707 Central eléctrica da abadía de Samos

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: Lugo
  • Concello: Samos
  • Parroquia: Santa Xertrude de Samos
  • Lugar: Viladetrés
  • Paraxe: Central eléctrica da granxa
  • Dirección: Lugar de Viladetrés, s/n, 27620 Samos (Lugo)
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 42.73856317635365
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -7.324851261398311
  • Coordeadas UTM: Datum ETRS89: H 29 // X 637.119,13 m / Y 4.733.145,87 m
  • Clasificación: Central hidroeléctrica
  • CNAE: 35.15 Produción de enerxía hidroeléctrica.
  • Tipoloxía: Turbinas hidráulicas tipo Francis de cámara aberta
  • Comarca: Sarria
  • Marco Xeográfico: Marxe esquerda do río Oribio (ou de Sarria), ao norte da Serra de Édramo
  • Ámbito: Rural
  • Acceso: Saímos de Lugo pola estrada nacional N-VI, cara a Madrid. No enlace de Nadela tomamos a estrada CG-2.2 cara a Monforte, ata enfiar a estrada LU-546 cara a Sarria. Xa en Sarria, collemos a estrada LU-633 ata Samos e continuamos por ela algo máis dun quilómetro, apartando na entrada da Cooperativa para dar a volta cara a Samos e coller a estreita carreteira que uns trescentos metros despois chega ata a Gran Despensa da Real Abadía de Samos. Alí buscamos, a carón da canle pola que se desviou o río Oribio, a pequena central eléctrica que daba servizo ao mosteiro dos beneditinos.

Tipo de propiedade:

Privada no dominio público hidráulico

Visitable:

Exteriormente

Xestión de visitas:

Non procede

Historia:

De entre todas as experiencias dos numerosos investigadores pioneiros ó redor da electricidade (Franklin, Coulomb, Galvani, Volta, Rumford, Ampère), no que aquí nos ocupa, dúas delas resultan de singular transcendencia: en 1800, o arco eléctrico de Humphry Davy, que abriría o camiño á iluminación con enerxía eléctrica; e en 1831 o xerador eléctrico de Michael Faraday, que daría paso ao uso da electricidade sen necesidade de recorrer á amoladura das pilas voltaicas.

Cara a 1870 o enxeñeiro belga Zénobe Théophile Gramme construía a primeira máquina comercial xeradora de corrente continua, a dínamo de Gramme, que permitía a conversión da enerxía mecánica en enerxía eléctrica. A Exposición Universal de Viena de 1873, coas súas pilas, xeradores e espectaculares arcos voltaicos, sería o primeiro escaparate mundial da electricidade.

Continuador con vantaxe de anteriores experiencias, Thomas Alva Edison presentaba no outono de 1879 o prototipo das modernas fontes de iluminación, unha lámpada de incandescencia que, grazas ás súas innovacións, o 21 de outubro de 1879 alumou sen fundirse durante… corenta e oito horas seguidas.

Todos estes avances verían a súa culminación na Exposición Universal de París de 1881, na que, ademais de exhibirse a lámpada incandescente de Thomas Edison, o enxeñeiro francés Marcel Deprez presentaba como resultado dos seus experimentos a posibilidade de transmitir a electricidade a varios centenares de metros de distancia. A experiencia coñecería a maior difusión cando no ano seguinte, empregando unha tensión continua de dous mil voltios, conseguía transmitir unha potencia de 1’5 kW a unha distancia de trinta e cinco millas (uns 56 km). A iluminación eléctrica incandescente con corrente continua comezaría entón a utilizarse comercialmente en todo o mundo, competindo dende estas datas cos farois de gas na iluminación pública. Dende aquela sería imparable a continua evolución técnica para poñer a electricidade ao dispor dos cidadáns e a industria.

