718 Casa fábrica do Espiño

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: Pontevedra
  • Concello: Lalín
  • Parroquia: Santa María de Filgueira
  • Lugar: O Espiño
  • Paraxe: Chousa do Espiño
  • Dirección: Lugar do Espiño, 1 - Lalín
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 42.66947121497113
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.13533972384643
  • Coordeadas UTM: Datum ETRS89: H 29 // X 570.857,62 m / Y 4.724.453,28 m
  • Clasificación: Fábrica de curtidos
  • CNAE: 15.11 Preparación, curtido e acabado do coiro; preparación e tinguido de peles.
  • Tipoloxía: Curtido tradicional en píos
  • Comarca: Deza
  • Marco Xeográfico: Val no poñente da vila de Lalín, a uns oitenta metros da marxe dereita do rego de Abeledo, a algo máis de trescentos metros ante
  • Ámbito: Rural (hoxe periferia urbana)
  • Acceso: Sáese de Lalín pola estrada nacional N-525, cara a Santiago de Compostela. A uns dous quilómetros e medio, enfronte do Hotel Naval Espiño, apártase pola esquerda e recórrense uns cento setenta metros por unha estreita carreteira, ata a capela do Espiño; tórcese entón á dereita e corenta metros máis adiante atopámonos fronte ao portal que da acceso á finca do curtidoiro.

Tipo de propiedade:

Privada

Visitable:

Exteriormente

Xestión de visitas:

Non procede

Historia:

Non somos hoxe en día conscientes da gran importancia que tivo a industria do coiro, que elaboraba as pezas que despois empregaríanse sen curtir como soporte para a escritura (pergameo), e curtida no almacenamento de líquidos (pelellos) e no manexo do aire (foles, mesmo musicais), nos arreos de labranza (arneses, correas e atalaxes), para o traballo dos albardeiros (cinchas, selas, albardas e alforxas), talabarteiros e gornicioneiros (cartucheiras, cintos e talabartes), para pezas da vestimenta (chalecos, petos, luvas, chapeus, cintos), no calzado (zocos, botas, zapatos), no recubrimento de embarcacións, na elaboración de cordas e enxarcia, para xuntas de estanquidade ou aínda para as correas de transmisión da primeira maquinaria.

A actividade de curtume, como a téxtil, xorde e desenvólvese intimamente unida ao mundo rural, compartindo as actividades propias do campo para fornecer as súas necesidades específicas e servindo moitas veces aquelado cos traballos agrícolas para complemento dos minguados ingresos dos labregos.

Podemos distinguir entre curtidores independentes, que curtirían unha ou dúas peles ao ano para as súas propias necesidades, e curtidores rurais, que á vez que traballan os seus propios coiros, preparan a xornal outros cedidos por tratantes ou comerciantes urbanos. En ambos os casos, os campesiños son propietarios dos píos nos que traballan as peles. Finalmente, un terceiro grupo de campesiños traballarían en píos prestados ou en píos da comunidade.

Aínda que o curtido espallábase por toda Galicia, sendo habitual a existencia de curtidores en moitas parroquias, algunhas zonas concentraban un gran número destes curtidores “a tempo parcial”, como nas terras de Cea e Allariz, na antiga provincia de Ourense, Noia e Caldas, na de Santiago, Vilalba e Chantada, na de Lugo, e Soutomaior, na de Tui.

A evolución desta industria continúa, xa como unha actividade urbana ou peri-urbana nos séculos XVII e XVIII, coa construción de píos por e para o gremio de zapateiros, necesitados de abastecerse de materia prima para o seu traballo, como ocorría en Betanzos ou en Melide. Outras veces as instalación eran do propio concello, como no caso de Chantada, e outras, en fin, de particulares.

Pronto a industria do coiro dará un avance cualitativo e cuantitativo co nacemento, no tránsito do século XVIII ao XIX da fábrica de curtidos construída por un empresario como un asentamento especificamente dedicado á produción de coiros, cunha centralización nas súas instalacións de tódalas actividades do proceso, con traballadores asalariados que preparaban os pelicos ao mandado do dono, e cunha clara orientación a cubrir as necesidades e demandas do mercado.

