735 Almacén de salga en Nois

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: Lugo
  • Concello: Foz (ata 1840, concello de San Xulián de Nois)
  • Parroquia: San Xulián de Nois
  • Lugar: Fondo de Nois
  • Paraxe: O Porto de Nois
  • Dirección: Non procede.
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 43.6137042496597
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -7.31038342597198
  • Coordeadas UTM: Datum ETRS89: H 29 // X 636.336,27 m / Y 4.830.356,24 m
  • Clasificación: Industria alimentaria
  • CNAE: 10.22 Fabricación de conservas de pescado (salgadura, escabeche e conserva hermética).
  • Tipoloxía: Salga de pescado
  • Comarca: A Mariña Central
  • Marco Xeográfico: Beiramar que nalgunha cartografía figura como Golfo do Masma, fronte cantábrico lugués que mira ao nordés entre o Cabo de Burela
  • Ámbito: Rural e mariñeiro.
  • Acceso: Dende Foz seguiremos a estrada nacional N-642 cara a Viveiro. A algo menos de sete quilómetros, cen metros despois do camiño que leva ao centro social de A Saira, viraremos á dereita en demanda do porto de Nois. Catrocentos metros despois, na man esquerda da carreteira, atópase o primeiro dos almacéns de salga, medio derruído e, algo máis adiante e a uns cen metros do camiño, o segundo, ben conservado a carón da pequena fenda costeira que serviu como precario porto pesqueiro.

Tipo de propiedade:

Privada.

Visitable:

Exteriormente.

Xestión de visitas:

Non procede.

Historia:

A conservación dos alimentos foi una preocupación principal dende os tempos máis remotos. En Nerga (Cangas) téñense atopado restos fenicios cando se escavaba nun vello salgadoiro; en Bueu apareceron restos de salgadoiros e ánforas de barro romanas; e en Noville (Mugardos) e Cariño (Ferrol) –entre outros lugares da costa atlántica galega– documéntanse senllas industrias romanas de salga de peixe.

Na Idade Media están documentadas as saídas dos portos galegos de grandes cantidades de peixes salgados e de polbos secos e curados ao aire con destino aos portos cantábricos, portugueses e andaluces. Tamén se constatan no século XVI os envíos de ostra escabechada á veciña Castela.

Aínda que os diferentes portos galegos xa despachaban ao Levante importantes cantidades de sardiña ao longo do século XV e comezos do XVI, cando xurde a competencia dos comerciantes do Mar do Norte (arenque inglés e bacallau escandinavo) o tráfico galego de salgadura sofre unha aguda e prolongada crise que se estende ata 1738, cando se prohibe o comercio con Inglaterra.

Avanzando no tempo, os tradicionais procedementos de conserva dos alimentos (curado, salgado, afumado, escabechado) van perfeccionándose. Na segunda metade do século XVIII, coa presenza dende 1750 dos cataláns nas rías galegas, vai incorporándose o prensado do peixe para mellorar os clásicos procedementos de salgadura.

Coa falta de abasto nos seus mercados e de mercados foráneos para os seus produtos, os levantinos desprázanse por tódalas costas peninsulares. As primeiras vagas de comerciantes cataláns recalan nas costas galegas por mor de vender viños, augardentes, aceites e xabóns, e mercan para os retornos sardiña que preparan os galegos cos métodos de salgadura tradicionais. Xa que o peixe en salgadura fora dende tempo atrás o principal produto galego de exportación, os levantinos optan inicialmente por aqueles lugares nos que xa existía unha infraestrutura pesqueira e de salga e curado do pescado consolidada. Ás vilas e portos de Vigo, Aldán, Bueu, Vilaxoán, O Caramiñal e Mugardos, con gran tradición neste tipo de actividades, sumaranse polas súas excepcionais condicións de abrigo, calado ou proximidade a núcleos comerciais importantes, as de Carril, O Freixo, Esteiro ou Portosín.

As primeiras actividades comerciais de “fomento da pesca” desenvolvíanse en pequenos barracóns de madeira situados á beira do mar e tiñan un carácter colonial, adquirindo a sardiña “escochada” aos mariñeiros galegos a cambio de produtos levantinos (viño, augardente, licores, aceite, xabón…) e bacallau danés. Desde 1780 os almacéns de salgadura irán adoptando configuracións estandarizadas nas principais áreas sardiñeiras. Os comerciantes cataláns só permanecen acó entre abril e decembro –a “costeira” ou tempada da pesca da sardiña– tornando despois ao Levante ata a seguinte campaña.