En 1882, Tomás Alva Edison estabelecía en Pearl Street (Manhattan, Nova York) a primeira central termoeléctrica, subministrando cento dez voltios en corrente continua aos seus primeiros oitenta e cinco clientes, que axiña van verse multiplicados, estendéndose a luz eléctrica a tódolos fogares. Tralo acordo entre Edison e o británico Joseph Wilson Swan en 1883 e as melloras introducidas por Swan, a lámpada incandescente co filamento dentro dun bulbo de vidro no que (de 1875 en adiante) se fixera o baleiro, de menor voltaxe, máis luminosidade e maior duración, coñecería dende 1906 (xa co filamento de tungsteno) a meirande difusión [Bartolomé, 2007: 42].

A situación da electricidade daría o envorco definitivo en 1888, cando o enxeñeiro turinés Galileo Ferraris conseguiu construír o primeiro motor de corrente alterna sen conmutador, o motor de indución, que desenvolverían Nikola Tesla (1888) e Mikhail Dolivo-Dobrovsky (1889), de gran eficiencia e competitivo cos de corrente continua, apto para múltiples usos e que fixo da corrente alterna a forma máis popular da electricidade.

En 1893 poríase en servizo en Redlands (California, EE.UU.) a primeira central hidroeléctrica comercial de corrente alterna trifásica [Edison Tech Center, n.d.]. A central hidroeléctrica de Jaruga (Dalmacia, Croacia) sería dende 1895 a primeira que na Europa subministrase comercialmente corrente eléctrica alterna, e a segunda no mundo [Delimar et al., 2007].

Despois dos experimentos pioneiros da iluminación eléctrica en España, realizados polos boticarios Antonio Casares Rodríguez (1851, Santiago de Compostela), José Simón Castañer (1852, Madrid), Ramón Torres Muñoz (1852, Madrid), e Francisco Domenech Maranges (1852, Barcelona), a industria eléctrica comeza realmente cando o empresario Tomás Dalmau e o enxeñeiro Narciso Xifra constrúen en 1873 na Rambla de Canaletas de Barcelona a primeira central eléctrica española, instalando catro motores de gas de cincuenta cabalos cada un que movían cadansúa máquina Gramme de douscentos voltamperios. Dende aquela aparecerán no país unha serie de iniciativas para a produción e distribución de electricidade e xa contra 1881 e para mellor atender á crecente demanda, Dalmau e Xifra crearían, tamén en Barcelona, a “Sociedad Española de Electricidad”.

Nestes anos contrastaba o vizoso avance das centrais termoeléctricas fronte ao lento progreso das hidroeléctricas, que xurdirían contra 1885 en diversos puntos de España asociadas a pequenos muíños ou industrias manufactureiras que producían para o seu propio consumo e que nalgúns casos chegaban a distribuír a electricidade a vivendas da veciñanza [Sintes e Vidal, 1933]. Sería fundamental a aportación do taller mecánico xerundense “Planas, Flaquer y Cía.”, estabelecido en 1858 e especializada na construción de motores hidráulicos tipo Fontaine-Baron (unha evolución rexistrada en 1840 da turbina Fourneyron de 1827) e que xa en 1860 tiña fabricadas dezanove turbinas, algunha de 80 cabalos de vapor (uns 60 kW) [Orellana, 1860]; dende 1886 a casa “Planas” interviría na adaptación de moitos motores hidráulicos á produción de electricidade e chegaría a ser a primeira empresa española dedicada á fabricación de material eléctrico [Nadal, 1976].

En Galicia, dende o mes de xuño de 1884 a “Sociedad Anglo Española de Electricidad” iluminaba o Arsenal de Ferrol coa electricidade xerada con magneto dínamos do sistema de Charles Francis Brush nunha pequena instalación termoeléctrica [Carmona, 2016:27], e xa contra 1888 comezaría a funcionar en Pontevedra a que sería en Galicia a primeira central de vapor asociada a unha dínamo Brush para a subministración do alumeado público con fluído eléctrico, instalación que sería seguida por outras iniciativas semellantes –unhas termoeléctricas, hidroeléctricas outras– na Coruña (1890), Mondoñedo (1893), Lugo, Ferrol e Santiago (1894), Ponteareas e Ourense (1895), e Vigo, Monforte, Viveiro, Betanzos e Tui (1896) [Carmona e Nadal, 2005].

