725 Curtidoiro d’A Chaínza

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: A Coruña
  • Concello: Noia
  • Parroquia: Santa Mariña de O Obre
  • Lugar: A Chaínza
  • Paraxe: A Chaínza
  • Dirección: Non procede
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 42.779485636573376
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.894088374397272
  • Coordeadas UTM: Datum ETRS89: H 29 // X 508.660,02 m / Y 4.736.319,94 m
  • Clasificación: Fábrica de curtidos
  • CNAE: 15.11 Preparación, curtido e acabado do coiro; preparación e tinguido de peles.
  • Tipoloxía: Curtido tradicional en píos
  • Comarca: Noia
  • Marco Xeográfico: Suroeste da vila de Noia, na aba setentrional da Serra do Barbanza e na marxe esquerda do amplo esteiro formado na ría pola comú
  • Ámbito: Rural (hoxe periferia urbana)
  • Acceso: Sairemos de Noia pola estrada AC-550, cara a Porto do Son e Ribeira. Despois da ponte de Noia, a uns douscentos metros, apartamos pola dereita, enfiando a rúa Ferreiros. Após pouco máis dunha centena de metros, xa na Chaínza, na man dereita atopamos a que fora notabilísima fábrica de curtidos.

Tipo de propiedade:

Pública

Visitable:

Exteriormente

Xestión de visitas:

Non procede

Historia:

Non somos hoxe en día conscientes da gran importancia que tivo a industria do coiro, que elaboraba as pezas que despois empregaríanse sen curtir como soporte para a escritura (pergameo), e curtida no almacenamento de líquidos (pelellos) e no manexo do aire (foles, mesmo musicais), nos arreos de labranza (arneses, correas e atalaxes), para o traballo dos albardeiros (cinchas, selas, albardas e alforxas), talabarteiros e gornicioneiros (cartucheiras, cintos e talabartes), para pezas da vestimenta (chalecos, petos, luvas, chapeus, cintos), no calzado (zocos, botas, zapatos), no recubrimento de embarcacións, na elaboración de cordas e enxarcia, para xuntas de estanquidade ou aínda para as correas de transmisión da primeira maquinaria.

A actividade de curtume, como a téxtil, xorde e desenvólvese intimamente unida ao mundo rural, compartindo as actividades propias do campo para fornecer as súas necesidades específicas e servindo moitas veces aquelado cos traballos agrícolas para complemento dos minguados ingresos dos labregos.

Podemos distinguir entre curtidores independentes, que curtirían unha ou dúas peles ao ano para as súas propias necesidades, e curtidores rurais, que á vez que traballan os seus propios coiros, preparan a xornal outros cedidos por tratantes ou comerciantes urbanos. En ambos os casos, os campesiños son propietarios dos píos nos que traballan as peles. Finalmente, un terceiro grupo de campesiños traballarían en píos prestados ou en píos da comunidade.

Aínda que o curtido espallábase por toda Galicia, sendo habitual a existencia de curtidores en moitas parroquias, algunhas zonas concentraban un gran número destes curtidores “a tempo parcial”, como nas terras de Cea e Allariz, na antiga provincia de Ourense, Noia e Caldas, na de Santiago, Vilalba e Chantada, na de Lugo, e Soutomaior, na de Tui.

A evolución desta industria continúa, xa como unha actividade urbana ou peri-urbana nos séculos XVII e XVIII, coa construción de píos por e para o gremio de zapateiros, necesitados de abastecerse de materia prima para o seu traballo, como ocorría en Betanzos ou en Melide. Outras veces as instalación eran do propio concello, como no caso de Chantada, e outras, en fin, de particulares.

Pronto a industria do coiro dará un avance cualitativo e cuantitativo co nacemento, no tránsito do século XVIII ao XIX da fábrica de curtidos construída por un empresario como un asentamento especificamente dedicado á produción de coiros, cunha centralización nas súas instalacións de tódalas actividades do proceso, con traballadores asalariados que preparaban os pelicos ao mandado do dono, e cunha clara orientación a cubrir as necesidades e demandas do mercado.

Desta forma, os asentamentos dispersos e rudimentarios evolucionan dando paso aos centros especializados, nunha transición gradual que pasa polos asentamentos gremiais proto industriais, primeiro, e as fábricas populares, despois, para chegar finalmente aos modernos curtidoiros.

Consonte os datos do Catastro de Ensenada, contra 1752 o gremio de zapateiros de Betanzos contaba con cincuenta e catro inscritos, pero tan só seis desenvolvían moi rudimentarias tarefas de curtume. Vai ser contra os comezos da década de 1770 cando aparecen nas contornas de Ferrol os primeiros curtidoiros (vid. ficha 329) estabelecidos co novo modelo organizativo de factoría centralizada, coa introdución de capital privado e de emprego asalariado, liberados do control gremial.

Outros aires da revolución industrial chegarían tamén a industria do curtido, inda que tardarían en Galicia en facelo na cerna dos labores (a transformación da pel en coiro), introducíndose unicamente nas endeitas de preparación e remate, localizándose curtidoiros galegos que contra 1850 xa utilizaban máquinas para o descarnado, o pelado, o batido e a división da pel.

