153 Factoría de Morás
- Provincia: Lugo
- Concello: Xove
- Parroquia: San Clemente de Morás
- Lugar: As Cruces
- Paraxe: O portiño de Morás
- Coord. Xeográficas - Latitude: 43.71890012200855
- Coord.Xeográficas - Lonxitude: -7.474372386932373
- Coordeadas UTM: Fuso 29 // X 622.894,41 / Y 4.841.784,76
- Clasificación: Factoría baleeira
- CNAE: 10.21 Procesado de peixes, crustáceos e moluscos (Cetáceos, nomeadamente, baleas) e 10.44 Fabricación de outros aceites e graxas
- Comarca: A Mariña occidental
- Ámbito: Rural
- Acceso:
Dende Viveiro seguiremos pola estrada C-642 ata Xove e alí –aproximadamente no quilómetro 88,3- tiraremos ó norte cara a Morás. Despois de uns catro quilómetros continuaremos pola dereita pouco máis de un quilómetro, chegando ó lugar e praia de As Cruces, un pouco antes do portiño de Morás, onde está a factoría baleeira que fora de Massó.
Tipo de propiedade:
Visitable:
Historia:
A historia baleeira en Galicia ten
dúas épocas nidiamente delimitadas: a tradicional ou artesanal, que vai do
século XIII –dende a introdución da actividade no Golfo de Biscaia– ó XVIII; e
a moderna, xa no século XX.
Dende o punto de vista biolóxico
cumpre dicir que na primeira etapa eran os balénidos (balea franca e balea de
Grenlandia), os cachalotes e os xibartes as especies de cetáceos (grandes
peixes) intensamente cazadas, mentres que o foron os rorcuais (azul, común e
norteño) na segunda.
Consonte Valdés Hansen, o primeiro
indicio documentado da pesca da balea remóntase o ano 875 na Normandía e os
termos empregados na designación dos baleeiros, as súas sociedades e pesqueiras
evidencian a orixe ou impronta baleeira escandinava, e máis concretamente,
norueguesa. Os sucesores dos normandos serían os vascos, á súa vez antecesores
dos demais baleeiros do Cantábrico. A introdución e asimilación das técnicas de
construción naval normandas podería ter como referencia na cornixa cantábrica a
vila vasco-gascona de Baiona, onde aparece tamén a primeira cita documentada da
actividade baleeira nesta zona (1059).
O primeiro documento baleeiro en
España aparece contra o ano 1190 no mosteiro de Nájera, nos inicios do proceso
de poboamento do litoral cantábrico: San Sebastián fundárase no 1180 por Sancho
El Sabio, mentres que outras vilas baleeiras igualmente senlleiras, coma Fuenterrabía
(1203), Guetaria (1209) e Motrico (1209), fúndanse moito despois por Alfonso
VIII, mentres que o fóra inda máis tarde a tamén baleeira Zarauz (1237), pero xa
por Fernando III.
A actividade baleeira guipuscoana
vaise estendendo do levante ó poñente, documentándose vía o citado mosteiro de
Nájera, en Santoña (Cantabria) xa no 1190, e en Entrellusa (Asturias) contra o
ano 1232.
A primeira noticia documentada dun
porto baleeiro en Galicia é a do porto de Prioiro (Covas, Ferrol), xa no 1286,
no derradeiro tramo do século XIII, que remite o inicio da súa actividade a
moitos anos atrás, anterior a 1272 e posiblemente contemporáneo coa dos portos tamén
baleeiros de Bares e San Cibrao, aínda que estes non aparezan citados deica o ano
1291.
Xa fora pola perda da importancia
do porto de Prioiro ou por outra razón, xa non volve a aparecer máis ligado a
caza da balea, mentres que Bares e San Cibrao continúan coa actividade baleeira
ata o século XVIII.
Aínda que é posíbel que tamén o
porto de Burela iniciara naqueles tempos a pesca da balea, non se conta con
proba documental anterior ó 1527. E aínda que na Baixa Idade Media tamén
aparece algún indicio documental da actividade baleeira en torno ó cabo Tosto
(pasado Camelle e Aróu, e antes do cabo Vilán), os portos de Caión e Malpica
non se documentan ata o 1530, e o de Camelle no 1559.
