713 AUCOSA (Factoría Reductora)

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: Pontevedra
  • Concello: Redondela
  • Parroquia: San Vicente de Trasmañó
  • Lugar: Cabanas
  • Paraxe: Punta Chapelisa
  • Dirección: Lugar Cabo da Pedra, 23 (Punta Chapelisa), 36811 Cabanas, Redondela
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 42.278366161183605
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.668026434204096
  • Coordeadas UTM: Datum ETRS89: H 29 // X 527.366,19 m / Y 4.680.728,61 m
  • Clasificación: Industria alimentaria
  • CNAE: 1091 Fabricación de produtos para a alimentación de animais de granxa.
  • Tipoloxía: Fabricación de fariñas e aceites de pescado
  • Comarca: Vigo
  • Marco Xeográfico: Beiramar de Punta Chapelisa, case na mesma entrada do estreito de Rande á enseada de San Simón, na marxe esquerda ou ribeira sur
  • Ámbito: Industrial
  • Acceso: Para chegarmos ás instalacións en Punta Chapelisa (Cabanas, Redondela) temos que saír de Vigo pola estrada nacional N-552, cara a Pontevedra. A uns cinco quilómetros, onde se indica Barrio de Cabanas – Cabo da Pedra, apartamos pola esquerda e uns catrocentos oitenta metros máis adiante atopamos á factoría.

Tipo de propiedade:

Privada no dominio público marítimo terrestre.

Visitable:

Exteriormente

Xestión de visitas:

Non procede.

Historia:

Non sabemos en que momento de ese amplo espazo temporal que chamamos neolítico (8.500 a.C. a 2.500 a.C.), cando xorden as actividades agrícolas, as comunidades primitivas aprenden a mellorar a produtividade da terra por medio do estercado, empregando restos vexetais, animais e minerais da súa contorna ou dos mesmos refugallos da súa alimentación. Desta maneira, desde os tempos máis remotos, o potasio das cinzas, o nitróxeno das dexeccións animais e humanas, e o fosfato dos ósos incorporábanse empiricamente aos solos.

O esterco é o elemento fertilizante por excelencia, que repón nas herdades as substancias químicas que as fan aptas para os cultivos e que van minguando e esgotando co mesmo aproveitamento do que se cultiva. O esterco pode ser de moitas castes, sendo o principal o que se fai a base de estrume, o conxunto de vexetais co que se cubría o chan das cortes, e tamén dos patios e rúas diante das casas.

Estércase tamén coa borralla da lareira e do forno e, nas beiramares, coas algas, escamas de peixe (escamallo), cabeza, tripas e aletas de peixe (galdrucho), cangrexos pequenos (patexo) e cunchas machucadas de ameixas e mexillóns. Nos tempos en que tiñan pouco valor comercial, estercábase tamén co mexillón enteiro e mesmo con percebes.

No mar atópanse especies vexetais que dende sempre foron empregadas nas labores agrícolas, as algas ou argazo, tamén chamadas “esterco do mar”, que no tradicional e eficaz estercado déixanse podrecer para abonar os campos co seu aporte de minerais, documentado dende o século XVI no Arquivo do Reino de Galicia (vid. ficha 420).

O esgotamento das terras obrigaba aos agricultores ao seu abandono para asentar os cultivos en terras virxes. O coñecemento da fertilización evolucionaría desde o estercado dos romanos para “quentar a terra” ata o establecemento no século VIII dun réxime de rotacións dos cultivos que introducía a tempada de descanso da terra de labor (o barbeito) e o cultivo de leguminosas (que asimilan o nitróxeno do aire) para o aporte de nitróxeno aos solos.

