677 Compañía Española de Algas Marinas (CEAMSA)

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: Pontevedra
  • Concello: O Porriño
  • Parroquia: Santiago de Pontellas
  • Lugar: As Gándaras
  • Paraxe: Polígono Industrial
  • Dirección: As Gándaras – 36418 O Porriño (Pontevedra)
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 42.12308856357065
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.626023041030878
  • Coordeadas UTM: Datum ETRS89: H 29 // X 530.913,46 m / Y 4.663.512,13 m
  • Clasificación: Industria extractiva
  • CNAE: 08.99 Outras industrias extractivas (Algas).
  • Tipoloxía: Aproveitamento industrial das algas mariñas
  • Comarca: Vigo
  • Marco Xeográfico: Marxe esquerda do río Louro no seu curso medio, nas gándaras de O Porriño.
  • Ámbito: Rural (hoxe industrial e comercial)
  • Acceso: En Vigo colleremos a autopista A-55 cara a O Porriño e Tui. No Porriño abandonaremos a autopista para dirixirnos ao polígono industrial de As Gándaras. Continuaremos cara ao sur pola avenida do polígono ata atopar, na man esquerda da avenida, as instalacións de CEAMSA.

Tipo de propiedade:

Privada

Visitable:

Exteriormente

Xestión de visitas:

Non procede

Historia:

Ademais do tradicional e eficaz estercado coas algas ou argazo, documentado dende o século XVI no Arquivo do Reino de Galicia (vid. ficha 420), e o emprego polos comerciantes para envolver e manter fresca a pesca durante o seu transporte ás vilas do interior (mesmo ata os mercados de Madrid, en 1784), a demanda de iodo na farmacoloxía e na industria química (fabricación de pinturas e de explosivos), e de xelatinas vexetais (o agar-agar, para espesar, xelificar e emulsionar) na industria alimentaria, a farmacéutica e a cosmética, déralle un novo valor á comercialización do carromeiro e outras algas, e aínda hoxe arrincanse das pedras ou recollense en portiños e praias cando son arroxadas polo mar nas marusías.

Malia a gran estima das algas na gastronomía oriental, na coquinaria europea foran sinónimo de frugalidade e pobreza, e unicamente os boticarios do século XVIII as recomendaban como eficaces purgantes. Xunto coa súa extensiva e principal utilización como abono, e a minor como envoltura da pesca, xa no século XVII as algas usábanse na industria para producir sosa, indispensable en vidrieria, xaboneria e limpeza de tecidos. Dende finais do século XVII, as Ordenanzas da Mariña regulaban en Francia a extracción das algas. A practica de extraer sosa das algas, moi extendida en Francia (en España, obtíñase principalmente da incineración das coñecidas como plantas barrileras: Salsola, Salicornia, Suaeda...), se extendio a Irlanda, Escocia e Noruega, ata que a principios do século XIX descubríronse os xacementos minerais de Stassfurt (Alemaña), que acabaron con esta industria. Ao longo do século XVIII iniciaríase tamén a fabricacion industrial de agar-agar, a partir de certas algas rodoficeas, nas costas de China e do Xapon. 

Decadas despois, o casual descubrimento do iodo en 1812 en París polo fabricante de sosa Bernard Courtois, e, sobre todo, o da súa utilidade farmacologica, feito en 1829 cando o medico xenebrino Coindet descubriu a súa eficaz acción contra o bocio, estimularía o establecemento de numerosas industrias orientadas á súa extraccion das algas. As primeiras estabeleceríanse en Cherburgo (en 1824 e 1829) e a terceira en Conquet, preto de Brest (en 1830). Non tardaron en aparecer serios competidores estranxeiros: en 1845 en Glasgow (Escocia), en Donegal (Irlanda) e noutras localidades irlandesas, escocesas, norueguesas... Co posterior descobrimento de outras aplicacións importantes do iodo na fabricación de colorantes e de explosivos, estas industrias mostráronse moi prosperas (en Europa, as algas constituían a única fonte de iodo) e en pouco tempo a industria de extracción de iodo das algas mariñas implantaríase en Rusia e Xapon.

