125 Minas de San Finx
- Provincia: A Coruña
- Concello: Lousame
- Parroquia: Santa Olaia de Vilacova
- Lugar: Paraño
- Paraxe: Minas de San Fins
- Coord. Xeográficas - Latitude: 42.753117946773266
- Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.822182416915894
- Coordeadas UTM: Huso 29 // X 514,56 / Y 4.733,42
- Clasificación: Minas de estaño e volframio
- CNAE: 07.29 Extracción de otros minerales metálicos no férreo (Casiterita SnO2 con Wolframita WO4Fe a WO4Mn)
- Tipoloxía: Pozos e galerías
- Comarca: Noia
- Ámbito: Rural
- Acceso: Dende Noia coller a estrada CP-4202 pasando Lousame e Chave, virando no quilómetro 7,5 cara o leste ata Ces, para continuar por Gandarela ata as minas.
Tipo de propiedade:
Visitable:
Xestión de visitas:
Minas de San Finx
A Barbanza - Costa da Morte / Noia / Lousame / Santa Eulalia de Vilacova
N42°45'23.74'' - W8°49'44.95''
X514002 - Y4709347 Fuso: 29
Datación
s. XIX - s. XX
Estilo
Industrial
Categoría
Patrimonio industrial
Grao de protección
• Datos de contacto
Teléfono: 981 820 494 (Concellería de Cultura de Lousame)
Horario
Poden visitarse baixo petición, pero non están inauguradas aínda
Historia:
Existen indicios suficientes para crer que no xacemento
mineiro de San Finx houbo actividade extractiva xa desde a Idade de Bronce, no terceiro
e segundo milenio antes da era cristiá. O que sí se ten comprobado é a
existencia na Idade Media dun pico na explotación do mineral de estaño na zona,
destinado probabelmente ós talleres de ourivería que eran típicos daquel tempo,
particularmente os coñecidos fabricantes de picheis –os picheleiros– de
Santiago de Compostela.
O enxeñeiro de minas Henry Winter Burbury, de
nacionalidade inglesa aínda que asentado en Noia desde 1883, e que xa
solicitara no devandito ano as concesións “Phoenicia”, “Edita” e “A Pilara” no
termo municipal de Lousame (provincia da Coruña), que serán a base do grupo
mineiro San Finx, solicitaba entre os anos 1886 e 1888 no termo municipal de
Carbia (designado desde 1950 co nome da súa cabeceira, Vila de Cruces, na
provincia de Pontevedra) as concesións mineiras “Sidón” e “Tiro”, que serán
canda a mina lindante “Angelita”, xa en Silleda, o inicio do importante grupo
mineiro de Fontao. En 1897, probada a viabilidade da ambiciosa explotación
créase en Londres a empresa “The San Finx Tin Mines Ltd.” co obxectivo de
explotar as minas de Fontao e de San Finx.
A nova empresa proponse a explotación dos grupos mineiros
de San Finx e Fontao ata a obtención do pre concentrado de estaño, que se
trasladaría despois ata a planta construída en Carril para o seu concentrado
definitivo e o seu envío a Inglaterra desde o próximo porto de Carril –a actual
Vilagarcía de Arousa.
A planta de concentrados de estaño de Carril, co primeiro
proceso de separación magnética mediante bandas cruzadas que se instalou en
España (tipo Wetherill-Rowand), inaugurouse en 1897, beneficiándose dun medio
industrial propiciado xa desde 1848 coa constitución da “Compañía de Fundición
de Hierro en el Carril” (promovida por Luis de la Riva e vinculada ás
industrias de Sargadelos) e a instalación no porto de Carril dun alto forno
para a obtención de ferro coado ó carbón vexetal.
Tanto nas minas de San Finx como nas de Fontao, os filóns,
inicialmente explotados artesanalmente sen criterio técnico algún, explótase
agora mediante niveis establecidos por medio de corredores, divididas en
macizos por medio de pozos que seguen o filón, arrincándose o mineral por medio
de testeiros en realce máis ou menos regulares. O filón arrancado cárgase en
vagóns que van verter ós coadoiros que finalmente condúceno á planta de
concentración.
