708 Floro González Sieiro

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: Pontevedra
  • Concello: Vigo
  • Parroquia: San Miguel de Oia
  • Lugar: Canido
  • Paraxe: Punta dos pinos (Porto de Canido)
  • Dirección: Non procede
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 42.193021436940846
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.800368640663752
  • Coordeadas UTM: Datum ETRS89: H 29 // X 516.475,08 m / Y 4.671.224,95 m
  • Clasificación: Industria alimentaria
  • CNAE: 10.22 Fabricación de conservas de peixe (salgadura, escabeche e conserva hermética).
  • Tipoloxía: Conservas herméticas de pescado
  • Comarca: Vigo
  • Marco Xeográfico: Porto de Canido, na beiramar da ribeira esquerda da ría de Vigo.
  • Ámbito: Rural e mariñeiro (hoxe, urbano)
  • Acceso: Saímos de Vigo pola avenida de Samil e continuamos pola estrada PO-324 ata Canido. Imos bordeando cara ao porto e despois de “Valle, Ballina y Fernández”, ao final da praia, apartamos pola man dereita cara ao porto, onde erguíase a fábrica de conservas de Floro González Sieiro e hoxe apértanse unha ducia de vivendas arrimadas.

Tipo de propiedade:

Privada

Visitable:

Non queda pegada algunha

Xestión de visitas:

Non procede

Historia:

A conservación dos alimentos foi una preocupación principal dende os tempos máis remotos. En Nerga (Cangas) téñense atopado restos fenicios cando se escavaba nun vello salgadoiro; en Bueu apareceron restos de salgadoiros e ánforas de barro romanas; e en Noville (Mugardos) e Cariño (Ferrol) –entre outros lugares da costa atlántica galega– documéntanse senllas industrias romanas de salga de peixe.

Na Idade Media están documentadas as saídas dos portos galegos de grandes cantidades de peixes salgados e de polbos secos e curados ao aire con destino aos portos cantábricos, portugueses e andaluces. Tamén se constatan no século XVI os envíos de ostra escabechada á veciña Castela.

Aínda que os diferentes portos galegos xa despachaban ao Levante importantes cantidades de sardiña ao longo do século XV e comezos do XVI, cando xurde a competencia dos comerciantes do Mar do Norte (arenque inglés e bacallau escandinavo) o tráfico galego de salgadura sofre unha aguda e prolongada crise que se estende ata 1738, cando se prohibe o comercio con Inglaterra.

Avanzando no tempo, os tradicionais procedementos de conserva dos alimentos (curado, salgado, afumado, escabechado) van perfeccionándose. Na segunda metade do século XVIII, coa presenza dende 1750 dos cataláns nas rías galegas, vai incorporándose o prensado do peixe para mellorar os clásicos procedementos de salgadura.

Coa falta de abasto nos seus mercados e de mercados foráneos para os seus produtos, os levantinos desprázanse por tódalas costas peninsulares. As primeiras vagas de comerciantes cataláns recalan nas costas galegas por mor de vender viños, augardentes, aceites e xabóns, e mercan para os retornos sardiña que preparan os galegos cos métodos de salgadura tradicionais. Xa que o peixe en salgadura fora dende tempo atrás o principal produto galego de exportación, os levantinos optan inicialmente por aqueles lugares nos que xa existía unha infraestrutura pesqueira e de salga e curado do pescado consolidada. Ás vilas e portos de Vigo, Aldán, Bueu, Vilaxoán, O Caramiñal e Mugardos, con gran tradición neste tipo de actividades, sumaranse polas súas excepcionais condicións de abrigo, calado ou proximidade a núcleos comerciais importantes, as de Carril, O Freixo, Esteiro ou Portosín.

