679 Avícola de Galicia, S.A.U. (AVIGAL)

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: Pontevedra
  • Concello: Pontevedra
  • Parroquia: San Pedro de Campañó
  • Lugar: Barragáns
  • Paraxe: Barragáns
  • Dirección: Lugar de Barragáns, 34 – 36157 Campañó, Pontevedra
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 42.465304271332464
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.652238951942438
  • Coordeadas UTM: Datum ETRS89: H 29 // X 528.594,50 m / Y 4.701.527,57 m
  • Clasificación: Industria alimentaria
  • CNAE: 01.47 Avicultura. 10.12 Procesado e conservación de volataría.
  • Tipoloxía: Cría, sacrificio, despece e distribución de polo
  • Comarca: Pontevedra
  • Marco Xeográfico: Val que se estende entre a marxe dereita do río da Gándara ou de Rons e as abas orientais do monte Castrove.
  • Ámbito: Rural
  • Acceso: En Pontevedra saímos pola Ponte da Barca estrada PO-531 cara a Vilagarcía d’A Arousa e a algo menos de catro quilómetros, na man esquerda da carreteira, atopamos as edificacións da industria avícola.

Tipo de propiedade:

Privada

Visitable:

Exteriormente

Xestión de visitas:

Non procede

Historia:

No proceso evolutivo da humanidade destaca o paso dunha economía recolledora (froitos da terra, marisqueo, caza e pesca) a unha economía produtora, que comeza co coñecemento da reprodución de certas especies vexetais e a domesticación de algúns animais.

As necesidades de alimento, coiro, osos e tendóns das primitivas sociedades obrigábanlles a seguir ás migracións das mandas de bóvidos, cérvidos e demais mamíferos, ata que, hai uns dez mil anos, na chamada Revolución Neolítica, os humanos aprenden que élles máis práctico capturar aos animais e mantelos vivos, movendo nas súas áreas naturais de pasto os rabaños que foron quen de controlar, reducindo desta maneira a incerteza da dependencia da caza.

Polo mesmo tempo, a aprendizaxe das práctica agrícolas, ligando aos humanos cun determinado territorio, permitiríanlles o cultivo de forraxe para alimentar aos animais que ían sendo domesticados (porcos, cabras, asnos, ovellas, vacas), orixinando a gandaría e a agricultura e favorecendo o asentamento estable (“sedentarización”) de moitos dos primitivos grupos humanos.

Os animais domesticados, ademais de proporcionar leite, carne, peles, osos e tendóns, van ser empregados para tiro e carga, estabulándose en loxas e aproveitándose o esterco para a mellora dos terreos cultivados e o abono dos primeiros cultivos.

No que atinxe ás aves, pénsase que contra o quinto milenio antes de Cristo tiveran lugar na China e outras rexións do sueste asiático as primeiras domesticación do galo salvaxe. Viría despois a dispersión da especie fóra do seu rango de distribución natural, avanzando cara ao occidente de Asia. Datados antes do terceiro milenio a.C. atopáranse restos de galiñas e galos en Irán, Anatolia e Siria. Tamén da mesma época apareceran evidencias en Exipto.

Desde o segundo milenio a.C. existen rexistros históricos e iconográficos de Exipto, Mesopotamia, e o Levante mediterráneo que dan conta da presenza destas aves. En calquera destes casos, raramente poden asociarse cun aproveitamento como alimento, utilizándose para pelexas de galos e exhibíndose nos zoolóxicos reais como animais exóticos.

Na Europa, os restos atopados de galos e galiñas, na súa maioría nas colonias fenicias en Iberia, remóntanse a finais do século IX e comezo do VIII a.C., adoitándose atribuír aos fenicios a súa introdución. En textos gregos da época documéntase a presenza en Grecia destas aves desde o século VIII a.C., chegadas polo comercio con fenicios e persas.

Na Europa Central, os restos máis antigos, tamén do século VIII a.C., foron atopados en Chequia. Os achados arqueolóxicos confirman a presenza continuada durante a segunda metade do primeiro milenio a.C. de galos e galiñas en Iberia, sur de Francia e Grecia, inda estes animais seguirían tendo un papel principalmente simbólico. Do século III a.C. en diante hai indicios de que o consumo destas aves e dos seus ovos xa estaba xeneralizado entre os pobos helenísticos e romanos. E serían os romanos os que, a partir do século I a.C., estenderían este costume entre os seus veciños e nos novos territorios conquistados.

