732 Transformados de la Madera (TRADEMA)

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: A Coruña
  • Concello: Betanzos
  • Parroquia: Santiago de Requián
  • Lugar: A Infesta
  • Paraxe: Sapeiros
  • Dirección: Estrada Betanzos-Santiago, km 3 – 15300 Infesta-Betanzos
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 43.26578603407281
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.225268827697748
  • Coordeadas UTM: Datum ETRS89: H 29 // X 562.869,22 m / Y 4.790.625,86 m
  • Clasificación: Industria da madeira
  • CNAE: 16.10 Serrado e cepillado da madeira. 16.21 Fabricación de chapas e taboleiros de madeira.
  • Tipoloxía: Fabricación de taboleiros
  • Comarca: Betanzos
  • Marco Xeográfico: Elevacións da divisoria de augas localizada ao suroeste da vila de Betanzos, entre o final dos cursos dos ríos Mero, ao poñente,
  • Ámbito: Rural
  • Acceso: Saímos de Betanzos pola estrada autonómica AC-542 cara ao Mesón do Vento e Santiago. A uns tres quilómetros, ao chegarmos á rotonda, atopamos, na man esquerda, as instalacións da que fora TRADEMA, despois TAFIBER e hoxe «Betanzos HB, S.L.».

Tipo de propiedade:

Privada

Visitable:

Exteriormente

Xestión de visitas:

Non procede

Historia:

Conta a mitoloxía grega que a serra fora inventada por Perdix, a quen o seu tío, Dédalo, lle aprendera as artes mecánicas. Nunha abraiante mostra do seu enxeño, Perdix imitou as espiñas dun esqueleto de peixe nunha lámina de ferro, inventando a serra. Con todo, o máis verosímil e que se observase que un coitelo resultase nalgúns casos máis eficaz triscado (“mellado”) que ben afiado.

Alén diso, no verán do ano 2005, no campo de tumbas de Hierápolis (Pamukkale, Turquía), identificábase no sartego de Marco Aurelio Amiano, datado na metade do século III d.C., un baixo relevo representando unha roda hidráulica accionando dúas serras de cortar pedra, a mostra máis antiga coñecida do mecanismo de biela e manivela, que converte un movemento circular nun movemento rectilíneo alternativo.

Da época tardo romana (século VI) descubríronse tamén restos de serras mecánicas de pedra en Gerasa (Gilead, Jordania) e en Éfeso (Ayasaluk, Turquía). É posible que tamén o sexan uns restos do século II atopados en Augusta Raurica (Augst, Basilea, Suiza).

Esta antiga e incipiente mecanización, que coñecería tamén aplicación na elaboración de táboas de madeira, viría aliviar as incomodidades dos serranchíns no seu fatigoso traballo, totalmente manual, e os serradoiros hidráulicos espallaríanse por todo o mundo civilizado.

Ata a mecanización, o serrado da madeira facíase por dous homes, que ían percorrendo o país, deténdose nos lugares nos que atopaban traballo. Tralo tallado da árbore e o escascado, careábase o tronco, dándolle catro caras, e procedíase ao serrado para obter as táboas, que se deixarían despois a secar amoreadas en castelos. Xa secas, pasarán ás mans dos carpinteiros para a súa utilización ou traballado.

Os serranchíns itinerantes foron desaparecendo co estabelecemento das serras mecánicas, unhas movidas pola forza da auga, outras accionadas por máquina de vapor, motor de gasolina ou motor eléctrico. Levábanse entón os troncos a serrar nas fábricas, nas que tamén quedaban a secar, ao aire ou en cámaras de secado nas que se introduce aire quente para acelerar e mellorar o proceso.

Os primeiros serradoiros mecánicos eran accionados pola auga dun curso fluvial, que facía virar unha roda a partir da cal convertíase o movemento circular nun movemento rectilíneo alternativo por medio do mecanismo coñecido como biela manivela. En España comezaron a empregarse dende a primeira metade do século XII para serrar troncos de madeira e convertelos en puntais e táboas para diversas aplicacións. Os serradoiros máis sinxelos tiñan unha serra simple, namentres que os máis complexos dispuñan de serras, tornos e cepilladoras que se accionaban combinando rodas e correas de transmisión.

