706 AUCOSA (Auxiliar Conservera, S. A.)

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: Pontevedra
  • Concello: Vigo
  • Parroquia: San Martiño de Coia
  • Lugar: Bouzas
  • Paraxe: San Gregorio
  • Dirección: Avenida de Beiramar, 6 – 36208 Bouzas, Vigo
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 42.225277575939415
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.741111265441889
  • Coordeadas UTM: Datum ETRS89: H 29 // X 521.365,16 m / Y 4.674.800,58 m
  • Clasificación: Industria alimentaria
  • CNAE: 10.21 Procesado de pescados, crustáceos e moluscos. 10.91 Fabricación de produtos para a alimentación de animais de granxa.
  • Tipoloxía: Almacenes frigoríficos
  • Comarca: Vigo
  • Marco Xeográfico: Beiramar do que foi o areal de Coia, case na punta de San Gregorio, na ribeira sur da ría de Vigo.
  • Ámbito: Industrial
  • Acceso: En Vigo, localizamos a Avenida da Beiramar, da Praza da Industria Conserveira cara a Bouzas. Na man dereita, no número 6, entre os estaleiros Hijos de J. Barreras e Armón, atópase a edificación que acolleu AUCOSA ata o ano 2012.

Tipo de propiedade:

Privada no dominio público marítimo terrestre.

Visitable:

Exteriormente

Xestión de visitas:

Non procede

Historia:

O coñecemento da conservación dos alimentos polo frío é moi antigo, como o é a súa aplicación práctica. As referencias ao emprego da neve remontan ata o esplendor da cultura mesopotámica (alá polo 3000 a.C.) e mencionan a existencia de ‘casas de frío’ ou ‘casas de neve’ nas cidades de Mari (Éufrates medio, no noroeste) e Ur (sueste da Mesopotamia), onde almacenaban a que recollíase, respectivamente, nos distantes montes Taurus (Asia Menor) e na cordilleira dos Zagros (Persia), a máis de trescentos quilómetros de distancia de cada cidade.

Escritos chineses anteriores ao primeiro milenio anterior á era cristián, describen as cerimonias relixiosas que acompañaban o enchido no inverno e o baleirado no verán, dos sotos nos que almacenábase a neve en forma de xeo. Nos anos dourados da Antiga Roma, arredor do século II a.C., empregábase o xeo dos Apeninos con fines medicinais e preparación de bebidas frías e xeados, ademais da conservación dos alimentos.

E segundo se recolle nas «Mil e unha noites», compilación efectuada arredor do ano 850 de relatos tradicionais do Oriente Medio (árabes, exipcios, indios, persas e mesopotámicos), na Idade Media caravanas de camelos transportaban xeo desde o Líbano ata os palacios dos califas en Damasco e dende os Montes Zagros ata Bagdad.

Ademais da elaboración de xeo polo prensado da neve nos pozos, escavados no chan e illados con pasto, palla e ramas de árbores, nos que se conservaba, sábese por antigos escritos de diferentes procedementos que outros pobos –como os exipcios e os hindús– empregaban para arrefriar auga e mesmo elaborar xeo. Co almacenaxe da auga en recipientes de arxila porosa, de boca estreita e ventre amplo, favorecíase a transudación da auga polas paredes e a posterior evaporación, coa conseguinte baixada de temperatura do recipiente e da auga contida no interior (como no canabarro ou porrón chamado “botijo” en español, de ventre amplo, cunha asa superior, unha boca para enchelo e unha biquela para beber). Nas zonas desérticas, con elevadas temperaturas diúrnas e fortes arrefriamentos nocturnos, a auga depositada en vasillas de arxila porosa, de pouco fondo e ampla boca e ben illadas do chan por medio de palla, acababa por formar finas capas de xeo na superficie.

