153 Factoría de Morás

Galería de Fotos

VerVerVerVer
  • Provincia: Lugo
  • Concello: Xove
  • Parroquia: San Clemente de Morás
  • Lugar: As Cruces
  • Paraxe: O portiño de Morás
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 43.71890012200855
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -7.474372386932373
  • Coordeadas UTM: Fuso 29 // X 622.894,41 / Y 4.841.784,76
  • Clasificación: Factoría baleeira
  • CNAE: 10.21 Procesado de peixes, crustáceos e moluscos (Cetáceos, nomeadamente, baleas) e 10.44 Fabricación de outros aceites e graxas
  • Comarca: A Mariña occidental
  • Ámbito: Rural
  • Acceso:

    Dende Viveiro seguiremos pola estrada C-642 ata Xove e alí –aproximadamente no quilómetro 88,3- tiraremos ó norte cara a Morás. Despois de uns catro quilómetros continuaremos pola dereita pouco máis de un quilómetro, chegando ó lugar e praia de As Cruces, un pouco antes do portiño de Morás, onde está a factoría baleeira que fora de Massó.

Tipo de propiedade:

Privada no dominio público

Visitable:

Sí, exteriormente

Historia:

A historia baleeira en Galicia ten dúas épocas nidiamente delimitadas: a tradicional ou artesanal, que vai do século XIII –dende a introdución da actividade no Golfo de Biscaia– ó XVIII; e a moderna, xa no século XX.

Dende o punto de vista biolóxico cumpre dicir que na primeira etapa eran os balénidos (balea franca e balea de Grenlandia), os cachalotes e os xibartes as especies de cetáceos (grandes peixes) intensamente cazadas, mentres que o foron os rorcuais (azul, común e norteño) na segunda.

Consonte Valdés Hansen, o primeiro indicio documentado da pesca da balea remóntase o ano 875 na Normandía e os termos empregados na designación dos baleeiros, as súas sociedades e pesqueiras evidencian a orixe ou impronta baleeira escandinava, e máis concretamente, norueguesa. Os sucesores dos normandos serían os vascos, á súa vez antecesores dos demais baleeiros do Cantábrico. A introdución e asimilación das técnicas de construción naval normandas podería ter como referencia na cornixa cantábrica a vila vasco-gascona de Baiona, onde aparece tamén a primeira cita documentada da actividade baleeira nesta zona (1059).

O primeiro documento baleeiro en España aparece contra o ano 1190 no mosteiro de Nájera, nos inicios do proceso de poboamento do litoral cantábrico: San Sebastián fundárase no 1180 por Sancho El Sabio, mentres que outras vilas baleeiras igualmente senlleiras, coma Fuenterrabía (1203), Guetaria (1209) e Motrico (1209), fúndanse moito despois por Alfonso VIII, mentres que o fóra inda máis tarde a tamén baleeira Zarauz (1237), pero xa por Fernando III.

A actividade baleeira guipuscoana vaise estendendo do levante ó poñente, documentándose vía o citado mosteiro de Nájera, en Santoña (Cantabria) xa no 1190, e en Entrellusa (Asturias) contra o ano 1232.

A primeira noticia documentada dun porto baleeiro en Galicia é a do porto de Prioiro (Covas, Ferrol), xa no 1286, no derradeiro tramo do século XIII, que remite o inicio da súa actividade a moitos anos atrás, anterior a 1272 e posiblemente contemporáneo coa dos portos tamén baleeiros de Bares e San Cibrao, aínda que estes non aparezan citados deica o ano 1291.

Xa fora pola perda da importancia do porto de Prioiro ou por outra razón, xa non volve a aparecer máis ligado a caza da balea, mentres que Bares e San Cibrao continúan coa actividade baleeira ata o século XVIII.

Aínda que é posíbel que tamén o porto de Burela iniciara naqueles tempos a pesca da balea, non se conta con proba documental anterior ó 1527. E aínda que na Baixa Idade Media tamén aparece algún indicio documental da actividade baleeira en torno ó cabo Tosto (pasado Camelle e Aróu, e antes do cabo Vilán), os portos de Caión e Malpica non se documentan ata o 1530, e o de Camelle no 1559.