O mineral pasaba despois por un triturador ó que seguía
un muíño de bólas e varios trómeles de clasificación. As granzas concentrábanse
en dúas series de peneiras continuas, mentres que os finos tratábanse da
maneira máis axeitada para o seu enriquecemento. A empresa “The Vilacoba
Hidropower Co. Ltd” aproveitaba as augas do río de Vilacoba cunha turbina
hidráulica e proporcionaba a enerxía necesaria para o accionamento de toda a
maquinaria mineira.
O concentrado de casiterita obtido (ó que acompañaban
volframita e piritas férreas, cúpricas e arsenicais) se ensacaba para envialo
por medio de carros do país arrastrados por bois ata a anteriormente mencionada
fábrica de separación que a sociedade construíra en Carril, a uns corenta
quilómetros das minas. Na fábrica de concentrados de estaño de Carril o mineral
recibido sufría unha calcinación previa, someténdose despois á acción de dous
electroimáns de diferentes intensidades, co que se lograba a separación do
estaño e o volframio do resto de materiais, que eran refugados. Como se indicou
antes, este proceso de separación magnética mediante bandas cruzadas, do tipo
coñecido como Wetherill-Rowand, foi o primeiro da súa clase que se instalou en
España.
Tras uns anos de práctico monopolio da produción de
estaño e volframio en Galicia, anos cunha demanda interna de estaño vinculada
co proceso de industrialización e máis concretamente coa florecente industria
conserveira galega, unha serie de problemas externos e internos levan a que a
empresa británica abandone en 1909 a explotación no grupo de Fontao das minas
Tiro e Sidón, continuando soamente coa explotación de volframio na mina
Angelita.
En 1913, tras unha serie de modificacións na estrutura
societaria da empresa matriz, volve a actividade ás minas de Fontao,
controladas agora polo señor R.B. Lavery, un dos antigos accionistas da
compañía “The San Finx Tin Mines Ltd.”, que controla tamén as minas de San
Finx, en Lousame. En 1916, as minas de San Finx pasan a unha nova sociedade “The
Phoenicia Mines Ltd.”, tamén domiciliada en Londres, separándose
definitivamente do grupo de Fontao.
No transcurso da Gran Guerra (1914-1918) as empresas
mineiras radicadas en Galicia, maioritariamente de capital estranxeira, coñecen
serios problemas de explotación por diversas razóns, mentres que florecen os
mineiros de ocasión, chamados aventureiros ou rebuscadores que chegan a gañar
ata sete pesetas e media por libra (575 gramos) de mineral lavado. Finalizada a
guerra os prezos derrúbanse a uns valores de 1,25 a 1,50 pesetas por libra.
Nesta situación, a finais da década de 1920 prodúcese un
período de transición na actividade mineira de San Finx, afectada tamén pola
grave crise internacional desatada no outono de 1929 –a Gran Depresión. A
inicios de 1932 a mina queda sen dirección técnica, asumíndoa directamente a
xerencia. Polo seu elevado contido en volframio, en abril iníciase a retirada
das chaves de protección do filón sur na sexta planta, ó este do pozo chamado “GH”
e nas proximidades dunha importante falla, coa consecuencia do afundimento e
inutilización do pozo, que deixa á mina sen accesos á explotación, sen desaugue
e coa necesidade de importantes investimentos para recuperar o perdido.
Rapidamente prodúcese unha reestruturación do equipo de
mando na mina, e pasa á xerencia Alfredo Burne, un enxeñeiro de minas británico
que procede das minas de estaño de Cerdedo (Pontevedra), quen inicialmente
reconsidera para a explotación antigos proxectos que volven a desestimarse por
custo e prazo. En tanto non se recobra a normalidade na produción, se re lavan
os estériles de lavadoiro e algunha entulleira, e repásanse residuos. A
explotación efectúase en niveis superficiais e os esforzos concéntranse no
chamado “Pozo Viejo” e no desaugue.