Antonio Sáñez Reguart deixaría na súa monumental obra (1791-1795) unha interesante testemuña do emprego das algas na alimentación humana “un sinnúmero de gentes que se socorren y alimentan”, como complemento mineral na alimentación dos animais, na agricultura “una especie de pesca de mucha consideracion que consiste en las yerbas marinas”, e na industria “un mixto singular para la fábrica del vidrio, y para hacer xabon”.

O santiagués Santiago de la Iglesia y Santos, estabelecido en 1874 como médico forense en Serantes (Ferrol) e profesor de física e química na Escola de Artes e Oficios de Ferrol, establecéndose nesta cidade desde 1880, foi un dos primeiros científicos españois en apuntar as prometedoras utilidades das algas. Cara a 1883 estudiou a desecación, incineración e lixiviado de algas da contorna ferrolana, obtendo cantidades de iodo en proporcións verdadeiramente halagüeñas. Publicou no xornal local “Diario Ferrolano” diversos artigos sobre o tema e, na procura de socios interesados en participar na creación en Ferrol dunha compañía para a obtención de iodo das algas, enviou a Inglaterra os resultados das investigacións. Examinado o asunto, e entendendo que un novo centro de produción de iodo abarataría os prezos que controlaba o monopolio franco-británico, os capitalistas ingleses rexeitaron investir no negocio.

Haberá que esperar case vinte anos, ata 1901, nos principios do novo século, para que se prestase de novo atencion ás utilidades das algas mariñas; esta vez, o interese proveu do botanico madrileno Blas Lázaro Eivissa, quen publico un artigo co significativo titulo de “Algas útiles para la extracción del yodo y del bromo”, co que pretendia estimular o establecemento en España dunha industria orientada á extraccion de iodo e bromo a partir das macroalgas mariñas.

As pautas para a implantacion dunha industria fixounas o farmaceutico asturiano Fernando Suarez Fernández, quen doctorábase en 1913 na Universidade de Santiago de Compostela coa tese “Algas yodíferas del Cantábrico: valoración del yodo en las más importantes”. Ademais de definir cales son os taxones do Cantabrico que mais vantaxes ofrecen para a extraccion do iodo, describe as formas de recoleccion preferentes e os procedementos mais sinxelos e practicos para a súa extraccion.

Con todo, a obra mais completa sobre o tema débese ao geologo de Laxe Isidro Parga Pondal, quen publicaría en 1927 “El contenido en yodo de las principales algas marinas de las costas gallegas”, un estudo minucioso, que ten o aliciente de ofrecer datos moi utiles e estrategicos para o establecemento dunha industria do iodo en España e, en particular, en Galicia.

Nestes anos desenvolvéronse tamén procedementos para extraer das algas novos compostos inorganicos, como a potasa, e organicos, como os azucares, alcol metilico, acido acetico, acetona e, sobre todo, ficocoloides como a algina, a carragenina e o agar-agar. A importancia da multiplicidade de aplicacións das algas ven das fluctuacións do mercado do iodo, pois a diversificacion da produción e a optimizacion dos procedementos industriais constituian a clave para poder competir e establecerse no mercado, e asemade, a garantía da sustentabilidade do negocio.

Ademais dos estudos, e malia as dificultades derivadas do seu atraso industrial, en España xurdiron tambien algunhas iniciativas, aínda que tardias, para implantar unha industria baseada nas plantas mariñas. Durante os anos da Primeira Guerra Mundial (1914-1918), aproveitando a gran demanda derivada do conflito bélico, funcionaría en Comillas (Cantabria) unha pequena industria de obtención de iodo, e en 1927 documentábase en Avilés (Asturias) a única fábrica española dedicada á explotación de algas mariñas para a obtención de iodo. É posible que houbera algunha máis, pero todas pecharían en pouco tempo baixo a presión comercial das empresas extranxeiras.

Porén, nos anos posteriores vaise desenvolver en Santa Maria de Oza (A Coruña) unha industria de maiores expectativas orientada á industrializacion das algas, xurdida da alí instalada e que en 1932 formalizaría a súa actividade co nome de “Sociedad Española del Yodo, S.A.” (SEYSA), e que vai ser refundada en 1935 como “Explotacion de Algas, S.A” (EASA) (vid. ficha 430).

