700 Rey e Hijos (Conservas Reyman)

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: Pontevedra
  • Concello: Vigo
  • Parroquia: San Martín de Coia
  • Lugar: Coia de Abaixo
  • Paraxe: Rúa Tomás A. Alonso 139
  • Dirección: Non procede
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 42.22379982755107
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.74059628131103
  • Coordeadas UTM: Datum ETRS89: H 29 // X 521.408,57 m / Y 4.674.656,83 m
  • Clasificación: Fabricación de conservas de pescado
  • CNAE: 10.22 Fabricación de conservas de peixe (Conservas de sardiñas).
  • Tipoloxía: Conserva hermética de peixe en envase metálico
  • Comarca: Vigo
  • Marco Xeográfico: Proximidade do areal de Coia, nunha zona de asentamentos industriais, chea de estaleiros, talleres mecánicos e fábricas de conse
  • Ámbito: Mariñeiro e industrial (hoxe urbano)
  • Acceso: En Vigo localizaremos no Distrito 4 (antigas parroquias de San Martín de Coia e San Miguel de Bouzas) o número 139 da rúa Tomás Alonso, un amplo solar que se acrecenta para atrás ata o Camiño da Barciela e que acollera as instalacións da fábrica de Conservas Reyman.

Tipo de propiedade:

Privada

Visitable:

Exteriormente, sen apenas pegadas das edificacións

Xestión de visitas:

Non procede

Historia:

A conservación dos alimentos foi una preocupación principal dende os tempos máis remotos. En Nerga (Cangas) téñense atopado restos fenicios cando se escavaba nun vello salgadoiro; en Bueu apareceron restos de salgadoiros e ánforas de barro romanas; e en Noville (Mugardos) e Cariño (Ferrol) –entre outros lugares da costa atlántica galega– documéntanse senllas industrias romanas de salga de peixe.

Na Idade Media están documentadas as saídas dos portos galegos de grandes cantidades de peixes salgados e de polbos secos e curados ao aire con destino aos portos cantábricos, portugueses e andaluces. Tamén se constatan no século XVI os envíos de ostra escabechada á veciña Castela.

Aínda que os diferentes portos galegos xa despachaban ao Levante importantes cantidades de sardiña ao longo do século XV e comezos do XVI, cando xurde a competencia dos comerciantes do Mar do Norte (arenque inglés e bacallau escandinavo) o tráfico galego de salgadura sofre unha aguda e prolongada crise que se estende ata 1738, cando se prohibe o comercio con Inglaterra.

Avanzando no tempo, os tradicionais procedementos de conserva dos alimentos (curado, salgado, afumado, escabechado) van perfeccionándose. Na segunda metade do século XVIII, coa presenza dende 1750 dos cataláns nas rías galegas, vai incorporándose o prensado do peixe para mellorar os clásicos procedementos de salgadura.

Coa falta de abasto nos seus mercados e de mercados foráneos para os seus produtos, os levantinos desprázanse por tódalas costas peninsulares. As primeiras vagas de comerciantes cataláns recalan nas costas galegas por mor de vender viños, augardentes, aceites e xabóns, e mercan para os retornos sardiña que preparan os galegos cos métodos de salgadura tradicionais. Xa que o peixe en salgadura fora dende tempo atrás o principal produto galego de exportación, os levantinos optan inicialmente por aqueles lugares nos que xa existía unha infraestrutura pesqueira e de salga e curado do pescado consolidada. Ás vilas e portos de Vigo, Aldán, Bueu, Vilaxoán, O Caramiñal e Mugardos, con gran tradición neste tipo de actividades, sumaranse polas súas excepcionais condicións de abrigo, calado ou proximidade a núcleos comerciais importantes, as de Carril, O Freixo, Esteiro ou Portosín.