Reiniciada a produción en 1933, proponse a conveniencia
de modificar a sociedade, que pasará a denominarse “The San Finx Tin Mines Ltd.
(1933)” e que integra a “The Vilacoba Hidropower Co. Ltd” na anterior empresa
mineira. A nova sociedade, ademais de retomar a explotación en zonas
accesibles, decide a apertura dun novo pozo mestre, afastado da zona de
influencia dos afundimentos, e que desde entón coñécese, primeiro como “Pozo de
los Andaluces” (ou “Pozo Burne”) e definitivamente como “Pozo Nuevo”. O aprofundamento
deste pozo finaliza en marzo de 1936, e iníciase a travesa co guionaxe,
tubaxes, escalas e formigonado completo ata a sexta planta. O afundimento
trouxo consigo coma vantaxe a extensión dos traballos a zonas e filóns da mina
ata entón practicamente virxes e descoñecidos.
A nova “The San Finx Tin Mines” procede tamén ó traslado
da planta de refinamento desde Carril ata a Fábrica Vella da mina, agora
destinada exclusivamente a refinamento dos concentrados obtidos na Fábrica
Nova. Malia iso, nunca se completou a recuperación dos niveis de produción que
se acadaran anteriormente, tendo en conta que os traballos ó este do pozo
afundido non se retomaron en ningún momento, quedando toda a zona oriental
abandonada.
A explotación de estaño e volframio manterase durante a
Guerra Civil española (1936-39) e finalizada esta, unha sociedade do grupo
Banco Pastor chamada “Industrias Gallegas, S.A.” (INGASA) adquiría en 1940 a
concesión e as instalacións das antigas minas inglesas de San Finx e iniciaba
unha forte expansión pola demanda internacional de volframio para usos
militares. En plena guerra mundial, os anos 1942 e 1943 ven subir os prezos do
volframio por riba das cen pesetas por quilogramo, pero xa en 1944 vense
reducidos á metade e iníciase unha nova caída das cotizacións. Nestes anos
implántanse en España as primeiras industrias transformadoras de wolframio,
como Fundicións Bersán en Medina del Campo, en 1944, ou Almuso na Coruña, en
1945, entre outras. Tamén se crean as primeiras fundicións formais de estaño e
en 1942 a empresa “Mineiro Metalúrxico do Estaño ”(MESAE) monta cadansúa
plantas en Carril (Pontevedra) e Madrid. Isto permitirá a produción nacional de
derivados de volframio e de estaño, favorecendo a explotación destes minerais.
Trala recuperación da actividade económica co final da
segunda guerra mundial e unha situación claramente alcista dos prezos
acentuados coa guerra de Corea (1950-53), pola retirada da produción coreana
dos mercados e o aumento da demanda de volframio para a industria de armamento,
as cotizacións volven caer, suspendéndose a produción no ano 1963. En 1965 as
minas véndense a Gabriel Pérez e Adolfo Ferreiro, baixo a razón social
“Compañía de Minas de San Finx, S.A.”, iniciándose un período completamente
distinto, coa redución do cadro de persoal, a mellora da mecanización, e o
incremento dos prezos nos mercados, situación que se manterá con poucas oscilacións
ata o peche das minas de San Finx en 1990.
Actualmente a Xunta de Galicia, o concello de Lousame e a
propiedade das minas, coa colaboración da Cámara Mineira Oficial de Galicia,
están levando a cabo un proxecto turístico-cultural para a recuperación deste
espazo mineiro e da súa riqueza patrimonial. O proxecto persegue recrear o día
a día da explotación mineira nos tempos de maior actividade. Para iso estanse
levando a cabo itinerarios que permiten coñecer as principais instalacións e
tense prevista a rehabilitación da antiga escola da mina para situar alí un
centro de interpretación.
Descrición:
As minas están situadas uns seis quilómetros ó suroeste
de Noia, accedendo a elas pola estrada de Riatelo. Segundo Ruiz Mora os filóns
foron descabezados en tempos moi antigos, traballos favorecidos pola proximidade
dunha costa acolledora.