En Ribadeo estableceríase contra 1962 “Alginatos y Coloides, S.A.”, que estaría en funcionamento ata o decenio de 1990 (vid. ficha 666).

Na mesma década, Ignacio Alzueta Amunárriz, despois dun ano estudando en Noruega os procesos máis avanzados, fundaría no Porriño, en 1966, a “Compañía Española de Algas Marinas” (CEAMSA).

A actividade extractiva de algas e ceba (Zostera marina) desenvólvese hoxe en día en algunhas zonas nas que se produce unha grande acumulación das algas demandadas pola industria. De feito, España e o primeiro produtor de carromeiro (Gelidium sesquipedale) de Europa, e o segundo a nivel mundial, despois do Xapón.

Seguindo o exemplo dos asiáticos, e impulsada por cociñeiros de sona e aínda por algunha industria conserveira galega, comeza a ter tamén certa importancia a utilización da “verdura de mar” na gastronomía, xa para a preparación de ensaladas ou para acompañar como gornición doutras viandas.

A extracción e aproveitamento das algas en Galicia ven regulada na Lei 11/2008, de 3 de decembro, de pesca de Galicia. Para poder recoller as algas, fai falta solicitar un plan de explotación anual á Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia, que aproba anualmente un Plan Xeral de Explotación Marisqueira para o ano seguinte. Para o ano 2016 foi autorizada a extracción de algas a cinco empresas e a vinte confrarías de pescadores, en diferentes zonas que cobren practicamente todo o litoral, dende Ribadeo a A Guarda.

Descrición Xeral do Entorno:

As algas recóllense naquelas zonas nas que, polas particularidades da costa, os ventos dominantes e o movemento das augas, tense unha mellor produtividade ao producirse unha grande acumulación, xa sexa flotante ou depositada nas rochas e praias.

Para o seu procesado industrial, trasladanse as instalacións da empresa no Polígono Industrial de O Porriño, na marxe esquerda do río Louro no seu curso medio. O polígono conta con bos accesos por estrada e autopista, ademais dun apartadoiro para a conexión directa coas liñas ferroviarias.

Construcción:

1966. No ano 2008, unha nova fábrica nas Filipinas para o acopio de materia prima.

Abandono:

No ano 2021 continúa en funcionamento e expansión internacional.

Descrición:

No seu monumental traballo, deixou Antonio Sáñez (1791-1795) anotada a importancia do tradicional e eficaz estercado coas algas ou argazo nas costas de Galicia (vid. ficha 420) e os problemas derivados da carencia dunha normativa para a recollida das algas e a ceba, labor cuxa única limitación era que a colleita respectase os límites das parroquias. A contía dos numerosos pleitos por este asunto habidos nos séculos XVI e XVII (conservados entre os documentos da Real Audiencia de Galicia) deixa clara a gran demanda deste prezado recurso mariño entre os labregos “para estercolar sus veredades y huertas con la xebra y argazo que sale de la mar” e cuxos excedentes adoitaban vender a aldeas e feligresías veciñas.

No sendo esta en modo algún unha actividade marxinal, senón que aportaba un valioso recurso aos labregos das poboacións costeiras, a demanda xurdida dende o segundo decenio do século XIX na industria farmacéutica, química, alimentaria e cosmética, darialle un novo valor á comercialización da ceba e as algas, que aínda hoxe recollense en portiños e praias cando son arroxadas polo mar nas marusías e mesmo arrincanse das pedras no seu tempo cando así o exixen os compradores por razóns de calidade.

As cifras que recollera Dosil no seu traballo (2007, p. 276) do peso e o número de persoas dedicadas á extracción de algas e ceba (xebra, zostera) no ano 1920 na costa cantábrica galega dan idea da importancia do recurso recollido nos diferentes portos: San Ciprián, 4.000 toneladas, 400 homes e 600 mulleres; Rinlo, 3.700 toneladas, 200 homes e 400 mulleres; Foz, 800 toneladas, 300 homes e 100 mulleres; Viveiro, 600 toneladas, 300 homes e 300 mulleres; Espasante, 250 toneladas, 30 homes e 30 mulleres; O Barqueiro, 150 toneladas, 100 homes e 200 mulleres; Cariño, 150 toneladas, 25 homes e 75 mulleres; Burela, co único dato de 50 mulleres argaceiras. Na ría de Ribadeo figura o porto asturiano de Figueiras con 750 toneladas e 100 homes e outras tantas mulleres dedicadas a esta actividade.