O curtido tradicional necesitaba entre dez e dezaoito meses dende a chegada da pel ata a saída do coiro e precisaba para o aporte do tanino como curtinte de grandes cantidades de casca (uns cinco quilogramos para cada quilogramo de pel), normalmente de carballo. Xa na década de 1850 empregaríanse extractos concentrados de quebracho ou castiñeiro para acelerar o curtido e finalmente taninos artificiais (ésteres dos ácidos fenol-carbónicos) para o curtido vexetal rápido, xeneralizado na década de 1870.

Cara a 1880 comezaría o curtido mediante sales de cromo e a finais da década de 1910 o curtido ao cromo suplantaría case que totalmente ao curtido vexetal. Mentres o curtido dunha peza de sola polo sistema tradicional precisaba duns catrocentos dez días, cos novos sistemas abondaba con cento oitenta. Coa excepción de Italia, que nos consorcios da Toscana promove a antiga tradición artesanal, o curtido vexetal de alta calidade practicamente desapareceu na Europa.

Malia que as fábricas de curtidos galegas chegaran a representar máis da cuarta da produción do sector en España, do decenio de 1880 en adiante foron incapaces de adaptarse aos cambios que estaban a xeneralizarse na tecnoloxía e nos mercados dos curtumes. Os curtidoiros galegos optarían pola especialización no curtido antigo, que chegaría a coñecerse como “curtido a la gallega”, orientado aos mercados tradicionais, xa en decadencia.

A crise da agricultura galega tradicional e a progresiva consolidación entre os usuarios dos novos tipos de calzado, suporían o imparable declive dos curtidoiros galegos, de tal maneira que das máis de cento setenta fábricas de curtidos que traballaban en Galicia a finais da década de 1950, trinta anos despois, finalizando a década de 1980, sobrevivían tan só once.

Hoxe en día, dous obradoiros artesanais na comarca de Bergantiños e un establecemento industrial en Padrón é todo o que queda da industria galega do coiro.

Descrición Xeral do Entorno:

A Chaínza, a chaira que fora arrabalde da entón vila murada, asentada entre o mar e as fecundas veigas das freguesías d’O Obre e de Argalo, rodeada dunha contorna podente en auga, en carballos e gando, afastada das áreas máis poboadas, desaugada por un bo rego e a carón da calzada medieval que chegara a camiño real, daría boa acollida ás construcións nas que desenvolveríanse as pouco gratas, pero necesarias, tarefas para a elaboración dos curtidos. O curtidoiro dos Agra Cadarso situarase neste barrio, ao suroeste da vila de Noia, no tramo final do curso baixo do rego de Vilaboa ou de Argalo, que n’A Chaínza toma o seu nome, compartindo as súas augas cos muíños fariñeiros outrora edificados e cos outros curtidoiros que viñeran asentarse no barrio.

Construcción:

1847.

Abandono:

1961.

Descrición:

Os Interrogatorios do Catastro de Ensenada recolle a existencia de vinte e seis curtidores repartidos entre as freguesías de Santa Mariña de Obre e San Martiño de Noia (García Vidal, 1991:83). Após, o termo municipal de Noia chegaría a acoller ata corenta e catro fábricas de curtumes, tres fábricas de cortes aparados para calzado, máis de sesenta talleres manufactureiros de calzado e cincuenta talleres de reparación de calzado (Ces, 1950).

A orixe do conxunto edificado que coñécese hoxe en día como Fábrica de Curtidos dos Cadarso son unhas casas do dominio do Marqués de Mos e Conde de Villanueva de San Bernardo, quen as aforou no 1712 (Filgueiras, 2018). A localización deste casarío, na beiramar do esteiro do río de Traba e na beira do Camiño Real de Noia a Obre, garantía o mellor acceso ao que daquela eran as principais vías, marítima e terrestre, de comunicación e tránsito de persoas e mercadorías.

Por outra banda, a proximidade do casal ao curso fluvial do río de Argalo –chamado neste o seu curso baixo río da Chaínza– fornecía aos veciños a posibilidade do aproveitamento dos recursos hidráulicos, quer como fonte de enerxía para accionar muíños e batáns, quer como fluído de traballo en salgadoiros e curtidoiros.

Referencias orais alí recollidas (Filgueiras, ibidem) mencionan a posibilidade da existencia primeira no lugar dun folón para abatanar os tecidos de liño que a veciñanza elaboraría coas liñaceiras alí cultivadas, feito do que hay pouca dúbida pois ainda no outono do ano 1939, unha solicitude de licenza de obras asinada por don Blas Agra Cadarso documenta a existencia de liñeiros no extenso xardín da súa vivenda (Filgueiras, 2022).

En calquera caso, xa en 1826, a documentación existente acredita a existencia dun muíño de parceiros, denominado Muíño da Chaínza, que desaparecería do lugar coa creación en 1847 dun curtidoiro, coñecido como Fábrica dos Malvarez, familia de mercaderes que acrecentarían as propiedades (Filgueiras, 2018).

