715 Conservas Briz

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: A Coruña
  • Concello: Ribeira
  • Parroquia: Santa Uxía de Ribeira
  • Lugar: O Touro
  • Paraxe: Praia da Area da Secada
  • Dirección: Non procede
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 42.54414249604429
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.984344707748408
  • Coordeadas UTM: Datum ETRS89: H 29 // X 501.283,21 m / Y 4.710.197,12 m
  • Clasificación: Industria alimentaria
  • CNAE: 10.22 Fabricación de conservas de peixe
  • Tipoloxía: Conserva hermética de peixe en envase metálico
  • Comarca: O Barbanza
  • Marco Xeográfico: Ribeira occidental da ría da Arousa, na enseada de Ribeira, nas abas sur orientais da Serra do Barbanza.
  • Ámbito: Mariñeiro e industrial (hoxe, periferia urbana)
  • Acceso: Saímos de Santiago para Padrón pola estrada nacional N-550 (ou pola autoestrada de peaxe AP-9). En Padrón enlazamos coa autovía AG-11 cara a Ribeira e alí enfiaremos a estrada AC-550, que leva ao centro da cidade. Pola Avenida do Malecón, desde a Praza dos Mariñeiros continuaremos pola DP-7307 algo máis dun quilómetro, ata o lugar de Touro. Alí apartaremos pola esquerda e a uns oitenta metros, na beiramar da praia de Area Secada, atoparemos as edificacións da que fora fábrica de conservas de Marcelino Briz.

Tipo de propiedade:

Privada no dominio público marítimo terrestre

Visitable:

Exteriormente

Xestión de visitas:

Non procede

Historia:

A conservación dos alimentos foi una preocupación principal dende os tempos máis remotos. En Nerga (Cangas) téñense atopado restos fenicios cando se escavaba nun vello salgadoiro; en Bueu apareceron restos de salgadoiros e ánforas de barro romanas; e en Noville (Mugardos) e Cariño (Ferrol) –entre outros lugares da costa atlántica galega– documéntanse senllas industrias romanas de salga de peixe.

Na Idade Media están documentadas as saídas dos portos galegos de grandes cantidades de peixes salgados e de polbos secos e curados ao aire con destino aos portos cantábricos, portugueses e andaluces. Tamén se constatan no século XVI os envíos de ostra escabechada á veciña Castela.

Aínda que os diferentes portos galegos xa despachaban ao Levante importantes cantidades de sardiña ao longo do século XV e comezos do XVI, cando xurde a competencia dos comerciantes do Mar do Norte (arenque inglés e bacallau escandinavo) o tráfico galego de salgadura sofre unha aguda e prolongada crise que se estende ata 1738, cando se prohibe o comercio con Inglaterra.

Avanzando no tempo, os tradicionais procedementos de conserva dos alimentos (curado, salgado, afumado, escabechado) van perfeccionándose. Na segunda metade do século XVIII, coa presenza dende 1750 dos cataláns nas rías galegas, vai incorporándose o prensado do peixe para mellorar os clásicos procedementos de salgadura.

Coa falta de abasto nos seus mercados e de mercados foráneos para os seus produtos, os levantinos desprázanse por tódalas costas peninsulares. As primeiras vagas de comerciantes cataláns recalan nas costas galegas por mor de vender viños, augardentes, aceites e xabóns, e mercan para os retornos sardiña que preparan os galegos cos métodos de salgadura tradicionais. Xa que o peixe en salgadura fora dende tempo atrás o principal produto galego de exportación, os levantinos optan inicialmente por aqueles lugares nos que xa existía unha infraestrutura pesqueira e de salga e curado do pescado consolidada. Ás vilas e portos de Vigo, Aldán, Bueu, Vilaxoán, O Caramiñal e Mugardos, con gran tradición neste tipo de actividades, sumaranse polas súas excepcionais condicións de abrigo, calado ou proximidade a núcleos comerciais importantes, as de Carril, O Freixo, Esteiro ou Portosín.

As primeiras actividades comerciais de “fomento da pesca” desenvolvíanse en pequenos barracóns de madeira situados á beira do mar e tiñan un carácter colonial, adquirindo a sardiña “escochada” aos mariñeiros galegos a cambio de produtos levantinos (viño, augardente, licores, aceite, xabón…) e bacallau danés. Desde 1780 os almacéns de salgadura irán adoptando configuracións estandarizadas nas principais áreas sardiñeiras. Os comerciantes cataláns só permanecen acó entre abril e decembro –a “costeira” ou tempada da pesca da sardiña– tornando despois ao Levante ata a seguinte campaña.