Desta forma, os asentamentos dispersos e rudimentarios evolucionan dando paso aos centros especializados, nunha transición gradual que pasa polos asentamentos gremiais proto industriais, primeiro, e as fábricas populares, despois, para chegar finalmente aos modernos curtidoiros.

Consonte os datos do Catastro de Ensenada, contra 1752 o gremio de zapateiros de Betanzos contaba con cincuenta e catro inscritos, pero tan só seis desenvolvían moi rudimentarias tarefas de curtume. Vai ser contra os comezos da década de 1770 cando aparecen nas contornas de Ferrol os primeiros curtidoiros (vid. ficha 329) estabelecidos co novo modelo organizativo de factoría centralizada, coa introdución de capital privado e de emprego asalariado, liberados do control gremial.

Outros aires da revolución industrial chegarían tamén a industria do curtido, inda que tardarían en Galicia en facelo na cerna dos labores (a transformación da pel en coiro), introducíndose unicamente nas endeitas de preparación e remate, localizándose curtidoiros galegos que contra 1850 xa utilizaban máquinas para o descarnado, o pelado, o batido e a división da pel.

O curtido tradicional necesitaba entre dez e dezaoito meses dende a chegada da pel ata a saída do coiro e precisaba para o aporte do tanino como curtinte de grandes cantidades de casca (uns cinco quilogramos para cada quilogramo de pel), normalmente de carballo. Xa na década de 1850 empregaríanse extractos concentrados de quebracho ou castiñeiro para acelerar o curtido e finalmente taninos artificiais (ésteres dos ácidos fenol-carbónicos) para o curtido vexetal rápido, xeneralizado na década de 1870.

Cara a 1880 comezaría o curtido mediante sales de cromo e a finais da década de 1910 o curtido ao cromo suplantaría case que totalmente ao curtido vexetal. Mentres o curtido dunha peza de sola polo sistema tradicional precisaba duns catrocentos dez días, cos novos sistemas abondaba con cento oitenta. Coa excepción de Italia, que nos consorcios da Toscana promove a antiga tradición artesanal, o curtido vexetal de alta calidade practicamente desapareceu na Europa.

Malia que as fábricas de curtidos galegas chegaran a representar máis da cuarta da produción do sector en España, do decenio de 1880 en adiante foron incapaces de adaptarse aos cambios que estaban a xeneralizarse na tecnoloxía e nos mercados dos curtumes. Os curtidoiros galegos optarían pola especialización no curtido antigo, que chegaría a coñecerse como “curtido a la gallega”, orientado aos mercados tradicionais, xa en decadencia.

A crise da agricultura galega tradicional e a progresiva consolidación entre os usuarios dos novos tipos de calzado, suporían o imparable declive dos curtidoiros galegos, de tal maneira que das máis de cento setenta fábricas de curtidos que traballaban en Galicia a finais da década de 1950, trinta anos despois, finalizando a década de 1980, sobrevivían tan só once.

Hoxe en día, dous obradoiros artesanais na comarca de Bergantiños e un establecemento industrial en Padrón é todo o que queda da industria galega do coiro.

Descrición Xeral do Entorno:

O curtidoiro situarase a medio camiño entre A Laxe e Lalín, a carón do Camiño Real de Santiago de Compostela a Ourense, neste tramo hoxe nomeado como o Camiño de Inverno que dende Ponte de Domingo Flórez vai polo Rodeiro ata Santiago de Compostela.

Construcción:

1832.

Abandono:

1922.

Descrición:

A promulgación no reinado de Carlos III da Real Cédula do 8 de maio de 1781, concedendo diferentes grazas, franquías e privilexios a favor de “todas las Fábricas de Curtidos del Reyno”, disposición tamén coñecida como «Decreto de Estranxeiría», suporía unha enorme pexa para a entrada no país dos coiros procedentes do porto francés de Baiona. As dificultades xurdidas polos impostos aos seus curtumes vai impulsar a chegada dun bo número de curtidores vascos procedentes do territorio histórico de Lapurdi, hoxe en día parte do departamento dos Pirineos Atlánticos, na fronteira suroeste con España. Inicialmente contratados como oficiais ou mestres de fábrica, algúns deles chegarían a converterse en promotores das súas propias empresas.

