678 Fertilizantes de Iberia (FERTIBERIA)

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: A Coruña
  • Concello: A Coruña
  • Parroquia: San Vicente de Elviña
  • Lugar: Elviña
  • Paraxe: Lagar de Castro
  • Dirección: Non procede
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 43.33345590270488
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.409912096282953
  • Coordeadas UTM: Datum ETRS89: H 29 // X 547.860,85 m / Y 4.798.015,23 m
  • Clasificación: Industria química
  • CNAE: 20.14 Fabricación de produtos básicos de química orgánica. 20.15 Fabricación de fertilizantes e compostos nitroxenados.
  • Tipoloxía: Fabricación de produtos básicos de química orgánica, fertilizantes e compostos nitroxenados.
  • Comarca: A Coruña
  • Marco Xeográfico: Val de San Vicente de Elviña, na aba nordeste do Monte do Castro
  • Ámbito: Rural (hoxe universitario)
  • Acceso: En A Coruña dirixímonos ao Campus Universitario de Elviña e localizamos alí a Escola Superior de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos, que xunto coa Facultade de Informática e o Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC) e as instalacións deportivas, ocupa os terreos nos que estiveran as instalacións de FERTIBERIA.

Tipo de propiedade:

Pública (universitaria).

Visitable:

Non hai pegada algunha do que foran instalacións fabrís.

Xestión de visitas:

Non procede

Historia:

Non sabemos en que momento de ese amplo espazo temporal que chamamos neolítico (8.500 a.C. a 2.500 a.C.), cando xorden as actividades agrícolas, as comunidades primitivas aprenden a mellorar a produtividade da terra por medio do estercado, empregando restos vexetais, animais e minerais da súa contorna ou dos mesmos refugallos da súa alimentación. Desta maneira, desde os tempos máis remotos, o potasio das cinzas, o nitróxeno das dexeccións animais e humanas, e o fosfato dos ósos incorporábanse empiricamente aos solos.

O esterco é o elemento fertilizante por excelencia, que repón nas herdades as substancias químicas que as fan aptas para os cultivos e que van minguando e esgotando co mesmo aproveitamento do que se cultiva. O esterco pode ser de moitas castes, sendo o principal o que se fai a base de estrume, o conxunto de vexetais co que se cubría o chan das cortes, e tamén dos patios e rúas diante das casas.

Estércase tamén coa borralla da lareira e do forno e, nas beiramares, coas algas, escamas de peixe (escamallo), cabeza, tripas e aletas de peixe (galdrucho), cangrexos pequenos (patexo) e cunchas machucadas de ameixas e mexillóns. Nos tempos en que tiñan pouco valor comercial, estercábase tamén co mexillón enteiro e mesmo con percebes.

No mar atópanse especies vexetais que dende sempre foron empregadas nas labores agrícolas, as algas ou argazo, tamén chamadas “esterco do mar”, que no tradicional e eficaz estercado déixanse podrecer para abonar os campos co seu aporte de minerais, documentado dende o século XVI no Arquivo do Reino de Galicia (vid. ficha 420).

O coñecemento do ciclo vital dos vexetais e o desenvolvemento da química, permitirían a elaboración de materiais –chamados abonos ou fertilizantes– cuxa función principal é a de proporcionar elementos nutrientes ás plantas. Estas substancias, que poden ser tanto orgánicas como inorgánicas, conteñen nutrientes en formas asimilables polos vexetais, co fin de manter ou incrementar o contido destes elementos no solo, mellorar a calidade do substrato a nivel nutricional, ou estimular o crecemento vexetativo das plantas.

Os vexetais sintetizan do seu entorno todo aquelo que precisan para vivir, para o que, xunto co aire e a auga, requiren que apenas unha ducia de elementos químicos estean presentes nunha forma que eles podan absorber. Nalgúns casos, son varias as formas en que un certo elemento pode ser absorbido e asimilado polas plantas; o nitróxeno, por exemplo, pode presentarse como urea, nitratos, amoníaco ou compostos amoniacais.

Os fertilizantes clasifícanse en catro grupos: macro nutrientes esenciais primarios (nitróxeno, fósforo, potasio), macro nutrientes esenciais secundarios (calcio, magnesio, xofre), macro nutrientes non esenciais (carbono, hidróxeno, oxíxeno), e micro nutrientes (ferro, cinc, cobre, manganeso, molibdeno, níquel, boro, cloro).

