675 Estaleiros da enseada de Broña

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: A Coruña
  • Concello: Outes
  • Parroquia: San Cosme de Outeiro
  • Lugar: Tavilo
  • Paraxe: Ribeira de Broña
  • Dirección: Non procede
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 42.80520292564881
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.931043850204462
  • Coordeadas UTM: Datum ETRS89: H 29 // X 505.631,32 m / Y 4.739.191,23 m
  • Clasificación: Construción naval
  • CNAE: 30.11 Construción de barcos e estruturas flotantes.
  • Tipoloxía: Carpintería de ribeira artesanal
  • Comarca: Noia
  • Marco Xeográfico: Ribeira esquerda do esteiro do río de Bendimón na enseada de Broña, na marxe dereita da ría de Muros e Noia.
  • Ámbito: Rural e mariñeiro
  • Acceso: Dende Santiago de Compostela dirixímonos pola autovía CG-1.5 (ou a estrada AC-543) cara a Noia, e continuaremos pola estrada AC-550 e a AC-554 cara a Muros. Ao chegarmos a redonda do entronque da AC-554 e a AC-550, enfiaremos a carreteira sinalizada que leva a Praia de Broña; uns novecentos cincuenta metros máis adiante, na man dereita da carreteira, unha senda de cincuenta metros nos leva ao vello estaleiro.

Tipo de propiedade:

Privada no dominio público marítimo terrestre

Visitable:

Exteriormente

Xestión de visitas:

Non procede

Historia:

Nunha rexión como Galicia, con extensa costa, algunhas lagoas e numerosos cursos fluviais, debe sen dúbida ser case tan antiga como a aparición do home a industria de construción e reparación de embarcacións, aínda que ata o momento só poidamos remontarnos no tempo ata o achado dunha embarcación prehistórica —a monóxila— feita do tronco oco dunha árbore e desenterrada dos lodos prehistóricos do esteiro do río Ulla.

Desde este remotísimo descubrimento, e sen dubidar de que a construción de embarcacións mantívose activa en tantos séculos escuros, a falla de máis datos obríganos a un prodixioso salto na historia, que nos leva aos albores do século XII, cando as correrías dos normandos e o zanfonear dos árabes fixeron, por fin, pensar en defenderse no mesmo elemento mariño.

Iniciada a actividade naval militar en Cantabria e Cataluña, a mariña castelá tomou en Galicia as súas primeiras naves, e contra 1122 Diego Xelmírez emprendeu a tarefa de crear a primeira escuadra galega: ordenou traer desde Arlés, Pisa e Xénova expertos en construción de barcos e homes entendidos nas prácticas do mar. Coa construción baixo a dirección do Mestre Oggiero de dúas galeras birremes nos afamados estaleiros de Iria Flavia, establécese a primeira base naval da armada galega no mar de Arousa.

O inicio do século XIV trasládanos á desembocadura do río Belelle no mar de Xubia (ría de Ferrol) para encontrar os arsenais nos que os carpinteiros de Neda construíron as naves que en 1340 ao mando do capitán Alonso Esquío combateron aos berberiscos no sur peninsular, e cuxa destacada intervención moveu á concesión por Alfonso XI de foros e privilexios á Vila de Neda.

A finais do século XV, cando os Reis Católicos confirmaron á Vila de Foz as súas franquías e inmunidades, os seus estaleiros eran dos principais de Galicia, destacando tamén nesta época os estaleiros de Pontevedra e –xa a principios do XVI– os diversos arsenais da ría ferrolá fundamentalmente ocupados na construción de galeras para a armada real.

Se xa en 1346 se documenta o transporte de vino desde Ribadeo a Brest, non é de estrañar a solvencia dos seus varadoiros, nos que tamén se reparaban as embarcacións que transportaban madeira a Andalucía e retornaban co valioso sal.

Noia é outra poboación costeira que destaca no século XVII, xunto coas xa nomeadas, pola calidade dos seus estaleiros e varadoiros.

