712 Curtidoiro d’A Piteira

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: Lugo
  • Concello: Lugo
  • Parroquia: Lugo (urbana)
  • Lugar: Lugo
  • Paraxe: A Chanca
  • Dirección: Camiño das regas, 40
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 43.0118352165373
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -7.546627031585689
  • Coordeadas UTM: Datum ETRS89: H 29 // X 618.435,73 m / Y 4.763.157,62 m
  • Clasificación: Fábrica de curtidos
  • CNAE: 15.11 Preparación, curtido e acabado do coiro; preparación e tinguido de peles.
  • Tipoloxía: Curtido tradicional en píos
  • Comarca: Lugo
  • Marco Xeográfico: Val na aba do levante da cidade de Lugo, na marxe esquerda do río da Chanca, augas abaixo e a algo máis de trescentos metros des
  • Ámbito: Rural (hoxe, periferia urbana)
  • Acceso: En Lugo, localizaremos na periferia este da cidade a rúa San Eufrasio (estrada LU-530) e baixaremos pola rúa da Chanca, achegándonos ao viaduto ferroviario. A carón do río da Chanca, na súa marxe dereita e case que baixo o viaduto, atópase o conxunto da que fora fábrica de curtidos.

Tipo de propiedade:

Privada

Visitable:

Exteriormente

Xestión de visitas:

Non procede

Historia:

Non somos hoxe en día conscientes da gran importancia que tivo a industria do coiro, que elaboraba as pezas que despois empregaríanse sen curtir como soporte para a escritura (pergameo), e curtida no almacenamento de líquidos (pelellos) e no manexo do aire (foles, mesmo musicais), nos arreos de labranza (arneses, correas e atalaxes), para o traballo dos albardeiros (cinchas, selas, albardas e alforxas), talabarteiros e gornicioneiros (cartucheiras, cintos e talabartes), para pezas da vestimenta (chalecos, petos, luvas, chapeus, cintos), no calzado (zocos, botas, zapatos), no recubrimento de embarcacións, na elaboración de cordas e enxarcia, para xuntas de estanquidade ou aínda para as correas de transmisión da primeira maquinaria.

A actividade de curtume, como a téxtil, xorde e desenvólvese intimamente unida ao mundo rural, compartindo as actividades propias do campo para fornecer as súas necesidades específicas e servindo moitas veces aquelado cos traballos agrícolas para complemento dos minguados ingresos dos labregos.

Podemos distinguir entre curtidores independentes, que curtirían unha ou dúas peles ao ano para as súas propias necesidades, e curtidores rurais, que á vez que traballan os seus propios coiros, preparan a xornal outros cedidos por tratantes ou comerciantes urbanos. En ambos os casos, os campesiños son propietarios dos píos nos que traballan as peles. Finalmente, un terceiro grupo de campesiños traballarían en píos prestados ou en píos da comunidade.

Aínda que o curtido espallábase por toda Galicia, sendo habitual a existencia de curtidores en moitas parroquias, algunhas zonas concentraban un gran número destes curtidores “a tempo parcial”, como nas terras de Cea e Allariz, na antiga provincia de Ourense, Noia e Caldas, na de Santiago, Vilalba e Chantada, na de Lugo, e Soutomaior, na de Tui.

A evolución desta industria continúa, xa como unha actividade urbana ou peri-urbana nos séculos XVII e XVIII, coa construción de píos por e para o gremio de zapateiros, necesitados de abastecerse de materia prima para o seu traballo, como ocorría en Betanzos ou en Melide. Outras veces as instalación eran do propio concello, como no caso de Chantada, e outras, en fin, de particulares.

Pronto a industria do coiro dará un avance cualitativo e cuantitativo co nacemento, no tránsito do século XVIII ao XIX da fábrica de curtidos construída por un empresario como un asentamento especificamente dedicado á produción de coiros, cunha centralización nas súas instalacións de tódalas actividades do proceso, con traballadores asalariados que preparaban os pelicos ao mandado do dono, e cunha clara orientación a cubrir as necesidades e demandas do mercado.

Desta forma, os asentamentos dispersos e rudimentarios evolucionan dando paso aos centros especializados, nunha transición gradual que pasa polos asentamentos gremiais proto industriais, primeiro, e as fábricas populares, despois, para chegar finalmente aos modernos curtidoiros.

