710 Neveiras da Carba

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: Lugo
  • Concello: Xermade
  • Parroquia: Santo André de Lousada
  • Lugar: Altos da Garrona
  • Paraxe: Casa da Neveira
  • Dirección: Non procede
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 43.418772460528515
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -7.688108192703242
  • Coordeadas UTM: Datum ETRS89: H 29 // X 606.202,26 m / Y 4.808.153,17 m
  • Clasificación: Neveiro
  • CNAE: 32.99 Outras industrias manufactureiras (fabricación de xeo).
  • Tipoloxía: Valgada ou fondal murado
  • Comarca: Terra Chá
  • Marco Xeográfico: Vertentes setentrionais das alturas do flanco sur da Serra da Carba
  • Ámbito: Rural
  • Acceso: Sairemos de As Pontes de García Rodríguez pola estrada LU-861, cara a Vilalba. A algo menos de oito quilómetros, saíndo de Roupar de Abaixo, apartamos á esquerda pola estrada LU-P-2022 cara a Casanova, e continuamos pola LU-P-2206 cara a Lousada. Ao chegarmos a Santo André de Lousada, apartaremos á esquerda pola carreteira que vai a A Garrona e que sigue ás pistas do Parque Eólico Goia-Peñote. A pouco menos de tres quilómetros da igrexa parroquial atópase a Casa da Neveira.

Tipo de propiedade:

Comunal

Visitable:

Si

Xestión de visitas:

Non procede

Historia:

As máis antigas referencias ao emprego da neve remontan ata o esplendor da cultura mesopotámica (alá polo 3000 a.C.) e mencionan a existencia de ‘casas de frío’ ou ‘casas de neve’ nas cidades de Mari (Éufrates medio, no noroeste) e Ur (sueste da Mesopotamia), onde almacenaban a que recollíase, respectivamente, nos distantes montes Taurus (Asia Menor) e na cordilleira dos Zagros (Persia), a máis de trescentos quilómetros de distancia de cada cidade.

Xa na Idade Moderna, neve dos Pirineos abastaba Mallorca. Hacia 1844, o xenovés Jacinto Caprile recibía en Buenos Aires o xeo elaborado nos Alpes, que cargaban os seus barcos no porto de Xénova. E cóntase que xeo dos lagos de Nova Inglaterra (rexión do nordeste dos Estados Unidos, que comprende os estados de Maine, Vermont, Nuevo Hampshire, Massachusetts, Connecticut e Rhode Island) enviábase pola mesma época ata o distante Bombay, o que pode dar unha idea da enorme importancia que chegara a ter a elaboración e o comercio de xeo.

A actividade dos neveiros coñécense cos romanos, cara o ano 2.000 a.C.; porén, o gran desenvolvemento da comercialización do xeo na Península Ibérica estendeuse do século XVI até finais do século XIX, aproveitando as circunstancias climáticas da coñecida como “pequena idade do xeo” (entre 1350 e 1850, aproximadamente), xenerosa en nevadas e baixas temperaturas.

Nos anos finais, conviviría o xeo elaborado nas montañas co saído das primeiras fábricas establecidas (en 1878, en Zaragoza e San Sebastián), e a barra de xeo mesmo sobreviviría nalgúns lugares até mediado o século XX, cando definitivamente vai desaparecer coa comercialización dos primeiros refrixeradores ou frigoríficos. Até entón, a conservación dos alimentos só era posible coas salmoiras, os adobos, os afumados, os deshidratados por secado, as conservas herméticas e o frío, quer co xeo dos neveiros, quer co das pioneiras fábricas de xeo.

O emprego do frío obtido do xeo elaborado nos neveiros deu traballo a moita xente, enchendo os montes de xornaleiros en época de nevadas (documéntase unha en Alcoi, Albacete, os días 5 e 6 de marzo de 1762, que mobilizara a mil persoas e setecentos cabalos), en unha profesión que vai sobrevivir nalgúns lugares até a década de 1930.

Xa na antigüidade clásica prescribían os médicos o emprego do frío con fines medicinais, uso que foi recuperado con pulo no renacemento, coñecéndose varias publicación ao respecto que o recomendan como antitérmico en procesos febrís, calmante en conxestións cerebrais, hemostático en hemorraxias, e anti-inflamatorio en traumatismos, escordaduras ou fracturas. E, ademais das aplicacións médicas e da conservación dos alimentos, non fora pequena a importancia do consumo en ambientes refinados de alimentos e bebidas fríos ou xeados.