As primeiras actividades comerciais de “fomento da pesca” desenvolvíanse en pequenos barracóns de madeira situados á beira do mar e tiñan un carácter colonial, adquirindo a sardiña “escochada” aos mariñeiros galegos a cambio de produtos levantinos (viño, augardente, licores, aceite, xabón…) e bacallau danés. Desde 1780 os almacéns de salgadura irán adoptando configuracións estandarizadas nas principais áreas sardiñeiras. Os comerciantes cataláns só permanecen acó entre abril e decembro –a “costeira” ou tempada da pesca da sardiña– tornando despois ao Levante ata a seguinte campaña.

A primeira etapa remata trala ocupación francesa, e a partir de 1810 as seguintes vagas xa formaron compañías locais, asentándose nas beiramares e integrándose na sociedade galega co único obxectivo de explota-los recursos naturais das rías galegas, nomeadamente a sardiña. Unha parte importante dos beneficios reinvístense na actividade dos almacéns de salgadura, con fortes inversións en todo tipo de bens destinados a esta industria: edificios, embarcacións, redes e artes de pesca.

As principais innovacións introducidas polos fomentadores cataláns foron as produtivas, retributivas e crediticias propias do emerxente capitalismo: as redes de arrastre (a xávega, de orixe árabe), máis produtivas que as artes de deriva (xeito e volantas) e de cerco (chinchorro, traíña, xareta); as novas técnicas de salgadura aprendidas dos holandeses (sardiñas “arencadas”, o prensado fronte ao escochado e salpresado), coa extracción das graxas e o aproveitamento dos aceites; e os novos sistemas de traballo, coa privatización dos aparellos e a remuneración do traballo co salario, aínda que se continuase tamén co sistema de quiñóns.

As novas e máis produtivas técnicas de pesca foron inicialmente rexeitadas polos gremios galegos, preocupados polo esgotamento dos recursos mariños e partidarios dunha pesca sustentábel. Pero a razón económica acabaría prevalecendo sobre a conservadora, xeneralizándose tamén os novos procedementos de prensado do peixe salgado para a elaboración das salgaduras.

Contra 1820 descóbrese en Francia unha maneira de conservar moito más eficiente e duradeira cá da salgadura, que por riba reduce drasticamente as necesidades de sal na conserva: o envasado e a esterilización das viandas en recipientes herméticos, de vidro primeiro e de folla de lata máis tarde. O procedemento vai xeneralizarse na Bretaña a altura de 1840.

No ano 1828 José María Tubiano establecería en Oviedo a primeira fábrica española de conservas herméticas de pescado, á que axiña seguirían outras dúas, tamén en Asturias, e, xa en 1836, a de Francisco Zuloaga na Ponte Gaiteira (Oza, A Coruña). Dende 1850 van establecerse outros pequenos talleres que envasaban manualmente en frascos de vidro sardiña, pescada, ollomol, ostras, caza, verduras e froita, e que chegarían a seren corenta contra 1880, das que trece estaban en Cantabria, dez no País Vasco, nove en Asturias e sete en Galicia.

As primeiras conserveiras galegas tiñan unha produción diversa (dende sardiñas en aceite a lingua de vaca) moi pouco especializada e con procesos maioritariamente manuais. Nestes primeiros anos, na elaboración dos produtos empregaban como envase, primeiro, frascos de vidro, e, deseguido, folla de lata de importación, pechándose as latas con soldadura manual. Frascos e latas esterilizábanse despois ao “baño maría” en caldeiras abertas. Estes pioneiros foron Zuloaga (Oza, 1836, vid. ficha 547), Pelletier (Coruña, 1853), “La Aurora” de Alejandro Carreño (Noia, 1856, vid. ficha 422), Curbera (Vigo, 1861, vid. ficha 267), e “La Noyesa” de Joaquín Caamaño (Noia, 1874, vid. ficha 368), aos que seguirían moitos outros.

