680 A Nosa (Carbónica Arosana)

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: Pontevedra
  • Concello: Vilagarcía de Arousa
  • Parroquia: San Xens de Bamio
  • Lugar: Polígono Industrial de Bamio
  • Paraxe: Rúa Pedroso, 82
  • Dirección: Rúa Pedroso, 82 – 36618 P. I. de Bamio, Vilagarcía
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 42.64090304446103
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.743246303817743
  • Coordeadas UTM: Datum ETRS89: H 29 // X 521.020,07 m / Y 4.720.951,96 m
  • Clasificación: Elaboración de bebidas
  • CNAE: 11.07 Fabricación de bebidas non alcohólicas; produción de augas minerais e outras augas embotelladas.
  • Tipoloxía: Bebidas gasosas e refrescos
  • Comarca: O Salnés
  • Marco Xeográfico: Marxe esquerda do esteiro do río Ulla na ría d’A Arousa, na aba noroeste do Monte Xiabre, cun bo acceso por estrada.
  • Ámbito: Rural (hoxe, polígono industrial)
  • Acceso: Desde Santiago de Compostela chegaremos pola estrada nacional N-550 a Pontecesures, enfiando alí a estrada PO-558 cara a Vilagarcía. Uns tres quilómetros despois de Catoira, apartaremos a esquerda pola carreteira PO-192, ata o polígono industrial de Bamio. Uns cincocentos metros despois, a primeira industria na man esquerda da estrada é a da Carbónica Arosana.

Tipo de propiedade:

Privada

Visitable:

Exteriormente

Xestión de visitas:

Non procede

Historia:

O aproveitamento con fins máxicos, sacros ou medicinais, dos xurdimentos de augas de especiais características de temperatura, color, olor ou sabor, pérdese nas revoltas dos tempos idos (vid. ficha 603, por exemplo). Un caso particular eran as augas que no seu seo desprendían burbullas gasosas de anhídrido carbónico (dióxido de carbono, CO2), as augas efervescentes, coñecidas desde a antigüidade e ás que se lles atribuían calidades case milagrosas.

Polo seu interese económico, as augas efervescentes de manancial van comercializarse en época ben temperá, inda que a carencia de envases capaces de conter a súa efervescencia limitaría a súa difusión. A produción de augas efervescentes naturais era escasa, cara e so ás clases máis acomodadas podían acceder a ela.

Un manancial famoso era o de Selters, unha vila na serra de Taunus, no distrito alemán de Hesse, cunhas augas efervescentes coñecidas desde a Idade de Bronce (1600 a.C.) que chamaríanse “de soda” polo seu elevado contido en bicarbonato de sodio (CO3NaH). No século XVI estas augas carbonatadas, comercializadas como “Auga de Selters”, “Auga de Seltz” ou “Auga de Soda” coñecerían unha grande demanda (fálase de máis dun millón de botellas vendidas no ano 1787). Algúns científicos da época, como Joseph Priestley ou Torbern Bergman tratarían da produción artificial de augas carbonatadas e non tardarían en divulgarse diferentes procedementos de fabricación de augas minerais gasosas.

Estas primeiras augas minerais gasosas, inicialmente elaboradas polos farmacéuticos (polo sinxelo sistema de mesturar bicarbonato sódico, zume de limón e auga mineral) á , ademais de resultar refrescantes, serían recomendadas para as afeccións do sistema dixestivo. Popularizadas en París, como medicina e mesmo substitutivas das cativas augas potables locais, o custo de fabricación e comercialización iría abaratándose. Non tardarían os fabricantes franceses en darse de conta que as calidades agradables, refrescantes e hixiénicas eran debidas a presencia do ácido carbónico (CO3H2), un ácido débil e inestable presente nas disolucións acuosas do anhídrido carbónico (CO2). E deixaríanse aos farmacéuticos as máis complicadas elaboracións de augas minerais, limitándose os industriais a producir auga gasosa acidulada, malia o que manteríase como reclamo comercial o xa consolidado nome inicial de “Auga de Seltz”, aínda que coñeceríase tamén como soda, auga gasosa, auga gasificada ou refresco. Designaríase tamén como “sifón”, por ser este o nome do recipiente específico no que se popularizaría a súa distribución para o consumo.