O coñecemento do ciclo vital dos vexetais e o desenvolvemento da química, permitirían a elaboración de materiais –chamados abonos ou fertilizantes– cuxa función principal é a de proporcionar elementos nutrientes ás plantas. Estas substancias, tanto orgánicas como inorgánicas, conteñen nutrientes asimilables polos vexetais co fin de manter ou incrementar o seu contido no solo, mellorar a calidade do substrato a nivel nutricional, ou estimular o crecemento vexetativo das plantas. Desde os comezos do século XVIII, da sistematización do estudo dos fertilizantes naturais xurdiría a industria de abonos artificiais (vid. ficha 670, por exemplo).

Outro camiño abriríase para os restos dos matadoiros e as industrias cárnicas, da mesma maneira que para as da pesca e a súa transformación. No seu caso, estes residuos orgánicos aproveitaríanse para a obtención de aceites, graxas e materia sólida desecada apta para a elaboración de produtos para alimentación animal, os chamados pensos compostos.

Como complemento da actividade principal dos matadoiros, os residuos formados por recortes, osos e vísceras que non tiñan outro tipo de aproveitamento, transformábanse en produtos útiles como as graxas e as fariñas de carne e oso. As fariñas son uns produtos estabilizados aproveitados para alimentación animal, fabricación de pensos, fertilizantes e outros produtos. No canto das graxas, diferéncianse dous tipos, o sebo (graxa fundida de vacún e ovino) e a manteiga (graxa fundida de porco), con varias aplicacións na industria alimentaria.

A industria cárnica galega aproveitaría as graxas (touciño e unto) e os sebos, as peles, o pelo, e as vísceras, facéndose tamén fariña cos ósos, tanto nos matadoiros máis antigos (vid. ficha 383, por exemplo), como nos máis modernos matadoiros frigoríficos (vid. ficha 537, por exemplo).

No que atinxe aos residuos de peixe das industrias transformadoras da pesca (escamas, cabeza, tripas e aletas), aprovéitanse para a elaboración de aceites e fariñas que convértense na materia prima doutros produtos, como os pensos compostos para avicultura, gandaría e acuicultura, nos que son compoñentes nutricionais indispensábeis pola súa aportación dos aminoácidos dos que carecen os cereais. Ademais de na industria de alimentación animal, os aceites de pescado utilízanse na industria farmacéutica, no curtido de peles e na elaboración de resinas para pinturas.

Para aproveitar os factores de escala e moi principalmente os de localización (dadas as incomodidades producidas polos malos olores deste tipo de industrias), impulsadas por industriais conserveiros, non tardarían en crearse instalacións fabrís dedicadas exclusivamente ao procesado dos residuos das fábricas de conservas de pescado, complementado en ocasións co do procesado das industrias cárnicas.

AUCOSA (Auxiliar Conservera, 1959; vid. ficha 706), en Vigo, sería a primeira, á que seguirían en Ribeira CONRESA (Conserveros Reunidos, 1961; vid. ficha 695), ARTABRA (Sociedad Limitada de Productos Químicos, 1962; vid. ficha 686), en Arteixo, e AFAMSA (Agrupación de Fabricantes de Aceites Marinos, 1965; vid. ficha 726), tamén en Vigo. Hoxe en día continúan a seren as catro empresas deste tipo que hai en Galicia, dun total de oito existentes en España.

Descrición Xeral do Entorno:

As incomodidades para a veciñanza e a insalubridade asociada ao tratamento dos residuos que facíase nas primitivas instalacións da empresa en Beiramar (vid. ficha 706), xunto coa progresiva extensión da zona urbana, non tardaría en aconsellar o traslado da actividade a un lugar ben afastado de aqueles máis poboados da contorna da cidade de Vigo. A localización elixida sería Punta Chapelisa, no lugar de Cabanas da parroquia de San Vicente de Trasmañó, no veciño termo municipal de Redondela.

Construcción:

En 1959, o conxunto de Orillamar (vid. ficha 706). A actividade de fabricación de fariñas e aceites de pescado trasladaríase en 1976 ás novas instalacións construídas en Punta Chapelisa.