Pódese considerar como a primeira fábrica moderna de conservas de peixe en Galicia a que puxera en funcionamento en 1879 Juan Goday Gual na Illa de Arousa (vid. ficha 124), cun edificio construído expresamente para contela, unha máquina de vapor adquirida en Birmingham, una cheminea, uns soldadores especializados no peche das latas e un técnico francés ó fronte do proceso produtivo “ao estilo de Nantes”, coa vianda cociñada antes do seu enlatado e esterilizado. O éxito da modernización fixo que contra 1907 xa houbera máis de cen empresas deste tipo en Galicia.

Descrición Xeral do Entorno:

A fábrica de Floro González Sieiro aproveitou e ampliou as instalacións que tiñan uns franceses en Puntapinos (ou Punta dos Pinos), no entón pequeno e precario porto de Canido, na marxe esquerda da ría de Vigo.

Construcción:

Contra 1923, a edificación que posibelmente ocupara Henri Chancerelle entre 1912 e 1915, sería ocupada polas instalacións de Floro González, quen as modernizaría e ampliaría con novas construcións.

Abandono:

Na década de 1980.

Descrición:

Fronte da praia de Canto de Area (hoxe, praia de Canido) documéntase un almacén de salga ou fábrica de salgadura do que en 1844 eran titulares Agustín Curbera Puig (vid. ficha 372 José Ramón Curbera Fernández) e Gerónimo Riera i Amat, salgador barcelonés que chegara a Galicia no decenio de 1830.

A actividade conserveira en Galicia coñecería o seu apoxeo no período 1905-1909, tralo que sucedería a coñecida como primeira crise da sardiña das costas galegas. As baixas capturas e as conseguintes subidas de prezos levarían a quebra a numerosas conserveiras do país, quebra da que non escaparían moitas das industrias establecidas na contorna de Canido e Toralla. Tanto foi así que contra 1915 só sobrevivía en Canido a fábrica de conservas de Guillermo Curbera Solleiro (vid. ficha 731).

O armador vigués Guillermo Curbera Tapias, fillo de Francisco Curbera Puig (irmán de Agustín), tiña entrado cara a 1893 no negocio do escabeche, para aproveitar o ollomol que non se comercializaba en fresco, instalando con outros socios (Benigno Barreras, Leopoldo Lamberti e Antonio Alonso, entre outros) unha factoría no Areal de Vigo, que non tardaría en abandonar para instalar unha nova no porto de Meloxo, no Grove, nesta volta asociado ao seu irmán Enrique. Os dous irmáns incorporarían aos escabeches a elaboración de conserva hermética, e cos bos resultados acadados e a intención de trasladarse á ría de Vigo, en 1900 adquirirían a Tomás Mirambell uns terreos na praia de Canido.

En 1901 venderíanlle a fábrica de Meloxo á sociedade grovense Yáñez y Areán (vid. ficha 467), e formarían unha nova sociedade co consignatario vigués A. Conde e o enxeñeiro militar Félix Casuso Olano, que fora director de La Metalúrgica (vid. ficha 224), instalándose na nova e moderna fábrica edificada en Canido. Amais do escabeche e as conservas, a fábrica produciría cordas coa maquinaria adquirida a Mirambell tralo peche da súa cordearía en 1903 (vid. ficha 453). Curbera establecería en 1905 outra fábrica en Sanxenxo. En 1908, coa morte do pai, quedaría ao fronte do negocio das dúas fábricas o seu fillo Guillermo Curbera Solleiro, que en 1915 figura rexistrado como fabricante de conservas de peixe coas marcas, Las Carabelas, Sublimes, G. Curvera e Helène. A falta de adaptación aos novos tempos faría desaparecer as fábricas da empresa “Guillermo Curbera, Hijos” en 1982 (vid. ficha 731).

