717 Alumina-Aluminio

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: Lugo
  • Concello: Cervo e Xove
  • Parroquia: Santa María de Lieiro (Cervo) e Santa Eulalia de Lago (Xove)
  • Lugar: San Cibrao
  • Paraxe: Complexo industrial Alumina-Aluminio
  • Dirección: Non procede
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 43.696131180711355
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -7.471932875507805
  • Coordeadas UTM: Datum ETRS89: H 29 // X 623.140,15 m / Y 4.839.286,80 m
  • Clasificación: Industria metalúrxica e de minerais non metálicos
  • CNAE: 23.99 Fabricación de outros produtos minerais non metálicos (alumina). 24.42 Produción de aluminio.
  • Tipoloxía: Produción de alumina e de aluminio primario
  • Comarca: A Mariña Occidental
  • Marco Xeográfico: Beiramar que se estende entre o cabo de San Cibrao e a punta de Morás, nas faldras do nordés dos Montes de Buio.
  • Ámbito: Rural e mariñeiro
  • Acceso: Dende Burela colleremos a estrada nacional N-642 cara a Ferrol. Ao chegarmos ao lugar de O Castelo, no quilómetro 54’5, apartaremos á dereita pola avenida do Cantábrico, cara ao porto de San Cibrao. A pouco máis duns cincocentos metros, enfiaremos na man esquerda a carreteira que, dous quilómetros máis adiante, nos deixa fronte a entrada do complexo industrial Alúmina-Aluminio.

Tipo de propiedade:

Privada

Visitable:

Exteriormente

Xestión de visitas:

Non procede

Historia:

O oxíxeno (46’7%), o silicio (27’7%), o aluminio (8’1%) e o ferro (5’1%) son os elementos químicos máis abundantes na natureza. Os minerais de aluminio que máis abundan no planeta son os silicatos e as arxilas, materiais con aluminio empregados xa na Prehistoria. O seguinte grupo de minerais con aluminio serían os sulfatos, coñecidos na antigüidade co nome xenérico de alumes. O uso da “pedra de alume” (sulfato hidratado de aluminio e potasio) rexístrase fai máis de catro mil anos en Mesopotamia, na tinguidura dos tecidos, no curtido do coiro, como medicamento, como cosmético, en recubrimentos metálicos, e na industria do vidro, entre outras aplicacións.

Os alquimistas investigarían a composición do alume, chegando a obter o que designaron como “terra de alume”. Sería Antoine Lavoisier quen a definiría no seu Traité élémentaire de chimie (1789) como “un óxido dun metal descoñecido”, dándolle o nome de “alumine” (alumina). Habería que esperar ata 1827 para que Friedrich Wöhler conseguira illar o metal ao que Humphrey Davy, sen obtelo, lle dera en 1807 o nome de “alumium”, o aluminio.

O descubrimento polo xeólogo Pierre Berthier, en 1821, na localidade provenzal de Les Baux, da que recibiría o nome de bauxita, unha roca sedimentaria composta por óxidos de aluminio hidratados, desprazaría a pedra de alume como materia prima da alumina. As melloras nos procesos de obtención do aluminio, permitirían a exhibición na Exposición Universal de París de 1855 do que se anunciou como “a prata da arxila”. Durante máis de trinta anos, o aluminio sería un metal precioso, con prezos superiores aos da prata e próximos aos do ouro.

Os avances logrado por Werner von Siemens, en 1867, e por Zénobe Gramme, en 1870, na xeración de electricidade coas dínamos, facilitarían o desenvolvemento da industria electroquímica. De maneira independente, en 1866, Charles Martin Hall, nos Estados Unidos, e Paul Louis-Toussaint Héroult, en Francia, patentarían cadanseu proceso de obtención de aluminio por electrólise dunha solución de alumina en criolita (Na3AlF6) fundida, inda en uso hoxe en día co nome de proceso Hall-Héroult. Para a explotación das patentes crearíase «Aluminum Company of America» (ALCOA), nos Estados Unidos, mentres que un grupo de empresas francesas rematarían callando na que desde 1948 coñeceríase como «Pechiney».

A bauxita consolidaríase como materia prima, coa electricidade como axente imprescindible, e os prezos do aluminio caerían de 1880 a 1914 case a súa centésima parte (de 12 dólares a 18 centavos a libra). O que fora metal precioso converteuse nun metal básico, con múltiples aplicacións, xa puro, xa aliado con variados metais, para adecuar as súas características físico químicas a diferentes usos.

