728 Fábricas de roupa de augas

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: A Coruña
  • Concello: Porto do Son
  • Parroquia: San Vicente de Noal
  • Lugar: Porto do Son
  • Paraxe: O porto
  • Dirección: Non procede
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 42.72562306450197
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -9.003425942680353
  • Coordeadas UTM: Datum ETRS89: H 29 // X 499.720,07 m / Y 4.730.344,69 m
  • Clasificación: Industria téxtil
  • CNAE: 13.10 Preparación e fiado de fibras téxtiles. 13.20 Fabricación de tecidos téxtiles.
  • Tipoloxía: Fabricación de roupa impermeable
  • Comarca: Barbanza
  • Marco Xeográfico: Marxe esquerda da ría de Muros e Noia, nas abas occidentais da Serra do Barbanza.
  • Ámbito: Urbano e mariñeiro
  • Acceso: Na vila de Porto do Son, pódense percorrer as rúas e identificar as diferentes casas nas que se desenvolveron as actividades fabrís. Aquí tómase como exemplo o obradoiro que ocupou o baixo no que hoxe en día desenvolve a súa actividade o Bar Moreira del Río, na avenida de Galicia, ao lado da praza de abastos.

Tipo de propiedade:

Privada

Visitable:

Hoxe é un local hostaleiro, no que non quedan pegadas da pasada actividade

Xestión de visitas:

Non procede

Historia:

Aínda que no centro e o norte da Europa non fallan achados que proban a existencia no neolítico de tecidos de liño e de la (o tecido europeo de lá máis antigo que se coñece descubriuse nun lamazal danés e datárase contra o 1500 a.C.), e mesmo o emprego de certos aparellos para elaboralos, en Galicia temos que esperar até a cultura castrexa para contar con testemuñas directas da primitiva industria do tecido.

Antes da invención das cizallas –probabelmente na Idade de Ferro– a lá arrincábase a man ou con peites de cobre. No tempo dos romanos, a lá, o liño, e o coiro vestían á poboación europea; o algodón da India era unha curiosidade da que só os naturalistas oíran falar; e a seda, importada dende China pola Ruta da Seda, era un luxo extravagante.

Despois da romanización, son case que inexistentes as referencias aos tecidos en Galicia, aínda que cabe supor que continuarían coa técnica romana. Xa na Idade Media galega, atópanse referencias documentais (vendas, testamentos) aos tecidos, nomeadamente de liño, deixando mesmo pegadas nalgunhas tampas sepulcrais de Noia e Compostela (Santa Susana).

Malia que a elaboración de tecidos de lá tivera algunha importancia en todo o nordés da provincia de Pontevedra (nomeadamente, Cotobade, Tabeirós e Montes), e que en Monforte se traballara a seda, dun xeito que arrela foi o liño a principal fibra obxecto de transformación téxtil. Porén, e a maiores das actividades do rural que servían para completar a subsistencia das familias campesiñas, sábese de algunha experiencia coa lá propiamente industrial, como fora a fábrica de panas dos irmáns Lees en Pontevedra (vid. ficha 232).

Pódese dicir que dende principios do século XVIII o liño é o motor económico principal na vida rural dunha Galicia súper poboada, cunha difusa e parcelada poboación campesiña que atopa nas feiras locais a consolidación da transacción polo miúdo de fibras, fíos e tecidos.

Xa no tránsito do século XVIII ó XIX son famosos os lenzos de Viveiro e de Mondoñedo, de Padrón e de Caldas, e os centros de recolleita e comercialización de liño de Verín, A Fonsagrada e Ordes, mais as liñeiras de Galicia non son bastantes para o abastecemento dos seus teares, e vai medrando a entrada de expedicións das veigas leonesas e zamoranas, e mesmo de Rusia, os países do Báltico e Holanda, chegando a supor o oitenta por cento dos lotes manexados nos teares galegos.

A comezos do século XIX, a perda dos mercados coloniais, a competencia do contrabando británico de tecidos de la e de algodón, a importación de fiados de liño e a consolidación do téxtil catalán coa competencia crecente do algodón, vai acelerar a decadencia de todo o téxtil galego, xa fose de liño, de lá ou mesmo de algodón.