O comerciante portugués João Baptista Cerqueira Matos, orixinario de Caminha e aveciñado en Vigo, tiña na praia de Coia, dende 1881, unha pequena fábrica, “La Rosa”, de cales, cementos e xesos, que complementara erguendo ao seu carón unha moderna fábrica de conservas de sardiñas inaugurada a finais de 1900 (vid. ficha 663). Co éxito nos negocios, Cerqueira establecería contra 1921 unha segunda fábrica de conservas en Canido, que comezaría a funcionar en 1922 xestionada polo seu fillo maior, Antonio Cerqueira Domínguez, e que quedaría desde 1964 ata a disolución en 1991 co nome de “Canimar, S.A.” baixo o control da empresa asturiana “Valle, Ballina y Fernández” (vid. ficha 655).

Nos primeiros anos do mesmo decenio de 1920, Floro González Sieiro, natural do Carballiño e que desde 1912 tiña fábrica de conservas no areal de Coia, trasladaría a produción a Canido, instalándose na fábrica que tiñan uns franceses en Puntapinos (posiblemente na que se tiña instalado Henri Chancerelle contra 1913) (vid. ficha 708).

Floro González modernizaría e ampliaría notablemente as vellas instalacións, construíndo varias naves acaroadas nas que, ademais de elaborar conservas herméticas de pescado, iría instalando un taller mecánico no que fabricaría chaves para abrir latas, puntas e cravos, un serradoiro de madeira e un muiño fariñeiro accionado por electricidade.

Baixo a razón social “Floro González, S.A.”, comercializaría as súas conservas coas marcas «Ricas», «Regalo», «Samil» e «Europa».

As fábricas de Guillermo Curbera (vid. ficha 731), Antonio Cerqueira (vid. ficha 655) e Floro González (vid. ficha 708), serían as que acadarían unha maior continuidade, pois seguirían funcionando ata a década de 1980.

As embarcacións de pesca viñan utilizando a praia de Canido como refuxio e precario porto, pese ao escaso abrigo da Punta dos Pinos, polo sur, e da Illa de Toralla, polo norte, e os baixos e as pedras que dificultaban a navegación e as arribadas. En 1925 comezarían as xestións dos veciños, mariñeiros e empresarios conserveiros para a construción dun porto que ofrecera un bo abrigo para as embarcacións e facilitara as operacións de carga e descarga das mercadorías. O proxecto sería aprobado a finais de 1929, pero os traballos non comezarían ata o 29 de novembro de 1933, prevéndose a finalización catro anos máis tarde. Coas obras principais realizadas en 1936, a Guerra Civil Española (1936-1939) retrasaría a finalización ata o 28 de marzo de 1941.

Ángel Campos Varela naceu en Cerdedo no ano 1891 no seo dunha familia numerosa (dez fillos) e influente (entre os seus irmáns contáranse: o médico local Xosé María, licenciado en 1906; o mestre Xosé Benxamín; o industrial Rosendo, xuíz municipal e dono do serradoiro do seu nome; e os cregos Valentín e Xesús María, este último coadxutor -1904- e ecónomo -1905- de San Xoán de Cerdedo). En 1918, Ánxel remata a carreira de dereito, na especialidade de dereito penal.

No mes de setembro de 1923, Ángel Campos Varela, avogado e xuíz municipal en Cerdedo, casa en Vigo con Rosa Cerqueira Domínguez, irmá do industrial Antonio Cerqueira Domínguez, de familia conserveira e dende 1922 único propietario dunha fábrica de conservas en Canido (vid. fichas 655 e 663).

Campos, de ideoloxía monárquica, sería concelleiro en Vigo na ditadura de Primo de Rivera, recibiría a medalla da Orde da República estando á fronte da alcaldía viguesa, militaría na Falange Española de las Juntas de Ofensiva Nacional Sindicalista tras a Guerra Civil Española (1936-1939) e finalmente, establecería unha fábrica de conservas en Canido, que empezará en 1941 coa elaboración das conservas (vid. ficha 698).