No ámbito peninsular, sería o Reino de Valencia un dos principais consumidores de xeo: a finais do século XVIII sábese que chegaban a Valencia uns dous millóns de quilogramos de xeo cada ano, e dende Alacante mandábase xeo a Ibiza e aos portos do norte de África.

A implantación progresiva de fábricas de xeo en varias cidades a partires de 1890 foi o comezo do fin de tan singular industria do xeo natural obtido nos neveiros.

As primeiras noticias documentais do aproveitamento da neve en Galicia datan da Idade Media, coincidentes co levantamento dos grandes mosteiros no século XII, cuxos monxes construíron as primeiras neveiras para a produción e almacenamento de xeo. Cita Fernández Nogueira (1974) as verbas de Rodríguez Fraiz ao falar do mosteiro de Aciveiro: “tódolos grandes mosteiros do Císter en Galicia tiñan neveiras, cando menos para uso propio” Estas neveiras lembraban ás construcións castrexas, circulares ou ovais con diámetros de catro a oito metros, medio soterradas e construídas aproveitando lugares sombrizos ao abeiro das abas setentrionais das montañas e elevacións do terreo, en lugares que de seguro ocuparían nas friaxes os neveiros naturais.

A abundancia da neve naqueles tempos tiña que ser grande, xa que os neveiros adoitan estar en lugares de acceso doado (entre outras, A Paradanta, na Franqueira; Casadenebi, en Celanova; Tourón, na Cañiza; O Faro, en Chantada; O Navego, en Oseira; a Carba, en Xermade). Da importancia dos neveiros e do negocio dos grandes mosteiros da boa mostra que o xeo chegase á Coruña dende as neveiras de Aciveiro, tras percorrer uns cen quilómetros.

Xa no século XVI, o aprovisionamento do xeo nas vilas acadou tal importancia que o seu comercio foi regulado cara a 1560, no reinado de Felipe II , gravándoo con impostos. Como exemplo do interese deste singular comercio, para levar ata o porto ferrolán o xeo obtido nas neveiras de Lousada, na serra da Carba, pagaba a pena percorrer as máis de sete leguas (uns corenta quilómetros) que separan Ferrol do lugar da extracción.

As neveiras que de xeito natural formábanse nas zonas altas e sombrizas das serras do país, foron aproveitadas dende tempo inmemorial polos veciños para conservar ou arrefriar os alimentos, e tamén para obter xeo da neve e a auga acumulada nos buratos e nas balsas montesías. Con esta experiencia, aproveitaríanse as depresións do terreo para afondar nelas e formar as pozas de recollida da neve e as neveiras, os pozos de conservación (vid. infra).

Nos finais do século XVII, posiblemente polo quecemento do clima co remate da chamada “pequena idade do xeo” (estendeuse aproximadamente entre o 1350 e o 1850), o negocio das neveiras vai esmorecendo na Galicia atlántica, aínda que nalgúns casos mantivéranse ata ben entrado o século XIX pequenas neveiras próximas ás vilas para subministrar xeo a clientes particulares e a negocios locais (vid. ficha 228, pozo da neve do Meixonfrío, Santiago).

A industria do xeo das neveiras de montaña vai manterse aínda en competencia coas primeiras fábricas de xeo construídas nalgunhas cidades españolas no decenio de 1870 en adiante. Con todo, houbo casos en Madrid, Barcelona, Córdoba, Murcia e Gerona, entre outros, nos que algunhas fábricas de xeo mantiveron os dereitos de arrendamento, explotación e comercialización dos pozos de xeo da montaña mesmo ata comezos do primeiro terzo do século XX, en previsión de posibles problemas nas súas instalacións fabrís (vid. Tatjer, 2010:520).

En Galicia, sería José Barreras Massó, formado na Escola de Enxeñeiros Industriais de Barcelona, quen comezaría en 1888 a súa actuación empresarial coa montaxe en Vigo dunha pequena fábrica de xeo, para o subministro aos vapores de pesca do porto vigués e ao ferrocarril que transportaba a Madrid carne e pescado. Non tardaría o seu exemplo en ser seguido por algunhas fábricas de cervexa (vid. ficha 660), que comercializarían tamén bloques de xeo para a hostalaría e as vivendas dos máis podentes.