Contra 1830, Luis Cadarso Ayarza, un médico natural de Viana (Navarra), que chegara a Noia tutelado polo seu tío e cura da veciña parroquia de Lousame, Alejandro Ayarza García, casaba coa noiesa Manuela Rey de Andrade San Martín, coa que tería seis fillos (o máis pequeno, Luis, chegaría a gobernas as Illas Carolinas e falecería na batalla de Cavite, na bahía de Manila, en 1898). Luisa Cadarso Rey de Andrade, filla de ambos, casaría ben nova cun mozo noiés, Blas Agra Martínez, médico; terían tres fillos: Luís, Carmen e Joaquín María.

Por razón de parentesco cos Malvarez, Joaquín María Agra Cadarso, licenciado en Dereito, chegaría a quedar ao fronte da fábrica de curtidos d’A Chaínza, adquirindo dereitos sobre o vello muíño e conseguindo a exclusividade nos dereitos do uso das augas no curtidoiro dos Malvarez (Filgueiras, 2018), curtidoiro que non tardaría en coñecerse como a fábrica de curtidos dos Cadarso.

En 1889, Joaquín María Agra Cadarso casaba coa sú prima, Luisa Cadarso Ronquete, coa que tería dous fillos: Blas Luis e Joaquín María. O pequeno licenciaríase en Dereito e Filosofía, exercendo en Madrid como catedrático e director da Escuela Central de Idiomas; tivo tres fillas e morreu en 1979. Blas Luis licenciaríase tamén en Dereito e quedaría ao fronte da fábrica de curtidos (Ferrández, 2019, p. 101 e segs.); casaría en 1915 cunha das súas primas, Gloria Cadarso Caamaño, coa que tería doce fillos. Blas Luis Agra Cadarso falecía en 1956; o seu fillo, Blas Agra Cadarso, quedaría ao fronte da fábrica de curtidos, que cesaría na súa actividade industrial e pecharía as correspondentes instalacións en 1961, pero a familia continuaría habitando todavía a casa vivenda por máis de trinta anos.

Após a morte do seu marido en 1956, dona María de la Gloria Cadarso Caamaño continuaría residindo na casa vivenda da Chaínza, onde faleceu o 31 de setembro de 1986 (Gil Agra, 2022). Os membros máis novos da familia irían trasladando os seus domicilios a diferentes lugares, quedando a vivenda vacía. Porén, a casa familiar –xa cun certo deterioro nas edificacións fabrís e na propia vivenda– aínda acollería durante algúns anos a don Blas, quen retornara a ela, nesta volta como único ocupante, unha vez alcanzada a xubilación no seu emprego de mariño. Despois duns anos, don Blas trasladaría o seu domicilio a Noia, e o complexo industrial iría caendo no abandono e quedando suxeito aos desmandos e ás falcatrúas que a situación propiciaba e a incultura favorece.

Inda que os anos de decadencia, incuria e vandalismo estragaron abondo edificacións e instalacións, a adquisición das propiedades polo concello no 2010, os posteriores labores de limpeza e os traballos de reintegración urbana do patrimonio cultural da Chaínza, reiteradamente interesados desde a Área de Arqueoloxía e Patrimonio Cultural da Oficina de Rehabilitación do Casco Histórico de Noia, permiten avanzar na integración da que fora a Fábrica de Curtidos dos Agra Cadarso na súa contorna.

A información histórica documentada evidencia a importancia secular do lugar de A Chaínza, amosando aínda hoxe as diversas pegadas dalgúns dos procesos históricos vitais, desde o artesanado medieval á industria contemporánea, pasando polos procesos manufactureiros de Idade Moderna. Salga, escabeche, tecidos, fariñas, curtidos, madeira, embarcacións, todo arredor da calzada medieval enmarcada nesta intensa redonda polos fitos senlleiros e sobranceiros do cruceiro, o carballo, a fonte e a ponte. Unha calzada medieval con poucas dúbidas superposta a unha vía romana, sobreposta á súa vez a unha senda prehistórica acomodada nunha das rutas naturais de comunicación en Galicia, nas que –de vez en cando– xurdían núcleos poboados orixinados como mercados comerciais nos puntos de ruptura de carga nos que confluían as vías marítimas, fluviais e terrestres (Nárdiz, 1992, p. 54).

Na particular e diversa concentración callada e artellada no lugar d’A Chaínza, destaca o conxunto de construcións e edificacións que formaron a fábrica de curtidos da familia Agra Cadarso, complexo industrial que figura localizado na marxe esquerda da pequena enseada que no fondal do sueste da ría de Muros e Noia foi configurada, polo levante, polo rego de Tállara e, polo poñente, polo rego de Argalo, aquí nomeado como río da Chaínza.