A primeira etapa remata trala ocupación francesa, e a partir de 1810 as seguintes vagas xa formaron compañías locais, asentándose nas beiramares e integrándose na sociedade galega co único obxectivo de explota-los recursos naturais das rías galegas, nomeadamente a sardiña. Unha parte importante dos beneficios reinvístense na actividade dos almacéns de salgadura, con fortes inversións en todo tipo de bens destinados a esta industria: edificios, embarcacións, redes e artes de pesca.

As principais innovacións introducidas polos fomentadores cataláns foron as produtivas, retributivas e crediticias propias do emerxente capitalismo: as redes de arrastre (a xávega, de orixe árabe), máis produtivas que as artes de deriva (xeito e volantas) e de cerco (chinchorro, traíña, xareta); as novas técnicas de salgadura aprendidas dos holandeses (sardiñas “arencadas”, o prensado fronte ao escochado e salpresado), coa extracción das graxas e o aproveitamento dos aceites; e os novos sistemas de traballo, coa privatización dos aparellos e a remuneración do traballo co salario, aínda que se continuase tamén co sistema de quiñóns.

As novas e máis produtivas técnicas de pesca foron inicialmente rexeitadas polos gremios galegos, preocupados polo esgotamento dos recursos mariños e partidarios dunha pesca sustentábel. Pero a razón económica acabaría prevalecendo sobre a conservadora, xeneralizándose tamén os novos procedementos de prensado do peixe salgado para a elaboración das salgaduras.

Contra 1820 descóbrese en Francia unha maneira de conservar moito más eficiente e duradeira cá da salgadura, que por riba reduce drasticamente as necesidades de sal na conserva: o envasado e a esterilización das viandas en recipientes herméticos, de vidro primeiro e de folla de lata máis tarde. O procedemento vai xeneralizarse na Bretaña a altura de 1840.

No ano 1828 José María Tubiano establecería en Oviedo a primeira fábrica española de conservas herméticas de pescado, á que axiña seguirían outras dúas, tamén en Asturias, e, xa en 1836, a de Francisco Zuloaga na Ponte Gaiteira (Oza, A Coruña). Dende 1850 van establecerse outros pequenos talleres que envasaban manualmente en frascos de vidro sardiña, pescada, ollomol, ostras, caza, verduras e froita, e que chegarían a seren corenta contra 1880, das que trece estaban en Cantabria, dez no País Vasco, nove en Asturias e sete en Galicia.

As primeiras conserveiras galegas tiñan unha produción diversa (dende sardiñas en aceite a lingua de vaca) moi pouco especializada e con procesos maioritariamente manuais. Nestes primeiros anos, na elaboración dos produtos empregaban como envase, primeiro, frascos de vidro, e, deseguido, folla de lata de importación, pechándose as latas con soldadura manual. Frascos e latas esterilizábanse despois ao “baño maría” en caldeiras abertas. Estes pioneiros foron Zuloaga (Oza, 1836, vid. ficha 547), Pelletier (Coruña, 1853), “La Aurora” de Alejandro Carreño (Noia, 1856, vid. ficha 422), Curbera (Vigo, 1861, vid. ficha 267), e “La Noyesa” de Joaquín Caamaño (Noia, 1874, vid. ficha 368), aos que seguirían moitos outros.

Pódese considerar como a primeira fábrica moderna de conservas de peixe en Galicia a que puxera en funcionamento en 1879 Juan Goday Gual na Illa de Arousa (vid. ficha 124), cun edificio construído expresamente para contela, unha máquina de vapor adquirida en Birmingham, una cheminea, uns soldadores especializados no peche das latas e un técnico francés ó fronte do proceso produtivo “ao estilo de Nantes”, coa vianda cociñada antes do seu enlatado e esterilizado. O éxito da modernización fixo que contra 1907 xa houbera máis de cen empresas deste tipo en Galicia.

Descrición Xeral do Entorno:

O almacén de salga edificaríase nos terreos que lindan polo norte co exiguo areal do pequeno e precario abrigo portuario coñecido como porto de Nois.

Construcción:

Cara a 1880.

Abandono:

Contra 1950.

