694 Neveiras do Candán

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: Pontevedra
  • Concello: Forcarei
  • Parroquia: San Amedio de Millarada
  • Lugar: Fixó
  • Paraxe: Lagoa dos pasteiros de Casarellos
  • Dirección: Non procede
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 42.56734591478229
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.279535076875728
  • Coordeadas UTM: Datum ETRS89: H 29 // X 559.187,94 m / Y 4.713.061,84 m
  • Clasificación: Neveira
  • CNAE: 32.99 Outras industrias manufactureiras (fabricación de xeo).
  • Tipoloxía: Pozo artificial
  • Comarca: Tabeirós-Terra de Montes
  • Marco Xeográfico: Vertentes setentrionais das alturas ao poñente da Serra do Candán
  • Ámbito: Rural
  • Acceso: Sairemos de Pontevedra pola estrada nacional N-541, cara a Ourense. Ao chegarmos a Soutelo de Montes, apartaremos á esquerda pola estrada PO-7202, que leva a Sanguñedo e Millarada. Antes da Millarada, chegaremos a Fixó, onde apartaremos pola dereita pola carreteira que leva ás neveiras, aos que chegaremos despois dun recorrido de dous quilómetros. Pode tamén accederse por las pistas que levan ao Parque Eólico Masgalán.

Tipo de propiedade:

Comunal

Visitable:

Si. No ano 2015, o Concello de Forcarei levou ao cabo a limpeza e a sinalización das dúas neveiras, así como dos seus arredores.

Xestión de visitas:

Non procede.

Historia:

As máis antigas referencias ao emprego da neve remontan ata o esplendor da cultura mesopotámica (alá polo 3000 a.C.) e mencionan a existencia de ‘casas de frío’ ou ‘casas de neve’ nas cidades de Mari (Éufrates medio, no noroeste) e Ur (sueste da Mesopotamia), onde almacenaban a que recollíase, respectivamente, nos distantes montes Taurus (Asia Menor) e na cordilleira dos Zagros (Persia), a máis de trescentos quilómetros de distancia de cada cidade.

Xa na Idade Moderna, neve dos Pirineos abastaba Mallorca. Contra 1844, o xenovés Jacinto Caprile recibía en Buenos Aires o xeo elaborado nos Alpes que cargaban os seus barcos no porto de Xénova. E cóntase que xeo dos lagos de Nova Inglaterra enviábase pola mesma época ata o distante Bombay, o que pode dar unha idea da enorme importancia que chegara a ter a elaboración e o comercio de xeo.

A actividade das neveiras coñécense cos romanos, cara o ano 2.000 a.C., porén o gran desenvolvemento da comercialización do xeo na Península Ibérica estendeuse do século XVI até finais do século XIX, aproveitando as circunstancias climáticas da coñecida como “pequena idade do xeo” (entre 1350 e 1850, aproximadamente), xenerosa en nevadas e baixas temperaturas.

Nos anos finais, conviviría o xeo elaborado nas montañas co saído das primeiras fábricas establecidas (en 1878, en Zaragoza e San Sebastián), e a barra de xeo mesmo sobreviviría nalgúns lugares até mediado o século XX, cando definitivamente vai desaparecer coa comercialización dos primeiros arrefriadores ou frigoríficos. Até entón, o aproveitamento dos alimentos só era posible coas salmoiras, os adobos, os afumados, os deshidratados por secado, as conservas herméticas e o frío, quer co xeo das neveiras, quer co das pioneiras fábricas de xeo.

O emprego do frío obtido do xeo elaborado nas neveiras deu traballo a moita xente, enchendo os montes de xornaleiros en época de nevadas (documéntase unha en Alcoi, Albacete, os días 5 e 6 de marzo de 1762, que mobilizara a mil persoas e setecentos cabalos), en unha profesión que vai sobrevivir nalgúns lugares até a década de 1930.

Xa na antigüidade clásica prescribían os médicos o emprego do frío con fines medicinais, uso que foi recuperado con pulo no renacemento, coñecéndose varias publicación ao respecto que o recomendan como antitérmico en procesos febrís, calmante en conxestións cerebrais, hemostático en hemorraxias, e anti-inflamatorio en traumatismos, escordaduras ou fracturas. E, ademais das aplicacións médicas e da conservación dos alimentos, non fora pequena a importancia do consumo en ambientes refinados de alimentos e bebidas fríos ou xeados.