As técnicas do arrefriado e refrixeración irían evolucionando desde o uso do frío natural ata o emprego de frío artificial, que permitiría desenvolver ás técnicas de conxelación. Neste tránsito, o emprego de mesturas refrixerantes sería unha importante etapa intermedia, que ademais abriría a porta ao estudo polo miúdo de diferentes sustancias e procesos químicos de utilidade nestes procesos. A diminución da temperatura da auga pola adición de certos sales (o nitrato sódico, por exemplo), xa era un fenómeno coñecido e aplicado no século IV na India. E esta sabedoría chegaría á Península Ibérica coa ocupación musulmá no século VIII. Sábese que o Califato Omeya introduciu en Córdoba no século X a elaboración dos sorbetes, un refresco –xeralmente de froitas e servido xeado– que preparaban usando unha mestura de neve con salitre (nitro, nitrato potásico).

No século XII utilizábase na China o arrefriado da auga con salmoira, titubeos da refrixeración artificial, pero haberá que esperar ata o século XVI para coñecer na Europa os primeiros intentos de produción artificial de frío. E vai ser Blas de Villafranca, un médico español apousentado en Roma, quen vai ocuparse nun libro que publicara en 1553 “do arrefriamento da auga e do viño por medio de mesturas refrixerantes de sal de nitro” (Methodes refrigerandi ex vocato sale nitro vinum aquamque ac potus quodvis aliud genus, cui accedaent varia naturalium rerum problemata, non minus jucunda lectu, quam necesaria cognitu), texto no que, por primeira vez, emprégase o termo refrixerar para expresar o mantemento dunha temperatura inferior ao do ambiente, e no que explica como engadindo sal ao xeo baixa a temperatura á que este desfáise en auga.

En 1607 descubriríase que co emprego dunha mestura de auga e sal podía conxelarse a auga, tralo que científicos como Robert Boyle (1627-1691), en Londres, Philippe Laire (1677-1719), en París, ou Antoine Baumé (1728-1804), tamén en París, comezarían a utilizar mesturas refrixerantes nos seus laboratorios, mirando de baixar cada vez un pouco máis a temperatura, ata conseguir a formación de xeo artificial. En 1715, empregando unha mestura de xeo e nitrato amónico, o polonés Daniel Gabriel Fahrenheit desenvolvería o termómetro de mercurio e establecería o cero da súa escala de temperaturas no valor máis baixo que entón podía conseguirse (0 ?F = -17’78 ?C).

Xa no século XIX serían numerosos os científicos (von Karsten, 1840; Hanemann, 1864; Rüdorff, 1869; Pfandler, 1875; Brendel, 1892) que estudarían as leis que rexen as mesturas frigoríficas, e mesturas de xeo e sal común, coas que pódense acadar ata vinte graos baixo cero, serían empregadas para a conxelación de produtos alimenticios. Inda en 1904 (Emilio Carbonell) e 1912 (José Gres), rexistráranse patentes españolas de mesturas refrixerantes para conservar alimentos. Con todo, estes métodos de refrixeración eran necesariamente descontinuos e de limitada capacidade, e a refrixeración e a conxelación non se popularizarían ata o desenvolvemento dos métodos continuos, basicamente aqueles que consumían enerxía mecánica (ciclos de compresión de vapor) e aqueloutros que consumían enerxía calorífica (ciclos de absorción).

Os primeiros procesos continuos de produción de frío basearíanse na absorción de calor que ten lugar na evaporación de un fluído, fluído que despois comprimíase para volvelo á súa forma líquida, podendo repetirse indefinidamente o proceso cun ciclo de expansión e compresión. Sería o estadounidense Jacob Perkins (1766-1848) quen obtería en 1834 a patente dunha máquina que traballaba con éter nun ciclo cerrado de compresión e expansión de vapor condensable para a produción de xeo e o arrefriamento de líquidos, máquina que sería a base da actual industria da refrixeración e conxelación.