As primeiras actividades comerciais de “fomento da pesca” desenvolvíanse en pequenos barracóns de madeira situados á beira do mar e tiñan un carácter colonial, adquirindo a sardiña “escochada” aos mariñeiros galegos a cambio de produtos levantinos (viño, augardente, licores, aceite, xabón…) e bacallau danés. Desde 1780 os almacéns de salgadura irán adoptando configuracións estandarizadas nas principais áreas sardiñeiras. Os comerciantes cataláns só permanecen acó entre abril e decembro –a “costeira” ou tempada da pesca da sardiña– tornando despois ao Levante ata a seguinte campaña.

A primeira etapa remata trala ocupación francesa, e a partir de 1810 as seguintes vagas xa formaron compañías locais, asentándose nas beiramares e integrándose na sociedade galega co único obxectivo de explota-los recursos naturais das rías galegas, nomeadamente a sardiña. Unha parte importante dos beneficios reinvístense na actividade dos salgadoiros, con fortes inversións en todo tipo de bens destinados a esta industria: edificios, embarcacións, redes e artes de pesca.

As principais innovacións introducidas polos fomentadores cataláns foron as produtivas, retributivas e crediticias propias do emerxente capitalismo: as redes de arrastre (a xávega, de orixe árabe), máis produtivas que as artes de deriva (xeito e volantas) e de cerco (chinchorro, traíña, xareta); as novas técnicas de salgadura aprendidas dos holandeses (sardiñas “arencadas”, o prensado fronte ao escochado e salpresado), coa extracción das graxas e o aproveitamento dos aceites; e os novos sistemas de traballo, coa privatización dos aparellos e a remuneración do traballo co salario, aínda que se continuase tamén co sistema de quiñóns.

As novas e máis produtivas técnicas de pesca foron inicialmente rexeitadas polos gremios galegos, preocupados polo esgotamento dos recursos mariños e partidarios dunha pesca sustentábel. Pero a razón económica acabaría prevalecendo sobre a conservadora, xeneralizándose tamén os novos procedementos de prensado do peixe salgado para a elaboración das salgaduras.

Contra 1820 descóbrese en Francia unha maneira de conservar moito más eficiente e duradeira cá da salgadura, que por riba reduce drasticamente as necesidades de sal na conserva: o envasado e a esterilización das viandas en recipientes herméticos, de vidro primeiro e de folla de lata máis tarde. O procedemento vai xeneralizarse na Bretaña a altura de 1840.

No ano 1828 José María Tubiano establecería en Oviedo a primeira fábrica española de conservas herméticas de pescado, á que axiña seguirían outras dúas, tamén en Asturias, e, xa en 1836, a de Francisco Zuloaga na Ponte Gaiteira (Oza, A Coruña). Dende 1850 van establecerse outros pequenos talleres que envasaban manualmente en frascos de vidro sardiña, pescada, ollomol, ostras, caza, verduras e froita, e que chegarían a seren corenta contra 1880, das que trece estaban en Cantabria, dez no País Vasco, nove en Asturias e sete en Galicia.

As primeiras conserveiras galegas tiñan unha produción diversa (dende sardiñas en aceite a lingua de vaca) moi pouco especializada e con procesos maioritariamente manuais. Nestes primeiros anos, na elaboración dos produtos empregaban como envase, primeiro, frascos de vidro, e, deseguido, folla de lata de importación, pechándose as latas con soldadura manual. Frascos e latas esterilizábanse despois ao “baño maría” en caldeiras abertas. Estes pioneiros foron Zuloaga (Oza, 1836, vid. ficha 547), Pelletier (Coruña, 1853), “La Aurora” de Alejandro Carreño (Noia, 1856, vid. ficha 422), Curbera (Vigo, 1861, vid. ficha 267), e “La Noyesa” de Joaquín Caamaño (1874, vid. ficha 368), aos que seguirían moitos outros.

Pódese considerar como a primeira fábrica moderna de conservas de peixe en Galicia a que puxera en funcionamento en 1879 Juan Goday Gual na Illa de Arousa (vid. ficha 124), cun edificio construído expresamente para contela, unha máquina de vapor adquirida en Birmingham, una cheminea, uns soldadores especializados no peche das latas e un técnico francés ó fronte do proceso produtivo “ao estilo de Nantes”, coa vianda cociñada antes do seu enlatado e esterilizado. O éxito da modernización fixo que contra 1907 xa houbera máis de cen empresas deste tipo en Galicia.