A estes portos virían a xuntarse os de Nois (1605), Rego de Foz ou Masma (1607) e Rinlo (1611), no Cantábrico, e o de Langosteira-Suevos (1607), no Atlántico. Xa avanzado o século XVII, aínda que con menor importancia, a actividade comeza en Portocelo e Morás (en ambos documentada contra 1635) e no XVIII en Foz (1709), Cal Vella en Cangas de Foz (1714) e Portovello en Augadoce de Forxán (1715).

Nos primeiros tempos, dende o século XIII ó XV, a actividade baleeira nas costas galegas era desenvolvida unicamente por pescadores vascos, nomeadamente nos portos cantábricos (San Cibrao e Bares), e a partires do ano 1530 os pescadores franceses comezan a se desprazar ós portos galegos atlánticos (Malpica e Caión) por eludir a oposición dos baleeiros guipuscoanos. A masiva chegada de baleeiros foráneos e a coincidencia da mingua nas pesqueiras contra 1526 levara ós pescadores locais a abrir unha fronte contra os franceses e os vascos, acusándoos de contaminar as augas coa súa actividade facendo desta maneira fuxir á sardiña, protestas que cesarían cara a 1537, establecéndose en adiante unha paulatina cooperación e entrada dos galegos no negocio mercantil e pesqueiro.

Avanzando a segunda metade do século XVI os galegos irían desprazando ós vascos do negocio baleeiro, manténdose unha certa dependencia humana e material nos portos cantábricos e prescindindo de calquera participación na captura, aproveitamento e comercialización das baleas no canto dos portos atlánticos de Malpica e Caión. Xa desde a década de 1550 pódese constatar en San Cibrao, Bares, Caión e Malpica unha certa actividade baleeira protagonizada polos pescadores, mareantes e mercadores daqueles portos. No ano 1573 Nicolás Jaspes, mercador asentado na Coruña, contrataba a once pescadores de San Cibrao e a un mareante coruñés para establecer en Malpica unha das primeiras armadas netamente galegas para a pesca da balea.

A finais do século XVI os galegos tiñan desprazado totalmente ós baleeiros vascos e desenvolveran uns fortes modelos organizativos, de tipo representativo (concejil) en Malpica e Caión e mercantil (compañías armadoras) nos portos de Rinlo, Rego de Foz, Nois e Burela, amais de modelos intermedios nos portos de Bares e San Cibrao.

O meirande protagonismo local, o descenso nas capturas de baleas e a crise da empresa vasca en Terranova supuxo no tránsito do século XVI ó XVII a fin das arribadas das embarcacións do leste do Cantábrico nas costas galegas. Dende aquela a presenza dos vascos vai quedar limitada a súa contratación polos armadores galegos.

A explotación intensiva da balea franca ó longo dos séculos, aproveitando mesmo as crías, femias e animais novos, vai levar á desfeita da especie e case que á súa extinción na segunda metade do século XVII, podéndoa considerar comercialmente extinta contra o ano 1718, no que se consignan as derradeiras capturas no libro de contas do cabido de Mondoñedo. E xa na segunda metade do século XVIII todo o aceite de balea e bacallau que se consumía no norte de España procedía do estranxeiro, cunha notable sangría económica que levou a recorrer ó saín obtido das cabezas e vísceras das sardiñas.

Nos máis de dous séculos que van en Galicia da pesca tradicional da balea á moderna (1718-1924), unicamente os cetáceos mortos ou moribundos varados na costa serán obxecto de ocasional aproveitamento polos pescadores locais, así convertidos polo azar en temporais baleeiros.

Xa nos comezos do século XX, as innovacións técnicas e a acumulación de recursos financeiros van permitir a creación de modernas industrias que capturarán na alta mar outras especies migratorias de grandes cetáceos como os rorcuais, economicamente moi rendibles pero que rara vez se achegan ás costas.

O sistema produtivo empregado ata dous séculos antes deixa entón paso á industria baleeira do século XX, que vai consolidarse coa introdución do canón lanza arpóns, o arpón granada, os barcos de vapor e as modernas factorías terrestres.

