729 Salto de Fecha (Sociedad de Gas y Electricidad de Santiago)

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: A Coruña
  • Concello: Santiago de Compostela (ata 1962, A Enfesta)
  • Parroquia: San Xoán de Fecha
  • Lugar: A Igrexa
  • Paraxe: A fábrica de luz
  • Dirección: Non procede
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 42.97136098016104
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.572947489044184
  • Coordeadas UTM: Datum ETRS89: H 29 // X 534.827,73 m / Y 4.757.720,70 m
  • Clasificación: Central hidroeléctrica
  • CNAE: 35.15 Produción de enerxía hidroeléctrica.
  • Tipoloxía: Turbinas de reacción tipo Francis acopladas a alternadores síncronos
  • Comarca: Santiago
  • Marco Xeográfico: Marxe esquerda do río Tambre no seu curso ao norte da cidade de Santiago de Compostela, no canón escavado polo río nas enfestas
  • Ámbito: Rural
  • Acceso: Saímos de Santiago de Compostela polo camiño de Vista Alegre e continuamos pola rúa do Avío e a estrada DP-0701 cara á Ponte do Romaño. A iso duns tres quilómetros e medio, apartamos pola dereita e enfiamos a estrada DP-7804, pola Peregrina ata Ponte Albar. Dende alí podemos camiñar os tres quilómetros da senda que nos achega pola ribeira esquerda do río Tambre ata o Salto de Fecha. Unha alternativa é continuar pola devandita estrada DP-0701 cara a Portomouro e, no quilómetro oito, apartar pola dereita, pola carreteira a Vilar do Rei, e seguirmos ata a igrexa de San Xoán de Fecha, baixando dende alí ata a central.

Tipo de propiedade:

Privada no dominio público hidráulico

Visitable:

Exteriormente

Xestión de visitas:

Non procede

Historia:

De entre todas as experiencias dos numerosos investigadores pioneiros ó redor da electricidade (Franklin, Coulomb, Galvani, Volta, Rumford, Ampère), no que aquí nos ocupa, dúas delas resultan de singular transcendencia: en 1800, o arco eléctrico de Humphry Davy, que abriría o camiño á iluminación con enerxía eléctrica; e en 1831 o xerador eléctrico de Michael Faraday, que daría paso ao uso da electricidade sen necesidade de recorrer á amoladura das pilas voltaicas.
Cara a 1870 o enxeñeiro belga Zénobe Théophile Gramme construía a primeira máquina comercial xeradora de corrente continua, a dínamo de Gramme, que permitía a conversión da enerxía mecánica en enerxía eléctrica. A Exposición Universal de Viena de 1873, coas súas pilas, xeradores e espectaculares arcos voltaicos, sería o primeiro escaparate mundial da electricidade.

Continuador con vantaxe de anteriores experiencias, Thomas Alva Edison presentaba no outono de 1879 o prototipo das modernas fontes de iluminación, unha lámpada de incandescencia que, grazas ás súas innovacións, o 21 de outubro de 1879 alumou sen fundirse durante… corenta e oito horas seguidas.

Todos estes avances verían a súa culminación na Exposición Universal de París de 1881, na que, ademais de exhibirse a lámpada incandescente de Thomas Edison, o enxeñeiro francés Marcel Deprez presentaba como resultado dos seus experimentos a posibilidade de transmitir a electricidade a varios centenares de metros de distancia. A experiencia coñecería a maior difusión cando no ano seguinte, empregando unha tensión continua de dous mil voltios, conseguía transmitir unha potencia de 1’5 kW a unha distancia de trinta e cinco millas (uns 56 km). A iluminación eléctrica incandescente con corrente continua comezaría entón a utilizarse comercialmente en todo o mundo, competindo dende estas datas cos farois de gas na iluminación pública. Dende aquela sería imparable a continua evolución técnica para poñer a electricidade ao dispor dos cidadáns e a industria.

En 1882, Tomás Alva Edison estabelecía en Pearl Street (Manhattan, Nova York) a primeira central termoeléctrica, subministrando cento dez voltios en corrente continua aos seus primeiros oitenta e cinco clientes, que axiña van verse multiplicados, estendéndose a luz eléctrica a tódolos fogares. Tralo acordo entre Edison e o británico Joseph Wilson Swan en 1883 e as melloras introducidas por Swan, a lámpada incandescente co filamento dentro dun bulbo de vidro no que (de 1875 en adiante) se fixera o baleiro, de menor voltaxe, máis luminosidade e maior duración, coñecería dende 1906 (xa co filamento de tungsteno) a meirande difusión [Bartolomé, 2007: 42].

A situación da electricidade daría o envorco definitivo en 1888, cando o enxeñeiro turinés Galileo Ferraris conseguiu construír o primeiro motor de corrente alterna sen conmutador, o motor de indución, que desenvolverían Nikola Tesla (1888) e Mikhail Dolivo-Dobrovsky (1889), de gran eficiencia e competitivo cos de corrente continua, apto para múltiples usos e que fixo da corrente alterna a forma máis popular da electricidade.