Abandono:

Inda que as instalacións frigoríficas de Beiramar pecharon no 2012 (vid. ficha 706), continuou a actividade de fabricación de aceites e fariñas de pescado nas instalacións de Punta Chapelisa, na chamada “Factoría Reductora”, actividade que na data continúa en funcionamento.

Descrición:

A industria frigorífica foi comercialmente viable dende mediados do século XIX, mais non sería ata despois da Guerra Civil Española (1936-1939) cando se xeneralice a súa implantación en España, tanto para o sector cárnico como o pesqueiro. Entre 1947 e 1951 o Instituto Nacional de Industria (I.N.I.) promovería o “Plan de red frigorífica nacional”, para suplir tal carencia da industria agroalimentaria española.

Con todo, o frío artificial xa contaba daquela en España cunha traxectoria de certa importancia, vinculada principalmente á fabricación de xeo e de cervexa, sendo a que en 1864 abriu en Barcelona o alsaciano Louis Moritz a primeira das grandes fábricas, á que seguirían outras marcas, como “La Salve” (Bilbao, 1886), “Mahou” (1890, Madrid), “Ámbar” (Zaragoza, 1900), “Cruzcampo” (1904, Sevilla) ou “La Estrella de Galicia” (1906, A Coruña).

En Galicia, José Barreras Massó, formado na Escola de Enxeñeiros Industriais de Barcelona, comezaría a súa actuación empresarial coa montaxe en Vigo en 1888 dunha pequena fábrica de xeo para o subministro aos vapores e ao ferrocarril de Madrid (vid. ficha 344). Non tardaría o seu exemplo en ser seguido por algunhas fábricas de cervexa (vid. ficha 660 La Estrella de Galicia, en 1906), que comercializarían tamén bloques de xeo para a hostalaría e as vivendas dos máis podentes.

No decenio de 1920, Vigo era unha cidade en expansión na que a emigración a América, o retorno dos “indianos” que alá fixeran fortuna e a transformación da industria de salga en fábricas de conservas supuña un notable movemento da poboación, e ademais das instalacións de frío industrial para o abasto das embarcacións do porto pesqueiro, desde 1925 “Cervezas de Santander” fabricaba en A Barxa as marcas “La Cruz Blanca” e “La Austríaca”, que comercializaría en varios tipos de elaboración (vid. ficha 628).

Neste dinámico contexto, a iniciativa viguesa emprendería a modernización do seu sector pesqueiro e das industrias a el asociadas para a transformación da pesca e, co desgraciado paréntese da Guerra Civil Española (1936-1939), tomaran a iniciativa de dotarse non so con instalacións para a fabricación de xeo, senón tamén con almacéns refrixerados para a mellor conservación da pesca, a materia prima dos seus procesos produtivos.

Por tal razón, algúns industriais vigueses contaban con importantes instalacións frigoríficas con anterioridade a posta en marcha do plan do INI, como por exemplo no caso de Motopesqueros de Altura Reunidos (M.A.R., S.A.), fundada en 1939, ou Frigoríficos de Vigo, fundada en 1940.

No desenvolvemento posterior das industrias frigoríficas da ría de Vigo, a meirande parte delas e as máis importantes, instalaríanse no peirao do Berbés e ao longo do recheo de Orillamar (hoxe, Beiramar), proxectos ambos aprobados en 1924 e que irían sendo rematados en diferente fases entre 1939 e 1947.

A compañía "Auxiliar Conservera S.A." (AUCOSA) nacía en 1959, froito da iniciativa dun grupo das máis importantes empresas da industria conserveira galega, entre as que destacaba entón a grovense Thenaisie-Provôté e ás que, anos despois, sumaríase tamén a conserveira “Bernardo Alfageme S.A.” (vid. ficha 344).

