695 Conserveros Reunidos (CONRESA)

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: A Coruña
  • Concello: Ribeira
  • Parroquia: Santa Uxía de Ribeira
  • Lugar: Ribeira
  • Paraxe: Fontán
  • Dirección: Non procede
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 42.55045000110688
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.986104236862177
  • Coordeadas UTM: Datum ETRS89: H 29 // X 501.146,06 m / Y 4.710.885,22 m
  • Clasificación: Industria alimentaria
  • CNAE: 10.91 Fabricación de produtos para a alimentación de animais de granxa.
  • Tipoloxía: Fabricación de fariñas e aceites de pescado
  • Comarca: Barbanza
  • Marco Xeográfico: Estrema meridional da Serra do Barbanza, na beiramar do poñente da ría de Arousa, entre a punta Pateira e a de Fontán, na perife
  • Ámbito: Rural e mariñeiro (hoxe, urbano).
  • Acceso: Saímos de Santiago para Padrón pola estrada nacional N-550 (ou pola autoestrada de peaxe AP-9). En Padrón enlazamos coa autovía AG-11 cara a Ribeira e alí enfiaremos a estrada AC-550, que leva ao centro da cidade. Pola Avenida do Malecón, desde a Praza dos Mariñeiros continuaremos pola DP-3707 uns cincocentos metros ata atopar, na man dereita, un conxunto residencial no solar que ocupara a fábrica de CONRESA.

Tipo de propiedade:

Privada.

Visitable:

Non hai pegada algunha, pois a fábrica foi derrubada e a finca ocupada por unha edificación residencial. A empresa trasladouse a

Xestión de visitas:

Non procede.

Historia:

Non sabemos en que momento de ese amplo espazo temporal que chamamos neolítico (8.500 a.C. a 2.500 a.C.), cando xorden as actividades agrícolas, as comunidades primitivas aprenden a mellorar a produtividade da terra por medio do estercado, empregando restos vexetais, animais e minerais da súa contorna ou dos mesmos refugallos da súa alimentación. Desta maneira, desde os tempos máis remotos, o potasio das cinzas, o nitróxeno das dexeccións animais e humanas, e o fosfato dos ósos incorporábanse empiricamente aos solos.

O esterco é o elemento fertilizante por excelencia, que repón nas herdades as substancias químicas que as fan aptas para os cultivos e que van minguando e esgotando co mesmo aproveitamento do que se cultiva. O esterco pode ser de moitas castes, sendo o principal o que se fai a base de estrume, o conxunto de vexetais co que se cubría o chan das cortes, e tamén dos patios e rúas diante das casas.

Estércase tamén coa borralla da lareira e do forno e, nas beiramares, coas algas, escamas de peixe (escamallo), cabeza, tripas e aletas de peixe (galdrucho), cangrexos pequenos (patexo) e cunchas machucadas de ameixas e mexillóns. Nos tempos en que tiñan pouco valor comercial, estercábase tamén co mexillón enteiro e mesmo con percebes.

No mar atópanse especies vexetais que dende sempre foron empregadas nas labores agrícolas, as algas ou argazo, tamén chamadas “esterco do mar”, que no tradicional e eficaz estercado déixanse podrecer para abonar os campos co seu aporte de minerais, documentado dende o século XVI no Arquivo do Reino de Galicia (vid. ficha 420).

O esgotamento das terras obrigaba aos agricultores ao seu abandono para asentar os cultivos en terras virxes. O coñecemento da fertilización evolucionaría desde o estercado dos romanos para “quentar a terra” ata o establecemento no século VIII dun réxime de rotacións dos cultivos que introducía a tempada de descanso da terra de labor (o barbeito) e o cultivo de leguminosas (que asimilan o nitróxeno do aire) para o aporte de nitróxeno aos solos.

O coñecemento do ciclo vital dos vexetais e o desenvolvemento da química, permitirían a elaboración de materiais –chamados abonos ou fertilizantes– cuxa función principal é a de proporcionar elementos nutrientes ás plantas. Estas substancias, tanto orgánicas como inorgánicas, conteñen nutrientes asimilables polos vexetais co fin de manter ou incrementar o seu contido no solo, mellorar a calidade do substrato a nivel nutricional, ou estimular o crecemento vexetativo das plantas. Desde os comezos do século XVIII, da sistematización do estudo dos fertilizantes naturais xurdiría a industria de abonos artificiais (vid. ficha 670, por exemplo).

