125 Minas de San Finx

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVer
  • Provincia: A Coruña
  • Concello: Lousame
  • Parroquia: Santa Olaia de Vilacova
  • Lugar: Paraño
  • Paraxe: Minas de San Fins
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 42.753117946773266
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.822182416915894
  • Coordeadas UTM: Huso 29 // X 514,56 / Y 4.733,42
  • Clasificación: Minas de estaño e volframio
  • CNAE: 07.29 Extracción de otros minerales metálicos no férreo (Casiterita SnO2 con Wolframita WO4Fe a WO4Mn)
  • Tipoloxía: Pozos e galerías
  • Comarca: Noia
  • Ámbito: Rural
  • Acceso: Dende Noia coller a estrada CP-4202 pasando Lousame e Chave, virando no quilómetro 7,5 cara o leste ata Ces, para continuar por Gandarela ata as minas.

Tipo de propiedade:

Privada

Visitable:

Polo exterior e nas áreas rehabilitadas

Xestión de visitas:

Minas de San Finx

A Barbanza - Costa da Morte / Noia / Lousame / Santa Eulalia de Vilacova

N42°45'23.74'' - W8°49'44.95''

X514002 - Y4709347 Fuso: 29

Datación

s. XIX - s. XX

Estilo

Industrial

Categoría

Patrimonio industrial

Grao de protección

• Datos de contacto

www.minasdesanfinx.com

Teléfono: 981 820 494 (Concellería de Cultura de Lousame)

Horario

Poden visitarse baixo petición, pero non están inauguradas aínda

 

Historia:

Existen indicios suficientes para crer que no xacemento mineiro de San Finx houbo actividade extractiva xa desde a Idade de Bronce, no terceiro e segundo milenio antes da era cristiá. O que sí se ten comprobado é a existencia na Idade Media dun pico na explotación do mineral de estaño na zona, destinado probabelmente ós talleres de ourivería que eran típicos daquel tempo, particularmente os coñecidos fabricantes de picheis –os picheleiros– de Santiago de Compostela.

O enxeñeiro de minas Henry Winter Burbury, de nacionalidade inglesa aínda que asentado en Noia desde 1883, e que xa solicitara no devandito ano as concesións “Phoenicia”, “Edita” e “A Pilara” no termo municipal de Lousame (provincia da Coruña), que serán a base do grupo mineiro San Finx, solicitaba entre os anos 1886 e 1888 no termo municipal de Carbia (designado desde 1950 co nome da súa cabeceira, Vila de Cruces, na provincia de Pontevedra) as concesións mineiras “Sidón” e “Tiro”, que serán canda a mina lindante “Angelita”, xa en Silleda, o inicio do importante grupo mineiro de Fontao. En 1897, probada a viabilidade da ambiciosa explotación créase en Londres a empresa “The San Finx Tin Mines Ltd.” co obxectivo de explotar as minas de Fontao e de San Finx.

A nova empresa proponse a explotación dos grupos mineiros de San Finx e Fontao ata a obtención do pre concentrado de estaño, que se trasladaría despois ata a planta construída en Carril para o seu concentrado definitivo e o seu envío a Inglaterra desde o próximo porto de Carril –a actual Vilagarcía de Arousa.

A planta de concentrados de estaño de Carril, co primeiro proceso de separación magnética mediante bandas cruzadas que se instalou en España (tipo Wetherill-Rowand), inaugurouse en 1897, beneficiándose dun medio industrial propiciado xa desde 1848 coa constitución da “Compañía de Fundición de Hierro en el Carril” (promovida por Luis de la Riva e vinculada ás industrias de Sargadelos) e a instalación no porto de Carril dun alto forno para a obtención de ferro coado ó carbón vexetal.

Tanto nas minas de San Finx como nas de Fontao, os filóns, inicialmente explotados artesanalmente sen criterio técnico algún, explótase agora mediante niveis establecidos por medio de corredores, divididas en macizos por medio de pozos que seguen o filón, arrincándose o mineral por medio de testeiros en realce máis ou menos regulares. O filón arrancado cárgase en vagóns que van verter ós coadoiros que finalmente condúceno á planta de concentración.