O 21 de decembro de 1911, Álvaro Figueroa Torres, Conde de Romanones, asociado co seu irmán Gonzalo, e con industriais do chumbo, inauguraba na fundición de chumbo do seu pai no Camino de San Luis, en Linares (Jaén) a «Sociedad Anónima San Gonzalo», para a fabricación de obxectos de aluminio, chumbo e derivados. A partir de barras de aluminio importadas, elabóranse os laminados; a electricidade xerábase grazas a un motor de gas.

En 1925, as sociedades «La Compagnie des Produits Chimiques et Electrométallurgiques d’Alais, Froges et Camargue» (francesa, antecesora de Pechiney), «Neuhausen» (suíza, antecesora de Alusuisse) e «Aluminum Company of America» (ALCOA, estadounidense) constituirían «Aluminio Español, S.A.», para producir aluminio electrolítico en Sabiñánigo (Huesca), aproveitando as vantaxes de localización industrial que ofrecía a proximidade á fronteira francesa (da que recibiría a materia prima), a abundancia da enerxía eléctrica requirida polo proceso produtivo e a accesibilidade proporcionada polo ferrocarril de Canfranc, próximo a rematarse. Cunha ducia de cubas de electrólise e unha capacidade de dúas mil toneladas anuais, en 1927 comezaría a fabricación e, ata o comezo da Guerra Civil Española (1936-1939), a nova sociedade produciría unhas mil cincocentas toneladas anuais de aluminio, obtido exclusivamente a partir da bauxita importada de Francia. Trala guerra, importaríase tamén aluminio metal, ao ter grandes dificultades na produción no transcurso da Segunda Guerra Mundial (1939-1945). A recuperación económica iniciada no decenio de 1950 permitiría que en 1954 a produción chegase a catro mil catrocentas toneladas de lingote de aluminio.

A fábrica de metais de Leioa (Lejona, Vizcaya) «Eduardo K.L. Earle» tiña comezado en 1935 a fabricación de barrís de aluminio para cervexa e leite. Rematada a Guerra Civil Española (1936-1939) e declarado en 1941 o aluminio “metal de interés nacional”, os propietarios chegarían a investir na fábrica de Sabiñánigo, que producía con perdas e a que as dificultades de abasto da materia prima naqueles anos obrigarían a deter a produción varias veces.

Ante a importancia acadada polo aluminio como produto estratéxico, o Instituto Nacional de Industria (INI, fundado en 1941), cun 75%, e a Sociedad Española de Construcciones Electromecánicas (SECEM, fundada en 1917 en Córdoba), cun 25%, constituían en 1943 a Empresa Nacional de Aluminio (ENDASA), da que sería o seu primeiro Conselleiro Delegado o enxeñeiro de minas Félix Aranguren Sabas (Bilbao, 1903-1984), director técnico da SECEM. Ao ano seguinte, ENDASA estudaría o proxecto dunha fábrica de aluminio en Valladolid, favorecida pola proximidade das grandes centrais hidroeléctricas promovidas por Saltos del Duero.

As dificultades existentes na Europa, derivadas da Segunda Guerra Mundial (1939-1945), adiarán o proxecto de Valladolid e Félix Aranguren impulsará en San Juan de Nieva (Avilés) unha pequena fundición de chatarra de aluminio importada, que desde 1948 producirá lingotes de aluminio para a incipiente industria de automoción española. Polo porto de Avilés entrará tamén a alumina e o coque de petróleo co que se elaborará a pasta de eléctrodos que vai enviarse á fábrica de Valladolid.

No mesmo ano de 1948, ENDASA estudaría a viabilidade dunha fábrica de alumina en San Balandrán, na marxe dereita da ría de Avilés. Malia as presións dos empresarios cataláns, o contido en titanio das bauxitas do nordés español, prexudicial para a condutividade eléctrica, desbotáronse para a industria do aluminio, e a alumina anhidra importaríase de Francia polo porto de Avilés, enviándose a Valladolid por ferrocarril. No mes de outubro de 1949, vinte e cinco das corenta e oito cubas proxectadas para unha capacidade anual de cinco mil toneladas, entraban en produción en Valladolid.

Manufacturas Metálicas Madrileñas e a canadiana Alcan Ltd. (tallada e separada de Alcoa en 1928) constituirían en 1951 Aluminio Ibérico, S. A. (Alibérico), para instalar unha planta de laminación en Alacante. No mesmo ano, constituíase Aluminium Pechiney, integrando diversas compañías francesas.

Impulsada polo INI a proposta de ENDASA, unha vez desecada a marisma de San Baladrán (Gozón, Avilés), con proxecto do enxeñeiro de camiños Carlos Fernández Casado (1905-1988), comezaría en 1954 a construción dunha nova fábrica de aluminio electrolítico. No mes de outubro de 1958 arrancaban as cubas en San Baladrán.