O barco baleeiro de vapor, primeiro de carbón e de fuel óleo despois (pero sempre con caldeiras de vapor para evitar a trepidación dos motores), arrombou veleiros e chalupas, permitindo coa súa maior velocidade e o canón arpoeiro a persecución e caza sistemática dos grandes mamíferos mariños, os rorcuais, ós que ó insuflarlles aire cando mortos, levábanse despois flotando ata as factorías terrestres sen risco de afundimento e perda.

As innovación técnicas, desaparecido o interese do aceite como combustible para alumeado fronte a crecente presenza da luz eléctrica, tiveron o seu necesario complemento coa diversificación no uso industrial dos aceites animais non só para fabricar xabón, senón tamén para a elaboración de margarina, glicerina, e lubricantes.

No ano 1914 os noruegueses Lorentz F. Bruun e Carl F. Herlofson creaban en Madrid a “Compañía Ballenera Española, S.A.”, que tralo retraso provocado pola Primeira Guerra Mundial vai poñer en funcionamento contra 1921 a súa primeira factoría española en Getares (Algeciras, Cádiz) e no mes de novembro de 1924 outra factoría terrestre en Caneliñas (Cee, Coruña). A factoría de Caneliñas estivo abastecida de cetáceos por catro vapores baleeiros que se incorporaron progresivamente dende finais do 1924 (o Morote), durante a campaña de 1925 (o Caneliñas, o Galicia, e o William Wilson), e comezos do 1926 (o Leslie). Para o transporte da produción contaba co mercante Blus, que afundiu en Caneliñas en 1925 e cuxos grandes tanques de almacenamento do aceite foran voltos a instalar no Blus II, un buque similar que o substituíra tralo sinistro.

Uns meses antes, en xuño, a compañía tamén norueguesa “A/S Corona” fondeaba na enseada de Barra, o norte da ría de Vigo un buque factoría, bautizado como Rey Alfonso mentres operou en España, e constituía o 4 de xuño de 1925 a “Sociedad Española Corona”. O buque operaba durante o verán en Barra e trasladábase a Huelva durante o inverno, xa e que o mal estado da mar complicaba o traballo nas augas de Galicia dos catro vapores baleeiros que abastecían ó barco factoría.

A vida das baleeiras norueguesas en Galicia foi tan curta coma intensa e produtiva, e mentres o barco factoría marchaba definitivamente da praia de Barra ó rematar a campaña de 1926, a factoría de Caneliñas pechaba na campaña de 1927.

Trala inseguridade xurídica e económica propiciadas pola Guerra Civil Española, primeiro (1936-39), e a Segunda Guerra Mundial, despois (1939-45), reaparecen en Galicia iniciativas empresariais baleeiras: en 1946 a “Industria Ballenera, S.A.” (IBSA) nas instalacións norueguesas de Caneliñas (Cee, Coruña); en 1955 os irmáns Massó en Punta Balea (Cangas, Pontevedra); e xa en 1965, no antigo porto baleeiro de Morás (Xove, Lugo), tamén promovida polos irmáns Massó.

O 3 de outubro de 1947 José Chas Rodríguez, que pretendía construír unha factoría baleeira na súa salgadeira de Razo (Carballo, Coruña), conseguía os dereitos de pesca no norte e noroeste de España entre Estaca de Bares e a desembocadura do Miño, e a comezos do ano 1948 a totalidade do accionariado da “Industria Ballenera, S.A.” (IBSA) había sido adquirida por Chas e outros empresarios coruñeses, que decidían potenciar a factoría de Caneliñas en detrimento da proxectada en Razo e construír ademais unha fábrica de xabón no Pasaxe (Coruña). O 28 de abril de 1952, a factoría de Caneliñas obtén a ansiada autorización para dedicarse á actividade baleeira en Galicia.

Os primeiros barcos de IBSA foran o Caneliñas e o Temerario, adquiridos en Durban (Sudáfrica) a unha compañía baleeira a finais de 1950. Viría despois o Lobeiro, que se dedicaría desde 1955 ó abasto por conta de IBSA da factoría dos Massó en Punta Balea.