O tamén estadounidense John Gorrie, un médico que buscaba unha máquina que producira xeo e frío para aliviar aos seus pacientes de febre marela, anunciaba en 1844 o seu deseño. A súa máquina empregaba aire comprimido en vez de éter e o fluído de traballo, o aire, non cambiaba de fase no ciclo. En 1851 lle sería concedida a patente nos EE.UU. e a súa sería a primeira máquina de refrixeración que funcionou comercialmente con éxito, particularmente nos buques ao non teren que empregar o éter, moi perigoso pola súa inflamabilidade. Sería perfeccionada co coñecemento dos procesos termodinámicos, construíndose máquinas de ciclo aberto (tomando aire novo en cada ciclo, ciclo inverso do de Brayton), e de ciclo cerrado (ciclo inverso do de Joule) que son a base dos actuais sistemas de refrixeración para aeronaves.

A afinidade do amoníaco pola auga, observada por Joseph Priestley en 1774, levaría ao francés Ferdinand Philippe Edouard Carré (1824-1900) a idear e patentar en 1859 unha máquina de refrixeración que consumía calor, no canto de traballo. O sistema, que bautizaría como “afinidad”, sería posteriormente coñecido como arrefriamento por absorción. Na máquina, unha solución concentrada de amoníaco e auga quentábase, desecándose os vapores de amoníaco e condensándoos despois con auga fría, tralo que reducíase a súa presión cunha válvula de expansión que daba paso ao serpentín evaporador, inmerso en salmoira na que conxelábase a auga. O amoníaco pasaba entón ao “absorbedor”, no que rexenerábase a solución concentrada do amoníaco en auga e enviábase ao quentador, comezando así un novo ciclo.

A máquina de Carré foi premiada na Exposición Universal de Londres de 1862 e no 1875 o buque Paraguay, equipado con ela, transportou por primeira vez carne conxelada de Buenos Aires ao porto francés de Le Havre. As máquinas frigoríficas de absorción, pese unha meirande complexidade, terían unha clara hexemonía sobre as máquinas de compresión, ata que contra 1875 o emprego en estas de fluídos diferentes dos éteres (e non inflamáveis) as relegarían a un lugar secundario, coa excepción daquelas industrias nas que podían aproveitar os calores residuais do proceso fabril.

A utilización do amoníaco como fluído de traballo nos ciclos de compresión, desenvolvida en 1876 por Carl Ritter von Linde, suporía a consolidación da técnica frigorífica e a súa utilización arreo en leitarías, matadoiros, cervexarías e demais industrias con necesidades de arrefriado, sendo hoxe en día esencial no procesado, almacenamento e loxística de distribución dos alimentos. Por outra parte, a implantación progresiva de fábricas de xeo en varias cidades a partires de 1890 suporía a fin da industria do xeo natural obtido nas neveiras antes citada (vid. ficha 694 Neveiras do Candán, por exemplo).

Coa comercialización en 1918 pola empresa Kelvinator dun frigorífico consistente nun armario de madeira no que, coa axuda dun motor eléctrico, se comprimía amoníaco para arrefriar auga, a industria frigorífica iniciaría a súa expansión no ámbito doméstico e residencial dos Estados Unidos de América do Norte. Desde 1931 o invento comercializaríase en Europa pola empresa sueca Electrolux.

No ámbito da aplicación do frío artificial ao sector alimentario, en 1917 o neoyorkino Clarence Birdseye iniciaba ensaios de refrixeración e conxelación de alimentos. En 1924 comezaba a comercialización de chícharos conxelados, vendendo ou alugando aos comerciantes os seus “caixóns para almacenar conxelados”. En 1929 a compañía Goldman-Sachs Trading Corporation, asociada coa Postum Company, compráronlle as patentes e marcas rexistradas. En 1930 apareceron os primeiros vehículos frigoríficos. En 1944, a compañía de Birdseye empezaba a alugar, con opción a compra, furgóns refrixerados para transporte de alimentos.

O perfeccionamento das técnicas de refrixeración e conxelación nos anos seguintes consolidarían a presencia das cadeas de frío en tódolos ámbitos, dándolle total carta de natureza.