En esencia, as chamadas “gasosas” son augas carbonatadas artificiais, envasadas a presión e que conteñen ácido carbónico (CO3H2) na disolución acuosa do anhídrido carbónico (CO2). A pouca estabilidade do ácido carbónico fai que se descompoña con facilidade en auga (H2O) e dióxido de carbono (CO2), que xurde en forma de burbullas cando se reduce a presión do recipiente. O fabricante pode engadirlle diferentes produtos, naturais (azucre, limón) ou artificiais (ciclamatos, aromas), para darlle sabor e color, ademais de estabilizadores e conservantes para a súa mellor comercialización.

Ademais da fabricación nas oficinas de farmacia das variadas augas minerais carbónicas (incluíndo a famosa “auga de litines”, con bicarbonato sódico, ácido tartárico e óxido de litio), que se expenderían tamén en hoteis e restaurantes, as primeiras referencias da fabricación industrial de bebidas carbónicas en España son as de Juan Naully, en 1837, e Andrés Ansaldi, en 1839, ámbolos dous en Barcelona, que incluían na súa oferta viños gasificados que “compiten con el champagne”.

A apertura de establecementos que ademais de “augas minerais artificiais”, preparaban con éxito crecente limoadas e laranxadas, que comezaban a difundirse máis aló de Barcelona, levaría ao sector farmacéutico a preocupación pola perda do seu monopolio. E no ano 1842 expoñían ao goberno su preocupación pola elaboración de augas minerais “(...) cuando a su elaboración no preside más interés que el de una especulación mercantil (...)”.

A preocupación dos boticarios pola saúde pública tería cumprida resposta dous meses despois coa publicación polo Goberno de España da circular do 14 de Xuño de 1842 que prescribía que “(…) las aguas minerales artificiales deben ser elaboradas en boticas o en establecimientos dirigidos por farmacéuticos (…) y venderse obligatoriamente en boticas con receta de profesor conocido". Pero –vai unha de cal e outra de area- “(…) puede permitirse libremente la elaboración y venta de las naranjadas y limonadas gaseosas, así como cualquier otro refresco (…) puesto que en su composición no entran drogas medicinales".

De aquí en diante, os establecementos dedicados á fabricación de refrescos, comezarían a instalarse por todo o país. A expansión vai ser continua, pero lenta, contabilizándose en toda España dez fabricantes en 1856, trinta e dous en 1863, cincuenta e seis en 1879, e, xa en 1888, practicamente non había cidade de certa entidade que carecese da súa propia fábrica de bebidas gasosas ou contase con sucursais de outras fábricas máis ou menos distantes.

As dificultades para a popularización das empresas de bebidas carbónicas polas carencias da industria española irían resolvéndose coa fabricación e comercialización desde 1897 de ácido carbónico líquido e máquinas de embotellado (fábrica de A. Seeli, en Barcelona), o que simplificaba o proceso fabril e reducía as necesidades de espazo e capital nas fábricas. Fundamental sería tamén a entrada en funcionamento de dúas fábricas de envases específicos para a industria das gasosas: en 1900 a de Juan Vilella Estivill, en Barcelona; e a de Antonio Vázquez del Saz, en 1902, en Madrid.

O proceso de elaboración de bebidas gasosas simplificárase tanto que esta industria espallouse por todas as poboacións, con tan reducida necesidade de espazo que fabricábanse refrescos en tabernas, cafeterías e confeitarías, e aínda comerciantes sen relación coa hostalaría fabricaban gasosas no verán para obter ingresos complementarios cun baixo investimento.