O esgotamento das terras obrigaba aos agricultores ao seu abandono para asentar os cultivos en terras virxes. O coñecemento da fertilización evolucionaría desde o estercado dos romanos para “quentar a terra” ata o establecemento no século VIII dun réxime de rotacións dos cultivos que introducía a tempada de descanso da terra de labor (o barbeito) e o cultivo de leguminosas (que asimilan o nitróxeno do aire) para o aporte de nitróxeno aos solos.

Como resultado dunha expedición científica pola América do Sur e Centro América desenvolvida entre 1799 e 1804, o naturalista alemán Alexander Von Humboldt coñecería nas costas do Pacífico o guano, un abono xa empregado polos quechuas e outras poboacións americanas anteriores á chegada dos españois. Humboldt daría a coñecer en Europa o valor como fertilizante de calidade dese substrato, resultante da acumulación masiva de excrementos de aves mariñas, cun elevado contido en nitróxeno, fósforo e potasio e acumulado en illas e zonas costeiras en enormes depósitos, algúns xa fosilizados de ata corenta metros de altura, o “guano do Perú”.

Tamén intemporal viña sendo o uso do salitre como fertilizante dos solos polas culturas indíxenas prehispánicas. O salitre, unha sal abundante no deserto de Atacama, mestura de nitrato de potasio (KNO3) e nitrato de sodio (NaNO3) enriquecida con cloruro de sodio, xeso e outras sales, e que contiña gran cantidade de nitróxeno, inicialmente empregado polos españois para fabricar pólvora, pronto sería coñecido como un abono mineral de calidade co nome de “nitrato de Chile”. Desde 1840, o “guano do Perú” e o “nitrato de Chile” serían exportados a todo o mundo para o aporte de fertilizantes aos solos. A síntese do amoníaco, patentada en Alemaña en 1908 por Fritz Haber e desenvolvida comercialmente por Carl Bosch, permitiría o uso xeneralizado do nitróxeno na agricultura ao poder subministrar aos agricultores europeos un abono máis barato que o guano e o nitrato.

En 1842 John Bennet Lawes patentaba no Reino Unido a fabricación dun superfosfato polo tratamento con ácido sulfúrico de ósos calcinados e fosfatos naturais, iniciando así a industria de abonos artificiais e, coa doazón en 1889 de recursos económicos para estación experimental de Rothamsted, establecendo nas súas propiedades as instalacións de investigación agrícola máis antigas do mundo, aínda en funcionamento. O aproveitamento comercial desde 1860 das minas de potasio de Stassfurt (Alemaña) completaría a tríade NPK (nitróxeno, fósforo, potasio) dos abonos esenciais primarios.

Unha fertilización racional conxuga a utilización de fertilizantes orgánicos, que melloran as propiedades físico químicas dos solos e a súa actividade biolóxica, e de fertilizantes minerais, que completan aos orgánicos ao aportar a meirande parte dos nutrientes que precisan as plantas.

As importacións de guano e nitrato de Chile comezarían na segunda metade do século XIX en Galicia a complementar eficazmente o tradicional estercado das terras de labor (vid. ficha 420) e as algo máis novas emendas aportadas polas seculares caleiras para corrixir a acidez dos solos (vid. fichas 543 e 591, por exemplo).

O novo século arrancaría coa construción en 1900 dunha fábrica de cal vivo baixo a razón social “Caleros del Sil de Marcelino Suárez González”, que o empresario asturiano convertería despois en “Caleras de Valdeorras” (vid. ficha 463), unhas instalacións produtivas de dimensión claramente industrial e que sería seguida por outras de máis modestos tamaños, como “Caleras del Ulla” (1923, vid. ficha 326), “Caleras del Lérez”, “Caleras de Tragove” ou, xa en 1966, pola notable fábrica “Calizas y Fertilizantes del Noroeste, S.A.” (CALFENSA), a única que sobrevive hoxe en día.

A introdución dos fertilizantes artificiais en Galicia culminaría a finais de 1931 coa inauguración no Burgo (Culleredo) da fábrica construída pola barcelonesa “Sociedad Anónima Cros” para producir superfosfatos de cal, fertilizante de uso xeralizado en Galicia dende os comezos do século XX, para a súa venda no mercado agrícola galego, ampliando posteriormente o abano coa produción de diversos produtos químicos para a industria (vid. ficha 194).