Descrición Xeral do Entorno:

A fábrica construíuse na beiramar da enseada de Bouzas, nunha zona próxima ao porto pesqueiro do Berbés, na que íanse asentando os estaleiros e talleres mecánicos. A proximidade ao Berbés e unha boa comunicación pola avenida de Orillamar (hoxe, de Beiramar), facilitaría a chegada das materias primas e a saída dos produtos. As incomodidades para a veciñanza e a insalubridade asociada ao tratamento dos residuos, xunto coa progresiva extensión da zona urbana, non tardaría en aconsellar o traslado da actividade de fabricación de aceites e fariñas de pescado a un lugar ben afastado de aqueles máis poboados da contorna da cidade de Vigo. A localización elixida sería Punta Chapelisa, no lugar de Cabanas da parroquia de San Vicente de Trasmañó, no veciño termo municipal de Redondela (vid. ficha 713).

Construcción:

1959. En 1976 construíronse en Punta Chapelisa unha novas instalacións para acoller a sección de fabricación de aceites e fariñas de pescado.

Abandono:

As instalacións frigoríficas de Beiramar pecharon no 2012, pero a empresa continuou a actividade transformadora na chamada “Factoría Reductora” (vid. ficha 713), na Punta Chapelisa, no termo municipal de Redondela, factoría que na data atópase en funcionamento como fábrica de aceites e fariñas de pescado.

Descrición:

A industria frigorífica foi comercialmente viable dende mediados do século XIX, mais non sería ata despois da Guerra Civil Española (1936-1939) cando se xeneralice a súa implantación en España, tanto para o sector cárnico como o pesqueiro. Entre 1947 e 1951 o Instituto Nacional de Industria (I.N.I.) promovería o “Plan de red frigorífica nacional”, para suplir tal carencia da industria agroalimentaria española.

Con todo, o frío artificial xa contaba daquela en España cunha traxectoria de certa importancia, vinculada principalmente á fabricación de xeo e de cervexa, sendo a que en 1864 abriu en Barcelona o alsaciano Louis Moritz a primeira das grandes fábricas, á que seguirían outras marcas, como “La Salve” (Bilbao, 1886), “Mahou” (1890, Madrid), “Ámbar” (Zaragoza, 1900), “Cruzcampo” (1904, Sevilla) ou “La Estrella de Galicia” (1906, A Coruña).

En Galicia, José Barreras Massó, formado na Escola de Enxeñeiros Industriais de Barcelona, comezaría a súa actuación empresarial coa montaxe en Vigo en 1888 dunha pequena fábrica de xeo para o subministro aos vapores e ao ferrocarril de Madrid (vid. ficha 344). Non tardaría o seu exemplo en ser seguido por algunhas fábricas de cervexa (vid. ficha 660 La Estrella de Galicia, en 1906), que comercializarían tamén bloques de xeo para a hostalaría e as vivendas dos máis podentes.

No decenio de 1920, Vigo era unha cidade en expansión na que a emigración a América, o retorno dos “indianos” que alá fixeran fortuna e a transformación da industria de salga en fábricas de conservas supuña un notable movemento da poboación, e ademais das instalacións de frío industrial para o abasto das embarcacións do porto pesqueiro, desde 1925 “Cervezas de Santander” fabricaba en A Barxa as marcas “La Cruz Blanca” e “La Austríaca”, que comercializaría en varios tipos de elaboración (vid. ficha 628).

Neste dinámico contexto, a iniciativa viguesa emprendería a modernización do seu sector pesqueiro e das industrias a el asociadas para a transformación da pesca e, co desgraciado paréntese da Guerra Civil Española (1936-1939), tomaran a iniciativa de dotarse non so con instalacións para a fabricación de xeo, senón tamén con almacéns refrixerados para a mellor conservación da pesca, a materia prima dos seus procesos produtivos.

Por tal razón, algúns industriais vigueses contaban con importantes instalacións frigoríficas con anterioridade a posta en marcha do plan do INI, como por exemplo no caso de Motopesqueros de Altura Reunidos (M.A.R., S.A.), fundada en 1939, ou Frigoríficos de Vigo, fundada en 1940.