Corría o ano de 1832 cando os irmáns Juan Bautista e Juan Cadet Hirigoyen Larrondo, procedentes da localidade de Itxassou, no Lapurdi (hoxe distrito de Baiona de Francia), mercaban unhas fincas na Chousa do Espiño, entre A Laxe e Lalín, na beira do camiño real de Santiago de Compostela a Ourense, e constituían unha sociedade mercantil para a produción e comercialización de curtidos, que venderían aos zoqueiros, e mestres de obra prima (os que facían calzado novo) da contorna. Xa instalados na casa fábrica do Espiño, os irmáns Hirigoyen irían acrecentando a propiedade pola adquisición aos veciños do lugar de leiras lindeiras coas súas. En 1849 morre Juan Bautista, e a súa viúva, Isabel Berrouet, quedaría con Juan Cadet á fronte da fábrica. Cando, en xaneiro de 1851, morre tamén este, o inventario realizado da unha idea das dimensións que acadara o conxunto fabril.

Xunto con outros datos, recóllese no amentado inventario que o edificio principal, de baixo e un andar, formaba un polígono irregular a xeito dun ele invertido, cun brazo que avanza do oeste ao leste e o outro, arrimado polo levante en ángulo recto, que se desenvolve de norte a sur. Ademais de anotar as lonxitudes, medidas en cuartas de vara, dos seis lenzos de parede que forman os muros exteriores, indica que ocupaba en planta unha superficie de 807’74 metros cadrados. Quedaría tamén anotada unha casa de 17’14 por 7’73 metros (132’50 metros cadrados), de baixo e un andar, utilizada como loxa, na planta baixa, e almacén de herba, na alta. Arrimado a esta casa, contaban cun cuberto para carros. Indicábase que “todo ello se halla en estado de media vida”.

As edificacións fixéranse cos muros en fábrica de cachotaría de granito, con marcos e linteis de perpiaños, sendo construídos en madeira os pisos e divisións interiores. A distribución das dependencias faríase conforme á necesaria funcionalidade propia do proceso: o almacén de casca e o muíño, a zona de lavado das peles e a de mudanza, con dezaoito píos de cantaría e vinte e un de madeira, irían na planta baixa; no andar acomodaríase o secadoiro dos coiros e a zona de zurra e remata dos mesmos, ademais do despacho, a cociña e os cuartos dedicados a vivenda.

Ademais do habitual uso das bestas para a moenda da casca curtinte, o convenio coa veciñanza para o uso das augas do rego que corre ao levante da propiedade, documenta a existencia na fábrica dun muíño hidráulico para triturala, alimentado por un caleiro de madeira dende a tosta construída no rego para servizo dos prados e da propia fábrica.

Coa idea da venda da propiedade, incluída a horta, terras de labranza, pasto e monte, Isabel Berrouet retorna a Francia en 1856, deixando á fronte da fábrica a Pedro Aguerre Garat, nacido en Espelette, tamén no territorio vasco francés de Lapurdi. Axudado polo seu compatriota Pedro Molezún Lissarrague (natural de Hasparren e propietario dunha fábrica de curtidos e papel de fío en Anceis, no concello de Cambre), Aguerre constituiría a sociedade «Aguerre y Compañía», coa finalidade de “curtir e despachar peles indias e terrestres de todas as clases que poidan proporcionarse”, sociedade que disolverían antes dun ano. Pedro Aguerre continuaría traballando e acrecentando a fábrica do Espiño e, en 1864, Isabel Berrouet acordaría venderlla.

Morto Aguerre en 1865, a súa viúva Carmen Somoza Negro, apoderaría ao ano seguinte a Cayetano Froiz Senra (provedor de tabacos) para a administración dos bens, rendas e intereses dela e dos seus fillos. Nacido en Ponteareas en familia de curtidores e tamén el mesmo curtidor experimentado, Francisco Antonio Garra Olañeta, incorporaríase a fábrica do Espiño e casaría coa viúva en 1869.