O circuito hidráulico que conduce parte das augas do río da Chaínza ao complexo fabril comeza co canal de derivación ou levada nomeado O Regueiriño, que após pasar baixo o Camiño Real accede ao predio por unha quenlla de cantearía duns trinta e cinco metros de lonxitude, que chega a esquinal de poñente da fachada da casa vivenda familiar. Uns cinco metros antes de dita esquina, unha canle que arranca case perpendicularmente cara ao leste, actúa como aliviadoiro de demasías e conduce a auga derivada aos estanques que deberon servir para empozar o liño e foron despois para ornato do xardín dos propietarios.

Na esquina mencionada, o canal principal torce uns vinte graos á dereita e continúa uns corenta e tres metros cara ao norte, arrimado pola esquerda ao edificio de labores, ao que se distribúe a auga por medio de varias canles practicadas no lousado do chan. Outra canle, que xorde pola dereita do canal principal, conduce as augas que reborden neste tramo cara ao desaugue. O canal principal, xa unha gabia aberta na terra, vira uns corenta e cinco graos á dereita e continúa outros dezasete metros, para de novo torcer á dereita, agora uns vinte graos, e avanzar uns trece metros, arrimado pola dereita á parede norte do edificio do secadoiro, para rematar desaugando cara á beiramar. Nas ilustracións identifícanse as instalacións hidráulicas e a distribución das diferentes zonas de traballo.

Claudio Otero, no “Anexo II: Contribucións industriais da industria do curtume na Galicia do século XX” da súa tese de doutoramento (2017, p. 545-897), coa información correspondente aos contribuíntes da familia Agra Cadarso entre os anos 1919 (Otero, 2017, p. 629) e 1961 (Otero, 2017, p. 881), permite coñecermos outros reveladores datos desta industria e da súa evolución, dalgúns dos que dáse conta a continuación.

En 1919, Joaquín María Agra Cadarso declara por unha capacidade de 63’13 metros cúbicos e un muíño (O volume habitual nos píos de curtir era dun metro e medio de lado, quer dicir 3’38 metros cúbicos de capacidade. Os píos de lavado e de remollo, os caleiros e os de canina eran adoito mais grandes que os de curtir). En 1924, a capacidade é de 105’00 metros cúbicos e, ademais do muíño, declara un bombo e unha cilindradora. En 1925, a capacidade redúcese a 55’00 metros cúbicos, manténdose os demais conceptos. En 1926, a capacidade auméntase a 86’00 metros cúbicos, manténdose os demais conceptos. En 1928 incorpórase na declaración un muíño de vapor. En 1929, a capacidade é de 40’50 metros cúbicos, declarando tres bombos e a cilindradora.

En 1933 es Blas Agra Cadarso quen declara por unha capacidade de 34’50 metros cúbicos, tres bombos e a cilindradora. En 1941 é a mesma capacidade, dous os bombos, cilindradora e un muíño de casca. En 1943, a capacidade redúcese a 47’00 metros cúbicos, os dous bombos figuran con 12’50 metros cúbicos e, ademais da cilindradora, declarase un muíño eléctrico. En 1952 declárase so un bombo, con 6’25 metros cúbicos, manténdose os demais conceptos. En 1959, a capacidade redúcese a 25’00 metros cúbicos, manténdose a mesma cifra ata a o ano 1961, o da derradeira declaración, coa que esta industria cesaría na súa actividade.

Consonte o que se puido observar na inspección visual que se realizou ao conxunto, a maquinaria era accionada grazas a un único eixe ou árbore de transmisión común instalado no alto dunha das paredes. Antes da chegada da electricidade á fábrica (de acordo coas anotacións da Contribución Industrial, en 1943 a fábrica declarou un muíño eléctrico), este eixe sería movido por unha máquina de vapor (en 1928 declarouse un muíño de vapor), non atopándose na devandita visita restos nin da máquina de vapor nin da caldeira que produciría o necesario vapor.

O eixe montaba unha serie de poleas de ferro -aínda que estragadas, algunhas inda visibles- que por medio de correas de coiro transmitían o movemento rotatorio ás correspondentes poleas que montaban as diferentes máquinas.

A subministración da electricidade permitiría substituír a amoladura da caldeira e a máquina de vapor pola comodidade dun motor eléctrico coa mesma finalidade. Polo de agora non se ten identificado se se trataría dun único motor que accionaría o eixe común, ou ben de varios pequenos motores eléctricos para as diferentes máquinas.

É mágoa a incomprensíbel e irremediábel derruba –nalgún momento entre os meses de abril e novembro do ano 2010– da edificación que tiña no andar o secadoiro e a zona de remata do proceso fabril, e que ademais acomodaba na súa planta baixa o que só podemos supor sería un sistema de calefacción para complementar as características naturais desexadas para o secado dos coiros en tempos pouco propicios para iso por seren fríos ou húmidos de máis. Desapareceron tamén algunhas outras pequenas edificacións das que non puidemos chegar a coñecer a súa función, tal vez sala de caldeiras e centro de transformación da electricidade.

Tempo de uso:

Todo o ano.

