744 Curtidoiro d’Os Muíños

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: Lugo
  • Concello: Mondoñedo
  • Parroquia: Nosa Señora do Carme
  • Lugar: Mondoñedo
  • Paraxe: Os Muíños
  • Dirección: Non procede
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 43.426287806025556
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -7.358814658756256
  • Coordeadas UTM: Datum ETRS89: H 29 // X 632.840,04 m / Y 4.809.456,68 m
  • Clasificación: Fábrica de curtidos
  • CNAE: 15.11 Preparación, curtido e acabado do coiro; preparación e tinguido de peles.
  • Tipoloxía: Curtido tradicional en píos
  • Comarca: A Mariña Central
  • Marco Xeográfico: Sueste da vila de Mondoñedo, na aba setentrional da Serra de Lourenzá e na marxe esquerda do rego de Valiñadares.
  • Ámbito: Rural (hoxe periferia urbana).
  • Acceso: En Mondoñedo, na Praza da Catedral, enfiamos a rúa de San Roque e imos baixando cara ao barrio d’Os Muíños. Ao chegar ao arranque da carreteira de Argomoso (LU-P-3102), collemos á esquerda a rúa Muíños de Arriba e a seguimos ata empatar coa rúa Muíños de Abaixo. Nunha fermosa praciña atoparemos os dous grandes lagares que formaran parte do curtidoiro da familia Salaverri.

Tipo de propiedade:

Pública

Visitable:

Si

Xestión de visitas:

Non procede

Historia:

Non somos hoxe en día conscientes da gran importancia que tivo a industria do coiro, que elaboraba as pezas que despois empregaríanse sen curtir como soporte para a escritura (pergameo), e curtida no almacenamento de líquidos (pelellos) e no manexo do aire (foles, mesmo musicais), nos arreos de labranza (arneses, correas e atalaxes), para o traballo dos albardeiros (cinchas, selas, albardas e alforxas), talabarteiros e gornicioneiros (cartucheiras, cintos e talabartes), para pezas da vestimenta (chalecos, petos, luvas, chapeus, cintos), no calzado (zocos, botas, zapatos), no recubrimento de embarcacións, na elaboración de cordas e enxarcia, para xuntas de estanquidade ou aínda para as correas de transmisión da primeira maquinaria.

A actividade de curtume, como a téxtil, xorde e desenvólvese intimamente unida ao mundo rural, compartindo as actividades propias do campo para fornecer as súas necesidades específicas e servindo moitas veces aquelado cos traballos agrícolas para complemento dos minguados ingresos dos labregos.

Podemos distinguir entre curtidores independentes, que curtirían unha ou dúas peles ao ano para as súas propias necesidades, e curtidores rurais, que á vez que traballan os seus propios coiros, preparan a xornal outros cedidos por tratantes ou comerciantes urbanos. En ambos os casos, os campesiños son propietarios dos píos nos que traballan as peles. Finalmente, un terceiro grupo de campesiños traballarían en píos prestados ou en píos da comunidade.

Aínda que o curtido espallábase por toda Galicia, sendo habitual a existencia de curtidores en moitas parroquias, algunhas zonas concentraban un gran número destes curtidores “a tempo parcial”, como nas terras de Cea e Allariz, na antiga provincia de Ourense, Noia e Caldas, na de Santiago, Vilalba e Chantada, na de Lugo, e Soutomaior, na de Tui.

A evolución desta industria continúa, xa como unha actividade urbana ou peri-urbana nos séculos XVII e XVIII, coa construción de píos por e para o gremio de zapateiros, necesitados de abastecerse de materia prima para o seu traballo, como ocorría en Betanzos ou en Melide. Outras veces as instalación eran do propio concello, como no caso de Chantada, e outras, en fin, de particulares.

Pronto a industria do coiro dará un avance cualitativo e cuantitativo co nacemento, no tránsito do século XVIII ao XIX da fábrica de curtidos construída por un empresario como un asentamento especificamente dedicado á produción de coiros, cunha centralización nas súas instalacións de tódalas actividades do proceso, con traballadores asalariados que preparaban os pelicos ao mandado do dono, e cunha clara orientación a cubrir as necesidades e demandas do mercado.