Consonte os datos do Catastro de Ensenada, contra 1752 o gremio de zapateiros de Betanzos contaba con cincuenta e catro inscritos, pero tan só seis desenvolvían moi rudimentarias tarefas de curtume. Vai ser contra os comezos da década de 1770 cando aparecen nas contornas de Ferrol os primeiros curtidoiros (vid. ficha 329) estabelecidos co novo modelo organizativo de factoría centralizada, coa introdución de capital privado e de emprego asalariado, liberados do control gremial.

Outros aires da revolución industrial chegarían tamén a industria do curtido, inda que tardarían en Galicia en facelo na cerna dos labores (a transformación da pel en coiro), introducíndose unicamente nas endeitas de preparación e remate, localizándose curtidoiros galegos que contra 1850 xa utilizaban máquinas para o descarnado, o pelado, o batido e a división da pel.

O curtido tradicional necesitaba entre dez e dezaoito meses dende a chegada da pel ata a saída do coiro e precisaba para o aporte do tanino como curtinte de grandes cantidades de casca (uns cinco quilogramos para cada quilogramo de pel), normalmente de carballo. Xa na década de 1850 empregaríanse extractos concentrados de quebracho ou castiñeiro para acelerar o curtido e finalmente taninos artificiais (ésteres dos ácidos fenol-carbónicos) para o curtido vexetal rápido, xeneralizado na década de 1870.

Cara a 1880 comezaría o curtido mediante sales de cromo e a finais da década de 1910 o curtido ao cromo suplantaría case que totalmente ao curtido vexetal. Mentres o curtido dunha peza de sola polo sistema tradicional precisaba duns catrocentos dez días, cos novos sistemas abondaba con cento oitenta. Coa excepción de Italia, que nos consorcios da Toscana promove a antiga tradición artesanal, o curtido vexetal de alta calidade practicamente desapareceu na Europa.

Malia que as fábricas de curtidos galegas chegaran a representar máis da cuarta da produción do sector en España, do decenio de 1880 en adiante foron incapaces de adaptarse aos cambios que estaban a xeneralizarse na tecnoloxía e nos mercados dos curtumes. Os curtidoiros galegos optarían pola especialización no curtido antigo, que chegaría a coñecerse como “curtido a la gallega”, orientado aos mercados tradicionais, xa en decadencia.

A crise da agricultura galega tradicional e a progresiva consolidación entre os usuarios dos novos tipos de calzado, suporían o imparable declive dos curtidoiros galegos, de tal maneira que das máis de cento setenta fábricas de curtidos que traballaban en Galicia a finais da década de 1950, trinta anos despois, finalizando a década de 1980, sobrevivían tan só once.

Hoxe en día, dous obradoiros artesanais na comarca de Bergantiños e un establecemento industrial en Padrón é todo o que queda da industria galega do coiro.

Descrición Xeral do Entorno:

O curtidoiro situarase a uns trescentos metros augas abaixo da Ponte Vella da Chanca, a ponte de orixe medieval, reconstruída en 1570 polo biscaíño Pedro de Artiaga, que daba entrada á cidade a dous camiños históricos que alí se xuntan, o Camiño Real de Meira a Lugo e o Camiño Primitivo que dende A Fonsagrada vai a Santiago de Compostela.

Construcción:

Anterior a 1905.

Abandono:

1915.

Descrición:

O curtidoiro fora construído nun predio a carón da marxe dereita do río da Chanca. O predio vai pechado por un grande valado de lousa gris do país e algún cachote de granito. O interior do valado acolle as casas vivenda, o curtidoiro e as construcións adxectivas. O casal de A Piteira figura xa representado desde 1875 nas ilustracións do viaduto ferroviario de A Chanca.

O edificio fabril, de baixo e un andar, con cuberta a dúas augas, coas construcións anexas configura unha fábrica fechada. A fábrica de todas as edificacións é de lousa gris de país e algo de cachotaría de granito; as cubertas son todas de lousa negra a dúas augas. Consonte recolle Claudio Otero (2015), no interior do curtidoiro había vinte e seis píos e a fábrica tiña un muíño de casca turrado por cabalaría.