En 1873, Carmen e Francisco conseguirían rematar co longo proceso de adquisición da fábrica de curtidos do Espiño, na que eles inda farían algunhas melloras e ampliacións. Segundo a escritura de compravenda, a propiedade tiña cento sesenta e dous ferrados, case nove hectáreas delimitadas polo camiño vello de Santiago a Ourense, os daquela chamados rego de Canabal e río das Meás e un terreo de monte que fora adquirido por Pedro Aguerre.

Morta Carmen en 1880, Francisco Antonio Garra Olañeta, por si mesmo e en representación dos seus fillos, e José Ramón Lecheren Mariño como curador dos os irmáns Aguerre Somoza, constituirían en 1881 a sociedade «Garra e Herdeiros de Aguerre e Somoza», para continuar conxuntamente coa nese momento próspera empresa familiar.

En 1887, liquidadas as complexas partillas da herdanza, os catro irmáns, Elisa, Concepción, Anunciación e Pedro Aguerre Somoza, constitúen unha nova compañía, denominada «Fillos de Aguerre en Compañía» da que será administrador Arturo Blanco Rodríguez, esposo de Concepción. A sociedade vai liquidarse en 1894, aínda que a actividade da fábrica de curtidos do Espiño, xestionada por Arturo, prolongaríase ata 1922.

Nota: a información precedente é un resumo do extraordinario traballo de don Antonio Garra López «Curtidores vascofranceses no Lalín do século XIX. A casa fábrica do Espiño», que pode consultarse na súa integridade na súa publicación en liña, coa seguinte dirección de enlace https://fabricadoespino.wordpress.com

O curtidoiro do Espiño fora construído nun predio a carón do camiño real que viña do Rodeiro por Lalín e continuaba por A Laxe ata Santiago de Compostela. A uns oitenta metros da súa linde do leste baixa o rego das Bestas, tamén coñecido como rego de Abeledo. En total, o espazo construído alcanzaría a ocupar uns catro mil metros cadrados, ademais dos prados e pastos entre a zona edificada e o rego amentado, o que sumaría outros tantos.

Consonte a información recollida in situ por Claudio Otero contra o ano 2015, máis as precisións aportadas por Antonio Garra no 2022, o conxunto fabril orixinal construído polos Hirigoyen estaba formado por tres edificacións unidas. A primeira delas, formada por un corpo de planta rectangular duns vinte e un metros de lonxitude e algo máis de oito de anchura, ten orientación de oeste a leste; no seu extremo do levante, formando un ángulo recto, un cuberto de sete metros de ancho e vinte e un de lonxitude, que acollía no baixo os píos, uns de perpiaño e de madeira outros, para os diferentes labores do curtido e que tiña o secadoiro no andar. Parte deste cuberto, de algo máis de once metros de largura, con dúas xanelas no andar e un pequeno pombal, aínda consérvase.

A segunda das edificacións, que forma un pequeno ángulo coa zona de curtido, é tamén de planta rectangular, duns nove por sete metros e única altura, que vai seguida e arrimada á anterior polo lado menor; acollía o primeiro almacén de casca e o muíño para triturala, movido pola auga derivada por una canle duns oitenta metros de lonxitude do chamado Rego das Bestas ou de Abeledo. Ten hoxe un portal de bo tamaño que abre ao levante.

E a terceira delas, de planta rectangular e uns catorce por nove metros de superficie, vai seguida e arrimada polo lado menor ao cuberto descrito en segundo lugar, co que habilitouse unha porta de comunicación. Fora construído na ampliación levada a ramo por Pedro Aguerre, e usado como almacén para a casca e outras utilidades. Dispón polo exterior dunha escaleira de pedra.


Unha presa construída uns metros augas abaixo da ponte do Camiño Real sobre o rego, derivaba as augas á quenlla que as levaba ás regas dos campos e aos labores produtivos no interior do edificio fabril.

As tres construcións, en fábrica de cachotaría de granito, con marcos e linteis de perpiaños, foran adaptados posteriormente para servir como cortellos e almacéns dunha explotación gandeira.

