741 Fábrica de botas de auga de Bueu

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: Pontevedra
  • Concello: Bueu
  • Parroquia: San Martiño de Fora
  • Lugar: Bueu
  • Paraxe: Rúa Pazos Fontenla número 34
  • Dirección: Non procede: o taller desapareceu hai vinte anos.
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 42.32604233110107
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.783662201240586
  • Coordeadas UTM: Datum ETRS89: H 29 // X 517.816,82 m / Y 4.685.998,24 m
  • Clasificación: Produtos de caucho e plásticos
  • CNAE: 14.12 Confección de roupa de traballo. 22.19 Fabricación de outros produtos de caucho.
  • Tipoloxía: Fabricación de botas de auga
  • Comarca: O Morrazo
  • Marco Xeográfico: Marxe esquerda da ría de Pontevedra, nas beiramares setentrionais da Península do Morrazo.
  • Ámbito: Urbano e mariñeiro
  • Acceso: O obradoiro que fabricaba as botas de auga ocupou o baixo do número 34 da rúa Pazos Fontenla, na vila de Bueu.

Tipo de propiedade:

Privada.

Visitable:

Exteriormente, mais non quedan pegadas da pasada actividade industrial.

Xestión de visitas:

Non procede.

Historia:

O calzado é aquela parte da indumentaria utilizada para protexer ou simplemente adornar os pés. O seu deseño e fabricación remóntanse ás orixes da humanidade, con evidencias desde o paleolítico superior da utilización de peles de animais e de fibras vexetais para protexer os pés elaborando cubertas e sandalias.

Como parte da vestimenta, no decurso do tempo adquire moitas formas consonte a súa orixe e función, recibindo tamén variados nomes: zapato, zoco, chanca, sandalia, alpargata, bota, botín, chinela, chanqueta, zapatilla, pantufla, babucha. O calzado pode levar como complemento o uso de medias ou calcetíns, xa sexa para mellorar o confort dos pés ou como complemento do propio ornato.

A industria do coiro sería unha actividade vinculada ao gremio de zapateiros, necesitados do abasto de materia prima para o seu traballo. Desde os comezos da década de 1770, coa aparición nas contornas de Ferrol dos primeiros curtidoiros estabelecidos co novo modelo organizativo de factoría centralizada (vid. ficha 329), a fabricación de curtidos irá liberándose do control gremial, e os zapateiros irán asentándose como unha industria independente da do curtido e orientada a cubrir as necesidades e demandas do mercado (vid. ficha 609, por exemplo).

A protección do corpo fronte as inclemencias meteorolóxicas encarou o seu particular desafío coa necesidade de defender a propia vestimenta da humidade, da chuvia e da neve. Máis alá das nosas corozas, puchos e chancas para protexerse das choivas, as roupas e demais pezas de vestir, xa fosen de coiro ou de tecido, acababan inevitablemente empapadas baixo as néboas, a chuvia ou a neve, aumentando a incomodidade do portador e reducindo a duración das prendas.

Xurdirían entón os intentos de impermeabilización de coiros e lenzos, de crear neles unha barreira que evitase, ou cando menos dificultase, a penetración da humidade, que diminuíra a permeabilidade das roupas, dos chapeus e do calzado. Da observación e as probas con diversos materiais, resultaría a aplicación sobre as superficies das prendas de ceras e graxas.

A graxa dos animais, a cera das abellas, e as mesturas de ceras e aceites, serían os produtos que aportarían aos coiros e aos tecidos unha capa protectora resistente a auga, o que faría ás prendas impermeabilizadas de agradecida utilización como roupa de traballo, singularmente no mundo mariñeiro.
Entre a xente do mar, as vilas de Porto do Son e de Bueu serían respectivamente recoñecidas pola calidade da confección e impermeabilidade das roupas de augas, no caso da primeira (vid. ficha 728), e das botas de auga, na segunda.