O conxunto asentouse nun predio duns mil oitocentos metros cadrados, a carón do chamado Camiño das Regas e na beira dereita do río da Chanca. Unha presa construída uns metros augas abaixo da ponte da Chanca derivaba as augas ao rego que as levaba ás regas dos campos e aos labores produtivos no interior do edificio fabril.

Segundo recolle Claudio Otero (2015: 385, ficha 107), o principal empresario desta fábrica de curtidos foi Andrés Abelaira, que figura en 1905 cotizando por cincuenta e nove metros cúbicos de píos e un muíño de casca, non aparece nos rexistros dos anos seguintes, e volve a figurar en 1915, agora cunha capacidade declarada de setenta metros cúbicos de píos.

Tempo de uso:

Todo o ano.

Sistema de produción:

Curtido é o proceso mediante o que unha pel, un material orgánico, transfórmase en coiro, un material imputrescible, flexible, resistente á humidade e con notables propiedades mecánicas. Tecnicamente, o curtido consiste en aumentar a resistencia á hidrólise das proteínas (coláxeno) que configuran a pel mediante a acción dun axente que orixina tal cambio químico, o curtinte.

O proceso iniciábase coa chegada da pel en bruto, con pelo e restos de carne cando viña dos matadoiros veciños, e ademais cunha abondosa dose de sal incorporada cando procedente do Río da Prata. Comezaban entón os labores de ribeira, limpeza e primeira preparación dos pelellos para hidratar e abrandala pel manténdoa mergullada en auga varios días, xa nunha corrente fluvial, xa en pozos construídos ao efecto. Os coiros lavábanse ben, deixábanse a mollo e deseguido mergullábanse nuns pozos cheos de auga con cal apagado, os caleiros ou pelamios, para que os poros abriran tanto para favorecer a retirada do pelo como para unha mellor penetración das sustancias curtintes coas que logo sería tratada a pel.

A pel permanecía nos caleiros entre quince e vinte días e, unha vez sacada do pelamio actuaban os “zurradores” para retirarlle a súa pelame e os anacos de carnaza que quedasen do desencoirado, uniformando á vez a superficie da pel e separando as partes inútiles para o curtido. Os oficiais completaban o depilado traballando a pel até retirarlle todo o pelo, rañando coas súas características coitelas romas pola flor da pel, a parte exterior, na que se atopa o pelo.

Rematadas as tarefas de ribeira, o caldeo ou corrida nos pozos chamados mudanzas ou alpages, enchidos con auga acidulada pola casca de carballo e con diferentes concentracións (a menor, no de primeira mudanza), limpaba os restos de cal e completaba o enchido da pel e a apertura dos seus poros que xa se encetara nos pelamios. As veces, cos coiros “brandos” ou de res menor, antes do caldeo adoitábase levar a pel aos pozos de desengraxado, nos que permanecía mergullada en excrementos animais (unha mestura de canina, gallinácea, palomina e outros) para facer máis doada a posterior retirada dos restos do cal.

Os coiros xa limpos e preparados trasladábanse entón aos pozos de curtir propiamente ditos, chamados noques, pilos ou asentos, nos que a pel conseguía as súas propiedades de resistencia á auga e á humidade, volvéndose elástica e resistente á vez. Alí os coiros colocábanse coa flor (a cara na que tivera o pelo) cara abaixo, alternados con casca de carballo moída previamente e ben cubertos de auga. Nesta situación permanecían entre tres e cinco meses, tralo que retirábanse dos noques, limpábanse e cepillábanse e voltaban a se mergullar noutros noques –“de segundo asiento”– mesturados con casca moída igual que na volta anterior agás o sentido da pel, agora coa flor cara arriba. A pel íase pasando duns pozos aos outros nun proceso lento e laborioso, sempre mergullada nunha solución rica en tanino obtida a partir da cortiza do carballo.

No procedemento tradicional de curtido o axente curtinte, o tanino, procedía da casca de certos árbores, como a aciñeira ou o sanguiño, sendo o carballo o máis adoito a empregar en Galicia. Para mellorar o proceso, a casca pulverizábase nos chamados muíños de casca, consistentes nun murete circular de trinta ou corenta centímetros de alto e de tres a catro metros de diámetro, arredor do que unha besta facía roular unha roda de cantería que ía esmagando a casca depositada no interior do beiril.