A fábrica de Campos vai establecerse onde estivera o almacén de salga de Agustín Curbera, que vai ampliarse en catrocentos oitenta metros cadrados, modernizando ademais as instalacións para a elaboración de conserva hermética. As salgaduras e conservas herméticas de pescado se comercializarían coa marca “La Canidense”, e pódense apreciar no seu debuxo a beiramar e as naves industriais coas chemineas fumegando, o paso do antigo tranvía e a Capela dos Liñares.

Ángel Campos morrerá en 1954, e após a empresa continuará xirando baixo a razón social de “Sucesores de Ángel Campos Varela”. En 1958 a fábrica véndese a Ignacio Álvarez Costas, que continuará coa actividade ata 1967. Na posterior urbanización levada a ramo na zona, os edificios serían derrubados, non deixando pegada algunha da súa existencia.

Tempo de uso:

Inicialmente, estacional, dependendo fundamentalmente das mareas da pesca e do marisqueo dos produtos elaborados. O desenvolvemento no decenio de 1960 da industria frigorífica, no mar e en terra, permitirá á industria conserveira poder traballar continuamente todo o ano.

Sistema de produción:

Unha vez completadas as capturas, os barcos retornaban dirixíndose ás proximidades dos almacéns de salga e das conserveiras para entregar a súa pesca. O penetrante son dos bucios ou caracolas (ou das sirenas nas embarcacións modernas) advertía aos de terra da chegada do peixe e os veciños –mormente mulleres– aprestábanse para o desembarcar nas praias ou, no mellor dos casos, peiraos. Descargado o peixe das embarcacións –mormente sardiña, pero tamén bocarte, xarda e agullas–, trasladábase nas patelas ao almacén da salga para proceder ao seu escochado e salgado tradicional ou, en tempos máis modernos, ao seu salgado e prensado.

Para o escabechado e conserva de mariscos, as tarefas de moitos veciños das conserveiras xa comezaban coa recollida e transporte de leña ata as praias próximas, onda se recibían os mexillóns (e tamén as navallas, os croques e as ameixas) e se cocían en auga de mar, escunchándoos despois e limpando a vianda antes de transportala ás fábricas para o seu envasado.

No salgado tradicional a sardiña era escochada, aberta e limpada unha a unha, sacándolle cabeza, espiña e tripas, posta a mollo nas tallas e cando se xuntaban as suficientes, deixadas a salgar nos píos durante un día enteiro. Retirábanse despois da salmoira e íanse metendo en voltas nas barricas, engadíndolle varias presadas de sal cando se completaba unha volta para evita-lo contacto entre as distintas fiadas. Completada a barrica, tapábase para a súa comercialización. Ao non lle extrae-la graxa a oxidación íalle dando á sardiña unha cor amarelenta que empeoraba sensiblemente o seu aspecto.

As cabezas e as tripas prensábanse nas tallas pondo unha pedra de bo tamaño enriba da tapa da talla, extraéndolle así as graxas ou saín que se venderían para o refinado de coiros (normalmente as de peor calidade, chamadas morcas), para a protección de madeiras, para a fabricación de pinturas, como aceite para alumeado ou lubricación, e mesmo como mercadoría de exportación aos portos europeos (Hamburgo, Liverpool, Londres) e americanos (La Habana).
O máis moderno proceso de salgado comezaba coa descarga do peixe das embarcacións e o traslado ao almacén da salga. Unha vez lavado, o peixe –mormente sardiña, pero tamén xarda e agullas– metíase nos píos da chanca coa moira (disolución saturada de sal en auga) onde se deixaba a salgar durante unha ou dúas semanas.

Rematada a salgadura, sacábase o peixe e levábase ao morto, onde colocábase coidadosamente nos cascos, que se tapaban poñéndolles un morto (o peso para prensar o peixe) enriba da tapa, axudando coas prensas para mellor extraerlle a graxa, graxa que escoaba dos cascos e ía por unhas canles ata os pozos do saín.