No canto da industrialización das algas como materia prima, a Gaceta de Madrid do 20 de agosto de 1932 publicaba a solicitude da “Sociedad Española del Yodo, S.A.” (SEYSA) para “practicar en todo el litoral de Asturias y Galicia la siega de algas y su quemazón en los hornos instalados en las playas que a tal objeto sirvan”, actividades que a peticionaria admitía vir realizando sen dificultade algunha nunhas instalacións construídas no lugar de As Xubias de Abaixo, na parroquia coruñesa de Santa María de Oza (vid. ficha 430).

Trinta anos despois, en xuño de 1962, o Ministerio de Industria do Goberno de España autorizaba á compañía «Alginatos y Coloides, S. A.», para a instalación dunha nova industria de fabricación de alginatos en Ribadeo. A nova empresa instalaríase na Vilavella, e deixaría de traballar na década de 1990 (vid. ficha 666).

Por Orde do 4 de maio de 1963, do Ministerio de Comercio do Goberno de España, autorizábase a don Ignacio Alzueta Amunárriz a recollida de algas e argazos do xénero Laminaria no litoral do Distrito Marítimo de Sanxenxo (Vigo) (sic), nunha contía de quince toneladas anuais. Serían os comezos dunha empresa que é hoxe lider mundial na producción do xelificante natural que se extrae das algas roxas, o carragenano (identificado na Unión Europea como o aditivo E-407).

O químico donostiarra Ignacio Alzueta Amunárriz procedía dunha familia dedicada en Amézketa (Guipúzcoa) a producción de pasta de papel, papel de diferentes calidades e produtos de papel (bolsas), a “Papelera de Aralar”, establecida en 1936. Despois de pasar uns anos en Noruega coñecendo as investigacións sobre o aproveitamento das algas, Alzueta decidiría crear unha empresa con tal propósito. Sabendo a abundancia das algas roxas nas costas galegas, en 1966 fundaría a “Compañía Española de Algas Marinas” (CEAMSA), establecendo a fábrica no Porriño.

Inicialmente, os aprovisonamentos das algas virían principalmente das veciñanzas de Baiona e Oia, de cuxas costas sairían toneladas de carrapicho e de xerez, cantidades que pese a súa importante cuantía non tardarían moito tempo en mostrarse insuficientes para as crecentes necesidades de materia prima de nova industria porriñesa. Hoxe en día, CEAMSA importa o noventa e cinco por cento da materia prima, principalmente das costas de Xapón e Filipinas.

A empresa, cun departamento de investigación propio que pon ademais ao dispor dos seus clientes, exporta o noventa por cento da súa produción de hidrocoloides naturais, carroxenina, pectina, fibra, alxinato, e goma garrofín, de gran demanda na industria química, farmacéutica, cosmética e alimentaria.

Tempo de uso:

Todo o ano, nas instalacións industriais. Na extracción, principalmente dende finais de maio a outubro, adaptándose aos períodos de arribazóns nos que o mar leva cara a terra máis algas.

Sistema de produción:

As algas comezan a aparecer en xaneiro e febreiro, chegando ao máximo desenvolvemento en xullo e agosto, coa ocorrencia entre maio e outubro das arribazóns da meirande densidade, sendo o tempo máis propicio para a colleita.

O argazo apañábase nas pedras costeiras, praias e furnas. As algas recollíanse con angazos, entre as penedas da costa, nas praias onde as bota a marea ou nas furnas nas que se amorean (por exemplo, na Furna da Baleeira, en Laxe, ou na Pena Furada, en Loiba, Ortigueira, entre outras moitas localizacións). Apañábanse tamén no mar, dende unha embarcación pequena. As modalidades de recollida hoxe en día son a pé, mergullo en apnea e mergullo con subministro de aire dende a superficie.