Descrición:

O topónimo Nois, situado na beiramar entre os río Burelum (posibelmente o río de Moucide) e Aurium (o río Ouro), conta con temperáns mencións medievais que o deixan a cuberto de alteracións tardías, o que lle permitiu a Bascuas (2006: 354) concluír dunha maneira fiábel a súa nidia vinculación hidronímica. O noso destacado lingüista o considera derivado da raíz indoeuropea *neigw- 'lavar', daquela etimoloxicamente emparentado cos topónimos Noa, Noal, Noalla, Noenlle, Noia, Noicela e Nimo.

Tralo apoxeo da pesca da balea nos séculos XIV e XV, no século XVI, malia que minguada, constituía aínda unha actividade moi lucrativa no litoral galego, coa meirande actividade “en San Ciprián y Burela, pero con noticias de esta práctica en Rinlo, Foz, Nois...” (Rodríguez, 1976: 135). Xa na metade do século XVIII, precaria a pesca da balea, queda documentada a pesca da sardiña e a boga no porto de Nois, “de corta consideración, pero cuyos naturales hacen alguna pesca menor”, conforme deixara anotado Cornide (1764).

Nas respostas xerais do Catastro do Marqués de la Ensenada, no interrogatorio celebrado o 15 de novembro de 1752 en San Xulián de Nois, recóllese “que en esta feligresía no ay individuo alguno que tenga embarcación que navegue en el mar y ríos a excepción de un barco de pesca perteneciente a Francisco Rodríguez, Francisco y Eugenio Marful, Francisco Gómez, Joseph Villapol y Phelipe Díaz”.

Coa división xudicial e municipal da provincia, en 1840 o concello de San Xulián de Nois quedaría incorporado ao concello de Santiago de Foz.

Pese ao seu pequeno tamaño, o abrigo de Nois, a unhas tres millas náuticas de Burela e outras tantas de Foz, de antigo tivo que ser unha referencia importante para os navegantes que se aventuraban polo Mar Cantábrico. A falta das necesarias comprobacións arqueolóxicas, afírmase que a igrexa de San Xulián de Nois, edificada no século XVII, asentouse sobre os restos dunha factoría fenicia (López Pérez, 1993: 158), pero do que non hai dúbidas é da súa importancia como porto baleeiro dende a segunda metade do século XIII ata os comezos do XVIII (vid. Ferreira Priegue e Rodríguez Galdo).

Aínda que sen dúbidas sería anterior o inicio da actividade baleeira, do ano 1291 é a primeira noticia documental que a recolle nos portos de Bares e San Cibrao, do 1527 no de Burela, do 1605 en Nois, 1607 en Rego de Foz e 1611 en Rinlo (Valdés, 2010: 57-58). A caza da balea franca no Cantábrico iría a menos nos anos finais do século XVII, dándose por extinta no ano 1718, derradeiro ano de capturas consignadas no libro de contas do cabido de Mondoñedo. Dende os comezos do século houbo que recorrer cada vez máis ao emprego do saín obtido da cabeza e vísceras das sardiñas, e na segunda metade do século XVIII todo o aceite de balea e bacallau que se consumía no norte de España procedía do estranxeiro (Valdés, 2010: 241-242).

Agás algunha casual captura de cetáceos, a actividade no porto de Nois quedaría reducida a pesca menor, principalmente de sardiña, para o propio abasto e, para a mellor xestión dos excedentes, o salgado como tradicional técnica de conservación prosperaría desde o ámbito familiar ata acadar unha certa dimensión industrial. E desta maneira xurdirían dous almacéns de salgadura, ben próximos ao areal no que os mariñeiros varaban as embarcacións.

Os dous almacéns presentan un aspecto case idéntico, cunha planta rectangular orientada lonxitudinalmente do noroeste ao sueste e tres corpos diferenciados, de planta térrea os que miran ao norte e ao sur, cun gran patio descuberto entre ambos, e con dúas alturas no que pecha o testeiro do levante. A súa feitura e talmente a das edificacións características construídas polos coñecidos como fomentadores cataláns.

O corpo principal serviría como casa vivenda e dedicaríase o andar aos cuartos, mentres o baixo serviría como almacén e oficina do negocio. As construcións a un e outro lado do patio central disporían dos lavadoiros, lagares e píos de salgadura, nun deles, e as prensas e pozos de recollida das graxas no outro.