Por outra banda, a repatriación de capitais americanos e os fortes ingresos xerados pola exportación de gran favorecería en Galicia algúns investimentos produtivos que buscaban aproveitarse do devandito arancel para implantar modernas industrias de tecidos de liño.

Tres foran os estabelecementos que se puxeran daquela en marcha en Galicia para a fabricación de tecidos de liño: en 1845 a fábrica do Seixo (vid. ficha 154); en 1847 a fábrica do Roxal (que comezara en 1843 co algodón, vid. ficha 098); e en 1850 a fábrica de Chavín (vid. ficha 376).

Desestimados os intentos de mecanización do traballo do liño, as novas iniciativas téxtiles que xorden en Galicia a comezos da década de 1870 van quedar restrinxidas o ramo do algodón, favorecidas pola avanzada liquidación das industrias rurais, o que lles supón unha menor competencia na conquista dunha pequena parcela do mercado rexional. Foron estas industrias “La Primera Coruñesa” (1873, vid. ficha 492), “Barcón y Cía.” (1873, vid. ficha 452), e “La Arzuana” (1890, vid. ficha 201), pero esta é xa outra historia…

A protección do corpo fronte as inclemencias meteorolóxicas encarou o seu particular desafío coa necesidade de defender a propia vestimenta da humidade, da chuvia e da neve. Máis alá das nosas corozas para protexerse das choivas, as roupas, xa fosen de coiro ou de tecido, acababan inevitablemente empapadas baixo as néboas, a chuvia ou a neve, aumentando a incomodidade do portador e reducindo a duración das prendas.

Xurdirían entón os intentos de impermeabilización de coiros e lenzos, de crear neles unha barreira que evitase, ou cando menos dificultase, a penetración da humidade, que diminuíra a permeabilidade das roupas e do calzado. Da observación e as probas con diversos materiais, resultaría a aplicación sobre as superficies das prendas de ceras e graxas.

A graxa dos animais, a cera das abellas, e as mesturas de ceras e aceites, serían os produtos que aportarían aos coiros e aos tecidos unha capa protectora resistente a auga, o que faría ás prendas impermeabilizadas de agradecida utilización como roupa de traballo, singularmente no mundo mariñeiro. A vila de Porto do Son sería recoñecida pola calidade da confección e impermeabilización das roupas de augas que nela preparaban.

Descrición Xeral do Entorno:

O primeiro taller da vila do Porto do Son estivera, como após o estarían os demais, no baixo dunha vivenda familiar, neste caso a do armador Gaspar Ben, na rúa da Roda, a unhas decenas de metros do porto. Os demais talleres posteriores, a xeito de pequenos obradoiros, acomodaríanse tamén nos baixos de diferentes vivendas da vila.

Construcción:

O primeiro taller, contra 1896.

Abandono:

Os derradeiros obradoiros, no decenio de 1950.

Descrición:

As pequenas agrupacións familiares dispersas polo territorio, foron unha característica de moitas das manufacturas que satisfacían á modesta demanda comarcal e mesmo rexional. Nalgúns casos, a especialización produtiva ou vantaxosos factores de localización callarían nunha certa concentración das actividades, como no caso dos tecidos, os curtidos ou a salga, entre outras.

Algún tipo de protección fronte as humidades e mesmo as frecuentes molladuras, eran unha continuada arela de quen sufría adoito tales incomodidades que mesmo minaban a saúde. Colectivos particularmente afectados eran os dos mineiros e os dos mariñeiros.

Conforme a documentación consultada, sería no Porto do Son, contra o ano 1896, onde comezaría en Galicia a confección de vestiario impermeabilizado. E sería Ana María Castro García a pioneira que prepararía roupas impermeabilizadas (pantalóns, chaquetóns e sombreiros, os nosos suestes) para as tripulacións dos barcos do seu esposo, o armador Gaspar Ben Alvite (Soutelo e Vázquez, 2018: 391).