Contra 1890, a xeneralización dos sistemas industriais para a fabricación de xeo sería o comezo da irreversible desaparición da industria do xeo natural das neveiras de montaña, industria que aínda conseguiría competir algún tempo coas fábricas de xeo e manterse nalgunhas localizacións nos primeiros decenios do século XX, pero que sería totalmente relegada coa comercialización dos frigoríficos domésticos dende finais da década de 1920.

Descrición Xeral do Entorno:

As neveiras da Serra da Carba sitúanse nas alturas do flanco sur da serra, por riba dos oitocentos metros de altitude sobre o nivel do mar, nas ladeiras que verten pola esquerda ao rego da Platería, afluente do Trimaz, tamén pola esquerda. A Casa da Neveira localízase nunha valgada que mira ao nordés, ben exposta a eses ventos, fríos e secos, e non lonxe do Camiño Real que unía Mondoñedo con Ferrol.

Construcción:

Aínda que os veciños xa aproveitaban dende a Baixa Idade Media as neveiras que espontáneos aparecían nos montes, e pode que estivera nalgún momento vinculada ao mosteiro cisterciense de Santa María de Meira, a chamada Casa da Neveira de Xermade podería terse construído no século XVI, aínda que non aparecerá documentada ata 1845, cunha primeira alusión explícita a esta construción que, dun xeito superficial, deixa constancia da súa existencia nas proximidades da chamada Fraga da Lagoa, no Couto de Lousada.

Abandono:

Primeira metade do século XX. Xa non resulta identificable no voo fotográfico americano realizado en 1945.

Descrición:

O neveiro, neveira ou pozo da neve, construción coñecida en toda a Península Ibérica e nas Illas Baleares, e chamada cos nomes de pozo de nieve, cava de neu, pou de neu, pou de gel, pou de glaç, elurzulo, cases de neu, nevero, nevera e ventisquero, según a comarca de asento, é un pozo máis ou menos fondo escavado na terra e consolidado con robustos muros de contención que sobresaen uns palmos por riba do nivel do terreo no que se furou. Pode ir cuberto e ter teitume, deixándolle unhas aberturas para botar a neve dentro, baixar a preparala e sacar o xeo no seu tempo.

O conxunto das neveiras da Carba atópase vinculado ao Camiño Real que de Mondoñedo levaba a Ferrol, que discorría polos lugares de Romariz, Labrada e Montouto, no termo municipal de Abadín, para continuar por San Simón da Costa e Vilapedre, no termo de Vilalba; entraría logo no termo de Xermade por Lousada, e sairía por Roupar en dirección a As Pontes; despois atravesaría Espiñaredo e Igrexafeita para baixar pola Mourela ata a Ponte de Xubia e finalmente, rematar o percorrido no porto de Ferrol.

As neveiras que se localizan nas inmediacións do camiño de Mondoñedo a Ferrol pola Serra da Carba son a de Monseivane, no lugar de A Casanova (San Simón da Costa, Vilalba), a de Labrada, no lugar de A Pardoa (San Pedro de Labrada, Abadín), a de Montouto, no lugar do Regocavado (Santa María de Montouto, Abadín), e a de Lousada, sita en A Garrona (Santo André de Lousada, Xermade). A proximidade a unha vía de comunicación principal facilitaría a operación das neveiras e o transporte do xeo aos puntos de consumo.

As catro neveiras da Carba atópanse entre os oitocentos e os novecentos metros de altitude sobre o nivel do mar, cunha orientación setentrional sombriza e aberta á circulación dos ventos fríos e secos do nordés. En comparanza con outras, son construcións modestas, parcialmente soterradas aproveitando a pendente natural da súa localización e de planta ovalada, máis ou menos rectangular. Os muros que conforman o que sería o pozo son de cachotería de pedra, groseiramente aparellada e ás veces trabada por morteiro de barro.

No caso da neveira de Lousada, a súa planta rectangular, con muros de lousa trabados por medio de morteiro de barro, é de uns once metros de longo por cinco de ancho, cunha profundidade máxima próxima aos cinco metros e unha capacidade próxima aos catrocentos vinte metros cúbicos.