Para satisfacer as necesidades dos seus socios, AUCOSA construiría unha planta frigorífica na avenida de Beiramar, no barrio de Bouzas, instalacións que tamén contarían desde 1966 cunha moderna fábrica de fariñas e aceites de peixe para o procesado dos subprodutos que se xeraban na fabricación de conservas e outros elaborados de pescado nas diferentes fábricas dos asociados.

En 1967 a actividade da empresa vai expandirse cara á prestación de servizos de almacenamento e conxelación de peixe cunha moderna instalación frigorífica na mesma avenida de Beiramar. A partir de 1972, AUCOSA pecharía un acordo coa empresa coruñesa “Industrial Ballenera, S.A.” (IBSA) e con diversas compañías xaponesas comercializadoras de carne de balea, acordo polo que nas instalacións de Beiramar se conservarían as partidas de carne do cetáceo facturadas dende a factoría de procesado que “Massó Hermanos” operaba en Cangas (vid. ficha 152 Factoría de Cangas).

A actividade de fabricación de fariñas e aceites de pescado trasladaríase en 1976 da viguesa avenida de Beiramar a Punta Chapelisa, na veciña localidade de Cabanas, parroquia de San Vicente de Trasmañó do termo municipal de Redondela.

A gran planta frigorífica de AUCOSA en Beiramar seguiría funcionando como depósito de alimentos ultraconxelados, nomeadamente pescado xa preparado. Xa no decenio de 1990, AUCOSA promovería, con Pescapuerta e Pereira como socios, a maior e ata o momento mellor dotada instalación frigorífica da ría de Vigo, Frigoríficos Oya (FRIOYA), na que permaneceu como accionista de referencia ata o mes de febreiro do ano 2017.

As instalacións frigoríficas de Beiramar continuarían prestando servizo aos socios da compañía ata o peche das mesmas no ano 2012. Con todo, AUCOSA mantería en Punta Chapelisa, na xa coñecida como “Factoría Reductora”, a actividade de transformación de subprodutos da pesca en aceites e fariñas de pescado, introducindo numerosas melloras para reducir as incomodidades que os procesos de fabricación puideran ocasionar na contorna.

Punta Chapelisa contaba cunhas modestas instalacións portuarias, consistentes en pouco máis que uns muros de protección da ribeira fronte ao mar e un sinxelo molle, duns trinta metros de lonxitude, para abrigo das embarcacións que no lugar operaban. Acondicionaríase na súa área sur uns sete mil oitocentos metros cadrados para acoller á nova planta de AUCOSA, construíndose tamén un novo molle en martelo para as actividades propias da nova fábrica e acondicionando o acceso por carreteira.

As edificación que acolleron a actividade fabril (naves de proceso, almacéns e depósitos) e as oficinas da empresa sumaban uns tres mil metros cadrados en planta. As posteriores intervencións (substitución das cubertas, illamentos nos paramentos) tendentes a reducir o impacto ambiental das actividades non suporían aumento da planta primitiva, manténdose a fasquía básica do conxunto.

Tempo de uso:

Todo o ano.

Sistema de produción:

O primeiro paso é a recepción das materias primas e a súa almacenaxe en condicións que garantan a salubridade e a preservación das características físicas. A almacenaxe faise en depósitos separados, evitando calquera mestura de restos piscícolas e cárnicos. A elaboración difire lixeiramente no caso de procesar restos de pescado ou restos cárnicos. No caso de empregar restos de pescado ou de carne que non houberan sido procesados, na almacenaxe utilízanse aditivos para controlar posibles patóxenos presentes neles.

O proceso de fabricación de fariña de peixe empeza coa trituración e o desecamento de peixes enteiros ou restos destes, moéndose ata obter un material fino. O material xa triturado vai entón a cocerse a uns 100 ?C durante vinte minutos, empregando quecemento indirecto con vapor de auga; desta maneira detense a actividade microbiolóxica e encimática no produto, e se axuda á separación do aceite.