A estes portos virían a xuntarse
os de Nois (1605), Rego de Foz ou Masma (1607) e Rinlo (1611), no Cantábrico, e
o de Langosteira-Suevos (1607), no Atlántico. Xa avanzado o século XVII, aínda
que con menor importancia, a actividade comeza en Portocelo e Morás (en ambos
documentada contra 1635) e no XVIII en Foz (1709), Cal Vella en Cangas de Foz
(1714) e Portovello en Augadoce de Forxán (1715).
Nos primeiros tempos, dende o
século XIII ó XV, a actividade baleeira nas costas galegas era desenvolvida
unicamente por pescadores vascos, nomeadamente nos portos cantábricos (San
Cibrao e Bares), e a partires do ano 1530 os pescadores franceses comezan a se
desprazar ós portos galegos atlánticos (Malpica e Caión) por eludir a oposición
dos baleeiros guipuscoanos. A masiva chegada de baleeiros foráneos e a
coincidencia da mingua nas pesqueiras contra 1526 levara ós pescadores locais a
abrir unha fronte contra os franceses e os vascos, acusándoos de contaminar as
augas coa súa actividade facendo desta maneira fuxir á sardiña, protestas que
cesarían cara a 1537, establecéndose en adiante unha paulatina cooperación e
entrada dos galegos no negocio mercantil e pesqueiro.
Avanzando a segunda metade do
século XVI os galegos irían desprazando ós vascos do negocio baleeiro, manténdose
unha certa dependencia humana e material nos portos cantábricos e prescindindo
de calquera participación na captura, aproveitamento e comercialización das
baleas no canto dos portos atlánticos de Malpica e Caión. Xa desde a década de
1550 pódese constatar en San Cibrao, Bares, Caión e Malpica unha certa
actividade baleeira protagonizada polos pescadores, mareantes e mercadores
daqueles portos. No ano 1573 Nicolás Jaspes, mercador asentado na Coruña,
contrataba a once pescadores de San Cibrao e a un mareante coruñés para
establecer en Malpica unha das primeiras armadas netamente galegas para a pesca
da balea.
A finais do século XVI os galegos
tiñan desprazado totalmente ós baleeiros vascos e desenvolveran uns fortes
modelos organizativos, de tipo representativo (concejil) en Malpica e Caión e
mercantil (compañías armadoras) nos portos de Rinlo, Rego de Foz, Nois e Burela,
amais de modelos intermedios nos portos de Bares e San Cibrao.
O meirande protagonismo local, o
descenso nas capturas de baleas e a crise da empresa vasca en Terranova supuxo no
tránsito do século XVI ó XVII a fin das arribadas das embarcacións do leste do
Cantábrico nas costas galegas. Dende aquela a presenza dos vascos vai quedar
limitada a súa contratación polos armadores galegos.
A explotación intensiva da balea
franca ó longo dos séculos, aproveitando mesmo as crías, femias e animais
novos, vai levar á desfeita da especie e case que á súa extinción na segunda
metade do século XVII, podéndoa considerar comercialmente extinta contra o ano
1718, no que se consignan as derradeiras capturas no libro de contas do cabido
de Mondoñedo. E xa na segunda metade do século XVIII todo o aceite de balea e
bacallau que se consumía no norte de España procedía do estranxeiro, cunha
notable sangría económica que levou a recorrer ó saín obtido das cabezas e
vísceras das sardiñas.
Nos máis de dous séculos que van
en Galicia da pesca tradicional da balea á moderna (1718-1924), unicamente os
cetáceos mortos ou moribundos varados na costa serán obxecto de ocasional
aproveitamento polos pescadores locais, así convertidos polo azar en temporais
baleeiros.
Xa nos comezos do século XX, as
innovacións técnicas e a acumulación de recursos financeiros van permitir a
creación de modernas industrias que capturarán na alta mar outras especies
migratorias de grandes cetáceos como os rorcuais, economicamente moi rendibles
pero que rara vez se achegan ás costas.