O continuado desenvolvemento da demanda de aluminio aconsellaría a construción dunha nova planta de aluminio primario, optándose pola localización d’A Coruña pola dispoñibilidade hidroeléctrica de FENOSA. En 1957, coa participación de Aluminio Español, Eduardo K.L. Earle e varios bancos nacionais, constituíase «Aluminio de Galicia, S.A.» (ALUGASA, vid. ficha 724). En 1962 entrarían en servizo no Polígono Industrial de Agrela as primeiras dezaseis cubas, completándose a instalación no mes de decembro de 1967, cunha capacidade anual de trinta e catro mil toneladas. Entre 1972 e 1974 a planta sería ampliada cunha segunda serie de cubas, acadando unha capacidade de setenta e oito mil toneladas anuais.

Pese a importante capacidade produtiva existente, o baixo consumo específico e o continuado crecemento da demanda farían que o INI planeara a finais de 1971 a construción en Galicia dun complexo formado por unha nova planta de aluminio primario asociada a unha planta de alumina. Foron numerosísimos os estudos e debates do INI con Alcan e con Pechiney, ata que finalmente, no mes de agosto de 1973 aprobábase o complexo que formarían unha fábrica de alumina de oitocentas mil toneladas anuais e unha de aluminio de cento oitenta mil. Alcan aportaría asistencia técnica para a planta de alumina e Pechiney para a de aluminio. O capital social sería inicialmente cuberto por ENDASA (55%), ALUGASA (20%) e oito entidades bancarias (25%).

Con estes bimbios, no mes de xuño de 1974 creábase «Aluminio de Villagarcía, S.A.», co nome da vila en cuxas proximidades pensárase para a implantación, vinculada a creación do que se chamou “Iberpuerto” e a imprescindíbel subministración de electricidade. O decreto de autorización estabelecía tamén que «Aluminio de Villagarcía, S.A.» participaría na creación dunha filial coa denominación de «Alúmina Española, S.A.» que habería de dedicarse a fabricación de alumina.

A irreflexiva elección de Vilagarcía, na ría de Arousa, a máis rica en recursos pesqueiros e marisqueiros, non tardaría en ser contestada e, coa pexa engadida das dificultades xurdidas na adquisición dos terreos, pronto descartada, optándose polos terreos da beiramar do poñente do porto de San Ciprián, na costa cantábrica da provincia de Lugo. No verano de 1975 constituíanse as sociedades que terían que sacar adiante as dúas fábricas que formarían o complexo industrial lugués, cos respectivos nomes de «Alúmina Española, S.A.» e «Aluminio Español, S.A.», pero que serían coñecidas popularmente asociadas co único nome de «Alúmina-Aluminio».

A crise enerxética mundial derivada da primeira (1973, guerra do Yom Kipur, entre Exipto, Siria e Israel) e a segunda (1979, revolución irania e guerra entre Irán e Irak) crises do petróleo, ademais de encarecer enormemente os prezos da enerxía, en xeral, e da electricidade, en particular (o prezo en España triplicouse de 1979 a 1981), provocou unha forte contracción na demanda mundial de todo tipo bens e servizos, e unha fonda e longa crise económica.

No mes de decembro de 1982 accedía ao Goberno de España o Partido Socialista Obrero Español (PSOE), gañador das eleccións xerais celebradas o 28 de outubro. Antes de poder asinar o Tratado de Adhesión a las Comunidades Europeas (o que faría o 12 de xuño de 1985), o novo goberno houbo de acometer unha serie de reestruturacións económicas adaptadas ao contexto e exixencias europeas. No ámbito industrial, a Ley 27/1984, de 26 de julio, sobre reconversión y reindustrialización, sería o referente da reestruturación das industrias do aluminio español.

Neste contexto de reordenación económica e industrial, o 29 de decembro de 1985, o Instituto Nacional de Industria (INI), nun proceso de simplificación empresarial, creaba a sociedade filial «Industria Española del Aluminio» (INESPAL) na que se integraban fusionándose ENDASA e ALUGASA.

Malia que o Grupo INESPAL chegou a liderar o mercado español, carecía do tamaño suficiente para competir coas multinacionais dominantes na industria mundial do aluminio, cada vez máis concentrada e globalizada. De novo nunha situación de crise pola súa debilidade tecnolóxica, financeira e comercial, o recente goberno do Partido Popular (PP) decidiría en 1996 buscar un socio internacional capaz de aportar fortaleza ás tres fraxilidades mencionadas, para seguidamente proceder á privatización do grupo industrial.