A precariedade técnica nestes primeiros tempos fai que predominen as instalacións térmicas (con caldeira de carbón e máquina de vapor, unhas, ou con gasóxeno de carbón e motor de gas, outras) sobre as hidráulicas, xa que os promotores non se atrevían a construír as centrais xeradoras máis aló de dous ou tres quilómetros do centro das localidades ás que ían subministrar con corrente continua. Todas estas primitivas centrais eléctricas eran de pequeno tamaño, normalmente non superior aos douscentos cabalos de vapor (uns 150 kW) e principalmente destinadas ao servizo do alumeado público.

Ademais das de iluminación pública, só temos constancia de dúas empresas que posúen nestes primeiros tempos unha central termoeléctrica para o alumeado das súas instalacións, e ámbalas dúas son fábricas téxtiles e as puxeran en marcha contra 1892: “Galicia Industrial”, en Xubia (Neda) (vid. ficha 452), e “La Primera Coruñesa” (vid. ficha 492).

Coa central hidroeléctrica de Porto de Bois (Viloalle, Mondoñedo), unha das primeiras na Península Ibérica (en 1894 entraría en servizo a de Biel en Vila Real, Portugal [Simões, 1982]), a “Electricista Mindoniense” (vid. ficha 486) proveía desde 1893 o alumeado público de Mondoñedo, aproveitando uns 290 litros por segundo nun salto de 14 metros das augas do río Tronceda cunha turbina de 70 cabalos de vapor que arrastraba unha dínamo Oerlikon de 32 quilovatios [Carmona, 2016]. Nos años seguintes subministrarían electricidade de orixe hidráulica “Alumbrado Eléctrico de Lugo” (1894, Acea de Castro Romay, Lugo, vid. ficha 491), “Antonio Sestelo” (1895, Salto de Pardellas, Ponteareas, vid. ficha 488), “Jesús Adrán” (1896, Salto de Vilanova, Monforte, vid. ficha 515) e “José Barro” (1896, Salto de Chavín, Viveiro, vid. ficha 376), en tódolos casos mediante xeradores de corrente continua [Carmona y Nadal, 2005].

O primeiro terzo do século XX coñecería o progreso do desenvolvemento da industria da electricidade en Galicia, cun forte crecemento das instalacións hidráulicas por riba das térmicas, e o comezo da concentración empresarial neste incipiente sector, o que fai que contra 1931 haxa máis de corenta centrais en funcionamento, dezaoito delas cunha potencia instalada superior aos 500 kVA e que sumaban 45.555 kVA nun total da orde dos cincuenta mil quilovatios instalados. O que comezaba a coñecerse como “grupo galego”, formado polas compañías "Sociedad General Gallega de Electricidad" e “Fábricas Coruñesas de Gas y Electricidad” (vid. ficha 155) estruturadas en torno ao Banco Pastor, controlaba neste ano de 1931 o 76% da electricidade vendida en Galicia [Carmona y Nadal, 2005]; ámbalas dúas desenvolverán unha actuación conxunta baixo o control do Banco Pastor ata a súa formal integración en Fenosa en 1955, rematando así o proceso iniciado coas centrais de Segade (vid. ficha 113) e A Fervenza (vid. ficha 189) a comezos do século XX.

En efecto, finalizada a guerra civil española (1936-1939), o proceso de concentración e ampliación do sector eléctrico galego tería un novo e definitivo impulso cando Pedro Barrié de la Maza, á fronte do “Banco Pastor”, constitúe en Vigo o 23 de agosto de 1943 a empresa “Fuerzas Eléctricas del Noroeste” (FENOSA) para eludir os compromisos existentes coa “Electra Popular de Vigo y Redondela” e poder construír no río Limia o encoro das Conchas para a subministración eléctrica á puxante cidade de Vigo. Transcorridos os vinte anos pactados, a “Sociedad General Gallega de Electricidad” e “Fábricas Coruñesas de Gas y Electricidad” integraríanse en FENOSA en 1955.