O sistema produtivo empregado ata
dous séculos antes deixa entón paso á industria baleeira do século XX, que vai
consolidarse coa introdución do canón lanza arpóns, o arpón granada, os barcos
de vapor e as modernas factorías terrestres.
O barco baleeiro de vapor,
primeiro de carbón e de fuel óleo despois (pero sempre con caldeiras de vapor
para evitar a trepidación dos motores), arrombou veleiros e chalupas,
permitindo coa súa maior velocidade e o canón arpoeiro a persecución e caza
sistemática dos grandes mamíferos mariños, os rorcuais, ós que ó insuflarlles
aire cando mortos, levábanse despois flotando ata as factorías terrestres sen
risco de afundimento e perda.
As innovación técnicas,
desaparecido o interese do aceite como combustible para alumeado fronte a
crecente presenza da luz eléctrica, tiveron o seu necesario complemento coa
diversificación no uso industrial dos aceites animais non só para fabricar
xabón, senón tamén para a elaboración de margarina, glicerina, e lubricantes.
No ano 1914 os noruegueses Lorentz
F. Bruun e Carl F. Herlofson creaban en Madrid a “Compañía Ballenera Española,
S.A.”, que tralo retraso provocado pola Primeira Guerra Mundial vai poñer en
funcionamento contra 1921 a súa primeira factoría española en Getares
(Algeciras, Cádiz) e no mes de novembro de 1924 outra factoría terrestre en
Caneliñas (Cee, Coruña). A factoría de Caneliñas estivo abastecida de cetáceos por
catro vapores baleeiros que se incorporaron progresivamente dende finais do
1924 (o Morote), durante a campaña de
1925 (o Caneliñas, o Galicia, e o William Wilson), e comezos do 1926 (o Leslie). Para o transporte da produción contaba co mercante Blus, que afundiu en Caneliñas en 1925 e
cuxos grandes tanques de almacenamento do aceite foran voltos a instalar no Blus II, un buque similar que o substituíra
tralo sinistro.
Uns meses antes, en xuño, a
compañía tamén norueguesa “A/S Corona” fondeaba na enseada de Barra, o norte da
ría de Vigo un buque factoría, bautizado como Rey Alfonso mentres operou en España, e constituía o 4 de xuño de
1925 a “Sociedad Española Corona”. O buque operaba durante o verán en Barra e
trasladábase a Huelva durante o inverno, xa e que o mal estado da mar
complicaba o traballo nas augas de Galicia dos catro vapores baleeiros que
abastecían ó barco factoría.
A vida das baleeiras norueguesas en
Galicia foi tan curta coma intensa e produtiva, e mentres o barco factoría
marchaba definitivamente da praia de Barra ó rematar a campaña de 1926, a
factoría de Caneliñas pechaba na campaña de 1927.
Trala inseguridade xurídica e
económica propiciadas pola Guerra Civil Española, primeiro (1936-39), e a
Segunda Guerra Mundial, despois (1939-45), reaparecen en Galicia iniciativas
empresariais baleeiras: en 1946 a “Industria Ballenera, S.A.” (IBSA) nas instalacións
norueguesas de Caneliñas (Cee, Coruña); en 1955 os irmáns Massó en Punta Balea
(Cangas, Pontevedra); e xa en 1965, no antigo porto baleeiro de Morás (Xove, Lugo),
tamén promovida polos irmáns Massó.
O 3 de outubro de 1947 José Chas
Rodríguez, que pretendía construír unha factoría baleeira na súa salgadeira de
Razo (Carballo, Coruña), conseguía os dereitos de pesca no norte e noroeste de
España entre Estaca de Bares e a desembocadura do Miño, e a comezos do ano 1948
a totalidade do accionariado da “Industria Ballenera, S.A.” (IBSA) había sido
adquirida por Chas e outros empresarios coruñeses, que decidían potenciar a
factoría de Caneliñas en detrimento da proxectada en Razo e construír ademais
unha fábrica de xabón no Pasaxe (Coruña). O 28 de abril de 1952, a factoría de
Caneliñas obtén a ansiada autorización para dedicarse á actividade baleeira en
Galicia.