A seguinte etapa consiste nun prensado mecánico do material, do que se obtén unha fase líquida e unha fase sólida en forma de torta. A fase líquida, composta de aceite e auga con residuos disolvidos, vai someterse a decantación, recuperándose desta maneira máis produto sólido, que se agrega á fase sólida xa obtida.

A fase líquida resultante centrifúgase, separándose nesta etapa o aceite da auga. Esta auga residual, chamada “auga de cola”, sométese a evaporación, co que aínda recupérase máis materia sólida. Os sólidos recuperados mestúranse coa torta obtida no prensado, obténdose unha pasta.

A pasta sométese a secado ata deixala como unha fariña cunha humidade relativa de entre o cinco e o dez por cento, co que vai evitarse o crecemento de bacterias e a reducirse posibles reaccións químicas. Finalmente, a fariña vai empacarse en sacos para a súa comercialización; nesta etapa pódense incorporar antioxidantes e aditivos naturais que axudan a controlar o crecemento de microorganismos na fariña de peixe que se garda almacenada para o seu uso.

Como resultado do proceso, por cada tonelada de materia prima obtéñense arredor de cen quilogramos de fariña de peixe. A fariña de peixe está composta normalmente entre un 50 % e 65% de proteína (dependendo do tipo de peixe) e entre un 10-12% de graxa, que é rica en ácidos graxos poliinsaturados de cadea longa omega-3 EPA e DHA beneficiosos para a saúde; isto fai que sexa un ingrediente indispensable na dieta de especies acuícolas e animais terrestres.

A fariña de peixe pódese producir a partir dos peixes capturados especificamente para este produto e para aceite de peixe, da captura incidental doutra pesqueira, ou ben dos residuos de pescado, subprodutos obtidos do procesado do peixe destinado ao consumo humano directo, recortes de operacións de fileteado, residuos de fábricas de conservas de pescado, míllaras (ovas) e outros restos da pesca e da elaboración de “surimi”.

No que atinxe á fabricación de fariña de carne e ósos, un preparado alimenticio empregado principalmente como ingrediente nos pensos do gando, e tamén como abono orgánico, o proceso e moi semellante ao das fariñas de pescado.

O material de partida –preferibelmente de vacún e de aves– inclúe vísceras, ósos, sangue, cabezas, tecidos magros e graxa. As fariñas obtéñense por quecemento, moenda e desecamento de animais de sangue quente e de subprodutos de matadoiro, salas de despezamento e despachos de carne e aves. A materia prima debe estar desprovista de pelos, plumas, sedas, cornos, cascos e contidos dixestivos.

O proceso de fabricación comeza pola moenda do material de partida, para facilitar a meirande homoxeneidade no posterior procesado térmico. O material moído e homoxeneizado sométese durante vinte minutos a unha cocción a 133 ?C de temperatura e 3 bar de presión, para esterilizar o produto e fundir a graxa, parte da que vai separarse posteriormente.

A sedimentación da mestura resultante da cocción, permite a separación de parte da graxa. En España, a extracción da graxa faise por presión, polo que o seu contido medio na fariña é bastante elevado, entre o 12 e o 15%. En Francia se utilizan disolventes orgánicos, obtendo fariñas pobres en graxa, dun valor enerxético notablemente inferior ao das fariñas españolas ou estadounidenses.

A pasta parcialmente desengraxada sométese a secado ata deixala cunha humidade relativa reducida, o que axuda a evitar o crecemento de bacterias e a posible aparición de reaccións químicas non desexadas na fariña elaborada. Finalmente, a fariña ensácase para a súa comercialización, podendo incorporar antioxidantes e aditivos naturais que axuden a controlar o crecemento de microorganismos durante a almacenaxe anterior ao seu uso.

As fariñas de carne e ósos son unha boa fonte de proteínas e aminoácidos esenciais, cunha composición nutritiva de aproximadamente un catorce por cento de graxas e un sesenta por cento de proteínas. Da mesma maneira que as fariñas de pescado, adoitan empregarse preferentemente na elaboración de pensos compostos.