En 1893 poríase en servizo en Redlands (California, EE.UU.) a primeira central hidroeléctrica comercial de corrente alterna trifásica [Edison Tech Center, n.d.]. A central hidroeléctrica de Jaruga (Dalmacia, Croacia) sería dende 1895 a primeira que na Europa subministrase comercialmente corrente eléctrica alterna, e a segunda no mundo [Delimar et al., 2007].

Despois dos experimentos pioneiros da iluminación eléctrica en España, realizados polos boticarios Antonio Casares Rodríguez (1851, Santiago de Compostela), José Simón Castañer (1852, Madrid), Ramón Torres Muñoz (1852, Madrid), e Francisco Domenech Maranges (1852, Barcelona), a industria eléctrica comeza realmente cando o empresario Tomás Dalmau e o enxeñeiro Narciso Xifra constrúen en 1873 na Rambla de Canaletas de Barcelona a primeira central eléctrica española, instalando catro motores de gas de cincuenta cabalos cada un que movían cadansúa máquina Gramme de douscentos voltamperios. Dende aquela aparecerán no país unha serie de iniciativas para a produción e distribución de electricidade e xa contra 1881 e para mellor atender á crecente demanda, Dalmau e Xifra crearían, tamén en Barcelona, a “Sociedad Española de Electricidad”.

Nestes anos contrastaba o vizoso avance das centrais termoeléctricas fronte ao lento progreso das hidroeléctricas, que xurdirían contra 1885 en diversos puntos de España asociadas a pequenos muíños ou industrias manufactureiras que producían para o seu propio consumo e que nalgúns casos chegaban a distribuír a electricidade a vivendas da veciñanza [Sintes e Vidal, 1933]. Sería fundamental a aportación do taller mecánico xerundense “Planas, Flaquer y Cía.”, estabelecido en 1858 e especializada na construción de motores hidráulicos tipo Fontaine-Baron (unha evolución rexistrada en 1840 da turbina Fourneyron de 1827) e que xa en 1860 tiña fabricadas dezanove turbinas, algunha de 80 cabalos de vapor (uns 60 kW) [Orellana, 1860]; dende 1886 a casa “Planas” interviría na adaptación de moitos motores hidráulicos á produción de electricidade e chegaría a ser a primeira empresa española dedicada á fabricación de material eléctrico [Nadal, 1976].

En Galicia, dende o mes de xuño de 1884 a “Sociedad Anglo Española de Electricidad” iluminaba o Arsenal de Ferrol coa electricidade xerada con magneto dínamos do sistema de Charles Francis Brush nunha pequena instalación termoeléctrica [Carmona, 2016:27], e xa contra 1888 comezaría a funcionar en Pontevedra a que sería en Galicia a primeira central de vapor asociada a unha dínamo Brush para a subministración do alumeado público con fluído eléctrico, instalación que sería seguida por outras iniciativas semellantes –unhas termoeléctricas, hidroeléctricas outras– na Coruña (1890), Mondoñedo (1893), Lugo, Ferrol e Santiago (1894), Ponteareas e Ourense (1895), e Vigo, Monforte, Viveiro, Betanzos e Tui (1896) [Carmona e Nadal, 2005].

A precariedade técnica nestes primeiros tempos fai que predominen as instalacións térmicas (con caldeira de carbón e máquina de vapor, unhas, ou con gasóxeno de carbón e motor de gas, outras) sobre as hidráulicas, xa que os promotores non se atrevían a construír as centrais xeradoras máis aló de dous ou tres quilómetros do centro das localidades ás que ían subministrar con corrente continua. Todas estas primitivas centrais eléctricas eran de pequeno tamaño, normalmente non superior aos douscentos cabalos de vapor (uns 150 kW) e principalmente destinadas ao servizo do alumeado público.

Ademais das de iluminación pública, só temos constancia de dúas empresas que posúen nestes primeiros tempos unha central termoeléctrica para o alumeado das súas instalacións, e ámbalas dúas son fábricas téxtiles e as puxeran en marcha contra 1892: “Galicia Industrial”, en Xubia (Neda) (vid. ficha 452), e “La Primera Coruñesa” (vid. ficha 492).

Coa central hidroeléctrica de Porto de Bois (Viloalle, Mondoñedo), unha das primeiras na Península Ibérica (en 1894 entraría en servizo a de Biel en Vila Real, Portugal [Simões, 1982]), a “Electricista Mindoniense” (vid. ficha 486) proveía desde 1893 o alumeado público de Mondoñedo, aproveitando uns 290 litros por segundo nun salto de 14 metros das augas do río Tronceda cunha turbina de 70 cabalos de vapor que arrastraba unha dínamo Oerlikon de 32 quilovatios [Carmona, 2016]. Nos años seguintes subministrarían electricidade de orixe hidráulica “Alumbrado Eléctrico de Lugo” (1894, Acea de Castro Romay, Lugo, vid. ficha 491), “Antonio Sestelo” (1895, Salto de Pardellas, Ponteareas, vid. ficha 488), “Jesús Adrán” (1896, Salto de Vilanova, Monforte, vid. ficha 515) e “José Barro” (1896, Salto de Chavín, Viveiro, vid. ficha 376), en tódolos casos mediante xeradores de corrente continua [Carmona y Nadal, 2005].