Cando a costa era pouco accesible dende terra, os argaceiros achegábanse coas gamelas na baixamar e rozaban con fouces nas pedras, rochas e cons, apañando tamén co arrastrón nas zonas somerxidas. Descargaban despois nos peiraos, nas pedras ou nas praias e carrexábase con cestos, cabalerías ou carros fora do alcance da marea e das ondas, formando bardas para deixalo escorrer e secar estendido ou en montiños no tendal. Así amoreado, déixanse algún tempo ao ar para que tamén a chuvia lles lavara o salitre.

Escorrido ou medio seco, tirábase o argazo das bardas con trueiros, cavóns e ganchas, e botábase dentro do carro ou en cestos para levalo ás leiras e botalo nas herdades como abono. O argazo seco tamén enrolábase en mollos e vendíase por feixes ou rolos aos labregos. Os mollos xa secos e ben apiñados, tamén gardábanse en cabanóns, e tíñanse á venda todo o ano. Cabalos, burros e bois eran a forza motriz para levar ou tirar das cargas, até que na década de 1950 chegaron os primeiros camións e camionetas, e anos máis tarde, os tractores.

De destinarse a colleita a usos fabrís nos tempos do iodo, as algas que se recollían nos diferentes lugares da costa deixábanse escorregar e secar antes de incineralas nalgún dos fornos que tiña a empresa distribuidos en diferentes puntos da costa galega e asturiana. As cinzas apañadas nos diferentes fornos trasladábanse as instalacións centrais para o seu procesado cara a obtención dos diferentes produtos. Noutros casos, a colleita trasladabase aos carros, vehículos e embarcacións que a transportaban ata a fábrica.

O proceso típico para a obtención de iodo e potasa consistía nunha reacción na que se lle engadía ácido sulfúrico as cinzas, co que o ioduro potásico contido nas cinzas reaccionaba para producir sulfato potásico e ioduro de hidróxeno. Tratando o ioduro de hidróxeno con ácido nitroso obtíñase óxido nítrico, auga e iodo, que separábase por decantación. O interese na extracción de iodo e potasa das algas foi minguando ao mesmo tempo que medraba o da obtención de ficocoloides (compostos polisacáridos con propiedades espesantes, xelificantes e emulsionantes) como a carraxenina, o agar-agar, ou os alxinatos, para a industria alimentaria.

Os alxinatos extraense tratando as algas pardas (feofíceas) cunha solución de ácido clorhídrico diluido a pH 4, engadindo seguidamente unha solución de carbonato sódico ata alcalinizar a mestura ata un pH 10. Ao quentar a mestura a 80 ?C obtenser unha pasta que, unha vez diluída, permitirá obter o alxinato eliminando da mestura as partículas insolubles con un filtro rotatorio de vacío.

O agar, ou agar-agar, pódese obter de diferentes tipos de alga, variando tamén o proceso extractivo aplicado, que comeza en calquera caso co lavado das algas con auga doce para eliminar impurezas. A continuación iníciase a extracción aplicando auga a presión a temperaturas entre 50 e 80 ?C, eliminando despois a auga cun sinxelo escorregado da solución resultante. A separación final do agar faise por conxelación e posterior desconxelación. O proceso remata cun secado ata deixar o agar cun 20% de humidade residual, terminando o produto para o mercado como finas tiras, escamas o po.

Os carraxenatos extráense das algas rubias (rodofitas), particularmente do carrapucho (Chondrus crispus). O proceso comeza coa trituración e maceración das algas en auga quente alcalinizada, separándose despois os insolubles cun filtrado en quente. O carraxenano coagulase engadindo ao filtrado un alcohol, isopropanol adoito. O proceso finaliza cun secado entre 40 e 60 ?C e valeiro parcial, ata obter un extracto seco cun 10% de humidade.

Actividades laborais:

Man de obra principalmente feminina nas colleitas a pé e principalmente masculina nas feitas a flote. Man de obra masculina no transporte a fábrica e no proceso produtivo. O número de persoas na actividade tradicional é dificilmente avaliable, ao ser un traballo esporádico e de temporada que, por outra banda, ten sido abandonado en moitos lugares polo emprego de fertilizantes artificiais. A produción oriéntase hoxe en día á industria.