Sistema de produción:

Curtido é o proceso mediante o que unha pel, un material orgánico, transfórmase en coiro, un material imputrescible, flexible, resistente á humidade e con notables propiedades mecánicas. Tecnicamente, o curtido consiste en aumentar a resistencia á hidrólise das proteínas (coláxeno) que configuran a pel mediante a acción dun axente que orixina tal cambio químico, o curtinte.

O proceso iniciábase coa chegada da pel en bruto, con pelo e restos de carne cando viña dos matadoiros veciños, e ademais cunha abondosa dose de sal incorporada cando procedente do Río da Prata. Comezaban entón os labores de ribeira, limpeza e primeira preparación dos pelellos para hidratar e abrandala pel manténdoa mergullada en auga varios días, xa nunha corrente fluvial, xa en pozos construídos ao efecto. Os coiros lavábanse ben, deixábanse a mollo e deseguido mergullábanse nuns pozos cheos de auga con cal apagado, os caleiros ou pelamios, para que os poros abriran tanto para favorecer a retirada do pelo como para unha mellor penetración das sustancias curtintes coas que logo sería tratada a pel.

A pel permanecía nos caleiros entre quince e vinte días e, unha vez sacada do pelamio actuaban os “zurradores” para retirarlle a súa pelame e os anacos de carnaza que quedasen do desencoirado, uniformando á vez a superficie da pel e separando as partes inútiles para o curtido. Os oficiais completaban o depilado traballando a pel até retirarlle todo o pelo, rañando coas súas características coitelas romas pola flor da pel, a parte exterior, na que se atopa o pelo.

Rematadas as tarefas de ribeira, o caldeo ou corrida nos pozos chamados mudanzas ou alpages, enchidos con auga acidulada pola casca de carballo e con diferentes concentracións (a menor, no de primeira mudanza), limpaba os restos de cal e completaba o enchido da pel e a apertura dos seus poros que xa se encetara nos pelamios. As veces, cos coiros “brandos” ou de res menor, antes do caldeo adoitábase levar a pel aos pozos de desengraxado, nos que permanecía mergullada en excrementos animais (unha mestura de canina, gallinácea, palomina e outros) para facer máis doada a posterior retirada dos restos do cal.

Os coiros xa limpos e preparados trasladábanse entón aos pozos de curtir propiamente ditos, chamados noques, pilos ou asentos, nos que a pel conseguía as súas propiedades de resistencia á auga e á humidade, volvéndose elástica e resistente á vez. Alí os coiros colocábanse coa flor (a cara na que tivera o pelo) cara abaixo, alternados con casca de carballo moída previamente e ben cubertos de auga. Nesta situación permanecían entre tres e cinco meses, tralo que retirábanse dos noques, limpábanse e cepillábanse e tornaban a se mergullar noutros noques –“de segundo asiento”– mesturados con casca moída igual que na volta anterior agás o sentido da pel, agora coa flor cara arriba. A pel íase pasando duns pozos aos outros nun proceso lento e laborioso, sempre mergullada nunha solución rica en tanino obtida a partir da cortiza do carballo.

No procedemento tradicional de curtido o axente curtinte, o tanino, procedía da casca de certos árbores, como a aciñeira ou o sanguiño, sendo o carballo o máis adoito a empregar en Galicia. Para mellorar o proceso, a casca pulverizábase nos chamados muíños de casca, consistentes nun pequeno muro circular de trinta ou corenta centímetros de alto e de tres a catro metros de diámetro, arredor do que unha besta facía roular unha roda de cantería que ía esmagando a casca depositada no interior do beiril.

Unha vez o coiro curtido procedíase ao seu remate, no que o proceso finalizaba coa preparación e secado da pel curtida, o pelico. Levantada a pel dos noques procedíase o seu enxugado e aireado, tralo que viña o batido ou mazado cun martelo de madeira, para deixar a peza compactada nun espesor uniforme e cunha aparencia máis homoxénea, finalizando aquí o proceso para os coiros duros (de vacún adulto) destinados á fabricación de sola.

No caso dos coiros brandos (de animais menores como xatos, ovellas ou rebezos), que destinábanse fundamentalmente á elaboración do “becerro”, o rematado era máis complexo, incluíndo o engraxado a base de saín (graxa de sardiña), o estirado e o luneteado, entre outras operacións menores.

As fábricas de coiros aproveitaban tódolos refugallos do proceso e os vendían: a casca xa usada e enxoita para as lareiras; os restos da carnaza para facer a cola que demandaban os carpinteiros e as fábricas de papel; o pelo desprendido da pel e enxoito para a fabricación de cepillos e brochas.

O proceso de curtido tradicional, co tanino de árbores e arbustos como curtinte, necesitaba entre dez e dezaoito meses dende a chegada da pel ata a saída do coiro e precisaba grandes cantidades de casca (uns cinco quilogramos de casca para cada quilogramo de pel).

Empregáranse despois, xa na década de 1850, extractos concentrados de quebracho ou castiñeiro para acelerar o curtido e finalmente taninos artificiais para o curtido vexetal rápido, xeneralizado na década de 1870. Cara a 1880 comezaría o curtido mediante sales de cromo e a finais da década de 1910 o curtido ao cromo suplantaría totalmente ao curtido vexetal. Mentres o curtido dunha peza de sola polo sistema tradicional precisaba duns catrocentos dez días, cos novos sistemas abondaba con cento oitenta.