A primeira etapa remata trala ocupación francesa, e a partir de 1810 as seguintes vagas xa formaron compañías locais, asentándose nas beiramares e integrándose na sociedade galega co único obxectivo de explota-los recursos naturais das rías galegas, nomeadamente a sardiña. Unha parte importante dos beneficios reinvístense na actividade dos salgadoiros, con fortes inversións en todo tipo de bens destinados a esta industria: edificios, embarcacións, redes e artes de pesca.

As principais innovacións introducidas polos fomentadores cataláns foron as produtivas, retributivas e crediticias propias do emerxente capitalismo: as redes de arrastre (a xávega, de orixe árabe), máis produtivas que as artes de deriva (xeito e volantas) e de cerco (chinchorro, traíña, xareta); as novas técnicas de salgadura aprendidas dos holandeses (sardiñas “arencadas”, o prensado fronte ao escochado e salpresado), coa extracción das graxas e o aproveitamento dos aceites; e os novos sistemas de traballo, coa privatización dos aparellos e a remuneración do traballo co salario, aínda que se continuase tamén co sistema de quiñóns.

As novas e máis produtivas técnicas de pesca foron inicialmente rexeitadas polos gremios galegos, preocupados polo esgotamento dos recursos mariños e partidarios dunha pesca sustentábel. Pero a razón económica acabaría prevalecendo sobre a conservadora, xeneralizándose tamén os novos procedementos de prensado do peixe salgado para a elaboración das salgaduras.

Contra 1820 descóbrese en Francia unha maneira de conservar moito más eficiente e duradeira cá da salgadura, que por riba reduce drasticamente as necesidades de sal na conserva: o envasado e a esterilización das viandas en recipientes herméticos, de vidro primeiro e de folla de lata máis tarde. O procedemento vai xeneralizarse na Bretaña a altura de 1840.

No ano 1828 José María Tubiano establecería en Oviedo a primeira fábrica española de conservas herméticas de pescado, á que axiña seguirían outras dúas, tamén en Asturias, e, xa en 1836, a de Francisco Zuloaga na Ponte Gaiteira (Oza, A Coruña). Dende 1850 van establecerse outros pequenos talleres que envasaban manualmente en frascos de vidro sardiña, pescada, ollomol, ostras, caza, verduras e froita, e que chegarían a seren corenta contra 1880, das que trece estaban en Cantabria, dez no País Vasco, nove en Asturias e sete en Galicia.

As primeiras conserveiras galegas tiñan unha produción diversa (dende sardiñas en aceite a lingua de vaca) moi pouco especializada e con procesos maioritariamente manuais. Nestes primeiros anos, na elaboración dos produtos empregaban como envase, primeiro, frascos de vidro, e, deseguido, folla de lata de importación, pechándose as latas con soldadura manual. Frascos e latas esterilizábanse despois ao “baño maría” en caldeiras abertas. Estes pioneiros foron Zuloaga (Oza, 1836, vid. ficha 547), Pelletier (Coruña, 1853), “La Aurora” de Alejandro Carreño (Noia, 1856, vid. ficha 422), Curbera (Vigo, 1861, vid. ficha 267), e “La Noyesa” de Joaquín Caamaño (1874, vid. ficha 368), aos que seguirían moitos outros.

Pódese considerar como a primeira fábrica moderna de conservas de peixe en Galicia a que puxera en funcionamento en 1879 Juan Goday Gual na Illa de Arousa (vid. ficha 124), cun edificio construído expresamente para contela, unha máquina de vapor adquirida en Birmingham, una cheminea, uns soldadores especializados no peche das latas e un técnico francés ó fronte do proceso produtivo “ao estilo de Nantes”, coa vianda cociñada antes do seu enlatado e esterilizado. O éxito da modernización fixo que contra 1907 xa houbera máis de cen empresas deste tipo en Galicia.

Descrición Xeral do Entorno:

A fábrica fora construída na beiramar do pequeno areal de Area Seca, a uns dous quilómetros do porto de Ribeira, onde xa existía algún almacéns de salgadura, a unhas ducias de metros ao sur do areal da Furna e da fábrica de conservas «López Valeiras Hermanos».

Construcción:

1935.

Abandono:

En 1982, os irmáns Briz abandonarían a actividade conserveira. Cando os Colomer de Palmeira pecharon a fábrica que tiñan n’A Pobra, continuaron elaborando conservas nas instalacións de Area Secada que foran dos Briz.