Avanzando por Fondo de Nois cara ao porto, o primeiro dos almacéns aparece na beira esquerda (vid. ficha 740), coa fachada do corpo principal arrimada ao camiño. No baixo ábrese na fachada o portal de acceso e dispón de tres fiestras no andar, amais de cadansúa fiestra nos paramentos laterais.

Tras este corpo principal ábrese o patio, do que o claro viña sendo a parte central, non cuberta para que a luz chegase a todas as dependencias do seu arredor. O claro é aquí de terra, aínda que no meirande dos casos tiña o chan totalmente lousado cunha lixeira caída cara o centro no que se dispuña unha gabia ou quenlla para desauga-los líquidos do lavado das sardiñas, as augas con sosa do baldeo e a auga da chuvia.

No lateral esquerdo, arrimada ao muro que pecha ao exterior, atópase a banda dos lagares, a chanca, con dúas riolas de seis píos de salmoira en cada unha delas. A chanca vai aberta cara ao patio e a súa cuberta, a tres augas, a soportan na marxe do patio uns esteos de madeira que descansan en pilastras de granito.

Na outra banda, arrimado ao muro do lado dereito, acolle o morto, onde dispúñanse as prensas de machos e os depósitos para as morcas e o saín, as graxas das sardiñas que saían das pandeiretas colocadas baixo as prensas. O chan do morto ía lousado de cantería, cunhas acanaladuras que desembocaban no depósito de decantación das graxas no cal quedaba a auga embaixo e o saín rebordaba para o depósito propio del.

O acceso ao interior o facilita un amplo portal aberto no muro que pecha o patio polo fondo do recinto, podéndose igualmente acceder desde a porta traseira da casa vivenda. A uns dez metros tras do portal traseiro corre o Rego da Lagoa, do que obteríase a auga para os usos do almacén ou fábrica de salga.

A construción segue o tipo propio da Mariña luguesa, con fábrica de cachotería careada nos muros e as cubertas de lousa sobre armadura de madeira. A cuberta do corpo principal foi feita a catro augas, mentres que as outras dúas testan co muro traseiro da casa e van a tres augas. A planta é rectangular e ocupa uns cincocentos vinte e tres metros cadrados, cun fronte de vinte metros e un fondo de vinte e seis. O corpo principal, coa fachada de vinte metros, ten un fondo de algo menos de cinco. O ancho da chanca é de sete metros e de seis o do morto.

Desgraciadamente, esta interesante edificación atópase nun lamentable estado de abandono.

Algo máis adiante chégase á beiramar do porto de Nois, véndose enfronte o outro almacén de salga (vid. ficha 140), na ribeira do poñente da pequena enseada.

Como xa quedou anotado, esta edificación, non sendo polas dimensións dunha e doutra e a posición cambiada da chanca e o morto, é en todo igual ao primeiro almacén descrito. A planta é rectangular e ocupa uns setecentos corenta e tres metros cadrados, cun fronte de vinte e dous metros e un fondo de trinta e tres. O corpo principal, coa fachada de vinte e dous metros, ten un fondo de algo menos de cinco. O ancho da chanca é de sete metros e de seis o do morto.

Na metade da fachada do corpo principal ábrese no baixo o portal de acceso; a esquerda conta cunha fiestra e unha construción accesoria que chega ata a esquina. No andar dispón de tres fiestras na metade da esquerda, unha fiestra enriba do portal e, na metade da dereita, unha fiestra e un fachal. No paramento do lateral dereito dúas fiestras miran cara ao mar.

O patio ábrese tras deste corpo principal e non leva cuberta na parte central, o claro, permitindo a iluminación natural nas dependencias que asentan no arredor. O claro é de terra apisoada, aínda que a maioría das construcións deste tipo teñan o chan totalmente lousado cunha lixeira caída cara unha gabia ou quenlla para desauga-los líquidos do lavado das sardiñas, as augas con sosa do baldeo e a auga da chuvia.

Arrimados ao muro que pecha no lateral dereito ao exterior, atópanse os lagares, a chanca, con dúas riolas de seis píos de salmoira en cada unha delas. A chanca vai aberta cara ao patio e a súa cuberta, soportada do lado do patio por esteos de madeira sobre pilastras de granito, ten soamente caída a unha auga, para o interior; o mesmo vale para o morto.