O curtido ao alume ou curtido en branco (utilizado principalmente para curtir peles que conserven o pelo) segue a empregarse na preparación de peles finas moi flexibles e suaves, xeralmente empregadas nas luvas. Utiliza como solución curtinte o preparado constituído por cen gramos de alume (sal dupla de aluminio e potasio hidratado) e cincuenta gramos de sal (cloruro de sodio) por cada litro de auga, mestura que ten que ter unha densidade de once graos Baumé.

Aínda que os aires da revolución industrial chegaran tamén a industria do curtido, non o fixera na cerna dos labores (a transformación da pel), senón unicamente nas endeitas de preparación e remate, e algunhas curtidorías empregaban contra 1850 máquinas para o descarnado, o pelado, o batido e a división da pel.

O conxunto das edificacións para o traballo dos coiros normalmente distribuiase en cinco compoñentes: o almacén das materias primas e local da moenda da casca configuraban a entrada do establecemento; viña despois o departamento dos labores de ribeira, cos seus lavadoiros e caleiros; o terceiro espazo contaba cos píos de mudanza e asento; o espazo para o enxugado e aireado estaban as veces nun primeiro andar, para mellorar a ventilación; o derradeiro, a zona de remate, xuntábase as veces co anterior.

A ocupación nas fábricas de curtidos era de cinco a sete persoas nas pequenas, e de dez a quince nas grandes.

Os produtos que se elaboraban recibían distintos nomes: solas (vacún), becerros (tenreiro), badanas (carneiro ou ovella), cordobáns (cabra), baldeses (adelgazadas para luvas), baquetas (vaquetas, coiro de vitela, tenreira para albardeiros) e corregeles (tamén chamado crupón, folla enteira de coiro flexible e groso de boi ou vaca, para solas e correas).

Actividades laborais:

Man de obra masculina en todo o proceso.

Emprego:

Sen datos. Posibelmente, entre tres e cinco homes.

Materias Primas:

Peles de animais, principalmente vacún.

Produtos Elaborados:

Peles curtidas, coiros, correas, solas, etc.

Distribución e comercialización:

Rexional.

Referencias Bibliográficas:

Agrafoxo Pérez, Xerardo (1991). 400 anos na historia da vila de Noia: dende a Idade Moderna ata a Segunda República. Noia: Concello de Noia. DL C-101-1991. ISBN 84-505-9911-3.

Carmona Badía, Xoán; Fernández Vázquez, María Teresa (1997). “Historia e actualidade do patrimonio industrial de Galicia: as fábricas de curtidos de Allariz”, en Fidalgo Santamariña, Xosé Antón, e Simal Gándara, Xesús (eds.) Patrimonio cultural de Galicia e norte de Portugal, p.63-79. Ourense: Diputación Provincial.

Carmona Badía, Xoán; Fernández Vázquez, María Teresa (2003). A Compostela industrial: historia e pegada das fábricas de coiros no concello de Santiago. Santiago de Compostela: Consorcio de Santiago. DL C-269-2003. ISBN 84-930667-2-9.

Carmona Badía, Xoán; Nadal Oller, Jordi (2005). El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Ces Iglesias, Eduardo (1950). “Potencial económico noyense”, en Tapal, año 1, núm 1, Noviembre 1950, p. 13-15. Noia: Imprenta Severiano Loroño Laciana.

Córdoba de la Llave, Ricardo (2002). “Cuatro textos de literatura técnica medieval sobre el trabajo del cuero”, en Meridies: Estudios de historia y patrimonio de la Edad Media, Nº 5-6, 2002, p. 171-204. ISSN 1137-6015.

Córdoba de la Llave, Ricardo (2008). “Industrias del tejido y del cuero”, en Navascués Palacio, Pedro (coord.) Ars Mechanicae: ingeniería medieval en España, p. 225-233. Fundación Juanelo Turriano. Madrid: Ministerio de Fomento (CEDEX-CEHOPU). DL M-46232-2008. ISBN 978-84-7790-470-0.

Deus Losada, José (2020). Recuperación costeira e do litoral. Obras de conservación da antiga curtidoría da Chaínza. Concello de Noia.

Fernández Negral, Justino (2002). Las fábricas de curtidos en la ría de Ferrol, 1783-1956. Cadernos do seminario de Sargadelos. Sada: Ediciós do Castro.

Fernández Vázquez, María Teresa (2002). La industria del curtido en la Galicia contemporánea. Tesis doctoral (inédita). Departamento de Economía Aplicada, Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago de Compostela.

Ferrández Pérez, Daniela (2019). Nuevos y viejos actores: clientelismo político y poder local en perspectiva comparada (1905-1936). Tesis doctoral (inédita). Universidad de Santiago de Compostela.