O primeiro terzo do século XX coñecería o progreso do desenvolvemento da industria da electricidade en Galicia, cun forte crecemento das instalacións hidráulicas por riba das térmicas, e o comezo da concentración empresarial neste incipiente sector, o que fai que contra 1931 haxa máis de corenta centrais en funcionamento, dezaoito delas cunha potencia instalada superior aos 500 kVA e que sumaban 45.555 kVA nun total da orde dos cincuenta mil quilovatios instalados. O que comezaba a coñecerse como “grupo galego”, formado polas compañías "Sociedad General Gallega de Electricidad" e “Fábricas Coruñesas de Gas y Electricidad” (vid. ficha 155) estruturadas en torno ao Banco Pastor, controlaba neste ano de 1931 o 76% da electricidade vendida en Galicia [Carmona y Nadal, 2005]; ámbalas dúas desenvolverán unha actuación conxunta baixo o control do Banco Pastor ata a súa formal integración en Fenosa en 1955, rematando así o proceso iniciado coas centrais de Segade (vid. ficha 113) e A Fervenza (vid. ficha 189) a comezos do século XX.

En efecto, finalizada a guerra civil española (1936-1939), o proceso de concentración e ampliación do sector eléctrico galego tería un novo e definitivo impulso cando Pedro Barrié de la Maza, á fronte do “Banco Pastor”, constitúe en Vigo o 23 de agosto de 1943 a empresa “Fuerzas Eléctricas del Noroeste” (FENOSA) para eludir os compromisos existentes coa “Electra Popular de Vigo y Redondela” e poder construír no río Limia o encoro das Conchas para a subministración eléctrica á puxante cidade de Vigo. Transcorridos os vinte anos pactados, a “Sociedad General Gallega de Electricidad” e “Fábricas Coruñesas de Gas y Electricidad” integraríanse en FENOSA en 1955.

O mantemento polo Goberno franquista duns prezos da electricidade artificialmente baixos, coa conseguinte descapitalización das empresas produtoras e a imposibilidade de modernización das súas instalacións para dar cumprido servizo aos seus clientes, faría que a meirande parte das pequenas “fábricas da luz” que comezaran a electrificación das aldeas e vilas galegas, foran pouco a pouco abandonándose ou malvendéndose e integrándose en FENOSA ou nalgunha das outras grandes empresas eléctricas, como BEGASA ou IBERDUERO.

Descrición Xeral do Entorno:

A central construíuse na marxe esquerda do río Tambre, nun salto natural existente no tramo fortemente encaixado do curso do río ao norte da cidade de Santiago de Compostela, augas abaixo da Ponte Albar.

Construcción:

1899-1901.

Abandono:

A central estivo prestando servizo activo ata 1976, quedando despois abandonada. Nos comezos do decenio de 1990 as instalacións serían alugadas pola entón propietaria, Unión Fenosa, para a súa rehabilitación por terceiros, entrando de novo en servizo en 1992.

Descrición:

A empresa xixonesa «Menéndez, Valdés y Compañía», concesionaria dende 1872 do servizo público do alumeado de Santiago de Compostela, contaba desde 1874 cunha fábrica de gas para alumeado, na que tamén producía electricidade por medio de motores de gas. As instalacións edificáranse no Agro do Machado, detrás das casas e hortas da Carreira do Conde (vid. ficha 156).

Coa intención de impulsar o desenvolvemento da electricidade, o banqueiro Olimpio Pérez Rodríguez e o prateiro Miguel Bruzos Cimadevila promoverán en 1895 a creación da «Sociedad de Gas y Electricidad de Santiago». A nova sociedade, baixo a presidencia de Olimpio Pérez, comezaría por adquirir os activos da compañía asturiana, continuando coa concesión do alumeado público por gas e resolta a mellorar e acrecentar a subministración de enerxía eléctrica á cidade para alumeado e forza motriz. Miguel Bruzos Cimadevila aportaría á sociedade a concesión, rexistrada ao seu nome o 19 de setembro de 1895, outorgada para o aproveitamento con fins hidroeléctricos dun caudal de oito mil litros por segundo das augas do río Tambre no lugar de Fecha, cun salto hidráulico de tres metros e unha potencia instalada de trescentos sesenta cabalos de vapor.

En 1899, a «Sociedad de Gas y Electricidad de Santiago» facíase coa concesión outorgada a Miguel Bruzos para o aproveitamento con fins hidroeléctricos do río Tambre no Salto de Fecha, a uns once quilómetros –en liña recta– do centro da cidade. No desenvolvemento do proxecto inicial o caudal a aproveitar aumentaríase ata os vinte e seis mil cen litros por segundo cun salto bruto de case tres metros e medio e unha potencia útil de seiscentos vinte quilovatios. Bruzos aínda se ocuparía de estudar outras posibilidades de desenvolvemento de aproveitamentos hidráulicos que permitiran aumentar a oferta de electricidade aos composteláns.