Desta forma, os asentamentos dispersos e rudimentarios evolucionan dando paso aos centros especializados, nunha transición gradual que pasa polos asentamentos gremiais proto industriais, primeiro, e as fábricas populares, despois, para chegar finalmente aos modernos curtidoiros.

Consonte os datos do Catastro de Ensenada, contra 1752 o gremio de zapateiros de Betanzos contaba con cincuenta e catro inscritos, pero tan só seis desenvolvían moi rudimentarias tarefas de curtume. Vai ser contra os comezos da década de 1770 cando aparecen nas contornas de Ferrol os primeiros curtidoiros (vid. ficha 329) estabelecidos co novo modelo organizativo de factoría centralizada, coa introdución de capital privado e de emprego asalariado, liberados do control gremial.

Outros aires da revolución industrial chegarían tamén a industria do curtido, inda que tardarían en Galicia en facelo na cerna dos labores (a transformación da pel en coiro), introducíndose unicamente nas endeitas de preparación e remate, localizándose curtidoiros galegos que contra 1850 xa utilizaban máquinas para o descarnado, o pelado, o batido e a división da pel.

O curtido tradicional necesitaba entre dez e dezaoito meses dende a chegada da pel ata a saída do coiro e precisaba para o aporte do tanino como curtinte de grandes cantidades de casca (uns cinco quilogramos para cada quilogramo de pel), normalmente de carballo. Xa na década de 1850 empregaríanse extractos concentrados de quebracho ou castiñeiro para acelerar o curtido e finalmente taninos artificiais (ésteres dos ácidos fenol-carbónicos) para o curtido vexetal rápido, xeneralizado na década de 1870.

Cara a 1880 comezaría o curtido mediante sales de cromo e a finais da década de 1910 o curtido ao cromo suplantaría case que totalmente ao curtido vexetal. Mentres o curtido dunha peza de sola polo sistema tradicional precisaba duns catrocentos dez días, cos novos sistemas abondaba con cento oitenta. Coa excepción de Italia, que nos consorcios da Toscana promove a antiga tradición artesanal, o curtido vexetal de alta calidade practicamente desapareceu na Europa.

Malia que as fábricas de curtidos galegas chegaran a representar máis da cuarta da produción do sector en España, do decenio de 1880 en adiante foron incapaces de adaptarse aos cambios que estaban a xeneralizarse na tecnoloxía e nos mercados dos curtumes. Os curtidoiros galegos optarían pola especialización no curtido antigo, que chegaría a coñecerse como “curtido a la gallega”, orientado aos mercados tradicionais, xa en decadencia.

A crise da agricultura galega tradicional e a progresiva consolidación entre os usuarios dos novos tipos de calzado, suporían o imparable declive dos curtidoiros galegos, de tal maneira que das máis de cento setenta fábricas de curtidos que traballaban en Galicia a finais da década de 1950, trinta anos despois, finalizando a década de 1980, sobrevivían tan só once.

Hoxe en día, dous obradoiros artesanais na comarca de Bergantiños e un establecemento industrial en Padrón é todo o que queda da industria galega do coiro.

Descrición Xeral do Entorno:

O curtidoiro dos Salaverri asentouse no arrabalde da vila, afastado das áreas máis poboadas, rodeado dunha contorna podente en auga, en carballos e gando, desaugado por un bo rego e non lonxe da calzada medieval que chegara a Camiño Real. O lugar, na marxe esquerda do curso medio do rego de Valiñadares, daría acollida a un conxunto de muíños e ás construcións nas que desenvolveríanse as tarefas para a elaboración dos curtidos.

Construcción:

Primeiros anos do século XIX.

Abandono:

1907.

Descrición:

No ano 1320 Bispo, Cabido e Concello de Mondoñedo acordan a construción dunha muralla que protexa o núcleo urbano de agresións externas, permita illalo en tempo de peste e sirva para controlar os tráficos das mercadorías polas cinco portas coa que se vai dotar. Fora de portas se estabelecerían aquelas industrias incómodas ou mesmo prexudiciais para a salubridade dos habitantes da vila, singularmente granxas, matadoiros e construcións para a elaboración de curtidos. Coa expansión urbana a muralla de orixe medieval iría desaparecendo ata quedar tan só uns restos simbólicos nos anos finais do século XVIII.