O socio finalmente elixido foi a estadounidense ALCOA, coa que a la Sociedad Estatal de Participaciones Industriales (SEPI) asinaba nos mes de febreiro de 1997 a carta de intencións. E no mes de febreiro de 1998, ALCOA convertíase na propietaria do conglomerado industrial das trece plantas do aluminio español, adquirindo a fábrica de alumina de San Cibrao; as fábricas aluminio electrolítico de San Cibrao, Avilés e A Coruña; as de produtos laminados de Alicante, Amorebieta (Vizcaya) e Sabiñánigo (Huesca); as de extrusión de Valladolid, Irurtzun (Navarra), Noblejas (Toledo) e Valls (Tarragona); e unha de embalaxe flexible e outra de tapóns para botellas, en Barcelona.

No contrato de compra venda estipulouse un período de cinco anos para a implantación do Plan Industrial de ALCOA, a partir do que a adquirinte podería decidir sobre o futuro das trece fábricas do Grupo INESPAL; o plan desenvolveríase por Áreas de Negocio: Primario, Laminación, Extrusión e Folla Fina. A cláusula máis beneficiosa concedía á compradora o dereito a recibir unha contra prestación da SEPI polo incremento do prezo da electricidade (que representa un 40% dos costes de produción das fábricas de aluminio) durante os quince anos seguintes ao traspaso, ata un máximo equivalente ao prezo da venda. O continuado incremento do prezo da electricidade fixo que ALCOA recuperase antes do ano 2013 o que invertera coa adquisición das fábricas ao estado español.

Co paso dos anos, ALCOA iría desfacéndose das fábricas e, a finais do 2018 tan só mantiña as de aluminio primario de A Coruña e Avilés, das que tramitaba un expediente de regulación de emprego para proceder ao seu peche, e continuaba coa actividade nas dúas plantas de San Cibrao, a de aluminio primario e a de alumina.

Desde o ano 2019, en Galicia só quedaba en funcionamento Alcoa San Ciprián, coa fábrica de alumina con problemas polo alto prezo do gas natural, e a fábrica de aluminio, ante os exaxerados costes da electricidade, operando unicamente como fundición.

Descrición Xeral do Entorno:

A zona elixida, cun fronte litoral aos nordés duns dous mil oitocentos metros entre a praia de Lago, na desembocadura do rego de Guilán, e a praia Limosa, ven limitada cara ao poñente e o sur polo Monte Sánchez, o Monte Vello e as abas setentrionais de A Medela. No leste atópase o barrio de Lieiros, da vila de San Cibrao.

Construcción:

1976-1980.

Abandono:

Na data de realización desta ficha, a planta de aluminio primario permanece parcialmente parada, funcionando unicamente a fundición, mentres a de alumina funciona con normalidade.

Descrición:

A finais do decenio de 1960, a capacidade española de produción de aluminio era xa notable. Así e todo, o continuado crecemento da demanda e o baixo consumo específico en comparanza cos países europeos de referencia, farían que, a finais de 1971, o Instituto Nacional de Industria (INI) planificara a construción en Galicia dun complexo industrial formado por unha nova planta de aluminio primario asociada a unha planta de alumina.

En traballo conxunto coa canadiana Alcan e a francesa Pechiney, as dúas de referencia mundial na industria do aluminio, realizáranse moitos estudos para o desenvolvemento do proxecto. Finalmente, no mes de agosto de 1973 aprobábase polo INI o complexo que formarían unha planta de fabricación de alumina de oitocentas mil toneladas anuais, para a que Alcan aportaría asistencia técnica, e unha planta de fabricación de aluminio de cento oitenta mil toneladas anuais para a planta de alumina, para a que asistencia técnica sería aportada por Pechiney. O capital social necesario para o proxecto sería inicialmente cuberto por ENDASA (55%), ALUGASA (20%) e o restante 25%, por oito entidades de crédito (Banco Central, Banco Español de Crédito, Banco de Desarrollo Económico, Banco Exterior de España, Banco Hispano Americano, Banco Pastor, Banco Urquijo e Caja de Ahorros de Galicia).

Frustrado o intento de implantar o complexo industrial nun pouco meditado “Iberpuerto” a crear en Vilagarcía de Arousa, o que suporía a destrución da ría máis rica en recursos pesqueiros e marisqueiros, optaríase por emprazar as fábricas na costa cantábrica da provincia de Lugo. O lugar elixido serían os terreos da beiramar que se desenvolve entre Punta Morás e o Cabo de San Cibrao, afectando aos termos municipais de Xove e Cervo.

No verano de 1975 constituíase «Aluminio Español, S.A.» e a súa filial «Alúmina Española, S.A.», que se responsabilizarían, respectivamente, da creación dunha fábrica de aluminio e unha de alumina, ademais das necesarias infraestruturas de acceso ao emprazamento que ambas haberían de ocupar, instalacións portuarias para a recepción da materia prima e despacho de produtos terminados, subministración de electricidade, abasto de auga, saneamento, depósito de residuos e instalacións auxiliares. O enorme complexo industrial das dúas empresas, que tería a vila mariñeira de San Cibrao como referencia máis próxima, sería coñecido popularmente como «Alúmina-Aluminio».