Serían sen dúbida numerosos, ademais destes establecementos principais, os pequenos estaleiros e carpinteiros de ribeira diseminados polas praias e enseadas galegas. Recoñécese incluso como frecuente o desprazamento dos mestres y operarios de algún estaleiro para a construción das embarcacións que se demandaban en circunstanciais emprazamentos que se configuraban como varadoiros para a ocasión.

A pesca e o comercio marítimo souberon das gabarras de Viveiro; as bucetas de O Barqueiro; os barlotes de Bares; os traiñóns de Cariño; os trincados de Maniños e Barallobre; as miñotas de Miño e as sadiñas de Sada; as lanchas de Fisterra; os galeóns de Arousa; as batelas e os anguleiros de Tui; os botes, menuetas, chalupas, gamelas, chalanas, faluchos,pataches… e, por suposto, as dornas: dornas de O Son, de Castiñeiras, de O Grove…

Estaleiros de Domaio, de Baldráns, de Cangas, de Coruxo… Afortunadamente podemos recuperar a memoria de moitos deles nos traballos de Staffan Mörling ou de José María de Juan-García. Non son, sen embargo, demasiados os que hoxe sobreviven á invasión do ferro e, sobre todo, dos plásticos. Aínda estamos a tempo de fixar no recordo a pegada da maioría de eles e aínda quizá de conservar a memoria viva do traballo amoroso de algún dos que, en verbas de Antón Avilés de Taramancos, “na outra banda do mar…están a construír a torre de cristal da miña infancia”.

Dos numerosos estaleiros que houbo na ría de Muros e Noia, e máis en concreto, concentrados nas ribeiras de Outes, nas que se documentan ata trinta e seis carpintarías de ribeira de diferentes tamaños, eliximos para esta ficha, de entre os nove que houbo na enseada de Broña, o coñecido como o taller de Domingos de Andrés e tamén como o de Cipriano, o mellor conservado.

Moitas das embarcacións que se construían, de moita manga e pouco calado, empregábanse para o tráfico de produtos do campo desde A Bugalleira, A Barquiña e Broña ata Noia, aproveitando a preamar. Ademais dos labores pesqueiros e do transporte de algas para o abono dos campos, os numerosos barcos que traballaban na ría transportaban para os serradoiros e os estaleiros troncos dos montes da contorna e dos que baixaban polo río Tambre. Os postes de granito empregados para o valado das fincas eran outra mercadoría habitual.

Todos estes pequenos estaleiros da ría, chamados “talleres”, coñeceron unha grande actividade nas décadas de 1950 e 1960. Moitos deles non estaban legalizados, pero a administración pública toleraba a súa actividade pola gran demanda de embarcacións que había daquela. O desenvolvemento dos transportes terrestres no decenio de 1960 iría minguando o transporte marítimo, a necesidade de embarcacións e o traballo nos estaleiros, polo que a maioría desaparecerían.

Descrición Xeral do Entorno:

O estaleiro atópase na ribeira esquerda do esteiro do río de Bendimón na enseada de Broña, na marxe dereita da ría de Muros e Noia. O lugar, ben protexido das nordestadas e dos temporais do terceiro cuadrante (sur a suroeste), conta cun bo acceso por terra, e inda que cun calado limitado por vía marítima, adecuado para recibir a abundante madeira dos bosques próximos polo mar. Para botar a auga as embarcación de maior porte sería necesario aproveitar a preamar.

Construcción:

Contra 1940 (documentado en 1942).

Abandono:

1980.

Descrición:

Na beiramar dereita da mesma desembocadura do río de Bendimón na enseada de Broña, no paraxe coñecido como Boca da Seca, no mesmo fondo da enseada e freguesía de San Xoán de Sabardes, atopábase o taller no que traballaran varios mestres carpinteiros da familia Domínguez, alcumados os Bolato, veciños do próximo lugar de Bendimón.

Os primeiros que se teñen documentados contra 1879 (Llovo, 2016: 173) son os irmáns Domingo e Cipriano Domínguez González. Xa na seguinte xeración destaca ao fronte do estaleiro Andrés Domínguez Montes, fillo de Cipriano. Ao Andrés sucederíao o seu fillo Domingo Domínguez Filgueira, coñecido como Domingos de Andrés.