Actividades laborais:

Persoal principalmente masculino en tódalas fases produtivas e administrativas.

Emprego:

A finais do ano 1969 a empresa tiña menos de vinte e cinco “produtores”. Nos comezos do ano 2021 contaba con vinte e un empregados.

Materias Primas:

A finais do ano 1969 a empresa tiña menos de vinte e cinco “produtores”. Nos comezos do ano 2021 contaba con vinte e un empregados.

Produtos Elaborados:

Fariñas e aceites de pescado.

Distribución e comercialización:

Nacional (hoxe en día, internacional).

Referencias Bibliográficas:

Acedo-Rico González, Juan (2001). “Seguridad alimentaria y fabricación de piensos compuestos: influencia de la tecnología de fabricación y del diseño de fábricas”, en XVII Curso de Especialización FEDNA: avances en nutrición y alimentación animal, p. 229-256. Zaragoza: Fundación Española para el Desarrollo de la Nutrición Animal (FEDNA).

AINIA (Asociación para la Investigación e Innovación Alimentaria) (s/d). “Mejores técnicas disponibles para la industria de aprovechamiento de subproductos de origen animal”, en AINIA, Instituto Tecnológico Agroalimentario [en línea] https://prtr-es.es/Data/images//La%20industria%20de%20subproductos%20de%20origen%20animal-9EF41AF258214363.pdf [Acceso 17/12/2021].

Carmona Badía, Xoán; Nadal Oller, Jordi (2005). El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Carmona Badía, Xoán; Iglesias Veiga, Xosé Ramón; López Rodríguez, Mariña (2020). Alfageme, historia e memoria. Vigo: Instituto de Estudios Vigueses. DL VG-309-2020. ISBN 978-84-89599-79-6.

Confederación Española de Cajas de Ahorros (1975). Situación actual y perspectivas de desarrollo de Galicia. 4 vol. Madrid: Fondo para la Investigación Económica y Social de la Confederación Española de Cajas de Ahorros. DL M-39.109-1974. ISBN 84-7231-171-6.

Giráldez Rivero, Jesús (2011). “Los Thenaisie: Thenaisie-Provôté, nombre francés para una empresa cien por cien gallega”, en Carmona Badía, Xoán (dir. e coord.) Las familias de la conserva. El sector de las conservas de pescado a través de sus sagas familiares, p. 380-389. Fundación Clúster de Conservación de Productos del Mar e ANFACO-CECOPESCA. Pontevedra: Diputación de Pontevedra. DL C-891-2011. ISBN 978-84-938942-0-7.

Hirsch, M. (1942). “Instalaciones y máquinas auxiliares de las industrias transformadoras: medios de tratamiento térmicos”, en Manual del Ingeniero, tomo IV, capítulo IV, sección II, p. 483-512. Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, 2ª ed. trad. de la 26ª edición alemana. Barcelona: Gustavo Gili.

Krekeler, K. (1942). “Industrias de la alimentación y afines: elaboración de las grasas y aceites”, en Manual del Ingeniero, tomo IV, capítulo V, sección V, p. 617-624. Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, 2ª ed., trad. de la 26ª edición alemana. Barcelona: Gustavo Gili.

Molinari, Hector (1920). Química general y aplicada a la industria. Tomo I: Química inorgánica: Generalidades y metaloides; tomo II: Química inorgánica: Metales; tomo III: Química orgánica. 2ª ed. española con arreglo a la 4ª ed. italiana. Barcelona: Gustavo Gili.

Nadal Oller, Jordi; Carreras Odriozola, Albert (dir. y coord.) (1990). Pautas regionales de la industrialización española (siglos XIX y XX). Barcelona: Ariel. DL B-218-1990. ISBN 84-344-6563-9.