As máquinas de vapor foron introducidas en España de 1725 en diante, procedentes de Inglaterra. A introdución da máquina de vapor en Galicia veu da man do enxeñeiro Rafael Clavijo e o mestre Andrés Antelo, coa posta en marcha, en 1796, dunha máquina atmosférica tipo Newcomen para o achique da auga do dique de carenas do Arsenal de Ferrol. Froito de iniciativas públicas e privadas, ata 1808 importáranse en España non máis de unha decena de máquinas de vapor inglesas, pero a Guerra de Independencia (1808-1814) supuxo un freo no incipiente proceso de modernización iniciado nas últimas décadas do século XVIII. A partir de 1814 retomaríase a importación de máquinas de vapor, aínda que non acadaría certa importancia até a década de 1830.

Na década de 1840 o Arsenal incorporaría unha serra movida a vapor, e a definitiva implantación desta tecnoloxía en España tería lugar da man de dúas grandes empresas barcelonesas: a dos irmáns escoceses Thomas e David Alexander (1849) e «La Maquinista Terrestre y Marítima» (1855) de Valentín Esparó, as que so se compararía naqueles anos a sevillana «Portilla, White y Cía.» (1857). Coa posta en marcha no Arsenal de Ferrol en 1855 da nova Factoría de Máquinas, comezaría a construción de máquinas de vapor mariñas de ata 500 CV, das que en 1858 sairía a primeira construída en España.

As primeiras serras de auga constrúense en Galicia na década de 1830; estes innovadores artefactos mecánicos para a serrado mecánico da madeira aparecen no sur da provincia de Pontevedra (vid. ficha 361 Serra dos Carranos), para o abasto da crecente demanda na construción e no envasado da sardiña salgada na área de Vigo.

Os primeiros serradoiros mecánicos movidos por máquina de vapor serán inicialmente un fenómeno urbano que, a partir de 1850, vai desenvolverse paseniño na Coruña, Vigo e Ferrol. Pero é dende a década de 1880 cando se produce o verdadeiro desenvolvemento do sector mecánico na primeira transformación da madeira. Ademais, a aparición de novos elementos de demanda vai orientarse ao piñeiro galego, no canto das frondosas tradicionais.

Primeiro foron os troncos de piñeiro para apuntalar as minas de carbón, que abastecían como frete de retorno aos buques que traían hulla dos portos galeses de Cardiff e Swansea, e do inglés de Newcastle-upon-Thyne. Pero vai ser de meirande importancia o subministro de madeira para caixas, caixóns e embalaxe de mercadorías varias.

A táboa e o cadrado de piñeiro abastecían dende a década de 1860 ás industrias de Málaga e Almería que producían táboa pequena e fina (tablilla) e elaboraban caixas para o envío de uva pasa a Inglaterra. Madeira de primeira serra servía tamén á industria galega de salga en diferentes portos do país.

A crecente demanda de táboa e táboa pequena para as industrias marítimas, levou a que un grupo de industriais vigueses establecera en 1879 «La Industrial Hispano Portuguesa», para a provisión da madeira para envases do sector pesqueiro, serrada pola nova empresa con máquina de vapor no Areal de Vigo. Nos anos seguintes, co mesmo obxectivo, van instalarse na área viguesa outros serradoiros de vapor, aínda que venderán tamén “tablilla” aos exportadores malagueños e almerienses.

Tres anos despois, en 1882, os irmáns Candeira instalaban en Camposancos (A Guarda) as primeiras serras mecánicas a vapor para a elaboración de táboa miúda (vid. ficha 350). Alí, na desembocadura do río Miño, chegaban río abaixo os troncos galegos e portugueses que se enviaban aos portos andaluces para o seu transformado. Unha nova riqueza vai quedar agora na comarca, e pronto se instalarán na zona máis serras, que converterán ao Baixo Miño nunha das áreas pioneiras nesta industria.

Tralas primeiras serras mecánicas a vapor, viguesas e miñotas, outras industrias de serra van espallarse por toda a Galicia atlántica no primeiro terzo do século XX, cunha meirande concentración no sur da provincia de Pontevedra, na bacía ourensá do río Miño, e na área costeira que vai de Ponteceso a Ferrol, convertendo a rexión na primeira produtora española de táboa e táboa miúda para envases.