O mantemento polo Goberno franquista duns prezos da electricidade artificialmente baixos, coa conseguinte descapitalización das empresas produtoras e a imposibilidade de modernización das súas instalacións para dar cumprido servizo aos seus clientes, faría que a meirande parte das pequenas “fábricas da luz” que comezaran a electrificación das aldeas e vilas galegas, foran pouco a pouco abandonándose ou malvendéndose e integrándose en FENOSA ou nalgunha das outras grandes empresas eléctricas, como BEGASA ou IBERDUERO.

Descrición Xeral do Entorno:

O pequeno aproveitamento hidroeléctrico construíuse a carón da Gran Despensa da Real Abadía de Samos, na ribeira esquerda da canle de derivación do río Oribio en Viladetrés e a un quilómetro do mosteiro.

Construcción:

Contra 1950.

Abandono:

Decenio de 1990.

Descrición:

Pola pouca información da que dispoñemos polo de agora, as instalacións para a xeración de enerxía eléctrica serían implantadas no tempo da construción da Gran Despensa da Real Abadía de Samos (despois de 1945), xunto coas obras de represado e canalización para facilitar os labores de rega da agra alí existente e as de consolidación de ribeiras levadas a ramo no rairo do río nas proximidades da amentada despensa.

A Abadía de Samos, tamén coñecida como mosteiro de San Julián e Santa Basilisa de Samos, é un dos máis antigos do territorio galego. Foi adquirido en 1821 por Antonio Somoza en pública poxa, coincidindo co primeiro período de exclaustración e desamortización da comunidade e das súas propiedades. Sería finalmente abandonado coa exclaustración que se instaurou en 1835, e recuperado como aloxamento dunha comunidade de monxes beneditinos desde maio de 1880, data do fin da exclaustración.

A comunidade de bieitos iría aos poucos recobrando as antigas propiedades, cun fito nas mesmas no ano 1930, no que o nomeamento do abade Mauro Gómez Pereira suporía un novo pulo no proceso de recuperación territorial. Entre as diferentes propiedades que os monxes foron adquirindo por compra na primeira metade do século XX, a máis importante, pola súa dimensión, foi o chamada Priorado de Vila de Tres, adquirido por escritura outorgada no 23 de decembro de 1939. O vendedor foi Ramón Somoza Figueroa, en concepto de apoderado da súa nai, Adelaida Figueroa Carneiro, herdeira das propiedades que foran de Antonio Somoza no decenio de 1820.

O 26 de agosto de 1943 o xefe do Estado español, Francisco Franco Baamonde, visitaba por primeira vez a Abadía de Samos. A partir dese momento, a comunidade de monxes conseguiu restaurar a vida monástica en Galicia e levar a cabo un importante labor de rehabilitación da fábrica monacal, en mal estado de conservación polo longo período de abandono. En outubro dese mesmo ano, o abade do mosteiro de San Julián de Samos e a Obra Sindical de Colonización asinaban un acordo para crear unha granxa escola de agricultura nunha propiedade da comunidade relixiosa, colaborando así na mellora do mundo eminentemente rural que a rodeaba.

Para a creación da granxa escola de agricultura, a comunidade monacal adquiriu tres fincas na parroquia de San Martiño do Real, a uns trescentos metros ao levante da aldea de Coíñas e a uns setecentos metros pola carreteira ao norte do mosteiro, fóra dos terreos do antigo cercado monástico pero no ámbito do coto xurisdicional de Samos. A adquisición incluía a chamada casa de Viladetrés, con casa habitación de baixo e un andar, casa para palla e un muíño fariñeiro de canle con tres rodas, todo en ruínas. Coa compra, a comunidade –unhas noventa persoas entón– fíxose cunha superficie de dimensión similar á do antigo cercado, na que podían desenvolver unha serie de actividades, principalmente agrícolas, que mellorarían a vida da comunidade monástica e da veciñanza da súa contorna.