No ámbito peninsular, sería o Reino de Valencia un dos principais consumidores de xeo: a finais do século XVIII sábese que chegaban a Valencia uns dous millóns de quilogramos de xeo cada ano, e dende Alacante mandábase xeo a Ibiza e aos portos do norte de África.

A implantación progresiva de fábricas de xeo en varias cidades a partires de 1890 foi o comezo do fin de tan singular industria do xeo natural obtido nas neveiras.

As primeiras noticias documentais do aproveitamento da neve en Galicia datan da Idade Media, coincidentes co levantamento dos grandes mosteiros no século XII, cuxos monxes construíron as primeiras neveiras para a produción e almacenamento de xeo. Cita Fernández Nogueira (1974) as verbas de Rodríguez Fraiz ao falar do mosteiro de Aciveiro: “tódolos grandes mosteiros do Císter en Galicia tiñan neveiras, cando menos para uso propio” Estas neveiras lembraban ás construcións castrexas, circulares ou ovais con diámetros de catro a oito metros, medio soterradas e construídas aproveitando lugares sombrizos ao abeiro das abas setentrionais das montañas e elevacións do terreo, en lugares que de seguro ocuparían nas friaxes as neveiras naturais.

A abundancia da neve naqueles tempos tiña que ser grande, xa que as neveiras adoitan estar en lugares de acceso doado (entre outras, A Paradanta, na Franqueira; Casadenebi, en Celanova; Tourón, na Cañiza; O Faro, en Chantada; O Navego, en Oseira; a Carba, en Xermade). Da importancia das neveiras e do negocio dos grandes mosteiros da boa mostra que o xeo chegase á Coruña dende as neveiras de Aciveiro, tras percorrer uns cen quilómetros.

Xa no século XVI, o aprovisionamento do xeo nas vilas acadou tal importancia que o seu comercio foi regulado cara a 1560, no reinado de Felipe II , gravándoo con impostos. Como exemplo do interese deste singular comercio, para levar ata o porto ferrolán o xeo obtido nas neveiras de Lousada, na serra da Carba, pagaba a pena percorrer as máis de sete leguas (uns corenta quilómetros) que separan Ferrol do lugar da extracción.

As neveiras que de xeito natural formábanse nas zonas altas e sombrizas das serras do país, foron aproveitadas dende tempo inmemorial polos veciños para conservar ou arrefriar os alimentos, e tamén para obter xeo da neve e a auga acumulada nos buratos e nas balsas montesías. Con esta experiencia, aproveitaríanse as depresións do terreo para afondar nelas e formar as pozas de recollida da neve e as neveiras, os pozos de conservación (vid. infra).

Nos finais do século XVII, posiblemente polo quecemento do clima co remate da chamada “pequena idade do xeo” (estendeuse aproximadamente entre o 1350 e o 1850), o negocio das neveiras vai esmorecendo na Galicia atlántica, aínda que nalgúns casos mantivéranse ata ben entrado o século XIX pequenas neveiras próximas ás vilas para subministrar xeo a clientes particulares e a negocios locais (vid. ficha 228, pozo da neve do Meixonfrío, Santiago).

A industria do xeo das neveiras de montaña vai manterse aínda en competencia coas primeiras fábricas de xeo construídas nalgunhas cidades españolas no decenio de 1870 en diante. Con todo, houbo casos en Madrid, Barcelona, Córdoba, Murcia e Gerona, entre outros, nos que algunhas fábricas de xeo mantiveron os dereitos de arrendamento, explotación e comercialización dos pozos de xeo da montaña mesmo ata comezos do primeiro terzo do século XX, en previsión de posibles problemas nas súas instalacións fabrís (vid. Tatjer, 2010:520).