Os primeiros barcos de IBSA foran
o Caneliñas e o Temerario, adquiridos en Durban (Sudáfrica) a unha compañía
baleeira a finais de 1950. Viría despois o Lobeiro,
que se dedicaría desde 1955 ó abasto por conta de IBSA da factoría dos Massó en
Punta Balea.
Nos mes de outubro de 1962 Gaspar
Massó adquiría dous barcos, o Carrumeiro
e o Cabo Morás, que a empresa dos
irmáns Massó dedicaría a proporcionar cetáceos á futura factoría que
establecerían en Morás.
O 26 de marzo de 1971 as industrias
baleeiras de “Massó Hermanos, S.A.” establecidas en Punta Balea e en Morás
pasaban a formar parte da “Industria Ballenera, S.A.” (IBSA), inda que a
colaboración entre os barcos e as factorías de ámbalas dúas empresas era xa un
feito anos antes. Comezaba entón a derradeira e máis proveitosa etapa de IBSA
ata o cese da súa actividade industrial contra o ano 1985.
Trala campaña de 1976 se retiraban
do servizo o Caneliñas, o Temerario, e o Cabo Morás, substituídos no verán de 1978 polo Ibsa I, Ibsa II e Ibsa III, vellos barcos noruegueses de
máis de vinte anos remolcados en maio de 1975 dende Aalesund (Noruega) a Marín
(Pontevedra), onda foran reparados antes da súa entrada en servizo. O 27 de
abril de 1980 un atentado dun grupo ecoloxista afundía no peirao comercial de
Marín ó Ibsa I e ó Ibsa II, que quedarían xa para o
despece, sinalando o principio da fin desta actividade industrial na Europa.
Na reunión anual da Comisión
Baleeira Internacional de 1982 en Brighton (Reino Unido), acordabase o estabelecemento
dende o 1 de xaneiro de 1986 dunha moratoria que suporía o final da actividade
baleeira en Galicia, e por ende, das últimas factorías baleeiras europeas,
tralo peche da de Skjelnan (Noruega) en 1971, ó que seguiría Morás (1976),
Punta Balea (1983) e, finalmente, Caneliñas (1985).
Fronte a desidia española, a
iniciativa dos habitantes dunha distante localidade norueguesa rescatou por
subscrición popular ó Ibsa I, buque que
fora construído en 1950 nos estaleiros de Middlesbrough (Inglaterra, Reino Unido)
e navegara primeiro dez anos no Antártico, outros dez no Ártico, e que tras
render os seus derradeiros servizos ós baleeiros galegos, esperaba no outono de
1989 o seu despezamento no seo de Cee, e que é agora un museo flotante en
Sandefjord (Vestfold, Noruega), a vila balnearia, baleeira e construtora de
barcos dos seus beneméritos salvadores.
Construcción:
En 1965 pola compañía “Massó Hermanos, S.A.”, para
empregala como base de operacións independente e allea á zona de exclusividade
da “Industria Ballenera, S.A.” (IBSA), concesionaria de tales dereitos de pesca
en Galicia entre a Estaca de Bares e o río Miño.
Abandono:
Foi a derradeira a campaña de 1976, e tralas negociacións
coa empresa Alúmina Española-Aluminio Español, xa no verán do ano 1977 vendíase
a factoría de Morás, seis anos antes do peche da factoría de Cangas (1983) e oito
anos antes do peche da de Caneliñas (1985), o que suporía a fin da actividade
baleeira en Europa.
Descrición:
A finais de 1962, xa coa factoría
baleeira de Cangas en explotación, os irmáns Massó ampliarían a súa capacidade
para a actividade baleeira o adquirir os terreos, edificios, maquinaria, barcos
(o Carrumeiro e máis o Antoñito Vera, que sería rebautizado
como Cabo Morás) e dereitos de pesca
que posuía a “Compañía Ballenera Española, S.A.” (CEBSA) en Getares (Algeciras)
e que lle foran embargados polo Banco de Crédito Industrial.