Cóntase que en Galicia as primeiras fábricas de refrescos gasosos xurdirían da man dos hostaleiros suízos estabelecidos en Santiago de Compostela, en 1874, a primeira, e en 1876, a segunda. Máis información hai da terceira, que comezaría a funcionar en Pontecesures en 1882 co nome comercial de “Gaseosas Zabala”. Aínda que o consumo das gasosas progresaba para substituír á unhas augas moitas veces insalubre e para quitarlle o amargor aos viños caseiros, sería grazas aos avances técnicos no proceso de gasificación e os baixos custos de implantación e explotación da industria cos que pronto xurdirían fábricas de gasosas por Galicia toda, e as gasosas irían deixando de seren unha bebida case limitada ás festividades e cerimonias para iren converténdose nun produto de consumo diario.

Algún día haberá que recompilar tantos nomes de fabricantes e tantas marcas como se espallaron por vilas e aldeas: Obregón, Arca, Gómez, Troncoso, Feijoo, Estévez, Suárez, Franco, Laureano, Landeira, Domínguez, Vidal, Ramos, Balín, Santos, Barreiro, Zárate, Arriví, Calviño, Servia, Aullón, Pibal…

Desde o decenio de 1950 algúns fabricantes de gasosas emprenderon a ampliación dos seus negocios mediante a concesión de franquías a pequenos fabricantes locais, garantíndolles abaratamento de custos (compras comúns de botellas, caixas, maquinaria, xaropes e aditivos), publicidade, prestixio e un meirande nivel de negocio. Estes venderían en cadansúa área de distribución unha gasosa fabricada coa mesma formulación e iguais condicións técnicas, comercializándose baixo a marca do franquiador que concedía os dereitos de explotación do nome comercial. “La Casera” (Madrid, 1949), “La Revoltosa” (Madrid, 1951) e “La Pitusa” (Valladolid, 1957) serían as tres grandes marcas de gasosas que liderarían dende aquela os mercados españois.

Coa chegada das tres grandes marcas que impulsaron a concentración do sector na procura de vantaxes de escala mediante franquías (as citadas “La Casera”, “La Pitusa” e “La Revoltosa”), foron desaparecendo as pequenas marcas. Algúns fabricantes galegos intentarían defender a supervivencia dos seus negocios intentando parecida estratexia: en 1968 Manuel González Rollán e Gustavo Adolfo Puceiro Novo impulsarían a unión das catorce fábricas entón existentes n’O Salnés e crearían en maio de 1972 “Carbónica Arosana, S.A.”, que fabricaría a gasosa “A Nosa” no vilagarcián polígono industrial de Bamio (vid. ficha 680).

Non tardarían as novas medidas sanitarias e a modificación dos hábitos no consumo en dar fin a toda unha época de creatividade e de emprendedores que crearon riqueza dando traballo e medios de vida a máis de seis mil familias en España, a máis do emprego na industria auxiliar dos fabricantes de caixas, envases, etiquetas, xaropes, sistemas de marcaxe, tapóns coroa… Sen que conseguiran facer desaparecer ás “tres grandes” citadas, de entón en diante serían outras marcas, de ámbito internacional (Schweppe’s, Coca-Cola, Pepsi-Cola) as que irían gañando as preferencias dos consumidores.

Descrición Xeral do Entorno:

As instalacións da fábrica de gasosas acomodáranse no polígono industrial de Bamio, na marxe esquerda da desembocadura do río Ulla na ría d’A Arousa, cun bo acceso por carreteira.

Construcción:

1972.

Abandono:

No ano 2021 a fábrica de gasosas e refrescos continúa en funcionamento.

Descrición:

Contan que a primeira elaboración de gasosas en Galicia fixérase en Santiago en 1874, tal vez naquel restaurante que inaugurara na compostelá rúa das Orfas o suízo Antonio Mengotti, como outros compatriotas fuxido do Cantón dos Grisones na procura dunha vida mellor. Dous anos máis tarde, abríase na rúa Nova o Café Suízo, no que os Mengotti tamén ofrecerían a novidosa gasosa.

