116 Compañía Viguesa de Panificación (A Panificadora)
- Provincia: Pontevedra
- Concello: Vigo
- Coord. Xeográficas - Latitude: 42.23572051457099
- Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.72803419828415
- Coordeadas UTM: Huso 29 / X 622,67 / Y 4.676,22
- Clasificación: Fábrica de pan, fariñas e derivados
- CNAE: 10.71 Fabricación de pan y de productos frescos de panadería y pastelería. 10.61 Fabricación de productos de molinería.
- Tipoloxía: Fabricación automatizada e continua
- Comarca: Vigo
- Acceso: Pola rúa da Falperra. Pódese mirar dende a praza do Concello.
Tipo de propiedade:
Visitable:
Historia:
No ano 1903, con apenas quince anos, chegaba ó porto de Vigo o mozo lugués Antonio
Valcarce García. Nado en Ferreira de Pantón, en casa grande e fidalga, deixara
o seminario de Lugo sen rematar os estudos, marchando cara ó mar con idea de
embarcarse para América en busca de fortuna.
En Vigo atopou traballo nunha panadería e despois de dez anos de traballo,
aprendizaxe e aforros, con José Abalde González constituía no mes de abril de
1914 a sociedade “Valcarce y Abalde”, dedicada á fabricación de pan nun local
do barrio de Casablanca.
Baixo a marca comercial “La Espiga de Oro”,·axiña a súa panadería ía
converterse na meirande de Vigo, e contra 1918 producía mil cincocentos
quilogramos de pan diarios, por diante dos mil que elaboraba a tafona do seu
cuñado Ángel Reboreda e do novecentos da Cooperativa Socialista.
En novembro de 1920, Antonio Valcarce xunto con outros catro panadeiros
constituía a “Compañía Viguesa de Panificación, S.A.” (La Panificadora), dedicada
á fabricación e a á venda de pan, e á moenda e venda de grans e cereais. O
propósito de Valcarce era emprender a fabricación de pan mediante procesos
continuos empregando as mais novidosas técnicas das industrias de panificación
centroeuropeas.
En 1921 Valcarce recorría diversas fábricas europeas e finalmente contrataba
en Alemaña a maquinaria para a construción dunha fábrica de panificación
automatizada cunha capacidade máxima de elaboración de cincuenta toneladas
diarias, e adquiría para ela na rúa da Falperra a parcela coñecida como “Campo
de redes”.
En 1923 o arquitecto vigués Manuel Gómez Román recibe o encargo de
realización do proxecto da Panificadora, no que participarían para a resolución
das instalacións fabrís o enxeñeiro Otto Werner e o técnico Jürgen Buchl, da
subministradora alamana “Werner und
Pfleiderer”. O conxunto da instalación fabril con planta en forma de ele e cos
catro silos que a complementan entra en funcionamento no mes de novembro de
1924, sendo daquela a máis moderna das industrias do seu tipo en España e
destacando pola hixiene das instalacións (chan impermeable, paredes de ladrillo
esmaltado en branco, cuartos para os obreiros, retretes, urinarios, lavabos e
duchas con auga quente) e dos propios procesos (as mans so tocaban o pan ó
recollelo das moldeadoras para levalo ós taboleiros).
A liña continua de panificación, cunha capacidade
de cincuenta toneladas diarias, supera con moito ó consumo de pan na cidade,
polo que o empresario ten coma obxectivo deixar obsoleta a produción doméstica
e a das pequenas tafonas, substituíndo a unha gran parte dos fabricantes
artesanais de pan en Vigo e na bisbarra, abastecendo ás institucións e
incorporando novos consumidores de pantrigo.
A estratexia pasa por introducir no mercado pans
baratos, hixiénicos e novidosos, reemprazando os modestos postos de despacho de
pan por luxosos quioscos deseñados con estruturas de madeira e cristal que
contribuirían o embelecemento da cidade.
A innovación da fábrica e do proceso completábase coa innovación no
produto: ademais dos formatos de pan tradicionais, a Panificadora comezará
fabricando o “pan de ración”, dirixido a colexios, hoteis, tabernas, fondas,
etc.
A dimensión do proxecto e os conflitos sociais e corporativos fixeron que
algúns dos socios abandonaran a empresa, abrindo de novo as súas vellas tafonas
e reavivando a competencia. A Panificadora reaccionou reducindo os prezos e
–sobre todo– comezando a produción de fariñas. O edificio principal amplíase en
varios andares para acoller a sección de moenda, e en 1931 estaba rematada a
nova fábrica de fariñas cos seus catro grandes silos de formigón armado de
sección circular rematados por un miradoiro sobre a ría, dende aquela silueta inseparable
do horizonte da cidade. Unha nova ampliación, con seis novos silos de sección
ovalada, tamén construídos en formigón armado e comunicados co edificio
principal por unha pasarela e un túnel, virían a sumarse ó conxunto contra o
ano 1940.
A facilidade do comercio de gran con Arxentina en cos Estados Unidos na década
de 1930 supoñía unha importante vantaxe competitiva, polo que a Panificadora
comeza a distribuír fariñas por toda España, e Valcarce decide ampliar a
capacidade de moenda aproveitando o vello edificio da rúa García Barbón no que
a “Molinera Gallega” fabricara fariñas ata os primeiros anos do século XX e que
viña dende entón sendo aproveitado como colexio.
