo que seguiría á primeira guerra mundial (1914-1918), a Cros medraría expandíndose con novos establecementos fabrís en Alacante (1907), San Juan de Aznalfarache (Sevilla, 1908), Santander (1916) e A Coruña (1931), creando centros de produción que acercasen os seus produtos as zonas de consumo, minimizando así os custes de transporte.

Para mellorar o abasto aos mercados galegos, a finais de 1931 a “Sociedad Anónima Cros” inauguraba en Santiago do Burgo (Culleredo) unha fábrica para producir superfosfatos de cal a partir das piritas de Huelva e dos fosfatos naturais de Casablanca (Marrocos) e Sfax (Túnez). As materias primas as descargaban no porto coruñés os buques da SAC, a frota da compañía, e tasladábanse por ferrocarril ás instalación do Burgo (vid. ficha 194).

A consideración de España como país neutral durante a primeira guerra mundial (1914-1918), fixera que as vendas da compañía medraran enormemente no estranxeiro e no abasto do mercado nacional, daquela case sen competencia ao estar principalmente atendido pola Cros e pola Unión Española de Explosivos (fundada en 1896 en Bilbao) que aínda que especializada en explosivos, mantiña tamén unha liña de potasas, fosfatos, e outros fertilizantes e produtos químicos. A beneficiosa situación manteríase ata o comezo da Guerra Civil Española (1936-1939).

Tralo período de crecemento que a Cros coñecera nos anos precedentes, a produción descendería vertixinosamente pola escaseza de materias primas e man de obra e, xa na posguerra, pola política autárquica do novo goberno e a intervención nos mercados, con cotas para as materias primas, prezos e producións. O novo estado habería de enfrontarse a uns tempos dunha seria penuria económica nun entorno desolador, coas infraestruturas desfeitas, unha agricultura moi atrasada e unha moi escasa industria, promovéndose unha autarquía económica e impulsándose a industrialización coa creación en 1941 do Instituto Nacional de Industria (INI).

Os esforzos do INI aínda veríanse dificultados de máis polo illamento ao que foi sometido o país dende 1942 polos gobernos que ganarían a segunda guerra mundial (1939-1945), agravando a xa penosa situación económica española, que pola súa identificación cos gobernos de Alemaña e Italia, quedaría excluída das axudas á reconstrución europea do chamado Plan Marshall (European Recovery Program, ERP 1948-1952). A recuperación sería lenta e complicada, incluso cun mercado negro de fertilizantes, e as fábricas de produtos químicos trataban de asegurar a subministración de abonos ás novas zonas de regadío creadas para lograr o adecuado desenvolvemento da transformación agraria.

Neste contexto, a “Sociedad Anónima Cros” buscaría acordos coa súa competidora, a “Unión Española de Explosivos”, iniciando en 1942 plans conxuntos para optimizar os seus recursos, repartirse mercados e definir as respectivas zonas de influencia. Como consecuencia, en 1947 ambas crearían “Produtos Químicos Ibéricos” (PROQUIBER), establecendo en Villanueva de la Serena (Badajoz) unha fábrica de superfosfatos, con capacidade para producir anualmente catorce mil toneladas de ácido sulfúrico e de vinte a vinte e cinco mil toneladas de superfosfatos.

Os primeiros contactos para a instalación dunha fábrica de abonos en Pontevedra iniciáranse coa presentación da oportuna solicitude na Delegación de Industria en 1941. A “Sociedade Anónima Cros” xa contaba entón cunha oficina comercial na cidade, polo que a nova fábrica proposta viría complementar a produción da de Coruña, abastecendo ao sur da comunidade. Porén, os traballos de construción non comezarían ata 1951. Xa con “Produtos Químicos Ibéricos” (PROQUIBER) como promotor, a construción da planta foi realizada pola empresa “Rodolfo Lamas”, rematándose as obras a mediados de 1953. As primeiras probas funcionais realizáronse en 1954, ano no que a fábrica, que sería coñecida como “a Cros de Pontevedra”, foi inaugurada oficialmente como produtora de fertilizantes fosfatados e abonos orgánicos, cunhas previsións anuais de elaboración de vinte mil toneladas de superfosfato de cal e cinco mil toneladas de abono orgánico obtido de residuos.

A construción comezou co drenaxe e recheo parcial das marismas de Alba, a escasos catro quilómetros ao norte da cidade. Os vinte e cinco mil metros cadrados preparados para as edificacións lindaban polo poñente coa primitiva liña ferroviaria de Pontevedra a Vilagarcía, co río Rons polo levante e coas xunqueiras de Alba polo sur. Unha carreteira local no seu límite norte facilitaba a conexión coa estrada PO-301, a Poio e Vilagarcía, e coa estrada N-550, a Marín e Santiago.