No desenvolvemento posterior das industrias frigoríficas da ría de Vigo, a meirande parte delas e as máis importantes, instalaríanse no peirao do Berbés e ao longo do recheo de Orillamar (hoxe, Beiramar), proxectos ambos aprobados en 1924 e que irían sendo rematados en diferente fases entre 1939 e 1947.

A compañía "Auxiliar Conservera S.A." (AUCOSA) nacía en 1959, froito da iniciativa dun grupo das máis importantes empresas da industria conserveira galega, entre as que destacaba entón a grovense Thenaisie-Provôté e ás que, anos despois, sumaríase tamén a conserveira “Bernardo Alfageme S.A.” (vid. ficha 344).
Para satisfacer as necesidades dos seus socios, AUCOSA construiría unha planta frigorífica na avenida de Beiramar, no barrio de Bouzas, instalacións que tamén contarían desde 1966 cunha moderna fábrica de fariñas e aceites de peixe para o procesado dos subprodutos que se xeraban na fabricación de conservas e outros elaborados de pescado nas diferentes fábricas dos asociados.

En 1967 a actividade da empresa vai expandirse cara á prestación de servizos de almacenamento e conxelación de peixe cunha moderna instalación frigorífica na mesma avenida de Beiramar. A partir de 1972, AUCOSA pecharía un acordo coa empresa coruñesa “Industrial Ballenera, S.A.” (IBSA) e con diversas compañías xaponesas comercializadoras de carne de balea, acordo polo que nas instalacións de Beiramar se conservarían as partidas de carne do cetáceo facturadas dende a factoría de procesado que “Massó Hermanos” operaba en Cangas (vid. ficha 152 Factoría de Cangas).

A actividade de fabricación de fariñas e aceites de pescado trasladaríase en 1976 da viguesa avenida de Beiramar a Punta Chapelisa, na veciña localidade de Cabanas, parroquia de San Vicente de Trasmañó do termo municipal de Redondela.

A gran planta frigorífica de AUCOSA en Beiramar seguiría funcionando como depósito de alimentos ultraconxelados, nomeadamente pescado xa preparado. Xa no decenio de 1990, AUCOSA promovería, con as empresas Pescapuerta e Pereira como socios, a maior e ata o momento mellor dotada instalación frigorífica da ría de Vigo, Frigoríficos Oya (FRIOYA), na que permaneceu como accionista de referencia ata o mes de febreiro do ano 2017.

As instalacións frigoríficas de Beiramar continuarían prestando servizo aos socios da compañía ata o peche das mesmas no ano 2012. Con todo, AUCOSA mantería en Punta Chapelisa, na xa coñecida como “Factoría Reductora”, a actividade de transformación de subprodutos da pesca en aceites e fariñas de pescado, introducindo numerosas melloras para reducir as incomodidades que os procesos de fabricación puideran ocasionar na contorna.

As edificación que acolleron a actividade de AUCOSA en Beiramar desenvolvéronse nun espazo de cento vinte e catro metros de lonxitude, trinta de anchura na fachada da avenida e tan só nove metros no fronte que da a enseada de Bouzas. A finca ten forma de triángulo isósceles truncado no vértice do mar, con medianeira polo poñente co estaleiro Armón e que comparte unha canella co estaleiro Barreras polo levante.

O conxunto ten dous volumes diferenciados. O do sur, con cinco plantas e cuberta de fibrocemento (uralita) a tres augas, ten uns trinta metros de fachada na avenida de Beiramar, cincuenta e dous metros de fondo e vinte e tres metros na fachada traseira. Este primeiro volume continúa nunha edificación de dúas plantas, cuberta tamén a tres augas e sesenta e catro metros de fondo, con nove e vinte e tres metros de anchura, respectivamente, nos seus frontes do mar e traseiro.

Orixinariamente, os paramentos oriental e meridional do gran edificio pintado de cor verde, ían revestidos con cadansúa faixa de teselas azul mariño no primeiro e o quinto andar, nos que ábrense unhas fiestras rectangulares apaisadas, das que carecen os andares intermedios, ocupados polas cámaras frigoríficas. As faixas teseladas da fachada sur, a que da á avenida de Beiramar, serían posteriormente pintada dunha cor crema.