Descrición Xeral do Entorno:

O taller de botas de auga da vila de Bueu estivera primeiro no baixo dunha vivenda familiar na rúa do Príncipe (hoxe Eduardo Vincenti), nas proximidades da zona portuaria. Trasladaríase con posterioridade a un novo taller na mesma vila, no baixo dunha vivenda a carón do que era a estada xeral e coñécese hoxe como rúa Pazos Fontenla.

Construcción:

Finais do decenio de 1950. Traslado en 1964 ao novo taller.

Abandono:

No ano 2003.

Descrición:

As pequenas agrupacións familiares dispersas polo territorio, foron unha característica de moitas das manufacturas que satisfacían á modesta demanda comarcal e mesmo rexional. Nalgúns casos, a especialización produtiva ou vantaxosos factores de localización callarían nunha certa concentración das actividades, como no caso dos tecidos, os curtidos ou a salga, entre outras.

Algún tipo de protección fronte as humidades e mesmo as frecuentes molladuras, eran unha continuada arela de quen sufría adoito tales incomodidades que mesmo minaban a saúde. Colectivos particularmente afectados eran os dos mineiros e os dos mariñeiros.

Sería no Porto do Son, contra o ano 1896, onde comezaría en Galicia a confección de vestiario impermeabilizado, pantalóns, chaquetóns e chapeus, os nosos suestes, (vid. ficha 728). No que atinxe ao calzado, era o chamado zoco de bota o mormente empregado, formado por unha sola ou piso de madeira cunha empeña de coiro prolongada por unha cana, tamén de coiro, que chegaba ata o xeonllo; o coiro, usualmente de pel becerro, encerábase e aceitábase para conseguir a impermeabilidade.

Na década de 1950 comezarían a comercializarse botas de goma, fabricadas dunha maneira en todo similar á do calzado de coiro, non sendo que as pezas empregadas eran de goma, pegadas e vulcanizadas para unha perfecta unión e impermeabilidade.

O veciño de Bueu José Riobó, quen de mozo aprendera o oficio de zapateiro, realizaba no seu taller moito calzado a medida. A finais do decenio de 1950, coa aparición e comercialización do calzado confeccionado nas fábricas, o traballo artesanal tradicional comezou a minguar, e Riobó decidiu orientar o seu oficio á confección de botas de auga para os mariñeiros.

A nova xeira comezaría por facerse cunha máquina para a vulcanización da goma, máquina que conseguiría que lla construíran nun taller mecánico de Marín. En canto a goma, aproveitaría a que mercaba en Monforte, procedente dos pneumáticos usados de camións e das rodas de outros vehículos pesados, escavadoras e mesmo avións.

Así empezou a fabricar as que non tardarían en coñecerse como botas de Bueu, destacadas pola súa calidade, resistencia e duración. Con poucas variantes, comercializaba dous formatos, o de media cana, que chegaba ata o xeonllo, e o de pantalón, que subía ata a entreperna.

As botas de auga vendíanse no propio local ou embarcábanse para a súa comercialización noutros portos, sendo o de Vigo o destino máis habitual, con «Ribemar», que subministraba a barcos e mariñeiros todo tipo de materiais, como primeira distribuidora.

As calidades do produto se traducirían nun rápido crecemento da demanda, nos portos galegos e do resto da península ibérica, sinaladamente en Algeciras, Cádiz e Pasaxes. E para dar atendidos os pedidos, José Riobó trasladou en 1964 o taller a un novo local a carón da estrada xeral, no que instalaría unha prensa hidráulica adquirida en Alacante, prensa que adaptaría xunto cuns moldes de aluminio cos que melloraría a produción. Daquela xa utilizaría goma virxe, e a cento oitenta graos e en quince minutos, obtiña vulcanizadas unhas botas elásticas e gran calidade.