Como noutros casos os pozos destas neveiras contarían no fondo con cadansúa rede de drenaxe e desaugue ao exterior para evacuar a auga que se fose formando ao derretirse o xeo. O acceso ao fondo faríase con escaleiras de madeira. As cubertas poderían ter sido de bóveda de pedra, cunha abertura para o acceso e a introdución das grandes bolas formadas coa neve acumulada, ou poderían ter sido de colmo sobre armazón de madeira.

A carón das neveiras seguramente haberíase construído unha “casa da neve” ou “casa do neveiro”, utilizada para gorecerse e protexer a palla, as esteiras e os aveños e ferramentas utilizados para palear a neve, pisala, cortar o xeo e sacar os bloques ao exterior. A cuberta desta edificación sería seguramente de lousa do país.

Con moitas dúbidas sobre a propiedade destes territorios ao longo dos séculos, nunha escritura de 1845, de partillas dos Montes dos Foros, Goya, Aspros, Cal dos Mangos e Fraga da Lagoa, atópase a primeira mención documental da neveira do Coto de Lousada, nas terras daquela propiedade do Marqués de Valdecarzana (vid. Seijas e Paleo, 2015) e que, de acordo cos datos documentais consultados polas investigadoras citadas, pódese concluír que tanto a neveira coma o Couto de Lousada estiveron en mans dos nobres galegos e astur-galaicos practicamente dende a Idade Media ata ben entrado o século XIX.

Con respecto ao seu aproveitamento, as fontes orais falan dunha posible relación comercial entre Lousada e Ferrol para a subministración de xeo para o abasto do porto ferrolán. Tampouco é descartable que o xeo se levase a outras zonas costeiras próximas.

A actividade das neveiras iría decaendo desde o tránsito do século XIX ao XX, coa instalación nalgunhas vilas costeiras das primeiras máquinas de fabricación de xeo. Por exemplo, José Barreras Massó, formado na Escola de Enxeñeiros Industriais de Barcelona, comezara a súa actuación empresarial coa montaxe en Vigo en 1888 dunha pequena fábrica de xeo para o subministro aos vapores e ao ferrocarril de Madrid. En 1909 comezaban a funcionar na coruñesa praza da Palloza as máquinas da fábrica de xeo que tivera no Molle do Este a Compañía Frigorífica.

Cun proxecto do ano 1943, no porto de Ferrol construiríase unha fábrica de xeo, na que elaborábanse bloques de xeo que distribuíanse principalmente aos barcos e á praza de abastos, que os distribuía aos negocios e vivendas podentes. Coa xeneralización do frío industrial nos barcos e a progresiva comercialización de frigoríficos domésticos dende a década de 1950, a fábrica de xeo iría quedando relegada, deixaría de funcionar en 1966 e sería finalmente demolida en 1986.

Tempo de uso:

Dependendo das oscilacións climáticas, cun período de acumulación da neve de setembro a maio, que podía garantir a extracción de xeo até o final do verán.

Sistema de produción:

A preparación do terreo para a recollida da neve nos montes comezaba xa no mes de novembro, cando o encargado, coa axuda duns xornaleiros, procedía a limpar o terreo de matogueira e pedras, acondicionando tamén as pozas e balsas, se as houbera, e –por suposto– a neveira, eliminado as herbas que houberan medrado no interior, recompoñendo as avarías e, cando o tivera, reparando o teito e repoñendo as tellas rotas.

Os traballos nos neveiros adoitaban comezar na primaveira coa “colleita da neve”, despois das derradeiras nevadas do inverno. As veces, no medio do inverno, aproveitábase unha forte nevada para acumular neve nas depresións naturais e nas pozas ou balsas previamente preparadas a tal efecto, onde repousaría ata o seu traslado ás neveiras para o “encerro da neve”.

Chegado o momento da colleita, preparábase primeiro o fondo dos neveiros, limpando ben as canles de escorregar a auga de desxeo e os buratos dos desaugadoiros da mesma, e colocando por riba do chan, a xeito de illamento, unha capa de poliñas, herba, follas secas e palla. O acceso no interior das neveiras e ata o mesmo fondo do pozo facíase coa axuda dunha escaleira. Nalgúns casos, as propias paredes do pozo contaban coa súa escaleira de pedra, incorporada na mesma construción.