Descrición Xeral do Entorno:

A fábrica fora construída na proximidade do que fora o areal de Coia, unha zona de vivendas de mariñeiros que fora indo acrecentada e ocupada por estaleiros, talleres mecánicos e fábricas de conservas de pescado.

Construcción:

1935.

Abandono:

1988.

Descrición:

Corría o mes de xaneiro do ano 1922 cando Manuel Rey Vázquez, comerciante vigués con almacén de louza e porcelana na rúa Victoria, experiencia mercantil e bos contactos profesionais, formaba con Manuel Álvarez Pérez a sociedade «Álvarez y Rey, S.L.», dedicada á importación e exportación de artigos de cristal e porcelana (vid. ficha 415).

En 1927, tras cinco anos de funcionamento, os socios deciden separarse. Rey formará a sociedade «Manuel Rey y Compañía», mentres que Álvarez constituirá «Manuel Álvarez e Hijos, S.L.», e ambas sociedades, agora de maneira independente, continuarán traballando no mesmo sector de actividade.

Na diversificación da súa actividade empresarial, en 1935 Manuel Rey formaría unha nova sociedade co salmantino Marcelino Briz García, desde 1932 establecido en Vigo. A nova compañía, co nome de «Conservas Rey-Briz», asentaríase no barrio de Coia, a carón da carreteira Vigo-Baiona (hoxe rúa Tomás A. Alonso), como fábrica de conservas de pescado.

A sociedade «Conservas Rey-Briz» mercaría outra fábrica de conservas na praia de Area Secada, en O Touro, no termo municipal de Ribeira que explotarían conxuntamente ata o ano 1946, en que acordaron separarse, quedándose os Rey coa fábrica de Coia e os Briz coa de O Touro (vid. ficha). As conservas de Rey pasarían a comercializarse baixo a razón social «Rey e Hijos Conservas Reyman, Sociedad Anónima».

Nese ano de 1946, o fillo de Manuel Rey, Francisco comezaría unha nova aventura empresarial. Coa razón social de «Manuel Rey e Hijos, S.L.» e a marca rexistrada «Reyman» poría en marcha unha fábrica de artigos de goma, en Coia de Arriba (hoxe Avenida Castelao) comercializando calzados, correas de transmisión, bandas de transporte e variados artigos de látex (vid. ficha 709).

Nos primeiros anos do decenio de 1960, «Rey e Hijos Conservas Reyman, S. A.» ampliaría o negocio conserveiro instalando unha nova fábrica no lugar de Currás, en Vilanova de Arousa. Esta fábrica deixaría de funcionar en 1988 e sería adquirida en 1989 polo matrimonio formado por Antonio Otero Suárez e Dolores Oubiña Diz, e a ela trasladarían en 1995 toda a produción da súa marca «Conservas Dardo» e pecharían a factoría que con tal nome tiñan na Illa de Arousa (vid. ficha 444).

O mesmo que farían outros fabricantes de conserva para acomodarse aos novos tempos, a fábrica de Coia acometería no decenio de 1970 diversas adaptacións nos procesos e na adaptación das materias primas e dos produtos elaborados para a exportación a novos mercados. Por exemplo, en 1979 o goberno de España autorizaría a «Rey e Hijos Conservas Reyman, S.A.», «Conservas Garavilla, S.A.», e «Fabricantes Conserveros Reunidos S.A.» (FACORE), para a importación de aceite cru de soia (Glycine max) e a exportación de conservas de pescados e mariscos preparados en aceite de soia e outras salsas; de anchoas, sardiñas, atún, bonito, xarda, e outras conservas de pescado; de calamares, polbos e similares, mexillóns e outras conservas de mariscos (Orde de 25 de xaneiro de 1979).