Na metade dereita da repetida fachada sur, na altura das plantas terceira e cuarta, sete peixes decorativos, de diferentes formas e tamaños, executados en ferro e mosaicos de cores, animaban a imaxe principal da factoría, rotulada na metade esquerda da terceira planta con dúas liñas de texto, AUCOSA, na superior, e INDUSTRIA FRIGORÍFICA, debaixo. Polo posible risco de desprendementos e caída de pezas na beirarrúa, os peixes serían retirados na década do 2000.

Tempo de uso:

Todo o ano.

Sistema de produción:

Consonte quedou expresado na exposición histórica, a meirande parte das instalacións frigoríficas actuais empregan un ciclo de compresión de vapor como referente termodinámico e tan só aquelas que poden aproveitar calores residuais doutro proceso, utilizan máquinas de absorción.

Unha máquina frigorífica de compresión o que fai é aportar un traballo a un fluído (mediante un compresor accionado por un motor eléctrico) para que transfira enerxía térmica dun recinto a baixa temperatura (que desexa arrefriarse ou manterse frío) a outro recinto que atópase a unha temperatura superior á del. O recinto “frío” é no que se almacenan os produtos a manter refrixerados ou a conxelar, mentres que o recinto “quente” é, normalmente, o ambiente.

No comezo do proceso, o fluído de traballo –chamado refrixerante– en fase vapor a baixa presión comprímese e pasa a vapor a alta presión, quentándose. Seguidamente, o refrixerante, en estado de vapor a alta presión e alta temperatura, pasa polo condensador e cambia de fase, saíndo del como líquido a alta presión e baixa temperatura. Logo, o refrixerante atravesa unha válvula de estrangulación (conduto capilar ou tapón poroso) na que o líquido sufre unha forte aceleración, perdendo presión e gañando un arrefriamento adicional asociado á expansión. Como un líquido a baixa presión e baixa temperatura, o refrixerante entra entón no evaporador, quentándose e cambiando de fase, saíndo como un vapor a baixa presión, que agora vai camiño do compresor para reiniciar o ciclo de refrixeración.

O fluído refrixerante cede calor ao recinto “quente” cando cambia de fase –de vapor a líquido– ao seu paso polo condensador e capta calor do recinto “frío” cando cambia de fase –de líquido a vapor– ao pasar polo evaporador.

Os fluídos empregados como refrixerantes foron evolucionando conforme avanzaba o coñecemento científico, e pasaron do dietil éter (o éter sulfúrico, descuberto xa en 1275 polo mallorquino Ramón Llull, sintetizado por Valerius Cordus en 1540 e utilizado como anestésico por Crawford Williamson Long el 30 de marzo de 1842) utilizado inicialmente, pero perigoso pola súa inflamabilidade, ao amoníaco, tamén perigoso, pero pola súa nocividade para os seres vivos.

O éter sulfúrico foi substituído polo amoníaco e outros fluídos refrixerantes, como o dióxido de xofre, o dióxido de carbono, o clorometano e o propano, que eran os habituais nos anos finais do decenio de 1920, todos máis ou menos efectivos, pero tamén tóxicos, inflamáveis ou explosivos. Mentres, continuaba a investigación na procura de refrixerantes máis seguros e que acadaran mellor rendemento nos procesos de refrixeración e conxelación. A busca culminaría en 1930 co anuncio pola compañía DuPont da utilización do diclorodifluorometano, bautizado como Freón-12, como un fluído refrixerante estable, ininflamable, e de baixa toxicidade.

O Freón-12, despois coñecido como R-12, foi o primeiro dos clorofluorocarburos (CFCs) dunha familia de refrixerantes que non tardaría en substituír aos ata entón utilizados. Porén, os efectos destas substancias sobre a capa de ozono que rodea o planeta, descubertos en 1974, levarían a finais da década de 1980 a uns acordos internacionais para a extinción do seu uso.