Descrición:

Corría o mes de xaneiro do ano 1922 cando Manuel Rey Vázquez, comerciante vigués con almacén de louza e porcelana na rúa Victoria, experiencia mercantil e bos contactos profesionais, formaba con Manuel Álvarez Pérez a sociedade «Álvarez y Rey, S.L.», dedicada á importación e exportación de artigos de cristal e porcelana (vid. ficha 415).

En 1927, tras cinco anos de funcionamento, os socios deciden separarse. Rey formará a sociedade «Manuel Rey y Compañía», mentres que Álvarez constituirá «Manuel Álvarez e Hijos, S.L.», e ambas sociedades, agora de maneira independente, continuarán traballando no mesmo sector de actividade.

Na diversificación da súa actividade empresarial, en 1935 Manuel Rey formaría unha nova sociedade co salmantino Marcelino Briz García, desde 1932 establecido en Vigo. A nova compañía, co nome de «Conservas Rey-Briz» (vid. ficha 700), asentaríase no barrio de Coia, a carón da carreteira Vigo-Baiona (hoxe rúa Tomás A. Alonso), como fábrica de conservas de pescado.

A sociedade «Conservas Rey-Briz» mercaría outra fábrica de conservas na praia de Area da Secada (ou sacada, nome xenérico dun aparello de pesca), en O Touro, no termo municipal de Ribeira, que explotarían conxuntamente ata o ano 1946, en que acordaron separarse, quedándose os Rey coa fábrica de Coia e os Briz coa de O Touro (vid. ficha 715). As conservas de Rey pasarían a comercializarse baixo a razón social «Rey e Hijos Conservas Reyman» e co de «Conservas Briz», as de Briz.

O conxunto das instalacións de Marcelino Briz en Area Secada ocupaba unha superficie duns nove mil metros cadrados, con dúas edificacións ben diferenciadas, localizadas uns sesenta metros ao sur da fábrica de conservas dos irmáns López Valeiras (estabelecida en 1928 na que fora dos Otero Bárcena), desde 1945 baixo a firma «Manuel López Valeira Hijos, S.L.». A construción máis antiga, cunha planta duns cincocentos setenta metros cadrados, corresponde as primitivas instalacións de salga. A planta, de forma trapecial, ten unha fronte sur de vinte e dous metros, sendo de dezaoito a da fachada oposta. O muro do leste ten vinte e seis metros de lonxitude, e vinte e nove o que mira ao poñente. Polas fotografías aéreas pode deducirse que a disposición era a tradicional, estando os píos arrimados no paramento oriental.

O segundo recinto, ao poñente do antes descrito, desenvólvese nunha planta rectangular duns dous mil douscentos metros cadrados. Cun fronte duns corenta e un metros e un fondo de cincuenta e tres, está configurado por tres naves rectangulares, de cincuenta e un metros de lonxitude, arrimadas unha a outra polo lado máis longo e unha cuarta, de tan só trinta e cinco metros de lonxitude. O conxunto, de planta baixa de boa altura, ten cadansúa das catro cubertas a dúas augas. Describindo as naves de este a oeste, a primeira e cuarta teñen once metros de anchura, mentres que as dúas intermedias teñen tan só nove.

Na fachada das tres naves máis longas que mira á praia, érguese, arrimada a elas, unha construción de planta rectangular de vinte e tres por sete metros e medio. É de baixo e un andar, con cuberta a dúas augas, e debía empregarse como oficinas e casa vivenda.

Como xa quedou anotado, en 1982 a fábrica dos Briz cesaría na súa actividade, vendéndose aos Colomer (Conservas Garco), que lle darían unha nova vida ao trasladarse a ela cando pecharon a fábrica de conservas que tiñan n’A Pobra.

Os Colomer abandonarían o negocio conserveiro. O conxunto fabril permanece pechado, aínda que a casa vivenda do fronte tería ocasionais ocupacións como negocio hostaleiro.

Tempo de uso:

Inicialmente, estacional, dependendo fundamentalmente das mareas da pesca e do marisqueo dos produtos elaborados. O desenvolvemento no decenio de 1960 da industria frigorífica, no mar e en terra, permitirá á industria conserveira poder traballar continuamente todo o ano.