Ferreira Priegue, Elisa María (1988). Galicia en el comercio marítimo medieval. Colección de Documentos Históricos. La Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza.

Filgueiras Rei, Ana (2009a). Informe sobre o predio e edifício situado no número 6 do lugar da Chaínza, parroquia de Santa Mariña de Obre, Noia (A Coruña). Oficina de Rehabilitación do casco histórico de Noia, 17 de decembro do 2009.

Filgueiras Rei, Ana (2009b). Estudo histórico-antropolóxico para intervención arquitectónica na fábrica de curtidos dos Cadarso e reintegración urbana do patrimonio cultural da Chaínza. Complexo Museístico e Cultural da Chaínza, Santa Mariña de Obre. Noia (A Coruña). 21 de decembro do 2009.

Filgueiras Rei, Ana (2010). Fábrica de curtidos dos Cadarso. Aproximación histórico-antropolóxica. Complexo Museístico e Cultural da Chaínza, Santa Mariña de Obre. Noia (A Coruña). Novembro do 2010.

Filgueiras Rei, Ana (2011a). Informe sobre os traballos de acondicionamento no lugar da Chaínça, parroquia de Santa Mariña de Obre, no ámbito do proxecto denominado “Complexo Museístico e Cultural da Chaínça". Oficina de Rehabilitación do casco histórico de Noia, 6 de setembro do 2011.

Filgueiras Rei, Ana (2011b). Informe histórico-entnográfico. Intervención urbana na Ponte Chaínça. Reintegración urbana do patrimonio cultural da Chaínça. Complexo Museístico e Cultural da Chaínça. Santa Mariña do Obre. Noia (A Coruña). Novembro do 2011.

Filgueiras Rei, Ana (2018). Informe en resposta á petición de colaboración para a preparación de materiais sobre a coñecida como fábrica de curtidos Agra Cadarso, na Chaínza. Oficina de Rehabilitación do casco histórico de Noia, 19 de decembro do 2018.

Filgueiras Rei, Ana (2 e 9 de xuño do 2022). Datos sobre o barrio da Chaínça e o curtidoiro dos Cadarso. Comunicación persoal a Manuel Lara Coira; entrevistas en Noia.

García Vidal, Pedro (1991). A Noia da Memoria. Pasado e presente dun casco histórico: evolución urbana. Noia: Concello de Noia. DL VG-357-1991. ISBN 84-87879-01-2.

García Vidal, Pedro (9 de setembro do 2016). Fábricas de curtidos e de conservas en Noia. Comunicación persoal a Manuel Lara Coira; entrevista en Noia.

Gil Agra, Dolores (10 de xuño do 2022). Precisións sobre as familias Agra y Cadarso e a súa casa-vivenda na Chaínza. Comunicación persoal a Manuel Lara Coira; conversacións telefónicas.

Gómez Regenjo, Marta (2022). “De curtiduría a albergue: así será dormir en la antigua fábrica de A Chaínza”, en La Voz de Galicia, 09/01/2022.

Gual Camarena, Miguel (s.f.). “Cadarço, cadarzo, cadarz , v. cadarço”, en Vocabulario del comercio medieval, https://www.um.es/lexico-comercio-medieval [Consulta: 17/05/2022].

Hermida Iglesias, Manuel; Agrelo Hermo, Xosé (1971). Efemérides noiesas. Segunda edición en galego no ano 2008. Noia: Toxosoutos. DL C-1968-2008.

Lagares Doural, Vanessa (2009). “Una antigua fábrica de curtidos noiesa está a un paso de convertirse en centro cultural”, en La Voz de Galicia (ed. Barbanza), 09/08/2009.

Lara Coira, Manuel (2022). Fábrica de curtidos d’A Chaínza. Recuperación do patrimonio histórico-cultural. Informe realizado para o Concello de Noia (A Coruña). Eirapedriña: Buxa, Asociación Galega do Patrimonio Industrial.

Leiro Lois, Adela; Daporta Padín, Mon; Correa Piñeiro, Duarte (2006). Galiza. Poboación e Industria. Vigo: A Nosa Terra. ISBN 84-96403-34-3.

Lorenzo Fernández, Xaquín (1962). “Etnografía: cultura material. Os oficios: curtidores ou coireiros”, en Otero Pedrayo, Ramón (dir.) Historia de Galiza, vol. II, O home-II, p. 550-558. Buenos Aires: Editorial Nós.

Lorenzo Fernández, Xaquín (1983). “Curtidores ou coireiros”, en Os oficios, Biblioteca Básica da Cultura Galega, p. 123-133. Vigo: Editorial Galaxia. DL VG-18-1983. ISBN 84-7154-425-3.

Meijide Pardo, Antonio (1986). “Las primeras industrias del curtido en Betanzos”, en Untia. Boletín do Seminario de Estudios Mariñáns, núm. 2, p. 27-43, Betanzos.

Meijide Pardo, Antonio (1998). “Entre 1770 y 1814 se establecen 14 fábricas de curtidos en la comarca ferrolana”, en Anuario Brigantino, nº 21, p. 167-182, Betanzos.