Emprego:

A fábrica, que comezara cunha decena de empregados, conta hoxe en día cuns douscentos cincuenta traballadores na fábrica de O Porriño, máis un cento de empregados na factoría que dende o ano 2008 ten en Filipinas. A este emprego básico habería que engadir un número indeterminado de homes e mulleres traballando estacionalmente na recoleción das algas, fundamentalmente nas costas de Xapon e de Filipinas.

Materias Primas:

Algas rubias (rodifíceas), como o carrumeiro ou xerés (Gelidium sesquipedale), para a produción do agar, e o carrapicho (Chondrus crispus), para a obtención de carraxenatos; algas pardas (feofíceas), como o canouco ou cinchón (Laminaria hyperborea), para abono, alimentación animal e humana, e obtención de alxinatos; e algas verdes (clorofíceas), como o golfo ou leituga de mar (Ulva rigida), para abono e na alimentación animal e humana.

Produtos Elaborados:

Hidrocoloides naturais, carroxenina, pectina, fibra, alxinato, e goma garrofín para a industria química, farmacéutica, cosmética e alimentaria.

Distribución e comercialización:

Internacional.

Referencias Bibliográficas:

Aragón, Cristina; Iturrioz, Cristina (2016): Papelera de Aralar. Fundación Antonio Aranzábal y Deusto Business School [en línea] Disponible en https://www.fundacionaranzabal.org/wp-content/uploads/2016/05/ARALAR-2015-VERSION-DEFINITIVA-MAQUETADA.pdf [Acceso 04/11/2021].

Bárbara Criado, Ignacio M.; Cremades Ugarte, Javier (1987): Guía de las algas del litoral gallego, Francisco Armesto Ramón (coord.). Casa de las Ciencias. La Coruña: Ayuntamiento de La Coruña. DL C-556-1987.

Dosil Mancilla, Francisco Javier (2007): Los albores de la botánica marina española (1814-1939). Madrid: Consejo Superior de Investigaciones Científicas. DL 9061-2007. ISBN 978-84-00-08518-6.

España, Ministerio de Industria (1962): Resolución de la Dirección General de Industria por la que se autoriza a «Alginatos y Coloides, S. A.» (en constitución), para la instalación de una nueva industria de fabricación de alginatos en Ribadeo (Lugo). Boletín Oficial del Estado, núm. 153, de 27 de junio de 1962, p. 9016 a 9017.

España, Ministerio de Comercio (1963): Orden de 4 de mayo de 1963 por la que se autoriza a don Ignacio Alzueta Amunárriz la recogida de algas y argazos en el litoral del Distrito Marítimo de Sanjenjo (Vigo). Boletín Oficial del Estado núm. 119, de 18 de mayo de 1963, p. 8240 a 8240.

Graells y de la Agüera, Mariano de la Paz (1870): Exploración científica de las costas del Departamento Marítimo de Ferrol. Madrid: Establecimiento Tipográfico de T. Fortanet [en línea] Disponible en http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es/gl/consulta/registro.cmd?id=4847 [Acceso 12 marzo 2015].

Lado Alvela, Juan Ventura; Blanco Martínez, Patricia (2016): “La recogida de algas complementa muchas economías en la comarca”, La Voz de Galicia, Ed. Carballo, 6 de junio del 2016. ISSN 1888-5136.

Lorenzo Fernández, Xaquín (1962): “Etnografía: cultura material. A terra: Estrume e esterco”, en Ramón Otero Pedrayo (dir.) Historia de Galiza, vol. II, O home-II, p. 185-188. Buenos Aires: Editorial Nós.

Lorenzo Fernández, Xaquín (1962): “Etnografía: cultura material. Os produtos do mar: Olgas”, en Ramón Otero Pedrayo (dir.) Historia de Galiza, vol. II, O home-II, p. 412. Buenos Aires: Editorial Nós.

Lorenzo Fernández, Xaquín (1982): “Estrume e esterco”, en A terra, p. 24-30. Biblioteca Básica da Cultura Galega. Vigo: Editorial Galaxia. DL VG-283-1982. ISBN 84-7154-407-5.