En 1941 comezarían uns contactos que callarían dez anos despois coa construción en Campañó (Pontevedra) dunha fábrica de fertilizantes fosfatados para a empresa “Productos Químicos Ibéricos” (PROQUIBER), que sería coñecida como “a Cros de Pontevedra” e complementaría a produción da fábrica coruñesa para abastecer ao sur da rexión (vid. ficha 670).

En As Pontes de García Rodríguez, a “Empresa Nacional Calvo Sotelo de Combustible Líquidos y Lubricantes” (ENCASO) iniciaría en 1950 a construción da fábrica de fertilizantes nitroxenados que comezaría no mes de setembro de 1959 a comercialización de nitrato amónico cálcico co nome de “Nitramón” (vid. ficha 578). As instalacións de fabricación de abonos da ENCASO pasarían en 1973 aos activos da recentemente creada “Empresa Nacional de Fertilizantes” (ENFERSA).

A oferta galega de fertilizantes completaríase en 1962 coa creación de «Fertilizantes de Iberia» (FERTIBERIA) e a autorización para a construción de tres plantas destinadas á produción de abonos nitroxenados en Coruña, Huelva e Castellón. A nova fábrica coruñesa de abonos edificaríase no barrio de Elviña, na periferia sur da cidade (vid. ficha 678).

Trala crise enerxética do decenio de 1970 e a agraria do de 1980, a posterior evolución na elaboración de fertilizantes orientaríase á adquisición como materias primas de produtos fabricados por terceiros, que serían combinados, mesturados e envasados para ofrecer aos agricultores e gandeiros un produto final o máis axustado posible as súas necesidades e as características específicas dos terreos nos que serían botados.

O exemplo máis recente é o da planta de elaboración de fertilizantes inaugurada no ano 2015 pola cooperativa DELAGRO, resultado da integración iniciada en 1994 e rematada no 2005 de máis de corenta e seis cooperativas agrarias das comunidades autónomas de Asturias, Cantabria e Galicia que contan cun total de máis de dezasete mil socios con actividade agraria.

A planta de DELAGRO, edificada no polígono industrial de Penapurreira, en As Pontes de García Rodríguez, ten unha capacidade operativa anual que supera as cincuenta mil toneladas, e que pode ofertar máis de trescentas diferentes fórmulas de fertilización, que inclúen desde os complexos xenéricos e nitroxenados estándares ata os abonos adaptados ás necesidades específicas do demandante, á época do ano de aplicación e o tipo de manexo que utiliza o agricultor, abonos que se elaboran a partir das premisas específicas preparadas polos técnicos das cooperativas.

Descrición Xeral do Entorno:

A fábrica edificouse no vizoso val de San Vicente de Elviña, na aba nordeste do Monte do Castro, unha ampla zona chan dedicada a cultivos agrícolas, con bo acceso por carreteira e favorecida pola proximidade da vía de ferrocarril, da que derivaríase un ramal ata as instalacións fabrís.

Construcción:

Comezou en 1963, iniciándose a produción en 1966.

Abandono:

Pecharía en 1983, sen chegar a entrar nos plans de reconversión do sector. As instalacións foron derrubadas en 1991, na preparación da primeira fase de urbanización trala cesión dos terreos a Universidade da Coruña como parte do futuro campus universitario.

Descrición:

No ronsel da compañía “Fertilizantes Nitrogenados Nacionales, S.A.” (FENINA), creada en 1960 para a prestación de servizos de investigación e estudos encamiñados a impulsar, mellorar e fomentar a produción e utilización de fertilizantes, especialmente dos nitroxenados, no ano 1961 constituíase como sociedade promotora a “Compañía Organizadora de Fertilizantes de Iberia, S.A.” (COFERTIBERIA), que a finais de 1962 cambiaría o nome polo de “Fertilizantes de Iberia, S.A.” (FERTIBERIA).

Na creación de FERTIBERIA participaron o Banco de Bilbao, a Gulf Oil Corporation e a International Development & Investment Company. O obxecto social contemplaba a construción de tres fábricas de fertilizantes, na Coruña, Huelva e Castellón. O goberno imporíalle a condición de utilizar nas plantas de abonos nitroxenados previstas en Huelva e Castellón o amoníaco que a empresa fabricaría na planta de A Coruña. A tal fin, FERTIBERIA decidiría utilizar o transporte marítimo, e crearía en 1963 “Marítima de Fertilizantes” (FERTIMAR), participada ao 50% por “Marítima del Norte”, que sería a que se ocuparía da explotación da nova navieira.