Seguindo co mesmo propósito de levar a ramo a granxa escola de agricultura, foran dous os proxectos definidos para ela. O primeiro, de Miguel Durán, de 1945, e o segundo, de Alejandro de la Sota, de 1947. Ámbolos dous proxectos terían presente o ideario socio político do réxime franquista en materia de educación e agricultura, así como os modelos de construcións agropecuarias máis difundidos da época (López Salas, 2017). Con todo, a granxa escola de Samos nunca sería construída atendendo aos devanditos proxectos, edificándose no seu lugar unha granxa fundada noutros criterios.

Na mañá do 24 de setembro de 1951, declarouse no mosteiro un incendio que axiña estendeuse polas súas dependencias. O lume orixinouse na planta baixa, na fábrica do afamado licor beneditino «Pax», moi valorado no mercado e, xa que logo, importante fonte de ingresos para a comunidade. A estancia albergaba un conxunto de depósitos capaces para un total de vinte mil litros de alcohol. Un dos depósitos perdía, pingando pola billa, e un monxe e dous alumnos do colexio miraban de amañala. A escasa luz precipitou o accidente cando, para mellor ver, un dos rapaces aproximou un misto á billa que ían desmontar, orixinando unha tremenda explosión, seguida dun voraz incendio. O mozo morreu e o monxe e o outro alumno saíron despedidos e quedaron gravemente feridos. Bombeiros de Lugo, Monforte e Ferrol, xunto con dous camións de soldados do corpo de enxeñeiros do exército e os propios monxes axudados pola veciñanza combateron o incendio, cuxa completa extinción non se conseguiría ata dous días despois. Tralos traballos de restauración, o mosteiro abriría de novo as portas o 14 de setembro de 1960.

O incendio suporía a paralización das obras en curso, pois os monxes concentrarían esforzos e recursos na restauración da abadía, que completarían nove anos despois baixo a dirección de Juan Monleón Sapiña, arquitecto e enxeñeiro de camiños, oblato regular acollido na propia comunidade beneditina e que faríase cargo tamén doutros proxectos emprendidos pola súa congregación. A comunidade beneditina retomaría entón algúns dos traballos que quedaran suspendidos co accidente. Sería xa no decenio de 1960 cando remataría a construción dunha granxa agropecuaria comarcal na finca de Viladetrés, onde estivera prevista a granxa escola.

A granxa finalmente construída, hoxe coñecida como Gran Despensa da Real Abadía de Samos, consistiu nunha casa de labor, cun fronte de setenta e cinco metros, con vivenda para horteláns e servidores, residencia para monxes, oratorio, servizos hixiénicos e sanitarios, loxas para unhas trinta cabezas de vacún, recinto de inseminación, cortes para os porcos, galiñeiro, palleiro, celeiro, leñeiro, esterqueira, muíño do gran, forno e demais dependencias adxectivas.

Pola documentación conservada nos arquivos do Mosteiro de Samos, sábese que Juan Monleón deseñou, entre outras, as instalacións sanitarias, tomas de auga para rego, unha nova fábrica de licor, e o tendido eléctrico da central hidroeléctrica construída en Viladetrés. Porén, polo de agora descoñécese se fora el –que ingresara como oblato no mes de xullo de 1951– quen deseñara ou construíra as obras hidráulicas, eléctricas e mecánicas da central que aproveitaba as augas do río Oribio (ou río de Sarria) nas proximidades de Viladetrés.

Fora coma fose, a central hidroeléctrica aproveitaba as augas do río Oribio derivadas pola súa marxe esquerda por medio dun canal de desvío das augas no que se construiu en Viladetrés unha presa de gravidade, que alimentaba no seu estribo esquerdo a canle que conducía os caudais detraídos do canal principal ata a casa de máquinas, mentres que alimentaba polo seu estribo dereito o rairo da rega do prado colindante. As obras hidráulicas realizadas no tempo resultan ben curiosas, mesmo rechamantes, pois chegarían a modificar o curso natural do río para facer novas levadas para a rega dos prados e os cultivos (mírense as fotografías aéreas dos anos 1946 e 1956).