«Mariño, Ropas de Trabajo», no porto da Coruña, foi outra das empresas que comercializou as botas de Bueu para os mariñeiros de altura e grande altura, que apreciaban nelas o piso moi alto, co que non era doado esvarar, e o ben que protexían do frío e aguantaban todo tipo de condicións en caladoiros tan exixentes como os do Gran Sol ou os de Terra Nova.

Nos anos finais da década de 1980, a redución nas zonas de pesca e nas cotas de capturas e as melloras introducidas nos buques pesqueiros, xunto coa aparición de materiais máis lixeiros e baratos, foron erosionando e recortando a demanda das botas de Bueu. Finalmente, no ano 2003, os sucesores de José Riobó decidirían abandonar a fabricación do seu emblemático calzado.

Tempo de uso:

Todo o ano.

Sistema de produción:

Fai distingo Xaquín Lorenzo (1962) entre os zapateiros de taller, con taller fixo, e os zapateiros de portal, semiambulantes, inda que adoito instaláranse decote no mesmo sitio. Naturalmente, os segundos dispoñen de menos material e ferramentas que os primeiros, cinguíndose aos arranxos máis ou menos sinxelos, tanto pola carencia de medios como dos coñecementos precisos.

Para a obra prima, o calzado, o proceso comeza cortando o material (o coiro) e colocando a peza nunha forma que semella a empeña e talón do pé, do grandor preciso para o zapato a fabricar. Seguidamente, cósense os bordes inferiores coa sola previamente preparada. O calzado remátase engadíndolle ollais e corchetes se os levara, e retocando o conxunto.

Os zapateiros fan tamén as chancas, o calzado tradicional que ten o piso de madeira e a empeña de coiro, que vai atado con cordóns e ten forma de botina, non cubrindo máis enriba dos tornecelos.

O proceso de fabricación sería totalmente artesanal ata a segunda metade do século XVIII, na que partes do mesmo irían paulatinamente mecanizándose ata a total industrialización. Con todo, na actualidade, xunto coa produción industrial de calzado, sobrevive unha importante produción artesanal para o calzado de gran calidade ou de luxo.

Tanto nun proceso artesán como no parcial ou totalmente industrial (no que as diferentes etapas contan cunha case que total mecanización e automatización), as etapas principais na fabricación do calzado comezan pola selección dos materiais a utilizar nas distintas partes da peza a confeccionar, principalmente peles curtidas, mais tamén cánabo, esparto, tecidos, cortiza, madeira, goma ou plásticos.

A seguinte etapa inclúe o deseño, modelaxe e patronaxe, e parte do debuxo do modelo a fabricar, que dará lugar ao modelado e axuste para a obtención dun patrón base. Do patrón base derivarán os patróns para os diferentes talles, procedéndose ao contornado, cortado e clasificación das diversas pezas que conformarán o calzado e, de ser o caso, o seu forro.

Rematada a preparación das pezas e realizadas outras tarefas previas ao seu ensamblaxe (rebaixe, picado, adorno, dobrado), procédese ao cosido (tamén chamado, aparado, gornecido ou pespuntado) das partes previamente cortadas. Algunhas das pezas, especialmente na fabricación industrial, van pegadas en vez de cosidas.

O proceso continúa co montado (tamén chamado centrado) sobre a forma que serve de modelo do pé, encaixándose as distintas partes do zapato: punteira ou pa, empeñe, talón, sola, etc.

Tras a realización dunha serie de operacións finais de limpeza e conformación, colócanse ollais, adornos e tacóns, fanse os timbrados interiores, disponse cordóns e etiquetas e introdúcense os zapatos por pares nas caixas preparadas para a súa comercialización.

A impermeabilización do calzado de coiro podíase facer de maneira similar ao aceitado empregado para a roupa de augas (vid. ficha 728), inda que preferíase a cera de abellas como mellor axente de selado e impermeabilización do coiro pois fregando a cera sobre a pel e quentándoa, penetra nos poro e impide o paso da auga.