Na outra banda do patio, arrimado ao muro do lado esquerdo, atópase o morto, con prensas de machos e os depósitos para as graxas que saían das sardiñas (as morcas e o saín) por baixo das pandeiretas ao prensalas. O chan do morto ía lousado de cantería, cunhas acanaladuras que desembocaban no depósito de decantación das graxas no cal quedaba a auga embaixo e o saín rebordaba para o depósito propio del.

Para o acceso ao patio ábrese un amplo portal no muro que o pecha do exterior polo fondo do recinto, e pódese acceder tamén desde a porta traseira da casa vivenda. A uns poucos metros da fachada dianteira, o Rego da Lagoa desemboca no areal do porto. A auga para o abasto do conxunto do almacén de salga obteríase dunha fonte localizada tras del.

A fábrica das construcións é de cachotería careada nos muros, con as cubertas de lousa sobre armadura de madeira, seguindo o tipo propio da Mariña luguesa. Os paramentos do corpo principal ían revestidos con masa e encalados, e a cuberta leva caída a dúas augas.

Este edificio foi reformado e o seu uso actual é de vivenda, e amosa un bo estado de conservación.

Tempo de uso:

Inicialmente, estacional, dependendo fundamentalmente das mareas da pesca e do marisqueo dos produtos elaborados. O desenvolvemento no decenio de 1960 da industria frigorífica, no mar e en terra, permitirá á industria conserveira poder traballar continuamente todo o ano.

Sistema de produción:

Unha vez completadas as capturas, os barcos retornaban dirixíndose ás proximidades dos almacéns de salga e das conserveiras para entregar a súa pesca. O penetrante son dos bucios ou caracolas (ou das sirenas nas embarcacións modernas) advertía aos de terra da chegada do peixe e os veciños –mormente mulleres– aprestábanse para o desembarcar nas praias ou, no mellor dos casos, peiraos. Descargado o peixe das embarcacións –mormente sardiña, pero tamén bocarte, xarda e agullas–, trasladábase nas patelas ao almacén da salga para proceder ao seu escochado e salgado tradicional ou, en tempos máis modernos, ao seu salgado e prensado.

Para o escabechado e conserva de mariscos, as tarefas de moitos veciños das conserveiras xa comezaban coa recollida e transporte de leña ata as praias próximas, onda se recibían os mexillóns (e tamén as navallas, os croques e as ameixas) e se cocían en auga de mar, escunchándoos despois e limpando a vianda antes de transportala ás fábricas para o seu envasado.

No salgado tradicional a sardiña era escochada, aberta e limpada unha a unha, sacándolle cabeza, espiña e tripas, posta a mollo nas tallas e cando se xuntaban as suficientes, deixadas a salgar nos píos durante un día enteiro. Retirábanse despois da salmoira e íanse metendo en voltas nas barricas, engadíndolle varias presadas de sal cando se completaba unha volta para evita-lo contacto entre as distintas fiadas. Completada a barrica, tapábase para a súa comercialización. Ao non lle extrae-la graxa a oxidación íalle dando á sardiña unha cor amarelenta que empeoraba sensiblemente o seu aspecto.

As cabezas e as tripas prensábanse nas tallas pondo unha pedra de bo tamaño enriba da tapa da talla, extraéndolle así as graxas ou saín que se venderían para o refinado de coiros (normalmente as de peor calidade, chamadas morcas), para a protección de madeiras, para a fabricación de pinturas, como aceite para alumeado ou lubricación, e mesmo como mercadoría de exportación aos portos europeos (Hamburgo, Liverpool, Londres) e americanos (La Habana).

O máis moderno proceso de salgado comezaba coa descarga do peixe das embarcacións e o traslado ao almacén da salga. Unha vez lavado e salgado, o peixe –mormente sardiña, pero tamén xarda e agullas– metíase nos píos da chanca coa moira (disolución saturada de sal en auga) onde se deixaba a salgar durante unha ou dúas semanas.

Rematada a salgadura, sacábase o peixe e levábase ao morto, onde colocábase coidadosamente nos cascos, que se tapaban poñéndolles un morto (o peso para prensar o peixe) enriba da tapa, axudando coas prensas para mellor extraerlle a graxa, graxa que escoaba dos cascos e ía por unhas canles ata os pozos do saín.