O caso foi que nin as obras hidráulicas nin as eléctricas correspondentes á central hidroeléctrica constaban debidamente documentadas e actualizadas perante as administracións públicas. No ano 1993, os enxeñeiros industriais Gonzalo Palmeiro Navarro e Manuel Lara Coira renderon visita ás instalacións co propósito de estudar posibilidades de mellora das mesmas e de deseñar a interconexión das mesmas coa rede xeral de distribución de electricidade na zona.

As dificultades técnicas e económicas da eventual modernización e automatización da vella central hidroeléctrica decidirían desestimar tal posibilidade, e a comunidade monástica serviríase unicamente da rede xeral de subministración de electricidade.

Tempo de uso:

Todo o ano, con algunha interrupción nas estiaxes ou nos anos de fortes secas.

Sistema de produción:

As primeiras “fábricas de luz” en construírse (despois de 1882) foran moitas veces unha sinxela adaptación dunha dínamo de corrente continua na roda hidráulica dun muíño fariñeiro ou papeleiro xa existente. No mellor dos casos, o motor hidráulico da instalación sería a roda horizontal creada co nome de turbina por Benoît Fourneyron en 1827 (comercializada en Francia a partir do 1837) e a súa variante, rexistrada en 1840 como tipo Fontaine-Baron e amplamente utilizada dende aquela polo seu elevado rendemento. Aínda que as limitacións na transmisión da corrente continua non permitisen o seu transporte a distancias significativas, as primitivas centrais hidroeléctricas constituíron a base da electrificación das poboacións próximas ao seu emprazamento.

Naqueles casos en que a enerxía hidráulica resultaba dificilmente accesible, instaláranse centrais termoeléctricas baseadas en motores de gas ou máquinas de vapor, alimentadas en ámbolos dous casos por carbón, consumido no gasóxeno, no primeiro caso, e na caldeira, no segundo.

Pola incerteza do funcionamento das primitivas centrais hidroeléctricas, e a precariedade técnica nestes primeiros tempos, axiña predominaran as instalacións térmicas (máquina de vapor ou motor de gas) sobre as hidráulicas, xa que os promotores non se atrevían a construír as centrais xeradoras máis aló de dous ou tres quilómetros do centro das localidades ás que ían subministrar. Todas eran de pequeno tamaño, en xeral non superior aos douscentos cabalos de vapor (uns 150 kW) e principalmente destinadas ao servizo do alumeado público.

Pronto deseñaríanse e construiríanse instalacións especificamente destinadas á produción de electricidade, e nelas xa o xerador sería de corrente alterna trifásica (dende 1893), cun transformador eléctrico de saída para elevar o nivel de tensión para o transporte económico da enerxía até os puntos de consumo.

Co obxectivo de optimizar a produción de electricidade, as máquinas hidráulicas (turbinas) que accionaban os alternadores serían elixidas consonte as características de caudal e de altura do aproveitamento hidroeléctrico a desenvolver, sendo as máis frecuentes as turbinas de reacción do angloamericano James Bicheno Francis (1849), as turbinas de acción do estadounidense Lester Allan Pelton (1879) e as xa máis modernas turbinas de fluxo axial do austríaco Viktor Kaplan (1913). A este tres tipos fundamentais pódese engadir o da turbina de fluxo cruzado, desenvolvida de maneira independente polo australiano Anthony Michell (1903), o húngaro Donat Banki (1917) e o alemán Fritz Ossberger (1933), que, aínda que ten un rendemento inferior ás anteriores, resulta moi económica e permite traballar con grandes variacións de caudal.