Este novo proceso de salgado rendía moito máis que o primitivo salgado do peixe previamente descabezado, eviscerado e limpado, e as sardiñas – ao non teren graxas– non amarelaban como as do tradicional escochado e tiñan moito mellor aspecto, aínda que ao dicir dos entendidos non eran igual de saborosas que aquelas.

Unha variante moito máis laboriosa, que comezara a practicarse co bocarte, é a do anchovado ou anchoado, (do nome xenovés do bocarte) proceso que esixe que se lle retire a pel ao peixe e se prepare aberto, fileteado, eviscerado, sen raspa e desangrado antes de proceder ao seu salgado. Empregado principalmente co bocarte, ata o punto de quedarlle o nome de anchoa ao bocarte así preparado, o mesmo proceso e presentación da vianda nun tempo utilizárase tamén coa sardiña, sardiña anchoada.

Para o escabechado prepárase un mollo fritindo allo co aceite no que fritiuse o peixe e, cando xa frío, incorpórase viño branco, vinagre de viño branco, follas de loureiro, grans de pementa e pemento roxo seco e moído (pode levar tamén cravo, canela ou outras especias ao gusto), preparando un caldo que ten que ferver a lume manso e que se verte despois cubrindo totalmente a vianda.

No caso da conserva hermética da sardiña e outros peixes (xardas, agullas, bocarte, atún) “ao xeito de Nantes”, tralo carrexo das patelas das embarcacións á fábrica e a descarga da pesca nas mesas, procedíase ao descabezado, eviscerado, limpeza e lavado do peixe, posta en salmoira e secado ao sol. Pasadas despois folo forno ou torrador, lavábanse con auga de mar e fritíanse lixeiramente antes de envasalas para sometelas ao “apertizado”, esterilizando os envases fervéndoos ao baño de María.

A esterilización do peixe e o seu posterior envasado en recipientes herméticos, de vidro primeiro e de folla de lata máis tarde, é unha maneira de o conservar moito más eficiente e duradeira cá da salgadura. O procedemento, que fora descuberto en Francia na década de 1820, adoptárase na Bretaña a altura de 1840, e chegara ao seu cume a finais do século XIX, cando a soldadura manual das tapas por estañado ía sendo substituída polo engastado, “sertido” ou peche mecánico por compresión das pestanas que levaban o corpo do envase e a súa tapa, cun ariño de goma para garantir a estanquidade.

Consolidada a industria conserveira, nos comezos do século XX pasouse en Galicia de fritir as sardiñas a cocelas en salmoira ou ben ao vapor, unha mellora que abarataba o proceso e sería coñecida como “método español”. Para o cocido ao vapor púñanse as sardiñas (ou o peixe que fora) nas grellas de arame, que pasaban ao carro para as introduciren nos torradores onde se cocían co vapor producido na caldeira da fábrica.

Sacábanse logo os carros coas grellas e púñanse os peixes e mariscos xa cocidos nas mesas de empacado onde se colocaban nas latas e se lles botaba o aceite ou o prebe (escabeche, salsa de tomate, salsa de vieira). Unha vez as latas enchidas de aceite, pasaban á sección de pechado, onde se cerraban con estañado por soldadura manual, nos primeiros tempos, e despois nas máquinas de sertido ou peche mecánico por compresión. As latas introducíanse seguidamente no autoclave para o seu esterilizado, tralo que se lavaban para quitarlles todo rastro de aceite ou graxa e se levaban ao estoxado e se colocaban nas caixas nas que se levarían á distribución e venda.

O desenvolvemento da industria foi introducindo modernizacións que supoñían tanto melloras produtivas como hixiénicas: canles de eviscerado, canles de lavado e salmoirado, mesas circulares de dobre carrusel para o abasto de latas baleiras e material a empacar, fornos de cocción continua de vapor aberto, transportadoras de latas, etc.