FERTIMAR armaría para o transporte do amoníaco o buque “Deneb”, que sería o primeiro da súa clase deseñado e construído en España para o transporte de fluídos a temperatura crioxénica. O novidoso transporte contaría con tres tanques crioxénicos horizontais, illados con poliuretano e cunha capacidade total de 4.249 metros cúbicos. Unha planta crioxénica mantiña temperaturas de ata corenta graos centígrados baixo cero, mentres que seis bombas garantían o transvase de cento metros cúbicos por hora de amoníaco anhidro licuado a -32 ?C e presión atmosférica. O “Deneb” navegaría entre Castellón, Huelva, Sevilla e A Coruña, e faría tamén viaxes a portos industriais de Francia, Gran Bretaña, Irlanda, Holanda, Portugal, Libia, Italia e Grecia.

A Comisión Provincial Delegada de Saneamento da Coruña, por acordo de 25 de novembro de 1974, prohibiu a empresa a utilización dos depósitos de amoníaco construídos na zona portuaria de San Diego, ordenando o seu baleirado e non admitindo novas descargas de buques neles, por considerar que supoñían un perigo grave para as instalacións portuarias e a cidade da Coruña, dados os efectos aditivos que se producirían en caso de accidente, incendio o sabotaxe, pola proximidade de depósitos de combustible e os efectos tóxicos dos vapores de amoníaco.

FERTIBERIA crecería vinculada principalmente ao desenvolvemento no decenio de 1960 do Polo Químico de Huelva. Cunha participación no capital do grupo industrial “Explosivos Río Tinto” (ERT) que acadaría o 50%, o mesmo que outras filiais do grupo, integraríase en 1989 no holding ERCROS, formado por ERT e a Sociedade Anónima Cros (vid. ficha 194).

ERCROS procedería a reestruturación da división de fertilizantes, creándose Fesa-Enfersa. A cuantiosa débeda acumulada faría que o grupo ERCROS e as súas filiais declaráranse en suspensión de pagos en 1992. Xa en 1995 o grupo Villar Mir faríase co control dos activos de Fesa-Enfersa e procedería a nova fundación de FERTIBERIA, na que integraría as compañías Sefanitro (1996), Química del Estroncio (2006) e Fercampo (2012), pechando algunhas fábricas (Cartagena, Sevilla e Baracaldo, nos anos 2003 e 2004) e creando novas filiais en diversas áreas, converténdose na principal empresa española de fertilizantes, con centros de produción en Huelva, Palos de la Frontera, Puertollano, Sagunto e Avilés e presencia en Francia e Portugal.

Na procura de liquidez, o grupo Villar Mir chegaría no verano do ano 2019 a un acordo co grupo xermano-sueco Triton Partners, un fondo de investimento especializado na creación de valor nas súas compañías, que fíxose co control de FERTIBERIA no mes de febreiro do 2020.

As instalacións de FERTIBERIA n’A Coruña foran autorizadas por Resolución da Dirección Xeral de Industria do Goberno de España de 28 de xuño de 1962 e por Decretos do 2 de maio de 1963 (declaración de interese nacional) e do 10 de agosto de 1963 (declaración de ocupación urxente), ademais da Resolución da Delegación de Industria da Coruña do 20 de febreiro de 1964 para a expropiación dos terreos necesarios para a construción da carreteira de acceso desde a avenida de Alfonso Molina ata a factoría de Elviña. O total de terreos expropiados para a fábrica e os accesos acadaría os cento cinco mil seiscentos metros cadrados.

Rematadas as obras, en 1966 comezou en Elviña a produción de amoníaco e abono nitroxenado a base de urea. O proceso partía da utilización como materia prima da nafta (fracción máis lixeira das gasolinas obtidas na destilación do petróleo) producida na refinería coruñesa de PETROLIBER. O encarecemento do petróleo tralas crises mundiais de 1973 e 1979, afectaría seriamente a viabilidade da fábrica de FERTIBERIA pola repercusión nos prezos do amoníaco. Xurdirían novas empresas de fertilizantes que no canto dos derivados do petróleo, utilizarían a hulla e o coque das industrias siderúrxicas e das centrais termoeléctricas na produción de abonos nitroxenados.