En Galicia, sería José Barreras Massó, formado na Escola de Enxeñeiros Industriais de Barcelona, quen comezaría en 1888 a súa actuación empresarial coa montaxe en Vigo dunha pequena fábrica de xeo para o subministro aos vapores de pesca do porto vigués e ao ferrocarril que transportaba a Madrid carne e pescado. Non tardaría o seu exemplo en ser seguido por algunhas fábricas de cervexa (vid. ficha 660), que comercializarían tamén bloques de xeo para a hostalaría e as vivendas dos máis podentes.

Contra 1890, a xeneralización dos sistemas industriais para a fabricación de xeo sería o comezo da irreversible desaparición da industria do xeo natural das neveiras de montaña, industria que aínda conseguiría competir algún tempo coas fábricas de xeo e manterse nalgunhas localizacións nos primeiros decenios do século XX, pero que sería totalmente relegada coa comercialización dos frigoríficos domésticos dende finais da década de 1920.

Descrición Xeral do Entorno:

As neveiras da Serra do Candán sitúanse a uns oitocentos dez metros de altitude por riba do nivel do mar, nas ladeiras da serra que verten pola dereita ao río Grovas e miran ao nordés, nunha planicie ben exposta a eses ventos, fríos e secos, e non lonxe do Camiño Real que unía Aciveiro co Ribeiro.

Construcción:

Aínda que os veciños xa aproveitaban dende a Baixa Idade Media as neveiras que espontáneas aparecían nos montes, as neveiras chamados de Fixó e Vilariño, serían construídos pola orde monacal do Císter no século XVI, vinculados ao Mosteiro de Santa María de Aciveiro, que se establecera non lonxe da súa localización xa no século XII.

Abandono:

Primeira metade do século XX.

Descrición:

O neveiro, neveira ou pozo da neve, construción coñecida en toda a Península Ibérica e nas Illas Baleares, e chamada cos nomes de pozo de nieve, cava de neu, pou de neu, pou de gel, pou de glaç, elurzulo, cases de neu, nevero, nevera e ventisquero, según a comarca de asento, é un pozo máis ou menos fondo escavado na terra e consolidado con robustos muros de contención que sobresaen uns palmos por riba do nivel do terreo no que se furou. Pode ir cuberto e ter teitume, deixándolle unhas aberturas para botar a neve dentro, baixar a preparala e sacar o xeo no seu tempo.

O conxunto das neveiras de Fixó está formado por dúas neveiras de planta prácticamente circular, semellantes a grandes pozos de paredes lixeiramente troncocónicas. As neveiras están a uns cento corenta e dous metros unha da outra, nunha planicie a uns oitocentos dez metros de altitude por riba do nivel do mar e unha lixeira pendente cara ao nordeste. A súa construción está datada entre 1625 e 1685, e pertencían ao Mosteiro de Aciveiro, establecido a pouco máis dunha legua (uns seis quilómetros) ao norte.

Das dúas neveiras, a situada máis ao norte ten unha profundidade de tres metros e medio, inda que debeu ser máis profundo orixinariamente, pois ten o fondo ateigado de pedras e cascotes. Lixeiramente ovalado, o diámetro no fondo é de algo máis de seis metros e medio, e de sete metros e corenta centímetros a sete metros e cincuenta centímetros na boca. A parede do pozo foi construída con lousas e grandes pedras graníticas trabadas con barro e posiblemente revestidas para mellorar a impermeabilidade. Na superficie do terreo presenta parte do que fora un muro perimetral, que serviría para evitar a caída de persoas e animais no pozo. Posiblemente estivera cuberto con algún tipo de protección frente as choivas e o sol.

A neveira situada máis ao sur e de características moi similares á anterior, aínda que totalmente circular, cun diámetro de sete metros e cincuenta e cinco centímetros e unha profundidade de catro metros e medio. Como a precedente, contaba tamén cun muro circundante de protección, con moitas das súas pedras botadas dentro do pozo para facilitar a saída dos animais que caeran no seu interior.

Como noutros casos os pozos contarían no fondo con cadansúa rede de drenaxe e desaugue ao exterior para evacuar a auga que se fose formando ao derretirse o xeo. O acceso ao fondo faríase con escaleiras de madeira. As cubertas poderían ter sido de bóveda de pedra, cunha abertura para o acceso e a introdución das grandes bolas formadas coa neve acumulada, ou poderían ter sido de tella sobre armazón de madeira.