No ano 1960 xa se empacaban os túnidos mecanicamente, e en 1962 introducíase na liña da sardiña o novo sistema de recepción e tratado do peixe, pasando primeiro aos tanques de salmoira refrixerada e de alí ao corte e eviscerado mecánico, para continuar en bandexas plásticas aos fornos de cocción e seguidamente ás mesas de empacar, todo elo sen intervención de man de obra. A mecanización permitiría que as fábricas de conservas produciran máis de cento cincuenta millóns de latas anuais, e que unhas cincuenta mil toneladas de conservas saíran cada ano das súa instalacións.

Actividades laborais:

Man de obra principalmente feminina na limpeza e preparación da vianda. Persoal principalmente masculino na atención da maquinaria e supervisión dos procesos.

Emprego:

Hai estimacións de que traballaban como persoal fixo todo o ano máis de cen persoas, podendo chegar a cento cincuenta ou duascentas na tempada de máis traballo, cando tan so no taller podían traballar cincuenta persoas facendo latas. A finais do ano 1969 a empresa “Floro González, S.A.” declaraba trinta e catro “produtores”.

Materias Primas:

Principalmente sardiña (Sardina pilchardus) e tamén agulla (Belone belone).

Produtos Elaborados:

Conservas de pescado, principalmente sardiña e agulla.

Distribución e comercialización:

Nacional.

Referencias Bibliográficas:

Alonso Álvarez, Luis (1977). Industrialización y conflictos sociales en la Galicia del Antiguo Régimen, 1750-1830. Madrid: Akal. ISBN 84-7339-243-4.

Carmona Badía, Xoán (2011). “Los Curbera: vocación de pioneros”, en Xoán Carmona Badía (dir. y coord.) Las familias de la conserva. El sector de las conservas de pescado a través de sus sagas familiares, p. 20-43. Fundación Cluster de Conservación de Productos del Mar y ANFACO-CECOPESCA. Pontevedra: Diputación de Pontevedra. DL C-891-2011. ISBN 978-84-938942-0-7.

Carmona Badía, Xoán (2011). “Los Cerqueira, cuatro generaciones de fabricantes sobre la playa de Coia”, en Xoán Carmona Badía (dir. y coord.) Las familias de la conserva. El sector de las conservas de pescado a través de sus sagas familiares, p. 332-347. Fundación Clúster de Conservación de Productos del Mar y ANFACO-CECOPESCA. Pontevedra: Diputación de Pontevedra. DL C-891-2011. ISBN 978-84-938942-0-7.

Carmona Badía, Xoán; Dios Vicente, Adrián (2020). Mortalidad empresarial en Galicia, 1972-2008. Factores de impacto y gestión del riesgo. Vigo: Editorial Fundación INADE. DL VG 438-2020. ISBN 978-84-09-23870-5.

Carmona Badía, Xoán; Nadal Oller, Jordi (2005). El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Fernández Casanova, Carmen (1998). “Cambio económico, adaptacións e resistencias nos séculos XIX (dende 1870) e XX”, en Carmen Fernández Casanova (coord.) Historia da pesca en Galicia, p. 139-206. Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela. DL C-1816-1998. ISBN 84-8121-719-0.

Fernández González, Manuel (2005).La dinámica sociopolítica en Vigo durante la Segunda República. Tese doutoral (inédita). Beramendi González, Justo (dir.). Departamento de Historia Contemporánea e de América, Facultade de Xeografía e Historia, Universidade de Santiago de Compostela.

Martínez Gómez, Laura (2020). “La ribeirense Conservas Cerqueira prepara su traslado al polígono de Rianxo”, en La Voz de Galicia, ed. Barbanza, 16/10/2020.

Niese, H. (1942). “Industrias de la alimentación y afines. Curado y conservación del pescado”, en Manual del Ingeniero, tomo IV, capítulo X, p. 643-647. Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, 2ª ed. trad. de la 26ª edición alemana. Barcelona: Gustavo Gili.