Con todo, hai que dicir que o Protocolo de Montreal prohibiu a fabricación de CFCs na maioría dos países, pero inda que estea vetada a fabricación, non está prohibida a importación desde os países nos que dita fabricación é legal.

Outras familias de refrixerantes, con diferentes formulacións químicas, irían aparecendo nos mercados para substituír aos CFCs, mais tamén con resultados ambientais discutibles.

Actividades laborais:

Persoal principalmente masculino en tódalas fases produtivas e administrativas.

Emprego:

A finais do ano 1969 a empresa tiña menos de vinte e cinco “produtores”.

Materias Primas:

Pescado fresco e produtos da súa transformación. Residuos de pescado (ata o traslado desta parte da actividade en 1976).

Produtos Elaborados:

Conxelados de pescado e de elaborados de pescado. Fariñas e aceites de pescado(ata o traslado desta parte da actividade).

Distribución e comercialización:

Nacional e internacional.

Referencias Bibliográficas:

Acedo-Rico González, Juan (2001). “Seguridad alimentaria y fabricación de piensos compuestos: influencia de la tecnología de fabricación y del diseño de fábricas”, en XVII Curso de Especialización FEDNA: avances en nutrición y alimentación animal, p. 229-256. Zaragoza: Fundación Española para el Desarrollo de la Nutrición Animal (FEDNA).

AINIA (Asociación para la Investigación e Innovación Alimentaria) (s/d). “Mejores técnicas disponibles para la industria de aprovechamiento de subproductos de origen animal”, en AINIA, Instituto Tecnológico Agroalimentario [en línea] https://prtr-es.es/Data/images//La%20industria%20de%20subproductos%20de%20origen%20animal-9EF41AF258214363.pdf [Acceso 17/12/2021].

Carmona Badía, Xoán; Nadal Oller, Jordi (2005). El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Carmona Badía, Xoán; Iglesias Veiga, Xosé Ramón; López Rodríguez, Mariña (2020). Alfageme, historia e memoria. Vigo: Instituto de Estudios Vigueses. DL VG-309-2020. ISBN 978-84-89599-79-6.

Confederación Española de Cajas de Ahorros (1975). Situación actual y perspectivas de desarrollo de Galicia. 4 vol. Madrid: Fondo para la Investigación Económica y Social de la Confederación Española de Cajas de Ahorros. DL M-39.109-1974. ISBN 84-7231-171-6.

Giráldez Rivero, Jesús (2011). “Los Thenaisie: Thenaisie-Provôté, nombre francés para una empresa cien por cien gallega”, en Carmona Badía, Xoán (dir. e coord.) Las familias de la conserva. El sector de las conservas de pescado a través de sus sagas familiares, p. 380-389. Fundación Clúster de Conservación de Productos del Mar e ANFACO-CECOPESCA. Pontevedra: Diputación de Pontevedra. DL C-891-2011. ISBN 978-84-938942-0-7.

Hirsch, M. (1942). “Instalaciones y máquinas auxiliares de las industrias transformadoras: medios de tratamiento térmicos”, en Manual del Ingeniero, tomo IV, capítulo IV, sección II, p. 483-512. Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, 2ª ed. trad. de la 26ª edición alemana. Barcelona: Gustavo Gili.

Krekeler, K. (1942). “Industrias de la alimentación y afines: elaboración de las grasas y aceites”, en Manual del Ingeniero, tomo IV, capítulo V, sección V, p. 617-624. Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, 2ª ed., trad. de la 26ª edición alemana. Barcelona: Gustavo Gili.

Molinari, Hector (1920). Química general y aplicada a la industria. Tomo I: Química inorgánica: Generalidades y metaloides; tomo II: Química inorgánica: Metales; tomo III: Química orgánica. 2ª ed. española con arreglo a la 4ª ed. italiana. Barcelona: Gustavo Gili.

Nadal Oller, Jordi; Carreras Odriozola, Albert (dir. y coord.) (1990). Pautas regionales de la industrialización española (siglos XIX y XX). Barcelona: Ariel. DL B-218-1990. ISBN 84-344-6563-9.