Este novo proceso de salgado rendía moito máis que o primitivo salgado do peixe previamente descabezado, eviscerado e limpado, e as sardiñas – ao non teren graxas– non amarelaban como as do tradicional escochado e tiñan moito mellor aspecto, aínda que ao dicir dos entendidos non eran igual de saborosas que aquelas.

Unha variante moito máis laboriosa, que comezara a practicarse co bocarte, é a do anchovado ou anchoado, (do nome xenovés do bocarte) proceso que esixe que se lle retire a pel ao peixe e se prepare aberto, fileteado, eviscerado, sen raspa e desangrado antes de proceder ao seu salgado. Empregado principalmente co bocarte, ata o punto de quedarlle o nome de anchoa ao bocarte así preparado, o mesmo proceso e presentación da vianda nun tempo utilizárase tamén coa sardiña, sardiña anchoada.

Para o escabechado prepárase un mollo fritindo allo co aceite no que fritiuse o peixe e, cando xa frío, incorpórase viño branco, vinagre de viño branco, follas de loureiro, grans de pementa e pemento roxo seco e moído (pode levar tamén cravo, canela ou outras especias ao gusto), preparando un caldo que ten que ferver a lume manso e que se verte despois cubrindo totalmente a vianda.

No caso da conserva hermética da sardiña e outros peixes (xardas, agullas, bocarte, atún) “ao xeito de Nantes”, tralo carrexo das patelas das embarcacións á fábrica e a descarga da pesca nas mesas, procedíase ao descabezado, eviscerado, limpeza e lavado do peixe, posta en salmoira e secado ao sol. Pasadas despois folo forno ou torrador, lavábanse con auga de mar e fritíanse lixeiramente antes de envasalas para sometelas ao “apertizado”, esterilizando os envases fervéndoos ao baño de María.

A esterilización do peixe e o seu posterior envasado en recipientes herméticos, de vidro primeiro e de folla de lata máis tarde, é unha maneira de o conservar moito más eficiente e duradeira cá da salgadura. O procedemento, que fora descuberto en Francia na década de 1820, adoptárase na Bretaña a altura de 1840, e chegara ao seu cume a finais do século XIX, cando a soldadura manual das tapas por estañado ía sendo substituída polo engastado, “sertido” ou peche mecánico por compresión das pestanas que levaban o corpo do envase e a súa tapa, cun ariño de goma para garantir a estanquidade.

Consolidada a industria conserveira, nos comezos do século XX pasouse en Galicia de fritir as sardiñas a cocelas en salmoira ou ben ao vapor, unha mellora que abarataba o proceso e sería coñecida como “método español”. Para o cocido ao vapor púñanse as sardiñas (ou o peixe que fora) nas grellas de arame, que pasaban ao carro para as introduciren nos torradores onde se cocían co vapor producido na caldeira da fábrica.

Sacábanse logo os carros coas grellas e púñanse os peixes e mariscos xa cocidos nas mesas de empacado onde se colocaban nas latas e se lles botaba o aceite ou o prebe (escabeche, salsa de tomate, salsa de vieira). Unha vez as latas enchidas de aceite, pasaban á sección de pechado, onde se cerraban con estañado por soldadura manual, nos primeiros tempos, e despois nas máquinas de sertido ou peche mecánico por compresión. As latas introducíanse seguidamente no autoclave para o seu esterilizado, tralo que se lavaban para quitarlles todo rastro de aceite ou graxa e se levaban ao estoxado e se colocaban nas caixas nas que se levarían á distribución e venda.

O desenvolvemento da industria foi introducindo modernizacións que supoñían tanto melloras produtivas como hixiénicas: canles de eviscerado, canles de lavado e salmoirado, mesas circulares de dobre carrusel para o abasto de latas baleiras e material a empacar, fornos de cocción continua de vapor aberto, transportadoras de latas, etc.

No ano 1960 xa se empacaban os túnidos mecanicamente, e en 1962 introducíase na liña da sardiña o novo sistema de recepción e tratado do peixe, pasando primeiro aos tanques de salmoira refrixerada e de alí ao corte e eviscerado mecánico, para continuar en bandexas plásticas aos fornos de cocción e seguidamente ás mesas de empacar, todo elo sen intervención de man de obra. A mecanización permitiría que as fábricas de conservas produciran máis de cento cincuenta millóns de latas anuais, e que unhas cincuenta mil toneladas de conservas saíran cada ano das súa instalacións.