Anota Claudio Otero (2017: 515, ficha 219) que o principal empresario desta fábrica de curtidos no século XX foi Arturo Blanco Rodríguez, que figura en 1900 e 1901 cotizando por fábrica de curtidos e muíño de casca, e non aparece nos anos seguintes. En 1905, 1906, 1907, 1908, 1909, 1910, 1911, 1012 e 1913 aparece rexistrado cunha capacidade declarada de dezaoito metros cúbicos de píos e un muíño de casca movido por auga. En 1914 non aparece, e volve a figurar en 1915, 1916, 1917 e 1918 coa mesma capacidade declarada de dezaoito metros cúbicos de píos e un muíño de casca movido por auga. Non figura en 1919, e de novo, en 1920 e 1921, cos mesmos dezaoito metros cúbicos de píos e o muíño de casca movido por auga. O seu rexistro xa non figura de 1922 en adiante.

Tempo de uso:

Todo o ano.

Sistema de produción:

Curtido é o proceso mediante o que unha pel, un material orgánico, transfórmase en coiro, un material imputrescible, flexible, resistente á humidade e con notables propiedades mecánicas. Tecnicamente, o curtido consiste en aumentar a resistencia á hidrólise das proteínas (coláxeno) que configuran a pel mediante a acción dun axente que orixina tal cambio químico, o curtinte.

O proceso iniciábase coa chegada da pel en bruto, con pelo e restos de carne cando viña dos matadoiros veciños, e ademais cunha abondosa dose de sal incorporada cando procedente do Río da Prata. Comezaban entón os labores de ribeira, limpeza e primeira preparación dos pelellos para hidratar e abrandala pel manténdoa mergullada en auga varios días, xa nunha corrente fluvial, xa en pozos construídos ao efecto. Os coiros lavábanse ben, deixábanse a mollo e deseguido mergullábanse nuns pozos cheos de auga con cal apagado, os caleiros ou pelamios, para que os poros abriran tanto para favorecer a retirada do pelo como para unha mellor penetración das sustancias curtintes coas que logo sería tratada a pel.

A pel permanecía nos caleiros entre quince e vinte días e, unha vez sacada do pelamio actuaban os “zurradores” para retirarlle a súa pelame e os anacos de carnaza que quedasen do desencoirado, uniformando á vez a superficie da pel e separando as partes inútiles para o curtido. Os oficiais completaban o depilado traballando a pel até retirarlle todo o pelo, rañando coas súas características coitelas romas pola flor da pel, a parte exterior, na que se atopa o pelo.

Rematadas as tarefas de ribeira, o caldeo ou corrida nos pozos chamados mudanzas ou alpages, enchidos con auga acidulada pola casca de carballo e con diferentes concentracións (a menor, no de primeira mudanza), limpaba os restos de cal e completaba o enchido da pel e a apertura dos seus poros que xa se encetara nos pelamios. As veces, cos coiros “brandos” ou de res menor, antes do caldeo adoitábase levar a pel aos pozos de desengraxado, nos que permanecía mergullada en excrementos animais (unha mestura de canina, gallinácea, palomina e outros) para facer máis doada a posterior retirada dos restos do cal.

Os coiros xa limpos e preparados trasladábanse entón aos pozos de curtir propiamente ditos, chamados noques, pilos ou asentos, nos que a pel conseguía as súas propiedades de resistencia á auga e á humidade, volvéndose elástica e resistente á vez. Alí os coiros colocábanse coa flor (a cara na que tivera o pelo) cara abaixo, alternados con casca de carballo moída previamente e ben cubertos de auga. Nesta situación permanecían entre tres e cinco meses, tralo que retirábanse dos noques, limpábanse e cepillábanse e voltaban a se mergullar noutros noques –“de segundo asiento”– mesturados con casca moída igual que na volta anterior agás o sentido da pel, agora coa flor cara arriba. A pel íase pasando duns pozos aos outros nun proceso lento e laborioso, sempre mergullada nunha solución rica en tanino obtida a partir da cortiza do carballo.