E dous anos despois, por Orde de 5 de maio de 1981, autorizaríase a «Rey e Hijos-Conservas Reyman, S.A.» para a importación de atúns e a exportación de conservas de atúns. Porén, a fábrica de Coia non superaría a adaptación aos novos tempos e non continuaría funcionando máis aló do ano 1988, en que cesaría a produción e pecharía definitivamente as instalacións fabrís.

O conxunto fabril, construído entre as rúas Tomás A. Alonso e o Camiño da Barciela ocupaba unha superficie superior aos mil setecentos metros cadrados e dispoñíase en tres sectores ben diferenciados. O recinto con acceso pola rúa Tomás A. Alonso, cun fronte duns dezaoito metros e un fondo de quince, viña configurado a modo de tres naves rectangulares, de dezaoito por seis metros cada unha, arrimadas unha a outra polo lado máis longo e paralelas á rúa. Este conxunto tiña baixo e dous andares, con cadansúa das tres cubertas a dúas augas.

O segundo recinto, arrimado ao primeiro, estendíase desde a esquina sur oriental de este ata o Camiño da Barciela, formando un trapecio irregular cunha lonxitude inicial duns corenta metros e trinta e dous de fondo. Consistía en tres naves rectangulares duns once metros de anchura, arrimadas polas súas caras máis longas e con lonxitudes decrecentes desde os corenta ditos ata os vinte e nove na terceira delas. Tiñan dúas alturas e cubertas de fibrocemento (uralita) a dúas augas.

Finalmente, o terceiro dos recintos, arrimado ao anterior, ocupaba o espazo restante da parcela, estendéndose entre o Camiño da Barciela e o Camiño Rañeira cunha lonxitude duns vinte e cinco metros e unha anchura decrecente dos dezaseis metros do poñente aos nove do levante. Ten dous corpos diferenciados. O que ten fronte ao Camiño da Barciela era de planta trapecial irregular, con lados de dezaseis, catorce, once e sete metros, con baixo e dous andares, e cuberta de tella a tres augas. Arrimada a el, unha nave, tamén de planta trapecial irregular, con lados de once, catorce, nove e dezaoito metros, cun só andar e cuberta de fibrocemento (uralita) a dúas augas, cunha cheminea de ladrillo duns dez metros de altura na súa esquina meridional.

Como xa quedou anotado, en 1988 a fábrica dos Rey cesaría na súa actividade. O abandono das instalación daría na súa ruína e contra o ano 2005 procederíase a súa completa demolición.

Tempo de uso:

Inicialmente, estacional, dependendo fundamentalmente das mareas da pesca e do marisqueo dos produtos elaborados. O desenvolvemento no decenio de 1960 da industria frigorífica, no mar e en terra, permitirá á industria conserveira poder traballar continuamente todo o ano.

Sistema de produción:

Completadas as capturas, os barcos retornaban dirixíndose ás proximidades das conserveiras para entregar a súa pesca. O penetrante son dos bucios ou caracolas (ou das sirenas) advertía aos de terra da chegada do peixe e os veciños –mormente mulleres– aprestábanse para o desembarcar nas praias ou, no mellor dos casos, peiraos. Unha vez descargado o peixe das embarcacións –mormente sardiña, pero tamén xarda e agullas–, trasladábase nas patelas á fábrica para proceder á preparación das conservas.

Para moitos veciños das conserveiras, as tarefas xa comezaban coa recollida e transporte de leña ata as praias próximas, onda se recibían os mexillóns (e tamén as navallas, os croques e as ameixas) e se cocían en auga de mar, escunchándoos despois e limpando a vianda antes de transportala ás fábricas para o seu envasado. Nas modernas fábricas, o proceso facíase xa no interior delas.

No caso da sardiña e outros peixes (xardas, agullas, bocarte, atún), tralo carrexo das patelas das embarcacións á fábrica e a descarga das patelas nas mesas, procedíase ao descabezado, eviscerado, limpeza e lavado do peixe. O proceso seguía despois co cocido das pezas en salmoira ou ben ao vapor. Para o cocido ao vapor púñanse as sardiñas (ou o peixe que fora) nas grellas de arame, que pasaban ao carro para as introduciren nos torradores onde se cocían co vapor producido na caldeira da fábrica.