A fábrica sería vendida á “Sociedad Anónima Cros” en 1975, no marco dos planes desta compañía para entrar no sector dos abonos nitroxenados. En 1978 o novo propietario instalaría na fábrica de Elviña un apartadoiro de ferrocarril, con acceso desde o ramal ferroviario de enlace entre as estacións coruñesas de San Cristóbal e San Diego por medio dun desvío practicado no quilómetro 1’498. O apartadoiro contaba cunha vía xeral e outra de rebase, cun culatón de seguridade (vía morta que impide o acceso intempestivo desde a vía do apartadoiro a vía principal).

Malia aos traballos de modernización, as circunstancias e a combinación de varios factores técnicos e económicos farían que a fábrica de Elviña quedase fora do plan de reconversión da Cros, cesando na produción e pechando definitivamente en 1983. Os terreos da fábrica foron transferidos a Universidade da Coruña, e as instalacións fabrís serían derrubadas en 1991, ao preparar a primeira fase de urbanización como parte do futuro campus universitario coruñés.

Tempo de uso:

Todo o ano.

Sistema de produción:

O amoníaco obtense exclusivamente polo método desenvolvido por Fritz Haber (patentado en 1908) e perfeccionado por Carl Bosch (entre 1909 e 1913) converténdoo en proceso de fabricación industrial.

Descrito de maneira moi simplificada, o proceso comeza pola desulfuración das naftas (CnH2n), para reducir o seu contido en xofre, que prexudicaría aos catalizadores que interveñen no proceso.

As naftas purificadas mestúranse con vapor de auga (H2O) e sométense ao primeiro reformado, xerándose no proceso gas de síntese, composto por monóxido de carbono (CO) e hidróxeno (H2).

O gas de síntese sométese a un segundo reformado para completar a conversión dos hidrocarburos procedentes das naftas, inxectando aire comprimido prequentado, que aportará o nitróxeno (N2) necesario para a reacción. O gas resultante no proceso é unha mestura de auga (H2O, 40’5%), hidróxeno (H2, 31’5%), nitróxeno (N2, 12’7%), anhídrido carbónico (CO2, 8’5%), monóxido de carbono (CO, 6’5%), metano (CH4, 0’2%), e argon (Ar, 0’1%).

O gas de proceso xerado nas anteriores operacións pasa por uns procesos de purificación: oxidación para a conversión do CO en dióxido de carbono (CO2); descarbonatación coa absorción do CO2; metanización por hidroxenación dos residuos dos óxidos de carbono (CO e CO2), que poderían envelenar o catalizador; deshidratación, por arrefriado e condensación para a eliminación da auga xerada no metanizador.

Finalmente, o gas resultante trala última etapa, fundamentalmente unha mestura de nitróxeno (N2) e hidróxeno (H2), con pequenas cantidades de metano (CH4) e argon (Ar), comprímese a unhas duascentas atmosferas e introdúcese no reactor catalítico, formándose o amoníaco (NH3), que vai extraerse por condensación, almacenándose nun tanque crioxénico a uns trinta e tres graos centígrados baixo cero.

O gas de proceso que non reaccionou (arredor dun 80% do inxectado no reactor) púrgase, extraendo o metano e o argon, e introdúcese de novo no reactor de síntese, obtendo novas cantidades de amoníaco e mellorando o rendemento do proceso.

A meirande parte do amoníaco producido vai destinarse a fabricación de fertilizantes, como o nitrato amónico (NH4NO3), sales amónicas (sulfato, (NH4)2SO4 e fosfato, (NH4)3PO4) e urea (CO(NH2)2).

O amoníaco utilízase tamén na fabricación do ácido nítrico (HNO3), explosivos, nylon, poliuretanos, gas criogénico ou produtos de limpeza.

Actividades laborais:

Persoal principalmente masculino en tódalas fases produtivas e administrativas.

Emprego:

A finais do ano 1969 a empresa declaraba cento cincuenta “produtores”.

Materias Primas:

Produtos lixeiros (naftas) resultantes da destilación fraccionada dos crús de petróleo.

Produtos Elaborados:

Amoníaco e abonos nitroxenados.

Distribución e comercialización:

Nacional.

Referencias Bibliográficas:

Carmona Badía, Xoán (1990): “Crisis y transformación de la base industrial gallega, 1850-1936”, en Jordi Nadal Oller y Albert Carreras Odriozola (dir. y coord.) Pautas regionales de la industrialización española (siglos XIX y XX), p. 23-48. Barcelona: Ariel. ISBN 84-344-6563-9.