Sistema de produción:

Completadas as capturas, os barcos retornaban dirixíndose ás proximidades das conserveiras para entregar a súa pesca. O penetrante son dos bucios ou caracolas (ou das sirenas) advertía aos de terra da chegada do peixe e os veciños –mormente mulleres– aprestábanse para o desembarcar nas praias ou, no mellor dos casos, peiraos. Unha vez descargado o peixe das embarcacións –mormente sardiña, pero tamén xarda e agullas–, trasladábase nas patelas á fábrica para proceder á preparación das conservas.

Para moitos veciños das conserveiras, as tarefas xa comezaban coa recollida e transporte de leña ata as praias próximas, onda se recibían os mexillóns (e tamén as navallas, os croques e as ameixas) e se cocían en auga de mar, escunchándoos despois e limpando a vianda antes de transportala ás fábricas para o seu envasado. Nas modernas fábricas, o proceso facíase xa no interior delas.

No caso da sardiña e outros peixes (xardas, agullas, bocarte, atún), tralo carrexo das patelas das embarcacións á fábrica e a descarga das patelas nas mesas, procedíase ao descabezado, eviscerado, limpeza e lavado do peixe. O proceso seguía despois co cocido das pezas en salmoira ou ben ao vapor. Para o cocido ao vapor púñanse as sardiñas (ou o peixe que fora) nas grellas de arame, que pasaban ao carro para as introduciren nos torradores onde se cocían co vapor producido na caldeira da fábrica.

Sacábanse logo os carros coas grellas e púñanse os peixes e mariscos xa cocidos nas mesas de empacado onde se colocaban nas latas e se lles botaba o aceite ou o prebe (escabeche, salsa de tomate, salsa de vieira). Unha vez as latas enchidas de aceite, pasaban á sección de pechado, onde se cerraban con estañado por soldadura manual, nos primeiros tempos, e despois nas máquinas de sertido ou peche mecánico por compresión. As latas introducíanse seguidamente no autoclave para o seu esterilizado, tralo que se lavaban para quitarlles todo rastro de aceite ou graxa e se levaban ao estoxado e se colocaban nas caixas nas que se levarían á distribución e venda.

O desenvolvemento da industria foi introducindo modernizacións que supoñían tanto melloras produtivas como hixiénicas: canles de eviscerado, canles de lavado e salmoira, mesas circulares de dobre carrusel para o abasto de latas baleiras e material a empacar, fornos de cocción continua de vapor aberto, transportadoras de latas, etc.

No ano 1960 xa se empacaban os túnidos mecanicamente, e en 1962 introducíase na liña da sardiña o novo sistema de recepción e tratado do peixe, pasando primeiro aos tanques de salmoira refrixerada e de alí ao corte e eviscerado mecánico, para continuar en bandexas plásticas aos fornos de cocción e seguidamente ás mesas de empacar, todo elo sen intervención de man de obra.

Actividades laborais:

Man de obra principalmente feminina na limpeza e preparación da vianda. Persoal principalmente masculino na atención da maquinaria e supervisión dos procesos.

Emprego:

A finais do ano 1969 a empresa “Conservas Briz” declaraba trinta e nove “produtores”.

Materias Primas:

Peixes, sardiña (Sardina pilchardus), agulla (Belone belone). Moluscos, ameixa fina (Ruditapes decussatus), berberecho (Celastoderme edule), zamburiña (Chlamys varia), voandeira (Aequipecten opercularis). Aceites vexetais (oliva, xirasol, soia).

Produtos Elaborados:

Conservas herméticas de pescados e mariscos.

Distribución e comercialización:

Nacional e internacional.

Referencias Bibliográficas:

Alonso Álvarez, Luis (1977). Industrialización y conflictos sociales en la Galicia del Antiguo Régimen, 1750-1830. Madrid: Akal. ISBN 84-7339-243-4.

Carmona Badía, Xoán; Nadal Oller, Jordi (2005). El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Fernández Casanova, Carmen (1998): “Cambio económico, adaptacións e resistencias nos séculos XIX (dende 1870) e XX”, en Fernández Casanova, Carmen (coord.), Historia da pesca en Galicia, p. 139-206. Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela. DL C-1816-1998. ISBN 84-8121-719-0.

Fernández González, Ángel Ignacio (2009). “Manuel (1868-1940), Bautista (1873-1961) e Josefino López Valeiras (1880-1944): os López Valeiras, exportadores de productos do país”, en Carmona Badía, Xoán (coord.), Empresarios de Galicia, vol. 2, p. 304-333. Centro de Investigación Económica e Financeira (CIEF). A Coruña: Fundación Caixa Galicia. DL C-948-2009. ISBN 978-84-96982-37-6.