Nos primeiros anos do século XIX asentaríase no arrabalde da vila o curtidoiro do navarro Salaverri (en euskera, salaberri = granxa nova), afastado das áreas máis poboadas, rodeado dunha contorna podente en auga, en carballos e gando, desaugado por un bo rego e non lonxe da calzada medieval que chegara a ser Camiño Real. O curtidor navarro montaría a súa industria no barrio de Os Muíños, un lugar que daría boa acollida ás construcións nas que desenvolveríanse as pouco gratas, pero necesarias, tarefas para a elaboración dos curtidos. A situación, na marxe esquerda do curso medio do rego de Valiñadares, a uns oitenta metros do seu leito e a algo menos de douscentos metros da coñecida Ponte do Pasatempo, garantía o necesario aporte da auga para as tarefas propias do curtidoiro.

Amais destas, poucas son as referencias de que polo de agora temos ao noso dispor. Claudio Otero, no “Anexo II: Contribucións industriais da industria do curtume na Galicia do século XX” da súa tese de doutoramento (2017, p. 545-897), coa información correspondente aos contribuíntes de Mondoñedo entre os anos 1900 (Otero, 2017, p. 549) e 1907 (Otero, 2017, p. 583), permite coñecermos algúns datos desta industria e da súa evolución, dos que dáse conta a continuación.

En 1900, Pedro Salaverri Fernández declara por unha capacidade de 37 metros cúbicos e un muíño de casca (O volume habitual nos píos de curtir era dun metro e medio de lado, quer dicir 3’38 metros cúbicos de capacidade. Os píos de lavado e de remollo, os caleiros e os de canina eran adoito mais grandes que os de curtir). En 1903 serán xa Fillos de Pedro Salaverri Fernández quen asuman a declaración polos mesmos conceptos.

1907 é o ano derradeiro no que figura Fillos de Pedro Salaverri Fernández declarando como fábrica de curtidos por unha capacidade de 34 metros cúbicos e un muíño de casca, ano que sería no que esta industria cesaría na súa actividade.

No lugar en que se localizaba a fábrica de curtume da familia navarra dos Salaverri desenvólvense na actualidade actividades culturais relacionados coa artesanía, o liño ou a pastelería. Xa que logo, nada que nos faga lembrar a actividade industrial que nese espazo se levou a cabo no pasado.

Desaparecidas nos comezos do segundo decenio do século XX as construcións e instalacións propias do curtidoiro que no lugar houbera, no lugar aínda pódense mirar como silenciosas testemuñas do seu pasado dous grandes píos de pedra dos que se empregaban para curtir as peles.

Tempo de uso:

Todo o ano.

Sistema de produción:

Curtido é o proceso mediante o que unha pel, un material orgánico, transfórmase en coiro, un material imputrescible, flexible, resistente á humidade e con notables propiedades mecánicas. Tecnicamente, o curtido consiste en aumentar a resistencia á hidrólise das proteínas (coláxeno) que configuran a pel mediante a acción dun axente que orixina tal cambio químico, o curtinte.

O proceso iniciábase coa chegada da pel en bruto, con pelo e restos de carne cando viña dos matadoiros veciños, e ademais cunha abondosa dose de sal incorporada cando procedente do Río da Prata. Comezaban entón os labores de ribeira, limpeza e primeira preparación dos pelellos para hidratar e abrandala pel manténdoa mergullada en auga varios días, xa nunha corrente fluvial, xa en pozos construídos ao efecto. Os coiros lavábanse ben, deixábanse a mollo e deseguido mergullábanse nuns pozos cheos de auga con cal apagado, os caleiros ou pelamios, para que os poros abriran tanto para favorecer a retirada do pelo como para unha mellor penetración das sustancias curtintes coas que logo sería tratada a pel.

A pel permanecía nos caleiros entre quince e vinte días e, unha vez sacada do pelamio actuaban os “zurradores” para retirarlle a súa pelame e os anacos de carnaza que quedasen do desencoirado, uniformando á vez a superficie da pel e separando as partes inútiles para o curtido. Os oficiais completaban o depilado traballando a pel até retirarlle todo o pelo, rañando coas súas características coitelas romas pola flor da pel, a parte exterior, na que se atopa o pelo.