No punto quilométrico catro da liña ferroviaria preparouse un apartadoiro para permitir o acceso do ferrocarril pola estrema sur da fábrica, onde se bifurcaba a liña principal en cadanseu ramal a cada lado da nave principal. A modificación do tramo da liña do ferrocarril ao seu paso pola cidade, obrigaría a variar tamén o acceso ferroviario á fábrica, que faríase pola estrema norte desde un novo apartadoiro próximo á igrexa de Alba.

As instalacións fabrís contaban cunha gran nave principal destinada ao almacenaxe, de planta rectangular e cento noventa metros de lonxitude e trinta e oito metros de anchura, cunha orientación lonxitudinal NNE-SSW. A nave, en fábrica de formigón, dispón dun corpo central de dezanove metros de anchura e unha altura considerable, que a percorre en toda a súa lonxitude; este corpo leva unha cuberta curva a xeito de bóveda, sostida por arcos con tripla articulación e tirantes interiores.

A cadanseu lado do corpo central, unhas galerías en toda a súa lonxitude organizan unhas naves abovedadas, de cinco metros de ancho e menor altura, perpendiculares ao dito corpo, o que resolve a iluminación natural interior e facilita o reforzo do conxunto ao actuar como riostas do mesmo. Polos vanos da fachada oriental entraban os baldes do transporte funicular que trasladaba o fertilizante desde os reactores ata o almacén. No interior da nave, outra liña de baldes facilitaba a distribución dos diferentes tipos de produtos.

Esta nave principal ten na súa lonxitude intercalados transversalmente tres corpos diferentes. O situado na estrema meridional ten trinta e oito metros de lonxitude e seis metros de anchura, coa mesma altura que o corpo central e cuberta tamén curva.

A uns setenta metros da estrema sur insírese o segundo corpo transversal, construído posteriormente e que rompe o deseño do conxunto. É de planta rectangular, de trinta metros de lonxitude e doce metros de ancho, rematado por unha cuberta a dúas augas que obrigou ao corte da cuberta curva do corpo central e a supresión das bóvedas laterais.

O terceiro corpo transversal arranca a corenta e cinco metros da estrema norte. Ten trinta metros de lonxitude e quince metros de anchura e a cuberta resolveuse con tres bóvedas de cinco metros de ancho perpendiculares á principal.

Entre a nave principal e o río, ademais de dispoñerse o almacenaxe descuberto de algúns materiais, levantáronse os reactores de proceso, as oficinas, laboratorios e almacéns. O resto do espazo foi ocupado polas vivendas do director, do factor do apartadoiro ferroviario e dos capataces da fábrica, xunto coa báscula e o economato para as compras dos traballadores. Moitas destas edificacións desapareceron co abandono da fabricación de abonos e a posterior adaptación do conxunto como centro de almacenaxe de graneis sólidos.

O recinto contaba cun valado de formigón con piares e vanos intermedios macizos que rodeaba parcialmente o conxunto polas súas lindes norte e oeste.
A finais do decenio de 1960 o sector dos abonos en España comezaría a perder fol. Malia que continuaría a normalización dos fertilizantes para a mellora das colleitas, xurdirían novas compañías que aproveitarían a hulla e o coque das industrias siderúrxicas e das centrais termoeléctricas na produción de abonos nitroxenados. O aumento na produción dos abonos nitroxenados e a introdución dos abonos complexos non afectaría directamente á produción de abonos fosfatados, pero aceleraría a saturación dos mercados.

A crise enerxética do decenio de 1970 e a subida de prezos da nafta repercutiría nos prezos do amoníaco (un dos seus derivados) e, por tanto, nos dos abonos nitroxenados. No sector comezaríase a falar de reconversión. “Unión de Explosivos Río Tinto”, que xa absorbera a “Unión Española de Explosivos” en 1969, retomaría a idea da fusión coa “Sociedad Anónima Cros”. O comezo da crise agraria no decenio de 1980 vai acelerar o proceso e, co apoio do goberno de España, en 1989 nacía o grupo ERCROS. Os intentos de saneamento financeiro de ERCROS fracasarían e o grupo declararíase en suspensión de pagos en 1992, o que obrigaría ao peche de moitos dos seus centros produtivos en toda España.