No procedemento tradicional de curtido o axente curtinte, o tanino, procedía da casca de certos árbores, como a aciñeira ou o sanguiño, sendo o carballo o máis adoito a empregar en Galicia. Para mellorar o proceso, a casca pulverizábase nos chamados muíños de casca, consistentes nun murete circular de trinta ou corenta centímetros de alto e de tres a catro metros de diámetro, arredor do que unha besta facía roular unha roda de cantería que ía esmagando a casca depositada no interior do beiril.

Unha vez o coiro curtido procedíase ao seu remate, no que o proceso finalizaba coa preparación e secado da pel curtida, o pelico. Levantada a pel dos noques procedíase o seu enxugado e aireado, tralo que viña o batido ou mazado cun martelo de madeira, para deixar a peza compactada nun espesor uniforme e cunha aparencia máis homoxénea, finalizando aquí o proceso para os coiros duros (de vacún adulto) destinados á fabricación de sola.

No caso dos coiros brandos (de animais menores como xatos, ovellas ou rebezos), que destinábanse fundamentalmente á elaboración do “becerro”, o rematado era máis complexo, incluíndo o engraxado a base de saín (graxa de sardiña), o estirado e o luneteado, entre outras operacións menores.

As fábricas de coiros aproveitaban tódolos refugallos do proceso e os vendían: a casca xa usada e enxoita para as lareiras; os restos da carnaza para facer a cola que demandaban os carpinteiros e as fábricas de papel; o pelo desprendido da pel e enxoito para a fabricación de cepillos e brochas.

O proceso de curtido tradicional, co tanino de árbores e arbustos como curtinte, necesitaba entre dez e dezaoito meses dende a chegada da pel ata a saída do coiro e precisaba grandes cantidades de casca (uns cinco quilogramos de casca para cada quilogramo de pel).

Empregáranse despois, xa na década de 1850, extractos concentrados de quebracho ou castiñeiro para acelerar o curtido e finalmente taninos artificiais para o curtido vexetal rápido, xeneralizado na década de 1870. Cara a 1880 comezaría o curtido mediante sales de cromo e a finais da década de 1910 o curtido ao cromo suplantaría totalmente ao curtido vexetal. Mentres o curtido dunha peza de sola polo sistema tradicional precisaba duns catrocentos dez días, cos novos sistemas abondaba con cento oitenta.

O curtido ao alume ou curtido en branco (utilizado principalmente para curtir peles que conserven o pelo) segue a empregarse na preparación de peles finas moi flexibles e suaves, xeralmente empregadas nas luvas. Utiliza como solución curtinte o preparado constituído por cen gramos de alume (sal dupla de aluminio e potasio hidratado) e cincuenta gramos de sal (cloruro de sodio) por cada litro de auga, mestura que ten que ter unha densidade de once graos Baumé.

Aínda que os aires da revolución industrial chegaran tamén a industria do curtido, non o fixera na cerna dos labores (a transformación da pel), senón unicamente nas endeitas de preparación e remate, e algunhas tenerías empregaban contra 1850 máquinas para o descarnado, o pelado, o batido e a división da pel.

O conxunto das edificacións para o traballo dos coiros normalmente distribuiase en cinco compoñentes: o almacén das materias primas e local da moenda da casca configuraban a entrada do establecemento; viña despois o departamento dos labores de ribeira, cos seus lavadoiros e caleiros; o terceiro espazo contaba cos píos de mudanza e asento; o espazo para o enxugado e aireado estaban as veces nun primeiro andar, para mellorar a ventilación; o derradeiro, a zona de remate, xuntábase as veces co anterior.

A ocupación nas fábricas de curtidos era de cinco a sete persoas nas pequenas, e de dez a quince nas grandes.

Os produtos que se elaboraban recibían distintos nomes: solas (vacún), becerros (tenreiro), badanas (carneiro ou ovella), cordobáns (cabra), baldeses (adelgazadas para luvas), baquetas (vaquetas, coiro de vitela, tenreira para albardeiros) e corregeles (tamén chamado crupón, folla enteira de coiro flexible e groso de boi ou vaca, para solas e correas).