O anuario Bailly-Baillière recollía en 1925 outros tres obradoiros: o de Carlos Chouza Abad, na mariña da vila; o de José Pillado Casais, na rúa Contiña; e o de Francisco Moreira Queiruga, tamén na mariña vilega. En 1928, a alcaldía de Porto do Son informaba que da vila saían anualmente e por vía marítima unhas quince toneladas de roupa de augas (Soutelo e Vázquez, 2018: 393).

No Anuario Rexional de 1932, baixo o epígrafe “Xastrarías” figuran José Ben Castro, Carlos Chouza Abad, Antonia Millán Ben, Francisco Moreira Queiruga, José Picallo Casais, José Queiruga Santiago e Rogelio Roig Mariño. Aínda se sumaría o pequeno local de Benita Mariño Lojo, “Benita da Toxa”, na rúa da Atalaia.

Regina Mariño Sieira, viúva con catro fillos, marcharía de Porto do Son para estabelecerse na Coruña, no número dezaoito da rúa da Falperra, onde confeccionarían a man roupas de auga ata a irrupción nos mercados das prendas de plástico, xa na década de 1960. Outra sonense que abriría negocio, esta vez en Cádiz, sería Josefa Santos Melón, “Pepa la gallega”, quen dende o decenio de 1930 e ata a súa xubilación contra 1965, tiña na gaditana rúa Sopranis un obradoiro con sete ou oito mulleres a xornal.

De todos estes obradoiros, o de meirande significación sería o que abrira e xestionara Joaquina García García, “A Gaxola”, dende finais da década de 1910. Como era lei naqueles anos, nos que as mulleres apenas tiñan dereitos, e menos o de propiedade –de non seren viúvas ou herdeiras–, o negocio figuraría ao nome do seu home, Francisco Moreira Queiruga, e á morte deste (Joaquina morrera en 1939), en 1948, do seu fillo, Luís Moreira García, quen mantería o taller ata finais do decenio de 1950.

Outros obradoiros abrirían após a Guerra Civil Española (1936-1939), como o da viúva Josefa Alonso García, “Josefa da Pancha”, que traballara e aprendera no de A Gaxola, o de Rodrigo Romaní Riva, o de Antonio Lorenzo Núñez ou o de razón social «Maneiro, Davila y Patiño».

O prestixio das roupas de augas feitas no Porto do Son propiciaría o estabelecemento de postos de venda ou comisionistas nos principais portos e, de maneira destacada, na vila de Trintxerpe, na badía de Pasaia (Guipúscoa), base da flota bacallaeira da PYSBE e dunha numerosa flota pesqueira.

Máis detalles da pequena gran historia da confección impermeable sonense e da súa proxección alén do Porto do Son, son de consulta obrigada na xa citada obra de Raúl Soutelo e José Manuel Vázquez (2018, páxinas 391 a 409).

Tempo de uso:

Todo o ano.

Sistema de produción:

O proceso artesanal de fabricación de roupa de augas era sinxelo, mais laborioso. Comezaba coa recepción do lenzo xa elaborado e o lavado para eliminarlle o apresto. Seco o lenzo, procedíase ao corte das pezas conforme ao deseño ou feitura das prendas a confeccionar: pantalóns, chaquetóns e sombreiros (os nosos suestes).

Cortadas as pezas, cosíanse, facíanse os ollais, cosíanse os botóns e quedaban as prendas preparadas para a impermeabilización. Normalmente, todas as etapas da confección facíana no mesmo obradoiro un grupo de mulleres, malia que o lavado e secado do lenzo puidera terse feito noutro lugar, ás veces por algunha das mesmas persoas que despois cosían coas demais no taller.

Por contra, o remate do proceso, o aceitado, a aplicación ás prendas confeccionadas de varias capas de aceite de liñaza para conseguir a impermeabilización, facíase noutro local, amplo e ben ventilado, no que tamén aplicábaselles disolventes (augarrás), secantes (litarxirio) e cor en po, negro ou marelo, e deixábanse despois a secar. Nesta etapa final, algúns homes traballaban xunto ás mulleres.