Lorenzo Fernández, Xaquín (1982): “Olgas”,en O mar e os ríos, p. 119. Biblioteca Básica da Cultura Galega. Vigo: Editorial Galaxia. DL VG-425-1982. ISBN 84-7154-421-0.

Menéndez Valderrey, J.L.; Fernández Martínez, R.R. (s/d): “Usos y aplicaciones de las algas”, en Asturnatura, núm. 10 [en línea] https://www.asturnatura.com/algas/usos-propiedades-algas.html [Acceso 15/06/2021].

Molinari, Hector (1920): Química general y aplicada a la industria. Tomo I: Química inorgánica: Generalidades y metaloides; tomo II: Química inorgánica: Metales; tomo III: Química orgánica. Versión española de José Estalella, 2ª ed. con arreglo a la 4ª ed. italiana. Barcelona: Gustavo Gili.

Sáñez Reguart, Antonio (1791-1795): Diccionario Histórico de los Artes de la Pesca Nacional (Cinco tomos). Madrid: Imprenta de la viuda de Don Joaquin Ibarra, 1791-1795. Reedición de 1988, Madrid: Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación. Edición facsimíl del 2009, Valladolid: Editorial Maxtor. DL VA-503-2009. ISBN 84-9761-600-6.

Taboada Arceo, Antonio (1971): Galicia, estructura y ritmo socio-económicos. La Coruña: Servicio de Estudios y Publicaciones de las Cámaras Oficiales de Comercio, Industria y Navegación de Galicia. DL C-145-1971.

Urgorri Serantes, Antía (2016): “Los vecinos de Loiba recogieron este mes más de ocho toneladas de algas”, La Voz de Galicia, Ed. Ferrol, 10 de agosto del 2008. ISSN 1888-5136 [en liña] Dispoñible na Internet: http:// www.lavozdegalicia.es/ferrol/2008/08/10/0003_7049777.htm [Acceso 18 novembro 2016].

Uris Guisantes, José Antonio (s/d): “Patrimonio, arquivo e documentación. Anacos de historia. Argazos”, en Galicia Suroeste [en liña] Dispoñible na Internet: http://www.galiciasuroeste.info/varios/anacos.htm [Acceso 7 novembro 2015].

Veiga Villar, Alfredo José (1999): Caracterización de la flora y vegetación bentónica marina intermareal y de su riqueza en recursos explotables en las Rías Baixas gallega (NO. Península Ibérica), Tesis doctoral dirigida por Ignacio Bárbara Criado y Javier Cremades Ugarte, A Coruña: Departamento de Bioloxía Animal, Bioloxía Vexetal e Ecoloxía da Universidade da Coruña. ISBN 978-84-692-8960-0 [en liña] Dispoñible na Internet: http://ruc.udc.es/dspace/handle/2183/5603 [Acceso 7 novembro 2015].

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 261-II O Porriño /// Datum ETRS89: H 29 // X 530.913,46 m / Y 4.663.512,13 m

Centro Nacional de Información Geográfica (s/d): Fotototeca Digital, Instituto Geográfico Nacional, Ministerio de Fomento del Gobierno de España [en línea] Disponible en internet: http://fototeca.cnig.es/ [Acceso 25 junio 2017].

Instituto de Estudos do Territorio (IDE) da Xunta de Galicia (s/d): Información Xeográfica de Galicia: visor de mapas [en liña] Dispoñible na Internet: http://mapas.xunta.es/visualizador-de-mapas [Acceso 23 agosto 2019].

Instituto Geográfico Nacional (s/d): “Mapa Topográfico Nacional 1:25.000”, en Mapas de España. Instituto Geográfico Nacional, Gobierno de España [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/buscarArtsMenu?categoria=MTN25-Mapa-Topográfico-Nacional-1:25.000 [Acceso 27 marzo 2021].

Xunta de Galicia (Consellería do Medio Rural): Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícola (SixPac): visor de mapas [en liña] Dispoñible na Internet: http://sixpac.xunta.es/visorsixpac/ [Acceso 23 agosto 2019].

Data de Actualización:

4 novembro 2021