A carón das neveiras seguramente haberíase construído unha “casa da neve” ou “casa do neveiro”, utilizada para gorecerse e protexer a palla, as esteiras e os aveños e ferramentas utilizados para palear a neve, pisala, cortar o xeo e sacar os bloques ao exterior. A cuberta desta edificación sería seguramente de tella do país, dada a cantidade que atopouse ciscada en derredor.

Na mesma zona do Candán, neste caso máis próximas ao mosteiro, no paraxe de Suaneveira, a carón do camiño que vai do porto do Candán a aldea de Masgalán de Arriba, houbo outras dúas neveiras, sepultadas coa construción da estrada no decenio de 1980 (Sampedro, 1999:396-397). Moi próxima a estas neveiras, no camiño que sube á cima do Candán, atopábase a poza de Casarello da Lagoa, que os veciños chaman Eira dos Mouros, e que non sería senón un área para depositar a neve recollida arredor para trasladala despois ás neveiras de Masgalán; a poza ten unhas dimensións interiores de dez por sete metros e medio, con pendente ao suroeste, sen muros ou outros elementos construtivos (Sampedro, 1999:398).

Finalmente, máis ao norte, na aba do monte Suapica, na Rega das Neveiras, nacente do río Tixoa, houbo tamén neveiras, que foron cubertas nos traballos de roturación feitos no monte no decenio de 1980 para destinalo a prado (Sampedro, 1999:398).

O Mosteiro de Aciveiro tiña a exclusiva da explotación das neveiras do Candán, que supuñan unha das súas principais fontes de ingresos. Coa perda da exclusiva na segunda metade do século XVII, aparecerán na Terra de Montes novos propietarios. A mediados do século XVIII eran seis as neveiras explotadas no Candán: dúas polo Cabido de Santiago, unha polo Mosteiro de Aciveiro, unha polo Mosteiro de San Martín Pinario, unha polo Colexio de Xesuitas de Pontevedra, e unha por Gaspar Mosquera (Fernández, 1996:58).

As dúas neveiras de Fixó foron acondicionadas e parcialmente rehabilitadas entre os anos 2016 e 2017. En prevención de accidentes, rodeáronse dunha varanda de protección e a do norte conta cun enreixado metálico e unha escaleira de caracol que permite baixar ao seu fondo. Ademais das neveiras, o conxunto arqueolóxico conta arredor con diversos muros que corresponderían a alpendres e, a uns cincuenta metros, os restos da “casa do neveiro”, con parte dos seus muros en pé.

Tempo de uso:

Dependendo das oscilacións climáticas, cun período de acumulación da neve de setembro a maio, que podía garantir a extracción de xeo até o final do verán.

Sistema de produción:

A preparación do terreo para a recollida da neve nos montes comezaba xa no mes de novembro, cando o encargado, coa axuda duns xornaleiros, procedía a limpar o terreo de matogueira e pedras, acondicionando tamén as pozas e balsas, se as houbera, e –por suposto– a neveira, eliminado as herbas que houberan medrado no interior, recompoñendo as avarías e, cando o tivera, reparando o teito e repoñendo as tellas rotas.

Os traballos nos neveiros adoitaban comezar na primaveira coa “colleita da neve”, despois das derradeiras nevadas do inverno. As veces, no medio do inverno, aproveitábase unha forte nevada para acumular neve nas depresións naturais e nas pozas ou balsas previamente preparadas a tal efecto, onde repousaría ata o seu traslado ás neveiras para o “encerro da neve”.

Chegado o momento da colleita, preparábase primeiro o fondo dos neveiros, limpando ben as canles de escorregar a auga de desxeo e os buratos dos desaugadoiros da mesma, e colocando por riba do chan, a xeito de illamento, unha capa de poliñas, herba, follas secas e palla. O acceso no interior das neveiras e ata o mesmo fondo do pozo facíase coa axuda dunha escaleira. Nalgúns casos, as propias paredes do pozo contaban coa súa escaleira de pedra, incorporada na mesma construción.