No taller construiríanse embarcacións de variado porte ata o decenio de 1920: gamelas, lanchas, botes, paquebotes, balandros de máis de 23 m de eslora e 112 toneladas, e un bergantín goleta de 32’43 m de eslora e 240’71 toneladas.

A case desaparición da tradicional navegación de cabotaxe a vela a finais do decenio de 1920 tería practicamente paralizado o estaleiro, pois desde o comezo da década de 1930, os armadores solicitaban embarcacións de máis porte e dotadas de máquina de vapor, primeiro, e de motores de combustión interna (gasóleo), despois. Os Domínguez decidirían entón erguer un novo estaleiro nun emprazamento que tivera un maior calado e permitira botar a auga con comodidade embarcacións de maior tamaño. O lugar elixido, na mesma enseada de Broña pero uns douscentos corenta metros máis afora, está na ribeira da esquerda, freguesía de San Cosme de Outeiro.

Co inevitable retraso pola Guerra Civil Española (1936-1939), o novo estaleiro estaría dispoñible no ano 1940. Sobre unha plataforma de traballo protexida por un molle litoral en forma de u, aproximadamente rectangular duns trinta e tres metros de lonxitude e un fondo variable, a continuación da rampla de varada construída no seu extremo sur, ergueuse unha edificación de planta trapezoidal, determinada polas necesidades funcionais e os condicionantes da contorna.

O espazo de maior volume é un alboio ou pendello forma rectangular de algo máis de nove metros de fronte e trinta metros de fondo, cunha altura sobre a plataforma próxima aos nove metros. A cuberta é de tella do país, sobre armadura de castiñeiro, a dúas augas e co cumio no eixe lonxitudinal. Vai configurado co eixe lonxitudinal aproximadamente perpendicular ao borde litoral, cunha orientación do levante ao poñente. No alzado do oeste leva un faldrón en beirado que cubre parte da rampla de varada.

O cuberto presenta polo lado do sueste unha construción na que se aloxaban o taller, o almacén, o serradoiro e as oficinas do estaleiro. Cara ao leste e o sur, esta edificación ten dúas fachadas portantes en forma de ele, levantadas en fábrica de cachotería de pedra, con algunha cantearía nos extremos e no esquinal. As paredes que miran ao interior do cuberto (norte e oeste) van firmemente pechadas en madeira con un entaboado vertical sostido por montantes verticais e horizontais. A cuberta é tamén de tella do país.

Este espazo de traballo vai configurado en dúas plantas. O almacén, o taller e o serradoiro van no baixo, vinculados directamente co alboio que alberga o estaleiro. Unha escaleira de madeira en dous tramos daba acceso ao andar, que acollía as oficinas da empresa, a mesa de debuxo, e un banco de carpinteiro para traballos menores. Na fachada sur do andar, ábrense senllos ocos rectangulares, pechados con cadansúa ventá, de dúas follas e vidros sobre marco de madeira.

Os pavimentos son de madeira no taller e nas oficinas, de granito na rampla, e de terra apisoada nos espazos de traballo do alboio. A meirande parte dos piares foran asentados en bases de formigón. Parte do cerramento exterior de madeira, na súa prolongación cara ao mar na fachada sur, foi substituído por unha parede de ladrillos parcialmente recebada con cemento. Arrimada polo exterior presenta unha pequena construción na que se acomodaba un motor Ayón Diesel bicilíndrico, provisto dunha correa de transmisión do xiro coa que se accionaba a serra.

Ademais do motor Ayón citado, as instalacións conservan a serra de cinta co carro, o banco de carpinteiro e pequeno material de traballo. No exterior do conxunto aínda pódense ver troncos de árbore depositados na zona intermareal para o seu curado coa auga do mar na maneira tradicional.

Do novo estaleiro sairía un balandro en 1941 e, xa en 1943 o primeiro vapor. A continuación, a motonave “Rúa”, en 1944, e a motonave “Valentina Barcia”, o barco máis grande botado neste taller, con 37’50 m de eslora e 288’43 toneladas de rexistro, rematado en 1950 e inscrito ao ano seguinte.