No informe de Cosme Fernández Soler sobre a economía da provincia de Pontevedra en 1888, recollía a existencia de tres serradoiros, dous accionados por vapor e un terceiro movido por unha cabalería, admitindo a existencia de máis serradoiros, “no contabilizados porque están escondidos al fisco”. En 1895 xa se contaban vinte e un serradoiros na provincia de Pontevedra e cinco na da Coruña, cifras que en 1905 subiron a cincuenta e catro e trinta e sete, respectivamente. Algúns serradoiros do Condado e do Baixo Miño contaban daquela con máis de unha ducia de serras instaladas.

A Gran Guerra (Primeira Guerra Mundial, 1914-1918), coa supresión das importacións de madeira foránea e unha forte subida dos prezos, provocou a expansión dos serradoiros. O remate da guerra abriría unha época difícil, caracterizada polos intentos de concentración que buscaban superar o minifundismo do sector.

Resultado dos esforzos de concentración cabe citar “Serrerías del Miño” (1927, A Guarda, vid. ficha 350), “Aserradora Gallega” (Catoira), “Serrerías Gallegas” (1929, Carril, vid. ficha 468), “Lantero e Hijos” (Vilagarcía, vid. ficha 501) e “La Industrial Maderera Cedeirense” (1930, Cedeira, vid. ficha 561).
Contra 1933, eran 495 os serradoiros galegos con serra de cinta que pagaban a contribución industrial, e, coa súa demanda de piñeiro autóctono, dinamizaban a explotación dos montes do país.

O sector da serra, cunha excesiva especialización na primeira transformación da madeira, con apenas valor engadido, enfiaría un forte proceso de reestruturación a partir da década de 1940, do que xurdiría o sector dos taboleiros fabricados, primeiro, por agregación de chapas de madeira natural encoladas, o contra chapado (Peninsular Maderera, en Ferrol, 1945, vid. ficha 585), e despois, a partir de madeira triturada, encolada e prensada, o aglomerado (Tafisa, en Pontevedra, 1958, vid. ficha 658).

A “Peninsular Maderera” desaparecería en 1976, pero a pioneira experiencia de Tafisa tería unha brillante continuidade cun pequeno grupo de empresas dedicadas á fabricación de taboleiros de madeira aglomerada, de partículas, de fibras, e de fibras de media densidade: Finsa (Pontecesures, 1963, vid. ficha 565), Ecar (Mondoñedo, 1964, vid. ficha 535), Losán (Curtis, 1965, vid. ficha 721), e outras, ata sumar once establecementos en Galicia, a metade dos existentes en España.

Descrición Xeral do Entorno:

A fábrica construíuse a pouca distancia da vila de Betanzos, próxima á estación ferroviaria e aos nós das principais vías de comunicación por estradas nacionais e carreteiras provinciais, polo que tiña garantida a entrada e saída das materias primas e dos produtos fabricados.

Construcción:

1975-1977.

Abandono:

Na data de elaboración desta ficha a fábrica, con outros propietarios, continúa a traballar con éxito.

Descrición:

Finalizada a Guerra Civil Española (1936-1939), o novo estado habería de enfrontarse a uns tempos dunha seria penuria económica nun entorno desolador, coas infraestruturas desfeitas, unha agricultura moi atrasada e unha moi escasa industria. Para máis, coas dificultades derivadas da Segunda Guerra Mundial (1939-1945) e a amoladura da súa identificación cos gobernos de Alemaña e Italia. Neste contexto, o goberno franquista promoverá unha autarquía económica, e para impulsar a industrialización creará en 1941 o Instituto Nacional de Industria (INI) que, a súa vez, creará unha serie de industrias públicas (Empresa Nacional de Electricidad, ENDESA, 1944; Empresa Nacional de Autocamiones, ENASA, 1946; etc.) e terá unha importante participación na implantación de outras.

Porén, os esforzos do INI aínda veríanse dificultados de máis polo illamento ao que foi sometido o país dende 1942 polos gobernos que despois ganarían a guerra mundial, o que agravaría a xa penosa situación económica española, que tamén quedaría excluída das axudas á reconstrución europea do chamado Plan Marshall (European Recovery Program, ERP 1948-1952). As negociacións do goberno de España e a consecución en 1953 dos acordos bilaterais co goberno dos Estados Unidos coñecidos como Pactos de Madrid, ademais das aportacións económicas estadounidenses no período 1953-1963, facilitarían a dispoñibilidade de capital estranxeiro e o arranque dun programa industrial que lograría activar a economía nacional.