Na baixa Idade Media as galiñas tiñan a consideración de carne fina, e xa nos anos finais da Idade Media e no Renacemento europeo, as galiñas, os seus ovos e os pitos adquirirían unha importancia crecente na alimentación humana, en razón da súa facilidade de dixestión (en comparación coas carnes vermellas) e o seu baixo custo, pola meirande eficiencia (comparada con outros animais de consumo humano) en termos de tempo de desenvolvemento e cantidade de alimento consumido.

Inda que con menor relevancia, tamén outras aves silvestres domesticaríanse e incorporaríanse a alimentación humana: gansos, patos, paspallás, faisáns e pavos serían outros suxeitos da avicultura, a actividade de criar as aves para a súa explotación comercial como alimento.

En Galicia, a avicultura pasaría de ser unha actividade na meirande parte dos casos practicamente doméstica, para autoconsumo de ovos e carne de polo e de galiña, a unha próspera pequena actividade familiar que comercializaba os excedentes nas feiras e que non tardaría en montar granxas avícolas a tal fin.

Xa no decenio de 1920, a avicultura galega tiña adquirida unha certa dimensión, impulsada pola demanda de ovos e carne de ave nas rexións máis prósperas e urbanizadas de España, por outra banda deficitarias en uns e outras e que viña abastecéndose regularmente en Marsella e norte de África ata que a Gran Guerra (a Primeira Guerra Mundial, 1914-1918) complicou as importacións.

A avicultura familiar campesiña galega iría aumentando a súa oferta, calculando en 1923 o veterinario lugués (de adopción) Juan Rof Codina que a produción de ovos en Galicia era da orde de catrocentos cincuenta millóns anuais (Fernández, 2011).

O tamaño das granxas avícolas continuaría medrando e o despegue definitivo da avicultura galega viría da man do ourensán Eulogio Gómez Franqueira, quen en 1963 conseguiría por de acordo a quince familias gandeiras para formar unha cooperativa provincial agro gandeira na que cada socio explotaría unha granxa de cinco mil galiñas, coa axuda da división de producións avícolas da compañía estadounidense “Swift & Co.”, que non había moitos meses creara unha granxa piloto de cría de galiñas en Sarria. A finais do mesmo ano 1963 os socios da cooperativa chegarían ao centenar (vid. ficha).

Descrición Xeral do Entorno:

A industria localizaríase nunha zona pouco habitada pero ben comunicada, a carón da estrada entre Pontevedra e Vilagarcía d’A Arousa, no val que se estende entre a marxe dereita do río da Gándara ou de Rons e as abas orientais do monte Castrove.

Construcción:

1964.

Abandono:

No ano 2021 as instalacións continúan en explotación.

Descrición:

Corría o ano 1964 cando Jaime Olmedo Limeses, neto do pontevedrés Fernando Olmedo Ortega, fundador de Almacenes Olmedo, encabezaba un grupo de familiares e amigos que viron unha oportunidade de negocio na promoción do sector avícola, que daquela comezaba a súa expansión baixo o impulso do ourensán Eulogio Gómez Franqueira (vid. ficha).

A uns catro quilómetros de Pontevedra, na parroquia de San Vicente de Campañó e a carón da estrada a Vilagarcía, atoparían o lugar propicio para o asentamento da súa empresa. Afastado do centro da cidade, nunha entón zona pouco habitada, pero ben comunicada, sería un emprazamento adecuado para unha granxa avícola co conxunto das súas instalacións de proceso, zona de galiñas reprodutoras, sala de incubación, áreas de cría e engorde, fábrica de pensos e matadoiro de aves.

A parcela elixida, duns oito mil novecentos metros cadrados, acollería todos os procesos relacionados coa produción avícola, que a empresa orientaría inicialmente ao mercado tradicional, ampliando progresivamente a súa área de distribución.