A neve, arrastrada ladeira abaixo ou transportada en cestos ou padiolas, carrexábase ata a neveira, introducíase no pozo e amoreábase en capas de vinte a cincuenta centímetros de groso, para que no seu momento fora máis doado o corte en bloques do xeo formado. Para mellorar a conservación, a capa depositada separábase das paredes do pozo por palla, follas ou ramiñas de mato.

Rematada unha capa, nivelábase e pisábase para compactala, reducindo o volume ocupado e transformándose en xeo, que consérvase ben máis de tempo ca neve. Completado o traballo nunha capa, cubríase a mesma con terra, palla, follas e pequenas pólas, fentos e piornos, e procedíase a botar por riba outra capa de neve coa súa cobertura, formando, unha tras outra, capas homoxéneas ata chegar á superficie do pozo.

As coberturas de separación das capas entre si e entre cada unha delas e as paredes da neveira, amais de actuar como illante térmico impedían ao formarse o xeo o fixera como un único e enorme bloque, que sería case que imposible cortar despois en cachos axeitados para a súa manipulación e transporte.

Chegadas as calores, na noite ou nas proximidade do amencer, coa axuda de laias e pas cortábanse bloques de xeo e íanse sacando da neveira coa axuda dunha polea ou un torno, que se suspendía dun traveseiro sustentado en postes de madeira.

Formadas as “cargas”, e antes que chegara a calor do día, os bloques de xeo transportábanse no lombo das bestas ou en carretas ata os mosteiros, e tamén aos puntos de demanda das vilas para a súa venda. Os mosteiros adoitaban teren salas ou cisternas acondicionadas para conservar da mellor maneira posible o xeo que de tanto en tanto lles baixaban das neveiras. Algunhas vilas contaban tamén con depósitos preparados a tal efecto e aínda outros depósitos para acoller “cargas” que ían de camiño por etapas para destinos moi distantes.

Algúns mosteiros, como o de Aciveiro, vendían xeo das súas neveiras en poboacións ben distantes, como Pontevedra (sete leguas e media, uns corenta e dous quilómetros), Santiago (nove leguas, uns cincuenta quilómetros), ou mesmo A Coruña (case once leguas, uns sesenta quilómetros).

Para os usos hostaleiros e domésticos, os primeiros arrefriadores eran uns armarios ou despensas nos que, coas barras de xeo, gardábanse os alimentos e bebidas a arrefriar. A aparición dos sistemas de frío industrial para a fabricación de xeo (contra 1890) sería o comezo da desaparición da industria do xeo artesanal das neveiras das montañas, industria que, inda que competiría algún tempo co xeo artificial das fábricas, sería totalmente relegada coa comercialización dos frigoríficos domésticos dende finais da década de 1920.

Actividades laborais:

Os obreiros da neve, tamén chamados neveiros e paleiros, xa fosen apañadores, pisadores, ou cortadores, traballaban en condicións certamente penosas, polo frío do seu entorno cotián de traballo e a carencia da vestimenta apropiada. Nas proximidades e ao redor das neveiras existía durante meses unha pequena e dura vida social. Eran moitos os xornaleiros que preparaban o terreo, recollían a neve durante as primeiras nevadas e a almacenaban nas neveiras. Poucos eran os que mantiñan certa actividade a carón das neveiras nos meses do inverno, aguantando nevadas, choivas e tempo inclemente co único abrigo das “casas da neve”.

Emprego:

Como referencia (vid. ficha 694), o Cabido de Santiago chegaría a empregar unha media de cento sesenta e sete persoas na atención ás súas neveiras da Serra do Candán (Fernández, 1999:60).

Materias Primas:

Auga na forma de neve.

Produtos Elaborados:

Auga na forma de xeo.

Distribución e comercialización:

Comarcal; ás veces, rexional.

Referencias Bibliográficas:

Barceló Pons, Bartolomé (1959). "El comercio de la nieve en Mallorca", en Boletín de la Cámara Oficial de Comercio, Industria y Navegación, nº 623, Palma de Mallorca.

Bértolo Ballesteros, José Manuel (2016). “As neveiras de Fixó en Terra de Montes”, en Nalgures, tomo XII, 2016, p. 127-136 (Ejemplar homenaje a José Luis López Sangil). Asociación Cultural de Estudios Históricos de Galicia. ISSN 1885-6349. https://www.estudioshistoricos.com/wp-content/uploads/2018/01/nalgures_xii.pdf

Calvo Barco, Ángel María (1997). “Los neveros, una actividad desaparecida en nuestras montañas”, en Zainak, Cuadernos de Antropología-Etnografía, nº 14, 1997, p. 203-213. ISSN 1137-439X.