Unha vez o coiro curtido procedíase ao seu remate, no que o proceso finalizaba coa preparación e secado da pel curtida, o pelico. Levantada a pel dos noques procedíase o seu enxugado e aireado, tralo que viña o batido ou mazado cun martelo de madeira, para deixar a peza compactada nun espesor uniforme e cunha aparencia máis homoxénea, finalizando aquí o proceso para os coiros duros (de vacún adulto) destinados á fabricación de sola.

No caso dos coiros brandos (de animais menores como xatos, ovellas ou rebezos), que destinábanse fundamentalmente á elaboración do “becerro”, o rematado era máis complexo, incluíndo o engraxado a base de saín (graxa de sardiña), o estirado e o luneteado, entre outras operacións menores.

As fábricas de coiros aproveitaban tódolos refugallos do proceso e os vendían: a casca xa usada e enxoita para as lareiras; os restos da carnaza para facer a cola que demandaban os carpinteiros e as fábricas de papel; o pelo desprendido da pel e enxoito para a fabricación de cepillos e brochas.

O proceso de curtido tradicional, co tanino de árbores e arbustos como curtinte, necesitaba entre dez e dezaoito meses dende a chegada da pel ata a saída do coiro e precisaba grandes cantidades de casca (uns cinco quilogramos de casca para cada quilogramo de pel).

Empregáranse despois, xa na década de 1850, extractos concentrados de quebracho ou castiñeiro para acelerar o curtido e finalmente taninos artificiais para o curtido vexetal rápido, xeneralizado na década de 1870. Cara a 1880 comezaría o curtido mediante sales de cromo e a finais da década de 1910 o curtido ao cromo suplantaría totalmente ao curtido vexetal. Mentres o curtido dunha peza de sola polo sistema tradicional precisaba duns catrocentos dez días, cos novos sistemas abondaba con cento oitenta.

O curtido ao alume ou curtido en branco (utilizado principalmente para curtir peles que conserven o pelo) segue a empregarse na preparación de peles finas moi flexibles e suaves, xeralmente empregadas nas luvas. Utiliza como solución curtinte o preparado constituído por cen gramos de alume (sal dupla de aluminio e potasio hidratado) e cincuenta gramos de sal (cloruro de sodio) por cada litro de auga, mestura que ten que ter unha densidade de once graos Baumé.

Aínda que os aires da revolución industrial chegaran tamén a industria do curtido, non o fixera na cerna dos labores (a transformación da pel), senón unicamente nas endeitas de preparación e remate, e algunhas tenerías empregaban contra 1850 máquinas para o descarnado, o pelado, o batido e a división da pel.

O conxunto das edificacións para o traballo dos coiros normalmente distribuiase en cinco compoñentes: o almacén das materias primas e local da moenda da casca configuraban a entrada do establecemento; viña despois o departamento dos labores de ribeira, cos seus lavadoiros e caleiros; o terceiro espazo contaba cos píos de mudanza e asento; o espazo para o enxugado e aireado estaban as veces nun primeiro andar, para mellorar a ventilación; o derradeiro, a zona de remate, xuntábase as veces co anterior.

A ocupación nas fábricas de curtidos era de cinco a sete persoas nas pequenas, e de dez a quince nas grandes.

Os produtos que se elaboraban recibían distintos nomes: solas (vacún), becerros (tenreiro), badanas (carneiro ou ovella), cordobáns (cabra), baldeses (adelgazadas para luvas), baquetas (vaquetas, coiro de vitela, tenreira para albardeiros) e corregeles (tamén chamado crupón, folla enteira de coiro flexible e groso de boi ou vaca, para solas e correas).

Actividades laborais:

Man de obra masculina en todo o proceso.

Emprego:

Sen datos. Posibelmente, entre tres e cinco homes.

Materias Primas:

Peles de animais, principalmente vacún.

Produtos Elaborados:

Peles curtidas, coiros, correas, solas, etc.

Distribución e comercialización:

Local.

Referencias Bibliográficas:

Carmona Badía, Xoán; Fernández Vázquez, María Teresa (1997). “Historia e actualidade do patrimonio industrial de Galicia: as fábricas de curtidos de Allariz”, en Fidalgo Santamariña, Xosé Antón, e Simal Gándara, Xesús (eds.), Patrimonio cultural de Galicia e norte de Portugal, p. 63-79. Ourense: Diputación Provincial.