Coas facilidades que ía proporcionando a técnica, a elaboración das bebidas gasosas iría tamén popularizándose, e non tardarían en xurdir as fábricas por Galicia adiante. “Gaseosas Zabala” sería fundada en 1882 polo aristócrata Ángel Zabala, orixinario de Cangas do Morrazo e promotor, tamén en Pontecesures, do “Almacén de Coloniales, Ultramarinos Zabala” e da primeira liña de autobuses que houbo entre Cesures e Padrón.

En 1901 Gabriel Buceta poría en funcionamento a segunda fábrica de gasosas de Pontecesures. Traspasada en 1905 a José Sierra, en 1907 pasaría a ser xestionada pola taberneira Rosa Braña, que comercializaría o produto co nome de “Gaseosas Braña”. Serían despois moitos os pequenos negocios que xurdirían por toda Galicia ao abeiro das melloras técnicas que simplificaban os procesos e abarataban os custos.

No decenio de 1960, entre Pontecesures e Sanxenxo chegarían a contarse na península do Salnés ata catorce fábricas de gasosas. Naqueles tempos inda contábanse por miles as marcas espalladas por España adiante, marcas locais e de elaboración artesanal que desde os comezos da década de 1950 estaban a sufrir a expansión e a competencia das tres primeiras grandes marcas nacionais, as madrileñas «La Casera» (1949) e «La Revoltosa» (1951) e a valisoletana «La Pitusa» (1957).

Manuel González Rollán, fillo do dono da vilagarciá Imprenta Celta (Severino González Lazán) e empregado do Banco de Bilbao, había creado en 1964, en Vilagarcía de Arousa, unha fábrica de gasosas e refrescos que tiñan o nome de «Koso» como marca comercial, e que consumíanse principalmente en Vilagarcía, Vilanova e a Illa de Arousa.

As gasosas refrescos «Koso» chegarían a ser moi populares en media provincia de Pontevedra, e o dono da fábrica acabaría sendo coñecido como Manolo Koso. Como as demais fábricas de gasosas tradicionais, «Koso» sufriría a forte e crecente competencia que representaba «La Casera», e o seu propietario tería por certo que, de non concentrarse para aumentar de tamaño, as pequenas fábricas locais non tardarían en desaparecer baixo a presión da empresa madrileña.

As conversacións cos seus competidores do Salnés e a posta en común da preocupación pola ameaza que supuña a imparable expansión de «La Casera», acabarían por frutificar e, baixo o impulso de Manuel González Rollán e Gustavo Adolfo Puceiro Llovo, en 1968 as catorce fábricas de gasosas que funcionaban en O Salnés uniríanse para constituír o día 1 do mes de maio de 1972 a compañía “Carbónica Arosana, S.A.”, que construiría unha moderna fábrica de envasado, a primeira industria que se instalou no Polígono Industrial de Bamio, no termo municipal de Vilagarcía de Arousa.

A nova fábrica de Bamio utilizaría as augas do manancial de San Xens, no monte Xiabre, para o envasado dos seus fabricados, que se comercializarían coa marca «A Nosa».

O 6 de xullo do ano 2001, a xunta xeral universal de "Carbónica Arosana, Sociedad Anónima" aprobaría a disolución e liquidación da sociedade.

As instalacións da empresa no Polígono Industrial de Bamio serían adquiridas pola familia Pousada, que tamén sumaría a marca comercial «A Nosa» a súa tradicional marca «J. Pousada», que viña empregando desde os primeiros anos do século XX para as gasosas e refrescos que elaboraban na súa fábrica de O Seixo, no termo municipal de Marín.

No mesmo ano 2001 a auga do manancial de San Xens, a que viña sendo utilizada desde a década de 1970 para os produtos elaborados na fábrica de Bamio, sería declarada de utilidade pública coa condición de mineral natural e envasada e comercializada por “Disbepo, S.L.” coa marca «Auga mineral natural Sanxinés». Os herdeiros de J. Pousada tiñan fundado como senllas compañías para a fabricación e comercialización de bebidas “Herederos de J. Pousada, S.L.”, o 2 de xaneiro de 1996, e case dous anos despois “Disbepo, S.L.”, o 9 de decembro de 1997.