Nos mes de outubro de 1962 Gaspar Massó adquiría dous barcos, o Carrumeiro e o Cabo Morás, que a empresa dos irmáns Massó dedicaría a proporcionar cetáceos á futura factoría que establecerían en Morás.

O 26 de marzo de 1971 as industrias baleeiras de “Massó Hermanos, S.A.” establecidas en Punta Balea e en Morás pasaban a formar parte da “Industria Ballenera, S.A.” (IBSA), inda que a colaboración entre os barcos e as factorías de ámbalas dúas empresas era xa un feito anos antes. Comezaba entón a derradeira e máis proveitosa etapa de IBSA ata o cese da súa actividade industrial contra o ano 1985.

Trala campaña de 1976 se retiraban do servizo o Caneliñas, o Temerario, e o Cabo Morás, substituídos no verán de 1978 polo Ibsa I, Ibsa II e Ibsa III, vellos barcos noruegueses de máis de vinte anos remolcados en maio de 1975 dende Aalesund (Noruega) a Marín (Pontevedra), onda foran reparados antes da súa entrada en servizo. O 27 de abril de 1980 un atentado dun grupo ecoloxista afundía no peirao comercial de Marín ó Ibsa I e ó Ibsa II, que quedarían xa para o despece, sinalando o principio da fin desta actividade industrial na Europa.

Na reunión anual da Comisión Baleeira Internacional de 1982 en Brighton (Reino Unido), acordabase o estabelecemento dende o 1 de xaneiro de 1986 dunha moratoria que suporía o final da actividade baleeira en Galicia, e por ende, das últimas factorías baleeiras europeas, tralo peche da de Skjelnan (Noruega) en 1971, ó que seguiría Morás (1976), Punta Balea (1983) e, finalmente, Caneliñas (1985).

Fronte a desidia española, a iniciativa dos habitantes dunha distante localidade norueguesa rescatou por subscrición popular ó Ibsa I, buque que fora construído en 1950 nos estaleiros de Middlesbrough (Inglaterra, Reino Unido) e navegara primeiro dez anos no Antártico, outros dez no Ártico, e que tras render os seus derradeiros servizos ós baleeiros galegos, esperaba no outono de 1989 o seu despezamento no seo de Cee, e que é agora un museo flotante en Sandefjord (Vestfold, Noruega), a vila balnearia, baleeira e construtora de barcos dos seus beneméritos salvadores.

Construcción:

En 1965 pola compañía “Massó Hermanos, S.A.”, para empregala como base de operacións independente e allea á zona de exclusividade da “Industria Ballenera, S.A.” (IBSA), concesionaria de tales dereitos de pesca en Galicia entre a Estaca de Bares e o río Miño.

Abandono:

Foi a derradeira a campaña de 1976, e tralas negociacións coa empresa Alúmina Española-Aluminio Español, xa no verán do ano 1977 vendíase a factoría de Morás, seis anos antes do peche da factoría de Cangas (1983) e oito anos antes do peche da de Caneliñas (1985), o que suporía a fin da actividade baleeira en Europa.

Descrición:

A finais de 1962, xa coa factoría baleeira de Cangas en explotación, os irmáns Massó ampliarían a súa capacidade para a actividade baleeira o adquirir os terreos, edificios, maquinaria, barcos (o Carrumeiro e máis o Antoñito Vera, que sería rebautizado como Cabo Morás) e dereitos de pesca que posuía a “Compañía Ballenera Española, S.A.” (CEBSA) en Getares (Algeciras) e que lle foran embargados polo Banco de Crédito Industrial.

Coa nova capacidade acadada, e limitados na posibilidade das capturas polos dereitos exclusivos que tiña a “Industria Ballenera, S.A.” (IBSA) nas augas galegas, optaron por buscar un novo emprazamento ó leste da Estaca de Bares, libre da zona exclusiva da IBSA: o lugar finalmente elixido para a nova factoría e base baleeira sería o portiño de Morás, na costa luguesa no poñente de San Cibrao. Nesta nova factoría instaláranse catorce autoclaves de catorce toneladas de capacidade cada un, e contratarase a dous despezadores da factoría de Getares e máis ó que fóra xerente da factoría de Caneliñas.