Cos novos gobernos, formados por unha maioría de técnicos competentes, se abandonarían os obxectivos autárquicos e, após o Plan de Estabilización de 1959, se crearían os Planes de Desarrollo Económico y Social, cos obxectivos de garantir os produtos básicos á poboación e crear industrias que propiciasen a creación de postos de traballo.

Na primeira metade do decenio de 1950 terían lugar no Centro Escandinavo de Madrid unha serie de encontros entre o empresario español José María Pena Rich e o técnico sueco Folke Pehrzon, daquela Presidente da Xunta Directiva da Cámara de Comercio de Suecia en España, encontros que callarán no acordo para a creación dunha empresa de capital sueco para fabricar taboleiros de fibra vexetal obtida de madeira de piñeiro aproveitando restos das podas e das entresacas forestais. A empresa tería por razón social “Tableros de Fibras, S.A.” (TAFISA) e vai edificar unha primeira fábrica en Valladolid, que comezará a produción en 1951 e será seguida por unha segunda fábrica edificada en Pontevedra, que empezaría a producir en 1958 (vid. ficha 658).
O éxito comercial da novidosa aportación de Tafisa, daría lugar a que un pequeno grupo de empresas do sector da madeira serrada afrontase a fabricación de taboleiros de madeira aglomerada, como Finsa (Pontecesures, 1963, vid. ficha 565), Ecar (Mondoñedo, 1964, vid. ficha 535) e Losán (Curtis, 1965, vid. ficha 721). Outras xurdirían algo despois coa mesma finalidade, e sumarían en Galicia ata once establecementos (Promasa, Orember, Ferrón, Unemsa, Tablicia...), a metade dos que daquela funcionaban en España.

A crise que comezou na segunda metade da década de 1970 e que continuaría no seguinte decenio, traería graves problemas ao tecido empresarial en xeral, e ao sector da madeira en particular. As empresas madeireiras galegas buscarían entón unha integración horizontal que lles permitira medrar e salvar a situación, estratexia coa que só conseguirían sobrevivir Tafisa, Finsa, Losán e Tablicia.

A estratexia para a supervivencia das empresas completaríase co expansión territorial e a internacionalización. Finsa inaugurara, xa en 1969, unha planta de taboleiros de partículas en Santiago de Compostela, e adquiría en 1979 a planta, tamén de partículas, de Orember, establecida en San Ciprián de Viñas en 1969. Á vez, Tafisa inauguraría en 1977, en Betanzos, a filial Tradema (taboleiros de fibras) e, aliada con Finsa, estableceríase en Holanda, Irlanda e Portugal.

En 1975, seguindo a estratexia de integración horizontal e expansión territorial adoptada polo sector da madeira, Tafisa acordara establecer en Betanzos unha segunda fábrica baixo a razón social de «Transformados de Madera, S.A.» (TRADEMA), orientada á produción de taboleiros de fibras de alta densidade, “hardboard” (HB), cunha capacidade inicial da liña de cincuenta mil metros cúbicos anuais. A localización elixida, nunha comarca abondosa en recursos forestais, viña tamén favorecida pola proximidade da betanceira estación de ferrocarril de A Infesta e da estrada nacional N-VI.

En 1986 se acometían na planta unha serie de investimentos a fin de elevar a capacidade de produción aos setenta mil metros cúbicos anuais. Porén, coa prolongación da crise no decenio de 1990, o endebedamento da compañía matriz remataría coa súa adquisición pola empresa «Inversiones Ibersuizas» e arredor de 1993 o presidente, daquela Juan Abelló Gallo, decidiría vender moitos dos activos de TAFISA para sanear o seu grupo. Estas operacións financeiras sería o comezo do imparable declive da madeireira de orixe sueco. Nese mesmo ano, os activos industriais de TAFISA serían adquiridos polo grupo portugués «Sociedade Nacional de Estratificados» (SONAE), que lle daría á fábrica de Betanzos o nome de «Tableros de Fibras Ibéricos, S.L.» (TAFIBER).

En 1994 TAFISA e TRADEMA, co obxectivo de construír na fábrica de Betanzos unha planta de xeración combinada de calor e electricidade (“cogeneración”) para optimizar o proceso e reducir custos, constituían un consorcio de interese económico co «Instituto para la Diversificación de la Energía» (IDAE). Como parte do proxecto, en 1996 entraría en servizo a planta de evaporación para tratamento das augas residuais do proceso.