Actividades laborais:

Man de obra principalmente feminina na limpeza e preparación da vianda. Persoal principalmente masculino na atención da maquinaria e a supervisión dos procesos.

Emprego:

Sen datos.

Materias Primas:

Principalmente sardiña (Sardina pilchardus).

Produtos Elaborados:

Salga de pescado, principalmente sardiña.

Distribución e comercialización:

Local.

Referencias Bibliográficas:

Alonso Álvarez, Luis (1977). Industrialización y conflictos sociales en la Galicia del Antiguo Régimen, 1750-1830. Madrid: Akal. ISBN 84-7339-243-4.

Bascuas López, Edelmiro (2006). “Derivados de la raíz indoeuropea *NEIGW- ‘LAVAR’, en Hidronimia y léxico de origen paleoeuropeo en Galicia, p. 349-356. Sada: Ediciós do Castro. DL C-753-2006. ISBN 84-8485-222-9.

Carmona Badía, Xan (1985). «La industria conservera gallega, 1840-1905», Papeles de Economía Española, Serie Economía de las Comunidades Autónomas, número 3, Galicia, p. 177-191. Madrid: Fundación Fondo para la Investigación Económica y Social de la Confederación Española de Cajas de Ahorros (FUNCAS). ISSN 1136-4777.

Carmona Badía, Xoán; Nadal Oller, Jordi (2005). El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000, A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Cornide Saavedra, José Andrés (1991). Descripción circunstanciada de la costa de Galicia, y raya por donde confina con el inmediato Reino de Portugal: hecha en el año de 1764. Manuscrito. Edición e estudo de Xosé Luis Axeitos Agrelo en 1991. Sada: Ediciós do Castro. ISBN 84-7492-527-4.

Crecente Maseda, Juan Mario (2011). Arquitectura, patrimonio y turismo. Talasogalicia®, una propuesta de síntesis. Tesis Doctoral (inédita), Joaquín Fernández Madrid y Cesar Portela Fernández-Jardón (dir.). Departamento de Construcciones Arquitectónicas. Escuela Técnica Superior de Arquitectura. Universidade de A Coruña.  Vid. anexo 4, fichas 41 vivenda e 42 ruína.

Fernández Casanova, Carmen (1998). “Cambio económico, adaptacións e resistencias nos séculos XIX (dende 1870) e XX”, en Fenández Casanova, Carmen (coord.): Historia da pesca en Galicia, p. 139-206. Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela. DL C-1816-1998. ISBN 84-8121-719-0.

Ferreira Priegue, Elisa María (1988). Galicia en el comercio marítimo medieval. Colección de Documentos Históricos. La Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-947-1988. ISBN 84-85728-71-8.

García Fernández, Antonio (2006). "Construcións marítimas da nosa primeira industrialización. Da salga á conserva”, Ardentía. Revista Galega de Cultura Marítima e Fluvial, nº 3, Xuño 2006, Cambados, Pontevedra, p. 35-40. DL PO-295/04. ISSN 1699-3128.

Instituto Hidrográfico de la Marina. Sección Náutica (1989). Derrotero de la Costa Norte de España, desde el río Bidasoa hasta la Estaca de Bares. Derrotero núm. 1, 12ª ed. y suplementos. Cádiz: Servicio de Publicaciones de la Armada. DL CA-939-1988. ISBN 84-7823-009-2.

López Capont, Francisco (1998). El desarrollo industrial pesquero en el siglo XVIII: los salazoneros catalanes llegan a Galicia. Real Academia Galega de Ciencias. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-769-1998. ISBN 84-89748-26-8.

López Pérez, Pilar; Fernández Pacios, Juan Ramón (1993). Foz, recuperación da memoria histórica. Lugo: Servizo de Publicacións da Deputación Provincial. DL LU-16-1993. ISBN 84-86824-22-2.

Mariño del Río, Manuel (1996). A industria derivada da pesca no Concello de Porto do Son. As salgadeiras (1774-1934). Muros: Toxosoutos. DL C-1001-1996. ISBN 84-89129-20-7.

Meijide Pardo, Antonio (1971). Economía marítima de la Galicia cantábrica en el siglo XVIII. Estudios y documentos, núm. XXXII (1971). Departamento de Historia Moderna. Facultad de Filosofía y Letras. Valladolid: Universidad de Valladolid. DL VA-455-1971.