Coa nova capacidade acadada, e limitados
na posibilidade das capturas polos dereitos exclusivos que tiña a “Industria
Ballenera, S.A.” (IBSA) nas augas galegas, optaron por buscar un novo
emprazamento ó leste da Estaca de Bares, libre da zona exclusiva da IBSA: o
lugar finalmente elixido para a nova factoría e base baleeira sería o portiño
de Morás, na costa luguesa no poñente de San Cibrao. Nesta nova factoría
instaláranse catorce autoclaves de catorce toneladas de capacidade cada un, e
contratarase a dous despezadores da factoría de Getares e máis ó que fóra
xerente da factoría de Caneliñas.
As instalacións ocupaban algo máis
de dez mil metros cadrados, e contaban cun completo sistema de elaboración e
separación de aceites (que incluía sistemas para a desodorización dos vapores
dos cocedoiros), unha capacidade de almacenamento de 2.000 toneladas de aceite
en bidóns e un frigorífico conxelador para a carne de balea destinada ó consumo
humano. Para o arrastre e varada dos cetáceos no interior da factoría
instaláranse seis cabrestantes.
A capacidade anual nominal da
factoría era de 2.000 toneladas de aceite, 100 toneladas de carne para consumo,
800 toneladas de fariña, e 150 toneladas de fariña de ósos.
Con o vapor baleeiro amarrado no
peirao da factoría, na ribeira esquerda do portiño de Morás, o animal era
arrastrado coa axuda dun chigre pola rampla de varada ata a explanada de
traballo onde pegábanlle ó cetáceo os primeiros cortes, separándolle cabeza e
queixada do resto do corpo, arrancándolle tamén coa axuda dos chigres a capa de
pel e graxa da que se obtiña o aceite de mellor calidade. A plataforma de
despece, inicialmente descuberta como a de Cangas, cubriríase anos máis tarde
cun teito de “uralita” (fibrocemento).
Os grandes cachos de carne e masa
muscular se arrastraban cos croques ou bicheiros ata a tarima na que un grupo
de mulleres os limpaba e cortaba en tallos máis pequenos para o seu
almacenamento nas cámaras frigoríficas da factoría.
Os restos de todo o proceso
produtivo, unha vez deshidratados na secadora, moíanse para vendelos como abono
(fariña de peixe) á industria especializada na elaboración de fertilizantes.
Trala venda no ano 1977 as
instalacións pasaron a integrarse coas de Alúmina Española-Aluminio Español, a
empresa adquirinte, que as emprega como almacén para as escoiras orixinadas na
fábrica.
Tempo de uso:
Pesca marcadamente estacional, con campañas de verán para
a captura en alta mar dos grandes cetáceos.
Sistema de produción:
A industria baleeira do século XX
vai consolidarse coa introdución do canón lanza arpóns, o arpón granada, os
barcos de vapor e as modernas factorías terrestres.
O barco baleeiro de vapor,
primeiro de carbón e de fuel óleo despois (pero sempre con caldeiras de vapor
para evitar a trepidación dos motores), arrombou veleiros e chalupas,
permitindo coa súa maior velocidade e o canón arpoeiro a persecución e caza
sistemática dos grandes mamíferos mariños, os rorcuais, ós que ó insuflarlles
aire cando mortos, levábanse despois flotando sen risco de afundimento ata as
factorías terrestres.
As innovación técnicas,
desaparecido o interese do aceite como combustible para alumeado, tiveron o seu
necesario complemento coa diversificación no uso industrial dos aceites
animais: elaboración de margarina, glicerina, xabón ou lubricantes.
Unha vez capturado o animal, os
buques dispuñan de unhas quince horas para chegar á factoría antes de que a
carne comezase a estragarse.