No ano 2003, decidíase a venda dos terreos de TAFISA en Pontevedra e o traslado de parte da produción (a de solados de taboleiro, ou “flooring”), a un novo emprazamento nunha nave fora de uso no concello de Pontecaldelas, onde traballarían os setenta e catro traballadores que quedaban en Pontevedra ata o ano 2014, cando o seu entón propietario, o grupo portugués «Sociedade Nacional de Estratificados» (Sonae), decidiu o seu peche.

A planta de Betanzos, TAFIBER, acometería no ano 2008 novos investimentos para a mellora dos tratamentos das augas residuais, incrementando a capacidade da planta cun pre-evaporador e instalando unha caldeira para a incineración do concentrado de fibras, ademais dunha planta de osmoses inversa para o tratamento do condensado.

No ano 2015 o grupo francés «Tarnaise de Panneaux» adquiría os activos industriais da fábrica de TRADEMA en Betanzos, entón propiedade do amentado grupo portugués. O novo propietario continuaría co negocio de taboleiro “hardboard”, que desenvolveríase agora baixo a razón social «Betanzos HB, S.L.», especializándose no taboleiro de madeira de eucalipto, do que o oitenta por cento destinaríase á exportación.

Tempo de uso:

Todo o ano, aínda que as árbores se corten preferentemente no inverno.

Sistema de produción:

Un serradoiro é unha instalación, mecanizada ou artesanal, dedicada ao serrado da madeira e, ás veces, tamén ao seu secado. Son industrias de primeira transformación da madeira que proveen de produtos semi-acabados ás industrias de segunda transformación (carpintería, ebanistería, construción) encargadas da fabricación de obxectos ou partes de obxectos de consumo (para máis detalle do proceso da serra, véxase a ficha 388).

A fabricación do taboleiro aglomerado de partículas comeza pola conversión da madeira en rolo e da procedente de reciclaxe (palés, costeiros, restos de serradoiros e carpintarías) en achas e as achas en labras (tallado ou “astillado”). As labras limpas e as serraduras sécanse e clasifícanse nos tambores xiratorios (Trommel), almacenándose os diferentes calibres para o seu uso posterior.

O material clasificado lévase ás máquinas de encolar, onde imprégnanse separadamente as labras e as serraduras elixidas nas proporcións adecuadas ao taboleiro a fabricar. As colas empregadas dependen do tipo de taboleiro desexado, que pode ser estándar, hidrófugo ou ignífugo.

As labras e as serraduras pasan ás formadoras, onde van depositándose nunha banda continua para formar a chamada manta. Deposítase primeiro a serradura máis fina, seguida dunha capa de serradura máis grosa e das labras que forman a parte central do taboleiro, a alma. Enriba bótaselle outra capa de serradura grosa e a derradeira de serradura fina, tralo que a manta formada sométese a un primeiro prensado en frío.

Despois do prensado previo, a manta pasa ao prensado progresivo en quente, en prensa de pratos (descontinua) ou en prensa continua, ata acadar o espesor requirido. No prensado a calor endurece a cola aplicada e a manta remata compactada, cortándose entón nas medidas desexadas e depositándose nos viradores, onde van arrefriarse antes de seren amoreados en paquetes.

Os paquetes de taboleiros pasan pola lixadora onde son desbastados e calibrados antes do almacenaxe para a súa expedición.

O proceso da fabricación de taboleiro aglomerado de fibras (MDF, Medium Density Fiberboard) é diferente do de partículas, pero comeza tamén pola conversión da madeira en rolo e da procedente de reciclaxe (palés, costeiros, restos de serradoiros e carpintarías) en achas e as achas en labras (tallado ou “astillado”). As labras limpas e as serraduras sométense a un procedemento térmico e mecánico de desfibrado e eliminación da lignina.

As fibras da madeira mestúrase entón cunha serie de aditivos (resinas, ceras e urea), fórmase a manta e finalmente procédese ao prensado en quente e á obtención do taboleiro de madeira reconstituída, máis denso e forte que o aglomerado de partículas e xeralmente máis denso que o contrachapado. Os taboleiros MDF presentan unha estrutura uniforme e homoxénea e unha textura fina que permite que as súas caras e cantos teñan un acabado perfecto. Trabállase practicamente igual que a madeira maciza, podéndose fresar e labrar na súa totalidade e é perfecto para lacar ou pintar.