Montero Barreiro, Tamara (2011). “El puente medieval y el Camiño Real de A Chaínza serán de nuevo transitables”, en La Voz de Galicia (ed. Barbanza), 23/10/2011.

Nadal Oller, Jordi (1994). “La transición del zapato manual al zapato mecánico en España”, en Nadal, Jordi, e Catalán, Jordi (eds.), La cara oculta de la industrialización española: la modernización de sectores no líderes (siglos XIX y XX). Madrid: Alianza Editorial, p. 330-334.

Nárdiz Ortiz, Carlos (1992). El territorio y los caminos en Galicia. Planos históricos de la red viaria. Prólogo de José Antonio Fernández Ordóñez. Coordinación y diseño de Juan Lara Coira. Colección de Ciencias, Humanidades e Ingeniería, núm. 46. Madrid: Colegio de Ingenieros de Caminos, Canales y Puertos.

Nolano, Roberto Mario (2015). Curtido artesanal de cueros. Agencias de Extensión Rural de los Llanos de La Rioja, Argentina.

Otero Eiriz, Claudio (2017). “Curtidoiro dos Cadarso”, en A industria do coiro en Galicia: historia e patrimonio, p. 309. Tese doctoral, inédita. Departamento de Economía Aplicada, Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago de Compostela.

Otero Eiriz, Claudio (2018). “La industria de los curtidos en Galicia: una visión sistemática sobre su implantación en el territorio en el siglo XX”, en Madrygal. Revista de Estudios Gallegos, 21, 157-172.

Palazzolo, Luis (1948). Aplicación de los taninos sintéticos. Tesis doctoral. Facultad de Ciencias Exactas y Naturales de la Universidad de Buenos Aires.

Respuestas Generales del Catastro del Marqués de la Ensenada, (1750-1754): 13.000 localidades en 545 vols. conservados en el Archivo General de Simancas, microfilmados en la década de 1980 y digitalizados en 2004 y 2005 con un total de 350.000 imágenes. Ministerio de Cultura del Gobierno de España [en línea] http://pares.mcu.es/Catastro [21/12/2021].

Romero Doniz, Javier (2010). “La Chaínza olía a cuero y Coca-Cola”, en La Voz de Galicia, 29/10/2010.

Taboada Arceo, Antonio (1971). Galicia, estructura y ritmo socio-económicos. La Coruña: Servicio de Estudios y Publicaciones de las Cámaras Oficiales de Comercio, Industria y Navegación de Galicia. DL C-145-1971.

Vázquez Lijó, José Manuel (2019). As industrias de coiro en Noia, séculos XVIII a XX. Informe documental. Concello de Noia.

Vieites Castro, Elixio (2011). “Fábrica de Curtidos J.A. Cadarso”, en Patrimonio Galego. http://patrimoniogalego.net/index.php/5627/2011/09/fabrica-de-curtidos-j-a-cadarso/

Vieites Castro, Elixio (2011). “Ponte baixomedieval da Chaínza”, en Patrimonio Galego. http://patrimoniogalego.net/index.php/5638/2011/09/ponte-medieval-da-chainza/

Wagner, Augustus (1942). “Curtido y elaboración de pieles”, en Manual del Ingeniero, tomo IV, capítulo VI, secciones I y II, p. 703-744. Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, trad. de la 26ª edición alemana. Barcelona: Gustavo Gili.

Xunta de Galicia (Consellería de Cultura e Turismo) (2019). Resolución da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural sobre intervención que afecta a un ben do Patrimonio Cultural de Galicia. Servizo de Xestión Cultural da Xefatura Territorial da Coruña.

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 119-II Noia /// Datum ETRS89: H 29 // X 508.660,02 m / Y 4.736.319,94 m

Centro Nacional de Información Geográfica (s.f.). Fotototeca Digital. Instituto Geográfico Nacional, Ministerio de Fomento del Gobierno de España. http://fototeca.cnig.es/ [28/02/2020].

Instituto de Estudos do Territorio (IET) da Xunta de Galicia (s.f.). Información Xeográfica de Galicia: visor de mapas. http://mapas.xunta.es/visualizador-de-mapas [04/04/2020].

Instituto Geográfico Nacional (s.f.). “Mapa Topográfico Nacional 1:25.000”, en Mapas de España. Instituto Geográfico Nacional, Gobierno de España. https://www.cnig.es/buscarArtsMenu?categoria=MTN25-Mapa-Topográfico-Nacional-1:25.000 [18/01/2021].

Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación del Gobierno de España (s.f.). Sistema de Información Geográfica de Parcelas Agrícolas (SIGPAC), Visor SigPac V 4.8 [en línea] https://sigpac.mapama.gob.es/fega/visor/ [04/04/2022].

Xunta de Galicia (Consellería do Medio Rural) (s/d). Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícola (SixPac): visor de mapas [en liña] Dispoñible na Internet: http://sixpac.xunta.es/visorsixpac/ [Acceso 18 agosto 2018].

Data de Actualización:

6 xaneiro 2023