A fábrica de Campañó esmorecería na segunda metade da década de 1970. En 1976 creábase o "Complejo Industrial de Campañó, Sociedad Anónima” (CICASA) do grupo de empresas Nogar, de Ceferino Nogueira Rodríguez, que adquiriría a propiedade para transformala en centro loxístico e almacén de cereais para a empresa ourensá COREN. Tempo despois, ademais dos cereais para COREN, os novos usos da planta incluirían a almacenaxe de madeira en rollo e cortiza de eucalipto para ENCE, e o depósito de materiais para outras empresas da área industrial do porto de Marín.

A tales fins, parte das edificacións (reactores de proceso, conducións, sistema de transporte aéreo, naves e construcións auxiliares) foron demolidas. O depósito de auga aproveitouse para o novo sistema contra incendios. O edificio de oficinas foi rehabilitado para arquivo. A antiga entrada principal, polo norte, clausurouse, habilitándose un acceso sur pola antiga traza ferroviaria.

A nave principal foi sometida a varias ampliacións por ambos laterais. No lateral de poñente creouse unha galería cerrada con estrutura de formigón e cuberta un auga de chapa metálica. O lateral do levante estendeuse cunha nave de tesoiras de formigón e cuberta a dúas augas, que sería máis adiante ampliada outra vez. O apartadoiro ferroviario estaría varios anos en servizo, e desaparecería no ano 2008 despois de un tempo falto de uso ao haberse habilitado o apartadoiro ferroviario do porto de Marín.

Ao o peche a finais da década de 1970 da fábrica de Campañó seguiría en 1983 o da planta de Elviña (que fora adquirida en 1975 a Fertiberia). E co abandono da fábrica do Burgo en 1989 remataría a presencia en Galicia da “Sociedad Anónima Cros”, que tamén desapareceu como tal nese ano tras a formación do grupo ERCROS.

Tempo de uso:

Todo o ano.

Sistema de produción:

O proceso comeza co machucado ou trituración das piritas (sulfuros de ferro ou de cobre ou de outro metal) e o seu posterior torrado nos fornos para a obtención do anhídrido sulfuroso (SO2) que xurde mesturado con vapores nitrosos (NO e NO2), que se levan ás cámaras de chumbo onde se lle agrega vapor de auga (H2O) para súa transformación en ácido sulfúrico (SO4H2). O proceso se completa coa depuración e concentración do ácido sulfúrico obtido.

A partires do ácido sulfúrico obtíñase o ácido sulfúrico fumeante ou oleum (tamén chamado aceite de vitríolo), o alum ou alume (sulfato duplo de potasio e aluminio hidratado), o espírito de sal (ácido clorhídrico), a caparrosa (sulfato ferroso) e outros produtos químicos como a augaforte (ácido nítrico diluído en auga).

Dos fosfatos naturais ou fosforitas, fosfato tricálcico ou terciario, (PO4)2Ca3, moídos e tratados con ácido sulfúrico obtíñase o fosfato monocálcico ou primario, (PO4H2)2Ca, soluble e empregado como abono químico (superfosfato de calcio) para mellorar a fertilidade dos terreos de cultivo.

O proceso básico de elaboración dos superfosfatos complementábase coa obtención de sulfato de calcio industrial (xeso artificial, SO4Ca) por desulfuración dos gases sulfurosos residuais xerados no proceso.

Actividades laborais:

Persoal principalmente masculino en tódalas fases produtivas e administrativas.

Emprego:

A finais do ano 1969 a empresa declaraba noventa e sete “produtores”.

Materias Primas:

Piritas e fosfatos.

Produtos Elaborados:

Abonos e outros produtos químicos.

Distribución e comercialización:

Nacional.

Referencias Bibliográficas:

Carmona Badía, Xoán (1990): “Crisis y transformación de la base industrial gallega, 1850-1936”, en Jordi Nadal Oller y Albert Carreras Odriozola (dir. y coord.) Pautas regionales de la industrialización española (siglos XIX y XX), p. 23-48. Barcelona: Ariel. ISBN 84-344-6563-9.

Carmona Badía, Xoán; Nadal Oller, Jordi (2005): El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Carreras Odriozola, Albert (ed.); Pascual i Domènech, Pere (ed.); Reher Sullivan, David Sven(ed.); Sudrià i Triay, Carles (ed.); Gutiérrez i Poch, Miquel (coord.) (1999): Doctor Jordi Nadal: la industrialització i el desenvolupament econòmic d’Espanya. Col·lecció Homenatges, 17 (dos volums). Barcelona: Universitat de Barcelona. Dipòsit legal B-19.849-1999. ISBN 84-475-2146-X.