Respuestas Generales del Catastro del Marqués de la Ensenada (1750-1754). Comprende 13.000 localidades en 545 vols. conservados en el Archivo General de Simancas, microfilmados en la década de 1980 y digitalizados en 2004 y 2005 con un total de 350.000 imágenes. Madrid: Ministerio de Cultura del Gobierno de España [en línea] https://pares.mcu.es/Catastro [Acceso 20/06/2023].

Rodríguez Galdo, María Xosé (1976). Señores y campesinos en Galicia, siglos XIV-XVI. Santiago de Compostela: Pico Sacro. ISBN 84-85170-12-1.

Romaní García, Arturo (1981). La pesca de bajura en Galicia. Prólogo de Antonio Fraguas Fraguas. Serie Liminar. Etnografía. Sada: Ediciós do Castro. DL C-1160-1981. ISBN 978-84-7492-087-1.

Romaní García, Arturo (1991). A revolución tecnolóxica na industria salgadeira en Galicia. Vigo: Unipro. DL C-1179-1991. ISBN 84-87917-01-1.

Sáñez Reguart, Antonio (1791-1795). Diccionario Histórico de los Artes de la Pesca Nacional (Cinco tomos). Madrid: Imprenta de la viuda de Don Joaquin Ibarra, 1791-1795. Reedición de 1988, Madrid: Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación. Edición facsimíl del 2009, Valladolid: Editorial Maxtor. DL VA-503-2009. ISBN 84-9761-600-6.

Taboada Arceo, Antonio (1971). Galicia, estructura y ritmo socio-económicos. La Coruña: Servicio de Estudios y Publicaciones de las Cámaras Oficiales de Comercio, Industria y Navegación de Galicia. DL C-145-1971.

Valdés Hansen, Felipe (2006). “Origen y consolidación de la actividad ballenera en Galicia. Los puertos de la Mariña Lucense en la Baja Edad Media”, en Valín Valdes, Manuel Alfonso; González Paz, Carlos (coords.): O mariscal Pardo de Cela e o seu tempo, p. 441-475. Lugo: Diputación Provincial de Lugo. ISBN 84-81923-44-3.

Valdés Hansen, Felipe (2010). Los balleneros en Galicia (siglos XIII al XX). Colección Galicia Histórica. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-355-2010. ISBN 978-84-95892-78-2.

Xunta de Galicia (Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas) (2007-2011). Plan de Ordenación do Litoral [en línea] http://www.xunta.es/litoral [Acceso 31 marzo 2020].

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 9-II Fazouro /// Datum ETRS89: H 29 // X 636.336,27 m / Y 4.830.356,24 m

Centro Nacional de Información Geográfica (s/d). Fotototeca Digital. Instituto Geográfico Nacional, Ministerio de Fomento del Gobierno de España [en línea] Disponible en internet: http://fototeca.cnig.es/ [Acceso 4 xuño 2023].

Instituto de Estudos do Territorio (IET) da Xunta de Galicia (s/d). Información Xeográfica de Galicia: visualizador de mapas [en liña] Dispoñible na Internet: http://mapas.xunta.es/visualizador-de-mapas [Acceso 4 xuño 2023].

Instituto Geográfico Nacional (s/d). “Mapa Topográfico Nacional 1:25.000”, en Mapas de España. Instituto Geográfico Nacional, Gobierno de España [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/buscarArtsMenu?categoria=MTN25-Mapa-Topográfico-Nacional-1:25.000 [Acceso 18 enero 2021].

Instituto Hidrográfico de la Marina (1961). De Las Pantorgas a San Ciprián. Océano Atlántico Norte. Costa Norte de España. Carta 932, con levantamientos de 1918 y correcciones hasta 1977. Cádiz: Talleres del Instituto Hidrográfico de la Marina. DL CA-734-1971.

Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación del Gobierno de España (s/d). Sistema de Información Geográfica de Parcelas Agrícolas (SIGPAC), Visor SigPac V 4.12 [en línea] Disponible en Internet: https://sigpac.mapama.gob.es/fega/visor/ [Acceso 4 xuño 2023].

Royal Cruising Club Pilotage Foundation (1971). South Biscay: La Gironde to La Coruña. Robin Brandon. Revised by John Lawson. Fifth edition 2000. St Ives Cambridgeshire: Imray, Laurie, Norie & Wilson, Ltd. ISBN 0-85288-422-2.

Data de Actualización:

21 xuño 2023