As instalacións ocupaban algo máis de dez mil metros cadrados, e contaban cun completo sistema de elaboración e separación de aceites (que incluía sistemas para a desodorización dos vapores dos cocedoiros), unha capacidade de almacenamento de 2.000 toneladas de aceite en bidóns e un frigorífico conxelador para a carne de balea destinada ó consumo humano. Para o arrastre e varada dos cetáceos no interior da factoría instaláranse seis cabrestantes.

A capacidade anual nominal da factoría era de 2.000 toneladas de aceite, 100 toneladas de carne para consumo, 800 toneladas de fariña, e 150 toneladas de fariña de ósos.

Con o vapor baleeiro amarrado no peirao da factoría, na ribeira esquerda do portiño de Morás, o animal era arrastrado coa axuda dun chigre pola rampla de varada ata a explanada de traballo onde pegábanlle ó cetáceo os primeiros cortes, separándolle cabeza e queixada do resto do corpo, arrancándolle tamén coa axuda dos chigres a capa de pel e graxa da que se obtiña o aceite de mellor calidade. A plataforma de despece, inicialmente descuberta como a de Cangas, cubriríase anos máis tarde cun teito de “uralita” (fibrocemento).

Os grandes cachos de carne e masa muscular se arrastraban cos croques ou bicheiros ata a tarima na que un grupo de mulleres os limpaba e cortaba en tallos máis pequenos para o seu almacenamento nas cámaras frigoríficas da factoría.

Os restos de todo o proceso produtivo, unha vez deshidratados na secadora, moíanse para vendelos como abono (fariña de peixe) á industria especializada na elaboración de fertilizantes.

Trala venda no ano 1977 as instalacións pasaron a integrarse coas de Alúmina Española-Aluminio Español, a empresa adquirinte, que as emprega como almacén para as escoiras orixinadas na fábrica.

Tempo de uso:

Pesca marcadamente estacional, con campañas de verán para a captura en alta mar dos grandes cetáceos.

Sistema de produción:

A industria baleeira do século XX vai consolidarse coa introdución do canón lanza arpóns, o arpón granada, os barcos de vapor e as modernas factorías terrestres.

O barco baleeiro de vapor, primeiro de carbón e de fuel óleo despois (pero sempre con caldeiras de vapor para evitar a trepidación dos motores), arrombou veleiros e chalupas, permitindo coa súa maior velocidade e o canón arpoeiro a persecución e caza sistemática dos grandes mamíferos mariños, os rorcuais, ós que ó insuflarlles aire cando mortos, levábanse despois flotando sen risco de afundimento ata as factorías terrestres.

As innovación técnicas, desaparecido o interese do aceite como combustible para alumeado, tiveron o seu necesario complemento coa diversificación no uso industrial dos aceites animais: elaboración de margarina, glicerina, xabón ou lubricantes.

Unha vez capturado o animal, os buques dispuñan de unhas quince horas para chegar á factoría antes de que a carne comezase a estragarse.

Xa na factoría a balea pelábase, despezábase e tallábase, cocendo nas caldeiras as partes máis acaídas para a elaboración do aceite, separando a carne apropiada para á alimentación e deshidratando todo tipo de restos nunha caldeira de alta temperatura para a elaboración de abono (fariña de peixe).

Actividades laborais:

Pola marcada estacionalidade da pesca, a industria baleeira empregaba persoal fixo-descontinuo, contratado co comezo de cada campaña e dado de baixa ó rematala. Entre campaña e campaña mantíñanse os postos imprescindibles de dirección, administración, laboratorio, mantemento e vixilancia. Durante a campaña contratábanse homes para a varada e despezamento do cetáceo na plataforma e mulleres para o tallado da carne, e algúns oficios precisaban de unha certa competencia ou especialización, como os do encargado do laboratorio, os despezadores principais, os empregados no taller de fragua e carpintaría, os encargados dos autoclaves e os responsables dos chigres.