Planck, R. (1942). “Instalaciones y máquinas auxiliares de las industrias transformadoras: medios de tratamiento térmicos, refrigeración, frío artificial”, en Manual del Ingeniero, tomo IV, capítulo IV, sección II-G, p. 512-530. Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, 2ª ed. trad. de la 26ª edición alemana. Barcelona: Gustavo Gili.

Quittkat, G.; Eckardt, H.; Meldau, R.; Galle, E.; Hirsch, M.; Planck, R.; Stroer, H.J. (1942). “Instalaciones y máquinas auxiliares de las industrias transformadoras”, en Manual del Ingeniero, tomo IV, capítulo IV, p. 415-538. Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, 2ª ed. trad. de la 26ª edición alemana. Barcelona: Gustavo Gili.

Reinoso Maset, Uxío (2021). “Ficha 002: AUCOSA / Auxiliar Conservera S.A.”, en Vigo Industrial [en liña] Dispoñible en https://www.vigoindustrial.com/copia-de-aucosa-f-002 [Acceso 11 xullo 2022].

Sanz, Fernando (2001). “La alimentación en piscicultura”, en XVII Curso de Especialización FEDNA: avances en nutrición y alimentación animal, p. 317-327. Zaragoza: Fundación Española para el Desarrollo de la Nutrición Animal (FEDNA).

Sobrino Fagilde, Iria; Calviño Iglesias, Raimundo (2008): Arquitectura industrial en la provincia de Pontevedra. Vigo y zona de influencia (eje norte-sur) [en línea] Dispoñible na Internet: http://noncommon.files.wordpress.com/2012/04/00-a-indyarq_1-393_low.pdf [Último acceso 16 de diciembre del 2020]. Vigo: Colegio Oficial de Arquitectos de Galicia.

Taboada Arceo, Antonio (1971). Galicia, estructura y ritmo socio-económicos. La Coruña: Servicio de Estudios y Publicaciones de las Cámaras Oficiales de Comercio, Industria y Navegación de Galicia. DL C-145-1971.

Xunta de Galicia (2007-2011). Plan de Ordenación do Litoral [en liña] http://www.xunta.es/litoral [02/03/2021].

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 223-III Vigo /// Datum ETRS89: H 29 // X 521.365,16 m / Y 4.674.800,58 m

Centro Nacional de Información Geográfica (s/d). Fotototeca Digital, Instituto Geográfico Nacional, Ministerio de Fomento del Gobierno de España [en línea] Disponible en internet: http://fototeca.cnig.es/ [Acceso 11 marzo 2021].

Instituto de Estudos do Territorio (IET) da Xunta de Galicia (s/d). Información Xeográfica de Galicia: visualizador de mapas [en liña] Dispoñible na Internet: http://mapas.xunta.es/visualizador-de-mapas [Acceso 11 marzo 2021].

Instituto Geográfico Nacional (s/d). “Mapa Topográfico Nacional 1:25.000”, en Mapas de España. Instituto Geográfico Nacional, Gobierno de España [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/buscarArtsMenu?categoria=MTN25-Mapa-Topográfico-Nacional-1:25.000 [Acceso 18 enero 2021].

Instituto Hidrográfico de la Marina (1964). De Cabo Corrubedo a Cabo Silleiro. Océano Atlántico Norte. Costa NW de España. Carta 925, con levantamientos no datados y correcciones hasta 1977. Cádiz: Talleres del Instituto Hidrográfico de la Marina. DL CA-293-1972.

Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación del Gobierno de España (s/d). Sistema de Información Geográfica de Parcelas Agrícolas (SIGPAC), Visor SigPac V 4.8 [en línea] Disponible en Internet: https://sigpac.mapama.gob.es/fega/visor/ [Acceso 4 abril 2022].

Xunta de Galicia (Consellería do Medio Rural) (s/d). Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícola (SixPac): visor de mapas [en liña] Dispoñible na Internet: http://sixpac.xunta.es/visorsixpac/ [Acceso 11 marzo 2021].

Data de Actualización:

25 xullo 2022