Hispania

20100309 006

Emblema de Hispania, S.L. (Manuel Lara, 2010)

Aínda que non é o mellor xeito de comezar o ano, son varias as leccións que podemos –e debemos– tirar da perda da vella fábrica de lapis ferrolá.

Vinte e cinco anos de demoras e despropósitos, favorecendo a ruína do que podería mesmo chegar a ser parte do noso patrimonio, son sen dúbida un período longo de mais para que se poida aceptar de ninguén calquera esbozo de desculpa.

Como cidadán, espantan os prexuízos que semellante demora ocasionaría aos propietarios das vellas instalacións, imposibilitados de levar a termo os plans que para a súa propiedade imaxinaran.

Como cidadán, avergoñan os custos e o lucro cesante que para o barrio suporía semellante mostra de desleixo e abandono no que merece ser o noso mellor escaparate marítimo.

Como cidadán, irrita a inepcia dos administradores dos nosos impostos, quen se mostraron incapaces de liquidar coa exixible dilixencia un caso que, independentemente do resultado, só veu a prexudicar un pouco máis ao ben común.

Como cidadán, en definitiva, apesara a incapacidade de todos para deseñar –sen que iso supuxese unha carga máis para a economía común– un futuro posible e viábel para tan notable mostra da brillante industria ferrolá do século vinte.

Temos aquí un exemplo máis do dano que ocasiona a falta de planificación (ou a facilidade para alterala segundo os intereses de quen goberne), e a disputa política que se aproveita do prexuízo a terceiros, pero que prexudica a todos pretendendo facernos crer que a quen lesiona é ao seu adversario.

Non é admisíbel seguir a pensar que a protección patrimonial ten que ser en todo caso asumida polos poderes públicos. Tampouco é de recibo que se nos argumente con exemplos do que se fai noutros lugares: temos entre nós mostras dabondo da cultura da subvención, da súa inutilidade e dos custos que supón para todos. Non se pode –por exemplo– comparar a recuperación da central eléctrica londinense de Bankside (que acolle desde o ano 2000 a Tate Modern) e o favorable impacto que orixinou na economía local, coa desolación que mostran a maior parte dos nosos contedores culturais e o custo que supoñen ao erario público.

Partindo do feito certo da imposibilidade de conservar todos os bens que considerásemos merecentes diso, a protección do que nos importa debe ir asociada a un forte compromiso cidadán, que –máis aló de declaracións tan inanes como grandilocuentes– parta da esixencia irrenunciábel do bo emprego dos nosos impostos, e que non acceda á dócil aceptación irreflexiva e acrítica das ocorrencias oportunistas de ninguén.

Pode que perderamos unha batalla, pero seguiremos loitando ata gañar a guerra.

20081210 Fábrica de lápices 019

Author

Related

Comments

No Comments Yet!

You can be first to comment this post!

Post Reply

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.