Emprego:

A factoría chegou a contabilizar un máximo de setenta empregados, moitos deles unicamente para atender nos momentos nos que as boas capturas enchían de rorcuais e cachalotes a pequena enseada do Portiño de Morás. Ademais hanse contar as tripulacións dos baleeiros que subministraban os cetáceos, de uns quince homes por barco.

Materias Primas:

Rorcual azul (Balaenoptera musculus), rorcual común (Balaenoptera physalus) e rorcual norteño (Balaenoptera borealis), amais de cachalote (Physeter macrocephalus).

Produtos Elaborados:

Aceites para usos industriais e carne para alimentación. Fariña de peixe para fertilizantes agrícolas, obtida pola deshidratación e pulverización dos restos dos osos, carne e vísceras. Polo prezo tivera moita importancia a venda de ámbar e dos dentes dos cachalotes.

Distribución e comercialización:

Os destinos principais do aceite eran industrias bilbaínas e barcelonesas, ademais de industrias galegas de Vigo e Coruña. A carne vendíase, ademais de localmente, na meirande parte dos mercados do norte español (Madrid, Bilbao, Zaragoza, Barcelona, etc.).

No ano 1972, e previo acordo coa viguesa “Auxiliar Conservera, S.A.” (AUCOSA), especializada en la manipulación, conservación en frío y exportación de peixe en grandes cantidades, comezan as exportacións de carne de cetáceo ó Xapón, o que marcaría a etapa de meirande prosperidade da industria baleeira galega. Técnicos xaponeses e coreanos supervisaban o despece, tallado e clasificación da carne, garantindo coa súa sinatura a correcta manipulación da mesma a satisfacción dos clientes asiáticos.

Referencias Bibliográficas:

Aguilar, A.; Alpuente, M.; Lorrio, F., 2006: A factoría baleeira Massó: fotografías de Félix Lorrio. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia. DL C-1508-2006. ISBN 978-84-453-4310-4.

Canoura Quintana, A., 2002, A pesca da balea en Galicia nos séculos XVI e XVII, limiar de Xoán Carmona Badía, Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia, Santiago de Compostela. ISBN 84-453-3207-4.

Carmona Badía, X., 1990, “Crisis y transformación de la base industrial gallega, 1850-1936”, Pautas regionales de la industrialización española (siglos XIX y XX), Jordi Nadal Oller y Albert Carreras Odriozola (dirección y coordinación), Ariel, Barcelona, p. 23-48. ISBN 84-344-6563-9.

Carmona Badía, J., y Nadal Oller, J., 2005. El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Carreras Candi, F. (dir.), 1928, Geografía General del Reino de Galicia, trece volúmenes, Editorial Alberto Martín, Barcelona, reedición facsimilar en 1980, Ediciones Gallegas, La Coruña.

Crespo Alfaya, C., et al., 1983. A pesca en Galicia. A Coruña: Escola Aberta. DL C-920-1983. ISBN 986-542921.

Donapetry Iribarnegaray, J., 1953, Historia de Vivero y su Concejo, edición facsímil de 1991 de la Diputación Provincial de Lugo, Lugo. ISBN 84-86824-00-1.

Fernández Casanova, C., 1998, “Cambio económico, adaptacións e resistencias nos séculos XIX (dende 1870) e XX”, Historia da pesca en Galicia, Carmen Fernández Casanova (coord.), Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela, p. 139-206. ISBN 84-8121-719-0.

Fernández del Riego, F., 1998, A pesca galega de mar a mar, Seminario de Estudos Galegos e Ediciós do Castro, Sada, Coruña. DL C-69-1998. ISBN 84-7492-871-0.

Ferreira Priegue, E.M., 1988. Galicia en el comercio marítimo medieval. La Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza, p. 91. ISBN 84-85728-71-8.

Ferreira Priegue, E.M., 1988. Galicia en el comercio marítimo medieval. La Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. ISBN 84-85728-71-8.

Ferreira Priegue, E.M., 1998, “O desenvolvemento da actividade pesqueira dende a alta idade media o século XVII”, Historia da pesca en Galicia, Carmen Fenández Casanova (coord.), Universidade de Santiago de Compostela, Santiago de Compostela, pp. 71-86. ISBN 84-8121-719-0.