Rematadas as tarefas de ribeira, o caldeo ou corrida nos pozos chamados mudanzas ou alpages, enchidos con auga acidulada pola casca de carballo e con diferentes concentracións (a menor, no de primeira mudanza), limpaba os restos de cal e completaba o enchido da pel e a apertura dos seus poros que xa se encetara nos pelamios. As veces, cos coiros “brandos” ou de res menor, antes do caldeo adoitábase levar a pel aos pozos de desengraxado, nos que permanecía mergullada en excrementos animais (unha mestura de canina, gallinácea, palomina e outros) para facer máis doada a posterior retirada dos restos do cal.

Os coiros xa limpos e preparados trasladábanse entón aos pozos de curtir propiamente ditos, chamados noques, pilos ou asentos, nos que a pel conseguía as súas propiedades de resistencia á auga e á humidade, volvéndose elástica e resistente á vez. Alí os coiros colocábanse coa flor (a cara na que tivera o pelo) cara abaixo, alternados con casca de carballo moída previamente e ben cubertos de auga. Nesta situación permanecían entre tres e cinco meses, tralo que retirábanse dos noques, limpábanse e cepillábanse e tornaban a se mergullar noutros noques –“de segundo asiento”– mesturados con casca moída igual que na volta anterior agás o sentido da pel, agora coa flor cara arriba. A pel íase pasando duns pozos aos outros nun proceso lento e laborioso, sempre mergullada nunha solución rica en tanino obtida a partir da cortiza do carballo.

No procedemento tradicional de curtido o axente curtinte, o tanino, procedía da casca de certos árbores, como a aciñeira ou o sanguiño, sendo o carballo o máis adoito a empregar en Galicia. Para mellorar o proceso, a casca pulverizábase nos chamados muíños de casca, consistentes nun pequeno muro circular de trinta ou corenta centímetros de alto e de tres a catro metros de diámetro, arredor do que unha besta facía roular unha roda de cantería que ía esmagando a casca depositada no interior do beiril.

Unha vez o coiro curtido procedíase ao seu remate, no que o proceso finalizaba coa preparación e secado da pel curtida, o pelico. Levantada a pel dos noques procedíase o seu enxugado e aireado, tralo que viña o batido ou mazado cun martelo de madeira, para deixar a peza compactada nun espesor uniforme e cunha aparencia máis homoxénea, finalizando aquí o proceso para os coiros duros (de vacún adulto) destinados á fabricación de sola.

No caso dos coiros brandos (de animais menores como xatos, ovellas ou rebezos), que destinábanse fundamentalmente á elaboración do “becerro”, o rematado era máis complexo, incluíndo o engraxado a base de saín (graxa de sardiña), o estirado e o luneteado, entre outras operacións menores.

As fábricas de coiros aproveitaban tódolos refugallos do proceso e os vendían: a casca xa usada e enxoita para as lareiras; os restos da carnaza para facer a cola que demandaban os carpinteiros e as fábricas de papel; o pelo desprendido da pel e enxoito para a fabricación de cepillos e brochas.

O proceso de curtido tradicional, co tanino de árbores e arbustos como curtinte, necesitaba entre dez e dezaoito meses dende a chegada da pel ata a saída do coiro e precisaba grandes cantidades de casca (uns cinco quilogramos de casca para cada quilogramo de pel).

Empregáranse despois, xa na década de 1850, extractos concentrados de quebracho ou castiñeiro para acelerar o curtido e finalmente taninos artificiais para o curtido vexetal rápido, xeneralizado na década de 1870. Cara a 1880 comezaría o curtido mediante sales de cromo e a finais da década de 1910 o curtido ao cromo suplantaría totalmente ao curtido vexetal. Mentres o curtido dunha peza de sola polo sistema tradicional precisaba duns catrocentos dez días, cos novos sistemas abondaba con cento oitenta.

O curtido ao alume ou curtido en branco (utilizado principalmente para curtir peles que conserven o pelo) segue a empregarse na preparación de peles finas moi flexibles e suaves, xeralmente empregadas nas luvas. Utiliza como solución curtinte o preparado constituído por cen gramos de alume (sal dupla de aluminio e potasio hidratado) e cincuenta gramos de sal (cloruro de sodio) por cada litro de auga, mestura que ten que ter unha densidade de once graos Baumé.