Outro camiño abriríase para os restos dos matadoiros e as industrias cárnicas, da mesma maneira que para as da pesca e a súa transformación. No seu caso, estes residuos orgánicos aproveitaríanse para a obtención de aceites, graxas e materia sólida desecada apta para a elaboración de produtos para alimentación animal, os chamados pensos compostos.

Como complemento da actividade principal dos matadoiros, os residuos formados por recortes, osos e vísceras que non tiñan outro tipo de aproveitamento, transformábanse en produtos útiles como as graxas e as fariñas de carne e oso. As fariñas son uns produtos estabilizados aproveitados para alimentación animal, fabricación de pensos, fertilizantes e outros produtos. No canto das graxas, diferéncianse dous tipos, o sebo (graxa fundida de vacún e ovino) e a manteiga (graxa fundida de porco), con varias aplicacións na industria alimentaria.

A industria cárnica galega aproveitaría as graxas (touciño e unto) e os sebos, as peles, o pelo, e as vísceras, facéndose tamén fariña cos ósos, tanto nos matadoiros máis antigos (vid. ficha 383, por exemplo), como nos máis modernos matadoiros frigoríficos (vid. ficha 537, por exemplo).

No que atinxe aos residuos de peixe das industrias transformadoras da pesca (escamas, cabeza, tripas e aletas), aprovéitanse para a elaboración de aceites e fariñas que convértense na materia prima doutros produtos, como os pensos compostos para avicultura, gandaría e acuicultura, nos que son compoñentes nutricionais indispensábeis pola súa aportación dos aminoácidos dos que carecen os cereais. Ademais de na industria de alimentación animal, os aceites de pescado utilízanse na industria farmacéutica, no curtido de peles e na elaboración de resinas para pinturas.

Para aproveitar os factores de escala e moi principalmente os de localización (dadas as incomodidades producidas polos malos olores deste tipo de industrias), impulsadas por industriais conserveiros, non tardarían en crearse instalacións fabrís dedicadas exclusivamente ao procesado dos residuos das fábricas de conservas de pescado, complementado en ocasións co do procesado das industrias cárnicas.

AUCOSA (Auxiliar Conservera, 1959), en Vigo, sería a primeira, á que seguirían en Ribeira CONRESA (Conserveros Reunidos, 1961), ARTABRA (Sociedad Limitada de Productos Químicos, 1962), en Arteixo, e AFAMSA (Agrupación de Fabricantes de Aceites Marinos, 1965), tamén en Vigo. Hoxe en día continúan a ser as catro empresas deste tipo que hai en Galicia, dun total de oito existentes en España.

Descrición Xeral do Entorno:

A fábrica construíuse afastada dos lugares máis poboados da contorna da vila de Ribeira, a pouco máis de seiscentos metros do seu porto pesqueiro e cunha boa comunicación por estrada coas principais industrias locais e comarcais.

Construcción:

1961. No ano 2000 construiríase unha nova fábrica no lugar de Couso.

Abandono:

No ano 2000 abandonaríase o vello emprazamento da vila, trasladándose á nova fábrica.

Descrición:

Concibida por Luís Tourón, dous conserveiros da Pobra (Sucesores de Aruro Pereira Rodríguez e Manuel Escurís López) e seis de Ribeira (Sucesora de Domingo Vilas Martínez, Hermanos López Valeiras, Baquero, Hijo de Tomás Martínez, Briz e Pérez Martínez) crearían en 1959 a empresa “Conserveros Reunidos” (CONRESA) (vid. ficha 695), que cos subprodutos e residuos das fábricas dos oito socios, elaboraría en Ribeira fariñas de pescado para a elaboración de pensos compostos para a alimentación do gando.

A factoría, concibida a imaxe da pioneira viguesa “Auxiliar Conservera” (AUCOSA) (vid. ficha 706), comezaría a traballar en 1961, reutilizando e valorizando os subprodutos e os residuos da pesca e da súa transformación nas diversas fábricas dos socios fundadores.

Construída non lonxe do porto pesqueiro de Ribeira, o crecemento urbanístico da vila suporía a construción de novas edificacións cada vez máis próximas aos terreos da fábrica e as protestas da veciñanza polos ruídos e cheiros ofensivos propios da actividade fabril.