Capel Sáez, Horacio (1968). "El comercio de la nieve y los pozos de Sierra Espuña", en Estudios Geográficos, XXX, nº 110, 1968.

Capel Sáez, Horacio (1969). “Problemas de organización y transporte en el antiguo comercio de la nieve”, en Geographica, Revista da Sociedade de Geografia de Lisboa, nº 20, 1969.

Capel Sáez, Horacio (1970)."Una actividad desaparecida de las montañas mediterráneas: el comercio de la nieve", en Revista de Geografía, Universidad de Barcelona, 1970, p. 5-42.

Cruz Orozco, Jorge; Segura Martí, Josep María (1996). El comercio de la nieve: la red de pozos de nieve en las tierras valencianas. Dirección General de Patrimonio Artístico. Valencia: Conselleria d’Educació i Cultura de la Generalitat Valenciana. ISBN 84-482-1355-6.

Diputación Foral de Bizkaia (Departamento de Cultura) (1994). Bizkaiko elurzuloak-Neveras de Bizkaia. Bilbao: Diputación Foral de Bizkaia. ISBN 84-7752-146-8.

Fernández Cortizo, Camilo (1996). “Neveras y cosecha de nieve en Galicia (siglos XVII-XVIII)”, en Ohm: Obradoiro de historia moderna, Nº 5, 1996, p. 41-66. ISSN-e 1133-0481.

Fernández Cortizo, Camilo (2016). “La pequeña edad de hielo en Galicia: estado de la cuestión y estudio histórico”, en Ohm: obradoiro de historia moderna, Nº 25, 2016, p. 9-39. ISSN-e 1133-0481.

Fernández Nogueira, Francisco Javier (1974). “Neveira”, en Ramón Otero Pedrayo (dir.) Gran enciclopedia gallega, 30 vol., vol. 22, p. 167. Gijón: Silverio Cañada Editor. DL VI-415-1974. ISBN 84-7286-029-9 (general). ISBN 84-7286-193-7 (tomo XXII).

Fernández Nogueira, Francisco Xabier (1980). "A neve na Galicia atlântica. A industria da neve", en A Nosa Terra, núm. 132.

Fernández Nogueira, Francisco Xabier (1983). "As neveiras en Galicia", en Terra: revista da Sociedade Galega de Xeografía, núm. 1.

Gavela Gesto, Antón Andrés (2011). “Los pozos de nieve, neveras de montaña al paso del sendero transourensano”, en Transourensán [en línea] http://transourensan.blogspot.com/2011/12/los-pozos-de-nieve-neveras-de-montana.html [Acceso 27/02/2022].

Gavilanes Blanco, José Antonio (2013). “Casas da Neve Parada do Sil”, en Patrimonio Galego [en línea] Disponible na Internet: http://patrimoniogalego.net/index.php/49769/2013/09/casas-da-neve-parada-do-sil/ [Acceso 13/05/2014].

González García, Miguel Ángel (1999). “El pozo y abasto de nieve del cabildo de la Catedral de Ourense”, en Cuadernos de estudios gallegos, T. 46, Nº 111, 1999, p. 93-122. ISSN 0210-847X.

Llano Cabado, Pedro de (1983). Arquitectura popular en Galicia: a casa mariñeira, a casa das agras, a casa do viño, as construccións adxetivas. Santiago de Compostela: Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia. DL VG-375-1983. ISBN 84-85665-08-2.

Mallol Ferrándiz, José (1987). “Alicante y el comercio de la nieve en el último tercio del siglo XVIII”, en Revista de historia moderna, núm. 6-7 (1986-1987), p. 245-254. ISSN 0212-5862.

Mallol Ferrándiz, José (1990): Alicante y el comercio de la nieve en la edad moderna. Caja de Ahorros Provincial de Alicante. Alicante: Universidad de Alicante. ISBN 84-86809-90-8.

Martín Vide, Javier (coord.); Olcina Cantos, Jorge (coord.) (2001). Climas y tiempos de España. Colección historia y geografía. Madrid: Alianza Editorial. ISBN 84-206-5777-8.