É moi probable que, pola facilidade da súa explotación,
os depósitos secundarios de estaño tiveran moito peso na minaría galega antiga,
aínda que unha topografía xeralmente abrupta con ladeiras escarpadas e ríos
encaixados non se presta á formación de coluvións ou praceres extensos, coas
coñecidas excepcións das ladeiras da marxe dereita do río Deza e as grandes
extensións sen relevo dos cursos alto do Limia e baixo do Támega. A minaría
máis recente e moderna, porén, orientouse ó beneficio dos depósitos primarios.
O depósito está formado, principalmente, por tres filóns
de cuarzo N 50º E 85º S, de corrida superior ós mil metros e potencias
comprendidas entre os cincuenta centímetros e o metro e medio, aínda que pode
haber ensanches de ata catro metros, cortados por fallas N 150º E ás veces
tamén mineralizadas.
A mineralización está constituída por volframita e
casiterita, con lei media conxunta superior ó un por cento e relación de dous a
tres. Como acompañantes encóntranse arsenopirita, pirita, scheelita,
calcopirita e molibdenita.
No ano 1981 o Instituto Xeomineiro de España estimou
unhas reservas de 836.000 toneladas de mineral por debaixo da última planta
entón en explotación (a sétima), a preto de cen metros de profundidade. A
extracción media mensual era entón dunhas mil toneladas.
Referencias Bibliográficas:
Caba
Landa, C., 1947, Wolfram, wolfram (La
diplomacia en la bocamina), Ediciones Morata, Buenos Aires.
Carmona
Badía, X., 1990, “Crisis y transformación de la base industrial gallega, 1850-
Carmona Badía, X.,
2009, “Luis de
Carmona Badía, J.,
y Nadal Oller, J., 2005, El empeño
industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000, Fundación Pedro
Barrié de
Carreras
Candi, F. (dir.), 1928, Geografía General
del Reino de Galicia, trece volúmenes, Editorial Alberto Martín, Barcelona,
reedición facsimilar en 1980, Ediciones Gallegas,
Cueto
y Noval, R. del, 1928, La minería de la
región gallega, reproducción facsimilar por
Fariña Jamardo, J.,
1977, La balada del wolfram, Editorial
Magisterio Español, Madrid. ISBN 84-265-7198-0.
Madroñero
de
La minería de Galicia, 1991, Dirección Xeral de Industria
de
Mirre,
J.C., 1990, Guía dos minerais de Galicia,
Galaxia, Vigo. DL VG-328-1990. ISBN 84-7154-729-5.
Ruiz
Mora, J.L. y Álvarez-Campana Gallo, J.M., 2006, “Patrimonio geominero de
Galicia: la mina de estaño-wolframio de San Finx, Lousame (A Coruña) durante
sus comienzos industriales y primer impulso (1897-1928)”, comunicación al
Primer Congreso Internacional de Minería y Metalurgia en el Contexto de
Ruiz
Mora, J.L. y Álvarez-Campana Gallo, J.M., 2006, “Patrimonio geominero de
Galicia: la mina de estaño-wolframio de San Finx, Lousame (A Coruña) entre su
reorganización y la gestión de industrias gallegas (1929-1965)”, comunicación al
Séptimo Congreso Internacional sobre Patrimonio Geológico y Minero, Puertollano
(Ciudad Real), 22-24 de septiembre del 2006.
Schulz,
G., 1835, Descripción geognóstica del
Reino de Galicia, acompañada de un mapa petrográfico de este país,
Herederos de Collado, Madrid, ed. facsimilar de 1985 da Área de Xeoloxía e
Minería do Seminario de Estudos Galegos, Ediciós do Castro, Sada, Coruña.
Valenzuela
Otero, R. de, 1980, Era tempo de apandar,
Akal, Madrid, ISBN 84-733-9490-9, reeditado en
Viejo Viñas, R., 1985, “La minería en Galicia”, Papeles de Economía Española, Serie
Economía de las Comunidades Autónomas, número 3, Galicia, Fundación Fondo para