A subministración da enerxía eléctrica ao complexo sería garantida pola central termoeléctrica que estaba a completarse en As Pontes de García Rodríguez, a 45 km de distancia, cuxa construción comezara en 1972 e que viría a substituír a que desde 1949 aproveitaba o xacemento de lignito alí existente (vid. ficha 578 ENCASO-ENFERSA). A nova central termoeléctrica, alimentada tamén polos lignitos locais, constaría de catro grupos termoeléctricos, cada un deles formado por unha turbina de vapor e un alternador de 350 MW, sumando unha potencia total instalada de 1.400 MW. Os catro novos grupos termoeléctricos irían acoplándose á rede eléctrica nacional en 1976, 1977, 1978 e 1979 (vid. ficha 578 ENCASO-ENDESA).

As obras de explanación e preparación dos terreos para o complexo industrial de Alúmina-Aluminio en San Cibrao, comezaron no mes de setembro de 1975. Os depósitos de auga instalaríanse no Monte Medorra, a carón do emprazamento, construíndose no río Cobo, a uns tres quilómetros, un embalse de abastecemento. Os lodos roxos depositaríanse nun vertedoiro ou balsa de decantación, a construír no Monte Piniche, a dous quilómetros en liña recta desde o complexo.

A superficie que ocuparía o complexo, inicialmente estimada en duascentas dezaoito hectáreas, chegaría a ser de case cincocentas, incluíndo o embalse no río Cobo, a balsa de decantación de lodos roxos, as vivendas sociais, accesos, etc.

Nun intento de garantir a subministración de enerxía eléctrica ao complexo de San Cibrao e paliar posibles impactos económicos pola oscilación nos prezos da electricidade, como parte do ambicioso plan de construción de centrais nucleares en España daqueles anos, a Dirección General de la Energía do Ministerio de Industria outorgaba no mes de agosto de 1976 autorización previa a asociación de empresas formada por «Fuerzas Eléctricas del Noroeste, S. A.» (FENOSA), «Hidroeléctrica del Cantábrico, S. A.» y «Electra de Viesgo, S. A.», para instalar unha central nuclear de auga lixeira, de mil megavatios eléctricos, na enseada de Regodola, no barrio de Vilachá, parroquia de San Tirso de Portocelo do termo municipal de Xove, a algo máis de seis quilómetros da subestación de transformación eléctrica prevista para Alúmina-Aluminio.

A planta de aluminio tería unha produción anual inicial de 180.000 toneladas de aluminio líquido, mediante dúas series de electrólises de 256 cubas cada unha, capacidade ampliable, segundo as necesidades futuras, ata un total de 270.000 toneladas anuais por medio dunha serie adicional de cubas. A planta de alumina produciría inicialmente unhas 800.000 toneladas anuais, cunha disposición das instalacións que permitiría unha expansión ata os 2.400.000.

Unha das exixencias do complexo era a de contar coa protección dun porto de augas fondas para a descarga da bauxita en calquera condición climática das augas bravas do Cantábrico. Pero o proxecto para as fábricas non incluía o proxecto do porto, posiblemente porque fora nas tranquilas augas de Vilagarcía de Arousa onde inicialmente se pretendía construír o complexo fabril.

Houbo que proceder con urxencia ao deseño e construción do porto e os diques de protección da enseada, optándose polo emprego dos chamados dolos, pesadas pezas de formigón armado que se botan ao mar e cuxa complexa forma xeométrica favorece tanto o seu entrelazado como a atenuación da enerxía das ondas. Entre 1976 e 1979 construíronse na enseada de Morás uns dezaoito mil dolos, cada un deles cun peso de cincuenta e tres toneladas. Coa urxencia dos traballos, chegarían a colocarse diariamente ata cento sesenta dolos.

En 1979 comezaría a prestar servizo a planta de fabricación de aluminio, e ao ano seguinte faríao a de alumina. O complexo sería inaugurado oficialmente polo Rei Juan Carlos I o 6 de outubro de 1980. Os costes de construción sufriran unha importante desviación sobre o presupostado, salientando os incrementos debidos aos problemas derivados do deseño do porto. Non rematarían así os sobresaltos financeiros e a parte peor viría polo desmesurado aumento nos costes da enerxía como consecuencia da gravísima crise económica desatada polas chamadas crises do petróleo (vid. supra), que triplicou o prezo previsto para electricidade e comprometeu seriamente a viabilidade económica das novísimas fábricas de alumina e aluminio que comezaban a producir en San Ciprián.