No mes de maio do ano 2012, Antonio Pousada Carballo, morría electrocutado na fábrica, cando trataba de reparar unha avaria nun cadro eléctrico. No mes de setembro, José Manuel, o seu irmán e propietario da sociedade, sufría un grave accidente por salpicadura da sosa cáustica empregada na limpeza das botellas.

Con todo, co cincuentenario da construción na volta do ano, continúa prestando servizo a fábrica de gasosas e refrescos que conseguira agromar da unión do conxunto das catorce fábricas que houbera no Salnés.

Tempo de uso:

Todo o ano, cunha concentración da actividade no tempo do verano.

Sistema de produción:

As primeiras augas carbonatadas preparábanse nas boticas engadindo bicarbonato de sodio á limoada, co que tiña lugar unha reacción química que producía a efervescencia ao liberarse dióxido de carbono en forma gasosa, o chamado “gas carbónico”. Pola sinxeleza do método, non tardarían en elaborarse en hoteis e restaurantes, considerándose que aquela auga alcalina, gasosa e refrescante resultaba beneficiosa para a saúde e facilitaba a dixestión dos alimentos. Aínda se mellorarían as supostas propiedades saudábeis coa incorporación de ácido tartárico e óxido de litio, beberaxe comercializado co nome de “auga de litines”.

Para a fabricación industrial de bebidas carbónicas producíase previamente o gas carbónico, facendo reaccionar carbonato de calcio e ácido sulfúrico nuns voluminosos aparellos. Despois o gas disolvíase a presión na auga, que se embotellaba para a súa comercialización. Os envases, provistos dunha válvula unida a un tubo que chega ao fondo do recipiente, cubríanse cunha funda metálica como protección fronte a unha posible explosión. A posterior mellora na calidade do vidro e un control máis preciso da presión de enchido dos recipientes, permitiría o envasado en botellas non protexidas. Coa apertura do envase e a saída da auga, a redución da presión disocia o gas da disolución acuosa, creando as burbullas características. A auga carbonatada (chamada auga de Seltz ou sifón) consúmese soa ou mesturada con bebidas alcohólicas. Tamén emprégase para a manufactura de diversas bebidas carbónicas (as chamadas gasosas), engadíndolle azucre e aditivos para lograr diferentes sabores.

A partir de 1898 xa se fabricaba en España ácido carbónico (H2CO3) líquido envasado en tubos, o que simplificaba moito o proceso e reducía as necesidades de espazo favorecendo a fabricación das bebidas gasosas en cafeterías e pequenas industrias. O ácido carbónico é inestable, e descompóñese facilmente en auga (H2O) e dióxido de carbono (CO2), que sae en forma de burbullas cando na bebida redúcese a presión.

Os elementos básicos na produción industrial de augas carbonatadas e os seus derivados (sodas, gasosas, refrescos) son a “saturadora”, na que o gas carbónico mestúrase coa auga baixo presión, e a “llenadora”, a máquina para encher os recipientes. A presión de saturación era dunhas dez atmosferas para os sifóns e de catro ou cinco para as gasosas, e os traballadores debían protexerse cara e corpo para prever unha posible explosión do recipiente, fora por un golpe ou por un vidro defectuoso. Outros elementos serían a lavadora de botellas e o dosificador do xarope (unha mestura de acidulantes, edulcorantes, colorantes e esencias) co que se lle da á auga o sabor e a cor desexada.

Nos primeiros tempos, sifóns e botellas de gasosas tiñan que encherse a man e de un en un. O aumento da oferta exixiría a incorporación de máquinas de dous, tres e catro billas, con rendementos de ata trescentas botellas por hora. As empresas máis grandes elixirían máquinas rotativas, de ata nove billas, con capacidades para encher de oitocentas a mil duascentas botellas por hora.