Actividades laborais:

Man de obra masculina en todo o proceso.

Emprego:

Sen datos. Posibelmente, entre tres e cinco homes.

Materias Primas:

Peles de animais, principalmente vacún.

Produtos Elaborados:

Peles curtidas, coiros, correas, solas, etc.

Distribución e comercialización:

Local e comarcal.

Referencias Bibliográficas:

Carmona Badía, Xoán; Fernández Vázquez, María Teresa (1997). “Historia e actualidade do patrimonio industrial de Galicia: as fábricas de curtidos de Allariz”, en Fidalgo Santamariña, Xosé Antón, e Simal Gándara, Xesús (coords.), Patrimonio cultural de Galicia e norte de Portugal, p. 63-79. Ourense: Diputación Provincial.

Carmona Badía, Xoán; Fernández Vázquez, María Teresa (2003). A Compostela industrial: historia e pegada das fábricas de coiros no concello de Santiago. Santiago de Compostela: Consorcio de Santiago. D.L. C-269-2003. ISBN 84-930667-2-9.

Carmona Badía, Xoán; Nadal Oller, Jordi (2005). El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Córdoba de la Llave, Ricardo (2008). “Industrias del tejido y del cuero”, en Navascués Palacio, Pedro (coord.), Ars Mechanicae: ingeniería medieval en España, p. 225-233. Fundación Juanelo Turriano. Madrid: Ministerio de Fomento (CEDEX-CEHOPU). DL M-46232-2008. ISBN 978-84-7790-470-0.

Fernández Negral, Justino (2002). Las fábricas de curtidos en la ría de Ferrol, 1783-1956. Cadernos do seminario de Sargadelos. Sada: Ediciós do Castro. DL C-174-2002. ISBN 84-8485-049-8.

Fernández Vázquez, María Teresa (2002). La industria del curtido en la Galicia contemporánea. Tesis doctoral (inédita). Departamento de Economía Aplicada, Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago de Compostela.

Fernández Vázquez, María Teresa (2006). “Juan Harguindey Broussain (1839-1911)”, en Carmona Badía, Xoán (coord.), Empresarios de Galicia, p. 108-123. Centro de Investigación Económica e Financeira (CIEF). A Coruña: Fundación Caixa Galicia. DL C-2900-2006. ISBN 84-96494-83-7.

Garra López, Antonio (2022). Comunicación persoal a Buxa, co enlace á súa publicación en liña «Curtidores vascofranceses no Lalín do século XIX. A casa fábrica do Espiño», dispoñible en https://fabricadoespino.wordpress.com/ [Acceso 17/11/2022].

Lara Coira Manuel (2016). “Poboación e industria na ría de Ferrol”, en Ferrol Análisis: revista de pensamiento y cultura. 2016, núm. 30, p. 59-71. Club de Prensa de Ferrol. A Coruña: Deputación da Coruña. DL C-1873-2003. ISSN 1576-4540.

Lara Coira, Manuel (2021). “A fábrica de curtidos d’A Malata”, en Burgoa Fernández, Juan José e Llorca Freire, Guillermo (coords.) Memoria histórica de Serantes, p. 199-213. Ferrol: Edicións Embora. DL C-573-2021. ISBN 978-84-17824-48-8.

Lara Coira, Manuel (2022). Fábrica de curtidos d’A Chaínza. Recuperación do patrimonio histórico-cultural. Informe realizado para o Concello de Noia (A Coruña). Eirapedriña: Buxa, Asociación Galega do Patrimonio Industrial.

Lorenzo Fernández, Xaquín (1962). “Etnografía: cultura material. Os oficios: curtidores ou coireiros”, en Otero Pedrayo, Ramón (dir.), Historia de Galiza, vol. II, O home-II, p. 550-558. Buenos Aires: Editorial Nós.

Lorenzo Fernández, Xaquín (1983). “Curtidores ou coireiros”, en Os oficios, Biblioteca Básica da Cultura Galega, p. 123-133. Vigo: Editorial Galaxia. DL VG-18-1983. ISBN 84-7154-425-3.