No caso da central hidráulica que proporcionaba electricidade á Real Abadía de Samos, á súa despensa e ás instalacións anexas, a dotación consistía en dúas turbinas tipo Francis de cámara aberta e eixe horizontal, acopladas mediante correas a cadanseu alternador síncrono trifásico. A regulación da potencia subministrada ao sistema eléctrico da comunidade facíase mediante o axuste manual dun conxunto de resistencias conectadas a xeito de reóstato disipador de enerxía. O axuste tiña lugar dunha maneira totalmente intuitiva, baseándose na apreciación da intensidade luminosa que tiñan as lámpadas que alumeaban na abadía, avaliación visual que realizaba o membro da comunidade responsable da instalación e quen en función da súa impresión axustaba o reóstato ás condicións da carga eléctrica demandada.

Actividades laborais:

Nos primeiros tempos, o encargado da central, e ás veces un axudante, eran os únicos operarios necesarios para o funcionamento e mantemento das instalacións. Para mellor atender ao servizo día e noite, as centrais desta época tiñan prevista unha casa vivenda para o encargado e a súa familia, completada cunha horta e un galiñeiro para atender á súa mantenza. En caso de proximidade dunha zona habitada, o encargado e a súa familia residían nunha vivenda dos arredores. Na actualidade, as centrais están automatizadas e contrólanse a distancia.

Emprego:

No caso da central de Samos, un dos membros da comunidade era o encargado do mantemento e funcionamento das instalacións de xeración hidroeléctrica e das instalacións eléctricas da comunidade beneditina.

Materias Primas:

Auga.

Produtos Elaborados:

Electricidade.

Distribución e comercialización:

Local.

Referencias Bibliográficas:

Augas de Galicia (2011): “Ficha de caracterización das demandas de auga en centrais hidroeléctricas”, en Plan hidrolóxico da demarcación hidrográfica Galicia-costa. Santiago de Compostela: Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia.

Bartolomé Rodríguez, Isabel (2007): “La industria eléctrica en España (1890-1936)”, en Estudios de historia económica, nº 50. Madrid: Banco de España. DL M-15409-2008. ISSN 0213-2702.

Bascuas López, Edelmiro (2006): Hidronimia y léxico de origen paleoeuropeo en Galicia. Sada: Ediciós do Castro. DL C-753-2006. ISBN 84-8485-222-9.

Bolstorff, H. (1926): “Alumbrado”, en Manual del Ingeniero, tomo II, capítulo VI, p. 936-965. Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, trad. de la 24ª edición alemana. Barcelona: Gustavo Gili.

Carmona Badía, Xoán (2016): La Sociedad General Gallega de Electricidad y la formación del sistema eléctrico gallego (1900-1955), Biblioteca de Historia del Gas. Sabadell: Fundación Gas Natural Fenosa. DL B-21370-2016. ISBN 978-84-617-5114-3.

Carmona Badía, Xoán; Nadal Oller, Jordi (2005): El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Delimar; Marko; Moser, Josip; Szabo, Aleksandar (2007): "First AC Power Systems in Croatia", in 2007 Institute of Electrical and Electronics Engineers (IEEE) Conference on the History of Electric Power [on line] Available at http://www.ieee.org/web/aboutus/history_center/conferences/che2007/ [Retrieved 10/08/2017].

Edison Tech Center (n.d.): “Dolgeville Hydro Power 1879”, in The Miracle of Electricity and Engineering, Edison Tech Center, Schenectady, New York, U.S.A. [on line] Retrieved August 29, 2001, from http://www.edisontechcenter.org/Dolgeville.html.

García Fontenla, Ramón (ed.) (1990): Cien años de luz eléctrica en Galicia, introducción de Domingo García Sabell. Madrid: Unión Fenosa. DL M-45870-1990.

Garrido Moreno, Antonio (2008). «Juan Monleón Sapiña. Proxectos e reformas no mosteiro de Samos (1951-1976)», en Folgar de la Calle, María del Carmen e Goy Diz, Ana Eulalia (dirs.) San Xulián de Samos: Historia e arte nun mosteiro, p. 181-191. Santiago de Compostela: Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo da Xunta de Galicia. ISBN 978-84-453-4690-7.