Malia a instalación de sistemas para a reducción de emisións e atenuación dos olores, a presión iría incrementándose desde a segunda metade da década de 1980, e a propiedade de CONRESA iniciaría as negociacións coas administración públicas para o traslado da actividade a unha localización máis afastada da poboación.

As limitacións polo crecemento urbanístico da vila de Ribeira e a necesidade de modernización e ampliación das instalacións farían que se construíse unha nova fábrica no lugar de Couso, a uns douscentos metros da liña de costa, na parroquia de Nosa Señora do Carme de Aguiño, no mesmo termo municipal de Ribeira.

A nova fábrica, a algo máis de cinco quilómetros ao suroeste do emprazamento orixinal, se inauguraría no ano 2000 cunha capacidade de tratamento de materia prima de ata corenta mil toneladas anuais.

No verán do 2016 a extensión desde Ribeira da rede de gas natural canalizado, contribuiría a mellorar as condicións ambientais e a competitividade da industria, que aumentaría a setenta mil toneladas anuais a súa capacidade de procesar subprodutos mariños.

Tempo de uso:

Todo o ano.

Sistema de produción:

O primeiro paso é a recepción das materias primas e a súa almacenaxe en condicións que garantan a salubridade e a preservación das características físicas. A almacenaxe faise en depósitos separados, evitando calquera mestura de restos piscícolas e cárnicos. A elaboración difire lixeiramente no caso de procesar restos de pescado ou restos cárnicos. No caso de empregar restos de pescado ou de carne que non houberan sido procesados, na almacenaxe utilízanse aditivos para controlar posibles patóxenos presentes neles.

O proceso de fabricación de fariña de peixe empeza coa trituración e o desecamento de peixes enteiros ou restos destes, moéndose ata obter un material fino. O material xa triturado vai entón a cocerse a uns 100 ?C durante vinte minutos, empregando quecemento indirecto con vapor de auga; desta maneira detense a actividade microbiolóxica e encimática no produto, e se axuda á separación do aceite.

A seguinte etapa consiste nun prensado mecánico do material, do que se obtén unha fase líquida e unha fase sólida en forma de torta. A fase líquida, composta de aceite e auga con residuos disolvidos, vai someterse a decantación, recuperándose desta maneira máis produto sólido, que se agrega á fase sólida xa obtida.

A fase líquida resultante centrifúgase, separándose nesta etapa o aceite da auga. Esta auga residual, chamada “auga de cola”, sométese a evaporación, co que aínda recupérase máis materia sólida. Os sólidos recuperados mestúranse coa torta obtida no prensado, obténdose unha pasta.

A pasta sométese a secado ata deixala como unha fariña cunha humidade relativa de entre o cinco e o dez por cento, co que vai evitarse o crecemento de bacterias e a reducirse posibles reaccións químicas. Finalmente, a fariña vai empacarse en sacos para a súa comercialización; nesta etapa pódense incorporar antioxidantes e aditivos naturais que axudan a controlar o crecemento de microorganismos na fariña de peixe que se garda almacenada para o seu uso.

Como resultado do proceso, por cada tonelada de materia prima obtéñense arredor de cen quilogramos de fariña de peixe. A fariña de peixe está composta normalmente entre un 50 % e 65% de proteína (dependendo do tipo de peixe) e entre un 10-12% de graxa, que é rica en ácidos graxos poliinsaturados de cadea longa omega-3 EPA e DHA beneficiosos para a saúde; isto fai que sexa un ingrediente indispensable na dieta de especies acuícolas e animais terrestres.

A fariña de peixe pódese producir a partir dos peixes capturados especificamente para este produto e para aceite de peixe, da captura incidental doutra pesqueira, ou ben dos residuos de pescado, subprodutos obtidos do procesado do peixe destinado ao consumo humano directo, recortes de operacións de fileteado, residuos de fábricas de conservas de pescado, míllaras (ovas) e outros restos da pesca e da elaboración de “surimi”.

No que atinxe á fabricación de fariña de carne e ósos, un preparado alimenticio empregado principalmente como ingrediente nos pensos do gando, e tamén como abono orgánico, o proceso e moi semellante ao das fariñas de pescado.