Carmona Badía, Xoán; Nadal Oller, Jordi (2005): El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Carreras Odriozola, Albert (ed.); Pascual i Domènech, Pere (ed.); Reher Sullivan, David Sven(ed.); Sudrià i Triay, Carles (ed.); Gutiérrez i Poch, Miquel (coord.) (1999): Doctor Jordi Nadal: la industrialització i el desenvolupament econòmic d’Espanya. Col·lecció Homenatges, 17 (dos volums). Barcelona: Universitat de Barcelona. Dipòsit legal B-19.849-1999. ISBN 84-475-2146-X.

Confederación Española de Cajas de Ahorros (1975): Situación actual y perspectivas de desarrollo de Galicia. 4 vol. Madrid: Fondo para la Investigación Económica y Social de la Confederación Española de Cajas de Ahorros. DL M-39.109-1974. ISBN 84-7231-171-6.

Gómez de Mendoza, Antonio (1997): El plan del nitrógeno (1939-1961). Madrid: Universidad Complutense.

Martínez Pérez, Pablo (2013): “La Sociedad Anónima Cros y el cargadero de Campañó”, en Trenoroeste [en línea] Disponible en http://trenoroeste.blogspot.com/2013/10/la-sociedad-anonima-cross-y-el.html [Acceso 28/06/2021].

Miret i Mestre, Josep (2004): “Las rozas en la Península Ibérica. Apuntes de tecnología agraria tradicional”, en Historia Agraria: revista de agricultura e historia rural, núm. 34, Diciembre, 2004, p. 165-193.

Molinari, Hector (1920): Química general y aplicada a la industria. Tomo I: Química inorgánica: Generalidades y metaloides; tomo II: Química inorgánica: Metales; tomo III: Química orgánica. 2ª ed. española con arreglo a la 4ª ed. italiana. Barcelona: Gustavo Gili.

Nadal Oller, Jordi; Carreras Odriozola, Albert (dir. y coord.) (1990): Pautas regionales de la industrialización española (siglos XIX y XX). Barcelona: Ariel. DL B-218-1990. ISBN 84-344-6563-9.

Nadal Oller, Jordi; Carreras Odriozola, Albert; Sudrià Triay, Carles (compiladores) (1987): La economía española en el siglo XX. Una perspectiva histórica. 5ª ed. junio 1994. Barcelona: Ariel. DL B-20.098-1994. ISBN 84-344-6559-0.

Quittkat, G.; Eckardt, H.; Meldau, R.; Galle, E.; Hirsch, M.; Planck, R.; Stroer, H.J. (1942): “Instalaciones y máquinas auxiliares de las industrias transformadoras”, en Manual del Ingeniero. Tomo IV, Capítulo X, p. 643-647. Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, 2ª ed. trad. de la 26ª edición alemana. Barcelona: Gustavo Gili.

Taboada Arceo, Antonio (1971): Galicia, estructura y ritmo socio-económicos. La Coruña: Servicio de Estudios y Publicaciones de las Cámaras Oficiales de Comercio, Industria y Navegación de Galicia. DL C-145-1971.

Yravedra Zuazo, Vicente (1999): “Fertilizantes, setenta años de evolución (1929-1999)”, en Agricultura, revista agropecuaria, p. 778-789. ISSN 0002-1334.

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 21-III A Coruña /// Datum ETRS89: H 29 // X 547.860,85 m / Y 4.798.015,23 m

Centro Nacional de Información Geográfica (s/d): Fotototeca Digital, Instituto Geográfico Nacional, Ministerio de Fomento del Gobierno de España [en línea] Disponible en internet: http://fototeca.cnig.es/ [Acceso 11 marzo 2021].

Instituto de Estudos do Territorio (IDE) da Xunta de Galicia (s/d): Información Xeográfica de Galicia: visualizador de mapas [en liña] Dispoñible na Internet: http://mapas.xunta.es/visualizador-de-mapas [Acceso 11 marzo 2021].

Instituto Geográfico Nacional (s/d): “Mapa Topográfico Nacional 1:25.000”, en Mapas de España. Instituto Geográfico Nacional, Gobierno de España [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/buscarArtsMenu?categoria=MTN25-Mapa-Topográfico-Nacional-1:25.000 [Acceso 18 enero 2021].

Xunta de Galicia (Consellería do Medio Rural) (s/d): Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícola (SixPac): visor de mapas [en liña] Dispoñible na Internet: http://sixpac.xunta.es/visorsixpac/ [Acceso 11 marzo 2021].

Data de Actualización:

11 novembro 2021