GECOISA (1989): Minicentrales hidroeléctricas. Estudio realizado con la colaboración de la Asociación de Productores y Distribuidores de Energía Eléctrica (APYDE), Barras Eléctricas Galaico Asturianas (BEGASA), Energía de Galicia (ENGASA) y Unión Eléctrica Fenosa (UNIÓN FENOSA), y coordinado por “Gestión Energética de Galicia, S.A.” (GESTENGA). Santiago de Compostela: Consellería de Industria, Comercio e Turismo da Xunta de Galicia.

Instituto Enerxético de Galicia (INEGA): “Listado de centrais: centrais minihidráulicas”, en Enerxía en Galicia https://www.inega.gal/sites/default/descargas/enerxia_galicia/centrales_minihidraulicas.pdf [Acceso 08/04/2022].

Kyser, Herbert (1930): Centrales generadoras de energía eléctrica. Versión directa de la 2ª ed. alemana revisada y ampliada por Manuel Lucini. Barcelona: Editorial Labor.

López Salas, Estefanía (2016): “Las causas y las consecuencias del incendio de 1951 en el monasterio de San Julián de Samos. Nuevos datos para su estudio”, en Cuadernos de Estudios Gallegos, vol. LXIII, núm. 129, p 417-447.

López Salas, Estefanía (2017): “Descubriendo un paisaje histórico. El espacio cercado del Monasterio de San Julián de Samos en el siglo XIX”, en Revista da História da Arte, série W, núm. 5, p. 168-182.

López Salas, Estefanía (2017). “Durán Salgado, de la Sota, Samos: dos proyectos de una granja escuela”, en Espacio, tiempo y forma, serie VII, Historia del arte, núm. 5 (nueva época), p. 353-390. ISSN 1130-4715.

López Salas, Estefanía (2017): “El papel del valenciano Juan Monleón Sapiña en la restauración del monasterio de Samos entre 1953 y 1960”, en Ars longa: cuadernos de arte, núm. 26, 2017, p. 273-290. ISSN 1130-7099.

Simões, Ilídio Mariz (1982): “As primeiras instalações de produção e distribução de energia eléctrica em Portugal”, na Revista Electricidade, núm. 285, Fevereiro 1982, e núm. 288, Abril 1992.

Sintes Olivés, Francisco F.; Vidal Burdils, Francisco (1933): La industria eléctrica en España. Estudio económico-legal de la producción y consumo de electricidad y de material eléctrico. Barcelona: Montaner y Simón.

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 124-IV Samos /// Datum ETRS89: H 29 // X 637.119,13 m / Y 4.733.145,87 m

Centro Nacional de Información Geográfica (s/d): “Fotototeca Digital”, en Instituto Geográfico Nacional. Ministerio de Fomento del Gobierno de España [en línea] Disponible en internet: http://fototeca.cnig.es/ [Acceso 24 marzo 2022].

Instituto de Estudos do Territorio (IDE) da Xunta de Galicia (s/d): Información Xeográfica de Galicia: visualizador de mapas [en liña] Dispoñible na Internet: http://mapas.xunta.es/visualizador-de-mapas [Acceso 24 marzo 2022].

Instituto Geográfico Nacional (s/d): “Mapa Topográfico Nacional 1:25.000”, en Mapas de España. Instituto Geográfico Nacional, Gobierno de España [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/buscarArtsMenu?categoria=MTN25-Mapa-Topográfico-Nacional-1:25.000 [Acceso 18 enero 2021].

Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación del Gobierno de España (s/d): Sistema de Información Geográfica de Parcelas Agrícolas (SIGPAC), Visor SigPac V 4.8 [en línea] Disponible en Internet: https://sigpac.mapama.gob.es/fega/visor/ [Acceso 4 abril 2022].

Xunta de Galicia (Consellería do Medio Rural) (s/d): Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícola (SixPac): visor de mapas [en liña] Dispoñible na Internet: http://sixpac.xunta.es/visorsixpac/ [Acceso 4 abril 2020].

Data de Actualización:

18 agosto 2022