A neve, arrastrada ladeira abaixo ou transportada en cestos ou padiolas, carrexábase ata a neveira, introducíase no pozo e amoreábase en capas de vinte a cincuenta centímetros de groso, para que no seu momento fora máis doado o corte en bloques do xeo formado. Para mellorar a conservación, a capa depositada separábase das paredes do pozo por palla, follas ou ramiñas de mato.

Rematada unha capa, nivelábase e pisábase para compactala, reducindo o volume ocupado e transformándose en xeo, que consérvase ben máis de tempo ca neve. Completado o traballo nunha capa, cubríase a mesma con terra, palla, follas e pequenas pólas, fentos e piornos, e procedíase a botar por riba outra capa de neve coa súa cobertura, formando, unha tras outra, capas homoxéneas ata chegar á superficie do pozo.

As coberturas de separación das capas entre si e entre cada unha delas e as paredes da neveira, amais de actuar como illante térmico impedían ao formarse o xeo o fixera como un único e enorme bloque, que sería case que imposible cortar despois en cachos axeitados para a súa manipulación e transporte.

Chegadas as calores, na noite ou nas proximidade do amencer, coa axuda de laias e pas cortábanse bloques de xeo e íanse sacando da neveira coa axuda dunha polea ou un torno, que se suspendía dun traveseiro sustentado en postes de madeira.

Formadas as “cargas”, e antes que chegara a calor do día, os bloques de xeo transportábanse no lombo das bestas ou en carretas ata os mosteiros, e tamén aos puntos de demanda das vilas para a súa venda. Os mosteiros adoitaban teren salas ou cisternas acondicionadas para conservar da mellor maneira posible o xeo que de tanto en tanto lles baixaban das neveiras. Algunhas vilas contaban tamén con depósitos preparados a tal efecto e aínda outros depósitos para acoller “cargas” que ían de camiño por etapas para destinos moi distantes.

Algúns mosteiros, como o de Aciveiro, vendían xeo das súas neveiras en poboacións ben afastadas, como Pontevedra (sete leguas e media, uns corenta e dous quilómetros), Santiago (nove leguas, uns cincuenta quilómetros), ou mesmo A Coruña (case vinte leguas, uns cento dez quilómetros).

Para os usos hostaleiros e domésticos, os primeiros arrefriadores eran uns armarios ou despensas nos que, coas barras de xeo, gardábanse os alimentos e bebidas a arrefriar. A aparición dos sistemas de frío industrial para a fabricación de xeo (contra 1890) sería o comezo da desaparición da industria do xeo artesanal das neveiras das montañas, industria que, inda que competiría algún tempo co xeo artificial das fábricas, sería totalmente relegada coa comercialización dos frigoríficos domésticos dende finais da década de 1920.

Actividades laborais:

Os obreiros da neve, tamén chamados neveiros e paleiros, xa fosen apañadores, pisadores, ou cortadores, traballaban en condicións certamente penosas, polo frío do seu entorno cotián de traballo e a carencia da vestimenta apropiada. Nas proximidades e ao redor das neveiras existía durante meses unha pequena e dura vida social. Eran moitos os xornaleiros que preparaban o terreo, recollían a neve durante as primeiras nevadas e a almacenaban nas neveiras. Poucos eran os que mantiñan certa actividade a carón das neveiras nos meses do inverno, aguantando nevadas, choivas e tempo inclemente co único abrigo das “casas da neve”.

Emprego:

Moi variable, con puntas para aproveitar as nevaradas. O Cabido de Santiago chegaría a empregar unha media de cento sesenta e sete persoas (Fernández, 1999:60).

Materias Primas:

Auga na forma de neve. Ás veces, tamén na forma de xeo na superficie de lagos e lagoas.

Produtos Elaborados:

Auga na forma de xeo.

Distribución e comercialización:

Preferiblemente, local. Tamén, comarcal; ás veces, rexional.

Referencias Bibliográficas:

Barceló Pons, Bartolomé (1959): El comercio de la nieve en Mallorca. Boletín de la Cámara Oficial de Comercio, Industria y Navegación, nº 623, Palma de Mallorca.