A central hidroeléctrica do Salto de Fecha, tamén nomeada Central de Enfesta, configuraríase como unha central ao pé da presa. Esta aproveitaría o rochedo existente para construír unha semicircunferencia duns trinta e cinco metros de radio, cun desenrolo en coroación próximo aos setenta metros, deixando algo máis de trinta metros como aliviadoiro natural no estribo dereito. Entre a ribeira esquerda de río e o estribo esquerdo da presa escavaríase unha enorme trincheira, duns dezanove metros de anchura e corenta de lonxitude, que funcionaría como obra de toma e conduciría a auga ás turbinas.

A casa de máquinas, de planta rectangular de vinte e oito por sete metros, contaría no soto con tres cámaras para albergar as turbinas, instalándose a maquinaria eléctrica na planta baixa. A cuberta sería a dúas augas, de tella plana sobre armadura de madeira.

A pouco máis dunha trintena de metros da casa de máquinas, ergueuse unha ampla casa vivenda para os operarios da central. De planta practicamente cadrada e uns trece metros de lado, constaba de baixo, dous andares e baixo cuberta. O mesmo que a casa de máquinas, tería a cuberta a dúas augas, de tella plana sobre armadura de madeira.

A casa de máquinas disporía inicialmente de dúas turbinas tipo Francis de cámara aberta, de 180 CV cada unha, que accionaban cadanseu alternador de 125 CV (92 kW) e subministraban diariamente uns 3.000 kWh. A construción da central hidroeléctrica finalizaría coa súa posta en servizo en 1901 e o transporte da electricidade, producida na maquinaria eléctrica subministrada pola compañía berlinesa Siemens & Halske, faríase a unha tensión de cinco mil voltios.

Con todo, o continuado aumento da demanda de electricidade na cidade non tardaría en superar as posibilidades produtivas do Salto de Fecha, e a empresa decidiría acrecentar a escasa produción de electricidade na fábrica de gas coa instalación no mesmo predio dunha central termoeléctrica auxiliar, para o que solicitou o 11 de abril de 1904 a oportuna licenza de obras. Esta nova instalación empregaría carbón mineral como combustible dunha caldeira de xeración de vapor de auga, co que alimentaría a dúas máquinas de vapor e cada unha delas accionaría un alternador síncrono de 220 CV. A comezos de 1907 a nova central eléctrica entraría en servizo, cun total de 440 CV dispoñibles (324 kW).

Xunto co apoio da central termoeléctrica, a «Sociedad de Gas y Electricidad de Santiago» iría aumentando a inicial dotación da central hidroeléctrica, que xa contaría en 1909, ademais dos dous grupos primeiros de 180 CV, cunha turbina de 220 CV e outra de 600 CV; é dicir, un total de 1.180 CV de potencia en turbinas e uns 775 kVA de capacidade eléctrica instalada (620 kW). A compañía contaba daquela cun total de capacidade eléctrica instalada de 620 kW hidráulicos en Fecha, e 324 kW térmicos en Santiago, o que lle permitiría subministrar diariamente máis de vinte e dous mil seiscentos quilovatios hora.

As deficiencias do servizo e os elevados prezos fixados pola «Sociedad de Gas y Electricidad de Santiago» como concesionaria do servizo, levaron a que un grupo de comerciantes e avogados santiagueses, co apoio económico da casa de banca vilagarcián de Hijos de Francisco Deza, constituíran en 1917 a «Cooperativa Eléctrica Santiaguesa» coa idea de independizarse do monopolio existente.

A cooperativa tiña proxectada a explotación de dous grupos termoeléctricos de vapor en Santiago, con 300 CV (vid. ficha 723), e a construción dunha central hidroeléctrica de 700 CV no salto de Merza, no río Toxa, a uns trinta e cinco quilómetros da cidade (vid. ficha 733). A nova central termoeléctrica santiaguesa, que vai ser coñecido como «A Casa das Máquinas», entrou en servizo en 1919, mais a quebra da compañía bancaria vilagarcián en 1921 adiou o proxecto hidroeléctrico e complicou a situación financeira da cooperativa. En 1924, a renuncia da «Sociedad General Gallega de Electricidad» a mercar as propiedades da cooperativa, faría que pasaran a formar parte dos activos do Banco de Crédito Industrial (Carmona, 2016: 91). Finalmente, nun novo intento no ano 1926, a «Sociedad General Gallega de Electricidad» mercaría os activos e pasivos da frustrada cooperativa eléctrica compostelá (Carmona, 2016: 114).

Baixo a razón social da “Sociedad General Gallega de Electricidad”, en 1923 culminaba o acordo acadado en 1921 de fusión por absorción da “Sociedad de Gas y Electricidad de Santiago” e da “Electra Popular de Vigo y Redondela”, o que trocaría o mapa galego da subministración de electricidade.