Carmona Badía, Xoán; Fernández Vázquez, María Teresa (2003). A Compostela industrial: historia e pegada das fábricas de coiros no concello de Santiago. Santiago de Compostela: Consorcio de Santiago. D.L. C-269-2003. ISBN 84-930667-2-9.

Carmona Badía, Xoán; Nadal Oller, Jordi (2005). El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Córdoba de la Llave, Ricardo (2008). “Industrias del tejido y del cuero”, en Navascués Palacio, Pedro (coord.), Ars Mechanicae: ingeniería medieval en España, p. 225-233. Fundación Juanelo Turriano. Madrid: Ministerio de Fomento (CEDEX-CEHOPU). DL M-46232-2008. ISBN 978-84-7790-470-0.

Fernández Vázquez, María Teresa (2002). La industria del curtido en la Galicia contemporánea. Tesis doctoral (inédita). Departamento de Economía Aplicada, Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago de Compostela.

Lorenzo Fernández, Xaquín (1962). “Etnografía: cultura material. Os oficios: curtidores ou coireiros”, en Otero Pedrayo, Ramón (dir.), Historia de Galiza, vol. II, O home-II, p. 550-558. Buenos Aires: Editorial Nós.

Lorenzo Fernández, Xaquín (1983). “Curtidores ou coireiros”, en Os oficios, Biblioteca Básica da Cultura Galega, p. 123-133. Vigo: Editorial Galaxia. DL VG-18-1983. ISBN 84-7154-425-3.

Lugilde Pena, José María (1990). Recordos do pasado. Lugo e provincia. Álbum. Lugo: Servizo de Publicacións da Deputación Provincial.

Nolano, Roberto Mario (2015). Curtido artesanal de cueros. Agencias de Extensión Rural de los Llanos de La Rioja, Argentina.

Otero Eiriz, Claudio (2017). A industria do coiro en Galicia: historia e patrimonio. Tese doctoral, inédita. Departamento de Economía Aplicada, Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago de Compostela.

Otero Eiriz, Claudio (2018). “La industria de los curtidos en Galicia: una visión sistemática sobre su implantación en el territorio en el siglo XX”, en Madrygal. Revista de Estudios Gallegos, 21, 157-172.

Palazzolo, Luis (1948). Aplicación de los taninos sintéticos. Tesis doctoral. Facultad de Ciencias Exactas y Naturales de la Universidad de Buenos Aires.

Wagner, Augustus (1942). “Curtido y elaboración de pieles”, en Manual del Ingeniero, tomo IV, capítulo VI, secciones I y II, p. 703-744. Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, trad. de la 26ª edición alemana. Barcelona: Gustavo Gili.

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 72-IV Lugo /// Datum ETRS89: H 29 // X 618.435,73 m / Y 4.763.157,62 m

Centro Nacional de Información Geográfica (s.f.). Fotototeca Digital. Instituto Geográfico Nacional, Ministerio de Fomento del Gobierno de España. http://fototeca.cnig.es/ [28/02/2020].

Instituto de Estudos do Territorio (IET) da Xunta de Galicia (s.f.). Información Xeográfica de Galicia: visualizador de mapas. http://mapas.xunta.es/visualizador-de-mapas [04/04/2020].

Instituto Geográfico Nacional (s.f.). “Mapa Topográfico Nacional 1:25.000”, en Mapas de España. Instituto Geográfico Nacional, Gobierno de España. https://www.cnig.es/buscarArtsMenu?categoria=MTN25-Mapa-Topográfico-Nacional-1:25.000 [18/01/2021].

Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación del Gobierno de España (s.f.). Sistema de Información Geográfica de Parcelas Agrícolas (SIGPAC), Visor SigPac V 4.8 [en línea] https://sigpac.mapama.gob.es/fega/visor/ [04/04/2022].

Xunta de Galicia (Consellería do Medio Rural) (s/d): Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícola (SixPac): visor de mapas [en liña] Dispoñible na Internet: http://sixpac.xunta.es/visorsixpac/ [Acceso 18 agosto 2018].

Data de Actualización:

15 maio 2022