Giráldez Rivero, J., 1996. Crecimiento y transformaciones de la pesca en Galicia (1880-1936). Madrid: Ministerio de Agricultura.

González Echegaray, R., 1978. Balleneros cántabros. Santander: Institución Cultural de Cantabria, p. 38. ISBN 84-85349-01-6.

Iglesias Almeida, E., 2006, Tráfico marítimo e fluvial nos portos do sur da provincia de Pontevedra (séculos XIII-XVII), limiar de Clodio González Pérez, Toxosoutos, Noia. D.L. C-2302-2006. ISBN 84-96673-08-1.

Labarta Fernández, U., 1985, A Galicia mariñeira, Biblioteca Básica da Cultura Galega, Galaxia, Vigo. ISBN 84-7154-492-X.

Lara Coira, M., 2009, “La pesca en Galicia hasta 1750”, Gallegos, número 6, II trimestre 2009, Ensenada de Ézaro, Santiago de Compostela, p. 134-141. D.L. VG-549-2008. ISSN 1889-2590.

López Capont, F., 1998, El desarrollo industrial pesquero en el siglo XVIII: los salazoneros catalanes llegan a Galicia, Fundación Pedro Barrié de la Maza, Coruña. ISBN 84-89748-26-8.

Massó García, G. 1967. Origen y desarrollo de la industria conservera en Galicia. Vigo.

Meijide Pardo, A., 1971. Economía marítima de la Galicia cantábrica en el siglo XVIII, Valladolid.

Ménard, C., 2008. La pesca gallega en Terranova, siglos XVI-XVIII. Madrid: Consejo Superior de Investigaciones Científicas, Universidad de Sevilla y Diputación de Sevilla. DL M-57.791-2008. ISBN 978-84-00-08741-8.

Pardo Gómez, F., 2002. La navegación a vela en la mariña lucense. Lugo: El Progreso. DL LU-72-2002.

Pardo Gómez, F., 2008. Historia de San Ciprián. Lugo: El Progreso. DL LU-26-2008.

Pazos Pérez, L.J., 2000. Ballenas y balleneros en Galicia. Vigo: Tórculo. DL VG-1042-2000. ISBN 84-607-1553-1.

Pazos Pérez, L.J., 2008. Balleneros. Barcos-Factorías… Siglo XX. Pontevedra: Damaré Edicións. DL PO-308-2008. ISBN 978-84-935835-5-2.

Rey Escariz, A., 1912. “La pesca de la ballena en las costas gallegas”. Boletín de la Real Academia Gallega, Año VII, nº 62, La Coruña, p. 33-36.

Rodríguez Ojea, F. (coord.), 2000, Grandes empresas, grandes historias de Galicia, La Voz de Galicia, Coruña. D.L. C-1698-2000.

Sáñez Reguart, A., 1791-1795: Diccionario Histórico de los Artes de la Pesca Nacional. Madrid, 1791-1795. Reedición a cargo del Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación, Madrid, 1988.

Taboada Arceo, A., 1971. Galicia, estructura y ritmo socio-económicos. La Coruña: Servicio de Estudios y Publicaciones de las Cámaras Oficiales de Comercio, Industria y Navegación de Galicia. DL C-145-1971.

Valdés Hansen, F., 2010. Los balleneros en Galicia (siglos XIII al XX). A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-355-2010. ISBN 978-84-95892-78-2.

Vallejo Pousada, R., 2003. "Historia da pesca en Galicia. (Das orixes ata o século XVIII)", Pontevedra. Revista de Estudios Provinciais, 19, 2003, p. 153-178.

Vázquez Varela, J.M., 1998, “O aproveitamento dos recursos mariños na prehistoria e a antigüidade de Galicia”, Historia da pesca en Galicia, Carmen Fenández Casanova (coord.), Universidade de Santiago de Compostela, Santiago de Compostela, p. 13-49. ISBN 84-8121-719-0.

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 3-III San Cibrao // Fuso 29 // X 622.894,41 / Y 4.841.784,76

Data de Actualización:

6 xaneiro 2011