O incremento na produción hidráulica e a continua mellora nas conexións entre as diferentes redes de transporte e distribución da electricidade, non tardarían en ir deixando fora de servizo ás pequenas centrais termoeléctricas locais, e tamén a moitas das pequenas e medianas “fábricas de luz”, ás que os custos de mantemento facían pouco rendibles fronte aos grandes aproveitamentos hidroeléctricos que foran entrando en servizo desde o decenio de 1960.

A central de Fecha, integrada desde 1955 en «Fuerzas Eléctricas del Noroeste» (FENOSA), continuaría prestando servizo ata 1976, quedando despois abandonada, o mesmo que a casa vivenda dos maquinistas e electricistas. No lugar, o centro de transformación existente, integrado coas liñas de distribución locais, sería o único vestixio da pasada actividade.

Na reestruturación do sistema eléctrico español emprendida nos comezos do decenio de 1980, o 23 de novembro de 1982 nacía «Unión Eléctrica Fenosa», resultado da absorción de «Fuerzas Eléctricas del Noroeste» (FENOSA) pola compañía madrileña «Unión Eléctrica».

Ao abeiro dunha lexislación favorable, contra 1982, «Unión Eléctrica Fenosa» emprendería a rehabilitación, modernización e automatización das abandonadas centrais hidroeléctricas da Fervenza, no río Belelle (vid. ficha 189), Güimil, no río Lambre (vid. ficha 244), e Mezonzo, no río Tambre.

Nos comezos do decenio de 1990, «Unión Eléctrica Fenosa» modificaría a súa estratexia de recuperación de pequenas e medianas centrais hidroeléctricas, e as instalación abandonadas serían alugadas, a cambio dun canon, a aquelas empresas interesadas na súa rehabilitación. Unha destas centrais sería a de Fecha, cuxa recuperación sería acometida pola compañía de capital noruegués «Hidro Hispana, S.A.», constituída en Madrid o dous de outubro de 1990.

En 1991, «Unión Eléctrica Fenosa» procedeu á rehabilitación e actualización da documentación administrativa, inscrición definitiva no rexistro e ampliación do caudal da concesión ata os vinte e oito mil metros cúbicos por segundo. A devandita compañía arrendataria procedería á modernización das instalacións, reforzando e consolidando a obra civil, instalando unha nova turbina, tipo Kaplan de regulación dupla, co correspondente equipamento eléctrico e unha potencia instalada de dous mil douscentos quilovatios. O conxunto foi automatizado e se adecuaron as comportas e demais sistemas electromecánicos da vella central. Coa necesaria adecuación as novas condicións de traballo, conservouse a casa de máquinas, pero a casa vivenda que acollera aos operarios da central foi derrubada. As renovadas instalación do Salto de Fecha entrarían de novo en servizo en 1992.

Coa obrigada separación do negocio eléctrico segundo a normativa da Unión Europea (xeración, transporte, distribución e comercialización), no ano 2000, a concesión administrativa foi transferida a favor da nova compañía «Unión Fenosa Generación, S.A.», do grupo de «Unión Eléctrica Fenosa».

No ano 2002, «Unión Eléctrica Fenosa», cunha crecente participación en negocios alleos ao sector eléctrico (telecomunicacións, enxeñaría, petróleo, gas natural...), reduciría o seu nome a «Unión Fenosa». O catro de setembro do ano 2009, completaríase a desaparición de «Unión Fenosa», absorbida por «Gas Natural», que pasaría a chamarse «Gas Natural Fenosa» ata que, o 27 de xuño do ano 2018, volve a cambiar o seu nome polo de «Naturgy Energy Group, S.A.».

Nese mesmo ano 2002, a empresa concesionaria solicitaría unha ampliación do caudal en outros vinte e oito mil metros cúbicos por segundo, argumentando que a experiencia de explotación do Salto de Fecha indicaba que o caudal equipamento autorizado estaba moi por debaixo do que realmente podería aproveitarse contando cunha segunda turbina igual á que estaba en funcionamento.

No Diario Oficial de Galicia número 73, do xoves 16 de abril do 2020, publicábase o Anuncio do 3 de abril do 2020, da Dirección Xeneral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, da Xunta de Galicia, polo que facíase público o informe ambiental estratéxico do Proxecto sectorial do aproveitamento hidroeléctrico de San Xoán de Fecha, no río Tambre, nos termos municipais de Santiago de Compostela e Trazo, promovido por «Hidro Energía Xana, S.L.».

Conforme ao que aquí interesa, os datos máis salientables do proxecto propoñen modificar a turbina existente para que pase de traballar cos vinte e oito mil metros cúbicos por segundo actuais a un caudal de ata trinta e seis mil metros cúbicos por segundo, cun salto bruto de oito metros e trinta centímetros e unha potencia eléctrica instalada de dous mil catrocentos trinta e catro quilovatios. Ademais, para turbinar os vinte mil metros cúbicos por segundo restantes dos cincuenta e seis mil totais solicitados, se instalaría un novo grupo, de tipo Kaplan de regulación dupla, co eixo vertical e a cámara espiral executada in situ en formigón; este segundo grupo traballaría tamén cun salto bruto de oito metros e trinta centímetros e a nova potencia eléctrica instalada sería de mil catrocentos oitenta e un quilovatios.