Do ano 1951 en diante os barcos construídos serían máis pequenos, pois os de certo tamaño facíanse xa en aceiro. Ante a caída da demanda, o titular do estaleiro nese tempo, Cipriano Domínguez Montes, marcharía a traballar en Vigo, emigrando a Venezuela en 1953. Co impulso da pesca de baixura reactivaríase a construción naval, e Cipriano regresaría ao estaleiro familiar, agora axudado polo seu fillo, Domingo Domínguez Martínez, e o seu xenro, Segundo Victorio Domínguez Santiago.

A estaleiro seguiría traballando ata finais do decenio de 1970, construíndo pequenas embarcacións, como racús e motoras (Llovo, 2016: 153). A mellora das vías de comunicación por terra e o desenvolvemento do transporte terrestre no decenio de 1960 iría en continuo detrimento do transporte marítimo, que pouco a pouco desaparecería das rías, levando tras el a meirande parte dos estaleiros tradicionais.

Os temporais de inverno, no mes de febreiro do ano 2018, derrubaron a “viseira” (o faldrón en beirado) do estaleiro, e afectaron seriamente a estabilidade da estrutura toda.

O estaleiro de Cipriano foi incluído no catálogo de bens de especial protección do Concello de Outes, e no verano do ano 2021 comezaron os traballos para a súa conservación.

Tempo de uso:

Todo o ano, normalmente baixo pedimento do armador.

Sistema de produción:

A construción do casco de madeira coas súas divisións internas, as casetas sobre cuberta e o proceso de posta á boia corresponden ao ámbito gremial da carpintería de ribeira. Cando un carpinteiro de ribeira deixa de traballar por conta doutros e establécese ao fronte do seu propio estaleiro convértese en construtor naval, e a súa responsabilidade abarca todas as actividades empresariais que implica a construción dunha embarcación.

O proceso de construción que tradicionalmente seguiron os carpinteiros de ribeira artesanais é de tipo secuencial. O barco contrátase sobre a base dunhas dimensións principais (eslora total, manga fora de forros e puntal de construción) e unha sinxela especificación de materiais, cuxa complexidade aumenta co tamaño.

O carpinteiro define a forma do casco coa elaboración da maqueta ou maqueto, un modelo a escala reducida do medio casco en madeira, ou ben, no canto de embarcacións menores, mediante a construción e o montaxe dos elementos principais (roda, codaste, unha ou varias cadernas), que sérvenlle de elementos directores para obter a superficie empregando rixideiras (junquillos).

A elaboración das pezas que van formar a estrutura comeza coa selección da madeira, e continua co trazado e o corte. O proceso construtivo, así sinxelamente descrito, remata coa montaxe a bordo e a ensamblaxe dunhas pezas coas outras. Finalmente, o coidadoso calafateado e impermeabilizado do casco debería garantir a completa estanquidade da embarcación.

Despois dos últimos retoques e o pintado do barco, chegaba o momento da verdade, a botadura da embarcación ao mar, proba real e definitiva da bondade da construción. O acto supuña sempre un gran acontecemento público e o feliz desenlace liberaba as tensións entre vivas expresións de ledicia e xúbilo.

No traballo tradicional xeralmente non se facían planos, gozando dunha ampla liberdade para definir as formas do casco e os aspectos construtivos da estrutura, respectando as dimensións principais e os escantillóns dos elementos básicos do proxecto. As montaxes mecánicas as realizaba normalmente persoal alleo ao estaleiro.

Por contra, e ademais da propia dimensión empresarial, a carpintería de ribeira industrial tiña como diferenzas significativas o feito de que traballábase sempre sobre plano e de que dispuñan de un cadro de persoal estable, levándose xeralmente a cabo as montaxes mecánicas nos seus propios talleres.

No paso da construción en madeira a construción en aceiro, os traballos van facerse sempre sobre planos, e a caldeiraría e a chapa revisten unha menor complexidade, podendo resumirse no debuxo e marcado, corte, pregado, montaxe, axuste e acabado. As unións facíanse a medio de bulóns remachados ata a xeneralización a finais do decenio de 1940 dos procesos de fusión por soldadura por arco eléctrico.