Confederación Española de Cajas de Ahorros (1975): Situación actual y perspectivas de desarrollo de Galicia. 4 vol. Madrid: Fondo para la Investigación Económica y Social de la Confederación Española de Cajas de Ahorros. DL M-39.109-1974. ISBN 84-7231-171-6.

García Casalderrey, Benigno (2019): “Tres fábricas: o triángulo industrial de posguerra a carón da cidade”, en Revista da Asociación Cultural Cedofeita, núm. 23, agosto 2019, p. 26-30.

Gómez de Mendoza, Antonio (1997): El plan del nitrógeno (1939-1961). Madrid: Universidad Complutense.

Martínez Pérez, Pablo (2013): “La Sociedad Anónima Cros y el cargadero de Campañó”, en Trenoroeste [en línea] Disponible en http://trenoroeste.blogspot.com/2013/10/la-sociedad-anonima-cross-y-el.html [Acceso 28/06/2021].

Miret i Mestre, Josep (2004): “Las rozas en la Península Ibérica. Apuntes de tecnología agraria tradicional”, en Historia Agraria: revista de agricultura e historia rural, núm. 34, Diciembre, 2004, p. 165-193.

Molinari, Hector (1920): Química general y aplicada a la industria. Tomo I: Química inorgánica: Generalidades y metaloides; tomo II: Química inorgánica: Metales; tomo III: Química orgánica. 2ª ed. española con arreglo a la 4ª ed. italiana. Barcelona: Gustavo Gili.

Nadal i Oller, Jordi (1992): Moler, tejer y fundir: estudios de historia industrial. Ariel Historia, Sección Historia Económica. Barcelona: Ariel. DL B-33070-1992. ISBN 84-344-6570-1.

Nadal Oller, Jordi; Carreras Odriozola, Albert (dir. y coord.) (1990): Pautas regionales de la industrialización española (siglos XIX y XX). Barcelona: Ariel. DL B-218-1990. ISBN 84-344-6563-9.

Nadal Oller, Jordi; Carreras Odriozola, Albert; Sudrià Triay, Carles (compiladores) (1987): La economía española en el siglo XX. Una perspectiva histórica. 5ª ed. junio 1994. Barcelona: Ariel. DL B-20.098-1994. ISBN 84-344-6559-0.

Quittkat, G.; Eckardt, H.; Meldau, R.; Galle, E.; Hirsch, M.; Planck, R.; Stroer, H.J. (1942): “Instalaciones y máquinas auxiliares de las industrias transformadoras”, en Manual del Ingeniero. Tomo IV, Capítulo X, p. 643-647. Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, 2ª ed. trad. de la 26ª edición alemana. Barcelona: Gustavo Gili.

Sobrino Fagilde, Iria; Calviño Iglesias, Raimundo (2008): Arquitectura industrial en la provincia de Pontevedra. Vigo y zona de influencia (eje norte-sur) [en línea] Disponible en Internet: http://noncommon.files.wordpress.com/2012/04/00-a-indyarq_1-393_low.pdf [Acceso 11/03/2021] Vigo: Colegio Oficial de Arquitectos de Galicia.

Taboada Arceo, Antonio (1971): Galicia, estructura y ritmo socio-económicos. La Coruña: Servicio de Estudios y Publicaciones de las Cámaras Oficiales de Comercio, Industria y Navegación de Galicia. DL C-145-1971.

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 185-II Pontevedra /// Datum ETRS89: H 29 // X 529.129,76 m / Y 4.700.352,32 m

Centro Nacional de Información Geográfica (s/d): Fotototeca Digital, Instituto Geográfico Nacional, Ministerio de Fomento del Gobierno de España [en línea] Disponible en internet: http://fototeca.cnig.es/ [Acceso 11 marzo 2021].

Instituto de Estudos do Territorio (IDE) da Xunta de Galicia (s/d): Información Xeográfica de Galicia: visualizador de mapas [en liña] Dispoñible na Internet: http://mapas.xunta.es/visualizador-de-mapas [Acceso 11 marzo 2021].

Instituto Geográfico Nacional (s/d): “Mapa Topográfico Nacional 1:25.000”, en Mapas de España. Instituto Geográfico Nacional, Gobierno de España [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/buscarArtsMenu?categoria=MTN25-Mapa-Topográfico-Nacional-1:25.000 [Acceso 18 enero 2021].

Xunta de Galicia (Consellería do Medio Rural) (s/d): Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícola (SixPac): visor de mapas [en liña] Dispoñible na Internet: http://sixpac.xunta.es/visorsixpac/ [Acceso 11 marzo 2021].

Data de Actualización:

4 xullo 2021