Con estas previsións, a potencia eléctrica total instalada tras a ampliación do Salto de Fecha sería de 2.434 + 1.481 = 3.915 kW, e a produción eléctrica anual pasaría dos actuais 9.433.342 kWh a 12.482.362 kWh, o que supón un incremento de algo máis do trinta e dous por cento na enerxía producida anualmente.

Tempo de uso:

Todo o ano, con algunhas restricións nas estiaxes ou en anos de fortes secas.

Sistema de produción:

As primeiras “fábricas de luz” basearanse na xeración da electricidade con máquinas comerciais xeradoras de corrente continua movidas por motores de gas ou máquinas de vapor. En ámbolos dous casos o carbón era a fonte primaria de enerxía, que consumíase nos gasóxenos para producir gas pobre para os motores ou ben nas caldeiras que producían o vapor de auga para alimentar as máquinas correspondentes.

A primeira máquina comercial para a conversión da enerxía mecánica de rotación en enerxía eléctrica en forma de corrente continua fora a dínamo de Gramme, unha máquina de indución electromagnética que sería despois perfeccionada polo estadounidense Brush e comercializada como magneto dínamo baixo a súa patente.

Desde finais do decenio de 1880, a corrente alterna iría substituíndo á continua en practicamente todas as aplicacións, e as dínamos irían sendo substituídas polos alternadores. Despois de algún tempo de coexistencia de diferentes tipos de xeradores de correntes alternas, principalmente monofásicos, bifásicos e trifásicos, serían estes últimos os que lograrían unha aceptación xeneralizada.

Ademais das máquinas de vapor e os motores de gas, outras máquinas irían utilizándose para accionar aos alternadores: as rodas e turbinas hidráulicas e eólicas, os motores de combustión interna de combustibles líquidos (ciclos termodinámicos Otto e Diesel), as turbinas de vapor (ciclo termodinámico Rankine), e as turbinas de gas (ciclo termodinámico Brayton).

No deseño e construción das instalacións especificamente destinadas á produción de electricidade, desde 1893 o xerador sería de corrente alterna trifásica, cun transformador eléctrico de saída para elevar o nivel de tensión e así realizar un transporte máis económico da enerxía até os puntos de consumo da electricidade.

Nos ríos, as pioneiras “fábricas de luz” que se construíran (despois de 1882), foran moitas veces unha sinxela adaptación dunha dínamo de corrente continua na roda hidráulica dun muíño fariñeiro ou papeleiro xa existente. No mellor dos casos, o motor hidráulico da instalación sería a roda horizontal creada co nome de turbina por Benoît Fourneyron en 1827 (comercializada en Francia a partir do 1837) e a súa variante, rexistrada en 1840 como tipo Fontaine-Baron e amplamente utilizada dende aquela polo seu elevado rendemento.

A máquina eléctrica sería inicialmente unha dínamo de Gramme e, posteriormente, unha magneto dínamo Brush. Aínda que as limitacións na transmisión da corrente continua non permitisen o seu transporte a distancias significativas, as primitivas centrais hidroeléctricas constituíron a base da electrificación das poboacións próximas ao seu emprazamento. Naqueles casos en que a enerxía hidráulica presentaba irregularidades por variacións do caudal do río ou períodos de seca, instaláranse centrais termoeléctricas de reserva, baseadas en motores de gas ou máquinas de vapor e alimentadas en ámbolos dous casos por carbón.

Pola incerteza do funcionamento das primitivas centrais hidroeléctricas, e a precariedade técnica nestes primeiros tempos, axiña predominarían as instalacións térmicas (máquina de vapor ou motor de gas) sobre as hidráulicas, xa que os promotores non se atrevían a construír as centrais xeradoras máis aló de dous ou tres quilómetros do centro das localidades ás que ían subministrar. Todas eran de pequeno tamaño, en xeral non superior aos douscentos cabalos de vapor (uns 150 kW) e principalmente destinadas ao servizo do alumeado público.

Co obxectivo de optimizar a produción de electricidade, as máquinas hidráulicas (turbinas) que accionaban os alternadores serían elixidas consonte as características de caudal e de altura do aproveitamento hidroeléctrico a desenvolver, sendo as máis frecuentes as turbinas de reacción do angloamericano James Bicheno Francis (1849), as turbinas de acción do estadounidense Lester Allan Pelton (1879) e as xa máis modernas turbinas de fluxo axial do austríaco Viktor Kaplan (1913). A este tres tipos fundamentais pódese engadir o da turbina de fluxo cruzado, desenvolvida de maneira independente polo australiano Anthony Michell (1903), o húngaro Donat Banki (1917) e o alemán Fritz Ossberger (1933), que, aínda que ten un rendemento inferior ás anteriores, resulta moi económica e permite traballar con grandes variacións de caudal.