Riveras Rivas, Pablo (2015). Empresa y guerra: las estrategias empresariales en Galicia durante la Guerra Civil (1936-1939). Tesis doctoral (inédita). Departamento de Economía Aplicada I da Universidade da Coruña.

Romaní García, Arturo (1991). A revolución tecnolóxica na industria salgadeira en Galicia. Vigo: Unipro. DL C-1179-1991. ISBN 84-87917-01-1.

Solla Varela, Carlos (s/d). “Ánxel Campos Varela”, en Tabeirós-Montes [en liña] https://www.tabeirosmontes.com/anxel-campos-varela.html [Acceso 05/04/2022].

Taboada Arceo, Antonio (1971). Galicia, estructura y ritmo socio-económicos. La Coruña: Servicio de Estudios y Publicaciones de las Cámaras Oficiales de Comercio, Industria y Navegación de Galicia. DL C-145-1971.

Vázquez Gil, Bernardo (2014). “O Canido da conserva”, en Memoria de Oia [en liña] Dispoñible na Internet: http://memoriadeoia.blogspot.com/ [Acceso 21 marzo 2021].

Veiga Taboada, Manuel (2001). “O ‘apoliticismo’ da burguesía viguesa (1881-1931)”, en Grial: revista galega de cultura, núm. 151 (2001), p. 445-465. Edición dixital a partir de Grial no ano 2018 na Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes.

Vilar Rodríguez, Margarita.; Lindoso Tato, Elvira (2009). “El negocio de la Guerra Civil en Galicia, 1936-1939”, en Revista de Historia Industrial, nº 39, Año XVIII, 2009, p. 153-192, Barcelona: Universitat de Barcelona, Departament d'Història i Institucions Econòmiques. ISSN: 1132-7200.

VV.AA. (2019). La colección del Museo ANFACO en el 115 aniversario de la Unión Conservera. Vigo: ANFACO-CECOPESCA. DL VG-684-2019.

Xunta de Galicia (2007-2011). Plan de Ordenación do Litoral [en liña] Dispoñible na Internet: http://www.xunta.es/litoral [Acceso 8 decembro 2020].

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 223-III Vigo /// Datum ETRS89: H 29 // X 516.475,08 m / Y 4.671.224,95 m

Centro Nacional de Información Geográfica (s/d). Fotototeca Digital, Instituto Geográfico Nacional, Ministerio de Fomento del Gobierno de España [en línea] Disponible en internet: http://fototeca.cnig.es/ [Acceso 11 marzo 2021].

Instituto de Estudos do Territorio (IET) da Xunta de Galicia (s/d). Información Xeográfica de Galicia: visualizador de mapas [en liña] Dispoñible na Internet: http://mapas.xunta.es/visualizador-de-mapas [Acceso 11 marzo 2021].

Instituto Geográfico Nacional (s/d). “Mapa Topográfico Nacional 1:25.000”, en Mapas de España. Instituto Geográfico Nacional, Gobierno de España [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/buscarArtsMenu?categoria=MTN25-Mapa-Topográfico-Nacional-1:25.000 [Acceso 18 enero 2021].

Instituto Hidrográfico de la Marina (1964). De Cabo Corrubedo a Cabo Silleiro. Océano Atlántico Norte. Costa NW de España. Carta 925, con levantamientos no datados y correcciones hasta 1977. Cádiz: Talleres del Instituto Hidrográfico de la Marina. DL CA-293-1972.

Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación del Gobierno de España (s/d). Sistema de Información Geográfica de Parcelas Agrícolas (SIGPAC), Visor SigPac V 4.8 [en línea] Disponible en Internet: https://sigpac.mapama.gob.es/fega/visor/ [Acceso 4 abril 2022].

Xunta de Galicia (Consellería do Medio Rural) (s/d). Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícola (SixPac): visor de mapas [en liña] Dispoñible na Internet: http://sixpac.xunta.es/visorsixpac/ [Acceso 11 marzo 2021].

Data de Actualización:

19 agosto 2022