Actividades laborais:

O traballo desenvolvíase nun areal, baixo un cuberto ou, no mellor dos casos, no varadoiro dun estaleiro xa consolidado. O traballo era sempre desenvolvido por homes con cadansúa especialización: carpinteiro de ribeira, calafate, mecánico, pintor. Un deles, máis experimentado e capaz, era o responsable do deseño e trazado das formas, ademais de dirixir a construción da embarcación.

Emprego:

No momento de maior actividade traballaran seis carpinteiros de ribeira, un calafate e un mecánico.

Materias Primas:

Madeira (principalmente Pinus pinaster, o piñeiro galego), estopa e brea, cravazón, bulóns, pintura.

Produtos Elaborados:

Embarcacións de madeira de pequeno e mediano tamaño e variado porte.

Distribución e comercialización:

Rexional.

Referencias Bibliográficas:

Artime González, Anselmo (1994): La construcción de embarcaciones de madera en los astilleros de Luanco. Luanco: Museo Marítimo de Asturias. ISBN 84-86889-28-6.

Asociación Galega de Carpintaría de Ribeira (AGALCARI): Carpintería de ribeira Francisco Fra Rico [en liña] Accesible en Internet: http://agalcari.es/es/project/carpintaria-de-ribeira-francisco-fra-rico/ [Acceso 23 de agosto do 2019].

Blanco García, Jesús (2008): Guía de las embarcaciones tradicionales gallegas. Colección Mar de Fora, Vigo: Edicións Nigra Trea. DL VG-488-2009. ISBN 978-84-95364-87-6.

Carmona Badía, Xoán; Nadal Oller, Jordi (2005): El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Fernández Penedo, Iago; Fuertes Dopico, Óscar (2019): Proyecto básico de rehabilitación de astillero tradicional para uso cultural. Concello de Outes. A Coruña: Fuertes-Penedo Arquitectos.

Fernández Penedo, Iago; Fuertes Dopico, Óscar (2019): Proyecto museográfico del astillero tradicional Ciprián. Concello de Outes. A Coruña: Fuertes-Penedo Arquitectos.

Fuertes Dopico, Óscar; Fernández Madrid, Joaquín (2011): “Estudio tipológico de la construcción tradicional de astilleros en Galicia”, en S. Huerta, I. Gil Crespo, S. García, M. Taín (editores) Actas del Séptimo Congreso Nacional de Historia de la Construcción, Santiago de Compostela, 26-29 octubre 2011. Madrid: Instituto Juan de Herrera.

Fuertes Dopico, Óscar (2015): Las carpinterías de ribera en Galicia: la recuperación de sus arquitecturas. Tesis doctoral (inédita). Universidade da Coruña.

Fuertes Dopico, Óscar (2016): La arquitectura de las carpinterías de ribera en Galicia. Santiago de Compostela: Consellería del Mar de la Xunta de Galicia. DL C-1196-2016. ISBN 978-84-453-5225-0.

García Suárez, Xoán Francisco (2008): “A carpintería de ribeira e a industria naval en Outes”, en Terra de Outes, núm. 1, xaneiro 2008. Serra de Outes: Asociación Cívico Cultural Terra de Outes.

García Suárez, Xoán Francisco (2008): A carpintería de ribeira e os estaleiros no Concello de Outes. Noia: Toxosoutos. DL C-3746-2008. ISBN 978-84-96673-69-4.

Hein, H. (1942): “Arquitectura naval”, en Manual del Ingeniero, Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, trad. de la 26ª edición alemana. Barcelona: Gustavo Gili, tomo IV, capítulo I: Medios de transporte, sección I, p. 1-87.

Juan-García Aguado, José María de (2001): La carpintería de ribera en Galicia (1940-2000). 2ª ed. 2021, revisada y ampliada. Monografías núm. 95. A Coruña: Servizo de Publicacións da Universidade da Coruña. DL C-1446-2021. ISBN 978-84-9749-812-8.