Xa na factoría a balea pelábase,
despezábase e tallábase, cocendo nas caldeiras as partes máis acaídas para a
elaboración do aceite, separando a carne apropiada para á alimentación e
deshidratando todo tipo de restos nunha caldeira de alta temperatura para a
elaboración de abono (fariña de peixe).
Actividades laborais:
Pola marcada estacionalidade da pesca, a industria baleeira
empregaba persoal fixo-descontinuo, contratado co comezo de cada campaña e dado
de baixa ó rematala. Entre campaña e campaña mantíñanse os postos
imprescindibles de dirección, administración, laboratorio, mantemento e
vixilancia. Durante a campaña contratábanse homes para a varada e despezamento
do cetáceo na plataforma e mulleres para o tallado da carne, e algúns oficios
precisaban de unha certa competencia ou especialización, como os do encargado
do laboratorio, os despezadores principais, os empregados no taller de fragua e
carpintaría, os encargados dos autoclaves e os responsables dos chigres.
Emprego:
A factoría chegou a contabilizar un máximo de setenta empregados, moitos deles unicamente para atender nos
momentos nos que as boas capturas enchían de rorcuais e cachalotes a pequena
enseada do Portiño de Morás. Ademais hanse contar as tripulacións dos baleeiros
que subministraban os cetáceos, de uns quince homes por barco.
Materias Primas:
Rorcual azul (Balaenoptera
musculus), rorcual común (Balaenoptera
physalus) e rorcual norteño (Balaenoptera
borealis), amais de cachalote (Physeter
macrocephalus).
Produtos Elaborados:
Aceites para usos industriais e carne para alimentación.
Fariña de peixe para fertilizantes agrícolas, obtida pola deshidratación e
pulverización dos restos dos osos, carne e vísceras. Polo prezo tivera moita
importancia a venda de ámbar e dos dentes dos cachalotes.
Distribución e comercialización:
Os destinos principais do aceite eran industrias
bilbaínas e barcelonesas, ademais de industrias galegas de Vigo e Coruña. A
carne vendíase, ademais de localmente, na meirande parte dos mercados do norte
español (Madrid, Bilbao, Zaragoza, Barcelona, etc.).
No ano 1972, e previo acordo coa
viguesa “Auxiliar Conservera, S.A.” (AUCOSA), especializada en la manipulación,
conservación en frío y exportación de peixe en grandes cantidades, comezan as
exportacións de carne de cetáceo ó Xapón, o que marcaría a etapa de meirande
prosperidade da industria baleeira galega. Técnicos xaponeses e coreanos
supervisaban o despece, tallado e clasificación da carne, garantindo coa súa
sinatura a correcta manipulación da mesma a satisfacción dos clientes
asiáticos.
Referencias Bibliográficas:
Aguilar, A.; Alpuente, M.; Lorrio, F., 2006: A factoría baleeira Massó: fotografías de
Félix Lorrio. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia. DL
C-1508-2006. ISBN 978-84-453-4310-4.
Canoura Quintana, A.,
Carmona
Badía, X., 1990, “Crisis y transformación de la base industrial gallega, 1850-
Carmona
Badía, J., y Nadal Oller, J., 2005. El
empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña:
Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.
Carreras
Candi, F. (dir.), 1928, Geografía General
del Reino de Galicia, trece volúmenes, Editorial Alberto Martín, Barcelona,
reedición facsimilar en 1980, Ediciones Gallegas,
Crespo
Alfaya, C., et al., 1983. A pesca en Galicia. A Coruña: Escola
Aberta. DL C-920-1983. ISBN 986-542921.
Donapetry
Iribarnegaray, J., 1953, Historia de
Vivero y su Concejo, edición facsímil de 1991 de
Fernández Casanova, C., 1998, “Cambio económico,
adaptacións e resistencias nos séculos XIX (dende 1870) e XX”, Historia da pesca en Galicia, Carmen
Fernández Casanova (coord.), Santiago de Compostela: Universidade de Santiago
de Compostela, p. 139-206. ISBN 84-8121-719-0.
Fernández del Riego, F.,
Ferreira Priegue, E.M., 1988. Galicia en el comercio marítimo medieval.