O mineral pasaba despois por un triturador ó que seguía un muíño de bólas e varios trómeles de clasificación. As granzas concentrábanse en dúas series de peneiras continuas, mentres que os finos tratábanse da maneira máis axeitada para o seu enriquecemento. A empresa “The Vilacoba Hidropower Co. Ltd” aproveitaba as augas do río de Vilacoba cunha turbina hidráulica e proporcionaba a enerxía necesaria para o accionamento de toda a maquinaria mineira.

O concentrado de casiterita obtido (ó que acompañaban volframita e piritas férreas, cúpricas e arsenicais) se ensacaba para envialo por medio de carros do país arrastrados por bois ata a anteriormente mencionada fábrica de separación que a sociedade construíra en Carril, a uns corenta quilómetros das minas. Na fábrica de concentrados de estaño de Carril o mineral recibido sufría unha calcinación previa, someténdose despois á acción de dous electroimáns de diferentes intensidades, co que se lograba a separación do estaño e o volframio do resto de materiais, que eran refugados. Como se indicou antes, este proceso de separación magnética mediante bandas cruzadas, do tipo coñecido como Wetherill-Rowand, foi o primeiro da súa clase que se instalou en España.

Tras uns anos de práctico monopolio da produción de estaño e volframio en Galicia, anos cunha demanda interna de estaño vinculada co proceso de industrialización e máis concretamente coa florecente industria conserveira galega, unha serie de problemas externos e internos levan a que a empresa británica abandone en 1909 a explotación no grupo de Fontao das minas Tiro e Sidón, continuando soamente coa explotación de volframio na mina Angelita.

En 1913, tras unha serie de modificacións na estrutura societaria da empresa matriz, volve a actividade ás minas de Fontao, controladas agora polo señor R.B. Lavery, un dos antigos accionistas da compañía “The San Finx Tin Mines Ltd.”, que controla tamén as minas de San Finx, en Lousame. En 1916, as minas de San Finx pasan a unha nova sociedade “The Phoenicia Mines Ltd.”, tamén domiciliada en Londres, separándose definitivamente do grupo de Fontao.

No transcurso da Gran Guerra (1914-1918) as empresas mineiras radicadas en Galicia, maioritariamente de capital estranxeira, coñecen serios problemas de explotación por diversas razóns, mentres que florecen os mineiros de ocasión, chamados aventureiros ou rebuscadores que chegan a gañar ata sete pesetas e media por libra (575 gramos) de mineral lavado. Finalizada a guerra os prezos derrúbanse a uns valores de 1,25 a 1,50 pesetas por libra.

Nesta situación, a finais da década de 1920 prodúcese un período de transición na actividade mineira de San Finx, afectada tamén pola grave crise internacional desatada no outono de 1929 –a Gran Depresión. A inicios de 1932 a mina queda sen dirección técnica, asumíndoa directamente a xerencia. Polo seu elevado contido en volframio, en abril iníciase a retirada das chaves de protección do filón sur na sexta planta, ó este do pozo chamado “GH” e nas proximidades dunha importante falla, coa consecuencia do afundimento e inutilización do pozo, que deixa á mina sen accesos á explotación, sen desaugue e coa necesidade de importantes investimentos para recuperar o perdido.

Rapidamente prodúcese unha reestruturación do equipo de mando na mina, e pasa á xerencia Alfredo Burne, un enxeñeiro de minas británico que procede das minas de estaño de Cerdedo (Pontevedra), quen inicialmente reconsidera para a explotación antigos proxectos que volven a desestimarse por custo e prazo. En tanto non se recobra a normalidade na produción, se re lavan os estériles de lavadoiro e algunha entulleira, e repásanse residuos. A explotación efectúase en niveis superficiais e os esforzos concéntranse no chamado “Pozo Viejo” e no desaugue.

Reiniciada a produción en 1933, proponse a conveniencia de modificar a sociedade, que pasará a denominarse “The San Finx Tin Mines Ltd. (1933)” e que integra a “The Vilacoba Hidropower Co. Ltd” na anterior empresa mineira. A nova sociedade, ademais de retomar a explotación en zonas accesibles, decide a apertura dun novo pozo mestre, afastado da zona de influencia dos afundimentos, e que desde entón coñécese, primeiro como “Pozo de los Andaluces” (ou “Pozo Burne”) e definitivamente como “Pozo Nuevo”. O aprofundamento deste pozo finaliza en marzo de 1936, e iníciase a travesa co guionaxe, tubaxes, escalas e formigonado completo ata a sexta planta. O afundimento trouxo consigo coma vantaxe a extensión dos traballos a zonas e filóns da mina ata entón practicamente virxes e descoñecidos.