Sacábanse logo os carros coas grellas e púñanse os peixes e mariscos xa cocidos nas mesas de empacado onde se colocaban nas latas e se lles botaba o aceite ou o prebe (escabeche, salsa de tomate, salsa de vieira). Unha vez as latas enchidas de aceite, pasaban á sección de pechado, onde se cerraban con estañado por soldadura manual, nos primeiros tempos, e despois nas máquinas de sertido ou peche mecánico por compresión. As latas introducíanse seguidamente no autoclave para o seu esterilizado, tralo que se lavaban para quitarlles todo rastro de aceite ou graxa e se levaban ao estoxado e se colocaban nas caixas nas que se levarían á distribución e venda.

O desenvolvemento da industria foi introducindo modernizacións que supoñían tanto melloras produtivas como hixiénicas: canles de eviscerado, canles de lavado e salmoira, mesas circulares de dobre carrusel para o abasto de latas baleiras e material a empacar, fornos de cocción continua de vapor aberto, transportadoras de latas, etc.

No ano 1960 xa se empacaban os túnidos mecanicamente, e en 1962 introducíase na liña da sardiña o novo sistema de recepción e tratado do peixe, pasando primeiro aos tanques de salmoira refrixerada e de alí ao corte e eviscerado mecánico, para continuar en bandexas plásticas aos fornos de cocción e seguidamente ás mesas de empacar, todo elo sen intervención de man de obra.

Actividades laborais:

Man de obra principalmente feminina na limpeza e preparación da vianda. Persoal principalmente masculino na atención da maquinaria e supervisión dos procesos.

Emprego:

A finais do ano 1969 a empresa “Rey e Hijos, Conservas Reyman” declaraba sesenta e tres “produtores”.

Materias Primas:

Peixes, sardiña (Sardina pilchardus), bonito del norte (atún branco, albacora, Thunnus alalunga), atún tropical (atún claro, rabil, Thunnus albacares), atún claro (patudo, Thunnus obesus), atún listado (Katsuwonus pelamis). Moluscos, berberecho (Celastoderme edule), mexillón (Mytilus edulis), zamburiña (Chlamys varia), voandeira (Chlamys opercularis), navalla (Ensis ensis), longueirón (Ensis siliqua). Aceites vexetais (oliva, xirasol, soia).

Produtos Elaborados:

Conservas de pescados e mariscos.

Distribución e comercialización:

Nacional e internacional.

Referencias Bibliográficas:

Alonso Álvarez, Luis (1977): Industrialización y conflictos sociales en la Galicia del Antiguo Régimen, 1750-1830. Madrid: Akal. ISBN 84-7339-243-4.

Carmona Badía, Xoán; Nadal Oller, Jordi (2005): El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Fernández Casanova, Carmen (1998): “Cambio económico, adaptacións e resistencias nos séculos XIX (dende 1870) e XX”, en Carmen Fernández Casanova (coord.) Historia da pesca en Galicia, p. 139-206. Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela. DL C-1816-1998. ISBN 84-8121-719-0.

Fernández González, Manuel (2005): La dinámica sociopolítica en Vigo durante la Segunda República. Tesis doctoral, inédita. Facultad de Geografía e Historia, Universidad de Santiago de Compostela.

Fernández Leiceaga, Xoaquín; López Iglesias, Edelmiro (2000): Estrutura económica de Galiza. Santiago de Compostela: Laiovento. ISBN 84-89896-76-3.

Lago Peñas, Pedro (2009): La construcción del movimiento sindical en sistemas políticos autoritarios: las comisiones obreras de Galicia (1966-1975). Tesis doctoral. Departamento de Ciencia Política y de la Administración de la Universidad de Santiago de Compostela.