Palacios Muruais, Xosé María (2015): “Recuerdos de una edad del hielo: Xermade rescata una nevera que abastecía al puerto de Ferrol hace siglos”, en La Voz de Galicia, ed. Vilalba, 20/10/2015.

Planhol, Xavier de (1995). L’eau de neige. Le tiède et le frais. Histoire et géographie des boissons fraîches. París: Fayard. ISBN 2-213-59405-8.

Salbidegoitia Arana, José María; Barinaga, José Ignacio (1974). «Las neveras de Vizcaya», en Revista Kobie, boletín núm. 5, p. 43-83. Grupo Espeleológico Vizcaíno. Bilbao: Diputación de Vizcaya.

Sampedro Fernández, Andrés (1999). “Una aproximación al mundo de la nieve en Galicia”, en Cuadernos de etnología y etnografía de Navarra, Año nº 31, Nº 73, 1999 (Ejemplar dedicado a: IV Congreso de Antropología Aplicada), p. 381-408. ISSN 0590-1871.

Seijas Álvarez, Yesmina; Paleo Mosquera, Sofía (2015). “A neveira de Lousada no camiño Mondoñedo-Ferrol”, en Hume historia: revista de estudos históricos locais, núm. 8, 2015, p. 53-81. ISSN 1888-6183. http://www.humehistoriaaspontes.com/uploads/4/0/8/8/40887849/revista_n-8_hume.pdf

Simón Lorda, David (2013). “Casas da neve /pozos de nieve: Desde la Ribeira Sacra a la Pequeña Edad de Hielo”, en Diario de un médico de guardia [en línea] Disponible na Internet: http://diariodeunmedicodeguardia.blogspot.com.es/2013/11/casas-da-neve-pozos-de-nieve-desde-la.html [Acceso 13 maio 2014].

Tatjer i Mir, Mercè (2009). “La industria del hielo en la ciudad de Barcelona: la fábrica de la Siberia, 1908-1970”, en Historia contemporánea, Nº 39, 2009 (Ejemplar dedicado a: Nuevas perspectivas sobre la ciudad contemporánea), p. 513-540. ISSN 1130-2402.

Vallcaneras Nebot, Lluís (2002). Les cases de neu i els seus itineraris. Mallorca: Gorg Blau. ISBN 84-922372-6-0.

Vallcaneras Nebot, Lluís (2002). “Las casas de nieve y sus itinerarios”, en Biblio 3W, Revista Bibliográfica de Geografía y Ciencias Sociales, Universidad de Barcelona, vol. VII, nº 395, 30 de agosto de 2002 [en linea] http://www.ub.es/geocrit/b3w-395.htm [Acceso 27/02/2022]. ISSN 1138-9796.

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 23-I As Pontes de García Rodríguez /// Datum ETRS89: H 29 // X 606.202,26 m / Y 4.808.153,17 m

Centro Nacional de Información Geográfica (s/d). Fotototeca Digital, Instituto Geográfico Nacional, Ministerio de Fomento del Gobierno de España [en línea] Disponible en internet: http://fototeca.cnig.es/ [Acceso 11 marzo 2021].

Instituto de Estudos do Territorio (IET) da Xunta de Galicia (s/d). Información Xeográfica de Galicia: visualizador de mapas [en liña] Dispoñible na Internet: http://mapas.xunta.es/visualizador-de-mapas [Acceso 11 marzo 2021].

Instituto Geográfico Nacional (s/d). “Mapa Topográfico Nacional 1:25.000”, en Mapas de España. Instituto Geográfico Nacional, Gobierno de España [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/buscarArtsMenu?categoria=MTN25-Mapa-Topográfico-Nacional-1:25.000 [Acceso 18 enero 2021].

Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación del Gobierno de España (s/d). Sistema de Información Geográfica de Parcelas Agrícolas (SIGPAC), Visor SigPac V 4.8 [en línea] Disponible en Internet: https://sigpac.mapama.gob.es/fega/visor/ [Acceso 4 abril 2022].

Xunta de Galicia (Consellería do Medio Rural) (s/d). Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícola (SixPac): visor de mapas [en liña] Dispoñible na Internet: http://sixpac.xunta.es/visorsixpac/ [Acceso 28 enero 2022].

Data de Actualización:

22 setembro 2022