As dificultades coa licenza municipal o fan abandonar o novo proxecto en
Vigo, e entón Valcarce faise coa fábrica de fariñas de Peñaranda de Bracamonte
(Salamanca), que comezaría a traballar a finais do ano 1936. A Guerra Civil foi
un período favorábel para a empresa, que unha vez superados os problemas de
transporte e abasto dos primeiros meses, viu medrar substancialmente as súas
vendas de pan, mesmo convertendo ó exército rebelde nun dos seus principais
clientes. Os beneficios crecen de tal maneira que a Panificadora adquire en
1938 outra fábrica de fariñas, desta volta en Fontiveros (Ávila).
Trala guerra o intervencionismo do goberno franquista obriga á busca de
estratexias para captar cartillas de racionamento e clientes institucionais. A
Panificadora xa acaparaba trinta mil cartillas en marzo de 1943, e
subministraba pan á Escola de Transmisións e Electrónica da Armada (ETEA) en
Marín, ó cuartel vigués de Barreiros, ó campamento pontevedrés de Figueirido,
ós campos de prisioneiros de Camposancos e de Santa María de Oia, á Sociedade
de Armadores, á flota pesqueira de Bouzas…
Malia os contratempos, a posición da Panificadora no mercado vaise
reforzando, e Valcarce decide aumentar a produción na fábrica da Falperra, para
o que presenta en 1941 un proxecto de ampliación que lle permitiría pasar de
vinte e catro a trinta e cinco ou corenta toneladas diarias, para o que
finalmente recibe autorización en 1946.
A abundancia de recursos líquidos nestes anos levou a Antonio Valcarce a
entrar noutras actividades económicas: accionista maioritario en “Tranvías
Eléctricos de Vigo, S.A.” e membro constituinte de “Vidrios La Florida, S.A.”
contra 1943, e mesmo socio en 1954 na banca “Viñas Aranda”, que se convertería
en 1957 no “Banco de Vigo, S.A.”
Cara á década dos anos 1960, a Panificadora, que fora unha empresa punteira
no seu sector en España, ten unha maquinaria en gran parte obsoleta e unha
estrutura empresarial familiar e paternalista. Ademais coa paulatina superación
da posguerra e o aumento da renda familiar, o pan vai perdendo protagonismo
nutricional e as ventas decaen. Valcarce concibe entón a idea do aproveitamento
dos salvados e de outros subprodutos da actividade tradicional de elaboración
de pan para a fabricación de pensos compostos, masas alimentarias e outros
produtos afíns.
En 1962 crea dentro do mesmo recinto da Panificadora a empresa “Gallega de
Nutrición Animal, S.A.” (GANASA), para a elaboración de pensos compostos e
masas alimentarias, habilitando coa mesma obra os baixos do edificio da
Falperra como locais comerciais. Continuando coa integración vertical, esta
novas empresa participaría na creación da “Productora Avícola do Noroeste,
S.A.” (PROANASA), granxa dedicada á produción e comercialización de polos e
ovos de galiña.
Xa na década de 1970, Valcarce comeza a elaborar tamén pasta de fariña para
a masa dos conxelados, industria da que Vigo convertérase en indiscutible
referencia española, e a liña de empanados e ultraconxelados de Pescanova
convértese no principal cliente da Panificadora.
En novembro de 1968 “Tranvías Eléctricos de Vigo, S.A.” presentaba
expediente de crise. Pouco despois, en 1970, o Banco de Vigo pasaba ás mans do
Banco Popular. En 1971 “Vidrios La Florida” sofre crecentes complicacións pola
competencia da factoría vidreira que o grupo Álvarez levantara en Cabral,
“Vidrios Automáticos del Noroeste, S.A.” (VANOSA). O vello edificio da
“Molinera Gallega” na céntrica rúa García Barbón é derrubado, levantándose no
seu soar un edificio de pisos.
En 1977 “Vidrios La Florida”, impotente ante a subida dos custos
enerxéticos, a caída da demanda e a competencia de VANOSA, pecha temporalmente para
reparar os graves danos causados na fábrica por unha tormenta, pero xa non
volve a abrir e un ano despois remata por pechar definitivamente.
En xaneiro de 1978 morre Antonio Valcarce. No mesmo ano, Pescanova monta a
súa propia fábrica de masas de conxelados no Porriño, e GANASA declárase en
quebra ó perder o seu primeiro cliente. En 1979 hipotécase a factoría da
Falperra para facer fronte os pagos de PROANASA. En 1980 a Panificadora
suspende pagos e no 1981 a liña de produción pecha definitivamente tras
cincuenta e seis anos de ininterrompidos traballos.
Dende entón o edificio fica a súa sorte, namentres a súa propiedade entra
nun círculo de especulación inmobiliario: o Concello de Vigo planea o seu
derribo para promover a construción de vivendas, aparcadoiros e locais
comerciais.
Construcción:
Abandono:
Tempo de uso:
Sistema de produción:
Materias Primas:
Produtos Elaborados:
Distribución e comercialización:
Referencias Bibliográficas:
Entremos
na Panificadora, 2009. Compañía Viguesa
de Panificación [en línea]. Disponible
en Internet: http://www.entremosnapanificadora.com [Último acceso 4 de outubro do 2010].
Carmona
Badía, J., y Nadal Oller, J., 2005. El
empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña:
Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.
Cunqueiro
Mora, A., y Álvarez Blázquez, J.M., 1980. Vigo
en su historia. Vigo: Caja de Ahorros Municipal de Vigo.
Facal
Rodríguez, M.J., 2006, “Antonio Valcarce García (1888-1978)”, Empresarios de Galicia, Xoán Carmona
Badía (coord.), Centro de Investigación Económica e Financeira (CIEF) e
Fundación Caixa Galicia, Coruña, p. 362-385. ISBN 84-96494-83-7.