O material de partida –preferibelmente de vacún e de aves– inclúe vísceras, ósos, sangue, cabezas, tecidos magros e graxa. As fariñas obtéñense por quecemento, moenda e desecamento de animais de sangue quente e de subprodutos de matadoiro, salas de despezamento e despachos de carne e aves. A materia prima debe estar desprovista de pelos, plumas, sedas, cornos, cascos e contidos dixestivos.

O proceso de fabricación comeza pola moenda do material de partida, para facilitar a meirande homoxeneidade no posterior procesado térmico. O material moído e homoxeneizado sométese durante vinte minutos a unha cocción a 133 ?C de temperatura e 3 bar de presión, para esterilizar o produto e fundir a graxa, parte da que vai separarse posteriormente.

A sedimentación da mestura resultante da cocción, permite a separación de parte da graxa. En España, a extracción da graxa faise por presión, polo que o seu contido medio na fariña é bastante elevado, entre o 12 e o 15%. En Francia se utilizan disolventes orgánicos, obtendo fariñas pobres en graxa, dun valor enerxético notablemente inferior ao das fariñas españolas ou estadounidenses.

A pasta parcialmente desengraxada sométese a secado ata deixala cunha humidade relativa reducida, o que axuda a evitar o crecemento de bacterias e a posible aparición de reaccións químicas non desexadas na fariña elaborada. Finalmente, a fariña ensácase para a súa comercialización, podendo incorporar antioxidantes e aditivos naturais que axuden a controlar o crecemento de microorganismos durante a almacenaxe anterior ao seu uso.

As fariñas de carne e ósos son unha boa fonte de proteínas e aminoácidos esenciais, cunha composición nutritiva de aproximadamente un catorce por cento de graxas e un sesenta por cento de proteínas. Da mesma maneira que as fariñas de pescado, adoitan empregarse preferentemente na elaboración de pensos compostos.

Actividades laborais:

Persoal principalmente masculino en tódalas fases produtivas e administrativas.

Emprego:

No ano 2020, na nova fábrica, daban emprego a unhas trinta persoas.

Materias Primas:

Residuos de pescado (carne roxa o sangacho, cabeza, vísceras, peles, colas e esqueleto).

Produtos Elaborados:

Fariñas e aceites de pescado.

Distribución e comercialización:

Nacional (hoxe en día, internacional).

Referencias Bibliográficas:

Acedo-Rico González, Juan (2001): “Seguridad alimentaria y fabricación de piensos compuestos: influencia de la tecnología de fabricación y del diseño de fábricas”, en XVII Curso de Especialización FEDNA: avances en nutrición y alimentación animal, p. 229-256. Zaragoza: Fundación Española para el Desarrollo de la Nutrición Animal (FEDNA).

AINIA (Asociación para la Investigación e Innovación Alimentaria): “Mejores técnicas disponibles para la industria de aprovechamiento de subproductos de origen animal”, en AINIA, Instituto Tecnológico Agroalimentario [en línea] https://prtr-es.es/Data/images//La%20industria%20de%20subproductos%20de%20origen%20animal-9EF41AF258214363.pdf [Acceso 17/12/2021].

Carmona Badía, Xoán; Nadal Oller, Jordi (2005): El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Confederación Española de Cajas de Ahorros (1975): Situación actual y perspectivas de desarrollo de Galicia. 4 vol. Madrid: Fondo para la Investigación Económica y Social de la Confederación Española de Cajas de Ahorros. DL M-39.109-1974. ISBN 84-7231-171-6.

Fernández Casanova, Carmen (1998): “Cambio económico, adaptacións e resistencias nos séculos XIX (dende 1870) e XX”, en Carmen Fernández Casanova (coord.) Historia da pesca en Galicia, p. 139-206. Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela. DL C-1816-1998. ISBN 84-8121-719-0.

Fernández González, Ángel Ignacio (2009): “Manuel (1868-1940), Bautista (1873-1961) e Josefino López Valeiras (1880-1944): os López Valeiras, exportadores de productos do país”, en Xoán Carmona Badía (coord.) Empresarios de Galicia, vol. 2, p. 304-333. Centro de Investigación Económica e Financeira (CIEF). A Coruña: Fundación Caixa Galicia. DL C-948-2009. ISBN 978-84-96982-37-6.