Fernández González, Manuel (2005). La dinámica sociopolítica en Vigo durante la Segunda República. Tesis doctoral, inédita. Facultad de Geografía e Historia, Universidad de Santiago de Compostela.

Fernández Leiceaga, Xoaquín; López Iglesias, Edelmiro (2000). Estrutura económica de Galiza. Santiago de Compostela: Laiovento. ISBN 84-89896-76-3.

Lago Peñas, Pedro (2009). La construcción del movimiento sindical en sistemas políticos autoritarios: las comisiones obreras de Galicia (1966-1975). Tesis doctoral. Departamento de Ciencia Política y de la Administración de la Universidad de Santiago de Compostela.

Navas Novas, Ana María (2006). “Manuel Álvarez Pérez (1873-1938) e Moisés Álvarez O’Farrill (1904-1975)”, en Carmona Badía, Xoán (coord.), Empresarios de Galicia, p. 318-343. Centro de Investigación Económica e Financeira (CIEF). A Coruña: Fundación Caixa Galicia. DL C-2900-2006. ISBN 84-96494-83-7.

Niese, H. (1942). “Industrias de la alimentación y afines. Curado y conservación del pescado”, en Manual del Ingeniero, tomo IV, capítulo X, p. 643-647. Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, 2ª ed. trad. de la 26ª edición alemana. Barcelona: Gustavo Gili.

Riveras Rivas, Pablo (2015). Empresa y guerra: las estrategias empresariales en Galicia durante la Guerra Civil (1936-1939). Tesis doctoral, inédita, Departamento de Economía Aplicada, Universidade da Coruña.

Romero Masiá, Ana; Alfeirán Rodríguez, Xosé (2000). Salgadeiras e conserveiras de pescado en Galicia: evolución histórica e o traballo das mulleres. Fundación Luis Tilve. A Coruña: Federación de Alimentación, Bebidas e Tabacos de Galicia UGT. ISBN 84-607-0242-1.

Taboada Arceo, Antonio (1971). Galicia, estructura y ritmo socio-económicos. La Coruña: Servicio de Estudios y Publicaciones de las Cámaras Oficiales de Comercio, Industria y Navegación de Galicia. DL C-145-1971.

Valeiras Sánchez, Joaquín Julio (2022). Álvarez (1922-2002), el emporio vigués de cerámica y vidrio. Vigo: Instituto de Estudios Vigueses.

Vidal Lago, Pedro (2016). “Fábrica de Conservas Rey e Hijos S.A. (REYMAN)”, en Entre ruinas, blog de exploraciones urbanas (URBEX) [en línea] http://entre-ruinas.blogspot.com/2016/01/fabrica-de-conservas-rey-e-hijos-s.html [Acceso 22/12/2021].

Xunta de Galicia (2007-2011). Plan de Ordenación do Litoral [en liña] Dispoñible na Internet: http://www.xunta.es/litoral [Acceso 8 decembro 2020].

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 151-IV Santa Uxía de Ribeira /// Datum ETRS89: H 29 // X 501.283,21 m / Y 4.710.197,12 m

Centro Nacional de Información Geográfica (s/d). Fotototeca Digital. Instituto Geográfico Nacional, Ministerio de Fomento del Gobierno de España [en línea] Disponible en Internet: http://fototeca.cnig.es/ [Acceso 3 febreiro 2020].

Instituto de Estudos do Territorio (IET) da Xunta de Galicia (s/d). Información Xeográfica de Galicia: visualizador de mapas [en liña] Dispoñible na Internet: http://mapas.xunta.es/visualizador-de-mapas [Acceso 3 febreiro 2020].

Instituto Geográfico Nacional (s/d). “Mapa Topográfico Nacional 1:25.000”, en Mapas de España. Instituto Geográfico Nacional, Gobierno de España [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/buscarArtsMenu?categoria=MTN25-Mapa-Topográfico-Nacional-1:25.000 [Acceso 18 enero 2021].

Instituto Hidrográfico de la Marina (1964). De Cabo Corrubedo a Cabo Silleiro. Océano Atlántico Norte. Costa NW de España. Carta 925, con levantamientos no datados y correcciones hasta 1977. Cádiz: Talleres del Instituto Hidrográfico de la Marina. DL CA-293-1972.

Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación del Gobierno de España (s.f.). Sistema de Información Geográfica de Parcelas Agrícolas (SIGPAC), Visor SigPac V 4.10 [en línea] https://sigpac.mapama.gob.es/fega/visor/ [04/04/2022].

Data de Actualización:

9 novembro 2022