Juan-García Aguado, José María de (2011): A carpintería de ribeira en Galicia (1940-2000). Cangas do Morrazo: Edicións Morgante. DL M-28444-2011. ISBN 978-84-15166-18-4.

Lara Coira, Manuel (2009): “Carpintería de ribeira”, en Galegos, número 5, I trimestre 2009, Ensenada de Ézaro, Santiago de Compostela, p. 94-97. DL VG-549-2008. ISSN 1889-2590.

Llovo Taboada, Santiago (2016): Mar de Outes: berce dos carpinteiros de ribeira galegos. Santiago de Compostela: Meubook. DL C-1310-2016. ISBN 978-84-945744-2-9.

Lorenzo Fernández, Xaquín (1962): “Etnografía: cultura material. Os oficios: Carpinteiros de ribeira”, en Ramón Otero Pedrayo (dir.) Historia de Galiza, Vol. II, p. 486-491. Buenos Aires: Editorial Nós.

Lorenzo Fernández, Xaquín (1983): Os oficios. Biblioteca Básica da Cultura Galega. Vigo: Editorial Galaxia, p. 301-305. ISBN 84-7154-425-3.

Máiz Vázquez, Bernardo; Freire Hermida, Enrique (2009): As embarcacións tradicionais: do Arco Ártabro a Ribadeo. Museo do Pobo Galego. Ferrol: Edicións Embora. DL C-387-2009. ISBN 978-84-92644-01-8.

Massó y García-Figueroa, José María (1992): Barcos en Galicia. De la prehistoria hasta hoy y del Miño al Finisterre. (2ª ed.), Pontevedra: Diputación Provincial de Pontevedra. ISBN 84-86845-7629-3.

Mörling, Staffan (1989): As embarcacións tradicionais de Galicia. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia. DL C-1237-1989. ISBN 84-453-0070-9.

Pazos Pérez, Lino José (2009): Aqueles barcos de madeira. Carpinterías de ribeira. Apuntamentos para una memoria marítima de Galicia. Pontevedra: Damaré Edicións. DL PO-392-2009. ISBN 978-84-935835-8-3.

Taboada Arceo, Antonio (1971): Galicia, estructura y ritmo socio-económicos. La Coruña: Servicio de Estudios y Publicaciones de las Cámaras Oficiales de Comercio, Industria y Navegación de Galicia. DL C-145-1971.

Xunta de Galicia (Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas) (2007-2011): Plan de Ordenación do Litoral [en línea] Disponible na Internet: http://www.xunta.es/litoral [Acceso 31 marzo 2020].

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 119-II Noia // Datum ETRS89: H 29 // X 505.631,32 m / Y 4.739.191,23 m

Centro Nacional de Información Geográfica (s/d): Fotototeca Digital, Instituto Geográfico Nacional, Ministerio de Fomento del Gobierno de España [en línea] Disponible en internet: http://fototeca.cnig.es/ [Acceso 31 marzo 2020].

Instituto de Estudos do Territorio (IDE) da Xunta de Galicia (s/d): Información Xeográfica de Galicia: visualizador de mapas [en liña] Dispoñible na Internet: http://mapas.xunta.es/visualizador-de-mapas [Acceso 31 marzo 2020].

Instituto Geográfico Nacional (s/d): “Mapa Topográfico Nacional 1:25.000”, en Mapas de España. Instituto Geográfico Nacional, Gobierno de España [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/buscarArtsMenu?categoria=MTN25-Mapa-Topográfico-Nacional-1:25.000 [Acceso 18 enero 2021].

Instituto Hidrográfico de la Marina (1964): De Cabo de la Nave a la Isla Sálvora. Océano Atlántico Norte. Costa NW de España. Carta 926, con levantamientos no datados y correcciones hasta 1976. Cádiz: Talleres del Instituto Hidrográfico de la Marina. DL CA-1427-1972.

Xunta de Galicia (Consellería do Medio Rural) (s/d): Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícola (SixPac): visor de mapas [en liña] Dispoñible na Internet: http://sixpac.xunta.es/visorsixpac/ [Acceso 31 marzo 2020].

Data de Actualización:

19 outubro 2021