Un capítulo diferenciado o constitúe o calzado fabricado por moldeado, inxectando plástico fundido nos moldes preparados a o efecto, procedemento amplamente utilizado na fabricación de calzado impermeable.

Antes do uso dos plásticos, o calzado impermeable, singularmente as botas de traballo, realizábase dunha maneira en todo similar á do calzado de coiro, coa diferenza de que as pezas empregadas polos zapateiros eran de goma e, unha vez unidas, sometíanse a vulcanización, garantindo unha perfecta unión e unha total impermeabilidade a auga.

Actividades laborais:

Procedemento practicamente artesanal, cunha mínima mecanización no vulcanizado.

Emprego:

Sen datos.

Materias Primas:

Goma.

Produtos Elaborados:

Botas de auga en varias talles, en formatos de cana corta e de pantalón.

Distribución e comercialización:

Nacional.

Referencias Bibliográficas:

Carmona Badía, Xoán; Nadal Oller, Jordi (2005). El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Córdoba de la Llave, Ricardo (2008). “Industrias del tejido y del cuero”, en Navascués Palacio, Pedro (coord.), Ars Mechanicae: ingeniería medieval en España, p. 225-233. Fundación Juanelo Turriano. Madrid: Ministerio de Fomento (CEDEX-CEHOPU). DL M-46232-2008. ISBN 978-84-7790-470-0.

Dieckmann, Walter (1926). “Caucho y gutapercha. Amianto”, en Manual del Ingeniero, tomo I, capítulo V, sección VII, p. 853-854. Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, trad. de la 24ª edición alemana. Barcelona: Gustavo Gili.

García Pérez, David (2010). “Una historia singular, las botas que conquistaron todos los mares”, Faro de Vigo, 14/11/2010.

Lorenzo Fernández, Xaquín (1962). “Etnografía: cultura material. Os oficios: zapateiros”, en Otero Pedrayo, Ramón (dir.): Historia de Galiza, vol. II O home-II, capítulo III, 1 Os oficios, p. 558-560. Buenos Aires: Editorial Nós.

Taboada Arceo, Antonio (1971). Galicia, estructura y ritmo socio-económicos. La Coruña: Servicio de Estudios y Publicaciones de las Cámaras Oficiales de Comercio, Industria y Navegación de Galicia. DL C-145-1971.

Wagner, Augustus (1942). “Curtido y elaboración de pieles: fabricación del calzado”, en Manual del Ingeniero, tomo IV, capítulo VI, sección II, p. 741-744. Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, trad. de la 26ª edición alemana. Barcelona: Gustavo Gili.

Xunta de Galicia (2007-2011). Plan de Ordenación do Litoral [en liña] Dispoñible na Internet: http://www.xunta.es/litoral [Acceso 8 decembro 2020].

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 223-I Cangas /// Datum ETRS89: H 29 // X 517.816,82 m / Y 4.685.998,24 m

Centro Nacional de Información Geográfica (s/d). Fotototeca Digital, Instituto Geográfico Nacional, Ministerio de Fomento del Gobierno de España [en línea] Disponible en internet: http://fototeca.cnig.es/ [Acceso 3 febreiro 2020].

Instituto de Estudos do Territorio (IDE) da Xunta de Galicia (s/d). Información Xeográfica de Galicia: visualizador de mapas [en liña] Dispoñible na Internet: http://mapas.xunta.es/visualizador-de-mapas [Acceso 3 febreiro 2020].

Instituto Geográfico Nacional (s/d). Serie MTN25 (Mapa Topográfico Nacional 1:25.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional25.jsp? [Acceso 9 abril 2014].

Instituto Hidrográfico de la Marina (1964). De Cabo Corrubedo a Cabo Silleiro. Océano Atlántico Norte. Costa NW de España. Carta 925, con levantamientos no datados y correcciones hasta 1977. Cádiz: Talleres del Instituto Hidrográfico de la Marina. DL CA-293-1972.

Data de Actualización:

13 outubro 2023