Aínda que Aluminio Español conseguiu colocar os seus produtos fora de Europa, no Xapón, Turquía e os Estados Unidos, a forte caída da demanda mundial agravou a situación financeira o que, unido á carencia dun contrato de subministración da electricidade co prezo negociado a longo ou medio prazo, provocaría en 1982 a suspensión de pagos de Alúmina-Aluminio. Para complicar a situación, nese mesmo ano, o goberno francés nacionalizaría Pechiney –tamén con serios problemas pola circunstancia internacional– e a empresa gala non participaría na ampliación de capital proposta en 1983 por Aluminio Español para aliviar a crise. En 1985, Pechiney vendería ao INI a súa participación no capital social.

O 29 de decembro de 1985, nun contexto de reordenación económica e industrial, o Instituto Nacional de Industria (INI), nun proceso de simplificación empresarial, creaba a sociedade filial «Industria Española del Aluminio» (INESPAL) na que se integraban fusionándose ENDASA e ALUGASA, co que tamén Alúmina-Aluminio pasaba a formar parte do Grupo INESPAL, que chegaría a liderar o mercado español.

En 1990, Alcan tamén abandonaba a súa participación en INESPAL, cuxa insuficiente dimensión lle impedía competir coas multinacionais dominantes na industria mundial do aluminio. O INI desaparecería en 1995, sendo as súas funcións asumidas pola «Sociedad Estatal de Participaciones Industriales» (SEPI), e o goberno da nación decidiría buscar o apoio dun socio internacional para proceder á privatización do grupo industrial do aluminio.

No mes de febreiro de 1998, a sociedade estadounidense ALCOA convertíase na propietaria do conglomerado industrial formado polas trece plantas do aluminio español, coas fábricas de alumina e de aluminio de San Cibrao entre elas (vid. supra).

Para reducir as emisións a atmosfera derivadas da utilización de fuelóleo na planta de alumina, ALCOA optaría por substituílo por gas natural. A tal fin, grazas a colaboración coa Consellería de Industria da Xunta de Galicia e coa empresa Gas Natural Fenosa, no mes de agosto do 2011 presentábase o proxecto de trazado e, no mes de febreiro do ano 2015, despois de tan só once meses de construción, inaugurábase o gasoduto da Mariña, un ramal de sesenta e cinco quilómetros entre Ribadeo e Viveiro derivado en Porto de Arriba, a seis quilómetros de Ribadeo, do tramo de Vilalba a Llanera (Asturias) do gasoduto principal.

Nun contexto mundial de incertezas e dificultades económicas, ALCOA iría desfacéndose da meirande parte das fábricas de maneira que, co peche das de aluminio primario de A Coruña e Avilés, anunciado o 17 de outubro do ano 2018, só continuaría con actividade nas dúas plantas de San Cibrao, a de aluminio, cunha capacidade de produción de 234.000 toneladas anuais, e a de alumina, cunha capacidade produtiva anual de 1.500.000 toneladas.

Desde o ano 2019, no marco dunha nova crise enerxética con elevados prezos da electricidade e do gas natural, ALCOA anda na procura dun acordo co estado español para negociar o desinvestimento e desfacerse da propiedade das dúas fábricas que continúa xestionando en San Cibrao. Mentres a planta de alumina continúa funcionando con certa normalidade, subministrando alumina para as industria metalúrxicas, cerámicas e químicas, na planta de aluminio detivéronse as series de electrólise, deixando de producir aluminio primario e operando unicamente coa fundición de aluminio na preparación de lingotes para fundición, “tochos” (barras de sección cadrada) para extrusión e placas para laminación.

Tempo de uso:

Todo o ano.

Sistema de produción:

Nos parágrafos que están a seguir van describirse os dous procesos de referencia no complexo industrial Alumina-Aluminio: o proceso Bayer, para a produción de alumina; e o proceso Hall-Heroult, para a produción de aluminio.

O proceso Bayer, patentado en 1889, foise impondo sobre os demais e, dende o decenio de 1960, converteuse na única fonte industrial de produción de alumina a partir da bauxita.

Unha vez extraída a bauxita na mina e trasladada ata a planta de fabricación da alumina, o proceso comeza coa súa trituración, lavado, pulverización e disolución a presión en sosa cáustica (hidróxido de sodio, NaOH) quente. O líquido obtido é unha disolución de aluminato de sodio e residuos de bauxita non disolvidos, que van depositándose no tanque de decantación.