A nova “The San Finx Tin Mines” procede tamén ó traslado da planta de refinamento desde Carril ata a Fábrica Vella da mina, agora destinada exclusivamente a refinamento dos concentrados obtidos na Fábrica Nova. Malia iso, nunca se completou a recuperación dos niveis de produción que se acadaran anteriormente, tendo en conta que os traballos ó este do pozo afundido non se retomaron en ningún momento, quedando toda a zona oriental abandonada.

A explotación de estaño e volframio manterase durante a Guerra Civil española (1936-39) e finalizada esta, unha sociedade do grupo Banco Pastor chamada “Industrias Gallegas, S.A.” (INGASA) adquiría en 1940 a concesión e as instalacións das antigas minas inglesas de San Finx e iniciaba unha forte expansión pola demanda internacional de volframio para usos militares. En plena guerra mundial, os anos 1942 e 1943 ven subir os prezos do volframio por riba das cen pesetas por quilogramo, pero xa en 1944 vense reducidos á metade e iníciase unha nova caída das cotizacións. Nestes anos implántanse en España as primeiras industrias transformadoras de wolframio, como Fundicións Bersán en Medina del Campo, en 1944, ou Almuso na Coruña, en 1945, entre outras. Tamén se crean as primeiras fundicións formais de estaño e en 1942 a empresa “Mineiro Metalúrxico do Estaño ”(MESAE) monta cadansúa plantas en Carril (Pontevedra) e Madrid. Isto permitirá a produción nacional de derivados de volframio e de estaño, favorecendo a explotación destes minerais.

Trala recuperación da actividade económica co final da segunda guerra mundial e unha situación claramente alcista dos prezos acentuados coa guerra de Corea (1950-53), pola retirada da produción coreana dos mercados e o aumento da demanda de volframio para a industria de armamento, as cotizacións volven caer, suspendéndose a produción no ano 1963. En 1965 as minas véndense a Gabriel Pérez e Adolfo Ferreiro, baixo a razón social “Compañía de Minas de San Finx, S.A.”, iniciándose un período completamente distinto, coa redución do cadro de persoal, a mellora da mecanización, e o incremento dos prezos nos mercados, situación que se manterá con poucas oscilacións ata o peche das minas de San Finx en 1990.

Actualmente a Xunta de Galicia, o concello de Lousame e a propiedade das minas, coa colaboración da Cámara Mineira Oficial de Galicia, están levando a cabo un proxecto turístico-cultural para a recuperación deste espazo mineiro e da súa riqueza patrimonial. O proxecto persegue recrear o día a día da explotación mineira nos tempos de maior actividade. Para iso estanse levando a cabo itinerarios que permiten coñecer as principais instalacións e tense prevista a rehabilitación da antiga escola da mina para situar alí un centro de interpretación.

Descrición:

As minas están situadas uns seis quilómetros ó suroeste de Noia, accedendo a elas pola estrada de Riatelo. Segundo Ruiz Mora os filóns foron descabezados en tempos moi antigos, traballos favorecidos pola proximidade dunha costa acolledora.

É moi probable que, pola facilidade da súa explotación, os depósitos secundarios de estaño tiveran moito peso na minaría galega antiga, aínda que unha topografía xeralmente abrupta con ladeiras escarpadas e ríos encaixados non se presta á formación de coluvións ou praceres extensos, coas coñecidas excepcións das ladeiras da marxe dereita do río Deza e as grandes extensións sen relevo dos cursos alto do Limia e baixo do Támega. A minaría máis recente e moderna, porén, orientouse ó beneficio dos depósitos primarios.

O depósito está formado, principalmente, por tres filóns de cuarzo N 50º E 85º S, de corrida superior ós mil metros e potencias comprendidas entre os cincuenta centímetros e o metro e medio, aínda que pode haber ensanches de ata catro metros, cortados por fallas N 150º E ás veces tamén mineralizadas.

A mineralización está constituída por volframita e casiterita, con lei media conxunta superior ó un por cento e relación de dous a tres. Como acompañantes encóntranse arsenopirita, pirita, scheelita, calcopirita e molibdenita.