As roupas de auga vendíanse no propio local ou embarcábanse para a súa comercialización noutros portos, sendo o de Vilagarcía o destino máis habitual, aínda que despacháranse tamén a Vigo e a outros portos galegos e do resto da península ibérica.

Os lenzos para a confección das prendas mercábanse polo común en Barcelona, e tamén nas fábricas de Xubia (vid. ficha 452 Galicia Industrial), A Coruña (vid. ficha 492 La Primera Coruñesa), ou Vilasantar (vid. ficha 201 La Arzuana). O aceite de liñaza procedía mormente dos muíños que beneficiaban os liñeiros leoneses.

No que atinxe a elaboración das fibras téxtiles para a elaboración de tecidos, véxase, por exemplo, a ficha 624 JEALFER (Jesús Alonso Fernández). E para o curtido e preparación de curtumes, pódese consultar, por exemplo, a ficha 725 Curtidoiro d’A Chaínza.

Actividades laborais:

O proceso comezaba coa recepción dos tecidos para as prendas. Os traballos de lavado, secado, feitura, corte e confección era realizado por mulleres. Na impermeabilización e acabado das prendas, algúns homes colaboraban no traballo das mulleres.

Emprego:

Os obradoiros ocupaban da orde dunha ducia de persoas, coa excepción dun ou dous homes, todas mulleres.

Materias Primas:

Lenzo de algodón, aceite de liñaza cru, disolventes (trementina, augarrás), aceite de liñaza cocido, secantes de litarxirio (óxido de chumbo), pigmento negro e pigmento marelo.

Produtos Elaborados:

Roupas de auga, en varias talles e cores negro ou marelo.

Distribución e comercialización:

Nacional.

Referencias Bibliográficas:

Alonso Álvarez, Luis; Lindoso Tato, Elvira; Vilar Rodríguez, Margarita (2008). Construyendo empresas: la trayectoria de los emprendedores coruñeses en perspectiva histórica, 1717-2006. 2 vol., vol. 2, p.11-27. Grupo de Estudios de Historia de la Empresa de la Universidad de A Coruña. A Coruña: Confederación de Empresarios de La Coruña (CEC). DL VG-1476-2008.

Anuario general de España (Anuarios Bailly-Baillière y Riera Reunidos) (1912-1978). Biblioteca Nacional de España [en línea] https://hemerotecadigital.bne.es/hd/card?oid=0005264263 [26/01/2023].

Anuario Regional Descriptivo-Informativo y Seleccionado de la Industria-Comercio-Agricultura-Profesiones-Arte y Turismo del Norte de España. Comprende las provincias de Galicia, Asturias, Santander y Vascongadas (1932). Primera edición. Madrid: Anuarios Regionales de España. Biblioteca Nacional de España [en línea] https://hemerotecadigital.bne.es/hd/card?oid=0005264263 [26/01/2023].

Brüggemann, H. (1942). “Tecnología textil y fabricación del papel. Industrias textiles”, en Manual del Ingeniero, Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, 2ª ed. trad. de la 26ª edición alemana, Tomo IV, Capítulo VII, p. 777-857. Barcelona: Gustavo Gili.

Calo Lourido, Francisco (1978). La cultura de un pueblo marinero, Porto do Son. Monografías de la Universidad de Santiago de Compostela, vol. 41. Santiago de Compostela: Secretariado de Publicaciones de la Universidad. ISBN 84-7191-025-X.

Carmona Badía, Joam (1990). El atraso industrial de Galicia. Auge y liquidación de las manufacturas textiles (1750-1900). Barcelona: Ariel. DL B-35453-1990. ISBN 84-344-6566-3.

Carmona Badía, Xoán (1990). “Crisis y transformación de la base industrial gallega, 1850-1936”, en Jordi Nadal Oller y Albert Carreras Odriozola (dirección y coordinación) Pautas regionales de la industrialización española (siglos XIX y XX), p. 23-48. Barcelona: Ariel. DL B-218-1990. ISBN 84-344-6563-9.