Os sólidos non disolvidos, recollidos por filtrado e decantación, son tratados para recuperar deles a sosa que non reaccionou, que se volve utilizar no proceso. Os restos, que conteñen ferro, silicio e titanio, son coñecidos como “lodo roxo” ou “barro roxo” e se retiran e almacenan nun vertedoiro.

A solución de aluminato de sodio clarificada, bombéase ao tanque de precipitación, engadíndolle finas partículas de alumina e arrefriando a solución para favorecer o proceso de cristalización e deposición do hidróxido de aluminio puro (AlOH3), alumina hidratada. A disolución de sosa, xa libre do aluminio, concéntrase nos evaporadores e se reincorpora ao proceso para utilizarse de novo.

Finalmente, o hidróxido de aluminio cristalizado (AlOH3,, alumina hidratada) introdúcese no forno de calcinación, someténdose a uns 1.050 ?C para a liberación do vapor de auga, obténdose como residuo un polvo branco, a alumina deshidratada (Al2O3).

Ademais de outras moitas aplicacións nas industrias cerámica e química, a alumina é a materia prima empregada para a produción de aluminio. O principal proceso industrial para a produción de aluminio a partir da alumina é o proceso Hall-Heroult, patentado en 1866.

No proceso Hall-Heroult, a alumina (Al2O3) vai disolverse nunha cuba electrolítica interiormente revestida de carbón e que contén criolita (Na3AlF6, hexafluoraluminato de sodio) fundida. A cuba vai ser o cátodo na electrólise, mentres que como ánodo utilízanse eléctrodos de grafito ou preferentemente, electrodos de grafito con pasta Søderberg (mestura de antracita calcinada, coque de petróleo e brea de alcatrán de hulla), máis grandes e sensiblemente máis baratos.

Coa descarga eléctrica (a 5 ou 6 voltios, con correntes de 150.000 amperes e densidades de un e medio a tres amperes por centímetro cadrado), a temperatura sube a 950 ?C e a alumina vai descompoñerse en aluminio líquido, que deposita no fondo da cuba, e oxíxeno molecular, que reacciona cos electrodos e se desprende como anhídrido carbónico (CO2, dióxido de carbono). Aproximadamente, de dúas toneladas de alumina obtense unha tonelada de aluminio.

Nunha última etapa, o aluminio líquido extráese das cubas e lévase aos fornos de fundición, nos que se lle engaden aliaxes, para mellorar as súas propiedades, e vértese nos moldes, arrefriados con auga, para darlle a forma final para a comercialización: lingotes para fundición, “tochos” (barras de sección cadrada) para extrusión e placas para laminación.

Actividades laborais:

Emprego masculino e feminino.

Emprego:

En 1980, o conxunto Alúmina-Aluminio contaba con dous mil setecentos trinta e tres empregos directos. No ano 2018, o emprego era dunhas mil cincuenta persoas, arredor de catrocentas cincuenta na planta de alumina e cerca de seiscentas na de aluminio. En xaneiro do 2019 a empresa contaba con un total de 1.172 empregados, 551 en alumina e 661 en aluminio.

Materias Primas:

Bauxita, electricidade, fuelóleo (substituído por gas natural no ano 2015).

Produtos Elaborados:

Alumina e aluminio primario (lingotes para fundición, “tochos” para extrusión e placas para laminación).

Distribución e comercialización:

Nacional e internacional.

Referencias Bibliográficas:

Armas Diéguez, Pedro (1990). “Pautas de industrialización periférica: un ejemplo regional, Galicia”, en Anales de geografía de la Universidad Complutense, núm. 10, 1990, p. 63-84. ISSN 0211-9803.

Busto Naval, Fernando del (2018). “La empresa que enseñó el camino a la siderurgia asturiana”, en El Comercio [en línea] https://www.elcomercio.es/aviles/empresa-enseno-camino-20180729002128-ntvo.html [Acceso 14/11/2022].

Cruz Rama, Celeste (2011). “Un siglo transformando aluminio en Linares”, en Ideal, ed. Jaén [en línea] https://www.ideal.es/jaen/v/20111206/linares/siglo-transformando-aluminio-linares-20111206.html [Acceso 14/11/2022].

García Pérez, Pedro (2018). “Historia de la industria española del aluminio primario”, en De re metallica, núm. 31, julio-diciembre 2018, p. 131-138. Revista de la Sociedad Española para la Defensa del Patrimonio Geológico y Minero. ISSN 1888-8615.

García Ramos, Yolanda (2019). “40 años del inicio de Aluminio, todo un antes y un después en A Mariña”, en La Voz de Galicia, ed. A Mariña, 26/03/2019.

González Paz, Carlos Andrés (2005). “A factoría de Alcoa en San Cibrao: vintecinco anos de historia”, en Boletín do Museo Provincial de Lugo, núm. 12, 2, 2005, p. 221-235. ISSN 0212-8438.