Fernández González, Ángel Ignacio (2011): “Los Escurís: de Rianxo y el río Te a conserveros del Barbanza”, en Xoán Carmona Badía (dir. e coord.) Las familias de la conserva. El sector de las conservas de pescado a través de sus sagas familiares, p. 534-551. Fundación Cluster de Conservación de Productos del Mar e ANFACO-CECOPESCA. Pontevedra: Diputación de Pontevedra. DL C-891-2011. ISBN 978-84-938942-0-7.

Hirsch, M. (1942): “Instalaciones y máquinas auxiliares de las industrias transformadoras: medios de tratamiento térmicos”, en Manual del Ingeniero. Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, 2ª ed. trad. de la 26ª edición alemana, tomo IV, capítulo IV, sección II, p. 483-512. Barcelona: Gustavo Gili.

Krekeler, K. (1942): “Industrias de la alimentación y afines: elaboración de las grasas y aceites”, en Manual del Ingeniero. Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, 2ª ed., trad. de la 26ª edición alemana, tomo IV, capítulo V, sección V, p. 617-624. Barcelona: Gustavo Gili.

Molinari, Hector (1920): Química general y aplicada a la industria. Tomo I: Química inorgánica: Generalidades y metaloides; tomo II: Química inorgánica: Metales; tomo III: Química orgánica. 2ª ed. española con arreglo a la 4ª ed. italiana. Barcelona: Gustavo Gili.

Nadal Oller, Jordi; Carreras Odriozola, Albert (dir. y coord.) (1990): Pautas regionales de la industrialización española (siglos XIX y XX). Barcelona: Ariel. DL B-218-1990. ISBN 84-344-6563-9.

Planck, R. (1942): “Instalaciones y máquinas auxiliares de las industrias transformadoras: medios de tratamiento térmicos, refrigeración, frío artificial”, en Manual del Ingeniero. Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, 2ª ed. trad. de la 26ª edición alemana, tomo IV, capítulo IV, sección II-G, p. 512-530. Barcelona: Gustavo Gili.

Quittkat, G.; Eckardt, H.; Meldau, R.; Galle, E.; Hirsch, M.; Planck, R.; Stroer, H.J. (1942): “Instalaciones y máquinas auxiliares de las industrias transformadoras”, en Manual del Ingeniero. Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, 2ª ed. trad. de la 26ª edición alemana, tomo IV, capítulo IV, p. 415-538. Barcelona: Gustavo Gili.

Sanz, Fernando (2001): “La alimentación en piscicultura”, en XVII Curso de Especialización FEDNA: avances en nutrición y alimentación animal, p. 317-327. Zaragoza: Fundación Española para el Desarrollo de la Nutrición Animal (FEDNA).

Taboada Arceo, Antonio (1971): Galicia, estructura y ritmo socio-económicos. La Coruña: Servicio de Estudios y Publicaciones de las Cámaras Oficiales de Comercio, Industria y Navegación de Galicia. DL C-145-1971.

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 151-IV Santa Uxía de Ribeira /// Datum ETRS89: H 29 // X 501.146,06 m / Y 4.710.885,22 m

Centro Nacional de Información Geográfica (s/d): “Fotototeca Digital”, en Instituto Geográfico Nacional. Ministerio de Fomento del Gobierno de España [en línea] Disponible en internet: http://fototeca.cnig.es/ [Acceso 11 marzo 2022].

Instituto de Estudos do Territorio (IDE) da Xunta de Galicia (s/d): Información Xeográfica de Galicia: visualizador de mapas [en liña] Dispoñible na Internet: http://mapas.xunta.es/visualizador-de-mapas [Acceso 11 marzo 2021].

Instituto Geográfico Nacional (s/d): “Mapa Topográfico Nacional 1:25.000”, en Mapas de España. Instituto Geográfico Nacional, Gobierno de España [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/buscarArtsMenu?categoria=MTN25-Mapa-Topográfico-Nacional-1:25.000 [Acceso 18 enero 2021].

Instituto Hidrográfico de la Marina (1964): De Cabo Corrubedo a Cabo Silleiro. Océano Atlántico Norte. Costa NW de España. Carta 925, con levantamientos no datados y correcciones hasta 1977. Cádiz: Talleres del Instituto Hidrográfico de la Marina. DL CA-293-1972.

Xunta de Galicia (Consellería do Medio Rural) (s/d): Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícola (SixPac): visor de mapas [en liña] Dispoñible na Internet: http://sixpac.xunta.es/visorsixpac/ [Acceso 11 marzo 2021].

Data de Actualización:

17 marzo 2022