Carmona Badía, Xoán; Nadal Oller, Jordi (2005). El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Córdoba de la Llave, Ricardo (2008). “Industrias del tejido y del cuero”, en Navascués Palacio, Pedro (coord.), Ars Mechanicae: ingeniería medieval en España, p. 225-233. Fundación Juanelo Turriano. Madrid: Ministerio de Fomento (CEDEX-CEHOPU). DL M-46232-2008. ISBN 978-84-7790-470-0.

Hermida Iglesias, Manuel; Agrelo Hermo, Xosé (1971). Efemérides noiesas. Segunda edición en galego no ano 2008. Noia: Toxosoutos. DL C-1968-2008.

Lindoso Tato, Elvira (2006). Los pioneros gallegos. Bases del desarrollo empresarial (1820-1913). Madrid: LID Editorial Empresarial. DL SE-4354-2005. ISBN 84-88717-94-6.

Llovo Taboada, Santiago (2020). A salga no Son. Santiago de Compostela: Andavira Editora. DL C-965-2020. ISBN 978-84-122480-0-5.

Lorenzo Fernández, Xaquín (1962). “Etnografía: cultura material. Os tecidos”, en Otero Pedrayo, Ramón (dir.), Historia de Galiza, vol. II, O home-II, p. 623-658. Buenos Aires: Editorial Nós.

Lorenzo Fernández, Xaquín (1983). “Os tecidos”, en Os oficios, p. 223-273. Biblioteca Básica da Cultura Galega. Vigo: Editorial Galaxia. DL VG-18-1983. ISBN 84-7154-425-3.

Taboada Arceo, Antonio (1971). Galicia, estructura y ritmo socio-económicos. La Coruña: Servicio de Estudios y Publicaciones de las Cámaras Oficiales de Comercio, Industria y Navegación de Galicia. DL C-145-1971.

Soutelo Vázquez, Raúl; Vázquez Lijó, José Manuel (2018). O Son que coñeceu Ramón Caamaño: xentes e espazos dentro e fóra do marco fotográfico. Prólogo de Ofelia Rey Castelao. Concello de Porto do Son. A Coruña: Deputación da Coruña. DL C-1271-2018. ISBN: 978-84-9812-332-6.

Torres del Río, Joaquín (2017). Páginas sonenses [en línea] http://portodoson.gal/attachments/article/1622/PAGINAS_SONENSES.pdf [24/01/2023].

Xunta de Galicia (2007-2011). Plan de Ordenación do Litoral [en liña] Dispoñible na Internet: http://www.xunta.es/litoral [Acceso 8 decembro 2020].

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 119-IV Porto do Son /// Datum ETRS89: H 29 // X 499.720,07 m / Y 4.730.344,69 m

Centro Nacional de Información Geográfica (s/d). Fotototeca Digital, Instituto Geográfico Nacional, Ministerio de Fomento del Gobierno de España [en línea] Disponible en internet: http://fototeca.cnig.es/ [Acceso 3 febreiro 2020].

Instituto de Estudos do Territorio (IDE) da Xunta de Galicia (s/d). Información Xeográfica de Galicia: visualizador de mapas [en liña] Dispoñible na Internet: http://mapas.xunta.es/visualizador-de-mapas [Acceso 3 febreiro 2020].

Instituto Geográfico Nacional (s/d). Serie MTN25 (Mapa Topográfico Nacional 1:25.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional25.jsp? [Acceso 9 abril 2014].

Instituto Hidrográfico de la Marina (1964). De Cabo de la Nave a la Isla Sálvora. Océano Atlántico Norte. Costa NW de España. Carta 926, con levantamientos no datados y correcciones hasta 1976. Cádiz: Talleres del Instituto Hidrográfico de la Marina. DL CA-1427-1972.

Instituto Hidrográfico de la Marina (1964). De Cabo Corrubedo a Cabo Silleiro. Océano Atlántico Norte. Costa NW de España. Carta 925, con levantamientos no datados y correcciones hasta 1977. Cádiz: Talleres del Instituto Hidrográfico de la Marina. DL CA-293-1972.

Data de Actualización:

28 xaneiro 2023