A «Sociedad de Gas y Electricidad de Santiago» facíase, en 1899, coa concesión outorgada o 19 de setembro de 1895 a Miguel Bruzos Cimadevila para o aproveitamento con fins hidroeléctricos dun caudal de oito mil litros por segundo das augas do río Tambre no Salto de Fecha, cun salto hidráulico de tres metros e unha potencia eléctrica instalada de douscentos cincuenta cabalos de vapor (uns cento oitenta e catro quilovatios).

No desenvolvemento do proxecto inicial o caudal a aproveitar iríase aumentando paseniñamente, acrecentando a capacidade instalada en maquinaria e a produción de enerxía eléctrica. A maquinaria hidráulica serían turbinas tipo Francis de cámara aberta, as máis apropiada cos coñecementos daquela época. En 1909 se rexistran dous turbinas de cento oitenta cabalos de vapor, unha de douscentos vinte e outra de seiscentos, sumando un total de mil cento oitenta cabalos de vapor que darían unha potencia eléctrica da orde dos seiscentos vinte quilovatios e unha capacidade produtiva superior aos cinco millóns de quilovatios hora anuais.

Na relación de enerxía hidroeléctrica dispoñible e explotada en España a 31 de decembro de 1927, figura o Salto de Fecha con mil cabalos de vapor (uns setecentos trinta e seis quilovatios) como “potencia en aguas medias (nueve meses)”, cifra que segue a ser a mesma no anuario de 1931 e se corresponde cos setecentos setenta e cinco quilovolt amperes (para un factor de potencia de 0’95) recollidos polo Ministerio de Fomento na publicación do mesmo ano.

Coa recuperación e renovación das instalacións en 1992, as vellas turbinas serían substituídas por unha soa turbina hidráulica, de reacción de fluxo axial do tipo Kaplan e con regulación dupla, no distribuidor e no rolete, moitísimo máis eficiente nos saltos de pouca altura e grandes caudais, como é o caso.

Actividades laborais:

Nos primeiros tempos, o encargado dunha central, e ás veces un axudante, eran os únicos operarios necesarios para o funcionamento e mantemento das instalacións. Para mellor atender ao servizo día e noite, as centrais desta época tiñan prevista unha casa vivenda para o encargado e a súa familia, completada cunha horta e un galiñeiro para atender á súa mantenza. En caso de proximidade dunha zona habitada, o encargado e a súa familia residían nunha vivenda dos arredores. Na actualidade, as centrais están automatizadas e contrólanse a distancia.

Emprego:

Sen datos.

Materias Primas:

Auga.

Produtos Elaborados:

Electricidade.

Distribución e comercialización:

Local, inicialmente. Integrada despois na rede xeral de transporte e distribución da enerxía eléctrica.

Referencias Bibliográficas:

Bartolomé Rodríguez, Isabel (2007). “La industria eléctrica en España (1890-1936)”, en Estudios de historia económica, nº 50. Madrid: Banco de España. DL M-15409-2008. ISSN 0213-2702.

Bolstorff, H. (1926). “Alumbrado”, en Manual del Ingeniero, tomo II, capítulo VI, p. 936-965. Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, trad. de la 24ª edición alemana. Barcelona: Gustavo Gili.

Capeáns Garrido, Juan María (2020). “Invierten 2’4 millones para ampliar la única hidroeléctrica de Santiago. La minicentral, en el Tambre, aumentará un 30% su capacidad de generación”, en La Voz de Galicia, ed. Santiago, 20/04/2020.

Carmona Badía, Xoán (2016). La Sociedad General Gallega de Electricidad y la formación del sistema eléctrico gallego (1900-1955). Biblioteca de Historia del Gas. Sabadell: Fundación Gas Natural Fenosa. DL B-21370-2016. ISBN 978-84-617-5114-3.

Carmona Badía, Xoán; Nadal Oller, Jordi (2005). El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Delimar; Marko; Moser, Josip; Szabo, Aleksandar (2007). "First AC Power Systems in Croatia", in 2007 Institute of Electrical and Electronics Engineers (IEEE) Conference on the History of Electric Power [on line] Available at http://www.ieee.org/web/aboutus/history_center/conferences/che2007/ [Retrieved 10/08/2017].

Dubert García, Isidro; Muñoz Abeledo, Luisa (2014). “Mercados laborales, profesiones y ocupaciones en la Galicia urbana durante la segunda mitad del siglo XIX”, en Revista de Demografía Histórica-Journal of Iberoamerican Population Studies, ISSN 1696-702X, ISSN-e 2696-4325, Vol. 32, Nº 1, 2014, p. 35-72.

Edison Tech Center (n.d.). “Dolgeville Hydro Power 1879”, in The Miracle of Electricity and Engineering, Edison Tech Center, Schenectady, New York, U.S.A. [on line] Retrieved August 29, 2001, from http://www.edisontechcenter.org/Dolgeville.html.

García Fontenla, Ramón (ed.) (1990). Cien años de luz eléctrica en Galicia, introducción de Domingo García Sabell. Madrid: Unión Fenosa. DL M-45870-1990.