Entre 1964 e 1990, Jaime Olmedo Limeses sería o conselleiro delegado de “Avícola de Galicia, S.A.” (AVIGAL), e Julio Martínez Moreira levaría a dirección e xerencia da compañía. Nestes anos o cadro de persoal andaría arredor dos oitenta empregados.

Contra 1980, a empresa acrecentaría as súas instalacións, trasladando a fabricación de pensos a unha nova localización, no lugar de San Caetano, a algo menos dun quilómetro ao nordeste do edificio central en Barragáns.

A “Avícola de Galicia, S.A.” (AVIGAL), sería adquirida en 1990 pola empresa “Doux Ibérica”, filial da francesa Doux, daquela a primeira produtora de polos da Comunidade Europea. A nova propietaria introduciría cambios e innovacións, automatizando os procesos e mellorando a trazabilidade dos produtos coa finalidade de ampliar o seu mercado. O esforzo sería compensado ao serlle outorgada a Marca de Garantía Galicia Calidade a Avícola de Galicia, que supuxo o recoñecemento expreso de que a empresa conta coas materias primas da máis alta calidade, producións óptimas e servizos excelentes.

O 16 de setembro do ano 2008, o grupo empresarial de Lérida “Vall Companys, S.A.” mercaba a totalidade das actividades españolas do grupo Doux, co que Avícola de Galicia quedaba integrada na súa estrutura empresarial.

Tempo de uso:

Todo o ano.

Sistema de produción:

A empresa fai o ciclo completo, dende a recepción de galiñas poñedoras e reprodutoras ata a comercialización de ovos, canais e despeces das aves.

A cadea produtiva pódese separar en dúas liñas, a de ovos e a de carne. A liña de ovos comeza coa recepción de galiñas poñedoras, e sigue coa recollida, selección, calibrado, empaquetado, transporte e distribución dos ovos.

A liña de carne comeza coa recepción de galiñas reprodutoras, sigue a fecundación, posta e incubación dos ovos fecundados, cría das polas de engorde, sacrificio e preparación das canais. As canais poden ir directamente á venda ou pasar a sección de despece; despois seguirán cadansúa liña de empaquetado, transporte e distribución.

Cando non hai selección previa para empregar razas de engorde (nas que engordan igual machos e femias), os machos non seleccionados como reprodutores son sacrificados, pois nin poñen ovos nin engordan rapidamente. Os restos dos pitos adoitan seren utilizados como alimento para animais, fertilizantes e na industria farmacéutica. Téñense desenvolvido métodos para determinar o sexo dos ovos fertilizados, o que permite o poder descartar os ovos masculinos antes da eclosión, evitando o sacrificio dos pitos ao nacer e aforrando os custos da incubación.

Na liña de sacrificio dos polos de engorde, o animal vai ser atordado (por percusión ou por descarga eléctrica) para lle evitar sufrimento innecesario, tralo que cólgase, dególase e sángrase (“exanguinación”). Lávase despois con vapor de auga, ábrese en canal e retíranse as vísceras as plumas.

As canais pasan despois ás cámaras de refrixeración (0 a 5 ?C) para reducir a contaminación por microorganismos, quedando preparadas para a preparación final conforme ao seu uso. En canal ou despezada, empaquétase e pasa ao refrixerado ou conxelación, almacenándose ata a súa expedición.

A empresa conta tamén cunha sección de pensos para avicultura. As materias primas empregadas son cereais, leguminosas e aceites, dosificados conforme as necesidades e especificacións dos usuarios.

Actividades laborais:

Man de obra principalmente masculina na matanza e despezado das canais, e feminina na manipulación e preparación das viandas.

Emprego:

O 31 de decembro de 1969, AVIGAL declaraba 52 “produtores”.

Materias Primas:

Aves, principalmente galiñas e polos. Cereais, leguminosas e aceites.

Produtos Elaborados:

Ovos, canais e despeces de polo e outras carnes de ave. Pensos avícolas.

Distribución e comercialización:

Nacional.

Referencias Bibliográficas:

Carmona Badía, Xoán (1990): “Crisis y transformación de la base industrial gallega, 1850-1936”, en Jordi Nadal Oller y Albert Carreras Odriozola (dir. y coord.) Pautas regionales de la industrialización española (siglos XIX y XX), p. 23-48. Barcelona: Ariel. ISBN 84-344-6563-9.