Bértolo Ballesteros, José Manuel (2016): “As neveiras de Fixó en Terra de Montes”, en Nalgures, tomo XII, 2016, p. 127-136 (Ejemplar homenaje a José Luis López Sangil). Asociación Cultural de Estudios Históricos de Galicia. ISSN 1885-6349.

Calvo Barco, Ángel María (1997): “Los neveros, una actividad desaparecida en nuestras montañas”, en Zainak, Cuadernos de Antropología-Etnografía, nº 14, 1997, p. 203-213. ISSN 1137-439X.

Capel Sáez, Horacio (1968): "El comercio de la nieve y los pozos de Sierra Espuña", en Estudios Geográficos, XXX, nº 110, 1968.

Capel Sáez, Horacio (1969): “Problemas de organización y transporte en el antiguo comercio de la nieve”, en Geographica, Revista da Sociedade de Geografia de Lisboa, nº 20, 1969.

Capel Sáez, Horacio (1970):"Una actividad desaparecida de las montañas mediterráneas: el comercio de la nieve", en Revista de Geografía, Universidad de Barcelona, 1970, p. 5-42.

Cruz Orozco, Jorge; Segura Martí, Josep María (1996): El comercio de la nieve: la red de pozos de nieve en las tierras valencianas. Dirección General de Patrimonio Artístico. Valencia: Conselleria d’Educació i Cultura de la Generalitat Valenciana. ISBN 84-482-1355-6.

Diputación Foral de Bizkaia (Departamento de Cultura) (1994): Bizkaiko elurzuloak-Neveras de Bizkaia. Bilbao: Diputación Foral de Bizkaia. ISBN 84-7752-146-8.

Fernández Cortizo, Camilo (1996): “Neveras y cosecha de nieve en Galicia (siglos XVII-XVIII)”, en Ohm: Obradoiro de historia moderna, Nº 5, 1996, p. 41-66. ISSN-e 1133-0481.

Fernández Cortizo, Camilo (2016): “La pequeña edad de hielo en Galicia: estado de la cuestión y estudio histórico”, en Ohm: obradoiro de historia moderna, Nº 25, 2016, p. 9-39. ISSN-e 1133-0481.

Fernández Nogueira, Francisco Javier (1974): “Neveira”, en Ramón Otero Pedrayo (dir.) Gran enciclopedia gallega, 30 vol., vol. 22, p. 167. Gijón: Silverio Cañada Editor. DL VI-415-1974. ISBN 84-7286-029-9 (general). ISBN 84-7286-193-7 (tomo XXII).

Fernández Nogueira, Francisco Xabier (1980): "A neve na Galicia atlântica. A industria da neve", en A Nosa Terra, núm. 132.

Fernández Nogueira, Francisco Xabier (1983): "As neveiras en Galicia", en Terra: revista da Sociedade Galega de Xeografía, núm. 1.

Gavela Gesto, Antón Andrés (2011): “Los pozos de nieve, neveras de montaña al paso del sendero transourensano”, en Transourensán [en línea] http://transourensan.blogspot.com/2011/12/los-pozos-de-nieve-neveras-de-montana.html [Acceso 27/02/2022].

Gavilanes Blanco, José Antonio (2013): “Casas da Neve Parada do Sil”, en Patrimonio Galego [en línea] Disponible na Internet: http://patrimoniogalego.net/index.php/49769/2013/09/casas-da-neve-parada-do-sil/ [Acceso 13/05/2014].

González García, Miguel Ángel (1999): “El pozo y abasto de nieve del cabildo de la Catedral de Ourense”, en Cuadernos de estudios gallegos, T. 46, Nº 111, 1999, p. 93-122. ISSN 0210-847X.

Llano Cabado, Pedro de (1983): Arquitectura popular en Galicia: a casa mariñeira, a casa das agras, a casa do viño, as construccións adxetivas. Santiago de Compostela: Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia. DL VG-375-1983. ISBN 84-85665-08-2.

Mallol Ferrándiz, José (1987): “Alicante y el comercio de la nieve en el último tercio del siglo XVIII”, en Revista de historia moderna, núm. 6-7 (1986-1987), p. 245-254. ISSN 0212-5862.