Navas Novas, Ana María (2006): “Manuel Álvarez Pérez (1873-1938) e Moisés Álvarez O’Farrill (1904-1975)”, en Xoán Carmona Badía (coord.) Empresarios de Galicia, p. 318-343. Centro de Investigación Económica e Financeira (CIEF). A Coruña: Fundación Caixa Galicia. DL C-2900-2006. ISBN 84-96494-83-7.

Niese, H. (1942): “Industrias de la alimentación y afines. Curado y conservación del pescado”, en Manual del Ingeniero, tomo IV, capítulo X, p. 643-647. Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, 2ª ed. trad. de la 26ª edición alemana. Barcelona: Gustavo Gili.

Riveras Rivas, Pablo (2015): Empresa y guerra: las estrategias empresariales en Galicia durante la Guerra Civil (1936-1939). Tesis doctoral, inédita, Departamento de Economía Aplicada, Universidade da Coruña.

Romero Masiá, Ana; Alfeirán Rodríguez, Xosé (2000): Salgadeiras e conserveiras de pescado en Galicia: evolución histórica e o traballo das mulleres. Fundación Luís Tilve. A Coruña: Federación de Alimentación, Bebidas e Tabacos de Galicia UGT. ISBN 84-607-0242-1.

Taboada Arceo, Antonio (1971): Galicia, estructura y ritmo socio-económicos. La Coruña: Servicio de Estudios y Publicaciones de las Cámaras Oficiales de Comercio, Industria y Navegación de Galicia. DL C-145-1971.

Valeiras Sánchez, Joaquín Julio (2022): Álvarez (1922-2002), el emporio vigués de cerámica y vidrio. Vigo: Instituto de Estudios Vigueses.

Vidal Lago, Pedro (2016): “Fábrica de Conservas Rey e Hijos S.A. (REYMAN)”, en Entre ruinas, blog de exploraciones urbanas (URBEX) [en línea] http://entre-ruinas.blogspot.com/2016/01/fabrica-de-conservas-rey-e-hijos-s.html [Acceso 22/12/2021].

Xunta de Galicia (2007-2011): Plan de Ordenación do Litoral [en liña] Dispoñible na Internet: http://www.xunta.es/litoral [Acceso 8 decembro 2020].

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 223-III Vigo /// Datum ETRS89: H 29 // X 521.408,57 m / Y 4.674.656,83 m

Centro Nacional de Información Geográfica (s/d): Fotototeca Digital. Instituto Geográfico Nacional, Ministerio de Fomento del Gobierno de España [en línea] Disponible en Internet: http://fototeca.cnig.es/ [Acceso 3 febreiro 2020].

Instituto de Estudos do Territorio (IET) da Xunta de Galicia (s/d): Información Xeográfica de Galicia: visualizador de mapas [en liña] Dispoñible na Internet: http://mapas.xunta.es/visualizador-de-mapas [Acceso 3 febreiro 2020].

Instituto Geográfico Nacional (s/d): “Mapa Topográfico Nacional 1:25.000”, en Mapas de España. Instituto Geográfico Nacional, Gobierno de España [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/buscarArtsMenu?categoria=MTN25-Mapa-Topográfico-Nacional-1:25.000 [Acceso 18 enero 2021].

Instituto Hidrográfico de la Marina (1964): De Cabo Corrubedo a Cabo Silleiro. Océano Atlántico Norte. Costa NW de España. Carta 925, con levantamientos no datados y correcciones hasta 1977. Cádiz: Talleres del Instituto Hidrográfico de la Marina. DL CA-293-1972.

Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación del Gobierno de España: Sistema de Información Geográfica de Parcelas Agrícolas (SIGPAC), Visor SigPac V 4.8 [en línea] Disponible en Internet: https://sigpac.mapama.gob.es/fega/visor/ [Acceso 4 abril 2022].

Xunta de Galicia (Consellería do Medio Rural) (s/d): Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícola (SixPac): visor de mapas [en liña] Dispoñible na Internet: http://sixpac.xunta.es/visorsixpac/ [Acceso 27 maio 2017].

Data de Actualización:

20 abril 2022