Carmona Badía, Xoán; Nadal Oller, Jordi (2005): El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Confederación Española de Cajas de Ahorros (1975): Situación actual y perspectivas de desarrollo de Galicia. 4 vol. Madrid: Fondo para la Investigación Económica y Social de la Confederación Española de Cajas de Ahorros. DL M-39.109-1974. ISBN 84-7231-171-6.

Domínguez Castro, Luis; Quintana Garrido, Xosé Ramón (2006): “Eulogio Gómez Franqueira (1917-1988), o home do campo”, en Xoán Carmona Badía (coord.) Empresarios de Galicia, p. 514-533. Centro de Investigación Económica e Financeira (CIEF). A Coruña: Fundación Caixa Galicia. DL C-2900-2006. ISBN 84-96494-83-7.

Fernández González, Ángel Ignacio (2011): “La granja avícola de Monte Porreiro”, en Galicia agraria: historias sobre la agricultura gallega del siglo XX. Comentarios, análisis, documentos acerca de la economía agraria y la vida campesina [en línea] Disponible na Internet: http://galiciaagraria.blogspot.com/search?q=avicultura [Acceso 13/11/2021].

Humane Slaughter Association (s/d): Sacrificio práctico de aves de corral [en línea] Disponible en Internet: https://www.hsa.org.uk/downloads/sacrificiopracticodeavesdecorral.pdf [Acceso 15/11/2021].

Raschke, O. (1942): “Industrias de la alimentación y afines. Matanza y elaboración de las carnes. Mataderos y corrales.”, en Manual del Ingeniero, Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, 2ª ed. trad. de la 26ª edición alemana, Tomo IV, Capítulo V, p. 624-633. Barcelona: Gustavo Gili.

Sanz Lafuente, Gloria (2005): Industria y seguridad alimentaria. Entre la ley, la ciencia veterinaria y la práctica social de la inspección. 1850-1923, XI Congreso de Historia Agraria, Aguilar de Campoo (Palencia), junio 2005 [en línea] Disponible en Internet: http://seha.info/pdfs/iii_economia/III-sanz.pdf [Acceso 2 noviembre 2015].

Taboada Arceo, Antonio (1971): Galicia, estructura y ritmo socio-económicos. La Coruña: Servicio de Estudios y Publicaciones de las Cámaras Oficiales de Comercio, Industria y Navegación de Galicia. DL C-145-1971.

Wedlich, W. (1942): “Industrias de la alimentación y afines. Matanza y elaboración de las carnes. Elaboración de carnes.”, en Manual del Ingeniero, Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, 2ª ed. trad. de la 26ª edición alemana, Tomo IV, Capítulo V, p. 633-642. Barcelona: Gustavo Gili,

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 185-II Pontevedra /// Datum ETRS89: H 29 // X 528.594,50 m / Y 4.701.527,57 m

Centro Nacional de Información Geográfica (s/d): Fotototeca Digital, Instituto Geográfico Nacional, Ministerio de Fomento del Gobierno de España [en línea] Disponible en internet: http://fototeca.cnig.es/ [Acceso 11 marzo 2021].

Instituto de Estudos do Territorio (IDE) da Xunta de Galicia (s/d): Información Xeográfica de Galicia: visualizador de mapas [en liña] Dispoñible na Internet: http://mapas.xunta.es/visualizador-de-mapas [Acceso 11 marzo 2021].

Instituto Geográfico Nacional (s/d): “Mapa Topográfico Nacional 1:25.000”, en Mapas de España. Instituto Geográfico Nacional, Gobierno de España [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/buscarArtsMenu?categoria=MTN25-Mapa-Topográfico-Nacional-1:25.000 [Acceso 18 enero 2021].

Xunta de Galicia (Consellería do Medio Rural) (s/d): Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícola (SixPac): visor de mapas [en liña] Dispoñible na Internet: http://sixpac.xunta.es/visorsixpac/ [Acceso 11 marzo 2021].

Data de Actualización:

15 novembro 2021