Aínda que os aires da revolución industrial chegaran tamén a industria do curtido, non o fixera na cerna dos labores (a transformación da pel), senón unicamente nas endeitas de preparación e remate, e algúns curtidoiros empregaban contra 1850 máquinas para o descarnado, o pelado, o batido e a división da pel.

O conxunto das edificacións para o traballo dos coiros normalmente distribuiase en cinco compoñentes: o almacén das materias primas e local da moenda da casca configuraban a entrada do establecemento; viña despois o departamento dos labores de ribeira, cos seus lavadoiros e caleiros; o terceiro espazo contaba cos píos de mudanza e asento; o espazo para o enxugado e aireado estaban as veces nun primeiro andar, para mellorar a ventilación; o derradeiro, a zona de remate, xuntábase as veces co anterior.

A ocupación nas fábricas de curtidos era de cinco a sete persoas nas pequenas, e de dez a quince nas grandes.

Os produtos que se elaboraban recibían distintos nomes: solas (vacún), becerros (tenreiro), badanas (carneiro ou ovella), cordobáns (cabra), baldeses (adelgazadas para luvas), baquetas (vaquetas, coiro de vitela, tenreira para albardeiros) e corregeles (tamén chamado crupón, folla enteira de coiro flexible e groso de boi ou vaca, para solas e correas).

Actividades laborais:

Man de obra masculina en todo o proceso.

Emprego:

Sen datos. Posibelmente, entre tres e cinco homes.

Materias Primas:

Peles de animais, principalmente vacún.

Produtos Elaborados:

Peles curtidas, coiros, correas, solas, etc.

Distribución e comercialización:

Comarcal.

Referencias Bibliográficas:

Carmona Badía, Xoán; Fernández Vázquez, María Teresa (1997). “Historia e actualidade do patrimonio industrial de Galicia: as fábricas de curtidos de Allariz”, en Fidalgo Santamariña, Xosé Antón, e Simal Gándara, Xesús (eds.): Patrimonio cultural de Galicia e norte de Portugal, p.63-79. Ourense: Diputación Provincial.

Carmona Badía, Xoán; Fernández Vázquez, María Teresa (2003). A Compostela industrial: historia e pegada das fábricas de coiros no concello de Santiago. Santiago de Compostela: Consorcio de Santiago. DL C-269-2003. ISBN 84-930667-2-9.

Carmona Badía, Xoán; Nadal Oller, Jordi (2005). El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Córdoba de la Llave, Ricardo (2002). “Cuatro textos de literatura técnica medieval sobre el trabajo del cuero”, en Meridies: Estudios de historia y patrimonio de la Edad Media, Nº 5-6, 2002, p. 171-204. ISSN 1137-6015.

Córdoba de la Llave, Ricardo (2008). “Industrias del tejido y del cuero”, en Navascués Palacio, Pedro (coord.): Ars Mechanicae: ingeniería medieval en España, p. 225-233. Fundación Juanelo Turriano. Madrid: Ministerio de Fomento (CEDEX-CEHOPU). DL M-46232-2008. ISBN 978-84-7790-470-0.

Fernández Negral, Justino (2002). Las fábricas de curtidos en la ría de Ferrol, 1783-1956. Cadernos do seminario de Sargadelos. Sada: Ediciós do Castro.

Fernández Vázquez, María Teresa (2002). La industria del curtido en la Galicia contemporánea. Tesis doctoral (inédita). Departamento de Economía Aplicada, Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago de Compostela.

Lara Coira, Manuel (2022). Fábrica de curtidos d’A Chaínza. Recuperación do patrimonio histórico-cultural. Informe realizado para o Concello de Noia (A Coruña). Eirapedriña: Buxa, Asociación Galega do Patrimonio Industrial.

Leiro Lois, Adela; Daporta Padín, Mon; Correa Piñeiro, Duarte (2006). Galiza. Poboación e Industria. Vigo: A Nosa Terra. ISBN 84-96403-34-3.