Ferreira Priegue, E.M., 1988. Galicia en el comercio marítimo medieval.
Ferreira Priegue, E.M., 1998, “O desenvolvemento da
actividade pesqueira dende a alta idade media o século XVII”, Historia da pesca en Galicia, Carmen
Fenández Casanova (coord.), Universidade de Santiago de Compostela, Santiago de
Compostela, pp. 71-86. ISBN
84-8121-719-0.
Giráldez
Rivero, J., 1996. Crecimiento y
transformaciones de la pesca en Galicia (1880-1936). Madrid: Ministerio de
Agricultura.
González Echegaray, R., 1978. Balleneros cántabros. Santander: Institución Cultural de Cantabria,
p. 38. ISBN 84-85349-01-6.
Iglesias Almeida, E., 2006, Tráfico marítimo e fluvial nos portos do sur da provincia de Pontevedra
(séculos XIII-XVII), limiar de Clodio González Pérez, Toxosoutos, Noia.
D.L. C-2302-2006. ISBN 84-96673-08-1.
Labarta Fernández, U.,
Lara Coira, M., 2009, “La pesca en Galicia hasta
López
Capont, F., 1998, El desarrollo
industrial pesquero en el siglo XVIII: los salazoneros catalanes llegan a
Galicia, Fundación Pedro Barrié de
Massó
García, G. 1967. Origen y desarrollo de
la industria conservera en Galicia. Vigo.
Meijide
Pardo, A., 1971. Economía marítima de la
Galicia cantábrica en el siglo XVIII, Valladolid.
Ménard, C., 2008. La pesca gallega en Terranova,
siglos XVI-XVIII. Madrid: Consejo Superior de Investigaciones Científicas,
Universidad de Sevilla y Diputación de Sevilla. DL M-57.791-2008. ISBN
978-84-00-08741-8.
Pardo Gómez, F., 2002. La navegación a vela en la
mariña lucense. Lugo: El Progreso. DL LU-72-2002.
Pardo Gómez, F., 2008. Historia de San Ciprián.
Lugo: El Progreso. DL LU-26-2008.
Pazos Pérez, L.J., 2000. Ballenas y balleneros en
Galicia. Vigo: Tórculo. DL VG-1042-2000. ISBN 84-607-1553-1.
Pazos Pérez, L.J., 2008. Balleneros.
Barcos-Factorías… Siglo XX. Pontevedra: Damaré Edicións. DL PO-308-2008. ISBN
978-84-935835-5-2.
Rey Escariz, A., 1912. “La pesca de la ballena en
las costas gallegas”. Boletín de
Rodríguez
Ojea, F. (coord.), 2000, Grandes
empresas, grandes historias de Galicia,
Sáñez
Reguart, A., 1791-1795: Diccionario Histórico de los Artes de la Pesca
Nacional. Madrid, 1791-1795. Reedición a cargo del Ministerio de
Agricultura, Pesca y Alimentación, Madrid, 1988.
Taboada
Arceo, A., 1971. Galicia, estructura y
ritmo socio-económicos. La Coruña: Servicio de Estudios y Publicaciones de
las Cámaras Oficiales de Comercio, Industria y Navegación de Galicia. DL C-145-1971.
Valdés
Hansen, F., 2010. Los balleneros en
Galicia (siglos XIII al XX). A Coruña: Fundación Pedro Barrié de
Vallejo Pousada, R., 2003. "Historia da pesca en
Galicia. (Das orixes ata o século XVIII)", Pontevedra. Revista de
Estudios Provinciais, 19, 2003, p. 153-178.
Vázquez Varela, J.M., 1998, “O aproveitamento dos
recursos mariños na prehistoria e a antigüidade de Galicia”, Historia da pesca en Galicia, Carmen
Fenández Casanova (coord.), Universidade de Santiago de Compostela, Santiago de
Compostela, p. 13-49. ISBN
84-8121-719-0.
Índice de mapas e planos:
Localización no
Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 3-III San
Cibrao // Fuso 29 // X 622.894,41 / Y 4.841.784,76