Planck, R. (1942). “Instalaciones y máquinas auxiliares de las industrias transformadoras: medios de tratamiento térmicos, refrigeración, frío artificial”, en Manual del Ingeniero, tomo IV, capítulo IV, sección II-G, p. 512-530. Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, 2ª ed. trad. de la 26ª edición alemana. Barcelona: Gustavo Gili.

Quittkat, G.; Eckardt, H.; Meldau, R.; Galle, E.; Hirsch, M.; Planck, R.; Stroer, H.J. (1942). “Instalaciones y máquinas auxiliares de las industrias transformadoras”, en Manual del Ingeniero, tomo IV, capítulo IV, p. 415-538. Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, 2ª ed. trad. de la 26ª edición alemana. Barcelona: Gustavo Gili.

Reinoso Maset, Uxío (2021). “Ficha 002: AUCOSA / Auxiliar Conservera S.A.”, en Vigo Industrial [en liña] Dispoñible en https://www.vigoindustrial.com/copia-de-aucosa-f-002 [Acceso 11 xullo 2022].

Sanz, Fernando (2001). “La alimentación en piscicultura”, en XVII Curso de Especialización FEDNA: avances en nutrición y alimentación animal, p. 317-327. Zaragoza: Fundación Española para el Desarrollo de la Nutrición Animal (FEDNA).

Sobrino Fagilde, Iria; Calviño Iglesias, Raimundo (2008): Arquitectura industrial en la provincia de Pontevedra. Vigo y zona de influencia (eje norte-sur) [en línea] Dispoñible na Internet: http://noncommon.files.wordpress.com/2012/04/00-a-indyarq_1-393_low.pdf [Último acceso 16 de diciembre del 2020]. Vigo: Colegio Oficial de Arquitectos de Galicia.

Taboada Arceo, Antonio (1971). Galicia, estructura y ritmo socio-económicos. La Coruña: Servicio de Estudios y Publicaciones de las Cámaras Oficiales de Comercio, Industria y Navegación de Galicia. DL C-145-1971.

Xunta de Galicia (2007-2011). Plan de Ordenación do Litoral [en liña] http://www.xunta.es/litoral [02/03/2021].

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 223-II Redondela /// Datum ETRS89: H 29 // X 527.366,19 m / Y 4.680.728,61 m

Centro Nacional de Información Geográfica (s/d). Fotototeca Digital, Instituto Geográfico Nacional, Ministerio de Fomento del Gobierno de España [en línea] Disponible en internet: http://fototeca.cnig.es/ [Acceso 11 marzo 2021].

Instituto de Estudos do Territorio (IET) da Xunta de Galicia (s/d). Información Xeográfica de Galicia: visualizador de mapas [en liña] Dispoñible na Internet: http://mapas.xunta.es/visualizador-de-mapas [Acceso 11 marzo 2021].

Instituto Geográfico Nacional (s/d). “Mapa Topográfico Nacional 1:25.000”, en Mapas de España. Instituto Geográfico Nacional, Gobierno de España [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/buscarArtsMenu?categoria=MTN25-Mapa-Topográfico-Nacional-1:25.000 [Acceso 18 enero 2021].

Instituto Hidrográfico de la Marina (1964). De Cabo Corrubedo a Cabo Silleiro. Océano Atlántico Norte. Costa NW de España. Carta 925, con levantamientos no datados y correcciones hasta 1977. Cádiz: Talleres del Instituto Hidrográfico de la Marina. DL CA-293-1972.

Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación del Gobierno de España (s/d). Sistema de Información Geográfica de Parcelas Agrícolas (SIGPAC), Visor SigPac V 4.8 [en línea] Disponible en Internet: https://sigpac.mapama.gob.es/fega/visor/ [Acceso 4 abril 2022].

Xunta de Galicia (Consellería do Medio Rural) (s/d). Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícola (SixPac): visor de mapas [en liña] Dispoñible na Internet: http://sixpac.xunta.es/visorsixpac/ [Acceso 11 marzo 2021].

Data de Actualización:

25 xullo 2022