Mallol Ferrándiz, José (1990): Alicante y el comercio de la nieve en la edad moderna. Caja de Ahorros Provincial de Alicante. Alicante: Universidad de Alicante. ISBN 84-86809-90-8.

Martín Vide, Javier (coord.); Olcina Cantos, Jorge (coord.) (2001): Climas y tiempos de España. Colección historia y geografía. Madrid: Alianza Editorial. ISBN 84-206-5777-8.

Planhol, Xavier de (1995): L’eau de neige. Le tiède et le frais. Histoire et géographie des boissons fraîches. París: Fayard. ISBN 2-213-59405-8.

Salbidegoitia Arana, José María; Barinaga, José Ignacio (1974): «Las neveras de Vizcaya», en Revista Kobie, boletín núm. 5, p. 43-83. Grupo Espeleológico Vizcaíno. Bilbao: Diputación de Vizcaya.

Sampedro Fernández, Andrés (1999): “Una aproximación al mundo de la nieve en Galicia”, en Cuadernos de etnología y etnografía de Navarra, Año nº 31, Nº 73, 1999 (Ejemplar dedicado a: IV Congreso de Antropología Aplicada), p. 381-408. ISSN 0590-1871.

Seijas Álvarez, Yesmina; Paleo Mosquera, Sofía (2015): “A neveira de Lousada no camiño Mondoñedo-Ferrol”, en Hume historia: revista de estudos históricos locais, núm. 8, 2015, p. 53-81. ISSN 1888-6183.

Simón Lorda, David (2013): “Casas da neve /pozos de nieve: Desde la Ribeira Sacra a la Pequeña Edad de Hielo”, en Diario de un médico de guardia [en línea] Disponible na Internet: http://diariodeunmedicodeguardia.blogspot.com.es/2013/11/casas-da-neve-pozos-de-nieve-desde-la.html [Acceso 13 maio 2014].

Tatjer i Mir, Mercè (2009): “La industria del hielo en la ciudad de Barcelona: la fábrica de la Siberia, 1908-1970”, en Historia contemporánea, Nº 39, 2009 (Ejemplar dedicado a: Nuevas perspectivas sobre la ciudad contemporánea), p. 513-540. ISSN 1130-2402.

Vallcaneras Nebot, Lluís (2002): Les cases de neu i els seus itineraris. Mallorca: Gorg Blau. ISBN 84-922372-6-0.

Vallcaneras Nebot, Lluís (2002): “Las casas de nieve y sus itinerarios”, en Biblio 3W, Revista Bibliográfica de Geografía y Ciencias Sociales, Universidad de Barcelona, vol. VII, nº 395, 30 de agosto de 2002 [en linea] http://www.ub.es/geocrit/b3w-395.htm [Acceso 27/02/2022]. ISSN 1138-9796.

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 153-IV Soutelo de Montes /// Datum ETRS89: H 29 // X 559.187,94 m / Y 4.713.061,84 m

Centro Nacional de Información Geográfica (s/d): Fotototeca Digital, Instituto Geográfico Nacional, Ministerio de Fomento del Gobierno de España [en línea] Disponible en internet: http://fototeca.cnig.es/ [Acceso 11 marzo 2021].

Instituto de Estudos do Territorio (IDE) da Xunta de Galicia (s/d): Información Xeográfica de Galicia: visualizador de mapas [en liña] Dispoñible na Internet: http://mapas.xunta.es/visualizador-de-mapas [Acceso 11 marzo 2021].

Instituto Geográfico Nacional (s/d): “Mapa Topográfico Nacional 1:25.000”, en Mapas de España. Instituto Geográfico Nacional, Gobierno de España [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/buscarArtsMenu?categoria=MTN25-Mapa-Topográfico-Nacional-1:25.000 [Acceso 18 enero 2021].

Xunta de Galicia (Consellería do Medio Rural) (s/d): Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícola (SixPac): visor de mapas [en liña] Dispoñible na Internet: http://sixpac.xunta.es/visorsixpac/ [Acceso 28 enero 2022].

Data de Actualización:

28 febreiro 2022