A partir de 1955 sucesivas ordes ministeriais regularon estas industrias co propósito de asegurar a adecuada garantía hixiénica dos seus produtos. As fábricas tiveron que adaptar as súas instalacións aos novos requisitos: ventilación, chans impermeables, tubaxes adecuadas, azulexados nas paredes e filtros para a auga. En 1958 creouse un rexistro sanitario para os fabricantes e en diante a lexislación sería especialmente escrupulosa no tema da calidade da auga, impoñendo a realización de análises periódicas e a mellora das instalacións con tratamentos correctivos (cloración, decantación, filtrados adicionais).

Actividades laborais:

Homes e mulleres traballarían limpando e enchendo os envases, mentres os encargados organizaban e supervisaban as operacións, e outros traballadores facían o reparto pola comarca.

Emprego:

Sen datos.

Materias Primas:

Auga, ácido carbónico, azucre, xaropes, aditivos.

Produtos Elaborados:

Auga gasificada, bebidas gasosas con sabores.

Distribución e comercialización:

Comarcal.

Referencias Bibliográficas:

Alonso de la Torre Núñez, José Ramón (2020): “Historia comarcal de la gaseosa”, en La Voz de Galicia, ed. Arousa, 11/05/2020.

Carmona Badía, Xoán; Nadal Oller, Jordi (2005): El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Gerbracht, H.; Gesell H. (1942): “Industrias de la alimentación y afines”, en Manual del Ingeniero, Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, 2ª ed., trad. de la 26ª edición alemana, tomo IV. Barcelona: Gustavo Gili, Capítulo V, p. 540-554.

Isábal Mallén, Silvia (2013): La historia antigua del sifón y los demás refrescos. Un recorrido por los primeros tiempos de estas bebidas [en liña] Dispoñible na Internet: http://sifonesantiguos.blogspot.com/2013/04/por-que-se-llama-al-sifon-agua-de-seltz.html / [Acceso 10 outubro 2020].

Martínez Coello, Miguel Ángel (2015): Las primeras gaseosas en Galicia [en liña] Dispoñible na Internet: http://sifonesantiguos.blogspot.com/2015/07/las-primeras-gaseosas-en-galicia.html / [Acceso 10 outubro 2020].

Seijas Llerena, Daniel (2005): “Un caso de demografía industrial de principios del siglo XX: las comarcas de Caldas y O Ullán pontevedrés entre los años 1899 y 1921”, en Congreso de Historia Económica, Sesión: Demografía Empresarial. Santiago de Compostela: Universidad de Santiago de Compostela.

Seijas Llerena, Daniel (2006): Feiras, industria, comercio e transportes no concello de Valga (1850-1930). Tesis doctoral inédita. Santiago de Compostela: Universidad de Santiago de Compostela.

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 152-I Vilagarcía de Arousa /// Datum ETRS89: H 29 // X 521.020,07 m / Y 4.720.951,96 m

Centro Nacional de Información Geográfica (s/d): Fotototeca Digital, Instituto Geográfico Nacional, Ministerio de Fomento del Gobierno de España [en línea] Disponible en internet: http://fototeca.cnig.es/ [Acceso 28 febreiro 2020].

Instituto de Estudos do Territorio (IDE) da Xunta de Galicia (s/d): Información Xeográfica de Galicia: visualizador de mapas [en liña] Dispoñible na Internet: http://mapas.xunta.es/visualizador-de-mapas [Acceso 4 abril 2020].

Instituto Geográfico Nacional (s/d): “Mapa Topográfico Nacional 1:25.000”, en Mapas de España. Instituto Geográfico Nacional, Gobierno de España [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/buscarArtsMenu?categoria=MTN25-Mapa-Topográfico-Nacional-1:25.000 [Acceso 18 enero 2021].

Xunta de Galicia (Consellería do Medio Rural) (s/d): Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícola (SixPac): visor de mapas [en liña] Dispoñible na Internet: http://sixpac.xunta.es/visorsixpac/ [Acceso 4 abril 2020].

Data de Actualización:

27 novembro 2021