Ao contrario que a madeira maciza, a estabilidade dimensional é óptima, pero, por contra, o seu peso é moi elevado. Constitúe unha base excelente para as chapas de madeira. Aínda que debido ás súas características non é necesario, pódese vernizar e encólase con cola branca facilmente e sen problemas. Adoita ser de cor marrón medio-escuro e é un taboleiro de baixo custo no mercado actual.

Recomendable para construír todo tipo de mobles (funcionais ou artísticos) nos que o peso non supoña un problema, é excelente como tapa de mesas e bancos de traballo. Non podrece nin é atacado pola couza, pero ten o inconveniente que non é apto para exterior nin condicións húmidas, xa que incha inmediatamente ao mínimo contacto coa auga, podendo chegar a desfibrar coa humidade. Fabrícanse tamén placas de MDF que levan un tratamento hidrófugo.

O taboleiro de fibra de alta densidade (HDF, High Density Fiberboard) é un tipo de taboleiro de fibras caracterizado pola súa maior densidade, o que lle confire características diferenciables do taboleiro de fibra de densidade media.

No proceso produtivo aprovéitanse as propiedades termoplásticas da lignina, un adhesivo natural presente na madeira, polo que se fabrica exclusivamente a partir de madeira e auga, sen necesidade do engadido de adhesivos artificiais. Esta técnica convérteo nun produto biolóxico, obtido pola aplicación de presións e temperaturas elevadas.

Pola súa composición a base de madeira, é un material biodegradable que se pode aproveitar ao final do seu ciclo de vida para a súa reutilización noutros produtos, como fonte natural de enerxía para xerar calor. Trátase dun material producido cos estándares europeos de Natural Fiber Board (NFB).

Nos seus usos máis habituais, adoita ser empregado en construción, insonorización, mobles, portas, chans, decoración, automóbil, embalaxe, envases, tacóns de calzado, expositores, xoguetes, traseiras de cadros, lousas, materiais de oficina, pousa vasos, bandexas ou libros, entre outras moitas aplicacións.

Actividades laborais:

Persoal maioritariamente masculino nas fases produtivas, e masculino e feminino nas administrativas e directivas.

Emprego:

No ano 2021 a fábrica contaba con noventa e tres empregos directos.

Materias Primas:

Madeira, inicialmente pino (Pinus pinaster), o piñeiro galego. Auga, colas de urea-formol, melaminas e aditivos. Coa transformación para a fabricación de taboleiro de fibra corta, residuos da industria da madeira de eucalipto (Eucalyptus globulus), sen necesidade de aditivos.

Produtos Elaborados:

Madeira serrada, labras, serraduras, taboleiros de madeira aglomerada de partículas e de fibras. Taboleiro tipo “hardboard”, elaborado unicamente con madeira e auga, sen necesidade de adhesivos ao aproveitar as propiedades termoplásticas da lignina.

Distribución e comercialización:

Internacional.

Referencias Bibliográficas:

Arcas González, Rosa María (2015). Aprovechamiento y valorización de subproductos de fabricación de tableros de madera. Aportando más valor añadido. Dirección de Investigación y Desarrollo de la empresa «Betanzos HB, S.L.».

Carballo García, José; Picos Martin, Juan (2009). ”El sector forestal: problemática y alternativas de futuro”, en Xornadas sobre Políticas públicas en tempos de crise: austeridade, eficacia e fomento da economía de Galicia, Santiago de Compostela, 28 e 29 xullo 2009.

Carmona Badía, Xoán; Nadal Oller, Jordi (2005). El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Carmona Badía, Xoán; Dios Vicente, Adrián (2020). Mortalidad empresarial en Galicia, 1972-2008. Factores de impacto y gestión del riesgo. Vigo: Editorial Fundación INADE. DL VG 438-2020. ISBN 978-84-09-23870-5.

Fernández Cuba, Ana Isabel (2021). «Lucie Portelli: Para ser competitivos en el mercado hay que invertir», en La Voz de Galicia, 07/03/2021 [en línea] Disponible en Internet https://www.lavozdegalicia.es/noticia/mercados/2021/03/07/competitivos-mercado-invertir/0003_202103SM7P8998.htm [06/12/2022].

García Casalderrey, Benigno (2019). “Tres fábricas: o triángulo industrial de posguerra a carón da cidade”, en Revista da Asociación Cultural Cedofeita, núm. 23, agosto 2019, p. 26-30.

Larriba García, Elena (2003). «Tafisa echa el cierre en Pontevedra y la ciudad recupera los terrenos del Lérez», en La Voz de Galicia, ed. Pontevedra, 07/05/2003.