Lorenzo Fernández, Xaquín (1962). “Etnografía: cultura material. Os oficios: curtidores ou coireiros”, en Otero Pedrayo, Ramón (dir.): Historia de Galiza, vol. II, O home-II, p. 550-558. Buenos Aires: Editorial Nós.

Lorenzo Fernández, Xaquín (1983). “Curtidores ou coireiros”, en Os oficios, Biblioteca Básica da Cultura Galega, p. 123-133. Vigo: Editorial Galaxia. DL VG-18-1983. ISBN 84-7154-425-3.

Meijide Pardo, Antonio (1986). “Las primeras industrias del curtido en Betanzos”, en Untia. Boletín do Seminario de Estudios Mariñáns, núm. 2, p. 27-43, Betanzos.

Meijide Pardo, Antonio (1998). “Entre 1770 y 1814 se establecen 14 fábricas de curtidos en la comarca ferrolana”, en Anuario Brigantino, nº 21, p. 167-182, Betanzos.

Nadal Oller, Jordi (1994). “La transición del zapato manual al zapato mecánico en España”, en Nadal, Jordi, e Catalán, Jordi (eds.): La cara oculta de la industrialización española: la modernización de sectores no líderes (siglos XIX y XX). Madrid: Alianza Editorial, p. 330-334.

Nolano, Roberto Mario (2015). Curtido artesanal de cueros. Agencias de Extensión Rural de los Llanos de La Rioja, Argentina.

Otero Eiriz, Claudio (2017). “Curtidoiro dos muíños”, en A industria do coiro en Galicia: historia e patrimonio, p. 388. Tese doutoral, inédita. Departamento de Economía Aplicada, Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago de Compostela.

Otero Eiriz, Claudio (2018). “La industria de los curtidos en Galicia: una visión sistemática sobre su implantación en el territorio en el siglo XX”, en Madrygal. Revista de Estudios Gallegos, 21, 157-172.

Palazzolo, Luis (1948). Aplicación de los taninos sintéticos. Tesis doctoral. Facultad de Ciencias Exactas y Naturales de la Universidad de Buenos Aires.

Respuestas Generales del Catastro del Marqués de la Ensenada. (1750-1754). 13.000 localidades en 545 vols. conservados en el Archivo General de Simancas, microfilmados en la década de 1980 y digitalizados en 2004 y 2005 con un total de 350.000 imágenes. Ministerio de Cultura del Gobierno de España [en línea] http://pares.mcu.es/Catastro [21/12/2021].

Taboada Arceo, Antonio (1971). Galicia, estructura y ritmo socio-económicos. La Coruña: Servicio de Estudios y Publicaciones de las Cámaras Oficiales de Comercio, Industria y Navegación de Galicia. DL C-145-1971.

Wagner, Augustus (1942). “Curtido y elaboración de pieles”, en Manual del Ingeniero, tomo IV, capítulo VI, secciones I y II, p. 703-744. Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, trad. de la 26ª edición alemana. Barcelona: Gustavo Gili.

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 24-I Mondoñedo /// Datum ETRS89: H 29 // X 632.840,04 m / Y 4.809.456,68 m

Centro Nacional de Información Geográfica (s.f.). Fotototeca Digital. Instituto Geográfico Nacional, Ministerio de Fomento del Gobierno de España [en línea] http://fototeca.cnig.es/ [28/02/2020].

Instituto de Estudos do Territorio (IET) da Xunta de Galicia (s.f.). Información Xeográfica de Galicia: visor de mapas [en liña] http://mapas.xunta.es/visualizador-de-mapas [04/04/2020].

Instituto Geográfico Nacional (s.f.). “Mapa Topográfico Nacional 1:25.000”, en Mapas de España. Instituto Geográfico Nacional, Gobierno de España [en línea] https://www.cnig.es/buscarArtsMenu?categoria=MTN25-Mapa-Topográfico-Nacional-1:25.000 [18/01/2021].

Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación del Gobierno de España (s.f.). Sistema de Información Geográfica de Parcelas Agrícolas (SIGPAC), Visor SigPac V 4.8 [en línea] https://sigpac.mapama.gob.es/fega/visor/ [04/04/2022].

Data de Actualización:

27 novembro 2023