GECOISA (1989). Minicentrales hidroeléctricas. Estudio realizado con la colaboración de la Asociación de Productores y Distribuidores de Energía Eléctrica (APYDE), Barras Eléctricas Galaico Asturianas (BEGASA), Energía de Galicia (ENGASA) y Unión Eléctrica Fenosa (UNIÓN FENOSA), y coordinado por “Gestión Energética de Galicia, S.A.” (GESTENGA). Santiago de Compostela: Consellería de Industria, Comercio e Turismo da Xunta de Galicia.

Instituto Nacional de Estadística del Gobierno de España (1930). Energía hidroeléctrica disponible y explotada en España en 31 de diciembre de 1930. Anuario 1930. Madrid: Fondo documental del Instituto Nacional de Estadística.

Kyser, Herbert (1930). Centrales generadoras de energía eléctrica. Versión directa de la 2ª ed. alemana revisada y ampliada por Manuel Lucini. Barcelona: Editorial Labor.

Martínez López, Alberte (2017). “La electrificación de la periferia: Galicia, 1883-1935”, en Capel Sáez, Horacio; Zaar, Miriam H.; Pereira Junior, Magno Vasconcelos (coords.), La electrificación y el territorio: historia y futuro, Barcelona: Universidad de Barcelona. ISBN 978-84-697-6835-8.

Ministerio de Fomento del Gobierno de España (1931). Centrales eléctricas de más de 500 kVA a fines de 1930 (anejo y mapa de la publicación de 1931). Consejo de la Energía. Madrid: Talleres Gráficos Herrera.

Mirás Araujo, Jesús; Lindoso Tato, Elvira (2009). La industria del gas en Galicia: del alumbrado por gas al siglo XXI, 1850-2005. Grupo de Estudios de Historia de la Empresa. Alberte Martínez López (coord.). Barcelona: Fundación Gas Natural. DL M-53214-2009. ISBN 978-84-613-5597-6.

Mirás Araujo, Jesús; Martínez López, Alberte (2013). “La transición energética en las ciudades de Galicia. Del gas a la electricidad, 1850-1936”, en Capel Sáez, Horacio; Casals Costa, Vicente (coords.), Capitalismo e historia de la electrificación, 1890-1930: capital, técnica y organización del negocio eléctrico en España y México, p. 297-315. Barcelona: Universidad de Barcelona. ISBN 978-84-7628-708-8.

Mouzo Riobó, Íñigo (2018). “Descobre cando os composteláns promoveron unha fábrica de electricidade para romper o monopolio eléctrico”, en Historia de Galicia [en liña] http://historiadegalicia.gal/2018/10/descobre-cando-os-galegos-promoveron-unha-fabrica-de-electricidade-para-romper-o-monopolio-electrico/ [15/12/2022].

Ramos Gallego, Eduardo (1917). La hulla blanca en España en 1917. Madrid: Fondo documental del Instituto Nacional de Estadística.

Simões, Ilídio Mariz (1982). “As primeiras instalações de produção e distribução de energia eléctrica em Portugal”, na Revista Electricidade, núm. 285, Fevereiro 1982, e núm. 288, Abril 1992.

Sintes Olivés, Francisco F.; Vidal Burdils, Francisco (1933). La industria eléctrica en España. Estudio económico-legal de la producción y consumo de electricidad y de material eléctrico. Barcelona: Montaner y Simón.

Taboada Arceo, Antonio (1971). Galicia, estructura y ritmo socio-económicos. La Coruña: Servicio de Estudios y Publicaciones de las Cámaras Oficiales de Comercio, Industria y Navegación de Galicia. DL C-145-1971.

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 94-II Entrepontes /// Datum ETRS89: H 29 // X 534.827,73 m / Y 4.757.720,70 m

Centro Nacional de Información Geográfica (s/d). “Fotototeca Digital”, en Instituto Geográfico Nacional. Ministerio de Fomento del Gobierno de España [en línea] Disponible en internet: http://fototeca.cnig.es/ [Acceso 24 marzo 2022].

Instituto de Estudos do Territorio (IDE) da Xunta de Galicia (s/d). Información Xeográfica de Galicia: visualizador de mapas [en liña] Dispoñible na Internet: http://mapas.xunta.es/visualizador-de-mapas [Acceso 24 marzo 2022].

Instituto Geográfico Nacional (s/d). “Mapa Topográfico Nacional 1:25.000”, en Mapas de España. Instituto Geográfico Nacional, Gobierno de España [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/buscarArtsMenu?categoria=MTN25-Mapa-Topográfico-Nacional-1:25.000 [Acceso 18 enero 2021].

Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación del Gobierno de España (s/d). Sistema de Información Geográfica de Parcelas Agrícolas (SIGPAC), Visor SigPac V 4.8 [en línea] Disponible en Internet: https://sigpac.mapama.gob.es/fega/visor/ [Acceso 4 abril 2022].

Data de Actualización:

22 febreiro 2023