No ano 1981 o Instituto Xeomineiro de España estimou unhas reservas de 836.000 toneladas de mineral por debaixo da última planta entón en explotación (a sétima), a preto de cen metros de profundidade. A extracción media mensual era entón dunhas mil toneladas.

Referencias Bibliográficas:

Caba Landa, C., 1947, Wolfram, wolfram (La diplomacia en la bocamina), Ediciones Morata, Buenos Aires.

Carmona Badía, X., 1990, “Crisis y transformación de la base industrial gallega, 1850-1936”, Pautas regionales de la industrialización española (siglos XIX y XX), Jordi Nadal Oller y Albert Carreras Odriozola (dirección y coordinación), Ariel, Barcelona, p. 23-48. ISBN 84-344-6563-9.

Carmona Badía, X., 2009, “Luis de la Riva Barros (1798-1868)”, Empresarios de Galicia, vol. 2, Xoán Carmona Badía (coord.), Centro de Investigación Económica e Financeira (CIEF) e Fundación Caixa Galicia, Coruña, p. 22-47. ISBN 978-84-96982-37-6.

Carmona Badía, J., y Nadal Oller, J., 2005, El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000, Fundación Pedro Barrié de la Maza, Coruña. ISBN 84-95892-38-3.

Carreras Candi, F. (dir.), 1928, Geografía General del Reino de Galicia, trece volúmenes, Editorial Alberto Martín, Barcelona, reedición facsimilar en 1980, Ediciones Gallegas, La Coruña.

Cueto y Noval, R. del, 1928, La minería de la región gallega, reproducción facsimilar por la Cámara Oficial Minera de Galicia, 2006 [en línea]. Disponible en Internet: http://www.camaraminera.org/ver/biblioteca.html [Último acceso 21 de agosto del 2009].

Fariña Jamardo, J., 1977, La balada del wolfram, Editorial Magisterio Español, Madrid. ISBN 84-265-7198-0.

Madroñero de la Cal, A., 1994, Una posibilidad de rastreo de los orígenes de la metalurgia del estaño en España, Cadernos do Seminario de Sargadelos, Ediciós do Castro, O Castro, Sada, Coruña. ISBN 84-7492-666-1.

La minería de Galicia, 1991, Dirección Xeral de Industria de la Xunta de Galicia, Santiago de Compostela. DL C-1341-1991.

Mirre, J.C., 1990, Guía dos minerais de Galicia, Galaxia, Vigo. DL VG-328-1990. ISBN 84-7154-729-5.

Ruiz Mora, J.L. y Álvarez-Campana Gallo, J.M., 2006, “Patrimonio geominero de Galicia: la mina de estaño-wolframio de San Finx, Lousame (A Coruña) durante sus comienzos industriales y primer impulso (1897-1928)”, comunicación al Primer Congreso Internacional de Minería y Metalurgia en el Contexto de la Historia de la Humanidad, Cuarto Simposio sobre Minería y Metalurgia Históricas, Mequinenza (Zaragoza), 6-9 de julio del 2006.

Ruiz Mora, J.L. y Álvarez-Campana Gallo, J.M., 2006, “Patrimonio geominero de Galicia: la mina de estaño-wolframio de San Finx, Lousame (A Coruña) entre su reorganización y la gestión de industrias gallegas (1929-1965)”, comunicación al Séptimo Congreso Internacional sobre Patrimonio Geológico y Minero, Puertollano (Ciudad Real), 22-24 de septiembre del 2006.

Schulz, G., 1835, Descripción geognóstica del Reino de Galicia, acompañada de un mapa petrográfico de este país, Herederos de Collado, Madrid, ed. facsimilar de 1985 da Área de Xeoloxía e Minería do Seminario de Estudos Galegos, Ediciós do Castro, Sada, Coruña.

Valenzuela Otero, R. de, 1980, Era tempo de apandar, Akal, Madrid, ISBN 84-733-9490-9, reeditado en 1997, A Nosa Terra, Vigo. ISBN 978-84-891-3885-8.

Viejo Viñas, R., 1985, “La minería en Galicia”, Papeles de Economía Española, Serie Economía de las Comunidades Autónomas, número 3, Galicia, Fundación Fondo para la Investigación Económica y Social de la Confederación Española de Cajas de Ahorros (FUNCAS), Madrid.

Índice de mapas e planos:

Localización Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Hoja 120-I Lousame // Huso 29 // X 514,56 / Y 4.733,42

Data de Actualización:

26 outubro 2010