Meijide Pardo, Antonio (1986). “Las primeras industrias del curtido en Betanzos”, en Untia. Boletín do Seminario de Estudios Mariñáns, núm. 2, p. 27-43, Betanzos. DL C-528-1984. ISBN 398-7401-4. [en línea] Disponible en Internet: http://hemeroteca.betanzos.net [Último acceso 20 de octubre del 2012].

Meijide Pardo, Antonio (1998). “Entre 1770 y 1814 se establecen 14 fábricas de curtidos en la comarca ferrolana”, en Anuario Brigantino, nº 21, p. 167-182, Betanzos. ISSN 1130-7625.

Muro y Goiri, Ángel (1872). Memoria sobre la industria tenera en Galicia. Coruña, Imprenta de don Domingo Puga [en línea] https://minerva.usc.es/xmlui/handle/10347/28392 [20-11-2022].

Nolano, Roberto Mario (2015). Curtido artesanal de cueros. Agencias de Extensión Rural de los Llanos de La Rioja, Argentina.

Otero Eiriz, Claudio (2015). A Chantada fabril: os curtidoiros do Asma na Idade Contemporánea, VII Certame de Investigación Condado de Pallares, Ferreira de Pallares-Guntín-Lugo: Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares. DL LU-29-2015. ISBN 978-84-606-5831-3.

Otero Eiriz, Claudio (2017). A industria do coiro en Galicia: historia e patrimonio. Tese doutoral, inédita. Departamento de Economía Aplicada, Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago de Compostela.

Otero Eiriz, Claudio (2018). As fábricas de curtumes de Alfoz. Historia e patrimonio. Cadernos do Seminario de Estudos do Valadouro, núm. 8, Área de Sociedade. DL LU 148-2018. ISBN 978-84-09-06197-6.

Otero Eiriz, Claudio (2018). “La industria de los curtidos en Galicia: una visión sistemática sobre su implantación en el territorio en el siglo XX”, en Madrygal. Revista de Estudios Gallegos, 21, 157-172.

Otero Eiriz, Claudio (2018). “Aproximación á industria dos curtumes lugueses: os curtidoiros de Castroverde e Vilalba”, en Lvcensia. Miscelánea de cultura e investigación. 56, p. 129-140.

Otero Eiriz, Claudio (2020). A industria galega dos curtumes. Pegadas dun patrimonio cultural sobranceiro. Santiago de Compostela: Edicións Laiovento. DL C-1.051-2020. ISBN 978-84-8487-495-9.

Palazzolo, Luis (1948). Aplicación de los taninos sintéticos. Tesis doctoral. Facultad de Ciencias Exactas y Naturales de la Universidad de Buenos Aires.

Wagner, Augustus (1942). “Curtido y elaboración de pieles”, en Manual del Ingeniero, tomo IV, capítulo VI, secciones I y II, p. 703-744. Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, trad. de la 26ª edición alemana. Barcelona: Gustavo Gili.

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 122-III Goiás /// Datum ETRS89: H 29 // X 570.857,62 m / Y 4.724.453,28 m

Centro Nacional de Información Geográfica (s.f.). Fotototeca Digital. Instituto Geográfico Nacional, Ministerio de Fomento del Gobierno de España. http://fototeca.cnig.es/ [28/02/2020].

Instituto de Estudos do Territorio (IET) da Xunta de Galicia (s.f.). Información Xeográfica de Galicia: visualizador de mapas. http://mapas.xunta.es/visualizador-de-mapas [04/04/2020].

Instituto Geográfico Nacional (s.f.). “Mapa Topográfico Nacional 1:25.000”, en Mapas de España. Instituto Geográfico Nacional, Gobierno de España. https://www.cnig.es/buscarArtsMenu?categoria=MTN25-Mapa-Topográfico-Nacional-1:25.000 [18/01/2021].

Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación del Gobierno de España (s.f.). Sistema de Información Geográfica de Parcelas Agrícolas (SIGPAC), Visor SigPac V 4.10 [en línea] https://sigpac.mapama.gob.es/fega/visor/ [20/11/2022].

Data de Actualización:

22 novembro 2022