Kipping, Matthias; Cailluet, Ludovic (2010). «Ménage à trois: Alcan in Spain, 1950s to 1980», Cahiers d'histoire de l'aluminium, 2010/1-2 (n° 44-45), p. 78-105. https://www.cairn.info/revue-cahiers-d-histoire-de-l-aluminium-2010-1-page-78.htm [14/11/2022].

Lupiáñez Cruz, Patricio; Rojas Sola, José Ignacio (2004). La arqueología industrial aplicada a la fábrica de San Gonzalo de Linares. XVI Congreso Internacional de Ingeniería Gráfica (INGEGRAF). Zaragoza, 2, 3 y 4, junio, 2004 [en línea] https://www.egrafica.unizar.es/ingegraf/pdf/Comunicacion16990.pdf [Acceso 14/11/2022].

Martín-Aceña Manrique, Pablo; Comín Comín, Francisco (1989). “El Grupo INI en perspectiva histórica: una aproximación cuantitativa (1941-1986)”, en Papeles de Economía Española, núm. 38 (1989), p. 106-134. ISSN 0210-9107 [en línea] Disponible en Internet https://www.funcas.es/wp-content/uploads/Migracion/Articulos/FUNCAS_PEE/038art11.pdf [Acceso 14/11/2022].

Ministerio de Industria del Gobierno de España (1974). Decreto 1804/1974, de 7 de junio, por el que se autoriza la creación de las Empresas «Aluminio de Villagarcía, Sociedad Anónima» y «Alúmina Española, S. A.». Boletín Oficial del Estado núm. 159, de 4 de julio de 1974.

Ministerio de Industria del Gobierno de España (1976). Resolución de la Dirección General de la Energía por la que se otorga autorización previa a la asociación de Empresas formada por «Fuerzas Eléctricas del Noroeste, S. A.» (FENOSA), «Hidroeléctrica del Cantábrico, S. A.» y «Electra de Viesgo, S. A.», para instalar una central nuclear en Regodola (provincia de Lugo). Boletín Oficial del Estado núm. 202, de 23 de agosto de 1976.

Rodríguez León, Jesús (2001). La Transformación de Alúmina en Aluminio. Sevilla: Editorial Aula Magna - Mc Graw Hill. ISBN 978-84-18392-92-4.

Suárez Lareo, Alba (2019). “Seis décadas de Aluminios en A Grela”, en La Opinión de A Coruña, 13/01/2019.

Tabereaux, Alton (2000). “Prebake Cell Technology: A Global Review”, in JOM, 52 (2) (2000), p. 22-28. [on line] https://www.tms.org/pubs/journals/JOM/0002/Tabereaux-0002.html [14/11/2022].

Taboada Arceo, Antonio (1971). Galicia, estructura y ritmo socio-económicos. La Coruña: Servicio de Estudios y Publicaciones de las Cámaras Oficiales de Comercio, Industria y Navegación de Galicia. DL C-145-1971.

Velasco Barroetabeña, Roberto; Plaza Inchausti, María Beatriz (2003). “La industria española en democracia, 1978-2003”, en Economía Industrial, núm. 349-350, 2003 / I y II, p. 155-180. Número dedicado a Economía y Constitución: XXV aniversario. ISSN 0422-2784.

Xunta de Galicia (2007-2011). Plan de Ordenación do Litoral [en liña] Dispoñíbel na Internet: http://www.xunta.es/litoral [Acceso 13 agosto 2017].

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 3-III San Cibrao /// Datum ETRS89: H 29 // X 623.140,15 m / Y 4.839.286,80 m

Centro Nacional de Información Geográfica (s.f.). Fotototeca Digital. Instituto Geográfico Nacional, Ministerio de Fomento del Gobierno de España. http://fototeca.cnig.es/ [17/11/2022].

Instituto de Estudos do Territorio (IET) da Xunta de Galicia (s.f.). Información Xeográfica de Galicia: visualizador de mapas. http://mapas.xunta.es/visualizador-de-mapas [17/11/2022].

Instituto Geográfico Nacional (s.f.). “Mapa Topográfico Nacional 1:25.000”, en Mapas de España. Instituto Geográfico Nacional, Gobierno de España. https://www.cnig.es/buscarArtsMenu?categoria=MTN25-Mapa-Topográfico-Nacional-1:25.000 [18/01/2021].

Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación del Gobierno de España (s.f.). Sistema de Información Geográfica de Parcelas Agrícolas (SIGPAC), Visor SigPac V 4.10 [en línea] https://sigpac.mapama.gob.es/fega/visor/ [17/11/2022].

Data de Actualización:

18 novembro 2022