Larriba García, Elena (2014). «Trabajar en Tafisa con los suecos era un lujo y dabas la vida por la empresa», en La Voz de Galicia, ed. Pontevedra, 15/06/2014.

Lorenzo Fernández, Xaquín (1962). “Etnografía: cultura material. Os oficios: Serranchíns”, en Otero Pedrayo, Ramón (dir.): Historia de Galiza, vol. II, O home-II, p. 472-476. Buenos Aires: Editorial Nós.

Lorenzo Fernández, Xaquín (1983). “Serranchíns”, en Os oficios. Biblioteca Básica da Cultura Galega, p. 12-18. Vigo: Editorial Galaxia. DL VG-18-1983. ISBN 84-7154-425-3.

Nuere Matauco, Enrique (2008). “Las estructuras de madera en la época medieval”, en Navascués Palacio, Pedro (coord.): Ars Mechanicae: ingeniería medieval en España, p. 131-141. Fundación Juanelo Turriano. Madrid: Ministerio de Fomento (CEDEX-CEHOPU). DL 46232-2008. ISBN 978-84-7790-470-0.

Rambuscheck, Oskar (1926). “Máquinas de trabajar la madera”, en Manual del Ingeniero, tomo II, capítulo III: Máquinas operadoras, sección I: Máquinas-herramienta, apartado B, p. 437-443. Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, trad. de la 24ª edición alemana. Barcelona: Gustavo Gili.

Rico Boquete, Eduardo (1993). A riqueza forestal de Galicia no século XX: produción e explotación. Tese de doutoramento, dirixida polo profesor Ramón Villares Paz, inédita.

Rico Boquete, Eduardo (2014). “La industria del aserrío mecánico en Galicia, 1856-1935”, en Historia Agraria, 62, Abril 2014, p. 83-116. ISSN 1139-1472.

Seijas Llerena, Daniel (2005). “Un caso de demografía industrial de principios del siglo XX: las comarcas de Caldas y O Ullán pontevedrés entre los años 1899 y 1921”. Congreso de Historia Económica, Sesión: Demografía Empresarial, Santiago de Compostela: Universidad de Santiago de Compostela.

Sobrino Fagilde, Iria; Calviño Iglesias, Raimundo (2008). Arquitectura industrial en la provincia de Pontevedra. Vigo y zona de influencia (eje norte-sur) [en línea] Disponible en Internet: http://noncommon.files.wordpress.com/2012/04/00-a-indyarq_1-393_low.pdf [Último acceso 16 de diciembre del 2020]. Vigo: Colegio Oficial de Arquitectos de Galicia.

Taboada Arceo, Antonio (1971). Galicia, estructura y ritmo socio-económicos. La Coruña: Servicio de Estudios y Publicaciones de las Cámaras Oficiales de Comercio, Industria y Navegación de Galicia. DL C-145-1971.

Xunta de Galicia (2007-2011). Plan de Ordenación do Litoral [en línea] Disponible na Internet: http://www.xunta.es/litoral [Acceso 11 marzo 2020].

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 45-II Betanzos /// Datum ETRS89: H 29 // X 562.869,22 m / Y 4.790.625,86 m

Centro Nacional de Información Geográfica (s/d). Fotototeca Digital, Instituto Geográfico Nacional, Ministerio de Fomento del Gobierno de España [en línea] Disponible en internet: http://fototeca.cnig.es/ [Acceso 11 marzo 2020].

Instituto de Estudos do Territorio (IDE) da Xunta de Galicia (s/d). Información Xeográfica de Galicia: visor de mapas [en liña] Dispoñible na Internet: https://mapas.xunta.gal/visores/basico/ [Acceso 13 maio 2023].

Instituto Geográfico Nacional (s/d). “Mapa Topográfico Nacional 1:25.000”, en Mapas de España. Instituto Geográfico Nacional, Gobierno de España [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/buscarArtsMenu?categoria=MTN25-Mapa-Topográfico-Nacional-1:25.000 [Acceso 18 enero 2021].

Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación del Gobierno de España (s.f.). Sistema de Información Geográfica de Parcelas Agrícolas (SIGPAC), Visor SigPac V 4.10 [en línea] https://sigpac.mapama.gob.es/fega/visor/ [04/04/2022].

Data de Actualización:

13 maio 2023